Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

07 agosto, 2007

O roteiro do 4/8/2007: Testemuño gráfico do roteiro á Mariña Lucense: de Barreiros a Ribadeo











06 agosto, 2007

Miscelánea

Carballos da miña carballeira



Que sempre estivestes na miña retina,
onde queira que desterrado andei:
Primeiro nas areas daquel deserto
onde os meus carballos se volveron espiñosos,
cactos,
punzándome a alma cada vez que vos lembraba.
¡Deus, que diferente foi o daquelas andoriñas
que comigo emigraron
pois elas precisaban calor
físico
para os seus corpos aterecidos,
pero a min, coa secura africana,
íaseme o zume da alma galaica,
criada na verdura dun castro verde;
tanto,
que se me quedou erma, sen bagoas e sen poesía!
Outro desterro tiven,
despois,
cando menos o esperaba,
daquela que me esfargallaron o niño,
pero grazas ao señor “Ford”,
nesta ocasión podía ir, e volver, e volver a ir,
a miúdo;
achegarme ao berce,
e chorar sobre o verde do meu contorno
natal
coa esperanza de que das miñas bágoas,
das de agora,
cal fluxo de araña,
algún día,
esta andoriña,
o seu niño reconstruiría,
¡así tivese que manterme de landras!
Carballos da miña carballeira,
xa podo ve-lo amencer cabe vosa,
á vosa sombra,
así que estou seguro de que as miñas cinsas,
algún día,
resucitarán nun corpo glorioso,
tanto,
que incluso formarei parte
desas follas vizosas.
¡Grazas, Señor, pola carballeira,
e tamén polo niño,
por este castro dos meus entregos
ao que me permitiches volver,
por fin,
libre e definitivo!

Xosé María Gómez Vilabella


Miscelánea

De mouros e cristiáns.

Sinatura, materia ou disciplina pendente.

-II-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

.../...

Precisamente foi Mahoma quen sacou doutra crise histórica, rabiosamente anárquica, ás tribos árabes, daquela, a principios do VII, segundo queda dito.

Mahoma, que tampouco puido ser profeta na súa terra, na súa Meca, fuxiu cara adiante, logrando vitoria da súa derrota, triunfando das burlas que recibían as súas doutrinas, que así comezou a súa hégira cara Yatrib, concretamente á posta do sol do xoves 15 de xullo do 622. Hábil político, e non un Saddam calquera, decidiuse a reconquista-los votos, pola forza das verbas maiormente.

Lembremos que daquela xa levaba once anos de campaña electoral, financiado polos cartos da Jadisha, e non era cousa de recuar por moito que lle ladrasen os cans da Meca.

No 611 Mahoma tiña 25 anos, e Jadisha, 40. Con diñeiro e con tempo libre, dedicouse a meditar; el coñecera na súa viaxe a Siria ao monxe cristián Nestorio, ao parecer moi venerado naquel país, e aparte das naturais inquedanzas relixiosas do ser humano, algo de envexa lle debeu entrar polo status, polo predicado, daquel predicador. Tamén lle resultou admirable a cohesión interna da xente do Libro, e aí si que marrou bastante pois as diverxencias entre os xudeus, conservadores, e mailos cristiáns, aqueles revolucionarios do Novo Testamento, eran abismais. Un cameleiro non se podía quedar definitivamente en Siria, nin buscar aos opositores de Nestorio para contrastar doutrinas, así que ben aprendeu, e ben atendeu, para unha soa viaxe.

Alí na Meca, reflexivo como bo árabe, pasou once ou doce anos dixerindo o nestorianismo, o xudaísmo e maila doutrina cristiá. De todo aquilo sacou en claro que Deus-Deus só había un, o de Alá, o do mundo xudeu; que os ídolos da Meca eran ridículas concepcións contraditorias; e de paso, informouse de que o Deus verdadeiro acostumaba falar por boca dos seus profetas.

Nestas andaba cando se lle acendeu un vagalume na curota do cranio, e daquela caeuse en crequenas na súa alfombra. Púxose a desenrolar ideas coma quen desenrola un turbante; e deu de berros chamando pola Jadisha. Mahoma, Mohamed, non dixo “¡Eureka!”, non, que iso era pouco para a fantasía árabe. Seguramente dixo, “¡Jadisha, atopeino!”. Ela, a viúva apaixonada polo seu mozo, seguro que pensou mal daquela, ao verlle rasca-la caluga, pero o seu Mohamed aclarouse deseguida, rotundamente: ¡Non hai máis Deus que Alá; e Mahoma, eu mesmo, son o seu profeta! Daquela mesmo, naquel intre histórico, empezou o seu proselitismo; e asegurouse de contado catro votos: o da propia Jadisha, seu primo Alí, o seu liberto Zeid, e tamén un amigo, un catacaldos daquela casa rica, que se chamaba Abu-Bakr, que vén a se-lo “Petrus” do islamismo.

Isto non vos ten nada de broma, que moitos partidos naceron con menos adeptos; e ningún, nin o de Carlos Marx, chegou a ter tantos crentes, nin tan fanáticos coma o Islam, que, repito, significa, nada máis e nada menos que, illamento, entrega absoluta a Deus.

Iniciado en Yatrib o poder político de Mahoma, ata logrou cambiarlle o nome, que pasou a ser Medina, a cidade por excelencia. Saíunos tan dialecticamente astuto, que só a el podía ocorrérselle lanzar un puñado de area á cara dos seus inimigos e afervoar aos trescentos seguidores que xa tiña daquela, con esta cominación: “Que a face dos nosos inimigos se cubra de confusión”. O que non din os historiadores, pero cabe supoñelo, é que Mahoma e mailos seus se puxeron de cu para o vento, que é a forma de loitar no deserto. Ao ano seguinte xa contaba con dez mil afiliados, todos eles militantes, así que, con aqueles votos tras de si xa puido volver á meca en peregrinación triunfal, ou sexa, unha especie de marcha verde. Derribou tódolos ídolos que rodeaban a Caaba e foi considerado definitivamente como caudillo relixioso da arabía.

Pícaro e astuto, si, pero honorable tamén; e isto hai que subliñalo porque os cristiáns estamos educados, e tentados sempre, en tomar a Mahoma por un salteador de caravanas, ou por un predicador satánico, que de aí sacou o Salman Rushdie o seu merchandising publicitario. Sentíndose nas últimas, en Medina, pediu que o levasen á mesquita; alí recitou a oración pública e preguntou aos presentes se había ofendido a alguén, ou se debía algo. Unha vella reclamoulle tres dracmas, tres miserables dracmas; entón, Mahoma, todo un señor, aínda que naquel transo, mandou que lle desen á vella os tres cobres, e díxolle, seica todo afectuoso e cordial, que lle agradecía que llo houbese recordado alí na terra, e non no Ceo, onde di moi mal unha vella calderilleira.

Morreu en Medina o oito de xuño do 632; e eu, pola miña parte, conto con poder preguntarlle, nun dos ceos, aínda que supoño que el estará no sétimo, que é o das hurís, bañándose na Mesopotamia celestial, que foi de tal vella, pois seguro que anda de ama de chaves deses xudeus do Wall Street americano.

Agora permitídeme que lle demos un repasiño ao Corán. ¡É unha marabilla de libro! Na complexidade do Al Qurán atópase de todo, incluso aleias poéticas; e xa non digamos profunda filosofía e socioloxía, que diso ten un montón. Analistas que o estudaron moi a fondo marabíllanse, principalmente, da preocupación de Mahoma, da súa obsesión, polo Xuízo Final. Un home con tales ideas é, cando menos, un afanoso da verdade, da xustiza e da perfección.

Mahoma recoñece en Cristo a súa feitura de milagres, e admite que el niso non lle iguala. Teño para min que se recibise a súa ilustración relixiosa dun modo máis ortodoxo, menos mesturado ou revolto, máis directo dende as fontes limpas, teríamos en Mahoma un segundo Saulo de Tarso; pero aínda así, o seu esforzo por achegarse á verdade, por descubrila, é encomiable. Alguén pode dicir que foi un mentireiro xa que inventou unha revelación transmitida polo Arcanxo Gabriel... En canto a isto non serei eu que defenda que o fin xustifica os medios, en pura ortodoxia cristiá; mais no caso de Mahoma, nas súas circunstancias e nas do seu entorno, no seu proxecto aglutinador, esa invención foi algo así como unha mentira piadosa, liberadora do caos, do absurdo, daquela anarquía idolátrica e cavernícola, fetichista e sabichona do Oriente Medio.

Censuremos nos musulmáns que se quedasen instalados no relanzo da escaleira, século tras século; pero exaltemos en Mahoma que os houbese subido a ese estadio, a esa altura, en só dez anos de construción, de formulación, ideolóxica.

¿Por qué se estancaron na metade do Libro? Levo medio século de Domunds e aínda teño por oír, ou por ler, que ningún dos nosos apóstolos actuais, vulgo predicadores, fixese un profundo exame de conciencia para comprendelos, e con iso dar coa fórmula axeitada para axudarlles a saír dos seus erros, en aplicación do noso Ide predica-lo Evanxeo...

Aquí debo facer unha mención expresa, unha exclusión, da Orden Franciscana, na que tivemos recentemente homes tan brillantes, precisamente nas misións do Magreb, como foi o Padre Pais, Pedro Pais, que se veu para Lugo, desde Safí (no antigo Marrocos francés), esgotado dos seus esforzos e derreado pola súa enfermidade de Parkison; e por suposto, aquel espello de ciencia e de virtudes que foi o lugués, (do Corgo), Monseñor Dorrego Aldegunde, de Arcebispo de Tanger, ámbolos dous moi queridos e ben estimados polos musulmáns, nun fraterno quif-quif, en particular pola súa humildade e frutífera convivencia.

Cos musulmáns só vale o exemplo persoal do misioneiro, tal que a sinxeleza seráfica dun franciscano; pero, lamentablemente, sempre estiveron rodeados e colonizados por cides que fomos á terra dos mouros buscando ouros, e portando espadas, copas e bastos.

É certo, insisto, que levan catorce séculos sentados, contemplativos, no relanzo desa escaleira á que chamamos progreso, pero, ¡séntense tan cómodos así! Non esquezamos que o Corán ten unha ética pasota, sensual, feita á medida dos desertos, séxase, sesteadora. Teñen no seu Corán canto lles pide o corpo:

. Inmortalidade da alma, no senso de emigración ou de retorno ao paraíso perdido, que é algo así como una morriña común a tódolos seres humanos, algo que levamos nas entretelas, tanto do corpo como da alma.

. Un sentido da xustiza niveladora niso de que o Arcanxo Gabriel pesará as ánimas, o seu ánimus e mailo seu facio.

. Cargos no Ceo para os mellores, esplendidamente retribuídos, pois Mahoma, de parte do Arcanxo, deixou dito que: “Os máis favorecidos de Deus serán aqueles que contemplen a súa cara, a súa presenza, de noite e de día, felicidade meirande que tódolos praceres dos sentidos, como o océano comparado co orballo”.

¡Ante isto, non me digades que pode haber unha filosofía máis estimulante nin máis poética!

En canto aos deberes para o crente, para o militante, ben liviáns son:

. Xaxún, para unha xente que sempre tivo pouco.

. Rezo cotián, que nas soidades do deserto non só o pide a alma senón, e tamén, o corpo.

. Esmola, que non é ningún sacrificio nunha raza de seu tan hospitalaria e cabaleiresca.

. Guerra Santa, defensiva, que tal a predica o Corán por máis que nos custe crerlles, sen prexuízo de recoñecer as súas desviacións. Disto, de como hai que entender o seu guerrear, ou non entramos no tema ou habería que escribir un libro pois a cuestión é complexa xa que habería que expoñer e analizar o contexto en que foi regulamentada, ou aconsellada, polo propio Mahoma.

. Prohibición do jalufo e dos alcohois. Aí tedes que Mahoma, ¡sen microscopio!, albiscou a triquinose; isto é outra evidencia de que foi un tío listo, listo e precavido. En canto ao alcol, pouco problema era en Arabia, así que coido que o fixo, no seu gran sentido da dignidade, ao coñecer aquel ridículo de Noé cando se riron del os propios fillos, e iso que daquela pouco se sabería das fermentacións, así que máis ben se trataría dun simple mosto.

. En canto a iso das concubinas, tamén se quedou Mahoma no Antigo Testamento. Aquí habería que ponderar, aparte de costumes arcaicos e doutras circunstancias máis ben políticas, machistas, a de que a vella Jadisha non lle deu fillos varóns. Pénsese nos problemas íntimos dun Napoleón, que o temos máis cerca, e por tanto máis comprensible. Hai que situarse no seu caso para non tomar isto a broma; e por conseguinte, ponderar que naqueles tempos a supervivencia tribal, fronte as hostilidades de todo tipo, só tiña asegurada una certa fortaleza se non decaía a forza bruta dos seus varóns.

En definitiva, que o mundo eurásico débelle a primeira constitución, ¡doce séculos antes das famosas e revolucionarias Declaracións dos Dereitos Humanos dos occidentais! Isto, lamentablemente, pásanos bastante desapercibido; ¡e iso que presumimos de civilizados e de cultos!

Despois destas pinceladas históricas coido que podemos dexergar certos contraluces do cadro islámico.

Por exemplo, a súa resurrección espiritual da segunda metade deste século, do XX, e o fervor panislámico que aspira a unha acción conxunta e poderosa que dea rutas imperiais, novos días de gloria aos millóns e millóns de crentes musulmáns que poboan a terra, dende o veciño, e non obstante descoñecido, Magreb, ata o remoto Paquistán. Isto é cousa seria, unha forza potencial inmensa que sigue latente pero que, de momento, non produce unha resultante invasora simplemente porque os diversos gobernantes, actuais, do mundo islámico, non queren renunciar ao seu feudalismo, aos seus reinos de taifas, pero cando xurde un gran califa con pretensións hexemónicas, aínda que sexa un tolo sanguinario como, ao parecer, foi aquel Saddam, este aglutina facilmente as simpatías e mailas vontades populares.

A todo isto, nunha rápida análise do presente, teño que subxectivar algo que considero moi importante, pero confuso: a miña, xa remota, pero detida observación, por todo Marrocos, (zonas española e francesa), da difícil convivencia entre árabes e xudeus. Débolle esta iniciación ao Padre Gonzalo, de Ribadavia, franciscano por suposto, co que falei largo e tendido, polos anos 50, deste tema da contradición de que, debéndolles os musulmáns aos xudeus as bases da súa cultura relixiosa, se levasen tan mal con eles. En termos actuais definiríamos esta situación, esta constante histórica, como simple incompatibilidade de carácteres.

Programa dos actos de irmandamento de Agosto