Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

30 noviembre, 2012

Roteiro conmemorativo do cincuentenario do descubrimento da Cova da Valiña - Sartegos de Recesende



ROTEIRO: SÁBADO, 15 DE DECEMBRO DE 2012
 (II parte)

Castro Verde, Campo da feira, Veiga do Olmo, arredor do Monte Revolta da Cal en dirección ao Mesón da Cabra, baixar a Recesende para visitar os Sartegos, igrexa e Casa Grande, baixar ao Camiño Primitivo, San Miguel, Trashorras, Fontao e, dirección a Bolaño para rematar na Cova da Valiña.

Ás 10:00 h. En  Castroverde ao lado do Pereira desde onde comenzaremos a camiñar..
Ás 14:00 h. Remate da camiñata voltando a Castro Verde se dá tempo.

Xantar nun restaurante da zona

-Percorrido, aproximado, 8 Km. Dificultade baixa.

Comunicalo antes do día 12 de decembro..

Saúdos. Manolo Muñiz

28 noviembre, 2012

Carta de despedida do Presidente cesante da Asociación "Os Sendeiros de Foz"

Todos os cargos teñen un principio e unha fin. Isto e soamente o motivo da miña despedida como Presidente. Ao longo destes anos que presidín a Os Sendeiros coñecín moitos lugares, e sobre todo persoas, sería unha lista interminable para nomear a todos. Uns seguen connosco, outros xa nos deixaron, e outros fóronse para sempre. Que mágoa!. A todos eles a miña gratitude, se non fora por Os Sendeiros non sería posible coñecelos. Construír unha amizade leva anos, pero destruíla un segundo. Xuntos e unidos percorremos sendeiros, lugares, aldeas deixando atrás as diferenzas de cada un. Nestes oito anos visitamos moitas localidades, percorrendo camiños levando sempre a bandeira de Foz. Foron moitas as actividades que se fixeron, coa axuda de todos, ao longo desta pequena historia: A Sardiñada, a Exposición de fotografía, Marcha Nocturna, Ruta Os pícaros, Sábados de Sendeirismo, Cea anual, Concurso de Fotografía, e a nosa xoia; “O Encontro río Ouro e praias de Foz”. Partimos no ano 2004 uns dez amantes da natureza e a día de hoxe somos 281, e medrando.
O meu maior desexo é que esta asociación cumpra moitos anos dunha maneira tranquila e de amizade.

Moitas grazas a todos, e que sempre podedes contar comigo para o que sexa.
José Luís

11 noviembre, 2012

Roteiro conmemorativo do cincuentenario do descubrimento da cova da Valiña e visita aos restos de San Martiño (Bolaño)

Algúns dos visitantes diante da Cova da Valiña
Castro Verde 
Cova da Valiña. 
Sábado, 10 de novembro de 2012
   

Atrio de entrada da Cova
Pasadas as 10:00 h. saímos de Castro Verde, pasando por diante da casa do actual concello para achegarnos á praza do Rolo pasando ao pé da Fortaleza e por diante da casa do concello vello, descender cara o rego e  impresionante castiñeiro de Riazor, desde aquí ao lugar do Boliño e, cruzando o río Chamoso, achegármonos a San Martiño, orixe do actual Bolaño, permitídeme, co permiso del que, me valla das palabras do noso socio e amigo J. Enrique Villarino que nos ten comentado:
   San Martiño foi sempre un dos lugares do concello que máis me chamou a atención , e que ten para min un certo “halo” de misterio.
Coñecino cando era un cativo polos mediados dos 50, e aínda vivía xente nel. Aínda que os seus habitantes pertencían a Bolaño  palpábase no ambiente que había algo diferente entre uns e outros, algunha diferenza histórica, afastada.
Penso que se era un anexo con antecedentes xudaicos ou dalgún outro tipo de heterodoxia. San Martiño é un santo moi vinculado ao Camiño e algo debeu de ter que ver co mosteiro anexo á igrexa de Bolaño que din as crónicas que existiu.
   Unha das casas conserva aínda un dintel cun arco de entrada á casa, de tipoloxía xudía. Absolutamente medieval. Quizais puido ser o núcleo primixenio de Bolaño. A súa paisaxe xunta ao río é moi belo, pero o lugar está hoxe completamente desfeito. Había un hórreo do tipo asturiano, que desapareceu.
Gustaríame ler cousas históricas ou doutro tipo que se teñan escrito. Ricardo Polín, quizais?
Ocórreseme, pero os tempos non son para iso, que as casas, unha vez adquiridas polo concello, se existen propietarios ou son localizables, poderían rehabilitarse e facer un recinto onde radicase un centro de interpretación histórica, naturalista e antropolóxica da comarca. Un soño xa da medianoite.

   De San Martiño ao actual Bolaño pasando por diante da actual igrexa, casa grande de Bolaño, da liñaxe dos Osorio, creo lembrar, para visitar o quiosco da música e lagas de enlagar o liño, desde aquí visita ao forno de cocer o cal, da familia Rego e pola corredoira de Xuvil ou Xivil subirmos bordeando a croa polo camiño que traían o cal para cocer e, con ese motivo aparecería, como consecuencia, o descubrimento da cova da Valiña e, que outro socio e amigo César Llana nos ten falado varias veces e reproducimos aquí o que el escribiu para colocar nun panel que temos pensado colocar como punto informativo sobre a mesma:

   A cova foi descuberta en 1962 durante os traballos de extracción de pedra para facer cal, pois, ao parecer, o seu acceso estaba completamente colmatado. D. Darío Trashorras, propietario do xacemento, tivo a responsabilidade de depositar no Museo Arqueolóxico Provincial del Lugo os ósos entón aparecidos. Os estudos realizados, por Manuel Vázquez Seijas en 1965 e por Felipe Arias Vilas en 1971, permitiu coñecer o interese do xacemento.  Salientar a presenza de dúas azagaias e, comentar que eran as primeiras mostras de útiles óseos paleolíticos coñecidos en Galicia.
   As campañas de excavación desenvolvidas a finais dos oitenta e principios dos noventa do século pasado, confirmaron a existencia dun xacemento paleolítico, no cal, hai uns 32.000 anos, grupos de cazadores-recolectores tiñan usado a cova da Valiña durante as súas estadías mentras cazaban, recolectaban e pescaban nestes vales.
   Entre os animais que entón compartían o espazo cos humanos téñense documentado cervos (Cervus elaphus L.), corzos (Capreolus capreolus L.), grandes bóvidos (Bos primigenius B. / Bison priscus B.), xabaríns (Sus scrofa L.), cabalos (Equus caballus L.), coello (Oryctolagus cuniculus L.), todos eles formarían parte da dieta do grupo humano. Xunto a eles tamén estaban presentes outros que competían na búsqueda de alimento cos homes, é o caso da hiena (Crocuta crocuta E.), do lobo (Canis lupus L.)... Finalmente, cabe salientar entre a fauna da zona a presencia do castor (Castor fiber L.), do rinoceronte (Dicerorhinus kirchbergensis J. [Rhinoceros mercki J.]) ou do oso (Ursus arctos L.; Ursus spelaeus R.).
   O estudo dos sedimentos, dos micromamíferos e do polen, xunto coas características da fauna antes citada, permiten coñecer que os homes e as mulleres da época vivían nunhas condicións medioambientais máis frescas e húmidas que as dos nosos días.
   Desde a cova da Valiña baixamos a Bolaño pola estrada de Serés para voltar a Castro Verde. Comentar que deixamos a outra parte do roteiro para o mes de decembro.
   Pola tarde, celebrouse a Asemblea anual como estaba previsto.
Saúde, Terra e Lingua.
Manolo Muñiz