Rexistros abertos. Materias, contextos e narrativas na arte galega actual
ver máis
Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal
Foro de divulgación e defensa do Patrimonio cultural, de natureza, artístico, monumental, e das tradicións populares do CONCELLO de CASTROVERDE (LUGO)
Os camiños da vida
Balón intragástrico
X.L. Méndez Ferrín
Faro de Vigo 27/03/2009
Como é sabido a Academia Galega dedicoulle o Días das Letras Galegas a Ramón Piñeiro. Esta figura é complexa. Por unha banda representa, en política, unha das posicións do lexitimismo galeguista de pre-guerra civil. Pola outra banda Piñeiro é un autor dalgúns ensaios con intención filosófica e análise literarias. Eu sempre lembrarei con afecto que Ramón Piñeiro escribiu como prólogo a un meu libro un dos textos con máis intensa vontade de estilo dos que nunca producirá nin chegou a producir. Ou así o entendo eu, se cadra de xeito interesado. Pro, por cima e por baixo, de arca e de couso, Ramón Piñeiro foi sobre todo un activista político.
É ben curioso o feito de que o autor lembrado no Día das Letras, sendo como era suxeito dedicado en corpo e alma á política, nunca escribiu verdadeiros textos políticos, aínda que as súas lucubracións sobre a filosofía da Saudade ben poderían ser lidas como textos políticos.
Piñeiro foi o arquitecto principal do que podemos chamar o galeguismo da guerra fría. Dirixente incontestado e autócrata do seu grupo, liquidou o Partido Galeguista para organizar os seus seguidores no labor monográfico de facer literatura arredor da Editorial Galaxia de Vigo. Pro ese grupo non era só literario. Estaba dotado de ideoloxía. E os elementos constitutivos desta, que nós chamanos “piñeirismo”, con os seguintes: non nacionalismo, federalismo europeísta, anti-comunismo. No que se refire á literatura, Piñeiro era pragmático e sectario. Non aceptaba na literatura galega máis que tres direccións básicas: o lirismo, o humorismo e a fantasía. Así pensaba el e así o deixou escrito en varios lugares. Para el, o realismo, especialmente o socialrealismo, era unha tendencia altamente sospeitosa de infiltración comunista.
Despois de abolir o Partido Galeguista e de negarse a acatar a autoridade do Consello de Galiza fundado por Castelao, Piñeiro chegou á chamada Transición coas mans baleiras. Polo tanto, ao revés que os cataláns e os vascos, os galegos non puidemos facer valer o noso peso político cun goberno galego no exilio e, ao modo de Tarradellas, non fomos capaces de pór na pre-autonomía unha figura histórica do tipo de Antón Alonso Ríos.
Así as cousas, Piñeiro tivo unha triste fin política. Condenou Martínez López e as boas persoas que intentaron tras a norte de Franco resucitar o Partido Galeguista. Montou, desesperadamente, unha pantasía chamada Realidade Galega con Carballo Calero e outros. Finalmente, foi deputado no Parlamentiño nas listas do PSOE, nun grupo chamado de “galeguistas históricos” no que estaban Benxamín Casal, Carlos Casares y Alfredo Conde. A verdade é que se os últimos eran iso, eu, poño por caso, podería chamarme a min mesmo “galeguista-pre-histórico” con total xustiza.
Levamos xa meses con Ramón Piñeiro nomeado para o Días das Letra. O 17 de Maio aproxímase e a opinión pública de Galicia non recibe ninguna nova noticia sobre Ramón Piñeiro. Non vexo aportacións reveladoreas nin sobre o seu pensamento teórico nin sobre a política (ou ausencia de política, máis precisamente) que el encarnaba con poder omnímodo sobre o estricto círculo dos seus seguidores. Por exemplo: seguimos sen saber por qué Piñeiro foi preso nos anos cuarenta, cáles foron os cargos da acusación e cál tribunal o condenou a unha severa pena de prisión.
Nada do escrito por X.L. Franco Frande na súa obra Os anos escuros sobre Piñeiro e o piñeirismo foi, polo momento, acrecentado. Vexo que os que hoxe se consideran herdeiros de Ramón Piñeiro gardan un silencio moi extraño.
VALLE-INCLÁN: RETRATOS, CARICATURAS E VISIÓNS
Siro López Lorenzo
Acto que terá lugar o vindeiro luns, 16 de marzo de 2009,
Ás 20:00 horas
na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo
Rúa San Marcos, s/n
Lugo
Entrada libre
O vindeiro luns, día 2 de marzo, ás 20,00 horas, terá lugar no Refectorio do Museo Provincial de Lugo a inauguración da exposición MULLERES E SINDICALISMO NACIONALISTA EN GALIZA, que permanecerá aberta ata o 12 do mesmo mes.
Este acto contará coa presenza de D. Antón Bao Abelleira, vicepresidente da Deputación de Lugo; de Dª Mª Carme López Santamariña, secretaria confederal da muller da CIG, e de Dª Aurelia Balseiro García, directora do Museo Provincial de Lugo.
Como complemento desta mostra, o xovés día 5, ás 20,00 horas, terá lugar, no Refectorio do devandito museo, unha conferncia sobre "Mulleres e sindicalismo nacionalista en Galiza" a cargo de Dª Mª Carme López Santamariña.
Hoxe, venres, día 27 de febreiro tivo lugar a segunda conferencia relacionada coa historia de Castroverde, A parroquia de Vilabade. Conferecia que estaba para o día 6 deste mes que remata, mais por mor da nevada que tivo lugar nese día, tivo que ser trasladada para hoxe.
Comezou X. Luís aludindo á publicación do libro que tiña a inteción de coincidir co peche dos actos da celebración dos cicocentos anos da construción da igrexa de Vilabade, (1457-2007), mais diversas circunstancias non fixeron factible a publicación do libro para esa data.
Logo pasou a comentar sobre a situación xeográfica de Vilabade, situada a uns 670 metros de altitude, e cunha extensión dunhas 394 hectáreas. Vilabade conformada polas aldeas de Frontoi e Rodinso. Rodinso que é de Bolaño, mais os oficios celébranse en Vilabade.
Confórmase, sabemos que existe como parroquia desde 1890, antes aparecía como anexo de Vilalle.
Seguidamente pasou a comentar sobre Vilabade, fundamentalmente, entre os anos 1600 e 1800.
Comenzando por aludir á familia.
-Familias formadas por, arredor de seis membros, familia moi xerarquizada, conformadas por: Petrucio, muller, proxenitor (maorazo, morgado ou vinculeiro), os segundos e os criados. Comentando sobre o sistema de herdanzas das propiedades.
-A casa, sistemas ou estratexias nupciais para perpetuar as posesións das casas, etc.
-As condicións de vida. Unha sociedade estruturada en: nobreza, fidalguía, clero e campesiñado. O campesiñado o que traballaba a terra e o resto que vivía de rendas das propiedades que posuían.
-Crenzas e actitudes relixiosas.
.- As Práticas relixiosas relacionadas con asegurar a salvación persoal. Onde mellor se manifestan estas prácticas é en:
A mortalla. O lugar de enterrramento. As ofrendas e as obras fundacionais:
a) A obra pía de Pedro Muñiz de Carvajales. b) A obra pía de Diego Osorio Escobar y Llamas, que chegou a ser arcebispo e virrey de México e, que foi o que mandou construír o pazo de Vilabade. c) A obra pía de Nosa Señora do Carme que, conta cuns 1700 cofrades.
-As últimas catro décadas:
- Éxodo rural. Proceso de urbanización.
- Excesivo avellentamento.
- Escasa mecanización e abandono das explotacións, (anos 1970-1980)
- Escasez de terreo, - Idade avanzada, -Incerto relevo xeracional, -O papel das pensións, - carencia de terreo ao pé da casa.
- O ensino.
- A fundación das escolas de Eduardo Lamela Pallín. Escola situada entre Frontoi e Rodinso. Levantada por este veciño de Rodinso, que logo de traballar moito, chegou a ser o dono do famoso café Pombo de Madrid e facer fortuna. Crea esta escola, fundada en 1931. Unha verdadeira lástima que estea en total abandono. Non entendemos como non pode haber unha institución que se poida facer cargo da rehabilitación e sirva para dar servizo para a celebración de actos sociais, ou mesmo un museo, observatorio, etc. Que país!
Para rematar.
- Alusión á igrexa de Santa María de Vilabade. Levantada en 1457, vimos de celebrar os seus cincocentos anos.
- Mosteiro e igrexa mandados construír por D. Fernando de Castro.
Consta de:
- Nave de estilo gótico.
- Pórtico renacentista, financiado por D. Diego Osorio Escobar y Llamas.
- Retablo maior de estilo barroco, realizado por Francisco de Lens.
Con este breve resume, remata o ciclo de conferencias organizadas pola Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, celebradas durante este mes de febreiro no CPI de Castroverde.
Grazas a todos os conferenciantes, grazas á comunidade escolar e agardamos que estas actividades sirvan para que todos amemos e respetemos máis a nosa terra, Castroverde, Galicia...
Saúdos e saúde. Manolo Muñiz
ROTEIRO: sábado, 14 de marzo de 2009
Ás 10:00 h. na Igrexa de San Paio.
Percorrido: (14 Km., aproximadamente)
O Mesón de Fraiás –Moreira - Nadela – O Castiñeiro do Neto – Croa de Soutomerille -Soutomerille – Vilaxurxo-San Andrés de Barredo – Pena Branca – Vilarvente.
Ás 14:00 h. Xantar nun restaurante da vila (Arredor desa hora).
Para facilitar a organización:
Avisar antes do xoves, día 12 de marzo.
Agardando a túa asistencia, recibe un cordial saúdo.
Asdo.: Manolo Muñiz
Castroverde, a comenzos do mes de marzo, de 2009
Pestana, un cazador de sombras
O seu obradoiro é como unha mina; alí están tódalas criaturas que el enfeitizou
Por
XOÁN ABELEIRA 27/02/2009
De neno, en Peredo, parroquia da Frairía, Paco Pestana xamais saía da casa sen unha aguillada de abeleira. "A miña mai aprendeume a tratar coas bechas. Eu tocábaas coa galla e elas ficaban paralizadas un intre". O seu outro pasatempo era cazar mouchos. E dos mouchos -cousa lóxica- o escultor pasou ás tebras. "Deume por perseguir a miña sombra pero, claro, nunca a apresaba! Supoño que por iso devín neste cazador de sombras".
As súas obras atráenos coma se fosen os ídolos precolombinos
Cando non traballa no taller de Lugo, faino ao ventimperio, en Peredo.
Entrar no seu obradoiro é coma entrar nunha mina. E velaí están agora: tódalas serpes, tódalas estantigas, tódalas criaturas que Pestana enfeitizou. Inmóbiles na aparencia. Mais abonda con aloumiñalas un nada para que te chimpen ó cerebro ou te papen o corazón.
No noso refraneiro, "quita-la cobra da silveira coa man doutro" é sinónimo de "guinda-la pedra e agocha-la man". Mais Pestana non é deses. Dende os días nos que, en efecto, traballou nunha mina; dende os meses nos que participou na Revolución dos Caraveis; dende aquel ano no que formou "unha comuna libertaria", el é o que é: "Un francotirador" ben franco; "un animal, unha besta sen aparellar: calquera cousa" agás un tipo falso. Ollo a súa traza de forzudo de circo, de cosaco e imaxínoo traballando coa motoserra so un cachón de estelas incendiarias. Lembro algúns dos xigantes do XX: Brancusi, Maiakovski, Char. Penso nos superrealistas, capaces de loitar a puñazos pola honra de Lautréamont.
A filiación de Pestana coas vangardas é obvia aínda que el se nega a falar de influenzas. "En todo caso, de actitudes". Para el todo ser vivinte, toda manifestación da enerxía do cosmos é única. Poderiamos dicir que as súas obras nos atraen coma os ídolos precolombinos, os poemas-obxectos de Duchamp ou as pezas de Niki de Saint Phalle. Mais de qué serviría iso? "De nada", ten razón. O fundamental é abrirse en canal ante a Beleza e deixar que nos abrase. Por iso rexeita definirse, evita a clasificación. Coma moito, ó referirse a alguén co cal se identifica estoupa: "Éche un puto apache!" Un salvaxe. Un guímaro. Un outsider. Todo o que el é.
Hai moitos Paco Pestana dentro de Paco Pestana. O Pestana labrego. O Pestana leñador. O Pestana filósofo. O Pestana performer. Mais todos son o Pestana poeta. A Poesía: o milagre "pró que sempre me preparei, aínda que en min bulían tantas cousas que a literatura se me quedou pequena". A Poesía: "A mestura do insólito, das percepcións de carácter case paranormal coa propia biografía; trastornar o cotián para acadar o extraordinario".
Cruzar o limiar do seu universo é como se internar nunha cova prehistórica. Se os xamáns do Paleolítico recibían as súas visións no fondo das espenucas, Pestana, coma todo Rimbaud que ve, esculca as mensaxes que lle envía o inconsciente: o propio e o colectivo. Nese senso é un xamán. E todos eses espíritos que pacen no seu estudo son, nese senso, os seus animais de poder. Non as súas creacións: os seus aliados. Os totems que achou nas súas viaxes do Aquén ó Alén.
"A arte ha de ser coma un animal", afirmou Aristóteles. E o poeta -engadiu Ted Hughes- anda á caza dos seus poemas-animais. Os territorios de Pestana son dous: un interior e outro exterior. E o primeiro non pode enxergarse sen o segundo. Daquela, ó serán, o condutor de ánimas lévame ó seu concello. Cabo duns sartegos prerromanos constato o que el ignora: que a cabeza apunta ó oeste, os pés, ó leste, para que así os mortos fiten cada día o seu renacemento. Logo, en Vilabade, o San Cristovo transgresor sinálame "uns anxos decapitados polo Tempo". Todo está preto da casa paterna onde el traballa ó ventimperio cando non o fai en Lugo. Os seus materiais son "tódolos que me engaiolan". As súas ferramentas, "tódalas que se adapten á miña man e á miña cabeza": un ollo de furacán.
Percorrendo un deses carreiros incribles de tan fermosos chegamos á capela de Soutomerille. Dentro, dous sartegos co escudo de Castroverde; restos de frescos; a face dun Cristo naif; unha pía bautismal na que aniñan as loairas; mandalas de humidade. Fóra, "unha fiestra única na Península": un catavís lambido polo sol. Secasí, o que el quere amosarme é "un castiñeiro milenario", o que realmente o conmove dese espazo druídico. "Esta árbore leva tanto enraizada na terra que, máis que de madeira, parece de trollo". Certo. O seu cerne medrou dun xeito descomunal, conformando o tricéfalo que xa se adiviña nel. "Velaí tes a túa vindeira pantasma", digo eu. E el, esmendrellado, dándome unha desas palmadas súas de fortachón bonachón, arrebólalle ás nubes: "Este castiñeiro... éche un puto apache!"
Profecías domésticas
Este fárrago é unha copia exacta
literal,
dos apuntes que utilicei nunha charla que lles din
aos rapaces de Castroverde
o día 8 de Abril 1994,
sendo director D. Eduardo Carreira González.
De presente, ordenando papeis, volvín a lelo,
e coido,
en vista do sucedido nestes últimos meses,
que hoxe,
salvando o contexto de cada época,
non lle quitaría nin engadiría
nha simple coma.
Tituleino así:
O ÚNICO VALOR CO FUTURO ASEGURADO:
ENGADIRLLES VALOR ÁS COUSAS.
Partindo da nosa emigración e da base cultural coa que entramos neste século XX, (estabamos no ano 1994), ¿que se fixo, qué fixemos, qué se puido facer? ¿Onde estamos hoxe? (Daquela) ¿Cal é o noso futuro, o futuro previsible en presenza da UE (Unión Europea), e do GATT (Rolda Uruguay - libre comercio mundial)? As tensións duais na actual crise: (Na de entón). Engadir valores que teñan aceptación de mercado, reducindo ao máximo os custes dos procesos produtivos; engadirlles atractivo ás cousas, pero dentro dun código deontolóxico, por suposto; e todo iso en feroz competencia. ¿Como se presenta, como se anuncia, o século XXI? Proxección da nosa Galicia, tanto no rural coma no urbano. Previsións de orde cultural e socio-económico. Etcétera.
Rapaces, os comentarios que vou facer seguidamente versan sobre un tema importante; ergo, moi serio; así que ímolo tomar en serio, con atención e seriedade, tentando desenrolalo con pacenza; e por favor, interrompédeme con toda confianza a cada palabra ou concepto que vos resulte escuro ou descoñecido.
Para te-las ideas claras, para entende-los conceptos que vou manexar, fixádevos nesta sinxela definición: Valor engadido é o valor que unha unidade económica, individual ou colectiva, engade á produción dun ben ou dun servizo por medio da aplicación, da dedicación, dun traballo, sexa directamente, con meros esforzos persoais; e se o caso o require, ensumindo capitais. Tedes que ter claro que ensumir é distinto, oposto, a consumir; por exemplo, se compramos penso para mante-lo gando, iso será un ensumo, un ensumo positivo sempre e cando o incremento do produto que se obteña resulte de maior valor, sempre que teñamos, ou esperemos, unha recuperación normalmente superior ao custe das ensumas aplicadas nese proceso produtivo.
Cómpre lembrar que a produtividade é a relación, a ratio, por cociente, entre o valor dunha produción e o custe dos medios que interveñan nela. Para aumentar resultados, como sabedes, ou incrementamos o N (numerador) ou diminuímos o D (denominador) que neste caso refírese aos custes do proceso. Así,
N / D <>
Para entrar en materia direivos algo que sabedes de sobra, pero que igualmente vén ao caso: a economía moderna caracterízase pola especialización e pola división do traballo, cada un fai un cacho en cada proceso, que así elévase a produtividade, pero, e subliño este pero, á costa de acentuar a interdependencia. Isto da interdependencia, a evolución da dependencia, saír dunha economía individualista, precapitalista, egocéntrica, autárquica e protexida, é unha sinatura que se nos atragoou aos galegos, que niso temos parte dos nosos males, e de paso, xerou moitas contradicións.
Xa sabedes, tamén, de antemán, que CRISE, esa verba que tanto resoa, na acepción que aquí nos importa, significa, “Mutación grave no desenvolvemento de calquera proceso físico ou histórico”. Pois ben, DAS CRISES DERIVAN AS CONVALECENCIAS. Daquela, pouco a pouco, vólvese ao rigor, a recupera-las forzas, pero, iso si, cos tratamentos axeitados. Primeiro xurde a enfermidade, neste caso o desequilibrio económico que non se soubo ou non se puido evitar; despois, os entendidos, ou que por tales se teñen, fan as receitas, que nunca soen ser gratas ao padar. Tras de todo isto, ¡outra vez á Escola, séxase, a producir! Nesta crise socio-económica da nosa arribada ao Mercado Común na que tanto os valores morais coma os materiais voan tocados de ala, sodes vosoutros, estas promesas da Xeración do Milenio, os que teredes que aprender dos nosos erros, e tamén do noso pasotismo, para reface-lo noso mundo, para remonta-lo voo, para darlle outro empuxón á Historia.
A tal momento estamos no noso Castroverde, que pode parecervos pouca cousa, pero no que, como en tódolos lugares civilizados, tivemos un pretérito conformador importante, unhas raiceiras nutrientes, e tamén un presente circunstancial no que, pouco ou moito, algo estamos inter accionando, todos e cada un de nós. Á vez, -e se cadra fixámonos pouco niso-, estamos conformando un futuro que nolo dan case enmarcado, pero con iso e con todo algunha cor do cadro socio económico dependerá da nosa arte, da nosa mestría en combina-los cromatismos que seleccionemos a estes efectos.
Hai un proverbio escocés moi pegadizo, e coido que moi pedagóxico:
Moitas cousas pequenas
en moitos lugares pequenos
feitas por moita xente pequena
poden transforma-lo mundo!
Daquela imos falar da nosa cativeza. Neste intre, en cada intre, somos a resultante de axusta-los puntos, a laboriosidade e maila sorte que circundaron o berce de cada quen, trazados coa nosa vida, coas nosas circunstancias, próximas ou non tanto, do noso camiñar, do noso rompe-las augas para enfrontarnos ao mundo circundante, nunha liña que non é, nin pode ser, recta, senón ondulada, pero cunha tendencia definida, da que algún control se ten, ou adoita terse, a pouco que usemos da nosa preparación cultural, e tamén da nosa intelixencia.
Estades estudando, ou estudaredes, algo de física, e tamén química, así que vou usar deses coñecementos, desa ferramenta, para non perderme nas elucubracións da ciencia económica, que está pragada de conceptos abstrusos; e por se fose pouco, expresados maiormente en inglés xa que foron os americanos, principalmente os estudosos do Massachusetts Institute of Tecnology (MIT), os que afondaron nesta rama do saber pragmático. Entendo que sería prematuro abusar con vosoutros deses tecnicismos, maiormente para esta charla coloquial e iniciática.
Apoiados nestas ciencias, -iso si, mesturándoas un pouquiño-, podemos expresar que a cultura non é un gas expansivo de seu que tenda a abarcar uniformemente todo o espazo dispoñible; a cultura, coma a luz, onde atopa obstáculos, reflíctese; pero ilumina por onde pasa, ou mellor dito, por onde a deixan pasar. Por outra banda, e sen saírnos destas leis elementais, tamén sabemos que a potencia e maila resistencia entran nunha relación de equilibrio con respecto ao punto de apoio, e iso en función dos seus respectivos momentos.
Isto lévanos a entender, con este exemplo coido que claramente, que onde hai resistencia precisaremos aplicar, tamén relativamente, ou moita potencia ou moita paciencia. ¿Nunca oístes dicir que o que non ten cabeza é o que máis patea? Logo, neste caso, canta máis cabeza poñamos nas decisións, nas proposicións, menos pes e menos brazos nos custará efectua-los desprazamentos, as subseguintes tarefas da vida cotián. Pois ben, deste simil, aquí mesmo, fagamos punto de apoio para anosar a historia cultural desta bisbarra:
Dáse o caso de que a bondade destes vales tirou dos sucesivos poboamentos, desde a máis remota antigüidade, pero non me vou parar en consideracións minuciosas, meramente historicistas, que iso podemos deixalo para outra ocasión. Baste con lembrar que na Alta Idade Media estivo por aquí o Rei Afonso VIII, e precisamente no noso Castrum de Vallis Viridis (Castro do Val Verde) fixo, asentou corte, detívose por algún tempo, probablemente moito, que aquí, con esta paisaxe e con estes alimentos, sempre se estivo a gusto, do mellor, e daquela firmou documentos de gran transcendencia, que por aí andan nos arquivos históricos. Esta circunstancia, anecdótica pero significativa, xa evidencia de seu que a nosa bisbarra, incluso na Idade Media, tivo un relevo sociocultural importantísimo.
Boas terras e, sucesivamente, boas comunicacións: a Vía romana que enlazaba aos Lucus (Lugo de Llanera e Lugo, ou como daquela dicían, Lucus Asturum e Lucus Augusti), ou sexa, o Camiño Primitivo de Santiago, a proximidade de Lugo, etc., cousas, circunstancias, todas elas positivas para un desenrolo sostible. Pero tampouco podemos esquecer que onde é doado vivir, á larga é nefasto se nos vence a preguiza. De durmidos entramos noutra lei física, na inercia, iso de que os corpos que se moven uniformemente tratan de mante-lo seu movemento; e polo contrario, os corpos en repouso resístense a ser postos en movemento. Por iso son tan danosas as somnolencias, as inercias culturais, pois, cando se adurmiña un pobo, mentres leveda a súa masa poboacional, non hai revolucionario que sexa capaz de poñelo en movemento activo.
Por paradoxal que pareza, aqueles navíos cargados de prata que lle viñeron a España nos primeiros séculos despois do Descubrimento acabaron pagando guerras, mercenarios e mercadorías, en particular aos Países Baixos, de tal forma que eles aprenderon a engadir valor ás súas materias primas; en moitas cousas, tal que a facer panos, e nós, os españois, entre as compras e mailos vicios, quedámonos atrás. ¡É o que ten a prosperidade mal entendida e peor dirixida!
Levando a auga ao noso muíño: Aquí en Castroverde tivemos a comodidade e maila oportunidade de venderlles, moito e bo, aos de Lugo capital: produtos agro gandeiros, obxectos de fabricación artesanal, elaboracións en liño e tamén en la, etc. Pero iso foi unha vantaxe temporal e circunstancial, válida mentres a eles lles era difícil ou imposible acudir a outros mercados, a outros abastecedores. Coa chegada do tren a Lugo e coa xeneralización dos transportes por estrada, descendemos nós, ipso facto, os da bisbarra inmediata, adurmiñados que estivemos pola falta dunha competencia estimulante. Polo contrario, esas mesmas comunicacións metéronos unha serie de ofertas mercantís que nos eran interesantes, e incluso necesarias, pero cos nosos ratios de baixa produtividade non estabamos, daquela, en condicións de adquirir, así que a forza resultante foi unha fuxida de capitais, sumándose ás nosas calderillas aquelas remesas dos primeiros emigrantes, maiormente desde que nos fomos librando dos aforamentos.
Por certo, falando do tren, que non é moi sabido, ou máis ben témolo esquecido, a gran oportunidade desta bisbarra de Castroverde pasounos pola porta no ano 1852, fai século e medio, pois cando xa estaba aprobado e delineado o trazado dunha vía que baixaría a Ribadeo partindo de Monforte, que ía tronza-lo antigo condado de Chamoso, Corgo e Castroverde, cortando a Ferradura en dirección a Caraño e Meira, que así estaba aprobado pola Raíña Isabel II, daquela reuníronse en Lugo as “forzas vivas” da localidade, esas que ás veces fan, e facían, coma o can do hortelán, que nin comían nin deixaban comer, e acordaron mandarlle un escrito ao Goberno da Súa Maxestade no que lle propoñían, estúpida e inoportunamente, adia-lo ferrocarril, “para cuando el país esté cruzado y cubierto de una vez de otras comunicaciones preliminares; y cuando llegada la hora de la ´ferrada´se medite bien y procure que pase por el Centro gallego”. Tiña tan pouco sentido ese alegato que tal parece que lle chamasen “Centro gallego” á muralla de Lugo; así que aqueles envexosos, aqueles centralistas capitalinos, quedáronse sen o diñeiro asignado; ¡de momento, sen diñeiro e sen tren! Está claro que o querían para eles, para eles ou para ninguén, e non tiveron a paciencia, nin a paciencia nin a vista, de que para Lugo, de chegada a vía ao Corgo, doado era facerlle un empalme. Tempo adiante chegoulles o tren a Lugo, pero, ¡desde Coruña!, co subseguinte empalme a Monforte. Aínda houbo outra oportunidade, pois tempo adiante pensouse nun proxecto transversal, que iría desde o Cádavo a Ourense. Ámbalas dúas nolas torceron. Sen facer futuribles, está clariño que, naqueles tempos nos que Madrid, Barcelona, etc., empezaban a despegar e a consumir, para esta bisbarra sería un beneficio incalculable, de relación coa costa e co resto de Galicia, para exportación e importación en tódolos sentidos.
Como imos vendo, a proximidade de Lugo, e quen di de Lugo, de calquera centro que sexa excesiva e egoistamente polarizante, tivo e ten os seus efectos negativos. Entre outras interaccións duais: Facilitounos unha case inmediata receptividade aos sinais socioeconómicos exteriores, pero tamén succionou recursos e oportunidades que, a sensu contrario, arraigaron nas bisbarras illadas, poño por caso, a evolución da vila da Fonsagrada, estando eles nun contexto bastante inferior, traslado de capitalidade desde o Burón, etc. Aquí, na nosa bisbarra, neste alfoz de Lugo, sóubose antes doutros porvires, pero tamén antes se foron aqueles emigrantes, mesmo na peor época de Cuba, a últimos do XIX, pois, recén abolida a escravitude no Caribe, pasaron os nosos segadores a corta-la cana, e mil e outros traballos de especial penosidade, precisamente na época belicosa, aquela na que as illas entraran en decadencia conflitiva. ¡Tarde para oportunidades, e cedo para penalidades!
Esta proximidade a un centro importante de consumo, concorrendo un substrato cultural fértil, feito, maduro, noso, ao longo dos séculos, fíxonos aceptar con precocidade o potencial modernista que nos veu de Lugo, ou ao traveso de Lugo, sen resistencia apreciable pois aquí a distancia, o brazo de panca seguindo co simil da física, funcionou en sentido inverso, producindo un efecto multiplicador positivo, ¡pero…! O pero estivo precisamente niso: que os maduros, os economicamente fortes, tal que os fidalgos, os cultos e mailos inquedos, íanse de aquí, a toda velocidade. Se vos fixades na configuración humana desta capital da nosa bisbarra, aínda hoxe se percibe que houbo un desprazamento de xente das parroquias circundantes para establecerse na Vila de Castroverde, ao sopé do Castro do Val Verde, ocupando baleiros, oficios, negocios e casas, en substitución daqueles fidalgos, daqueles vilegos, que se foron, paulatina pero ininterrompidamente, para Lugo, Madrid, Coruña, etc. Todo isto é, foi, supuxo, unha fuga de recursos humanos, ademais dunha descapitalización considerable. E cando se ausentan os máis ricos, ou os máis cultos, dun lugar, iso minora, empobrece, a tódolos demais, por paradoxal que pareza; de moitas maneiras e por varios conceptos, segundo se estuda en socioloxía. ¿Ides vendo o que pasa cando en certo lugar non se pode, non se sabe, ou non se quere, engadir valor ás cousas, in situ? Se aquí se dese un mínimo desenrolo técnico, non teríamos ese salto mortal do sector primario ao secundario, do rural á urbe, en detrimento dun progreso técnico satisfactorio e sostible.
Para evidencia do pouco que fomos capaces de engadir aos nosos produtos naturais, á riqueza primaria e natural desta bisbarra, abonda con deterse nas estatísticas deste século, con caídas atroces desde os anos cincuenta; ninguén se alonga das súas raiceiras, e ninguén, ou case ninguén, se ausenta do seu entorno familiar salvo para mellorar considerablemente de oportunidades. Isto é a mellor evidencia de que aquí non as houbo, non as tiveron.
-(Mostrarlles aos rapaces as curvas de poboación do concello)-
Isto da caída en picado da poboación rural tan só lles gusta aos teóricos que viven na capital e queren ter nela servidores baratos; ou aos labregos veciños, aos envexosos que esperan a que eses lugares abandonados, desprezados, pasen ás súas mans. Uns e outros están errados con este espellismo: as cidades están deixando de ser acolledoras, humanas; e os terratenentes que non sexan capaces de atende-las propiedades acumuladas acabarán vendéndollelas aos burgueses do século XXI por catro perras; se lles dan colocación in situ aos seus fillos será de milagre pois este autoodio campesiño só pode rematar nunha invasión de man de obra barata procedente do terceiro mundo. Só hai unha saída razoable, que consiste no incremento das vilas cabeceira de bisbarra, creando nelas unha infraestrutura axeitada para que medre unha industria auxiliar e complementaria, transformadora; en definitiva, que xere novos recursos e proporcione empregos dunha relativa tecnoloxía.
Mirémonos un pouco no espello das nosas circunstancias: Un colectivo que ten materias primas abondosas, que se liberou dos foros xa antes da guerra, que recibiu cantidades inxentes de diñeiro, das dúas emigracións, primeiro da americana e seguidamente da europea, amén dos propios ingresos nos que incluirei o fluxo das pensións; unha bisbarra que goza dunha culturización ancestral, de sobresaínte relevo, e que non foi capaz de manter, de fixar, un poboamento polo menos sostido, creando postos de traballo na mesma proporción en que a agricultura deixou de precisalos pola súa mecanización e/ou especialización, fainos pensar, a fuer de sinceros, que temos algunha sarcoma nalgunha parte, que nos fallaron os mandos, séxase, os organizadores dos sistemas produtivos; pero tamén algo, bastante, os de dentro, que ben pode ser que discorrésemos menos do necesario, menos do esixible en cada conxuntura económica.
Iniciativas si, por suposto, que iso é básico, primordial, imprescindible para vence-las inercias seculares, pero tamén concorre que as iniciativas carentes dunha preparación individual, persoal, axeitada a cada emprendemento, levan en si mesma froito de perdición. Teñen que ir acompañadas da suficiente preparación, da suficiente vontade, do necesario esforzo. Ata Xesús sentenciou nas súas parábolas: Axúdame e axudareite. Polo que respecta ao Estado, cantas veces teredes oído iso tan común de, ¡Ai se me axudase o Estado! Pois ben, o Estado, cando axuda, que non sempre pode, e outras non debe, axúdalles aos que máis producen, aos que máis pesan nos lobys políticos.
Circunscribíndonos ao local: A proximidade de Lugo foi boa nalgún aspecto, pero nefasta noutros. De postos a facer un balanzo histórico, poderíamos dicir que ninguén nos tratou mellor cá Igrexa pois, se ben é certo que non perdoaron décimos e primicias, ou foros, ou beixamáns, tamén lles debemos unha culturización que, sen eles, sen os frades e mailo clero secular, todo por aquí estaría a monte, incluso a xente. Daquela, ¿onde fallamos, sendo tan rica a nosa terra e tan cultos os ancestros? Rapaces, ¡hai que admitilo! Fallamos na forma de ser; en ser conformistas, en conformarnos co que íamos recibindo, cando o pragmático é descorrer, engadir valores, completa-los procesos, asociarse para actividades produtivas, ¡pero, a priori!, que é lamentable que desconfiemos do veciño toda unha vida, e despois que nos vistamos de loito para irlle ao enterro, poño por caso. Que eu saiba, ata hoxe, so houbo unha cooperativa con certas pretensións, a de Furís, e para iso dinme que morreu de moza solteira.
Centrándonos no pragmatismo: Algún de vosoutros estudará Económicas; ou Empresariais, que vén a se-la aplicación práctica e inmediata dos principios económicos; iso como especialización, ou se o preferimos, como alta especialización; pero xa vos aviso que nesas Facultades non ides descubrir nada novo; se acaso, ampliar, posto que nunha empresa, nunha empresa de certa categoría económica, xa nacestes, nacestes e vos criastes. ¿Que é unha explotación agro gandeira senón unha empresa, acaso cativa en patrimonio, pero complexa no seu desenrolo, na que cada día se aprende e practican novas técnicas, sen dar chegado, nunca, ao remate desa disciplina?
Cando vos poñades a estudar as grandes teorías, eses conceptos milagreiros, eses librotes, e cando ampliedes estudos, para daquela decatarédesvos de que eses libros están saturados de americanismos, de termos anglos, pero en definitiva só veñen a explicar o mesmo que xa sabedes, o mesmo que tedes, que ten, entre mans, calquera dos nosos labregos. Cun libro diante, sexa de Galbraith, de Henderson, de Lancaster, de Lipsey, de Samuelson, ou Schneider, entre a infinidade de anglos; ou quedándonos cos españois, Arnaiz, Castañeda, Gámir, Tamames, etc., que tan só cito uns cantos dos que se me veñen á memoria, e que pasarán á vosa cando os teñades que estudar e consultar, daquela darédesme a razón de que, en esencia, todo iso xa o tiñades ao redor voso; ¡o que vos faltaba era sabelo entender e sabelo expresar!
Para que isto non resulte espeso, vouvos referir a daquel emigrante que invitou ao seu xefe a visitar Montecubeiro. Cando chegaron, de madrugada, á Cruz das Louseiras, desviáronse por arriba de Cobula para que o invitado apreciase a grandeza da nosa paisaxe. E de chegados a un punto despexado, díxolle ao Xefe: -¿Non dicía vostede, Mein Herr, que os galegos non temos fábricas? ¡Aí as ten, diante dos seus ollos, e ben que fumean! O alemán tivo que admitilo, pero como son grandes preguntóns, daquela díxolle ao seu empregado e xa amigo: -¡Ai, ho, é certo que fumean, que moita contaminación tedes…! ¿Qué fundides nelas, tantas chemineas simultáneas…? ¡Isto é un minifundismo, outro, cunhas construcións cativeiras! O noso paisano viuse apurado para seguir chufando: ¿Qué lle parece que se vai fundir, o caldo do almorzo, que xa o cheiro desde aquí? Bromas á parte, agora, neste monocultivo da vaca, abarcamos menos, pero cando a agricultura era agricultura, por aquel entón non había laboratorio experimental nin fábrica tan complexa coma a da nosa labranza.
Todo isto lévanos a concluír que, aínda que sexa a escala reducida, elemental, non merece ser empresario aquel que non trate de administra-los bens escasos, tanto no campo coma na cidade, no entendido de que administrar é algo máis, moito máis, que a mera conservación. O mantemento, sen máis, produce desgastes, erosións, así que non hai nin sequera estabilidade de valor se non engadimos valores, continuamente; pero valores positivos, e non meramente especulativos, que é o que parece poñerse de moda, e non soamente no noso entorno, usando e abusando do speculor, que non é máis que unha especialización en axexar, en espiar, para ver como enganamos ao seguinte…, se se deixa!
Conclusión: A única receita válida, tanto na vida pragmática como na ética, é a que dá título a esta charla: Engadirlles valor a tódolos valores. Se estudamos moito, estudar máis; se traballamos, traballar máis, pero, sobre todo, traballar mellor, con máis reflexión, con mellores técnicas; se fabricamos algo, facelo mellor cós de igual gremio. O caso é engadir algo, pero dun xeito que se sosteña por si mesmo, que sexa sostible, per se; mellorar tódalas cousas nas que poñamos a nosa vontade e maila intelixencia que Deus nos dese. E logo, como receita persoal, mellor facelo ben que con présas. Dicíanos en Madrid un profesor que tiven no Centro de Estudios Mercantiles y Económicos, onde gocei dunha beca da Acción Católica que me serviu para prepara-las oposición do Banco Exterior de España, que se apelidaba Gallego e máis non era galego, invitándonos a profundar nos temas, a entendelos, e non só a memorizalos, que: “La tortuga, por despacio que camine, siempre pasa por delante de las estatuas”.
¿Tédelo claro? ¡Correr é especular; pero profundar é afianzar, darlles consistencia ás cousas, aos coñecementos! Para pasotismo, chega coas estatuas.
-.-
Non sei se aqueles rapaces daqueles cursos sacarían ensinanzas da miña parolada, pero o que si sei é que, daquela coma hoxe, cos tixolos da mera especulación non se levantan pirámides.
Xosé María Gómez Vilabella