Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

23 octubre, 2006

Novas seccións no blog

A páxina dixital "Amigos do patrimonio de Castroverde" comeza duas novas seccións
Non hai muitos días naceron duas seccións, que déronse en chamar "Andanzas, chanzas e danzas" e "Toponimia" do noso colaborador, insigne escritor de Castroverde, Xosé María Gómez Vilabella. Nacen hoxe tamén outras duas seccións baixo a advocación de " Sinatura invitada" e "O mais interesante". Elas recollen colaboracións de persoas que podan facer aportacións singulares sobre temas relativos ao patrimonio, no primeiro caso, e, no segundo, aqueles artigos que sexan de interese ós nosos obxetivos da asociación e que xa haxan sido publicados noutros medios ou na rede. Dáse cumpremento deste xeito á natureza aberta da nosa asociación a todos aqueles que teñan algo que dicir e engadir sobre temas do patrimonio, sua conservación e divulgación. Agardamos de todos a meirande colaboración.


21 octubre, 2006

En homenaxe ós nosos irmáns de CASTRO VERDE de Portugal

Andanzas, chanzas e danzas

¿Viaxe ó pretérito, viaxe ó futuro?



Achegas de
Xosé María Gómez Vilabella


Especialmente dedicado ós nosos, benqueridos, irmáns do Castro Verde de Portugal, como unha proba máis do gratas que sempre nos foron ós do Castroverde galego as viaxes de intercambio cultural, Norte-Sur. Esta “andanza” publiqueina na revista ADIALA, do Centro Gallego de Mallorca, na miña sección “Aventuras Turísticas”, no seu núm. 38, do 4º trim.1.998, e hoxe permítome reproducila aquí con ocasión da súa esperada visita de irmandamento.

_________________________________

Desde o Lucus Augusti (Lugo) á Braccara Augusta (Braga), tres horas; ¡soamente tres! (Hoxe faise en menos) ¿É, ou non é, en si, unha aventura turística? Estas autopistas son cousa do diaño: Todo isto che darei se pasas pola vida ignorando a paisaxe..., e pagando unha pasaxe!

Fun todo o traxecto matinando naqueles devanceiros, aquel Mailoc, ó que algúns chaman, ou chamaron, Maeloc, da Bretaña; hoxe, Bretoña. E tamén naquel Nitigio de Lugo... ¿Cantos días e cantos cabalos precisarían para acudir ó Concilio de Braga? ¿Cantas veces lavarían as súas bragas naquel traxecto descomunal? ¿Cantos coellos, lebres, veados e xabarís non cazarían para ir manténdose, eles e mailo seu séquito, a súa escolta, ó longo dun camiño tan longo e tan variado? Aqueles si que eran tempos de Deus, da inmensidade de Deus e da curtidade do home, que estes de agora son pasatempos, argalladas; ¡vertixes do diaño!

O tópico é: ¡Viaxar para ver mundo! Pois non, non señor: Hai que ver, si, en efecto, pero, tamén oír! ¡Escoita-lo mundo! A meirande pobreza do ser humano, a estas alturas da nosa civilización, é coñecer unha soa lingua. ¡Unha soa! Se non coñecemos ós veciños, se non os entendemos, se non os escoitamos, dá igual vivir nunha gran urbe que facelo na cápsula dun satélite artificial. ¡Puro microbio; ou por mellor dicir, microbio impuro!

Vén isto a conto de que eu son bastante falador, ¡que o de falangueiro é outro cantar, outro concepto, outra categoría!, cousa que me proporciona certos noivados, digamos que, fugaces, platónicos en definitiva, pois a beleza, sempre e de sempre, libérame a lingua; ¡máis có cava, có champaña!

De chegados a Braga, nun restaurante, módico, e por ende, noso, anosado, habitual, saudei/saudamos á filla do dono, que xa a coñecía doutras viaxes, pero aínda non tivera ocasión de parrafear con ela. Pouco pasa dos vinte pero está máis espigada que unha walquiria!

-Oes, meniña, que desta vez, nesta viaxe, quero achegarme ó Dumio, Dume para vosoutros, que estou en débeda co noso Mestre común, aquel Martinho... ¡Sequera sexa por aquilo da súa, De correctione rusticorum, do que en algo me terei beneficiado, que algo diso terei herdado! Agora, con tanto alcatrán, estradas en tódalas direccións, con tódolos “rústicos” a cen, ¡que digo a cen, a douscentos!, todos e todo motorizado, por onde iremos mellor; quero dicir, con menos tráfico, con menos civilización, que a gasolina portuguesa, con ser cara, non cheira mellor cá galega, en absoluto?

(Confidencialmente: A miña dona non se cela, nin sequera coas louras, que ben sabe que as contemplo así, fixamente, só para cotexalas, para comparalas co seu propio encanto, e a condenada sempre sae gananciosa!)

Aquela roiba, ¡sueva-sueva, polos catro cuarteiróns!, brindouse para acompañarnos, que iso si que é captar turismo! Impresionounos cos seus saberes, que por algo a paso á historia, á miña, á presente!

-O primeiro destes Camiños, de Portugal a Santiago se entende, andouno o Dumiense, daquela, precisamente daquela cando lle devolveu a visita ó seu colega de Iria Flavia... Por certo, ben que nos mancillou o noso común don Diego Xelmírez, tempo adiante, aproveitándose de que era Legado Pontificio para o Arcebispado de Braga; conxuntamente coas sedes de Mérida, por suposto...; que nos levou, que nos arramplou, que nos arroubou, para Compostela, en favor de Compostela, quero dicir, en “pío latrocinio”, que se dixo daquela..., ó lombo dunhas acémilas. ¡Se cadra por iso de que as mulas son virxes! Cantidade de reliquias dos santos bracarenses; entre outros, aqueles ósos, tan tenros, de Santa Susana. ¡Roubo tal...; nin quero lembrarme! Galego do Norte tiña que ser, que nas brétemas do seu egoísmo quíxoo todo, ás apalpadelas, santos incluídos, pero deixouse pispar a primacía de Toledo, que era o mellor punto de apoio para move-lo mundo, o seu, aquel do século XII... ¿Sabíano? ¿Vostedes, os norteños, sabíano?

A rapariga, de Braga era, pero en braga non estaba, que ía ben vestida, culturalmente abrigada, con gornicións, con bordados eruditos. ¡Nin que fose galega! (¡Érao; realmente, historicamente, érao!)

-Meniña, diso que dis do Camiño, o “Primitivo” é o noso, o que pasa polo Castroverde de Lugo, pero o máis antigo de todos éche o náutico, o naval, ¡con escala en Baleares!, que as costeou o noso Iago, o noso Xacobe, en tódalas súas viaxes, inescusablemente; fose de corpo enteiro, ou decapitado. ¡Por simpatía ou por imperativo náutico, insisto!

Falamos, e falamos...; ¡pero case todo de relixión, que outro tanto non me pasou nunca, nin daquela dos meus Cursiños de Cristiandade! Canso, ¡eu, que non ela!, de tantas lembranzas e de tantas leccións, de tantos repasos, que ben que me abraiou cos seus saberes, por certo ben razoados e ben documentados, tiven que dispararlle o meu piropo, outro, rotundamente merecido:

-Meniña, ¿sabes que che digo? ¡Que se non fose por esa beleza túa, de auténtica primavera, así como por ese bambeo do teu corpo, tan escultural e tan elástico, e por esas medidas que Deus che deu, de concurso que son, eu xuraría que estou a falar co propio Bispo de Braga..., in person!

A miña muller perforoume cunha ollada recriminatoria, mais non era para tanto que aquela garota nin se riu nin se enfadou, deixándome mudo co que nos dixo ó respecto; en puro galego, que de alí en diante xa non tiven que seguir trapallando no meu portugués chapurreiro, un tanto serodio.

-Vou ser sincera, que o tema meréceo; e vostedes parecen de fiar...! (¿De fiar? Mira ti por onde, oh casualidade, a miña dona, desde aquel día no que rompeu a súa roca nas miñas costelas, tan só por collerlle, discretamente, a súa man, despediuse de dúas cousas: da roca, si, pero tamén do fuso, do fuso e do uso que lle viña dando!)

-A verdade, -proseguiu aquela portuguesiña tan axeitada, -é que non me gusta airealo, que por aquí somos bastante íntegros, quero dicir, integristas...; ¡demasié, a pesares do Concilio! Claro que na súa Galicia, séxase, no Norte da nosa Gallaecia..., ¡deste lenzo, vara e media! Rematada a miña Licenciatura en Letras, e como o Restaurante vainos dando para vivir, resulta que, de presente, estudio latín, e teoloxía, e cánones...; ¡cousas desas!

Debín poñer cara de circunstancias pois ela referendouse no mesmo que viña de afirmar:

-Si que o fago, e fágoo coa esperanza de que o Papa, este non, o seguinte, ou quen veña despois, descubra que Deus é, ante todo, Nai; ou máis exactamente, Avoa. ¡A Nai da nai Natureza! Mire, e non se escandalicen: Eses velliños de Roma teñen que decatarse de que os Curas no precisan da Viagra para ser homes; e tamén ocorre, ocorre e concorre, que as teólogas podemos servir á Igrexa de Cristo tan ben, tanto, como o fixeron aquelas mulleres do Evanxeo, que ningunha delas o negou, mentres que o propio Pedro, con todo ser pedra, con todo se-lo alicerce da Institución, el si que o negou. ¡Covardemente, xa antes da Sentencia, antes do inri! Alí estaban elas, todas, na Vía Dolorosa, que alí mesmo se atravesou a Verónica, na propia Rúa da Amargura, e non dubidou en enfrontarse á comitiva xudeu - romana, tan vociferante como criminal...! ¡Fíxoo cun simple paniño, cun anaco de lenzo, na súa débil manciña!

Por parte, certas escuridades do Novo Testamento con respecto ás mulleres de entón considero que hai que relelas disociando a súa carga socio - histórica. Quere dicirse, traspasando o ambiente, circunstancial e machista que non misóxino, daquelas razas, daquelas culturas orientais...



Quedei pasmado con aquel descubrimento, pero aínda así ousei porfiarlle:

-Muller, e ti...; ¿atreveraste a misar, polo rito católico, quero dicir, con esas saias rabelas, no altar?

-¡E non hei! Estou disposta a misar, que para iso me preparo; e tamén para casarme, preferiblemente cun crego que me faga doce fillos, unha ducia, que é a mellor forma de exemplarizar, de misiona-los pagáns, en particular ós musulmáns; ¡se antes non se me van as regras!

Olleina co ollo do Canon, que de fronte nin me atrevín, pero aínda non rematara coa súa predica, abondosa e feraz, amais de veraz!

-De sempre fomos as mulleres máis decididas cós homes, mais tivéronos atadas cos seus brazos, fortes, hercúleos; auténticas poutas de oso salvaxe! Outro si lles digo, que estes abusos, os actuais, os do macho, que os veño analizando detidamente, caso a caso, son puro nerviosismo, crueldade de débiles mentais, que son os peores! Estamos asistindo á agonía da fera, ós estertores da súa derrota, que ó de hoxe, e xa non digamos para o XXI, só pintan e rexen as máquinas intelixentes. ¡Coma quen di, a nosa especialidade! -Engadiu, xactándose do seu propio razoamento.

...

Daría algo por publicar, aquí ou onde fose, o nome desa garota tan salgada e tan audaz; tan..., ¡futura! Mais entendo que mellor será deixala a folio volto, no meu ordenador, como “nota final” omitida, porque esta muller pode chegar lonxe, máis có propio Magalhaes! Acaso chegue a Bispo, ou a Arcebispo, da propia Braga, ou a Cardeal de Compostela..., e daquela sería unha mágoa, unha traxedia, causarlle a máis mínima molestia por culpa dunha larapetada, dunha linguaretada, en tanto en canto os tempos non sexan chegados!

Sempre tiven por certo que o matriarcado dos nosos devanceiros, en particular o dos suevos, influíu, moitísimo, na súa pronta conversión ó catolicismo, -Requiario declarouse católico no 449-, pero, coñecendo estas mulleres, estas bragadas da actual Braga, a dúbida ofende!

¿Viaxei, neste desprazamento, asemade, ó pretérito e tamén ó futuro? ¡Coido que si, e ben que me prestou! Só teño unha reserva: Esta teóloga en cernes, hoxe clandestina pero xa fogosa, proselitista, é capaz de vingarse do propio Xelmírez, desde o Aquén ó Alén, e cando menos se pense, rachará, tronzará, o roubo aquel das reliquias, retornándoas o seu lugar de orixe, ó relicario onde acaso máis veneradas ían ser! ¡Quere dicirse, á propia Sé da propia Braccara Augusta!

Non quero nin pensar no conflito, no incidente diplomático que tal cousa pode carrearnos..., ¡e menos mal que volvemos a estar irmandados niso da Casa Común, séxase coa Unión Europea!

Para baixar no formato PDF:
http://www.box.net/public/e8pq00p694


Con motivo do irmandamento das vilas de Castro_verdes de España e mais Portugal

Castro Verde: Un curto percorrido pola xeografía, o arte e a economía da vila irmá

cverde-10.jpg

Aspectos Geográficos
O concelho de Castro Verde, do distrito de Beja, ocupa uma área de 569,3 km2 e abrange cinco freguesias: Casével, Castro Verde, Entradas, Santa Bárbara de Padrões e São Marcos da Ataboeira.
O concelho encontra-se limitado a norte pelos distritos de Aljustrel e de Beja, a sul pelo de Almodôvar, a oeste pelo de Ourique e a este pelo de Mértola.
Este concelho apresentava em 2001 um total de 7603 habitantes.
Possui um clima mediterrânico, com um período seco de cerca de 80 a 100 dias, durante o Verão, em que a temperatura média varia entre os 28 °C e os 30 °C. No Inverno, as temperaturas são relativamente baixas.
A sua morfologia é marcada pela serra de São Pedro das Cabeças, com 245 metros, e pela de Amendolira, com 214 metros.
Dos recursos hídricos a referência vai para a ribeira da Nova e para a ribeira
de Cobres.

c.verde11.jpg


História e Monumentos
Terá sido em redor de um velho castro lusitano, decerto com muita vegetação (verde), que se fixaram as primeiras populações e, a partir daí, foi-se promovendo o desenvolvimento destas terras. A este facto também se deve, provavelmente, a toponímia do concelho.
Na época dos Romanos, as populações formavam um povo com características muito próprias, que acabou por ser aculturado, aculturando, contudo, também os Romanos.
Terá sido nestas terras, mais precisamente no outeiro de S. Pedro das Cabeças, que terá culminado a Batalha de Ourique, ocorrida nos Campos de Ourique, a que pertence Castro Verde, com a decapitação dos resistentes inimigos.
Neste local foram encontrados vários esqueletos separados da caveira, que comprovam a degolação dos reféns, mandada executar por D. Afonso Henriques.
Em 1510, foi-lhe outorgado foral por D. Manuel I.
A nível do património arquitectónico, destaca-se a Igreja Matriz, que apresenta um arco triunfal e uma pia de baptismo renascentista, possuindo azulejos que retratam a Batalha de Ourique.
É de realçar ainda a Igreja das Chagas do Salvador ou da Nossa Senhora dos Remédios, que é forrada a azulejos do tipo holandês e que possui nas paredes quadros alusivos à Batalha de Ourique.
São ainda de referir a Igreja da Misericórdia, a Capela de São Miguel, a Capela de São Martinho e a Capela de São Pedro das Cabeças, que simboliza e assinala o lugar onde se terá travado a já referida Batalha de Ourique.


Tradições, Lendas e Curiosidades
Neste concelho abundam as manifestações populares e culturais, sendo de destacar a festa de S. Pedro, realizada a 29 de Junho; os Encontros de Castro, que decorrem no terceiro domingo de Outubro; a festa dos Mastros Populares, em Junho; a Feira de Castro, realizada no terceiro domingo de Outubro, os mercados quinzenais e as feiras anuais, a 20 de Janeiro e a 5 de Maio.
No artesanato destacam-se as profissões de ferreiro e de abegão (carpinteiro de carroças).
Como instalação cultural, destaca-se o Museu da Lucerna.


Economia
No concelho predominam as actividades ligadas ao sector primário, seguidas pelas do sector secundário, com a indústria de extracção mineira, vindo depois pelas do sector terciário.
A agricultura mantém uma grande importância, facto comprovado pela percentagem de área concelhia dedicada a esta actividade, cerca de 77%, destacando-se os cultivos de cereais para grão e de leguminosas secas para grão, os prados temporários e as culturas forrageiras, as culturas industriais, o pousio, os prados e as pastagens permanentes.
A pecuária regista ainda alguma importância, nomeadamente na criação de ovinos, bovinos e aves.
Cerca de 1971 hectares do seu território correspondem a área coberta por terrenos florestais.


castro verde.jpg

Igreja Matriz de Castro Verde
Dominando a vila alentejana de Castro Verde ergue-se, imponente e altiva, a Igreja Matriz, consagrada a N. S. da Conceição. Originalmente, este edifício religioso pertenceu à Ordem de Sant'Iago da Espada.
O actual templo é uma ampla construção do século XVII, marcado por estrutura arquitectónica de depuradas linhas e contida decoração.
A fachada é marcada por um singelo portal rectilíneo, rematado por frontão curvo interrompido e encimado por janela rectangular. Lateralmente, sobressaem, pela sua monumental volumetria, as duas torres sineiras, rematadas por pináculos e facetada cobertura de coruchéus campaniformes.
O corpo da igreja apresenta espaçosa nave única, tendo as suas paredes revestidas por panos de azulejos setecentistas, contendo belas composições de albarradas e a interessante narrativa histórica da Batalha de Ourique. De acordo com a tradição local, este confronto - do qual hipoteticamente resultou a aclamação de D. Afonso Henriques como primeiro rei de Portugal - terá sido realizado nos arredores desta vila do Baixo Alentejo, num local conhecido por S. Pedro das Cabeças. Contrastando com este revestimento cerâmico decorativo e figurado estão as estruturas retabulares de talha dourada, que submergem o interior numa profusa e exuberante decoração barroca setecentista.
Na capela-mor, coberta por abóbada de berço caiada e pintada com policroma decoração barroca, o destaque vai para o revestimento de azulejos barrocos, de fabrico lisboeta e datados de 1713. O friso superior da ousia é preenchido por grandes e policromas pinturas barrocas com episódios da vida de Cristo.


publicado por Lumife (nun BLOG que leva por título BEJA) às 18:42 | link do post | comentar | ver comentários (3) | adicionar aos favoritos


Resume da visita a Sárria – Barbadelo – Samos (21-10-06)

Como estaba prvisto, chegamos a Sárria arredor das 9:30 h. onde nos esperaban os da Asociación Arcas de Sárria. Comezamos a visita en Vigo de Sárria, un punto de información moi completo, que está á entrada da Vila vindo de Samos. Aquí puidemos saber que pasan peregrinos de todo o mundo. Desde aquí seguimos pola Praza de Galicia, Rúa do Peregrino, Escaleira da Fonte,
Igrexa de Santa Mariña.
Asociación Arcas de Sarria e Amigos do Patrimonio de Castroverde

Visita a Albergue privado, onde puidemos comprobar, que á parte dos Albergues públicos, a importancia da iniciativa privada. Isto mesmo se podería facer no Camiño Primitivo. Logo visitamos a Casa do Concello, onde puidemos visitar o Salón de Plenos, e outras dependencias, pero sobre todo tivemos a sorte de poder disfrutar dunha Vista panorámica de Sárria, que normalmente non se ve, referímonos á zona do Chanto, zona dos Institutos, camiño de Monforte. Igrexa de San Salvador, Torre da Fortaleza, Antigo Hospital de Santo Antón Abade (hoxe edificio dos xulgado). Miradoiro do Cárcere, onde temos a outra vista panorámica de Sárria, zona das Ínsuas, Gándara...

Visita ao Mosteiro de Santa María Madalena( Convento da Mercede) Aquí disfrutamos coas explicacións de Xaime Félix López Arias (Cronista Oficial de Sárria), a quen desde aquí lle dámos encarecidamente as grazas. Explicaicións das liñaxes, dos cambios da antiga igrexa románica pasando polo gótico Manuelino, ata as diferentes fachadas, onde se poden distinguir claramente os diferentes tipos de pedra e estilos. Puidemos saber de simboloxías; xudaicas, cristiáns, psicolóxicas etc, que se encontran no chan empedrado do claustro.

No patio do Mosteiro de Samos

Tamén disfrutamos coa visita á interesante biblioteca do Mosteiro. Desde aquí dámos as grazas aos Mercedarios.

Logo seguimos camiño de Barbadelo, baixamos á ponte da Áspera, para logo subir polo Souto e Castro das Paredes, aquí puidemos ver castiñeiros milenarios, e unha uriceira, que pensabamos que só era da zona do Cádavo- Fonsagrada. Subimos a Vilei para chegar a Barbadelo. Visita á Igrexa de Santiago de Barbadelo, que foi Mosteiro, e conserva aspectos arquitectónicos ben interesantes, como poden ser a torre de puro estilo románico do século XII. Continuamos por xunta o Albergue, público, para chegar a San Silvestre, onde comemos en casa Carme, de iniciativa privada. Desde aquí dámoslles as grazas pola atención prestada. Visita á capela de San Silvestre. Debemos de salientar que nun traxecto de curto percorrido visitamos varios establecementos de iniciativa privada. Sería desexable que isto xurdira no noso Concello de Castroverde.

O carballo de Barbadelo


Pola tarde fomos visitar, como tiñamos previsto, o Mosteiro de San Xulián de Samos, que dicir del!, non temos palabras. Explicación novamente de Xaime Félix (Arlindo). Visita aos Claustros, é a súa grandiosa Igrexa, e finalmente vsita á capela de San Salvador.

Agardando que isto nos siga servindo para coñecer outros patrimonios, recibide un cordial saúdo.

Manuel Muñiz
Presidente

Subindo para Barbadelo

20 octubre, 2006

Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde

¡Que verde era / é, o meu val! [i]

Achegas de
Xosé María Gómez Vilabella

O artigo do noso amigo, escritor e socio X. Mª Gómez Vilabella principia a falarnos nesta ocasión da paisaxe. ¡Canto temos inda a falar desta cuestión que, sen dúbida, é o centro, mellor, o epicentro da nosa razón de ser como asociación! E remata falando do paisanaxe. Non podía ser doutro xeito. Pisaxe e paisanaxe son as duas caras dunha mesma cousa. Non hai paisaxe sen paisanaxe co mantenga, o coide, o labre, o mime. Non hai paisanaxe sen a paisaxe co acolla, sen terra co mantenga, sen refrente vital, sen terra co recolla ao morrer. Nesta ecuación andamos hoxe: pouca poboación, mala fada para a paisaxe.

Por un dicir, a paisaxe do paisanaxe -vaia lio- é a sabiduría popular,a memoria histórica, os contos da alma de mais a fillos, os valores, hoxe tan de moda. Os uns sen os outros, morren todos. A nosa razón de ser como asociación, e facer por gardar de todos eles. Deixemos falar ao autor.

Pola presentación
J: E: Villarino Valdivielso
Novo socio



Verde o val, verde a xente... ¿A xente, tamén? ¡Tamén; tanto ou máis cás oucas; non o era, pero estaba! Estou lembrando, evocando, aquela novela de Lewellyn, aquela película paisaxística, sociolóxica, estremecedora en definitiva, da M.G.M.

Isto é certo, pero hai máis, que algún día este val, este val-verde de Castroverde, pode converterse nun almacén do entullo das canteiras desta bisbarra! ¡Hai que estar atentos! En Galicia vendemos mal a paisaxe, ¡vender non é o noso!, e iso que é o mellor que temos, o mellor que nos queda, sen desprezar, claro está, a monumentalidade, a gastronomía, o acollemento da nosa xente..., que ata non sei cal debe ser a prelación! Avanzamos no turismo rural, certo é; moito; en progresión indefinida, xeométrica, pero un turismo así, de seu cultural, de percepción, sibarítico, ten que bebe-la paisaxe, asemade, tal que en copas de cava, para recarga-las pilas, para chegar ó desiderátum, ó éxtase sensorial, pero, ¿quen llelo ensina, quen llelo explica, quen llelo matiza ós forasteiros, ós neófitos? ¿Quen os leva ó cume dos montes, ou ó fondo das corredoiras? Maleza á parte, que tamén a temos, demasiada, bótase en falta unha actualización, unha cultura ad hoc, unha profesionalidade, uns guieiros. ¡Haberá que estar atentos, nisto tamén, pero..., actuando!

Aumentan as casas de turismo rural... No intre daquela crónica en ADIALA xa tiñamos, en Galicia, 342, habilitadas, rehabilitadas, confortables, mesmo de película! Transfórmanse, adáptanse, cun elevado custo, custo e gusto, pero, ¿onde témo-los lazarillos deses cegos urbanícolas, desafeitos dos crepúsculos? Poño por caso, para vérlle-las tetas ás vellas dunha praia mediterránea non se precisan Guías; mais para libar o néctar dos nosos currunchos, dos galaicos, sombríos, paisaxísticos, sexan carreiros ou fontes, penas cuárcicas ou morenas glaciares, ¡que tamén as temos!, para iso, e para máis, sen un Guía sensible, experimentado, coñecedor, amante do país, ¡cero, viaxe estéril!


Describir estas paisaxes, tantas e tan variadas, -tantas como fanegas de superficie, que non hai dúas iguais-, non é doado de facer, literariamente: Hai que velas, saber velas; e despois, entendelas, palpalas, cheiralas..., ¡cos sete sentidos! Por outra banda, como dicía Rosalía, falar da verdura social, da sociolóxica, é algo relativamente fácil, por complexa que sexa, que o é, pero sempre podemos definir unhas cantas ducias de tipos, ordenados, encadrados, tal que os mollos do trigo nunha meda.
Por poñer un exemplo da idiosincrasia e da inventiva da nosa xente, verde, pero non tanto. (Faladoiros, amais das ruadas, tivémolos nas fontes á hora de enche-la sella, ou de abeberar o gando, ou de pedirlle palabra á morgada da Casa Tal para a romaría Cal. E nos fiadeiros; ou nas rogas de gadañar, na sega, nas mallas... ¡Para que seguir se xa sabemos moito, ou polo menos algo, da cultura castrexa, de rueiro, de clan, de grupo patriarcal, deste país!)

Nunha daquelas tertulias, co Ferreiro da Ponte, de nome Vicente, de paso que lle mercaba unha navalliña coas cachas de buxo, relatounos o caso ó que me referirei máis adiante.
Na Forxa deste Vicente, -hoxe eliminada por obra e graza dunha desas pistas da Concentración; ¡deixaron en pé a súa Moa de Afiar, cabe do río Azúmara, porque ata alí non puideron chegar coas pas!-, en paralelo con tantas outras da nosa Gallaecia, forxouse unha cultura, outra: desde aqueles fouciños de bo tempero, que ben o demostraban na palla leñosa de Castela, pasando por aqueles cravos, longos, piramidais, das trabes e dos portalóns; rematando, para abreviar, con aquelas bisarmas que tanto defendían dos homes coma dos lobos, ¡outros homes! Por medio deixamos aqueles sachos, aqueles arados, aquelas argolas de suxeita-los cabalos, as ferramentas dos zoqueiros... ¡Mil faenas, mil mañas! E todo iso con testemuñas, fosen clientes ou aprendices, nunha auténtica cátedra de arte e de historia local!

Se temperados eran aqueles aveños, -¡non podía ser menos con estas augas frías, xeadas, da Serra do Miradoiro!-, aquel ferreiro, aquel fautor, o susodito Vicente, non se quedaba á zaga na súa vocación de forxador de carácteres. Unha das súas:
Daquela que estourou este país, cando se esnaquizou niso que chamamos Guerra Civil, en Montecubeiro era sancristán, campaneiro e tamén enterrador, amais de labrego, un veciño da parroquia, pío que non casto: ¡Casou catro veces enviuvando tres; da fatiga que lles causaba, dicíase! (Iso contaban as vellas do lugar, que os homes, ó terlle envexa, non falaban do caso).

O tal campaneiro, pluriempregado onde os haxa, viu perigar aqueles cargos porque o Cura da parroquia ameazouno co despido, ¡e daquela non se cobraba o paro!, se non lle asistía ós cultos cunha camisa azul por debaixo daquela chaqueta de pana raiada; ¡raiada e raída!
¡Pobre Afonso, Afonso da Cordeira, que con ese nome se criou! Ás segas non lle importaba ir; nin carrexar, así fose ó lombo, aqueles ferrados de trigo que recolleitaba, casa por casa, para o señor Cura, que os percibía en compensación daqueles esconxuros..., ¡pero, coas calores de Xullo do 36, corre-los montes tras dos fuxidos, capturalos, conducilos ás tapias do cemiterio...! Confesouse coa almofada, que co señor Cura aqueles refuses non cabían..., e decidiu facerlle unha visita, ¡ipso facto!, ó seu amigo e conselleiro, aquel Vicente da Ponte. Como amigo e como armeiro...; ¡perfecto! -¡Ai, Vicente, tes que sacarme dun apuro, que preciso unha escopeta, un arma legal, boa, desas que marran o tiro! -¿Que marren o tiro...? ¡Esas non llelas vendo ós amigos! -¡Pois tes que amañala para que non noten que lles apunto ós roxos por riba da cabeza, que os compañeiros poden darlle queixas ó señor Cura..., e daquela adeus ós meus cargos! -¡Home...! Afonso, se non mata a túa, matarán as dos outros...! -Cada quen lava a camisa como pode; e coa camisa, a alma!

Co cano da escopeta pasado pola forxa, e cun par de marteladas, Afonso deu en apuntar ó Ceo, ¡con mellor tino có cura da parroquia!
Anécdotas deste tipo, pequenas-grandes historias de cada recuncho, de cada rueiro, son os complementos dunha paisaxe, o salseiro delas, mais, para servírllelas en bandexa ós turistas, os turistas do rural, a estes sibaritas do lecer, faría falta un batallón de vellos sabedores, estimulados tal que coa categoría de Guías Honoríficos. De momento o que é vellos, vellos competentes, hainos; ¡máis ou menos, medio cento en cada Concello!

Daquela alguén tería que face-la correspondente proposta ante as autoridades competentes..., ¡xa que a eles non parece ocorrérselles!
¿Por que me meto nesta camisa das once varas? Sinxelo: Ós economistas nunca nos gustaron os recursos ociosos, pois, para ociosos, chegan os turistas!


[i] Foi publicado, practicamente co mesmo texto, no nº 53 (3er. trimestre do ano 2.002) da revista ADIALA, do Centro Gallego de Mallorca, pero o autor coida que este tema sigue de actualidade e por iso se permite reproducilo nesta da nosa Asociación, ademais de que pode encaixar neste ano da “Memoria Histórica”.

Para baixalo en PDF na seguinte dirección:
http://www.box.net/public/nter57btbs



Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde


A corrida do galo nas pontes de Veiga

Por
Xosé Mª Gómez Vilabella


"Podémola sinalar coma un fito histórico desta bisbarra, e iso por varias circunstancias:

Celebrouse en Montecubeiro o Domingo de Pascua do ano 1.936; por aquelas alturas xa soaban os tambores da guerra, lonxe pero achegándose.
Non houbo outra da súa magnitude ata a Pascua do ano 1.948, na que os da Meda[ii] levaron a Lugo escrituras dos seus bens para que nas xoierías lles prestasen os aderezos que ían lucir os cabaleiros da corrida. (Outro día haberá que dedicarlle un artigo pola súa importancia; aínda vive algún dos seus participantes, entre eles o “Fidalgo” da Meda, que conserva na memoria uns cantos “pés” do seu parlamento, que mos repetiu precisamente o Día do Santo, en Montecubeiro, deste 2.006).
Fíxose con dous galos querendo simbolizar neles certos abusos dunha parella da Garda Civil, ó parecer, oriúndos da Fonsagrada, que xa lle tiñan zuna á Unión de Montecubeiro por certos episodios que non veñen ó caso. Sempre foran cun só galo.

Polo que teñan de reflexo dunha época e dunhas circunstancias locais, nosas, e por ende, patrimoniais, retrocedamos 70 anos documentándonos co seguinte extracto".

Deste xeito introduce a sua colaboración o autor Xosé maría Gómez Vilabella desta semana.

http://www.box.net/public/i9buyhkgp3
(puxar para baixar o artigo enteiro en pdf)


19 octubre, 2006

Resume do viaxe a Ribadavia (14/10/2006)

Unha das xuderías mais notables da península ibérica




Por
Manuel Muñiz
Presidente



Brevemente, paso resumir a viaxe deste pasado sábado.

Chegamos a Ribadavia sobre a hora prevista, arredor das 11:00 h. Alí estaba chegando J. César Llana Rodríguez, o noso anfitrión, a quen desde este primeiro momento, lle dámos as grazas.
Comezamos visitando a Praza Maior, e desde aquí, dirixímonos ao Museo Etnolóxico. Un edificio (Pazo do século XVIII) que non foi concebido como tal, polo que presenta varias dificultades, pero que alberga unha excelente colección etnográfica, con exposicións temporais, como podía ser a que nós puidemos ver; a do liño e unha exposición de acuarelas. Ademais posúe un fondo bibliográfico en temas etnográficos e históricos moi interesantes. (Canto temos que aprender e facer nós!). Ao saír e ao lado do Museo temo
s a igrexa ben interesante de Santiago (S. XII), cun rosetón fermoso, e que conserva no seu interior, tallas ben interesantes da época barroca, cun Santigo sedente en pedra.
A seguir subimos para ver o río Avía desde “un bancal” que hai ao pé da Igrexa da Madalena (S. XVIII). Voltamos á Praza Maior, onde Xurxo un dos guias da Oficina de Turismo nos explicou aspectos sobre: a Torre do Campanario que está ao pe da casa do Concello (S: XVI), logo subimos á Igrexa e Convento de Sto.Domingo (S.XIII-XIV), onde nos volveu deleitar coa súa explicación. Volvendo ao interior da Vila vimos a Porta que se conserva da Muralla (S. XIV-XV), Porta Nova ou Porta de Celanova (sur). Con camiño ao río Miño. Logo entramos no Pazo dos Condes de Ribadavia, onde se expón unha explicación ben interesante do xudaísmo. Explicación e visita do barrio xudeo, e da casa da Inquisición. Todo isto explicado por Xurxo, a quen agradecemos as súas atentas explicacións.

Pola tarde, visitamos a igrexa de Santa María de Oliveira (S. XII), igrexa de S. Xoán (S. XII), e seguidamente a igrexa prerrománica de San Xes de Francelos, que a algúns nos lembraba, nalgún aspecto, á igrexa de Tórdea, do noso Castroverde. E para despedir o día, agardábanos Clodomiro, na súa adega Ventosela Montero, que nos agasallou cun viño da súa colleita. A quen dámos as grazas desde aquí.

Agardando que isto vos poida valer de aliciente, para aqueles que non puidestes acompañarnos, que vaiades ver esta fermosa Vila, declarada Ben de Interese Cultural en 1947. Saúdos e Saúde
*Animádevos para o próximo sábado participar no roteiro de Sarria.

Lugo-Castroverde, 15 de outubro de 2006

Resumo fotográfico






15 octubre, 2006

Programa dos actos a celebrar no mes de Novembro

A Asociación programa un encontro cos Castroverdes da península Ibérica e mais un ciclo de conferenzas



Imaxe: Banda de gaitas Zucurrundullo do Concello de Castroverde


DÍA: VENRES, 3 DE NOVEMBRO DE 2006
Ás 11:50 h para os cursos de Primaria. Ás 12:40 h. para os cursos de Secundaria
Aspectos paisaxísticos do Concello. Época de castañas e de cogumelos
Antonio Rigueiro Rodríguez
Enxeñeiro de Montes. Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela.
Coloquio

DÍA: SÁBADO, 4 DE NOVEMBRO DE 2006
Ás 12:00 h. na praza do Concello, encontro cos representantes das Asociacións, e representantes Municipais dos Concellos de Castroverde de Campos, (Zamora), Castroverde de Cerrato (Valladolid) e Castro Verde de Portugal.

Actuación do Grupo Zuncurrundullo

Ás 12:30 h. visita a algúns lugares significativos do Concello. (Vilabade, no Camiño
Primitivo, o Castelo de Castoverde ...) Explicacións de: X. María
Gómez Vilabella (escritor de Castroverde)

Ás 14:00 h. Comida. Se queres participar, retirada de invitacións, (antes do día 30 de
outubro) en: Oficina Caixa Galicia e no Mesón Camiño Ancho.

Ás 16:30 h. visita a Lugo. Breve percorrido pola muralla, e outros lugares significativos
da cidade. Explicación de: Adolfo de Abel Vilela, profesor e historiador.

DÍA: XOVES, 9 DE NOVEMBRO DE 2006
Ás 12:35 h.
A idea do Irmandamento, Hermanamiento ou de
Geminaçâo naceu en Europa
Xaime Félix López Arias
Cronista Oficial de Sarria.
Coloquio

DÍA: MÉRCORES 22 DE NOVEMBRO DE 2006
Ás 12:30 h.
A desagrarización no Concello de Castroverde
Manuel F. Marey Pérez
Profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo
Coloquio


OS ACTOS DAS CONFERENCIAS DESENVOLVERANSE NO CPI DE CASTROVERDE
COLABORAN: CPI DE CASTROVERDE, CONCELLO DE CASTROVERDE E O PLAN XACOBEO DA CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA DA XUNTA DE GALICIA

Como non pode ser doutro xeito, quedan invitados todo-los os veciños, amigos, visitantes do concello e público en xeral que queiran asistir

14 octubre, 2006

Roteiro po-las terras de Sarria o próximo día 21/10/2006

ROTEIRO
SARRIA – BARBADELO
e Visita a Samos

(puxa sobre "SARRIA" para ve-la páxina do concello)



Programa da xornada:
9:00 h
Saída da praza da estación do tren de Lugo.

9:30 h
Chegada a Sarria, Hotel Afonso IX. Visita a Sarria:

Igrexa de San Salvador, Mosteiro da Madalena.
10:30 h
percorrido polo Camiño Francés Sarria–Barbadelo:

Sarria, Ponte da Áspera, S. Miguel, As Paredes, Vilei,
Barbadelo.
13:00 h.
visita a igrexa de Barbadelo.

14:00 h.
Xantar.

Pola tarde:
visita ao Mosteiro de Samos e arredores.


Para facilitar a organización:
Avisar antes do día 18 de outubro, mércores

Asdo.: Manuel Muñiz Besteiro
Castroverde-Lugo- Sarria, outubro de 2006

Recordos da posguerra

Andanzas,chanzas e danzas en Castroverde:
Diciamos onte

"Diciamos onte" é unha nova colaboración de Xosé María Gomez-Vilabella na súa sección chamada "Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde", inaugurada fai pouco. Esta semana fai memoria no seu escrito do que foi a guerra civil, millor dito, a "guerra incivil", por terras do concello nos primeiros anos da posguerra. Dí un dito que as cousas e os feitos que non sacordan, e non se contan é como se non houbesen existido. Cóntanse hoxe todavía porque houbo a mala fada de que existiron. Nunca mais teñamos que dicir ... "diciamos onte" para acordar unha loita fraticida e civil; millor dito, incivil.

Para baixar a versión pdf:
http://www.box.net/public/vq2g16lv0j




10 octubre, 2006

Xénese do Camiño Primitivo

Andanzas,chanzas e danzas en Castroverde:
Romance do Camiño Primitivo

Hoxe inauguramos unha nova sección no blog baixo o título de "Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde" a cargo do noso amigo, socio e ilustre escritor da bisbarra de Castroverde Xosé María Gómez Vilabella.

O longo das vindeiras semanas iránse vertendo novas colaboracións en xeito de tradicións, romances, lembranzas, etc que han servir para encher a nosa memoria e a de toda-las xentes do concello. A Asociación ten a seguranza de que ir cabo delas, semana a semana, será voar aos nosos anos mozos viaxando no tempo.

Nesta primeira colaboración evoca o autor un romance do Camiño Primitivo, cantiga rescatada da memoria da historia e da fantasía do autor que ben podería haber sido salmodiada nas portas dos hospitales de peregriños do vello Camiño. ¡Quizaves, por qué non, así foi!

O artigo, que leva por nome Xénese do Camiño Primitivo, pódese baixar puxando riba do enderezo ao pé desta nota. O editor permitíuse a licenza de facer tres partixas: o introito, o romance e mailo epígono, que non epílogo, final.

http://www.box.net/public/oxepksb2gs

Fotografía: Imaxe de Santiago no antepeito da"Porta de Santiago", na Muralla da cidade de Lugo


08 octubre, 2006

A fin de coñecer outros patrimonios:


VIAXE A RIBADAVIA

Este é o programa do próximo viaxe a Ribadavia a facerse o día 14 de Octubro:



9 h Saída da estación do tren de Lugo.

11 h Chegada a Ribadavia. Punto de encontro: o Museo Etnolóxico. Visita ao Museo incluíndo a zona de servizos internos.

12 h Visita a Ribadavia: Centro de Interpretación Xudea, muralla e Porta Nova, (o Castelo está en obras e non é posible acceder ao interior por razóns de seguridade), casco histórico e Igrexa de San Domingos.

14,30 h Comida. Nun asador na propia Vila.

16 h Visita á Igrexa de San Xés de Francelos.

17 h Visita á Igrexa de Serantes, Retoral de Leiro -antiga granxamonástica-, posible visita ao Mosteiro de San Clodio -hoxe Hotel- e Castro de San Cibrán de Las.Temos a posibilidade de que os que queiran, e poidan, que se queden. César Llana, encargaríase de buscar algo.


Para facilitar a organización:
Avisar antes do día 10 de outubro, martes


Agardando a túa asistencia, recibe un cordial saúdo.

Asdo.: Manuel Muñiz Besteiro
Castroverde-Lugo-Ribadavia, 2 de outubro de 2006


Nestes enderezos e mais no título (a web do Concello), podes atoupar web´s sobre Ribadavia

03 octubre, 2006


Toponimia de Castroverde:
O Rego dos Lagartos, que nace en Montecubeiro e morre, precisamente, en Pena.

Aportacións de
Xosé María Gómez Vilabella

"A lenda da Fada Berlina e mailo Moscoso do Castro Verde, séxase, do Señor do Castrum de Vallis Viridis para máis precisión, foi desta maneira, que así ma contaron os vellos do lugar, e con máis detalle cá ninguén un señor de Toldaos, descendente daqueles xudeus fuxidos de Toledo, ou máis exactamente, fuxidos daquela raíña que pretendeu axotar ós xudeus, e de paso,“domar e castrar” ós galegos, pero esa historia, por brevidade, quedará para outro día.........."


Deste xeito comenza a transcripción da lenda que podemos atopar na dirección que remata este artigo introductorio. Para aqueles que non tivemos a sorte descoitar as verbas sobre o "Rego dos Lagartos" que pronunciou Xose María Gómez Vilabella no roteiro de Montecubeiro, temos agora a ocasión de poder leelas no dixital "Amigos do Concello de Castroverde".

"O rego dos lagartos" é unha narración novelada en forma de conto dos que estas terras teñen unha longa tradición. ¿Conto que escoitou de cativo a un parroquiano de Toldaos? ¿Froito da imaginación do narrador? Deixémolo estar e escoitemos a lenda "Do rego dos lagartos" que é o dinterés.

Dámoslle as grazas ao noso compañeiro de Asociación e ilustre escritor Xosé María Gómez Vilabella pola sua colaboración e agradamos dél muitas lendas e historias mais, que ben sabemos, ten inda por desvelar.

Para baixar a lenda en pdf puxar sobre a seguinte dirección:



02 octubre, 2006

Un interesante artigo sobre as aldeas na galicia

"Amigos do Patrimonio de Castroverde" recolle nas súas páxinas este artigo de Carlos G. Reigosa po-lo seu interés para a nosa Asociación e en xeral para o patrimonio da Galicia enteira. Trata sobre as aldeas, muitas delas xa desaparecidas e outras a desaparecer en poucos anos. Aquelo que cae malo é de erguer. Inda estamos a tempo, se é a nosa intención facelo, de axudar a que as nosas aldeas non sexan mañán un sono perdido. Son as administracións as que teñen que coidar de que nelas quede xente. Para que isto sexa deste xeito é necesario coida-lo agro, crear postos de traballo e dotar de servizos mínimos colectivos as aldeas e as vivendas para que a xente non emigre en busca dunha vida millor. Nos decimos neste caso Aldeas: un patrimonio a protexer

OPINIÓN
:: QUERIDO MUNDO ::
CARLOS G. REIGOSA
La Voz de Galicia 29-09-2006


Aldeas (*)

Temos moitas aldeas fermosas, mais estamos deixando que morran. E algún día botarémolas de menos. Tan certo que isto xa non terá remedio. Seguiremos no noso mundo de cidades cada vez meirandes, enchéndonos de atascos e de pensamentos únicos ( porque os pensamentos únicos son varios sen deixar de ser únicos). Ata o día que comecemos a notar que nos falta algo e nos invada o desacougo polo ben perdido. Entón miraremos arredor e probablemente descubriremos paisaxes recoñecibles e vellas casas de pedra aínda de pé. Mais faltará a alma de todo isto: a sabiduría que só se aprende nun diálogo ininterrumpido coa natureza e a extraordinaria diversidade cultural dos seus habitantes. Hoxe pasamos ao seu lado sen decatarnos de que xa non falamos o seu idioma da alma nin compartimos os seus saberes. Aínda cremos que somos iguais porque nacemos nas mesmas terras, pero eles xa non viven nesa mentira. “ Este mundo acábase”, dinme algúns veciños da Pastoriza(Lugo), e eu aínda sei o que queren dicir: que as miles de cousas que eles souberon facer -como auténticos titáns e mestres- xa non lle interesa a ninguén. Toda a súa enorme ciencia da vida morre en cada enterro ao que asisten, e asisten con moita frecuencia. Eles poderían dicir coma Terencio que cada humano lles é alleo, pero que é agora o humano? Ese “petimetre” cego que chega no verán orgulloso das súas vacacións e saúda a todos con agarimo, mais sen escoitalos ninn entendelos? Hai 33 anos, o economista Ernst Friedrich Schumacher publicou O pequeno e fermoso. Defendía un equilibrio que non leve ás cidades a un engorde atrofiante nin condene ao pequeno a súa extinción. Mais nin siquera el foi capaz de descubrir o que se perde cando enmudece, cando cala unha aldea, toda esa desfeita do profundo e fermoso!

(*) Orixinal publicado en castelán