Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

23 septiembre, 2008

Roteiro polo río LOIO

Breve resume do roteiro do río Loio. 20 de setembro




Pola mañá.


Depois de encontrarmonos cos da Asociación Arcas de Sárria, subimos ata a capitalidade do Concello de Paradela.

Desde alí partimos para comenzar a descender polo rego da Ruxidoira onde á parte de ver a súa fervenza poidemos contemplar un antigo relo (pequeno muíño)

Seguimos descendendo pola ribeira ata encontrarnos co río Loio, no muíño de Pías.

Logo seguimos pola ribeira, mais xa na parroquia de Francos ata chegarmos ao muíño da Retorta. Ao pasar a ponte de madeira entramos na parroquia de Suar. Baixamos cara a Porto Caneiro. Pasamos un pontigo e metémonos na parroquia de Cortes. Dicir que en Porto Caneiro, houbo unha capelanía (San Bartolomeu) que tiña un hortelán coa obriga de acoller aos que ían camiño de Lugo e Portomarín cara o Saviñao e Lemos.

Un súpeto atallo, levounos ata igrexa de Santa María de Loio. Un pouco ao sur buscamos os sartetos do Mosteiro de Santa Cruz de Loio, non os encotramos, mais o descenso mereceu a pena. Seguimos por Vilachá e chegamos, cruzando o río Loio unha vez máis, ao restaurante Río Loio.

A parroquia de San Xoán de Loio quedou asulagada polo encoro de Belesar e as casas que a compoñen actualmente foron edificadas na nova estrada. Chamounos a atención ver o encoro valdeiro, mais parece que ese encoro, serve para regular os outros encoros situados ao longo do río Miño, servindo este para captar as augas que poidan vir de súpeto.


Pola tarde



Logo de xantar subimos en autobús ata o miradoiro da ADEGA, con fermosa vista sobre o Miño e unha vista da aldea sobre un túnel. Por un camiño entre viñas, andando, chegamos à igrexa de San Facundo, recentemente restaurada, xunto co que foron dependencias dos monxes. Está declarada Ben de Interese Cultural, é de feitura gótica, e conserva no interior unhas fermosas pinturas. O cemiterio que, tamén entrou na restauración, ten a curiosidade de que as inscripcións están en galego.

Aquí, Xaime Felíx López Arias (Arlindo), a quen aproveitamos desde aquí para darlle as grazas, deunos unha ampla explicación de San Facundo e de toda esta zona de confluencia entre os concellos de Paradela-Portomarín e O Páramo.

Finalmente fomos visitar a vila de Portomarín, a súa igrexa fortaleza de San Nicolás e o conxunto do seu entorno.

Desde aquí, grazas unha vez máis á Asoc. Arcas por este fermoso roteiro e, ata outra. Aproveitamos para felicitar ao Concello de Paradela polo Bo Facer.

Saúde e Terra. Manolo Muñiz

Ver imaxes



Seriais Literarios

¿Pódese pasar?

-y XX-

Novela satírica

de

Gómez Vilabella

-o0o-

¡Látet anguis in herba!

¿Na herba? ¡No Ceo que sexa, que aquel Litigueiro era capaz de enganar ao mesmísimo San Pedro! Por parte, o bieito de Don Valentín (Valentín Lamas Carvajal) xa estaba farto, exhausto e farto, daquela Revisión, daquela Auditoría anímica, tan complexa, ¡e iso que era curta en anos!, así que lles propuxo un receso aos seus anxos colaboradores:

-Fisga Nove, ti mesmo, que che cae cerca, por favor, apaga ese televexo, que esta película dese Secretario de Churiz é de tanta metraxe que eu preciso abanarme, por pouco que sexa, nesta aura celestial. ¡Abofellas que si, que me nubro, que me mareo!

-¿Con tanta frescura, e maréase, Frei Marcos? ¡Ai, logo, coas que aínda lle esperan na súa perenne escavicha da mangancha galaica!


-Meu Bendito, que cho digo de verdade, que nos meus tempos o noso caciquismo, de raíz céltico – romano - sueva, era máis suave, menos retorto; ¡menos sofisticado! Nalgún aspecto, estes paisanos retroceden, foron a peor... ¡Pero qué meticulosidade nas trapisondas dese trapalleiro, qué de cálculos, qué utilización de persoas instrumentais, interpostas, sexan físicas ou xurídicas; e logo que, de máis a máis, eses abatementos psicolóxicos, calculados, provocados; esas anfiboloxías nos contratos; esa letra miúda... Iso do sexo como mercadoría, a amizade como mercadoría, a relixión como mercadoría... Un tipo capaz de separar unha nai do fillo, ou un fillo da nai; un desfacedor de familias con tal de que outro cabrón, dos da súa reata, lle pague unha minuta, ou lle regale catro pesos... ¡En definitiva, un mestre luciferino! Esta Galicia, coa que non puideron os mouros, deveu, converteuse, a si mesma, por puro autoodio, por propia e intrínseca dexeneración, ¡nun Zoco moruno!

Neste punto das súas reflexións, das súas manifestacións, frei Marcos xuntou as mans, para que o escoitase o Creador desde o seu Trono:

-¡Oh Democracia, insigne Democracia, canto me tardas, que en España non te dan parido, e para máis magoa, con ese Franco que é franco, que non é galego, que aí o tes, encamado, pero ese tipo atiplado, ese maricón dos complexos infantís, ese acomplexado, nin pare nin deixa parir, que se pasou a vida anoando no seu propio embigo, e ti, Señor, con esa paciencia...! ¡Se non o queres contigo, mándalle unha flebite, mándao para ese Valle de los Caídos, deses que caeron precisamente por culpa súa, que non merece estar de pé!

Os anxos compadecéronse de don Valentín:

-Frei Marcos, non se esforce, que os designios do Señor son inescrutables, e cada quen ten que purga-las súas, ¡antes ou despois! No ínterim, descansemos por un intre, si, que a súa resistencia, por glorificado que fose, está tres niveis por debaixo da nosa. Mais terá que ser breve, que ese puritano de Don Pedro é capaz de volve-la flamíxera contra nós. ¡A tal hora debe estar impaciente, esperando polos nosos ditames!

-Chacho, tamén desespero eu, tamén, que isto de analizar un alma atravesada..., ¡xa é purgatorio! Mais o caso é que non aparece por ningures esa testemuña de cargo, a terceira, esa que nos falta para perfeccionar a nosa Instrución. Tódolos extras que saíron nas secuencias susoditas, maiormente nas últimas, fixéronse adictos ao Secretario. ¡Complexo de Estocolmo, probablemente! Tantísimo, que ata o propio Rancañete lle deu as grazas…, ¡por afundilo! ¡Que agravio comparativo para os que aínda seguen no averno, no seu báratro! ¿Irmáns, non teredes algunha pista, digamos que, pragmática; algo que nos abrevie este rolo tan rollento, tan rollento e tan noxento?

-Non sei aquí o Fisga Seis, que este olla desde abaixo, e daquela fita aos réptiles, do mellor; ¡serpes e afíns, por suposto, por moito que se lle escondan neses herbais galaicos!

O aludido, con modestia celestial, anxelical, como lle corresponde:

-Eu pódolles contar...; contar, non, referir, en síntese, o remate daquel Madeireiro, do señor Rancaño, que casualmente lle prestei algún servizo formando parella co Fisga Oito, de orde e de parte do San Cristovo..., daquela, por aqueles tempos, en ruta cos camioneiros da Construción no Sector VI, quero dicir, na última das estradas daquel Plan, do Redia... Lémbrome que foi un día de tormenta, nunha data nefasta, desas que...

Frei Marcos tanto se arroutou con este descubrimento, que ata lle deu un metido ao cúmulo que lle servía de reclinatorio:

-¿Pero ti, meu Anxo, con iso sabido, a qué esperas; non ves que estou esgotando a miña paciencia, a pouca que teño acumulada, que incluso o Dóminus Kefas, quero dicir, Petrus, a tal intre estará peor cá min, co nervioso que é? ¡De non atoparnos no Ceo, daquela..., o dito, que esta pasada é imperdoable; e non me mires así, que me quentas o caletre!

Desculpouse Fisga Seis, humildemente:

-Mire, Don Valentín, é que me pareceu que se estaba recreando no cumprimento da súa profecía, de cando escribiu aquilo do Catecismo do Labrego, que vostede mesmo se estaba prefigurando, retratando o espírito do noso omnipotente Litis, don Aurelio para os íntimos, ¡se é que os tiña!

-Anda, Fisgán, anda, déixate de parabéns e de xustificacións, que aínda que estamos no Ceo, isto, esta función nosa, actual, é unha cuestión temporal. Conta, ou refire, ese remate. Xa sabes aquilo de, relata réfero, que despois diso, xa veremos!

-¡O caso é que..., que se di en dúas verbas! Rancaño quedárase case sen obreiros; sen obreiros, sen balances, sen débedas..., salvo as de gratitude para co Secretario, pero tan grandes, que incluso comían xuntos, por veces, e pagaba Aurelio!

Na Vila, despois de inaugurada aquela estatua do Manuel, despois de rotulada aquela Avenida da Feira co nome do Salmonte, etcétera, pensábase en facerlle outra ao Secretario, que naquela época acadara gran predicamento empresarial porque medio comezou a saberse, ¡verdades a medias!, que salvara ao Rancaño das consecuencias dunha creba fraudulenta, e por ende, do cárcere! O que non se sabía era o prezo satisfeito; ¡satisfeito, que non satisfactorio! Aquelas transferencias, dos solares, da madeira, da propia honra...

-¿Predicamento empresarial? -Retrucoulle Frei Marcos. -¡Sería polo ben que se apropiaba das economías daqueles emigrantes! ¡Caso tal, nin un cento de sambesugas, medio en cada brazo!

-En parte, si, que tódolos eles, tódolos mozos da bisbarra, e parte dos de fóra, chegaron a ter un pisiño, ¡mediocre, pero propio!, naquelas pseudourbanizacións do Triángulo, tamén chamado, oficialmente, Inmobiliaria Churiz. Aos poucos, aquela Limitada, limitado que era o mercado especulativo de Churiz, ¡quere dicirse, con respecto á súa ambición!, deu en facer hoteis en Benidorm, do máis pacotilleiro: uns rañaceos de teitos baixísimos, sen apenas aire respirable, anticipándose ás viaxes do INSERSO, ¡para que todo quedase en familia! Iso do sol mediterráneo supoño que sería por iniciativa desa frieira, da Mabel, que por algo lle chamaba ao seu Aurelio, viñese ou non viñese a conto, ¡Meu sol!

A Frei Marcos escapóuselle, daquela, un comentario un tanto escabroso, un si é non é pecaminoso:

-Máis forte e menos limitada sería aquela conta de Suíza, esa da clave numérica, ¡con tres letras, Produto Urbanístico Tradicional!, que para catro chegaba, axustaba e bastaba co calificativo daquel furor uterino, inextinguible, insaciable, pasional, da inefable paciega: Mabeliña, ¡tamén para os íntimos!

-Non sei, que diso algo máis saberá o Nove, que este ve mellor o que está máis arriba...

-En efecto, e contareino de pasada: -ofreceuse o aludido: -Eses Triangulares, os escalenos, deron en dicirlles aos emigrantes que lles ingresasen directamente en Suíza. Así, dese xeito, cando remataban de completarlles a cifra asignada, desde a propia Suíza, ou nos países do arredor, para eles, paraísos fiscais, onde queira que traballasen, viñan a España para escriturar a súa vivenda, ¡cos resgardes na man!

Daquela, a Mabel, cada vez máis redonda, pouco menos có Manuel, entre sorriso e sorriso, e con plenos poderes da Limitada, firmáballes..., ¡un pisiño internacional! Un pisiño con seis habitacións, pero..., capidiminuídas, que de dúas, ¡catro!, eran interiores, italianas; ¡incumprimento fragrante da Normativa de Vivendas Protexidas! Segundo Manuel, o que non estivese conforme con iso, que reclamase ao Maestro Armero, ¡e como en Churiz a Garda Civil non o tiña...!

Frei Marcos, tan iracundo estaba que nin puido disimular:

Vade retro, Satana! ¿E ti, meu Fisga, coñecendo todo iso que é tan importante, tan punible, tíñalo calado? ¡Cústame absolverte!

-Frei Marcos, eu non lle quería estragar a película. Ademais, como eu miro para arriba, e vostede estaba tan entretido nas cousas de embaixo, ¡non lle quixen revirar o mapa da súa Galicia!

Aquel Terrícola, resignado, asumiuno:

-Agora xa foi, pero abrevia, canto podas. ¡Prégocho!

-O meu, en catro palabras: Chegados aos idus de Maio...

-¿Brutiño, non serían os de Marzo? -Matizou o Frei.

-Nos de Marzo pasaron outras cousas, pero de ámbito municipal, á causa, e por culpa, de que os Concelleiros deron en querer máis caramelos, ¡vaixelas!, para os seus fillos. ¡Cousas que paso por alto para abreviar! En Maio, insisto, presentáronse unhas treboadas primaverais, esas que dos corgos fan ríos, e daquela, nunha desas, chamou don Litis ao señor Rancaño para que acudise á Secretaría:

-Chegou o momento de cobrar os réditos daquelas Pólizas, ¿sabe?

O Madeireiro repúxolle:

-¿Ve como non facían falla, que non tivemos desgrazas, nin persoais nin materiais?

-Aínda non, aínda non, -repúxolle o Litis, -pero tódalas ferramentas serven para algo, ¡manexadas por mans expertas, tal que as miñas! Veño observando que alí cerca do fío condutor do seu pararraios, de cando en vez queda descoidada algunha táboa, maiormente labras, serraduras, cascas...; ¡restos vexetais, e como tales, combustibles!

-¡Home, algunha si, que aínda que resta pouca madeira, como non teño apenas operarios, non hai tempo nin lugar para esas curiosidades!

-O que lle vou propoñer, ou máis exactamente, o que lle esixo, meu Rancañete, en ben dos seus propios asuntos, non é cousa de operarios, que debe facelo vostede, vostede mesmo, discreta e persoalmente. Colla unhas cintas desas, das vellas, aceiradas, desas da serra, e como por descoido, arrímeas ao cable que baixa do pararraios. Despois diso achegue, ao socairo, unha morea de labras, das máis secas, das enroscadas... ¡Xa sabe, repito: labras, serraduras, estelas...; todo iso! Diante das serras, por xunto das follas aceiradas, para que non as perciban os obreiros, arrime, tamén ao descoido, con disimulo, algunha que outra táboa; a ser posible, das secas; ¡pouco máis, que todo iso arderá perfectamente, coma a esca! A posteriori, producidos os efectos pertinentes, de tramitar a taxación, a taxación e maila subseguinte liquidación do Seguro, xa me encargarei eu; ¡eu mesmo!

Rancaño foi abrindo, con parsimonia, gradualmente, os seus ollos pitañosos, ata que se lle puxeron coma pratos, espantado, abraiado:

-¡Non serei eu quen lle faga esa trampa, semellante latrocinio, á Compañía dos meus Seguros! ¿Vostede deu en tolo, ou é que vacila comigo, que xa o ten de costume?

Litis soltou dúas gargalladas diabólicas, provocadoras, que pouco lles faltaba para cheirar a xofre:

-¡Rancañete, torpón e tacañete, un luxo! Vostede é unha acémila: ¡naceu parvo e morrerá parvo! ¿Canto leva cobrado dos Seguros, en tantísimos anos? ¡Nin un chavo! Pois ben, vai sendo hora de que empece. Con estes preparativos, cando rompa a tormenta, aínda que sexa en horas laborais, como tódolos obreiros correrán a refugarse para onde teñan a caixa de urxencias, que así non queda ninguén á vista, vostede terá preparado un bidón de gasolina, de vinte a trinta litros, máis ou menos; e daquela, que antes non, ¡para que non lles cheire aos operarios!, derrame canta poida, pero nas inmediacións do cable transmisor dese pararraios; quere dicirse, no arame, no fío descendente, no que fai terra. ¡Cousa máis fácil...; iso, dez minutos, fornicar e cobrar!

Rancaño, a voltas con aquela tentación, desesperado, comida a súa vontade; ¡a vontade, e case que a bondade!

-Os obreiros non me verán, coido que non, pero o que é Deus...! ¡Daquela, que Deus me pille confesado!

-¡Cretino, monxa da Caridade! ¿Deus, qué Deus? Esperte, Rancaño, que eu teño nos seus balances, correctamente rexistrados, uns cantos quilos, ¡millóns!, só en pino do Oregón... Lémbrese que os levou vostede mesmo á Construtora..., ¡sen que eu os dese de baixa nos seus libros! Deus, ese Xefe seu, ese Deus que din que está arriba, aínda non lle fixo ningún favor, pero eu, ¡eu si! Con este favor, outro, outro que lle brindo, que eses cartos do Seguro, esa millonada, deixámoslla quedar, enteiriña, toda para vostedes, ¡en atención á dona Ramona, que ben se merece a felicidade que lle reportarán eses cartos! ¡Palabra aureliana!

A tal momento do relato, aquel fisga preguntoulle a don Valentín:

-¿Que, qué lle parece? Lémbrese de que o dixo o propio Xesús; ¡aquilo de que os fillos das tebras son máis sagaces cós da luz!

Frei Marcos persignouse, por tres veces, ¡tres!, e preguntou, medio adiviñando a resposta:

-¿Chacho, ese Madeireiro non faría semellante temeridade; non o tentaría o diaño, nunha cousa tan absurda, rotundamente ilegal e perigosa, fóra de toda ética?

-¡Pois si! Certo é que o demo aínda non caeu tan baixo, pero o que é don Litis..., don Litis caeu!

-¡Será cabrito, a qué extremos chegou; de mal en peor, que aos soberbios vailles a penitencia no propio pecado!

-¡Natural, Tío Marcos! O raio, ou máis exactamente, unha gramalleira deles, dez ou doce alustros, apiadáronse do pobre Rancaño. Daquela mesmo, nada máis baleira-lo bidón, collérono in fraganti as primeiras treboadas do verán, e daquela mesmo..., ¡trooong!

-Entón, os do Seguro, eses Inspectores das Compañías, darían coa lata..., ¡e todo demostrado!

-¡Ai, xa! Pero non, que o Litis, a tal momento, previsoramente, andaba cerca, á espreita; por suposto, de gabardina, que o paraugas é perigoso, que fai de antena, así que recolleu a lata, escondeuna, e deu en berros dicíndolles aos operarios que ía polo Médico para o seu amiguete Lucas..., pero de primeiras quedouse a corpo, e iso que caían fungueiros de punta, para envolve-lo corpo do delito na súa gabardina; con el abeirado, disimulado, foise á casa do Salmonte, que tiñan un pozo na horta, e cumpría afonda-la lata da gasolina, gabardina incluída, no fondo dun caldeiro cheo de pedras!

Don Valentín fíxose tres veces tres cruces, que o seu pasmo íalle en aumento, en progresión xeométrica!

-Querido Fisga, por Deus remata, que isto excede, con moito, todo o imaxinable, todo o que eu esperaba dese tío, e non resisto un suspense tan seguido.

-Ese Madeireiro tivo sorte no seu Transo, que daquela Don Pedro ponderoulle as atenuantes, que entre as Misas da súa Ramona, a redención de penas polo traballo, ¡polo que levaba traballado en graza de Deus!, responsos, novenas, indulxencias..., ¡despachou cun ano, escaso, de Purgatorio! Don Valentín, se vostede non chega a estar aquí, arestora, no Ceo..., ¡daquela nin o cre!

-¿E ti, meu Fisga dilecto, con ese trunfo na man, outro máis, e tíñasnos aquí, xogando coas feas? ¡Convócote, polos meus poderes, para que localices ao Rancaño, ipso facto, que mellor testemuña non se atopa, desde Roma ás mesmísimas portas de Don Pedro!

-Ese Rancaño está fácil de atopar, que xa ascendeu a Anxo Subalterno no último Nadal, que o apadriñei eu mesmo. A tal momento téñeno polos cumes de Galicia, amparando nos Apagalumes. ¡Daquela ben milagres leva feito nesa reparación comunitaria! O único que non fixo, aínda, foi ampara-la súa Ramona...; ¡ou se cadra, si, segundo se vexa!

-¡Gardábasme outro secreto, eh pillín!

-De secreto, nada, en absoluto, meu caro Frei Marcos, que alí en Churiz ben público foi: Manuel deu en entenderse coa viúva, coa Ramona, ¡tal e como lle propiciara aquel Secretario, metido a Celestina, de propósito, para illalo da Mabel!

En canto á cónxuxe triunviral, sen divorcio pero emancipada no que ao tálamo se refire, seguiu de socia, só que agora en exclusiva, reservándolle ao seu inseparable Aurelio tódalas molladas, tódolos saltos do tigre, armario incluído. ¡Unhas tortillas interminables, de volta e media...! Aquilo de Churiz foi unha Babilonia, unha caldeira do polbo, a cachón, que nin o decrépito Salmonte se apeaba da recén viúva, galopada vai e galopada vén, deixándolles aos outros, aos socios, campo libre!

-¿Oes, agora que a lembro, aquela sobriña do Cura, aquela Saritísima tan inocente...? -Quixo saber Frei Marcos, máis ben para redondear o tema.

-Por aló anda, por Churiz, vestindo as imaxes do Cura novo, que esa é doutra madeira. En canto ao Secretario ben sabe que concluíu a súa obra mortal, nefanda, intoxicado con aqueles percebes...

-¡Quieto parado, detente aí, que iso está sabido! E agora, lárgate, de seguida, a busca-lo Madeireiro, que temos lume de sobra coa Apellatio deste Secretario, un descrédito para os do seu oficio, ¡cousa que lamento! Si, de veras, que nese Corpo, a inmensa maioría, son funcionarios probos, ¡probos e probados! O que non empece ás excepcións, que ben sei que non hai ola sen garavanzo negro. ¡Así escarmentarán os outros, os probos, en cabeza allea! O que non me pasa é o dese Aurelio, que mira ti que poñerse aquí Arriba con esas trapisondas, impasible o ademán, ¡e nada menos que nesta Porta Coeli...!

Aos poucos, noutra das Cámaras Celestes:

-¡Ola, Querubín! ¿Que, cómo vai esa garda, aquí, nesta Sala dos Lábaros?

-¡Ben; bastante ben, e iso a pesares da conmoción que tivemos! En canto a vostedes, ¿acabaron con esa Auditoría?

-¡Coido que si! Aquí traemos o Atestado, ben atestado por certo, que conseguimos as testemuñas de cargo, un trío, xente nobre e veraz; ¡nada de compadreos! O que sentimos é que non puidese ser antes, pero ese Tío saíu coa ánima máis atravesada có eixo dun carro. Deunos que facer para atopa-las probas, os indicios racionais da súa criminalidade; ¡en grado punitivo, se entende! A todo isto, ¿onde está ese Litigueiro, ese Litis? Dixéronme que tiña esa mesa dos Comunicantes, un facistol, por aquí fóra, por entre lusco e fusco, nun curro, concretamente no Adro da Perdoanza...?

Contestoulle o Alguacil:

-¡Frei Marcos, é certo que llo dixen, pero tamén o advertín da urxencia! Aquela profecía, lamentablemente, inexorablemente, cumpriuse. ¿Sabe?

-¡Que pena, tanto esforzo baldío...! ¡Que se lle vai facer, frustracións de toda Fiscalía! Pois, o que é por nós, máis á présa, imposible, que aínda nos quedou sen ver un milleiro de pecados; ¡seis ou sete Mandamentos, todos sen encetar! ¿Que foi do seu reclinatorio, da súa mesa, do seu petitorio?

-Lanzouna ao Purgatorio desde que se cansou dos seus Comunicantes. -Explicouse o Alguacil. -¡Como vedes, coa mesa das muletas atizoulles, aínda máis, ás pobres ánimas, ás que seguen aló embaixo, nese pozo das laparadas eternas, ese que ten por combustible o sebo dos ricachos...!

Frei Marcos sentíase desbordado por aqueles acontecementos,insólitos, imprevisibles:

-¿Entrou aquí e franqueou a Temible Porta, de seu, sen substanciar o seu recurso? ¡Pois miúda amnistía! ¡Isto é o máis estraño que me pasou, no tempo e fóra del, desde que nacín!

O Querubín tivo a caridade de explicarse con máis precisión, matizándolle:

-¡Como se ve que vides de estar concentrados nesa Cámara Escura, aí, na Fiscalía! Para dicilo nun plis-plás: Don Litis, con esas trampas, atesourou, ¡anos!, de perdón, maiormente con iso dos seus Comunicantes. Cando presentou o baremo das grazas santificantes, saíulle categoría de Coronel, ¡dos de Tres Vitis, e sobráronlle puntos! ¡Nunca tal se vira nesta Sala das Admisións!

-¡É imposible...; algo estará errado nese Balance! -Frei Marcos, como bo Fiscal, sempre desconfiando, ¡incluso no Ceo!

O Querubín, que estaba no certo, sostivo aquela afirmación:

-¡Pois non, nada, en absoluto; nin unha décima! A causa remota é que, con iso de que segue o celibato obrigatorio, deron en escasear os Cregos, e daquela dan absolucións colectivas, ou case, ¡incluso por Internet! Con esta relaxe, con este desatado, veñen as ánimas con puntos de sobra: ¡Puntos Transferidos, Aplicados, Comunicados...! ¿Frei Marcos, é que non o entende, vostede, sempre tan..., profético?

-¡Meu Querubín, por mirar atrás, déixasme de sal, como lle pasou á muller de Lot! A este paso ata non sei se acabarán poñéndome no Pórtico da Gloria, en Santiago, de soarego!

O Anxo riuse con ganas, ao pícaro, ¡como anxo que era!

-¡Este Frei Marcos o que quere é ve-la Esther de fronte! Pois non, que lle teñen reservado outro destino, ¡e non precisamente de premio! Fíxese cómo estarán as cousas, que Don Pedro volveu a perde-las chaves, a pesares do seu Don maiúsculo...!

-¿E logo, por onde anda o meu Kefas? ¡Non o vexo nese sitial da estípite!

-A tal punto o Sacro Colexio está reunido en Alto Comité. Seica lle propoñen a Deus unha revisión do seu Código de Admisión; colléronlle a palabra niso das Delegacións; ¡xa sabe, iso de atar e desatar!

-¡Oh, qué cousa; Deus nos asista!

-¡Pois, si! Pero o caso é que o señor Santiago, tan compracente cos seus galegos, pide un Xubileu total para tódolos que acudiron a espera-lo Papa no Monte do Gozo; e tamén para os que o viron por televisión...

Frei Marcos, cos ollos estartalados:

-¿A todo iso, Don Pedro, o noso Kefas, qué di? ¡Miúda situación; case que é un conflito de competencias!

-¡Uf, está que morde! Opina que nos imos quedar sen Purgatorio, ¡antes do Xuízo Final! E polo que a vostede respecta, deixou instrucións de que o destinemos a Europa, cos Fisgas Xemelgos, para que enderece as conciencias dos seus emigrantes, pois, con iso do Mercado Común, con esa Unión Europea, rodeados de protestantes, están caendo nun materialismo ateo que dá vertixe. ¡Algún deles anda de transportista, de camelo deses narcos...!

-¿De camelo chepudo? ¿Será por iso de carrexa-los feixes na propia cabeza...?

-¿Frei Marcos, en qué século estamos? ¡Vostede quedou ancorado no XIX, que hoxe en día, con iso dos tractores, ninguén sabe, nin padece, o que é unha rodela...! Camelos sonlle os viaxantes, os representantes, deses Cartels sudacas, e/ou das Mafias xibraltareñas!

-Nese caso, rapaz, fagamos a vontade de Deus; ¡a de Deus e maila dos seus Ministros, eses abbas terráqueos que logo mandan máis cá Deus!

-¡Moderación, irmán! ¿Non se lle contaxiaría aquel maquiavelismo do Litis..., de tanta observación e de tanta análise?

Líbera me Domine! O que pasa é que sempre se me encomenda unha labor excesiva..., e..., ¡xa ves, ás veces chego tarde!

-¡Ten razón, Frei Marcos, que o Campo Santo xa non está a campo, senón a monte! Hai moita herba e poucos segadores; moitísima herba, demasiada, ¡que por aí se acochan as serpes! Con iso de que o Bo Xesús prohibiu arrinca-la nichela..., ¡despois, no intre da sega, non a damos espallado!

-Intentareino, pero deixádeme un respiro; déixame que invoque, denantes, ao Espírito Santo, que aló abaixo, por Europa adiante, hai corenta linguas, ¡e precisarei un Pentecoste para prepararme!

-Non terá ese problema, Frei, que o galego fíxose universal; tanto, que o atopará desde a Fisterra á Finlandia, ¡maiormente na cociña dos hoteis!

-Nese caso, ireime indo... ¡Ah, un momento, que non me dixeches qué pasou co Litis...; quero dicir, despois desas ocorrencias súas tan recorrentes!

-¡Uf! Estalle tan alto que se o pretende ver, no suposto de que lle perdoe a súa inquisición, daquela terá que quita-la pucha, e chamar cos cotenos; así: ¿San Aurelio, pódese pasar?

-¿San Aurelio? ¿Dixeches San Aurelio? ¿Que santificación, qué coenxía, qué cargo lle deron? ¡Hai os fillos das tebras...! ¡Curros, Curros, que Deus te bendiga, e que nunca o demo te leve, que tiñas toda a razón do mundo, fose en prosa ou en verso, e máis leváronte ao Purgatorio, ao do Índice...!

-¿Cargo? ¡Cargos! Varios; tire de caderno e vaia apuntando, a saber:

+ Secretario-Administrador-Gratificante de Funcionarios con Carné, Juppies de Grandes Empresas, Asesores de Imaxe, etcétera. ¡Para a jet set, en definitiva!

+ Secretario-Interventor do uso que se faga cos Fondos Reservados e cos Diñeiros de Opacidade Fiscal.

+ Secretario-Delegado da Asociación das Madalenas Arrepentidas.

+ Asesor de Electores Confusos e Paladín da Democracia.

+ Mantedor de Honores, Protocolos e demais Floripondios Oficiais.

...

Frei Marcos, esgotada a súa capacidade asombro, interrompeuno:

-¡Alto, irmán, para xa, que me está entrando un repelús do diaño! ¿Todo iso é..., con ámbito estatal?

-¡Non, Señor, que xa foi abondo! Esas competencias limítanse a súa Galicia, que por algo o illa Don Pedro en Europa, a vostede, para que se actualice, pero tamén por razóns diplomáticas, de convivencia pacífica! ¿Capisca? Vostede, como bo galego, debe saber que, Sublata causa tóllitur efectus...

-¡Ah; menos mal! ¡Daquela, Laus tibi, Criste!

Don Valentín aceptaba pero non comprendía, así que, nun á parte, entre dentes, bisbou:

-¡Disto do Tráfico das Influencias, tanto dá que me reciclen como que me manden asubiar! ¡Isto, ese perdón gracial dos pillos, e maila Informática..., para min, para o meu celemín, son cousas igualitarias, irritantes! ¡Non hai que facerlle, que non as aturo, nin de pasado, nin de presente, nin de futuro; nin sequera na terra, canto máis no Ceo, pero..., o que manda, por veces, desmándase!

Daquela houbo no Ceo unha chuvia de estrelas, e eu asusteime, tanto, que incluso tiven un acto de atrición; ¡mellor me sería de contrición, pero, máis vale algo que nada! O caso é que espertei de bruces, diante do meu ordenador.

Na pantalla, por sobre destas nubes que lle serven de fondo ao meu escritorio, ¡que para algo estarán aí, digo eu!, palpexaban unhas letras grandes, negras, que poñían, e que poñen, que non as borrei, que igual é algo premonitorio, profético, do tipo daquel, Mane, thécel, phares,

FIN.

Dedicado á Democracia, pero á sutil, á inorgánica, esa lingoreteira parlamentaria, que se algunha virtude ten, é a de criticar aos homes públicos, aquí abaixo, na Terra, facilitándolles, no posible, que se arrepintan a tempo; quere dicirse, no seu tempo, en vida, para que deixen vivir en paz ao irmán Abel, que tamén é fillo de Adán, e por tanto ten os seus dereitos na torta do benestar público, xeral e xeneralizado!

Xosé María Gómez Vilabella

14 septiembre, 2008

Seriais Literarios


¿Pódese pasar?

-XIX-

Novela satírica

de

Gómez Vilabella

-o0o-

Réquiem

-...

-Si, tráiollo todo: Balances, copias das últimas Declaracións, das que presentei nos Bancos, este Certificado das hipotecas en vigor...

-Nese caso vaia encargando a cea, que témo-lo Camareiro agardando pola nosa comanda; eu, mentres, bótolles unha ollada.

...

-¿Don Aurelio, xa acabou; tan pronto? ¡Non lle deu tempo nin para sumar!

-Nin case os precisaba, que a súa situación financeira coñézoa ben..., punto por punto!



-Estou seguro diso; e máis lle vou dicir, que se non fose porque ese Xerente seu, ese Testaferro, ou o que sexa, me deu a entender, daquela, daquela que empezaron coas casas, que me encargarían a madeira de encofrar e maila carpintería interior, todiña, eu non me houbese cargado, nin de plantilla nin de madeiras, que incluso cheguei a importar un tren de cepillado, nesa confianza. Vostedes, co seu si pero non, mañá si e pasado non, leváronme ao horto; ¡e despois diso, nin vendas nin verzas!

-Rancaño, non difame, que iso non foi asunto meu, que non me ocupo desas miudezas dos amoreamentos; coido que as nosas desestimacións serían por culpa dos prezos: outras ofertas, iso das leis do mercado...; ¡en definitiva, cousas do Xerente!

-Don Aurelio, non trate de confundirme, que ben sabe que non foi así, que en Churiz todo se fai polas súas consignas; coma os coroneis, desde a retagarda; ¡desde a Secretaría, ou fóra dela! Teña presente que falo cos veciños da nosa Vila, e vívolle no mundo dos vivos. A súa especialidade é prevalerse do seu posto e dos seus coñecementos para afundirnos..., se non lles claudicamos, se non baixamos a man!

-Rancaño, aquí, entre amigos, de ti por ti, veu para botarme vinagre na cea, ou para que lle arranxe esta situación tan..., deplorable?

-¡Maldita sexa! Despois de todo terá razón, que agora que a burra vai no po..., ¡xo burra xo!

Litis, coa flegma habitual, que era abonda, demasiada:

-Rancaño, modérese, que non está facendo méritos, ¡maldito cousa! Voullo dicir: ¿Sabe por qué está libre, a tal momento, fóra do cárcere e falando aquí, comigo, neste hostal? A cousa élle simple: ¡Grazas a min, ao deostado Aurelio! Aínda fai pouco que foron consultar comigo, precisamente comigo, certos acredores seus, cos títulos de crédito en forma, e coas probas precisas para demostrar que vostede vén sobresendo, dunha maneira xeral, o pago corrente de todas, ou case todas as súas obrigas mercantís. Iso probaríano de sobra..., nas mans dun Avogado que non lle fose leal!

¿Que, cómo se queda? ¡Coa agravante de que nos últimos quince días vostede fixo constitucións dotais a favor da súa filla, de bens que lle son privativos, e por ende, afectos ás súas responsabilidades mercantís: concesións, traspaso de inmobles, sitos na Capital e/ou fóra dela... Todo iso, en vez de simular unha venda en efectivo, coa conseguinte minoración en Transmisións Patrimoniais... ¡Daquela vai vostede e cédeos, en pago de débedas non vencidas! Pero ollo ao caso: Aqueles débitos tiñan a agravante de que foran simulados e/ou incrementados de contía polo listiño do seu xenro, que lle aconsellou esa montaxe tan estúpida, maiormente a efectos da Facenda, atrasos fiscais, etcétera.

¿Qué; despois de verse descuberto quere unha corda, ou prefire as augas do Miño? ¡Advírtolle que baixan frías...!

-¡Non son un animal..., nin tan mal cristián!

-¡Pois está como para aforcarse...! Pero, co xenro de ganchete, vostede non precisa un adival, que el mesmo lle tira do cánabo. ¿Quere máis agravantes? ¡Tamén as teño, cantidade, e todas perfectamente comprobadas, con documentos acreditativos, admisibles en xuízo! Como ve, tiña, tiña e teño, sedela dabondo como para rematalo en condicións, pero ao fin e ao cabo tamén me teño por veciño de Churiz, así que saín fiador seu..., aínda que medio traizoando aos meus clientes con tal fiúza; aos outros, que ata lles prometín que non deixarán de cobrar, ¡que se non é de vostede, pagareilles eu, eu mesmo, como amigo seu que son, a pesar das aparencias!

O Madeireiro, Rancaño, alasando, tal que un pito na boca do forno:

-¿Pero..., pero..., non será unha das súas? ¿Tantas fixemos...; o meu xenro, el tamén...?

-Tan certo como que hoxe fun á Misa...; ¡outro alzamento de bens!

-Don Aurelio, perdoe; é que me puxen tan cego con aquilo do seu Plan Urbano que a verdade...; ¡a verdade é que o tiña no meu concepto por debaixo dun atracador!

Neste intre, e para máis retrinco, o Litis deulle unhas palmadas pseudoafectuosas:

-Nada diso, caro amigo; o que pasa é que a súa Empresa son as madeiras, e a miña, unha Secretaría. Falando en prata: Se vostede ía gañar unha millonada tan só con que eu estirase o polgar para arriba, xusto era que gañase eu, niso, unha alferga, ¡que menos!, que eses favores nas recalificacións do chan teñen o seu aquel...; ¡e grazas que os Concelleiros adoitan ser curtos e miopes, feitos de encarga! Pero iso xa foi; agora déixese de teimas, que se quere que o quite do xurro..., terá que darme a propia man!

-¡Doulla, señor; a man, e canto me pida! -O anxo do Madeireiro coidou que Aurelio lle tendía a man fisicamente, pactista, reconciliador, pero aquela frase do Litis era das súas, abstracta, metafórica, así que Rancaño tivo que devolve-lo seu brazo á posición anterior, ao seu peto…, baleiro!

Aurelio, impertérrito, gozoso daqueles ridículos minorativos do seu próximo:

-Aquí hai dúas condicións, sine qua non: Unha, o meu beneficio industrial; e outra, que de hoxe en diante tenme que deixar na Capital, pero onde lle diga eu, que se alguén o ve achegarse ao meu bufete, naquel mesmo intre tiro de folio e..., ag Rancaño! Unha vez á semana, digo, tódolos seus libros de Contabilidade. Vaia imaxinándose que está intervida, precisamente por min. Definitivamente intervida, que vostede, en por si, non poderá tomar decisións; nin decisións, nin pagos, nin compromisos que excedan..., poñamos que de mil pesos, sen consulta previa! ¿Estamos? ¿Lembrarase? Mire que tiro da sedela..., simplemente coa uña!

Rancaño, que non se tiña de pé naquel martirio, naquel purgatorio tan prolongado, calculado, demoledor, tatexou como puido, máis abatido cós toxos dun curral:

-Podo..., podo levarlle..., si..., eses libros..., a onde me diga, e cando mo diga, pero..., ¡ben ve o débil que estou! ¿Non quererá recollelos..., vostede..., ou alguén dos seus..., no serradoiro? ¡Mire que me fai un favor, outro!

Pero o Litis, gozoso de pisar no seu xigante, naquela peza ferida de morte, de morte cívica!

-¡En absoluto! Será na Capital, tal e como dixen. Ítem máis: Como chegue a ventar que ese xenro seu osma nestes asuntos, ¡ai daquela...! Ten as cousas gravísimas, mon ami, que o podo estrangular..., en vinte e catro horas!

-¡Doulle a miña palabra! –Prometeulle o Madeireiro, case que chorando.

-¿A súa palabra? -Aurelio, pola contra, mofándose da súa vítima, botou unha gargallada das súas, satánica. -¡Terá que darme algo máis, que ben sabe que o meu asesoramento é rendible! ¿Non está demostrado en cómo lle van as cousas ao Salmonte desde que cheguei eu, desde que o guío polos atallos?

-Iso é certo, que esa proba non se lle discute, pero vostede coñece a miña liquidez, ou por mellor dicir, a miña falta de liquidez! Estou na ruína máis absoluta, e calquera día pégome un tiro!

-Por iso, precisamente por iso, por esa eventualidade, decidín cobrarlle en especie. En especie, a tempo; ou máis ben, en labras. A miña paga ten que ser por adiantado; ¡onde non, non hai trato! Teño experiencia, contrastada, de cando o Plan, que vostede prometía pero non soltaba. Eu non lle son un carpinteiro dos seus, un homínido deses, que se conforman con cobrar a tres meses..., ¡coma unha letra! Iso se para entón non está no cárcere; ¡ou no mesmo inferno, dun tiro na sen!

O Madeireiro, na súa desesperación, alucinaba:

-Vostede é o peor carazo deste mundo, que xa naceu co corazón de xeo, e encima diso, aprendeu leis, coa picardía, coa habilidade necesaria para facer fraude delas, precisamente aquí, no rural, onde todos nos temos por avogados! Falando do corazón, vai paralizar o meu, así que, por Deus llo pido: dígamo todo, dunha vez..., xa que dunha vez terei que pagarlle!

Aurelio, sen inmutarse, todo friaxe, carouxo puro:

-Mire, a cousa é sinxela: con só esta escritura; ¡pero menos, tampouco!

O Rancaño, trabado, tatexando:

-¡Por Deus, non; iso non, que esa finca é a única que teño dispoñible!

-¡Pois por iso, precisamente por iso! ¿Igual se estaba facendo ilusións de manterme con pan balorento? Esta leira está do outro lado da estrada; ende, nin forma corpo coas naves da súa industria, nin a precisa para un suposto stockaxe da súa madeira...

-Don Aurelio, teña alma, como tododeus, que xa empezo a dubidar diso. Mire como é a cousa, que esa finca merqueina eu, que non é de herdanza, para facerlle unha casa á filla, se consigo saír desta!

-¿Saír desta? Escolla, pero como non vai saír da súa creba sen a miña axuda, daquela esa leira sóbralles; ¡a vostede, e tamén á filla!

Rancaño, cun pé na esperanza e co outro no mesmísimo inferno:

-Nese caso darame algún diñeiro, que esa finca representa, ben a gusto, un quince do meu patrimonio activo; ¡é demasiado para cobrarse en especie, unha simple minuta de asesoramento legal!

-Niso do quince por cen é no único que ten razón, que xa o teño calculado, pero é o que cobra un profesional da miña categoría, tanto aquí como na Coruña, por amañar, por legalizar, por canalizar unha creba fraudulenta! Como ve, conta redonda: ¡ou finca gratis datis, ou mortalla industrial, definitiva!

Rancaño botouse as man á cabeza, coma quen lles pon unha canterla ás zocas, para que non acabase de escachárselle en cen cachos:

-¡Deus me colla confesado, que disto a pactar co Patanexo, aí que se van! Accedo, señor, accedo, que outra non me queda; ¡e postos así, fágame ese papeliño, vostede mesmo!

-¿Como qué papeliño? -Vacilou Aurelio, que entendera de sobra.

-¡Cal vai ser, o compromiso desa finca, en abonamento dos seus honorarios!

-¡Non, señor, de garantía, nada: cesión absoluta, definitiva! E será mañá, por ante Notario. Por certo: a cantidade que poñamos como prezo da transacción coincidirá exactamente cun pago que lle farei eu, bancaria, nominalmente, da parte máis atrasada dos impostos que vostede lle debe á Facenda Pública, co cal quedará evidenciado que atendín, eu mesmo, por conta súa, débedas de carácter preferente; ¡así dilúese o alzamento dos seus bens! Lembre que son o seu Avogado; ¡e por parte, dos de antes, deses que operan sen anestesia!

Rancaño, recalcitrante, presuntamente astuto, coa remota esperanza de obter unha mingua:

-¡Deus llo pague, que ben vexo que me vai dar algún diñeiro pola finca en cuestión, a maiores!

Pero o Litis apuntillouno con man firme, coa impasibilidade dun mozo de estoques:

-¡A vostede, en vez de Rancañete, vou chamarlle, Tacañete! Non se me durma nos loureiros, que xa quedamos en que as súas operacións, de hoxe en diante, están intervidas, por min, ao cento por cen, e só haberá pasta alí e onde eu dispoña. A contraprestación real do diñeiro que eu ingrese para vostede, na propia Delegación da Facenda, e se acaso un cinco por cen para gastos de Notaría, Rexistro, Transmisións da parcela, etcétera, tamén os pagarei eu, eu mesmo, pero á súa conta, e materializaranse nun cargamento de madeiras da serra, que o pasará, vostede mesmo, mañá mesmo, de madrugada, antes de que o vexan os seus veciños, ás obras de don Manuel. ¿Entendeu?

Desde aquí mesmo, de noite, iremos directos para cubica-la madeira, a que eu dispoña, a que eu marque...; mellor dito, marcará vostede, de propia man, que eu estarei tras súa, coa miña pistola, que é unha Parabéllum, de máis alcance e de máis precisión cá súa, por se lle dá a tentación de facer xirar algún taboleiro ao redor da miña cabeza. Alí mesmo chamarei ao noso Xerente para que dispoña dese cargamento, ipso facto, previsoramente!

Na factura desta madeira, a nome do Manuel por suposto, que tamén a faremos esta mesma noite, vostede ponlle unha data retrospectiva, cobrada en efectivo! Deste xeito quedará compensado o meu cheque, o nominativo, o dos impostos. ¿Queda notificado, mon ami? ¡Míreo ben..., se quere salvarse!

Rancaño, abafado, esgotado, estivo a punto de padecer unha lipotimia:

-¡Cantos disparates...! ¡Vaia chanchullo, vaia abuso, que miúda humillación! ¿A vostede pariuno unha muller; si, de verdade? ¡Xa o dubido!

Aurelio, facendo ademán de irse, anoxado, bufando coma unha cobra:

-¡Será mamón...! ¡Atéñase ás consecuencias, que as provocou vostede; si, vostede, pasmón! ¡E comigo, punto final...!

-¡Don Aurelio, por favor, que por favor llo pido, agarde, non me deixe así, non me abandone, e transixa cos meus lamentos..., xa que non teño outra escapatoria, outras liberdades! -Despois dun respiro, naquela sufocación: -Nos meus libros, na miña Contabilidade, ¿como dou saída á súa madeira sen poñer unha contrapartida: nin caixa, nin crédito, nin contado, nin pagos adiados...? ¡Vólveme tolo, que xa non estou para porfías!

Canto máis laiaba Rancaño, mías se ría Aurelio, con sarcasmo, co seu sarcasmo habitual, corrosivo, desintegrador, diabólico...; pantomimas ben ensaiadas, eficaces, minguantes do contrario, que lle proporcionaban, de presente, uns óptimos resultados crematísticos con aquela parroquia de vasalos miserables, irredentos. Púxolle unha man no ombreiro, e o Rancaño soportoulla, con noxo pero con resignación, tal que se saltase un sapo ás súas lapelas.

-Rancañete, o que naza vergoñoso e decente, ou queira presumir de honrado, ese tal que non se vaia de putas, que as putas, putas son, e como tales, putean, fágano en Churiz ou en León! Vostede non ten nada diso, xa o sei, así que non se escandalice das miñas putadas, que no meu oficio sonlle emolumentos, lei de vida!

Vostede, hoxe por hoxe, dispón desa madeira, de toda a que me interesa, e dalgunha máis, tamén, sen pasala á Contabilidade, á real, que aquí teño os seus balances, en propia man! Por tanto, déixese de vergoñas e de indecencias, déixese de noviciados, que os seus problemas, e mesmo os seus vicios, son vulgares; ¡véñenlle de máis atrás, que a saber de onde lle veu esa fortuna...! ¿Sabe aquel refrán que di: nacín do po e irei ao po, de mal mantido?

O único que fago, que vostede, no meu caso, ídem de lenzo, é aproveitarme das trampas alleas, que a trapela non é un invento meu, ¡en absoluto! ¿Non se di que roubar a un ladrón..., cen anos de perdón? Por certo, antes de que se pegue ese tiro, faga o favor de asinar estes Balances, que me quedarei con eles en caución da súa palabra, que ao día de mañá virame con gaitas de se lle pagamos, ou se non lle pagamos, esa madeira, a desta noite... ¡Se non o entende, eu si!

Rancaño volve a tremer:

-¿Firma-los Balances? ¡Nunca tal me esixiron nos Bancos, e iso que son Bancos! Don Aurelio, por favor, por piedade, teña comigo un chisco de consideración!

-Estes balances, si; nós si que o esiximos, agora mesmo, ou..., creba fraudulenta! Non se equivoque comigo, que eu non lle son ese sopramocos do Xaquín, que ben sei que lle daba créditos sen as correspondentes caucións, de calquera maneira..., aínda que lle firmase nun papel de estraza!

-Agora que o nomea: Foi o propio Xaquín quen me dixo que vostede lle aconsellou subirme os límites, favor do que sospeitei tiña de cauda que eu fixese liquidez, abonda, para darlle, de contado, en negro, naquela ocasión, aquela mordida, canto me pediu, daquela do cambio de uso dos terreos, iso de pasalos a solares no seu Plan Xeral de Churiz...

-¿Aínda segue gozando con ese luxo das sospeitas? Señor Rancaño, isto de agora son lentellas: ¡como na Lexión, deixalas ou papalas!

Rancaño chegara a tal punto de abatemento que incluso se lle esvaeu, desapareceulle da vista, aquela mesa, a que tiñan diante. Debruzouse nela, pero fisicamente, instintivamente, por inercia, para ancorala no chan:

-Xa que logo, na imperdible, páseme eses Balances, que estou perdendo a vista..., ¡antes de que me dea un testavao! O que lle pido é a súa palabra de que non fará mal uso deles, destes documentos, agora que..., agora que os converteu en falsidade mercantil, coa miña propia sinatura!

Aurelio apresurouse a garda-los papeis, aquelas probas indubidables, asinadas, forzadas, na propia carteira, na súa!

-Exacto; acaba de referendar as artimañas que lle trenzou ese xenro seu, ¡tan inútil como estúpido! Agora todo depende de vostede, que se marca o seu naipe, ¡como moito, ás vinte e catro horas, Xulgado ao canto!

O pobre Madeireiro, xa agónico, a punto de deñalas, insistiu, cavernoso:

-¿Don Aurelio, non me vai anticipar..., algo..., algo diso..., do que vaia facer para quitarme desta creba?

-Xa o verá, xa, vostede mesmo, desde que…, ¡desde que estea esa madeira nas obras do Manuel, e resoltos eses atrasos da Facenda, e escriturada esa finca, esa que simulará venderme..., etcétera! Vostede métase entre as sabas coa Ramona, e fedelle con ela canto queira, a pracer, mentres poda..., xa que non vale para fode-los clientes, que iso é o que se espera dun comerciante, dun mercantil que se prece de tal!

Dalgún sitio tirou folgos para seguir con aquela pugna:

-Precisamente, que por tranquilidade da miña señora...; por iso, por iso llo pido, que a pobre, desde que demos en perder diñeiro, precisa e directamente por culpa da súa negativa, da de vostedes, a servirse daquela madeira, para esa sociedade, falsa, instrumental, para esa pseudo-promotora... ¡Vaia, que a miña Ramona evapórase polos seus olliños!

Aurelio, impasible, pois, canto máis sofrente o vía, máis lle apertaba aquela canga da tortura, da desesperación:

-¿Chora, eh, Boabdil merdento? ¡A que lle espera se non cumpre todas e cada unha das miñas instrucións! Rancaño, para empezar, con só que eu lle dea queixas ao Manuel, ao día seguinte aplicarémoslle, de plano, o Regulamento das Actividades Molestas e Insalubres, e poñerémoslle cen letreiros de prohibido aparcar diante da súa factoría, cun Garda anotando a tódolos veciños que lle compren unha táboa, e outras corenta mil vendetas que se me veñan á imaxinación, sexan oficiais ou particulares, coas que vostede preferirá fuxir ao quinto inferno, lonxe do seu Churiz, lonxe da súa Ramona, desfacendo un fogar e agravando as responsabilidades desa creba!

Rancaño estaba coa cabeza entre as mans, cos dedos feitos espiños, unha especie nazareno a punto de patatús; tanto, que Aurelio, por primeira vez na súa vida, retrocedeu, freou un tanto naquel asañamento, naquel martirio:

-Voulle falar da parte positiva, pero iso será se me acata estritamente, pois, neste caso, teña por certo que vostede e maila súa dona terán un retiro feliz; ¡como pouco, nun hotel de dúas estrelas! Isto que lle digo parece unha metáfora, pero xa verá que o cumpro; ¡palabra imperial, miña, que eu son o segundo Aurelio, que eu si que creo na reencarnación, na dos grandes cerebros!

Aquelas verbas, aquela "palabra imperial", aquel albisque de novas esperanzas, déronlle a vida ao Rancaño. Incorporouse, medianamente reconfortado:

-¿Si; de verdade? Daquela, irémonos, antes de que se arrepinta. ¿Que, qué tal lle pareceu

a cea?

-¿O que, a cea? ¡Bastante ben! O de menos é comer cando se ventilan outros intereses máis nutritivos, que vostede, neste arranxo, non só se libra da cadea senón que lle vai seguir botando pan ao caldo! ¡Xa llo dixen, se me quixo escoitar: Palabra aureliana!

Ese tipo de ¿palabra?, era un enigma para o Rancaño, mais..., ¡peor podía ser!

-¡Ímonos, logo; cando queira! Despois de todo, despois de canto me afrontou, do que me fixo sufrir, quédolle agradecido, que certamente viña mal predisposto, aínda peor, así que, na imperdible, agárrome á súa palabra!

Litis, con sorna, atorrante, bramando coma un boi:

-¿Coida que os hai peores; onde, onde están...?

-¡E se cadra, hainos! Mais, de ben pensado..., nesta terra, non!

Parecería natural que se anoxase o tal Aurelio, pero, en absoluto! Ao contrario, sentíase feliz no seu papel de anticristo.

Aurelio, á vez que se enfundaba o gabán, deulle novas instrucións, abusón coma sempre, demoníaco, imperativo:

-¡Outra cousa! Mañá mesmo, na Notaría, quérolle ver tódalas pólizas dos seus seguros, tódalas que teña, que desde que firmemos esa compra - venda heille botar unha ollada á letra miúda, que igual convén cambiar algo, antes de cerrar o seu exercicio!

-Descoide, que as levarei. Canto queira, que de meu, o que é de meu, neste pauto só me queda a ánima, e para iso, escachizada!

-Rancaño, non se poña tremebundo, que vostede escolleu; ¡vostede mesmo, que sempre escolle o propio prexudicado, e despois, quéixanse!

-Escollín, si; escollín..., ¡pero foi entre o lume e mailo remol! Mire, como non estou para conducir, ¿quere levarme vostede, e mañá mando ao meu xenro a busca-lo noso, nos coches da Liña...?

Aurelio accedeu, pero fíxoo apearse de lonxe, á entrada da Vila, para non contaminarse, para que non os visen xuntos!

Ao outro día, en Lugo, con aqueles papeis dos seguros na man:

-Esta Póliza de incendios logo é máis axeitada para unha canteira que para un serradoiro. ¡Parece mentira en vostede, un laión, que só fala de infortunios!

-Pois levo así dez anos, ¡dez!, e nunca desgraza tiven, que procuro illa-los enchufes, os empalmes; ¡todo!

-¿Se chegase a haber un incendio, daquela, qué?

-Nese caso..., ¡quedaríanme os terreos, eses solares, que a terra non arde, salvo que a queimen os diaños, que daquela pasaría a ser inferno!

-¡Xa! ¿Os diaños...? -Con sorna: -¡Non sei logo por qué se desespera de que se lle afunde a industria! Mire, Rancañete, que tal nome merece, e míreo cos pés na terra: A esta Póliza hai que facerlle un Suplemento, urxente, dentro do pouco que queda deste ano, elevando a cantidade asegurada para que coincida, sequera sexa por aproximación, co valor real, total, desas naves, maquinaria, instalacións...; ¡e tamén cos seus valores de reposición! Por suposto que de toda clase de existencias, tanto de materias primas como produtos elaborados.

Voulle evitar a Creba, que niso estamos, pero o que é a Suspensión dos Pagos, tal e como están as cousas..., vai ser Necesaria! Poña atención, que esta é unha cuestión legal, e por ende confusa, obtusa, profusa e difusa..., para os leigos en cuestións xurídicas!

Sen esta ampliación da cobertura dos seus Seguros, os acredores, calquera deles, pode alegar, ¡alegarano, qué menos!, unha neglixencia temeraria, que dese xeito, por imperativo legal, esta Suspensión dará en Creba. ¡Fraudulenta, con maiúsculas, que ese nome ten! Para que o entenda: ¡Cadeas, cárcere!

O rico/pobre, Rancaño, outra vez abatido, desesperado, impotente e incrédulo, coma un rato na rateira; e para máis pánico, con aquel felino axexante, paseándose ao seu redor; coas poutas enluvadas, iso si, pero disposto a murarlle as tripas.

-¡Meu Deus, desta..., punto final! ¡Ás veces, xa o di a miña Ramona, é mellor non saber nada, pero que nada de nada!

Merde de home, cagueta, que tampouco é así! Aguante, Rancaño; aguante e tire do folgo, que aínda quedan traballos sen facer; ¡traballos persoais, intransferibles, indelegables, seus! De momento hai que ponderar outros factores circunstanciais: Vostede puxo ao persoal en contra súa; levantados, segundo os meus informes, tal e tanto, que incluso están a tal momento nesa folga dos brazos caídos. Como lles sobra razón, é máis que probable que algún deles lle provoque un incendio, un laparío total, vingativo. ¡Estatisticamente comprobado, que iso é o que pasa, sempre, ou polo menos, a miúdo, nos conflitos laborais dos madeireiros que se enconan!

Ao Industrial aínda lle quedaba un adarme de fe na humanidade:

-Os meus non farán tal cousa, que daquela, meus pobres! Daquela é cando non cobran un chavo dos seus atrasos...

-Estoulle dicindo que teñen a carraxe acumulada; ¡máis odio, máis carraxe, do que madeiras! Pero o caso é que eles teñen razón, todos, toda, que algo así lle estaba pasando a vostede; comigo, si, comigo, e non se alporice, que por regatearme unha simple comisión, un

mero galano, daquela, si, daquela, vostede quedouse cos solares sen clasificar, sen clasificar e sen cualificar; ¡coma o seu dono, rústicos! ¡Vaia administrador e vaia dilapidación, cos talentos metidos na súa caixa, no peto, balorentos! Pois ben, nas súas circunstancias tense que ocupar desta Póliza, hoxe mesmo; elevar a súa contía e perfeccionar as modalidades, que o risco de incendios, por caída de raio e/ou de tormenta, toda clase de meteoros, non pode seguir excluído, ¡nun serradoiro, nun serrradoiro, nun serrrradoiro...! ¿Entroulle nesa chola súa, de serraduras, de tendeiro obsoleto?

-Aurelio, non mo poña así, que lle teño un bo pararraios; tan alto e tan bo, que mesmo polo Santiago baixan as chispas, esas que van ao foxo do carbón; ¡e ningunha saltou aos talameiros!

Litis, no seu prebe, exultante, enigmático, ferinte:

-¡Que me vai dicir se xa reparei niso! Vostede explíquellelo, con esas verbas tan descritivas, á propia Compañía; ¡si, á Compañía, para que lle rebaixen as primas! Rancaño, vostede, a mais de torpe, é un mal administrador; todo o contrario do que debe ser un páter familias. Un inocente, ou por mellor dicilo, un cretino integral!

O Madeireiro tentou de argumentar, pero sen forza, xa en retirada:

-Ben fala, ben; tan ben o fai, que me está relando, pero faino con pólvora allea: Dígame, ¿con qué pago, eu, esas primas, esa elevación delas? Para o que queda de meu, así ardese todo; ¡eu coa madeira, por suposto, para rematar máis axiña con este impasse, con este calvario!

Aurelio coñouse por enésima vez, pero desta fíxoo a gargallada limpa; ou por mellor expresalo, sucia, acre, ferinte:

-¡Home de pouca fe: vostede abonará con madeira, coa que lle resta; con esa que non está rexistrada, aquí, neste Inventario, no reconto oficial! Por parte, en paralelo, falarei co Manuel, para convencelo de que lle paguemos nós, nós mesmos, eses Suplementos da Póliza. Casualmente, con tantas casas en construción simultánea, andamos co efectivo algo taxado, mais a nosa diferenza con vostede estriba en que nos sobra crédito, de Banco en Banco, que nolo ofertan, día si e día tamén, porque o merecemos pola nosa solvencia, pola nosa previsión, mentres vostede queimaba as súas oportunidades, absolutamente todas, nesa pira dos desacertos, ou máis exactamente, das imprevisións!

Inda máis, unhas previsións baseadas, inxenuamente, torpemente, na palabra do Manuel, deses listeiros de don Manuel, que non tiñan poderes, e seguen sen telos, simples empregados dun rival seu, dun Alcalde - promotor, enconado con vostede, nada menos que por unha simple ameixa, por unha muller! Por iso, por algo, témoslle que cobrar os empréstitos en firme, de contado, coa propia madeira, que nós non estamos á recíproca!

Non hai labrego nesta bisbarra que non coñeza, que non coñeza e non practique, ese dito de que, ¡amiguiños, si, pero a vaca ten un prezo! Eu, no seu caso, queimaba o seu título de Bacharel..., que vostede desacredítaos!

Rancaño, psicoloxicamente minguado, ninguneado, feito cisco, nin sabía cómo argumentar, cómo soster, unha mínima defensa da súa dignidade escarnecida. Con poucos azos, pero intentouno:

-Haille unha gran diferenza, don Aurelio, que eu non son culpable; ¡en absoluto, de nada! De nada, en absoluto, que vostedes afundíronme miserablemente, torpedeando aquelas expectativas, tan lóxicas, dos meus abastecementos, das miñas previsións e das miñas provisións..., infundadas! Cousas que me insinuaran, subministres lóxicos téndome aquí, aquí mesmo, de par súa, con madeira de calidade, ben curada, e vostedes foron merca-la rin á Coruña, por prezos incluso superiores ás miñas ofertas, en puro dumping, de cabronada que se di, que burro serei, asnal de todo, pero o que é do meu mercado, algo entendo!

Que si, que ben o sei, e non me mire de esguello, con ese desprezo, que eu téñolle alma. A súa xente, esa do triunviro, maiormente aquel Encargado, aquel ao que lle conseguiron un contrato de Obras Públicas na Coruña para alonxalo en vista de que aprendera demasiado ben o seu oficio, cando un, cando outro, xa digo, que todo se lles volvía dicirme que cun barco, o ou con dous, dese pino de Oregón, eu non ían ter nin para a primeira fase da súa Promotora, e despois das promesas, despois dos embarques..., se te vin, non me lembro! Teñen a lingua bífida, de dous falares, coma as serpes, tal cal!

Litis acendeu os ollos ao verse tan atinadamente descuberto e cualificado, mais para esas descargas do maligno aquel Madeireiro non tiña pararraios:

-¡Alto aí, Rancañete, e non volva ás recriminacións! Faga o seu mea culpa, e recoñeza, dunha por todas, que sempre tivo madeira de toda clase, en exceso; e do Oregón tamén, ¡agás de empresario! ¡Tirouse á auga sen saber nadar!

-Don Aurelio, non sei como o fai, que sempre me tapa a boca con absurdos, con sofismas, con verdades a medias... ¡Trágame terra!

-Mire, Rancañete, ou Racañete máis ben, déixese de lerios, que vostede, de presente, fai abondo con agarrarse a unha táboa podre, esa que vai polo río abaixo. ¡Estase apartando das súas asas!

-¡Oh, Deus, ter que tratar con vostede, mais na imperdible...! Pero volvamos ao presente, ao asunto deses cartos: Enténdese que lle van pagar á Aseguradora...; ¡non, que lle pago eu, en táboas, con outra partida de madeiras, ao seu través...! Daquela, ¿que fago co persoal, que niso levan razón, que nin traballan nin os podo botar? ¡Ai, Deus, qué vida, qué desagradecemento; e co ben que os tratei na miña prosperidade, que ata lles fun ás vodas, case sempre de padriño, con largacía, xenerosamente!

-Diso, de momento, non sei que dicirlle; teño que estudalo, que sempre analizo por partes; sempre, igual que en Gramática. Pero o máis urxente é unha xestión que lle vou facer no propio INP, para que traspapelen, por algún tempo, o expediente da súa morosidade. Mentres, nós imos arranxando outras cousas, tal que esa do persoal. De momento, media paga, para que sigan traballando, arreo!

O mellor con vostede vai ser unha opción de compra deses terreos, dos que lle restan, e que asumamos, nós, Mabel e mailo Manuel, as súas hipotecas. Daquela faremos un estudio selectivo deses operarios para afrouxa-la súa plantilla, tirando á rúa unha ducia deles, dos peores por suposto, para que escarmenten os outros, para que se maten a traballar..., co medo a verse no paro, ou camiño de Suíza!

Rancaño quixo ver naquelas verbas unha media promesa, un raio de luz:

-¿Entón, os excedentes, tódolos excedentes..., colleranos vostedes, na Construtora? ¡Por favor, si, fágano, que é de xustiza, xa que vostede non entende de caridades!

-¡Rancañete, non corra, non se faga ilusións precipitadas, que aínda o temos no mandilón do seu bautizo! Déixese de inxustizas, déixese de moral, que todo iso son conceptos infantís, abstractos, superados. Vostede logo parece unha monxa, pero, desvirgada! Aquí tratamos con materias primas, que tal son eses recursos humanos aos que me refiro; ¡outra clase de madeira, outra! Volveremos ao tema central en mellor ocasión, sen présas, que ao de agora vou suar tinta para convencer ao Manuel de que se quede cos mellores, cos especialistas. Do resto, o máis probable é que lles axudemos para que se vaian fóra, por Europa arriba; ¡se renuncian aos seus atrasos, obviamente! Recolla eses papeis, que por hoxe estivo ben; ¡do mellor! ¡Xa lle digo que eu sempre vou por partes! E daquela, ¡abur!, que teño que tratar cos meus socios para traducirlles iso da opción dos seus solares, esas leiras do serradoiro, que tantas molestias me causan!

Rancaño, que perdía vitalidade a razón dun ano por cada día de rechufla daquel Secretario dos seus secretos; en cada un daqueles experimentos tan humillantes, en cada sesión daquelas, ¿celebradas? con aquel ¿Asesor?, ¿Asesor financeiro - legal?, abatido, submiso naquelas xeremiadas letais, mal soportando aquel falcón da "palabra aureliana".

-¿Crebado, eu? ¡Ai, Deus, quen fun e quen son, agora, cunha creba ao lombo; eu, que fun máis rico, moitísimo máis, có propio Salmonte! Síntome tan avergoñado que só me apetece coller un fardel e irme ao monte, para non volver ao meu Churiz..., polo menos ata que vostede recompoña esta desfeita!

Aurelio, cebándose con saña, máis, aínda máis, con aquela pezoña de alacrán:

-¡Rancaño, iso é verdade, case verdade, pero é unha verdade tardía, que vostede non tivo un secretario de péndulas! ¿Que lle custaba, daquela, cando arribei ao Churiz, poñerme en nómina, ou pasarme un sobre, mes a mes, a cambio da miña, digamos, amizade? ¡Hai que saberse rodear de colaboradores, de amigos idóneos situados en sitio idóneo no intre idóneo, que tal foi o caso de don Manuel!

-¡Será iso, será! É boa verdade que neste mundo dos negocios, dos obxectivos planificados...; en definitiva, das trampas, cando un morre, tiña que nacer!

-¿Vostede, señor apampado, cre na reencarnación, na segunda oportunidade? ¿Si? ¡Pois ándese con coidado, que se eu reencarno en aguia, vostede farao en asnal!

-¡Don Aurelio, por favor, non blasfeme, que niso de crer..., eu..., só en Deus!

O Litigueiro sulfurouse de novo, de mala maneira:

-¡É vostede o que ofende, lle repito; e non está en condicións!

-¡Xa calo, xa; mais non esqueza que por encima dun cacique sempre hai, sempre hai e sempre haberá, outro, outro cacique, así que non se asoberbie, e faga os posibles para abaixarse ao chan, que aí arriba, aí onde se dá de aguia..., ata aí non chega nin o Ministro da Gobernación, para canto máis...!

-¡Eh, oia, que eu non son ningún cacique; eu son..., un seguro servidor, pero iso si, dos amigos!

-¡Claro que non, que vai ser! Vostede úsaos, aos amigos, aos caciques, e faino de aluguer, ao servizo dos seus propios intereses; e por encima diso, coróaos de..., de cornamenta..., por se non tiña abonda ese Salmonte!

Aurelio riuse despectivamente naquela esgrima desigual, ciscándose na escuma do cabalo do orgullo do pobre Rancaño, do Bacharel Rancaño. Con catro artimañas, con aquel pánico que acertou a imbuírlle, tíñao freado, tarado, sen iniciativas; co bocado do traveso, sen deixarlle abri-la boca, con toda a facenda, con todo o seu patrimonio traspasado e/ou bloqueado. Para máis sufrimento, a cada intre craváballe aquelas esporas de alacrán, así que ao Madeiras só lle restaba encabritarse e rinchar, aínda que sen efectividade algunha, sen posibilidades de desmonta-lo seu xinete, un centauro por xinete, mesmo apocalíptico!

Aos poucos, diante da cheminea paciega, testemuña xorda e cega de tantos enleamentos, de tantos urdidos:

-Falando doutro asunto: ¿como vai iso do Rancaño, meu querido socio e, non obstante, amigo? ¡Se é que podo preguntar!

-O que é preguntar, podes, que toda indiscreción está na resposta. Mal, bastante mal, que me fai suar tinta, e encima diso, feito un renarte, que para pedir, insulta, e sen deixar de insultar, pide; ¡non o dou esfarelado!

-¡Pois, para que ti súes, co frío que tes o sangue...! -Atreveuse a afirmar o seu Alcalde.

-Ese Madeireiro téno todo atrapallado: complicacións xurídicas, torpezas contables, erros laborais...; ¡de todo, menos prudencia! Sempre me admirou que podan chegar a ricos certos idiotas...

-Pois esa enfermidade era precisamente a que lle querías agravar, ¿non si, Aurelio? Lémbrate que seguimos a túa consigna, en todo, particularmente naquilo de provocarlle aquelas importacións masivas, innecesarias. ¡Unhas madeiras que o emparedaron, que o inmobilizaron, pois, entre réditos, corretaxes comisións, e mailos etcéteras, saíanlle aqueles créditos ao vinte..., e agora, de cumpridas as túas previsións, medio nolas está regalando! ¡Ese baixa en picado, coma os paracaidistas!

-¡Certo, exacto! Fíxeno todo cunha estratexia de longo alcance, que é a boa nestes casos, pero fóisenos algo a man nos preparativos, no seu quentamento, no embarque...

-¿Fóiseche a man? Non sei a qué te refires, nin me importa..., salvo que se pegue un tiro, que iso hai que evitalo!

-¡Vaia, Manuel, que por esta vez fuches listo! ¡Atinaches!

-No que tes que ter coidado coa man é niso da sobriña do Cura, que se a violas, afúndesme... ¿Como era? ¡Iso, a entente!

-Si; unha entente cordial. Sempre é un bo equilibrio de poderes o da Igrexa e mailo Alcalde..., sexan de Churiz ou das Corenta Fanegas! Aquí o único que está afundido, definitivamente afundido, é o teu rival, ese Racañete, que ata lle cambiei de nome! Un pobre de espírito, un..., ¡un marrón! Para máis fodelo, despreceille o seu título de Bacharel..., para poñelo en coada, coa cinsa!

-¡Anda ti que se morre dun infarto, ou se suicida, e eu, coas mans no peto, sen socorrer á Ramona...! Aurelio, faime o favor; insístoche en que vaias con xeito nesta affaire.

Pero o Litis, nas súas maquinacións, sempre ensaiando estratexias de longa distancia:

-Sendo por unha caridade, a Mabeliña igual che deixa montar o teu harén coa Ramona, cedéndolle dous á semana!

-¿Chacho, que é iso do harén; ter odaliscas a pares, non si?

-¡Alcalde, qué pouco sabes, qué cultura tan de..., feudal! Ti, hoxe, se en lugar de reencarnar, retrocedeses, daquela, coas túas mesnadas, en terra de mouros..., tomarías ás odaliscas por monxas de clausura!

-¿Para que a preciso, iso, a cultura, tendo un Secretario de perendengues? -Terzou Manuel, saíndose pola banda.

Pero o Litis, que pasou por alto aquela loa:

-¿A todo isto, que é da nosa Mabel, non está na casa?

-¡Cala, ho, que estará a chegar! Esa aprendeu das túas planificacións; tanto, que resulta que o outro día acompañou de tendas, aló na Coruña, á señora do novo Gobernador, e daquela viron unha xerra china macanuda; ¡monárquica, sabes!

-¿Monárquico, ti, que te dás de falanxista? ¡Ai, Manuel, cave ne cadas, que xa o dixo san Baco!

-Iso, iso de que é monárquica díxoo Mabel; ¡non sei de qué dinastía!

-¿Na Coruña? Asegúroche, sen velo, que o sacarán do escaparate antes do próximo verán; iso, antes de que amosen polas inmediacións certos veraneantes paciegos...; ¡aqueles que ti sabes!

-¡Non hai caso, que xa o sacaron, e mais estamos no inverno! Mabel faloulles aos da tenda, á volta, por teléfono; e sen máis, envioulles un cheque, de contado. Mandáronllo onte, por un propio. E non mo ensinou porque o trouxeron envoltiño, en papel de prata! Hoxe, de mañá, saíu co seu paquete para que a Gobernadora poida luci-la cousa..., ¡traída dos Reis! Vaille dicir que é un galano da súa amizade, algo persoal, e que por iso llelo leva en persoa. ¿Enténde-la cousa? ¡Nos tamén colaboramos ao choio; menos cá ti, pero algo, ou moito, que nós damos a cara!

-¡Desde logo que si, que todo iso é persoal; e monárquico, tamén: dinastía china, regalo de Reis! ¿Eh; escoita? Pareceume que paraba un auto...; ¡aí o tes, aquí diante, na rúa, que non o meteu no garaxe!

Salmonte, sempre solícito co seu Secretario, asomándose:

-¡En efecto; pero, chacho, qué nafres, cómo a ventas, mesmo de lonxe...!

-Olfacto e oído; ¡de sátrapa teu, naturalmente!

-...

-¿Cariño, xa de volta? ¿É que non te recibiu?

-¿Recibirme? ¡Cos brazos abertos, que nin que foses ti, Manueliño do meu xustillo! ¡Uiih, cómo me quere! Pero non a entretiven, case nada, que tiña outras visitas agardando pola súa audiencia, e todos eles cuns paquetes grandísimos, que llelos levan en propia man…; supoño que será para evitarse testemuñas! Como di este animal do Manuel, ¡para testigos só valen os testículos! Eu trilaba por traervos esta nova, de leda que veño, polo moito que lle gustou. ¡Se a vises, Manuel, tan cariñosa, tan apreciativa do meu galano! Daquela cortábaseche a diarrea...

Manuel que si, pero con dúbidas. Suxeriu ao respecto:

-Por se acaso, coido que debemos seguir con ese plan de facerlles, a estes, outro chalé; ben rematadiño, e tamén nun sitio guapo. ¿Ou ti qué opinas, don Asesor?

-Naturalmente, que dese xeito a xerra volve para Churiz; e xa que non temos, aínda, un Museo local, esa xoia, no chalé desoutros amigos..., un sucedáneo!

A Mabeliña, máis garatuxas que unha gata diante do seu prato do leite:

-Manueliño, ¿déixasme darlle unha aperta ao noso Asesor...? ¡É para felicitalo polos seus acertos nestas iniciativas; tantas que van, e todas atinadas, que sempre apunta ao miolo!

-Só unha aperta, ¿eh?, que aquí o Alcalde sono eu, e as pernadas tamén son miñas, que iso de visita-lo teu miolo..., ¡eu! ¡Por lei histórica, como esposo, como feudal e como Alcalde; tres exclusivas señoriais!

-¡Vale, meu anano, que es unha carracha celosa, pero que conste que un biquiño dos meus, unha chuchiña, un biquiño dos castos, pouco pagar é para un Secretario da súa categoría!

Manuel, celoso e incómodo, tiña présa por cambiar de temática, que aqueles mimos daquela Mabel.., ¡líbera nos, Dómine! Se aínda non os vise, pero ela...; ¡ela maldito se recato tiña, nin o tiña nin facía por poñelo!

-Volvamos ao de antes, que para nada, botamos un día. ¿Que me ías dicir do noso Rancaño?

-Falarei, si, pero con prevención, coa enésima prevención, meu querido Manuel, de que non te tente o demo achegarte ao Madeireiro, que está coma unha fera agónica. Daquela pode darche un poutazo, ou un tiro, que ese tustarelo, na imperdible..., roe os calzóns de quen se lle achegue!

Manuel, un conainas, covarde por natureza, enzubrigado pola mediación á que o tiñan sometido, neste caso sentiuse feliz con aquela reclusión imposta polo seu propio factotum:

-Sendo así, logo será cousa de que non salga, de aquí, do pazo, nin á Consistorial, en días, por se nos atopamos na rúa, e se volve a min, ou me pega ese tiro, tal que polo cu, á traizón!

-Manoliño tembreque, tampouco debes extremar, pero o de cambiar de rúa, si, iso si, se o ves por diante, por diante ou cerca. O que temos que facer, agora, agora mesmo, e poñernos dun acordo no prezo que lles vaiamos asignar aos terreos. Hai que formalizarlle unha opción de compra, inmediatamente, mañá mesmo, antes de que rompa augas!

-¡Chachooo...; así que o tes a parir! ¿E foi coa metade fóra? ¿Directo ao miolo..., ou ao traseiro?

-Manuel, non sexas chabacano, que tampouco é de risa, que aquí estamos constituídos en Xunta de Socios, e Aurelio tiña, e ten, a palabra. -Mabel, ao positivo, aproveitando tódolos tantos co seu bobo útil, co matrimoniado, pero aquel poñente tan impoñente, en paralelo, seguiu poñendo: ideas, tramas, urdidos, falsías, extorsións...

-Entendo que eses terreos debe valoralos aquí o Manuel, que para algo é Perito...; ¡se o é, que o demostre!

O aludido escorreuse:

-Esas terras son solares, e eu son..., ¡Agrícola! Aurelio, faino ti, que cho agradezo.

-Algún día serán solares, pero, cando o digamos nós, e só para nós! Tampouco é unha industria, que esa cousa obsoleta estouna desmontando eu, eu mesmo, sobre dos papeis. Todo iso, para o noso trato, aos nosos efectos, son terras, simplemente terras a monte, baldías, incultos lastrados de serraduras, e por tanto, atribucións manuelinas, no teu carácter privado...

Aquel Perito, manipulado, reconducido, dobrouse:

-¡Visto así...! Logo esas terras pouco valen, que mentres non se lles retiren as serraduras e mailos tinglados do Rancaño..., nin para horta!

-Diso se trata, Manolón. A ver, fai números, que che trouxen unha Texas, destas de peto, de regalo; ¡tamén da Coruña!

Mabel, na súa permanente coquetería, facendo que se enfurruñaba:

-¡Mira qué ben; e para min, nada!

-Carísima Mabel, o teu regalo xa está aquí, no propio Churiz.

-¿Ai, si? ¡Aureliño, es magnífico, aínda que, á verdade, non esperaba menos vindo de ti! Se non se enfadase este Manolón, a tal intre dábache una boa aperta, outra, pero é que este animal, este ser tan primitivo, este oso que durme na miña cama, confunde a amizade, pura e platónica, co prato das fabas. ¡Co prato e coas bailarinas!

Fitouna Manuel, de esguello, amoscado pero claudicante:

-¡Dállo, muller, que se te esparramas, agora teño arranxo, que ao ser un ricacho, e ese Rancaño un pobre de polas portas..., o meu está feito! E logo o que me terá aforrado..., sen indirectas!

Aurelio non lle permitiu completa-la aperta:

-Mabel, non, desculpa, que te abaixaches a unhas bromas impropias, e ben sabes que este Manuel é doutra fornada, doutra xeración. Non está posto en confianzas, que o criaron para fillo único, para feudal absoluto, así que non entende a inocencia, a naturalidade da nosa camaradería!

Ela, virando, ceando, manobrando, nun si pero non:

-Perdoa, rapaz, pero non quero perder ningún regalo polo simple prezo dunha aperta...; ¡iso, platónica!

-O meu regalo, mellor dito, o regalo que che fai este Manolón, consiste..., nun chofer, para o teu auto! Conduces mal, e logo que o fas pola esquerda, cousa impropia nunha Alcaldesa de Franco! Aínda non falaramos diso, pero coido que é oportuno neste intre: O mellor chofer dos camións do Rancaño, ese rapaz do pelo pincho, pasará á nosa sociedade, teoricamente para o capitoné das mudanzas, pero non, que de feito estará ao servizo de Mabel; ¡con gorra de prato, coma os choferes das Marquesas! ¿Acéptaseme esta proposta?

-¡Obsequio refusado! -Protestou ela, con todo o apromo da súa base triangular, amoscada pola trafulca do seu Manolón e polo refuse do seu Aurelio.

Salmonte non entendeu aquela reviravolta, e temeu que se fose a enfadar Aurelio, ao que seguía sen coñecer a fondo:

-¡Mabeliña, meu amor, non, iso non; non lle fagas ese desaire ao meu Secretario!

-Si, Manoliño, e teño razón, que este Aurelio é un sádico. ¡Mira que brindarme ese chofer con cara de can de palleiro...!

O carota do Aurelio, que tiña saídas para tódolos incidentes:

-¡Exactamente! Por iso pensei nel, por feo, que así non se cela o teu Manuel. Por outra banda, é o mellor chofer que hai na Vila. Nunca, nunca, unha multa; virxe nos controis da Garda Civil, e nos outros tamén..., ¡que non hai grandallón que non sexa marica!

A tal momento decatouse Salmonte; ou se decatou, ou picou:

-Sendo así, Aurelio terá razón, que nos convén ese chofer. A verdade é que me tería que queixar, ¡que encima de que vos rides das miñas contas, vai este tío, este carota, e regálame unha calculadora de peto!

-Para ti, Manuel, chegará, de seguida, un bo regalo, a xogo; ¡gordo, gordísimo!

-¿Outro coche, daqueles que vimos na Coruña? ¿A qué si?

-¡Non; que xa tes o Mercedes! É outra cousa, moi importante para ti, que me estou facendo demasiado visto en relación coas obras, e a xente pode notar que este ángulo ten unha bisectriz... Ti precisas alguén que che garde a ponte levadiza, que de feito cumpra as miñas consignas, pero que amose os poderes que ti lle confiras, os que delegues; ¡un Apoderado, teu, pero que me obedeza a min! ¿Enténdelo? ¡Ese tal é o Contable do Rancaño!

-¿Ese gordinflas? ¡Ah, pillastre, por algo falabas dun regalo..., gordo!

-En efecto; é Perito, Perito Mercantil, pero máis perito, moito máis, có Xaquín. Era un luxo para o Rancaño, que non lle consentiu iniciativas porque se lle celaba ese incompetente, ese xenro; tiven novas de que en vista da crise do Madeireiro, ía fichar polo Banco...

Manuel, de pleno asentimento, encantado con iso:

-Ese Fulano andará polos tres meses sen olla-la paga, así que..., por un cacho de pan, para nós, en exclusiva!

-El si, el cobra, que por algo leva os libros do Rancaño, que xa o está facendo co meu asesoramento, así que, para levalos ao meu xeito, de aquí en diante, que os leve o propio Madeireiro! Á parte de que, como che digo, nós precisamos un Contable, un bo Contable, para darlle unha forma evolucionada á nosa Inmobiliaria; quere dicirse, para ramificala en divisións especializadas, que empeza a desbordarse. Tamén ocorre que ese listiño, cerca do Rancaño, estórbame para certos plans..., digamos que, arteiros, particularmente arteiros!

-Nese caso, se é tan bo...; ¡o malo será se chegas tarde para retiralo!

-Non, que xa lle dixen que non firme co Banco sen avisarme, que lle estou buscando un choio de ingresos superiores.

-¡De ingresos superiores será, pero o que é de horario, dobre, ou máis! -Ironizou Mabel, que por moito que lle envolvese o corazón aquel Aurelio, algo social seguíalle palpitando, se cadra aló por dentro, moi dentro, con respecto aos seus traballadores do lugar.

-Iso, Mabeliña, comprenderás que non llo ía dicir, así, de entrada. ¿Que, estades conformes cos regalos?

Manuel, nesta ocasión máis duro, aflorándolle aquel atavismo feudal:

-Pola miña parte xa cho direi, cando lles mire o dente!

-¡Manuel, que non son escravos! -Suavizou Mabel.

-Muller, vindo de ti, iso é gracioso, que nunca dubidaches en tratarme, a min, ao teu propio home, tal e coma a un escravo, pero a tal momento eu pensaba, e referíame, aos propios cabalos, en metá fóra, por aquilo de que..., a cabalo regalado, nin mirarlle o dente!

Aurelio, maquinal e maquinador; coma sempre, que non fai falta reiteralo:

-Non vos desviedes, que falta outro punto..., ¡antes de levanta-la sesión!

-¡Mentres non sexa levanta-la espiña...! As sesións deste Triángulo, como ti lle chamas, dun tempo a esta parte non se dan levantado, que nos traes ao paso; ¡nin que foses arrieiro!

-Paciencia, Manolón, que ti logo chegas ao Ceo. Mira que se quedase viúva esa Ramona, co potable que está...; ¡aquilo do que falamos! -E chiscoulle un ollo, en complicidade.

-¡Non, ho, que por ganas que lle teña, Deu-los conserve, aos dous, que desta perden abondo, e non todo van ser gaños; para min, se entende!

-Falando de perder: Os artistas alúganse caros..., que son escasos, e ti, como es o páter familias deste Municipio, segundo che veñan a pedir traballo, teslles que dicir que si, encantado, pero que non precisas máis operarios, que por iso farás un esforzo para non deixalos na rúa, polo menos neste inverno. Caridade por caridade, xa lles faremos firmar un papeliño no que digan, ou recoñezan, que cobraron aqueles atrasos, os que lles debía o propio Rancaño. ¿Enténdelo, Manuel, que ti, para os papeis, un negado?

O Ilustrísimo Señor, no paroxismo do seu desconcerto:

-¿Logo, en qué quedamos: doulles traballo, doulles esmola, doulles pola retagarda..., e encima diso, con recibo?

-Calma, que irei por partes, xa que tan curto es. Pon as orellas, meu asno tripón. Con iso dos recibos, faranlle un favor ao crebado; quere dicirse, a nós, a nós mesmos, que lle zugámo-lo patrimonio sen pagarlle ao seu persoal; ¡ao seu! A ficción é que eles fanlle un favor ao crebado, e ti faslles, aos operarios, o de salvalos do paro. Maxistral, querido Alcalde, que xa verás canto, e qué ben, se vai falar de ti, neste Distrito. ¡Cadora máis! Pola miña parte, para contribuír ás túas glorias, voulle dicir á señora do Rancaño que ese favor, para que perdan algo menos, llelo fas ti, ti mesmo, persoalmente; ¡pero a ela, só a ela, por ela, pola propia Ramona, en lembranza dos vosos tempos, e a pesares das faenas que che teñen feito, particularmente ese Rancaño! ¿Que, agrádache esta filigrana? ¡É un experimento ex novo!

-¡Natural; ese é un bonito regalo; afellas que si! Agradézocho pola finura que estás poñendo neste asunto. ¿Oes, pero, coa outra xente, qué se fai?

-Cos demais, que xa teño clasificada a lista dos bos e dos malos, que son máis os incompetentes cós bos, e dareiche unha copia desa relación, resérvome o meu regalo, que consiste no seguinte:

Como se trata de alivia-lo paro, o teu compadre, o Ramonciño, preparoume un Capítulo de Axuda ás familias necesitadas, que é á parte do da Beneficencia, do ordinario. Tan pronto botes a túa firma, daquela mesmo empezamos a pagarlles pasaxes para Holanda, por conta do Axuntamento, por conta do Estado, que seica se precisan vaqueiros robustos, con experiencia; ¡pero, iso si, desde que renuncien aos atrasos do seu patrón, que non poden chamarse parados se primeiro non dimiten do seu emprego actual! ¿Fino, eh? -Vangloriouse Aurelio coa súa enésima trasnada.

-¿Vaqueiros, eh? ¡Que vaqueiros nin qué carajos se case todos, a inmensa maioría, son carpinteiros, especialistas en carros do país!

-¡Alcalde, que xa o sei: carpinteiros de terceira, e por homologación, vaqueiros de primeira; desertores do arado, en definitiva!

Salmonte engurrou o fociño:

-¿Sendo así, onde está o teu regalo? ¡Ti es un cabrón, aínda máis do que eu, que xa é dicir!

-Mira, home, como son xeneroso, penso compartilo co Ramón, que lles cobrará un tanto por pedirme que lles conceda esta cualificación de pobres. ¿Váleche?

-¡Cómame nunca o demo, qué outro invento; teu tiña que ser! A verdade non é que me guste, que se pagamos a viaxe, e despois non lles chegan eses cartos, daquela van ter problemas por aló, no estranxeiro...; ¡poden chiar!

-Non, non terán problemas, que esa propina sairá dos viáticos.

-¿Dos viáticos? -Manuel, incrédulo. -¡Anda que se o sabe o Crego, o que é o Viático, a Extrema, vaicha poñer el!

-Manuel, ti entendes ¡algo! da ximnasia, pero o que é de magnesia, ¡diso nada, en absoluto! Cando eses fulanos lle leven ao Ramonciño un deses Contratos de Traballo, poñamos que para Holanda, daquela o noso Oficial quedarase cunha copia, para xustificar nas contas do Concello! Acto seguido encárgalle os billetes a unha Axencia, para que eses veciños non fagan mal uso do diñeiro municipal, dese Capítulo que temos axenciado no Goberno Civil; séxase, diñeiro municipal, pero das arcas estatais. De paso, esa Axencia dálle unha comisión, outra, ao Ramón. Con estes preámbulos, cando entreguen a copia do Contrato, ou a Reclamación de Traballo, firmarán un recibiño, outro, dos do Concello, co cuño, pero, sen cubrir a cantidade!

¿Séguesme, Manoliño? Daquela sigue atento, coma un cativo na escola: Con todo iso cumprimentado, eles reciben unha Comunicación, para a Axencia, encargándolles en firme esa cousa da pasaxe, ¡por conta nosa! ¡Quere dicirse, por conta do propio Concello! Nese intre vai Ramonciño e ponlles na man o viático.

O paso seguinte será que, despois de despedir ao emigrante cunha aperta, desexos de boa viaxe, moitísima sorte, e todo iso, a continuación, digo, sen que se decate Sara, que nin ela está curtida nin a temos contaminada, vai o Ramón e multiplica a cantidade que lle deu ao emigrante, precisamente polo díxito tres, para face-lo triplo! ¿Sérveche?

-¿Iso é para..., para qué? -Impacientouse Manuel, farto de embrollos, incapaz de entender aquela metafísica tan retorta e tan sofisticada.

-¡Para qué vai ser, Manolón do carajo: para escribir, no recibo, coa máquina, a cifra resultante, o triplo, despois de firmado, repito, na casilla correspondente do recibo, que para algo asinan en branco, e con ese trámite libramos da caixa, da oficial, o importe nominal! ¿Nin iso Capiscas?

-¿Esa cousa do nominal, que é?

-¡Cala xa, gordiano! ¿Que nominal vai ser se non é o triplo desa cantidade que os emigrantes levarán percibida? ¡O efectivo non é nominal, nin aquí nin no Oural, con todo ser o túnel meirande de Galicia! Mira, se non me volves a interromper, explícoche o resto, que do contrario aforro chuspe: Noutro acto, que non ten por qué ser consecutivo, Ramón divide esa cantidade por tres, a tripla, deste xeito:

Unha parte, para o señor Secretario, servidor, por dereitos de autor; séxase, para compensa-las molestas que me cause este traballo atípico! Outro terzo para o propio Ramón, que son as albricias da boa nova que lle dá ao emigrante, ao asinante, ao que asigna cada Viático. Co resto, co outro terzo, que neste caso será o da lexítima, o propio Oficial repón, no seu peto, a cantidade anticipada para os susoditos viáticos. En definitiva, que o Estado carga coas tres..., ¡xa que tres somos os beneficiados desta lexítima tan ilexítima! ¿Váleche?

Salmonte gozaba cos chanchullos e coas artimañas do seu Aurelio, pero empezaba a temerlles!

-¿Oes, si se decatan, se o notan, eses Concelleiros, daquela, qué? ¡Tantas fixemos, de tódalas cores, que irá sendo hora de retirarnos, disto, da nosa tima!

-¿Os Concelleiros? ¡Ti es máis torpe cá eles! Eses, de contas, nada, que por non saber, nin levar o Ogino saben; pero mellor así, que canto máis proliferan, eles, máis pisos lles vendemos, nos! Deixan o país sen parados, e encima diso, vanse contentos, co ato ao lombo, polo mundo adiante...; ¡e de paso, ao Rancaño perdóanlle os atrasos!

-¡Ai, ho, se non fose porque teño sabido, sabido e asumido, que es o mesmo diaño, o demo en persoa, feito home, se chego a ser outro, tal que un veciño raso, eu tomaríate por Cristo naquela multiplicación dos peixes!

-Querido Salmonte, non me fagas falar, que ben sabes que falo pouco pero fago moito: ¡fago as precisas, e sempre con oportunidade! Cando o meu rol é de diaño, diaño son; pero tamén, cando toca de facer milagres, coma min nin o San Francisco Franco, que nos está apadriñando esta prosperidade de España coas propias divisas dos propios emigrantes, ¡e bótalle a culpa ao turismo, ás pendangas suecas! ¡Outro paspán, que ata lle fixeron crer que a gasolina pode extraerse das aliagas!

Manuel, en tanto que Alcalde, en tanto que Empresario, multimillonado polo propio Aurelio, estivo nun tris de axeonllarse, con profunda adoración, diante daquel ídolo, un alquimista, un taumaturgo, que convertía as verbas en díxitos bancarios, ¡pero...! O pero estaba naquilo da esposa compartida, visiblemente compartida, que xa nin case facían por disimular diante súa, ¡cousa que lle comezaba a contrapesar nas súas avaricias!

A súa esperanza, a máxima, o seu futuro, estaba na Ramona, nas apertas da Ramona... ¡En definitiva, por qué non! Se el, el mesmo, un Salmonte, compartía co seu protector, daquela, á viceversa...!