Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

18 marzo, 2007

A presentación tivo unha gran acollida de público

Texto da intervención do autor
na presentación do libro
As feiras de Castroverde no século XX




Dignas Autoridades, señoras, señores, estimados amigos:

Entendo que falar das feiras é un tópico, así que incluso pode ser aburrido porque é tratar de algo cotián, de algo inherente á propia civilización, a tódalas civilizacións, habidas e por haber. Entendo que as feiras arrancan do Paraíso Terreal, ¡se é que o houbo! ¿Por qué Eva lle deu aquela mazá, que seica estaba prohibida, ao seu home? ¿Non sería un coqueteo, unha escena de puro márketing; en definitiva, un troco, o primeiro deles, o primeiro dos intercambios? ¡Douche esta mazá se me dás unha aperta, se me dás un bico, se me fas un fillo..., ao que chamaremos Caín! O tal Caín, pola súa parte, foi o primeiro dos especuladores: Ofrecíalle a Deus ó peor das súas colleitas, na súa soberbia de morgado, e tíñalle envexa ao irmán, ao Abel, porque o segundo, en vez de trocarlle as primicias dos seus rabaños por unas cantas espigas de trigo, ¡sacrificaba aquelas reses ao Señor! Pero non parou aí a cousa, pois detrás de Caín, detrás daqueles labregos, un fillo de Caín, que se chamaba Henoc, segundo a Biblia, meteuse a Construtor, que así empezou iso de venderlles aquelas chozas de pallabarro, de adobes, aos pastores, aos descendentes de Abel, propiciándolles unhas concentracións multitudinarias, tipo Torre de Babel.

A ciencia do troco recollérona, explicárona, elocuentemente, os romanos, tan pragmáticos eles, con só tres palabriñas, e para iso curtas, pero significativas: Do ut des! ¡Douche para que me deas!

Como vemos, isto da división do traballo, isto da complementariedade, por moito que teorizase o economista Henry Fayol sobre organización racional e científica, tempos mortos, camiños críticos, optimización de esforzos, minimización dos insumos, coordinación de funcións, e demais técnicas e perfeccionismos do mundo económico, é tan só unha formulación para estudantes, pois, todo iso, absolutamente todo, xa se vén facendo desde as orixes da humanidade. Con máis ou con menos acerto, con máis ou con menos picardía, con moita ou con pouca efectividade, pero a produción, os trocos, as feiras, a oferta e maila demanda, traémolos nos xenes, desde as mesmas orixes da civilización.

Daquela cómpre deducir que non será tanta vulgaridade falar das feiras xa que, facéndoo, do que realmente estaremos tratando é da propia Historia da Civilización. Por certo, ¿que tiveron de común, todas elas, tódalas civilizacións, e máis concretamente as antigas; para nós, as orientais? ¡Pois, o transporte, as caravanas! Os nosos avós aínda coñeceron aquelas recuas dos maragatos...; e apelidos típicos da Maragatería, por Castroverde quedan uns cantos. Hoxe podemos mercar a distancia, sen presenza física e sen diñeiro físico, mesmo por Internet. Conectados, contactados, entre as redes electrónicas e mailas empresas de transporte, mándannos, recibimos, de todo, ¡a domicilio! ¡De todo, e de tódolos Continentes!

Con estes adiantos, en presenza desta revolución galopante, tanto no industrial coma no mercantil, haberá que engadir un novo capítulo ao Tema das Idades Históricas: Á Media poderá seguir chamándoselle así, pero a Moderna deixou de ser tal, e iso de “Contemporánea” hai que trasladalo ao século XXI, ao presente. O século XX, no que temos que situar o cumio das feiras clásicas, xa é pretérito, ¡pasou á Historia! Trátase dun onte, próximo no tempo, pero afastado en canto á evolución económica, á presente, á do noso mundo cultural, actual.

Neste campo dos relevos, nesta transmisión do facho olímpico, o castelo de Castroverde segue sendo un símbolo, o máis concreto que temos, e por ende, o máis significativo, pero a súa torre da homenaxe quedouse niso, ¡nunha homenaxe aos nosos devanceiros! Hoxe en día tiranizan outras torres; en certo modo, outro feudalismo: ¡As torres de transmisión por ondas! A susodita Internet, a telefonía sen fíos, etcétera. Ordes, consignas, acatamentos e supeditamentos autenticamente mercantís, que nos pasa unha xente, uns axentes, descoñecidos, invisibles, pero que teñen imperio, pois actúan en funcións de ordeno e mando xa que dirixen, informan, forman ou deforman, as nosas vidas, as nosas apetencias, o noso traballo; ¡en definitiva, o noso futuro! A súa auctoritas é real, aínda que invisible; actúan case que por suxestión telepática, pero resulta, en moitos casos, en múltiples situacións, dunha forza indiscutible, meirande cá que nunca tiveron o feudalismo e maila Igrexa xuntos.

Volvendo ao pretérito, e concretándonos á bisbarra de Castroverde, a vitalidade destas terras quedou reforzada, fomentada, con aquela Vía romana que unía Lucus Augusti coa Gigia ástur, devida no século IX en Camiño de Santiago. A primeira etapa, como sabemos, apoiábase no Campamento de Romeán, pasando polo Castrum de Vallis Viridis, hoxe Castroverde, para subir despois á Vacariza, que non “vaquería”, por suposto, onde “vacaban”, onde repousaban, aqueles milites, e con toda seguridade, permutaban os cabalos, soltando os seus naqueles pasteiros e levándose os que lles tivesen preparados, os de refresco.

Cando os suevos estableceron aquela división territorial dos 11 condados, o noso, o de Castroverde, colleu, ou xa tiña, o nome da zona: Campo de Flammosos, polas ondas do cereal; e de aí, o río, de igual nome, que se vai formando con tódolos regatos da parte de Bolaño, daquel Bolannio, que foi probablemente o Castroverde primitivo, xa que a Bolaño pertencen as terras de Valverde, séxase, o Vallis Viridis. O que hoxe nomeamos Castroverde Vello, ao sopé do castelo, non é máis que un burgo iniciado, habitado, polos serventes, polos servos da propia fortaleza.

Esta situación dunhas terras singularmente produtivas, tronzadas polo Camiño Primitivo, e por tanto acollidas á protección reguenga do mesmo, ademais da xurisdición feudal, obviamente xeraron, tiveron que xerar, un trasfego enorme, que nos levou ás importantísimas feiras por nós coñecidas.

Non sei se vos decepcionará o que vou dicir seguidamente, aquí e agora, pois este libriño que me honro en presentarvos está titulado en pretérito pero a súa intencionalidade vai en futuro. ¡Si, si, en futuro! Trátase dunha xanela aberta ao pasado para que albisquemos pola mesma a claridade deste amencer do século XXI. Parece un paradigma, pero coido que é unha realidade. Quixen lembra-la feira vella para mostrarlles aos rapaces algo que sabemos os vellos, tan ben ou mellor cá eles: Que non só no universo material, senón, e tamén, no cultural, nada se perde, nada esvaece: ¡simplemente, transfórmase!

As feiras pasaron, están pasando, subindo que non caendo, do plural ao singular. ¡Así de sinxelo, e así de complexo! Empezaron con aqueles trocos do home primitivo, e desde que houbo camiños, tal que pasou en Castroverde coa Vía romana, á que hoxe chamamos Camiño Primitivo de Santiago, por iso, porque o é, fíxose posible transporta-los produtos ata onde houbese unha concentración humana que os precisase, ou apetecese, tal que un castro, e tras dos castros, as villae romanas, os castelos, os burgos, etc. Por suposto que nesta evolución, para pasar do troco, da permuta, á compra - venda, xurdiu a moeda, e tras da moeda, sucesivamente, para facilitar a translación, o transporte cómodo e seguro dos contravalores, inventouse a letra de cambio, o cheque, a tarxeta electrónica..., ¡e mailo que veña tras de nós, se é que algo queda por inventar!

Para abreviar, que este tema, con todo ser singular, abarca un mundo, o noso, o universal: ¡Que das feiras, en plural, das comarcais, pasamos, estamos pasando, á feira individual, singular, persoal, que é tanto como dicir, á feira global, ou globalizante! Todos, dun xeito ou doutro, estamos en plena produción, directa ou indirecta, desde a caneta ó ataúde; pero tamén en pleno consumo. ¡Daquela, a vida é unha feira, convertémola nunha feira, nun tráfico, nun intercambio, nunha interdependencia, global, conxunta, e todo iso con un ritmo de progresión xeométrica! Se nos paramos en puntualizacións, a feira actual xa comeza antes do natalicio: aparatos de observación, médicos, medicinas, etc., para continuar con iso mesmo, amén das neneiras, das garderías infantís, e por aí adiante.

Para darnos unha idea do que consumimos, dicíndoo en expresión vulgar, abonda con darse unha volta polas vilas e cidades, á noitiña, e dete-los ollos nesas reas de containers que tanto nos estorba para aparca-los autos. Asegúrovos que diso estou impresionado, pois a materia prima, obviamente, é limitada, e o día que rematemos coa explotación do terceiro mundo, cando baleiremos a produción deses países subdesenvolvidos, ¿que nos levaremos á boca, con qué nos abrigaremos, de qué serán as camas, prescindiremos do papel...? ¡Ese será, ese pode ser, o remate das feiras! A única saída, e non a prazo longo, estará na reciclaxe e na moderación consumista, ademais da agricultura e da inventiva, por suposto, salvo que emigremos para un planeta habitable, ¡se é que os hai!

Aínda están recentes aquelas utopías de certos teóricos que daban por periclitado o sector primario, propoñendo un transvase urxente ao sector dos servizos. A profecía saíulles bastante ben grazas a esa piratería que se está facendo coa materia prima deses países aos que chamamos Terceiro Mundo, pero, ¿e mañá...? ¡Mañá será preciso volver ao rego, aos cultivos ecolóxicos, igual que se volveu ao millo, desenganados desa prestidixitación da química irresponsable!

Antes aludín ao Camiño de Santiago como Vía de Cultura e de Prosperidade. ¿Pero sabedes onde me teño lembrado del, onde profundei na súa transcendencia? Foi polos anos Sesenta, nada máis e nada menos que no Aaiún, vendo e conversando con aqueles tuaregs das caravanas, que baixaban ata o Congo e retornaban por Mauritania, uns; e outros collían cara ó nordés, chegando a Alxer e a Tunicia. De volta viñan cargados de billetes, mesturados no fondo dun saco, que daban un bo traballo para clasificalos, para aplicarlles o contravalor, e remitirllos ó que entón se chamaba Instituto Español de Moneda Extranjera. ¡Iso, exactamente iso, era/foi, o Camiño de Santiago, que así comezou o Mercado Común Europeo: Uns, cara a Roma, e outros, cara a Santiago! Cargadiños de mercancía e de moedas, levando e traendo, deténdose nas feiras, e moi especialmente na de Castroverde, que tan á man lles caía. ¡Claro que tamén rezaban, algúns, pero do que ninguén se libraba era da feira, das feiras, traer e levar, falar, intercambiar, e por suposto, cazar, cazar e asar, que iso contribuíu moitísimo ao auxe do Primitivo, que casualmente tronza o país por terras de gran riqueza cinexética, particularidade que non podemos esquecer para entender aqueles desprazamentos a tan longa distancia!

¿Que podemos ver, qué temos que ver, por esta xanela aberta ao pretérito? Partindo de que o presente non existe, e menos coa velocidade vivencial deste intre que estamos vivindo, no que pasan as cousas tal que unha paisaxe vista desde un tren AVE, repito que só nos queda mirar ao futuro. E só hai un xeito de facelo: ¡preparándonos para o relevo do facho, de xeración en xeración! Preparación individual, por suposto, que toda capacitación será pouca dada a competencia estudantil que teñen, e que lles espera, aos nosos fillos, e aos fillos dos fillos, e así sucesivamente, que isto tamén vai en progresión xeométrica! Pero, referíndonos a unha zona concreta, a unha bisbarra do noso entorno, como poda ser o caso de Castroverde, hai, haberá, que especializarse en algo no que por certo estamos bastante atrasados: ¡o cooperativismo, a asociación, a concentración de capitais...! Tanto para producir como para vender. ¡Este é o gran reto se non queremos perde-lo tren da prosperidade!

Con isto dito, se este libriño non leva aos rapaces a este raciocinio, a esta mentalización, daquela é que perdín o tempo, sexa porque non me souben expresar, sexa porque non me saiban ler, ou entender! Xa quedou anticuado aquel dito de que falamos da feira segundo e como nos foi nela; no sucesivo será máis certo, máis actual, falar da feira ¡segundo e como actuemos nela!

¡Pois iso, e nada máis por hoxe: preparémonos e actuemos, que o futuro xa está aquí, e non se presenta doado, nin dado nin doado! Tampouco o foi aquel pretérito, pero temos que agradecérllelo aos nosos devanceiros xa que, daqueles traballos seus, daqueles esforzos, daquela xenerosidade, chegamos ao que chegamos.

Pero aínda me queda unha importante evocación, de tipo patrimonial, se me permitides expresala coas propias verbas dunha paisana miña, a Mestra Enriqueta Otero, que deixou dito: ¡Moito é o que temos recibido..., así que moito estamos obrigados a conservar, a perfeccionar e a transmitir!

Grazas, moitas grazas, a vosoutros, pero tamén aos nosos vellos, aos nosos devanceiros, a todos aqueles que fixeron posibles as feiras, en particular a nosa, a de Castroverde.

Lugo, 15 de Marzo do ano 2.007

Xosé María Gómez Vilabella

17 marzo, 2007

Presentado na Galería Sargadelos de Lugo

Breve resume do acto de presentación do libro: As feiras de Castroverde no século XX, do escritor Xosé Mª Gómez Vilabella

Lugo, 16 de marzo de 2007

O día 15, as 20:00 h, tivo lugar a presentación na galería de Sargadelos de Lugo. Nel interviron, como tiñamos anunciado:

Daniel do Pando da Fonsagrada que abriu e pechou o acto. Interpretando dúas pezas da súa terra, co instrumento coñecido como a trompa da Fonsagrada, para uns, para outros, como birimbao. As pezas interpretadas foron: unha xota de Burón e unha muiñeira de Grandas.

Ignacio Rodríguez Eguíbar,
(Xerente do Plan Xacobeo), que nos expuxo, a importancia que tiñan os Camiños de Santiago, e o que percorrían algunhas persoas para informarse, e
patear os diferentes Camiños; todo isto, porque acababa de chegar dunha viaxe por zonas de EEUU; anunciou boas novas para o Concello de Castroverde, alegrámonos e dámoslle as grazas.

A seguir interviu,
Carlos Vázquez, (xornalista) , que nos fixo unha boa exposición de algo que había nas feiras, os ferreiros, como neto que é de ferreiro, con referencias ao mazo de Goi, guiado polas lembranzas de seu avó, que ía as diferentes feiras dos arredores.

Logo interviu o autor cunhas amplas referencias, podemos dicir, á feira mundial; pero sen deixar de ollar a nosa feira de Castroverde, o Camiño Primitivo, e lembrando finalmente o agradecemento aos nosos antepasados, en palabras, da nosa paisana Enriqueta Otero.

Dámoslles as grazas a todos os intervenientes, e tamén grazas a Jesús Pérez Regueiro, da galería Sargadelos, por ternos acollido tan ben. Dicir que Jesús, ten as raíces, por parte paterna, en Castroverde.

Saúdos e saúde.

Manolo Muñiz
Presidente da Asociación Cultural Amigos do Patrimonio de Castroverde




15 marzo, 2007

ACTOS PARA MARZO E ABRIL

Data: día 15 de marzo (xoves).
Presentación do libro As feiras de Castroverde no século XX, na galería de Sargadelos, praza de Santo Domingo, ás 20:00 h.
Data: día 21 de marzo (mércores).
Saúdo á primavera. Saíremos da praza do Concello ás 17:00 h.
Data: día 24 de marzo (sábado).
Visita aos muíños e Concello de Vedra, xunto coa Asociación de Muiñeiros “Santa Lucía”. (Avisar antes do 15 de marzo)
Abril
VIAXE CULTURAL PARA O 3 e 4 DE ABRIL (anotarse antes do 15 de marzo)
Data: día, martes, 3 de abril
Sáida de Castroverde ás 8:40 h., de Lugo ás 9:00 h. (Ronda da Muralla)
Visita ao Parlamento; 11: 00 h. - Visita ao Museo do Pobo Galego; 12:30 h.
Comida 14:00 h. en Santiago - Visita á Catedral; ás 17:00 h
Cea e durmir e almorzar en Portonovo.
Data: día, mércores, 4 de abril
Pola maná: visita ao Centro de Investigación de Lourizán e ao Castelo de Soutomaior.
Arredor das 14:00 h. Comida nun bar da zona.
Pola tarde: visita á Cidade de Pontevedra.
Data: día 21 de abril
ROTEIRO:
das igrexas románicas, castros, mazos e muíños: Espasande–Goi–Tórdea–Uríz ...) xunto coa Asoc. Arcas de Sarria.

14 marzo, 2007

Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde

Corridas do galo e Tribunais da Pascua

-VI-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

A Corrida da Meda

Celebrada o 28 de Marzo do 1.948

(Insístese en que as transcricións son literais, tal cal están no libreto orixinal)

Atestado do galo

Buenas tardes doy, señores, - distinguido Tribunal,

a jóvenes y a mayores - y al público en general.

Vengo cumpliendo las órdenes - de la Superioridad.

Soy Rodolfo Díaz Montes, - guardia de Seguridad.

He recibido una orden - por conducto conocido;

que buscase al delincuente - y aquí está detenido.

Este gallo aquí presente - es de historia moderna,

Pues nació en una granja - en Castro Riberas de Lea.

Y hasta por ser distinguido, - nació de una incubadora.

Recóllese a impresión que causou a aparición das incubadoras: o labrego, que tiña por dogma de fe o ciclo e a incubación naturais, non saía do seu asombro.

Él no quiso estar sumiso - junto de su gallinero;

y un buen día se marchó - sin saber nada el granjero.

Bastante lejos de allí - acampó en un gallinero,

Donde hizo bastantes daños - según informes que tengo.

Aún sin tener la edad - profanó unas pollitas,

y creo que de eso ha sido - todas quedaron raquíticas.

Las viejas que allí había - las llegó a desperdiciar,

que ni siquiera una de ellas - ha querido galear.

No solamente el desprecio - sino su malvada idea,

no ha querido consentir - que otro gallo lo hiciera.

Por estas mismas razones - gran altercado se armó,

y de resultas de éso - el otro gallo murió.

Se sabe que hizo daños - a los vecinos del pueblo;

y se burlaba de ellos - si trataban de reprenderlo.

Se sabe que ha robaado - en casa de una señora;

atrevimiento muy grande - que ésto no es de broma.

Un día se dió un caso: - Lo mandaron salir de allí,

y él por toda respuesta - contestó: ¡Qui...qui...ri...qui!

Sin pasar más adelante - he de advertir una cosa:

Que este gallo es conocido - por “Travieso Cresta Roja”

Señor Juez, se acabaron – los datos del Atestado.

Ordene su recogida - y dése por enterado.

Neste caso, as acusacións eran máis ben faltas que non delitos, PERO, ¡eran acusacións, delacións! Hai que poñerse nas circunstancias históricas, pois no 48 aínda se detiña e xulgaba á xente por nimiedades, inercia daquela terrible represión franquista da posguerra.

Xuíz

Con el permiso de todos. - ¿Quiere, señor Presidente,

que tramitemos ahora - este latoso expediente?

O Presidente da Audiencia

Puede Usía tramitar - si lo cree menester;

y seguirlo hasta su fallo - ajustándose a la Ley.

Xuíz

Para que ninguno lo ignore - de todos los reunidos,

ordeno al señor portero - que se citen los testigos.

Testemuña

¿Pódese pasar, amigo? - Boas tardes, Señoría;

chamáronme preste sitio - dirán o que me querían.

Invariable: Tan só as testemuñas que se presentaban con actitude afectada, e con gravata, falaban en castelán. Aquí o incrible foi que a Garda Civil de Castroverde, presente no acto, ¡de ben mantida na Meda, por suposto, que a festa foi de tarde!, non se lle ocorreu interromper a “Corrida”, que daquela aínda estaba prohibido utilizar o galego en actos públicos, limitándose ó “uso e consumo” doméstico, coa excepción da reprodución de literatura xa publicada, e para iso, ¡con censura previa!

Xuíz

Jura usted, señor testigo, - ser verdad lo que declara,

y decir todo lo que sepa - con relación a esta causa.

Testemuña

Decí-la verdá hei, hei, - e máis aquí nesta Audiencia;

vosté sépame entender - que eu hei falar en conciencia.

Neste “sépame entender” vexo unha fonda rebeldía, que pugna por acadar un mínimo de dignidade galega; algo así como: “Achéguese vostede, dea un paso cara a min, respecte a miña lingua”!

O decir todo o que sepa - xa non é cousa doada;

eu bótolle que me leva - o menos unha semana.

Pide que se lle escoite o tempo preciso, esaxerando de propósito: aprendera no berce que había que pedir moito para acadar faragullas.

O galo, meu “Cresta Roja”, - é ben decente i honrado,

que hasta fai favores - sin ser nada interesado.

Aquí hai dúas figuras, un doble sentido: “fai favores” nun senso erótico. Ser “nada interesado” era a máxima virtude para aquel labrego, testemuña da defensa, que non sabía pedir nin sequera os seus dereitos sen levar un xamón ó lombo.

Nacéulle cerca de Castro - nunha granxa que alí hai;

i hastra para burlarse dil - chámanlle fillo sin mai.

Dicen que se foi da granxa, - ¡madia levóu a marchar!,

que soupo por boa tinta - que o querían matar.

Aqueles labregos diferenciaban entre a matanza doméstica, considerada de tradición natural e indispensable, coa industrial das granxas, procedementos que lles resultaban sacrílegos, deshumanizados. Por outra parte, quedaban cerca as persecucións políticas, que con frecuencia acababan no paredón.

¿Que se quedaron raquíticas - por galealas, as poliñas?

Desde que eso foi medraron, - e corren ben espelidas.

E queixáronse unas vellas; - galealas non quería;

calquera se achega a elas: - ó visto, teñen a tiña.

Chegaron a levantarlle - que lle privara a outro galo...

¡O outro galo non quixo - que lle estaba ben cansado!

¿Que se armóu un altercado - porque non as galeóu?

Tíñalle anemia no corpo - e con ela se marchou.

Estabamos no 1.948: a anemia e mailas fames dos anos precedentes aínda eran unha negra sombra que non fuxira, que no se daba aloxado.

¿Que roubou unha señora? - Non faltou quen o decía.

Catarreira roubou ela - que outra cousa non tiña.

Nova alusión á miseria que aínda arrastraban algunhas familia. Sen antibióticos, mal calzados e mal vestidos, longos desprazamentos sen roupas de abrigo, mollados, etc., as “catarreiras” (bronquite, pulmonía, gripes, furúnculos, etc.), eran endémicas.

Dicen que hasta fixo daños - ós veciños deste pueblo?

Eu son un deses veciños - e non cheguei a sabelo.

Téñenlle algo esa costumbre; - enseguida se queixar.

Boas prepas lle son iles; - moito lles hai que aguantar.

Alerta, señor Xuez, - non se me deixe engañar,

que ó galo téñenlle ganas - e quérenllo liquidar.

O termo “liquidar” moito arraigou a partires do 36. ¡Meteuse no subconsciente! A xente utilizábao para todo, que ata se dicía: “Hai que liquidar esas herbas do horto...”

E se queren máis testigos, - que non os traten de bobos,

que lle hai vinte no meu pueblo; - coma min sábenllo todos.

Podía seguir falando - pero vóulleme marchar;

cos aniños que teño - non lle estou para laretar.

Neste momento entra a 2ª testemuña, pero iso verano no capítulo seguinte.

12 marzo, 2007

Actos do día Internacional da Muller en Castroverde

Breve resume do acto do día 9 de marzo no CPI de Castroverde, xunto coa Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, para celebrar o día Internacional da Muller.

Acto 1º

Comenzou o acto coa introdución de Xosé Mª Gómez Vilabella facendo unha lembranza dos dereitos da muller, con referencias ao noso paisano, Manuel Cordero Pérez.

A continuación interviron: Sabela Rodríguez Oxea coa interpretación : “Queimáronse as lentellas”, Isidro Novo deu lectura a un poema da súa colleita. A seguir Antón Castro interpretou un conto. Seguiron as intervencións de Ánxela Gracián que homenaxeou ás mulleres nas persoas de súa nai e avoa, dando lectura a un poema seu. A intervenvión de Antonio Reigosa con : “eMe eSe eMe”. Marica Campo, que non nos puido acompañar, pero enviounos o seu fermoso poema: Muller. Paco Martín lembrounos o acto das mulleres en Nova Iorque e disertou arredor desa idea.

A seguir Intervención musical de Antón Castro.

Lorena Souto e Mónica Armesto deron lectura a poemas da súa propia autoría. Pechou as intervencións de escritores, Paco Pestana.

E pecharon o acto do día da muller alumnos e alumnas do CPI de Castroverde, dando lectura a textos e poemas diversos.

Acto 2º

Presentación emotiva do libro As feiras de Castroverde no século XX, coa intervención de Eduardo Carreira Gónzalez, que fixo un percorrido pola vida do autor, e relación e predicións do autor, que se cumpriron rotundamente.

O autor fixonos unha reflexión mirando cara o futuro, co traspaso do facho que figura na portada do libro como símbolo. Traspasándolle ese facho a unha rapaza.

Pechou o acto Antón Castro coa interpretación dun cantar, co tema arredor dun crime; a xeito daqueles cantares de cego que tanto abundaban nas feiras.

En Castroverde a 9 de marzo de 2007
Coa colaboración do Plan Xacobeo, Consellería de Cultura e Concello de Castroverde

11 marzo, 2007

Roteiro Francelos-Serés-Rebordaos-Bolaño-Castroverde

O sábado día 10 de marzo, tivemos outro fermoso día para facer o roteiro de: Francelos – Serés – Rebordaos, Cova da Valiña- Bolaño- Castroverde.

Comezamos baixando a Rebordaos, onde nos detivemos para visitar a súa igrexa parroquial. Salientar as tallas de San Xurxo, Neno Deus, San Antón Abade do século XVI, popular, e o santo Anxo. Hai referencias históricas desta parroquia do ano 1214.

Salientar nesta aldea a Casa de Vilariño/”Villarino” coa súa grande chimenea, típica dos pazos, que se non é pazo, pombal ten.Seguimos ata Francelos, e desde aquí, comezamos a camiñar, pero antes puidemos observar unha fermosa vista de parte do Concello de Castroverde e Concello de Lugo, volvemos a salientar a vista de Pena Branca de Barredo, e o impacto ambiental que suporía abrir unnha explotación dunha canteira nesa zona.

Logo visitamos a súa igrexa parroquial, con imaxineria do século XIX e século XVIII.

Salientar o cruceiro que se encontra no atrio, e a súa fermosa carballeira, que facemos votos para que continúe alí moitos anos. Antes de saír da aldea, visitamos a casa de Pablo Castedo, que o feliciatamos pola boa restauración e fermosa casa e hórreo, e dámoslle as grazas desde aquí por ternos acompañado, explicarnos a historia dos fornos do cal de Castedo, e por alegrarnos coa gaita ao longo do día, interpretando diversas pezas musicais, xota de Meaño, Himno Galego etc.

Subimos logo ata Castedo, aldea desta parroquia, aquí temos que salientar un horreo que hai ao pé do camiño, a fonte e o cruceiro que hai ao pé desta. Logo fomos ver os fornos do cal aos que aludimos antes, onde se cocía o cal de Xivil.

Desde aquí baixamos a Serés, cunha igrexa parecida ás da zona, con bastante imaxinería, con retábulos, principal, neoclásico, e laterais sinxelos.

Continuamos camiño de Bolaño, pero antes visitamos a Cova da Valiña, con restos prehistóricos duns 14.000 anos de antigüidade, segundo nos tiña explicado, noutra ocasión César Llana e Felipe Arias, e que o Sr. Vilabella, dicía que se fora noutro país, se tería arranxado a zona, e pechado o recinto e cobrar pola súa visita. Desde aquí baixamos a Bolaño, aldea que xa temos visitado noutras ocasións. Salientar o forno do cal, o palco da música, alguns dos horreos, lavadoiros etc.

Pola tarde completamos o percorrido coa visita a San Martiño de Bolaño, por onde pasaba, segundo lle temos entendido a Ricardo Polín, o antigo Camiño Primitivo. Aldea que está nunha situación parecida a Soutomerille, pero que quizais, esta se visita menos porque queda máis apartada. Rematamos coa visita á igrexa actual de Bolaño onde se encontra un retábulo da antiga capela ou igrexa de San Martiño.

Coa colaboración do Plan Xacobeo, Concello de Castroverde e Consellería de Cultura.

10 marzo, 2007

Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde


Corridas do galo e Tribunais da Pascua

-V-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Nota previa, válida para este capítulo e seguintes:
As transcricións están tiradas literalmente dos orixinais que chegaron ó meu poder.

Corrida con dous galos.

.../...

Acusador
¿Viene Vd. a declarar – por los crímenes cometidos,

o es acaso familia – de estos dos detenidos?

O autor tanto puido querer dicir: -Parece Vd. tan animal, tan gallo, como estos gallos...”, como, -Aquí no ignoramos el artículo 436 de la Ley de Enjuiciamiento Criminal”, vixente daquela.

Testigo

Eu dises dous fulanos – parente non lle son nada.
Véñolle para declarar, - ¡e senón non me citara!

Agora xa non son un neno, - ei declarar o que vín.

Todo mesmíño que foi, - sin aumentar nin mentir.

Ei declarar a verdá, - ¡sempre tiven cuidadiño!,

non vendo a miña concencia – por un vaso de viño.

Rotunda alusión ós convites que recibían as testemuñas, pagados polos “picapleitos” ou “homes bos”.

Estando eu na miña casa, - quentando ó lume as canelas,
sintín fora gran barullo – e pensei que eran duas vellas.

Pensando que se leaban – botei mau a esta caxada;

encontreime con dous galos - ¡que eran da Fonsagrada!

Na comarca de Castroverde, daquela, -ignoro os motivos, acaso porque empezaban a vir caseiros desa parte da montaña-, non había bo concepto desa procedencia: “Monte sin leña; fonte sen auga; ...; ...”. Recordo que cando nos saía ós zoqueiros un par de zocas con nós, ou con moita madeira, o cliente desprezábanolas dicindo:”¡E ti pensas que son da Fonsagrada...!”

Sobre todo o Monteiro, - dígolle meu señorito,
¡se o vira encristarse – pro galo do meu veciño!

Quen lle tuvo a culpa de todo – foille o galo Monteiro,

co outro, meu señorito, - axudáballe por medo.

Mire, señor Xuez, - ben sabe que eso é moi serio,

vir os galos forasteiros – galealas pitas o pueblo.

Problemas da endogamia. Importaba moito casar cerca; era unha”concentración parcelaria” automática, que servía tamén para compensar as “lexítimas curtas” dos herdeiros casados no mesmo lugar. As liortas nas festas eran principalmente por faltar á palabra de acompañamento e por esculca-las mozas da parroquia; isto último había que saber facelo: primeiro, conseguir amigos, parentes ou veciños; e segundo, pagar roldas na taberna, algún domingo ou festivo, pero, ¡a modiño, paseniñamente, cautelosamente!, sen “sobresalencia”, porque do contrario de seguida che dicían, “¡Grazas, pero eu non bebo con descoñecidos!”

Defensor do Toribio

¿Fue cierto, señor testigo, - que el gallo Toribio
era un joven inocente – y el menos atrevido?

Testemuña

O Toribio que é o máis novo, - ise ainda é de boas contas;
o outro galeaba as nenas – i él quedábase cas sobras.

De boas contas; de palabra, de concencia, legal nos tratos.

Se algunha pillada fixo – xa verá o fundamento:
é porque as polas non respetan – o sexto mandamento.

Os Curas veña predicar do “sexto”, pero os fregueses tiñan cadora máis fillos naturais. As mulleres propias adoitaban sen tolerantes, como si se sentisen por riba do ben e do mal: “Aquí mando eu, e o que pase fóra desta casa impórtame pouco”. Xeralmente, salvo en xentes das chamadas de “mala naturaleza”, o patrucio recoñecía ós fillos naturais no seu testamento, deixándolles así, “lexítima curta”.

Fiscal

¿Oiga, señor testigo, - tiene algo más que declarar,
o revoca en algún punto – su prueba testifical?

Estamos vendo que os membros do Tribunal, e tamén os letrados, falan castelán. Aquí hai un mimetismo: Trátase de arremedar á xente “da Xustiza”, pero tamén de marcar distancias, que se vexa que os que castelanizan son colonizadores, que hai un abuso e un imperio que amola e doe ó paisano.

Testemuña

Xúrolle, señor Fiscal, - que canto dixen foi certo,
e ainda lle ei contar máis – xa que logo temos tempo.

O paisano vivía nun permanente atordamento: As audiencias do cacique, do superior, eran sempre curtas, e máis ben de monólogo. Ensinábaselles ós nenos: “Fala pouquiño (cautamente), e só se che pregunta o señor”. O que máis tardaba en aprender un labrego era a dicir que “non”, e para iso tatexaba: “Non sei se lle poderei...” “Non llo sei dicir...”

Fixeron outra das súas – alí cerca noutro pueblo;
sacáronlle as plumas todas – on galo que era vello.

Eu, que sempre fun de xenio, - botei a mau nunha estaca,

e iba aló despartilos, - mais despois non fixo falla.

Xuíz

¿Y fué cierto que el Montero – deshonró unha pollitas nuevas
y que despreciaba, el malvado, - a las que eran más viejas?

Testemuña

Xa estaba ca boca aberta – para dicirlle algo máis eu.
Denantes fíxenlle unha seña, - mais vosté non entendeu.

A mesma curtidade: a testemuña fixéralle unha seña, un aceno, pero foi un xesto tan tímido que nin o propio Xuíz o percibira; non se atrevía a falar sen ser preguntado, e ó mesmo tempo non se confesara de todo.

Algunha, meu señoriño, - estaba ben en sazón;
e porque eran algo vellas - despreciábaias o bribón.

E mismo a vista da xente - se poñía a galear;

nunca tal lle pensei ver. - ¡O mundo váise acabar!

Os mozos víanse detrás dos palleiros; e parrafeaban por riba dos valados. Calquera pequeno agarimo requiría a súa discreción. A testemuña vía a fin do mundo coa chegada de novas liberdades ou desenvolvementos.

Dígolle agora, señor Xuez, - que acabei de declarar:
víñame ben medio litro – i un bolo, para me marchar.

O viño e mailo bolo eran preceptivos, como queda indicado. Tamén nas poucas eleccións que se celebraban daquela: o “cunero”, ou máis ben os seus “caciques”, “muñidores”, etc., contrataban a taberna. Xa o dicía a copla de Portela Valladares: “Por aquí pasou Portela, camiño da Fonsagrada..., pero convidou con auga. Detrás veu Montoutiño..., ¡e convidou con viño!”.

Mándome logo a mudar, - que por hoxe non sei máis nada;
sólo lles quería decir – que me dispuxeran a paga.

“Mándome ... mudar”, curiosa expresión de gran arraigo en Canarias, que tamén se utilizou na Baleira e en Castroverde. Como ninguén lle paga nin lle indica que si, que haberá convite, a testemuña retórcese para saír.
...
Acusador

Ese gallo Montero - merece una pena drástica;
hacía burla de todos - y además de cabronada.

Con actitude machista, de “cabrón”, sobresaínte e maligno.
...

Defensor de Montero

Si galeó las pollitas nuevas - fué porque ellas le obligaban,
que en cuanto le veían - allí delante le aguardaban.

Aunque el gallo Montero – es el que lleva la fama,

yo sé cierto que Toribio – era quien alborotaba.

...

(O próximo capítulo, -VI-, referirase á Corrida da Meda,
que se celebrou o 28 de Marzo do ano 1.948)

04 marzo, 2007

Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde

Corridas do galo e Tribunais da Pascua


-IV-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Aínda que hoxe se nos acae mellor falar das “corridas”, é máis certo que a nosa xente, na época do seu apoxeo, nomeábaas “As sentencias da Pascua”. “Vai haber Pascua en tal sitio”. “¿E logo, quen vos fixo as sentencias?”. Dábaselles importancia segundo quen fose o Autor, o “espada” destas “corridas”. Non era preciso que fose da parroquia, pero había que confiar nel, non só para a letra senón, e tamén, para dirixi-los ensaios, que sempre se fixeron coa porta pechada, coa máxima discreción.

De letristas anónimos, nada; outra cousa era que non as rexistrasen como propiedade intelectual, e que todo o mundo as copiase, ¡había poucos papeis para ler, para practica-la lectura!, e que incluso as imitasen, tal que se fosen coplas de cego. Copias copiare, ían pasando de man en man, ¡e iso si que era cultura popular! Por certo, que a influenza do “Catecismo do Labrego”, de Valentín Lamas Carbajal, tanto nas “corridas” do galo como na ideoloxía e nas reivindicacións labregas, foi tremenda; vendeuse profusamente nas feiras de Castroverde, por entregas; e seguidamente foi copiado de xeración en xeración. Podo referir a anécdota de que, desprazado para “facer escola”, nos anos 1.946 e 1.947, tanto en Santa María de Piñeiro como en Librán, en ambas parroquias, ben distantes entre si, os vellos do lugar sabíanse de memoria o Catecismo do “Tío Marcos da Portela”, se cadra aínda mellor có da doutrina cristiá do P. Astete!

A teima da xustiza nos nosos paisanos non é, non foi, episódica; vén de vello, e témola pouco estudada. É indubidable que a condena do galo, en todas as celebracións deste tipo, presupón, tácita ou expresa, a presenza dun poder sancionador, que non sempre, nin en todas partes, requiría as formalidades dun tribunal convencional, pero na nosa bisbarra dábanse acenos especiais, pois sempre se puxo moito énfase no procedemento das sentencias: testemuñas contraditorias, acusación, defensa, testamento, ou sexa, últimas vontades, etc. Nalgún caso ata se designaba un “Presidente da Audiencia”. ¡En definitiva, que había que xustifica-las condenas, fosen do galo ou da Pascua!

¿Quedarían secuelas daqueles tribunais da Inquisición? É ben certo que por aquí tivemos dominicos, pero os nosos, aqueles xerarcas das nosas leiras, tiñan máis de granxeiros que de tridentinos. Tamén é certo que as nosas igrexas foron sucursais de Valladolid, e os casteláns –precisamente recollo un pensamento de Castelao- sempre foron máis papistas có propio Papa. Pese a todo isto, a tolerancia relixiosa, non só en Castroverde senón en toda Galicia, sempre foi proverbial, que aí temos o acollemento que se lles fixo ós xudeus expulsados de Castela. Concretamente no Corgo, aquí ó lado, aínda se conserva o apelido Jacob, rotundamente xudeu; igual pasou na parroquia de Librán, (Valeira), onde se deu a casualidade de que a casa máis próxima á igrexa, hoxe en ruínas, na que funcionaron tradicionalmente como sancristáns da mesma, era a da Eirexe, ¡de apelido, San Miguel! ¡Outros conversos! Cabe do Rego dos Lagartos, aquí en Castroverde, está o lugar de Toldaos (toledanos, xudeus vidos, escapados, da parte de Toledo).

Se establecésemos un paralelo cos “Carnavais” actuais, habería que ganduxalo, porque non se sostén nin nas propias raiceiras:

Aquel onte estaba preñado de rebeldía baixo a careta dunha submisión vasalática; este hoxe, coa rebeldía exteriorizada, legalizada, converteuse nun taboado de marionetas, no que somos manexados coma nunca, pero con fíos invisibles. ¿Por quen? ¡Por todo o mundo circundante, empezando por nós mesmos: polas nosas pretensións, polas nosas apetencias desmedidas, as promesas políticas, os xeos empresariais, os medios de comunicación, a crueza da globalización, eses americanos que nos venden billetes para ir á lúa, unha mecanización que nos converteu en parafusos sen osca, etc. etc.!

Quédanos, pois, acoutado o estudo da nosa teima pola xustiza, que aquí debeu ter as súas complicacións dada a concorrencia de tan variadas xurisdicións en tan pouco espazo:

. Ata xunto da casa da Veiga de Pena (outros din que o fito era o cruceiro das Veigas de Feás), chegaba a xurisdición de Lea.

. En Montecubeiro aínda temos os alicerces do cárcere do Barreiro; e no propio San Cibrao están as casas da Picota, ou cepo dos escarmentos, que recolleron esta lembranza no seu topónimo.

. Da xurisdición de Castroverde quédanos a Praza do Rollo, ó sopé do castelo. Este “rolo” infamante foi eliminado en virtude do Decreto de 26 de Maio de 1.813, por inspiración das Cortes de Cádiz. ¡O rolo non queda, pero a quen lle gusten as emocións fortes suxírolle que se dea unha volta polo Museo de Lugo, que alí, colgadas no mesmo patio, consérvanse as cadeas e mailos grillóns de Castroverde! (O cepo desapareceu, ou está retirado).

. En Pena, antigo señorío das casas de Mondriz e de Carballedo, onde os Osorios e mailos Pardo nomeaban xuíz ordinario.

. O do Picato, que lle correspondía ao Marqués de Castelar.

. Outros señoríos pola parte de Cellán, Pumarega, Soutomerille, Vilafrío, etc.

Como vedes, Xustiza había. Había tanta, que probablemente o que faltase era xustiza; e de aí veña a fame e maila sede que dela tiñan os nosos devanceiros.

.../...

Nos capítulos seguintes daranse fragmentos, comentados, de varias “Corridas” celebradas nesta bisbarra.