Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

28 junio, 2007

Comunicado Urxente da Asociación Ecolóxico-Cultural “SOS Courel”


Amigas e amigos !!

Pedímosvos encarecidamente que difundades, se o tedes a ben, esta mensaxe a cantos poidades. Incrible !! pero de xeito totalmente inesperado, onte 21 de xuño, a Xunta de Galicia decidiu acabar de masacrar ao Courel, cando xa hai máis de 12 macrocanteiras canteiras en funcionamento:

O 21 de xuño, foi autorizada pola Xunta a Canteira
A Campa-Santa Eufemia, (paxinas 2 e 17)
http://www.xunta.es/periodico/2106consello.pdf

O Consello da Xunta de Galicia, tal e como tiña previsto dende hai tempo e sen escoitar o clamor da Cidadanía, tomou a decisión de acabar definitivamente co “Espazo Cultural do Courel”. Esta canteira que traballa nun furado da REDE NATURA, aberto a propósito no 2004; pero aínda nun Espacio Natural según as Normas Subsidiarias e Complementarias; desobedecendo unha orden de peche dende o 2002, confirmada pola Xustiza; foi premiada tal e como se expón nas páxinas 2 e 17. Esta canteira, ao parecer foille formulada un ha Declaración de Impacto Ambiental, que parece ser a garantía de tal legalización
http://www.amigosdaterra.net/cmn-album/main.php?g2_itemId=6426

Se este documento fora a garantía ambiental, cando se está a arrasar un río e un bosque centenario, preto de media ducia de poboados medievais, mellor que supriman dunha vez toda a normativa ao respecto. O mesmo 21 de xuño, o Consello da Xunta deulle para diante ao “Proxecto de Lei de ordenación da minaría de Galiza”, polo que unha vez aprobado no Parlamento, o Courel será declarado “Concello Mineiro”. A minaría terá prioridade absoluta sobre o Parque Natural
(Páxinas 1 e 7)
http://www.xunta.es/periodico/2106consello.pdf

Xa o 19 de xuño, autorizárase a instalación do primeiro Parque Eólico, dos varios previstos, na Rede Natura do Courel, en plena Serra do Oribio, no Camiño de Santiago.
http://www.xunta.es/dog/dog.nsf/e6973315e9f833c9c125717600543020/3164adb

¡¡¡ Agora, máis que nunca, seguimos coa campaña de recollida de sinaturas, envíos de correos electrónicos á Xunta de Galicia e a Prensa!!!


Impríme o modelo:
EN Galego
http://www.adega.info/files/ADEGA-Lugo/sinaturas%20parque%20natural.pdfE
EN Castellano
http://www.adega.info/files/ADEGA-Lugo/sinaturas%20parque%20castelan.pdf


Mándaas ao seguinte enderezo:
“Asociación SOS Courel”.
Santa Eufemia, nº 32,
Folgoso do Courel, 27327( Lugo.)


23 junio, 2007

Historias Intra da Bisbarra

As bruxas da Corte Vella

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

(Esta, e mailas sucesivas “Historias” desta serie, están baseadas no libro deste mesmo Autor, titulado igualmente “Historias Intra da Bisbarra (Castroverde, Pol e Baleira)”, editado en 1.992 polo S. de P. da Deputación Provincial de Lugo)

______

O conflito coas bruxas da Corte Vella, que ese é o nome dun lugar incrible e inesquecible da parroquia de Martín da Baleira, (que precisamente foi visitado pola nosa Asociación o 17 de Maio último, Día das Letras Galegas), rematou en Castroverde, daquela que San Martiño, o de Dume, o titor de Miro, volveu por Bolaño, que entón chamábase Xivil, ¡Xivil de Bolannio!, pois o nome do lugar cambiouse cando permutaron esa pradaría por un castelo que había en Lugo, alí por xunto da Porta da Feira...

Esta historia foi discutida, moito, naquelas ruadas invernías de cando eu era un rapaz. A min chegoume, e copieina, dun manuscrito que me emprestou un vello amigo, un mestre, coma min, daqueles do “ferrado”, ao que llo devolvín a toda presa, despois de transcrito do meu puño e letra, pois o señor aquel esixiume esa presteza xa que, segundo as súas verbas, tamén tiña que devolvelo ao anterior posuidor. O miolo do asunto está en que a historia é certa, que iso é o importante, ¡veña de onde veña!

Foi o caso que daquela, no tempo dos Concilios de Lugo, as bruxas destes condados andaban anoxadas porque se lles deu en coller zuna, e todos eran a botalas desta bisbarra, desde Penamaior ata Meira, pasando polo Monte Cubeiro e por Arcos dos Frades; ¡quere dicirse, de convento a convento! Os curas, co hisopo da auga bendita; e as mulleres de ben, co rosario, dálle que dálle, conta vai e conta vén! Sempre esconxurando nelas: Que se, “¡Meigas fóra!”, por aquí; que se “¡Meigas fóra!”, por acolá. ¡Todas esas macanas das mulleres que se tiñan por honradas!

En vista da situación, aquelas bruxas retiráronse ás montañas, e deron en buscar un campelo para os seus balbordos, que estivese abeirado, onde ninguén as puidese ver nin oír. Primeiro tiveron o seu convento de misas negras aló na Corte Vella, que de aí lles vén tanto o nome como a realeza, pero entre o que pasou no río Eo, e maila praga dos merlos, os frades de Meira víronse negros, ¡por dentro, claro!, para conter a invasión das súas namoradas. Esta foi a causa de que no Eo se teñan visto troitas de pé, ¡ben gordas e lustrosas!, que iso procede de cando aquelas bruxas tiveron a súa capital na precitada Corte Vella.

As condenadas, para disimular o seu namoramento, e que os frades non as visen en coiros, collían forma de troita; e así, cando os pescantíns lles ían aos frades coa ganchada diaria, ¡para que almorzasen na Coresma!, que seica era un costume que lles viña de Cîteaux, que era onde San Bernardo citaba aos frades para observalos, ¡ás veces daban en xemer na tixola! Iso pasáballes ás que se collían coa man, que daquela non lles dera tempo para vestirse, pois as do anzol, esas, ¡nin picaban!

Niso estaban, que os mesmos pescantíns da Ribeira, cando apertaban coas mans un feixe de oucas para atrapar unha boa troita, igual lle estaban metendo man á Bruxa Maior, ¡e as moi..., pícaras, sen avisalos, que xa o facían adrede!

A vinganza das bruxas da Corte Vella, ante o cabreo dos frades, foi disfrazarse de merlos, ¡e paparlles as cereixas que lles tiñan reservadas os seus foreiros de Santalla de Piquín! Con isto, nin que dicir ten que os frades perderon a pouca paciencia que tiñan daquela, ¡tan afeitos que estaban a mandar! Reuníronse, pois, en Cabido, xa que podían pasar sen troitas, pero..., ¿o das cereixas? ¡Sen cereixas, en Meira, liberanos dómine!

¿Poñerlles espantallos aos merlos? Non, que iso non servía con aquelas merlas, segundo dixo o Padre Exorcista, que tamén facía de Mestre Filósofo. Entón habería que utilizar o hisopo, xa que era o único remedio coñecido dos frades. En vista do caso, catro freires, dos máis vellos, dos que non caían na tentación da luxuria, presentáronse na Corte Vella, levando, a mais dos hisopos, dous pipotes de auga bendita, cargados nunha mula..., ¡por aquilo de que as mulas son virxes, que non conciben! Deu resultado, abofé, pois incluso aos merlos lles entrou a colite. Non obstante, cando volveron os frades a polas súas cereixas, ¡alí estaban, en Santalla, de novo, aquelas merlas, máis burleiras que nunca! Nada; estaba visto que os efectos da auga bendita íanse nada máis secarse a última gota, así que, ¡outro Capítulo en Meira!

Despois de moito filosofar, tiraron esta experiencia: Que o hisopo era remedio necesario, pero non suficiente. ¡Iso probábase pola maior! Suficiente sería ter en camiño da Corte Vella unha recua de mulas, con pipotes de auga bendita a reo; ¡pero non había mulas suficientes, que as levaban para arar en Castela! Diso non saían, que nin tempo lles quedaba para misar, ata que falou un leigo, daqueles que tiñan voz pero non tiñan voto. Persignouse, e deixárono opinar, de contado, en vista da esterilidade dos frades:

-Pois..., e pois..., ¡a min paréceme que sería cousa de que o Eo baixase, sempre, coa auga bendicida!

O Abade medio se cabreou:

-¡Cala, zopenco, que ti es un leigo; e tamén o es en bruxas! A ti vante namorar...; ¡como hai Deus que si!

Pero nisto, que estaba alí o Frade Administrador, que xa volvera de Valladolid de levar os cartos das bulas da última Coresma, e non lle parece de mala administración a proposta do Leigo.

-O malo desta receita é que para estar bendicindo na auga, a cotío...; quere dicirse, para bendicila in saecula saeculorum, aquí, hoxe en día, somos poucos; e ademais diso, está que a auga só se pode bendicir o Sábado Santo... ¡Iso, iso; xa o teño, irmáns! ¡Santo; ten que ser un Santo!

O prior debeu pensar que aquel Comendeiro collera unha insolación aló por Castela:

-¿Que dis, irmán? ¿Toleaches?

-Padre..., ¡élle moi sinxelo! ¿Quen lle parece á Súa Paternidade que debe ser o avogado das cereixas? Non mo diga vostede, que xa o sei: ¡O Patrón das cereixas é o San Bernabel! ¿Non ve que lle facemos a festa o once de Xuño, e a partires diso maduran as nosas cereixas? Ademais eu seino ben, que aló en Suegos de Pol, onde tamén cobramos rendas en saco, desde que lle fixeron unha capela ao San Bernabel, as meigas de por alí sonlle..., ¡encantadoras!

-¿Iso é certo, irmán?

-¡Non ve con que cara llo digo! Se lle facemos un santuario ao San Bernabel, cerca do río Eo, ou dalgún dos seus afluentes, poñéndolle de condición ao Santo, no trato, que nos pague en auga bendita, daquela...

-¡Xa o teño, irmán! ¡En Fonteo! –Exclamou o Gran Bernardo, que se daba de listo.

-Repare a Súa Paternidade que os foros de Fonteo sonlle do convento dos nosos irmáns de Penamaior... ¡Tan arriba non chegamos!

-¿E pois logo...?

-Aquiétese, de contado, que tamén se me ocorre a solución diso: Coido que o santuario que lle fagamos ao San Benabel non debe estar no mesmo Eo, senón máis ben nun lugar apartado, ¡para que non o saiban os de Valladolid, nin tampouco El Rei, noso señor, que a Súa Paternidade xa coñece que ámbolos dous son raspiñeiros, ¡e veñen de seguida para leva-los quintos!

Así foi como se fixo a capela do San Bernabel da Xesteira, medio escondida nunha carballeira, e cunha fonte milagreira que baixa correndo ata o río de Martín, afluente do Eo.

Cando empezou a baixar aquela auga bendita, as bruxas da Corte Vella decatáronse de que a persecución dos frades ía en serio, ¡e que tiñan que ir buscando outras augas máis saudables! Anda que te andarás, colleron o Camiño Real de Castilla, ¡ata que deron co río Chamoso! Deuse o casual de que daquela andaba por Bolannio o San Martín de Dume (Dumio), dedicado a corrixir rústicos, quere dicirse, disposto a rematar con aqueles pagáns descendentes dos romanos, pois os suevos foron máis suaves e convertéronse pronto. O San Martiño, tan caritativo el, cubríalles as polpas ás bruxas cando saín do Chamoso, cando saían do baño, co seu manto, coa capa..., ¡e con iso quedaban conversas, conversas e decentes! Pero a cousa non era tan doada, pois o demo volvía a tentalas, a conquistalas.

É ben sabido que no aquelarre a raíña só ten mando ata que o Cabrón se emparella cunha virxe das recén incorporadas ao rabaño delas, así que, en cuestión de bruxas, a antigüidade perde grados. A raíña que tiñan entón discorreu que a mellor forma de conservar o seu manto vermello, e de paso fuxir do azul de San Martiño, era cambia-lo campamento para un sitio onde non houbese virxes; ¡ou onde todos fosen homes, que tamén servía! Consultouno coa secretaria, e entrambas discorreron que o mellor era propoñerlle ao Castrón do inferno mandarse mudar para o cemiterio do Zarro Novo de Montecubeiro, que daquela estaba dedicado aos suicidas e aos nenos que morrían sen sequera auga de socorro. ¡Así que, alí, de auga bendita, nada! Desta maneira as bruxas da nosa bisbarra, todas en procesión, detrás do seu Cabrón, ¡saíron do lume pero caeron no remol! Non se decataron de que, habitando no Zarro Novo, os frades de Montecubeiro víanas desde o seu campanario, ¡por culpa da lúa! Víanas como bailaban de noite, tódalas noites, ¡sempre en coiros, e peidando, como lles corresponde!, ao redor do cruceiro, ben quentiñas e ben afumadas cunhas fogueiras de toxos que mantiñas acesas, ¡por iso de non coller catarro ao ventre!

Así que, ¡outra vez perseguidas! Esconxuros, aspérgeme dómine, rosarios, xaculatorias... Niso estaban cando volveron a pedir socorro, así que o Cabrón decidiu subilas ao Miradoiro do Pradairo, ¡dunha vez para sempre! O que non sei, que nese escrito non estaba, que daquela aínda non existía o Parque Eólico da Serra, é se resistirán as venteadas de aire deses muíños, ¡tan delicadas que son do ventre, miñas pobres, particularmente do ventre baixo!

Hai moito tempo que non oio falar das bruxas, en parte algunha, pero, ¡nin falta que fai, que agora vense na tele, a diario, máis núas que vestidas, e iso que son do país! Tan afeitos estamos a elas, que xa ninguén lles tira auga bendita, ¡nin os cregos! Ora ben, no de guapas, ¡quen lles dese parecerse ás bruxas da Corte Vella!
______

16 junio, 2007

Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde

Das rúas de casamento e das foleadas… ¡ao fútbol!

-y XX-

Achegas de

Xosé María Gómez VilabellaO autor desta serie, entregando un trofeo
nun partido de fútbol, en Sidi Ifni.


¡Que a ninguén se lle ocorra dicir hoxe en día que non lle gusta o fútbol, ou que non o entende, porque o tomarán por..., ¡por iso que estades pensando!

Caso distinto eran aqueles costumes, aqueles divertimentos, nosos, enxebres, de propia colleita, ¡tantos e tan diferentes! Ademais de divertidos, tiñan o seu aquel ximnástico; aqueles si, máis, moito máis, que iso de chocar cos autos, sexa ao entrar ou ao saír do estadio, e total para non quedarnos sen un asento incómodo, duro, liso..., de formigón!

¿Xogos? ¡Máis que agora, pois, como tiñamos que andar un longo treito, o camiño daba para todo, para todo tipo de inventos, desde a billarda ata o circense de correr por riba das paredes a paso ximnástico; e non iso do “pavillón de deportes”, sempre ocupado, e sempre pendentes de que non nos deixe en terra o “transporte escolar”.

Aqueles carriños de madeira, pero tamén se facían en miniatura con dúas corolas de nabo; aquelas “bicis” sen freo; aqueles cirichóns, cun émbolo cabeceado con estopas para irriga-lo compañeiro, maiormente por carnavais; o tira-balas, tamén de estopa, que se apertaban contra o estómago para facer puntería... Con dous botes, taponados cunha vexiga seca, de cocho, e un fío de algodón, inventamos os primeiros teléfonos que funcionaron en Castroverde. De alcacén despuntabamos uns chifres que soaban con música de anxos; as frautas de castiro, que se lles extraía a casca mazándoa con suavidade, e despois axustábaselle un recorte da mesma madeira para que fixese de palleta... ¡Mil cousas, mil inventos, que os da miña xeración non tivemos clases de “manualidades”, nin falta que nos fixeron!

O que tiña bo oído e mellor afección, con aquelas frautas de castiro aprendía a escala musical; que diso pasábase á gaita do fol. Igual que batendo nunha lata do pemento aprendíase a toca-la caixa, o bombo, a pandeireta...

Despois da Guerra, segundo ían regresando os mozos, aqueles que lembraban a gaita do fol, ou llela conservaran, volveron a ela..., ¡e deron uns solos impresionantes, aos domingos, que mereceron o nome de “foleadas”. Tamén se volveu ao “permite”..., que moitas leas ten ocasionado. Nesta bisbarra tivemos a grandeza de que volvesen a actuar dúas bandas, Pena e/ou Bolaño, tan pronto como o “cuartel” da Garda Civil tivo permiso para dar permiso para permitir dúas ou tres horiñas de música festeira, pero sempre con clausura antes da posta do sol. ¡Naturalmente: tratábase de situarnos “Cara al sol”!

As festas volveron a ser “de merenda”. A xente de lonxe madrugaba para preparar as viandas, metelas na alforxa, ou subir as cestas á cabeza, con aquelas rodeliñas..., ¡con xaxún, ata despois da Misa, que o Concilio aínda estaba lonxe!

Nestes medios, algo que non se perdera, algo que non houbo que resucitar, foi o lume novo, ¡San Xoán!, así como o de enramallar as casas, hortas e alpendres. Tamén seguiron os curandeiros, por falta de médicos e de menciñas: as sangrías, os tirizós, a “espinilla” caída...; o leite callado, con codesos, para as lombrigas...

Mais, por riba de todo, neste país rutilaban as rúas de casamento, ¡e iso que se celebraban de noite! ¿Eran vulgares aproveitamentos da veciñanza, ou honores tributados aos noivos? En particular os foguetes, moitos desgustos deixan dados: A mocidade do lugar considerábaos unha honra, ¡especialmente para as veciñas! Pero as nais delas, si se sabía, ou presentía, que a noiva non ía de branco, ¡de branco virxinal!, non perdoaba aquela “ofensa”, téndose dado casos de acudir á Garda Civil para denunciar o “desaforo” e insistir en que fose “comisada” a pólvora do novenario. Como os Curas viñan esixindo aquelas tres amoestacións, ¡non eran doados os connubios secretos!

Os noivos saían cos padriños, e demais invitados, despois da cea, ao redor da casa da noiva, para dar: O padriño, tabaco e viño; e a madriña, roscas. Como adoitaban ser moitos, e de lonxe, os ruantes tocaban a pouco, así que os máis pícaros acudían con dúas ou tres chaquetas, e outras tantas carautas, para pasar desapercibidos en dúas, tres, catro..., ¡roldas!

A rúbrica destas “rúas” non sempre foi afortunada, pois tense dado o caso de que antigos pretendentes da moza, e/ou os seus amigos, fixesen algunha dellada: tirar cancelas, desfacer o palleiro, darlles carne con agullas aos cadelos..., ¡e incluso tiros!


Rematar esta serie “a tiros” non parece boa idea, así que lle prego ao lector que lea, “foguetes”, que con iso concluímos estas festas en paz, ¡en paz, pero cunhas lembranzas un tanto morriñosas! ¿Tería razón Jorge Manrique naquilo seu de que “... cualquier tiempo pasado fue mejor”?

¡Non o creo! ¡Todo é cuestión de quitárlle-lo zume ás flores, incluso ás chorimas dos toxos e das xestas, como fan as abellas, que con iso, a vida, coma o mel, vólvese doce!

Xosé María

Convocatoria Roteiro o 23/06/2007

Roteiro de Furís

A Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde convoca un roteiro a celebrar o

23 de xuño, sábado, de 2007

Itinerario

Desde a casa de Cantiz en Furís de Abaixo-subir a aldea de Arrubial (Parroquia de Páramo)-Augalevada-Murias-Pena Grande-Capela da Avelleira- Capela de Pereira-Muíños do Castelo-Croa e Croíña de Furís-Volta á casa de Cantiz.

- Ás 9:30 h. Vémonos na praza do Concello de Castroverde

-Ás 10:00h. Saída desde a casa de Cantiz, co roteiro indicado arriba.

- Tempo e quilómetros estimados: Roteiro planificado para todo o día. Distancia duns 10 Kms. Roteiro sen maiores dificultades.

- Comida: Cada quen levará a súa comida e bebida, comeremos no camiño do roteiro. (Levade calzado axeitado, e todo o que vexades preciso)

- Regreso pola media tarde. Dános tempo para ir á noite ao lume novo a onde queiramos, ou ben facelo nós á volta en Furís.

Para facilitar a organización:
Avisar antes do venres, día 22 de xuño de 2007 .

Agardando a túa asistencia, recibe un cordial saúdo.

Manuel Muñiz
Castroverde -Lugo-, a mediados de xuño de 2007

09 junio, 2007

Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde


Función social das Casas Grandes


-XIX-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella



Traer a colación este debuxo de A.Trillo ten por finalidade axudarlle ao lector a imaxinarse aqueles centros de reunión social, nocturna e invernal por suposto, pois, desde que o tempo permitía volver ás labores agrícolas, aquilo das ruadas adiábase automaticamente, ¡sen sesión de clausura!

Un sucedáneo tivémolo nos recentes “teleclubs” parroquiais, de función análoga á dos libros de “F.E.N.”, que por certo foron un fracaso, ¡e menos mal que algún deles serve, utilízase, como Centro Electoral! ¿Ían as tabernas a deixarse evaporar simplemente polo custe dun televexo, cadora máis baratos? A toda acción segue unha reacción, pero iso non o sabían, non o souberon calcular, aqueles sabios franquistas.

A Casa da Ruada facíaas posibles se cumpría un mínimo de requisitos: Grande de espazos, aínda que non fose Grande por avoengo. A falta de cheminea, una boa lareira. Se non tiñan luces de carburo, importaba pouco, ¡con tal de que abundase a leña! A chegada das cociñas “económicas”, tamén chamadas “bilbaínas”, cambiou bastante a forma de ser e de estar, pois prestábanse para xogar a brisca, pero non para os xogos das lareiras, pequenas e variadas representacións nas que tanto se tocaba a gaita como se facían xogos ou comedias improvisadas: Adiviñas, o xogo das prendas, a última copla, o último conto, etc. Xente conversadora. Mesa de levante, ou similar, para a brisca, se aínda non se tiña a “económica”. Tamén se agradecía que houbese fonógrafo, gramófono, ou gramola; e do 1.940, en adiante, que dispuxesen dun aparello de radio, así fose de galena. Con estes mínimos, ¡parladoiro seguro!

Algunhas reitorais tamén oficiaron como casas de ruada, pero con certas limitacións en canto á franqueza e á liberdade temática. Cando a Ama se poñía a topenear, ou o crego botaba man do breviario, ¡levantábase a sesión!

O rosario deixábase rezado nas casas, o gando, pensado, e os vellos pegadiños ao remol, cando non na alcoba. Despois diso, o farol de “gas”, ou o fachuzo de pallas; tamén servía un tizón se había que cruzar por un saltadoiro ou paso difícil. As mulleres, decote, coa roca, co fuso, ou a calceta. Os homes coa cachimba, ou cun librillo de papel de fumar de Alcoy. ¿Tabaco...? ¡Estaba racionado! ¡Pero non o estaban os tróqueles, ben sequiños, tamén chamados balocos! Non estaban racionados, que os tiñamos en tódolos valados do país, pero..., ¡o labrego non sabía que o seu principio activo é a dixitalina, que de tanto que activa a circulación pode causa-la morte!

As casas da Ruada, precisamente por iso, porque eran ricas e de certo consumo, cando non tiñan xastre coincidía a costureira; nun caso, ou noutro, co seu séquito de aprendices, circunstancia que elevaba, que reforzaba, a animación habitual. Outro complemento era o periódico, que sempre había alguén que lese algunha noticia en alto, e despois comentábase.

Esta función social das casas de ruada non era tan gratuíta como aparentaba, pois os habituais da mesma sentíanse “obrigados á casa”, así que nin facía falta avisalos para que colaborasen en toda ocasión de apuro, cavar, gadañar, segar, mallar... Este concepto de “casa”, nesta bisbarra de Castroverde, pero nas limítrofes, tamén, abarca moito: Desde as paredes ás relacións sociais. A “casa”, entre nosoutros, é un Ente, un Ente Social con vida propia, que por algo aínda se pon nas necrolóxicas iso de “da Casa Tal”, ¡así sexa un alcume pexorativo!

Coa Guerra, as ruadas, como é lóxico, perderon animación, animación e franqueza, pero o seu aforo a menos non foi porque a soidade era tremenda, e a xente tiña ganas de informarse, de oír, de saber... ¡O malo do caso era que os demais acudían coas mesmas apetencias, pero ninguén sabía, ninguén falaba, ninguén se atrevía a larga-los seus secretos, por nimios e por intranscendentes que fosen! O regreso, a reincorporación, dos soldados si que foi de epopea grega: Todos foran valentes, todos traían grandes “fazañas” que contar! ¡O retorno de Ulises! O inexplicable era que botasen por aló tanto tempo sendo tan aguerridos: ¿Por qué tardaron tres anos en cantar vitoria se cada un deles houbese chegado a Vinaroz en..., tres días?

...

Estoume lembrando dun daqueles parladoiros. Nunha daquelas ruadas tiñan a costureira, unha moza que pasara a Guerra en Madrid; e precisamente por vir de Madrid estaba moi solicitada..., ¡para encargarlle roupa a estilo de Madrid! Eu era un neno, e por tanto pasaba desapercibido, que ninguén sospeitaba que tivese unha libreta na casa, onde me dera por apuntar cantas cousas me fixeran graza na noite ou velada do día anterior. Un veciño, xa vello, de alí de cerca, pretendeu acaparar a conversa coa rapaza, de tanto que quería saber dos madriles; por certo, que amolando a un tal Ton, un Sarxento que viñera de permiso, e que se interesaba pola costureira en si mesma, vestidos e “madriles” á parte. Dicía o patrucio:

-Hai, muller, moito me presta coincidir aquí contigo, que me dixeron unha cousiña cousa que me trae a cabeza revolta. Díxome un soldado, pero, como menten tanto, ti vasmo confirmar, ¡ou desmentir! Que en Madrid, por unas toupeiras que fixeron para esconderse das bombas de Franco, ¡agora anda o tren!

-Pues le es verdad, pero no es el tren, sino el metro...; ¡el de medir, no, el otro! Lo malo que tiene es que la gente va de pié, y muy apretada...

O vello, un gran pícaro, escachizábase de risa:

-¡Agora entendo porque te apartas cando se achega o Ton; se aínda fose no “metro”...!

Pero o aludido, aquel Sarxento Ton, que aqueles días estaba de permiso, deulle a volta ao tema:

-Manoliña, para o que che vou cantar, non preciso achegarme. ¡Alá vai!

...

La higuera se secó, se secó,

porque tiene sus raíces fuera;

y mi chata ya no me quiere

porque ando de borrachera.

...

Non sei se por culpa da “borrachera”, ou porque a costureira viña farta de que a “apertasen” no “metro”, ligue non houbo, que ámbolos dous morreron célibes, ¡célibes e ceibes!

02 junio, 2007

Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde

Tensións e canles

-XVIII-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Non fai falta penetrar na metafísica, que xa o temos na física: ¡Nin as propias veas, co correúdas que son, son capaces de resistir unha subida brusca de tensión! Así que, ou se rebaixa esa tensión, ou se reforza a canle respectiva, que tal foi desde Adán. A civilización, por paradoxal que pareza, foise perfeccionando grazas, precisamente, ao estímulo obtido desa satisfacción tan íntima e tan sublime que nos produce a nosa vitoria, persoal e social, sobre e con respecto as dificultades superadas. Esas dificultades producen novas tensións, pero do control das mesmas tiramos a grandeza e mailos azos da nosa constante evolución.

Se lee isto un urbano igual chega á conclusión, simplista por suposto, de que no rural todo foi paz e gloria, ¡églogas bucólicas de pastores namorados! Pero dáse o casual de que, comigo, a favor ou en contra, pero nunca neutral, está a miña “circunstancia”, a circunstancia orteguiana. Se así non fose, ¿como se pode explicar que os suicidios sempre abundaron no medio rural? ¡Non soportaron as tensións respectivas, non estaban preparados, mentalizados, para tanto, por pouco que fose!

Este medio, o que nós coñecemos, este de hoxe en día, xa non produce dicotomía co urbano, en mil aspectos, que incluso o supera en moitas cousas, das positivas, pero aquí e agora, nesta serie localista, estoume referindo ás dificultades xenéricas, habidas a través da nosa Historia. A burguesía naceu dos aduladores. ¡Si, si, non é broma! Empezaron como servidores e concluíron como mestres: da cociña, das letras, das armas, dos oficios, xograres, trobadores... Especializáronse como “provedores da Real Casa”, e lograron que o Señor, (castelo ou convento) lles facilitase un asentamento cabe do propio convento/bispado/fortaleza..., ¡para telos á man, dispoñibles! Así naceron os burgos, que o temos ben visible na configuración do Castroverde vello. En paralelo, o servo agrícola pasou séculos e séculos sen levantar cabeza, sen librarse do arado; e para máis inri, cando os Estados empezaron a concretarse, e por ende, a precisar fondos, inventaron algo que, teoricamente, ía ser unha liberación xeral, de beneficios mutuos: A redención foral, a desamortización. ¡Ía ser, pero non foi, porque os burgueses, que tiñan o diñeiro, e de paso, que non lles preocupaba aquela “excomuñón” coa que ameazaban os Curas para quen mercase aqueles bens chamados de “mans mortas”, lanzáronse a comprar, e fixéronse con lugares enteiros! Desde entón, neste novo ciclo histórico, paulatinamente, a salvación dos nosos labregos estivo nas remesas dos emigrantes, ¡cartos a cambio de mozos, xa criados e instruídos! ¡Vaia negocio! Mais, por se isto fose pouco, nos últimos anos, cantos chegaron a un nivel cultural de certa importancia, en lugar de poñer a súa sabenza ao servizo do campo, ¡opositaron!

Tamén é certo que as canles de desafogue ás que nos vimos referindo non naceron no rural senón que proveñen do trobadurismo señorial, puro plaxio ou inspiración. Cando os burgueses se pasaron ao teatro, comezando polos autos ou misterios e moralidades, ou apólogos, os campesiños recolleron aquel saldo, aquela liquidación. O que nos chegou a nosoutros ten as súas raizames no tensó provenzal; con dúas variantes: Na parte de Coruña, as regueifas; e na de Lugo e Braga, de ampla adaptación e poboamento suevo, ás sentenzas do galo. No tensó entaboábase unha disputa, e as súas estrofas formaban un diálogo contraditorio. Dous exemplos do tensó clásico reproducíronse nas óperas Tannhäuser, de Wagner, e Els Pirineus, de Felipe Pedrell.

En resumidas contas:

. Que o rural soportou, pero resistiu, por séculos, unha serie de padecementos, pagamentos, humillacións e incomodidades, que fan da nosa historia, Rural, Local, algo grandioso, heroico, admirable, ¡por máis que non chegue a saír nos libros de texto!

. Que desaparecidas, ou polo menos atenuadas, aquelas tensións, o Carnaval pasou a ser..., ¡una carnavalada! As máscaras actuais, comparsas, extravagancias..., só son unha mera lembranza, un certo desenfreo; non implican unha resistencia fronte á orde establecida, ¡suposto que perdeu a súa natureza opresora!

As tensións naturais no medio e na época a que nos referimos, subiron de temperatura polos anos 1.930, co combustible dos antecedentes expostos e maila doutrina que traían aqueles emigrantes retornados: Influencia protestante en Cuba, e democracia de estilo francés na Arxentina. Pero o fogo, nesta bisbarra, aplicáronnolo desde arriba e desde fóra. Os nosos paisanos, “Puchos” incluídos, sabían, eran moi capaces, e estábano demostrando cunha convivencia interparroquial, civilizada, de canalizar satisfactoriamente os seus conflitos, e por ende, os seus desafogues.

Para Samuel Butler, quizais o sociólogo que máis se detivo en analizar a problemática dos pequenos poboamentos, a cooperación e mailo conflito son os dous procesos básicos de vida destes grupos. Firey, pola súa parte, -citando só tratadistas que estudaron amplamente a problemática de explotacións de tipo familiar e illado, polarizadas polas vilas de cabeceira-, demostrou que incluso a competencia ecolóxica implica factores sociais, tales como o sentimento e mailo simbolismo. O conflito entre grupos –e aquí, como grupos, tomaríamos, fundamentalmente, as parroquias- aumenta a moral e a integración internas do grupo se hai unha anticipación da vitoria, quere dicirse, unha certa confianza na loita.

¿Anticlericalismo carnavalesco? Quizais houbo algún extremismo, particularmente nas celebracións do quinquenio 1.931/36, pero en todo caso hai que admitir e ponderar que o Concilio Vaticano II chegounos con retraso, así que o clero tivo a sorte de que os seus fregueses se comportasen con máis moderación da que cabía esperar neles despois de tantos séculos de humillante submisión, que non respecto. Mais, como as verdades a medias son mentiras, tamén é de xustiza recoñecerlle ao clero desta zona un comportamento moderador naqueles días, máis que aciagos, cegos, do Alzamento franquista. Iso non se contradí co feito, por citar só unha anécdota, de certo Párroco que se resistía a celebrar un funeral por un fusilado, acaso máis cristián có propio Cura. Por fin aceptou, e concorreron varios cregos, no ben entendido, segundo era uso e costume, de que lles había que levar á sancristía o condume, o xantar. Despois das exequias, o sancristán volveu á igrexa, e subiu á torre para toca-las doce; nisto, que se lle ocorreu mirar cara á horta do Cura... ¡Seis, seis cregos, correndo por entre os couceiros, coa sotana recollida...! O campaneiro non se atreveu nin a contalo, ¡en anos! Pero o día que o fixo, no parladoiro dunha taberna, o “causante”, alí presente, ¡oh casualidades!, tamén se atreveu a informar das causas: Tanto o irritaran aqueles Curas comellóns, encima de que se resistiran a oficiar polo seu parente, que lles sazonou aquel cabrito ao forno con..., ¡Sal de Higuera, que era o purgante que se lles daba entón ás bestas! O que nunca souben é se aqueles Curas chegaron a coñecer, ou a deducir, a clave da súa “purga”.

Para ilustrar unha tensión concreta, relativamente recente, temos o caso daquelas liortas habidas entre Montecubeiro e a Vila de Castroverde, derivadas da asunción das antigas xurisdicións. Extinguida a de Montecubeiro, e sometidos a Castroverde, as cousas quedaron acres por algún tempo, que así as recolle o poeta Lois do Cando (Luis González López), no seu poema A VISPERA DE SAN XOÁN, premiado en Lugo nun certame do San Froilán de 1.891.

Tan só un fragmento, literal, para confirmar este aserto:

...

Non hai quen vaya unha vez
á feira de Castroverde
que non lle enseñen os Puchos,
q´ese nome é o que teñen
sendo de Montecubeiro
os rapaciños enxebres.


I abofé que non é nome
q´os torule nin rebexe,
porque así os chaman todos
donde queira que estivesen.

Que teñen en Lugo a fama,
ben gañada, de valentes.
E co pau d´unha aguillada,
ou c´os puños si se quere,
métense entr´os paus sin medo,
donde ningures se mete;
i antes deixan o pelexo
que deixar dous pasos éles.

E, com´o boi turreón
que leva regañado sempre
o coiro, tamén estoutros
sacan a cabeza as veces
sangrando com´a un carneiro.

Póñenlle un trapo mentras
que se cura. D´iso os chaman
Os Puchos, en Castroverde.

...

(Próximo capítulo: Función social das Casas Grandes)

27 mayo, 2007

Breve historia das mais coñecidas "burradas" urbanísticas feitas na cidade de Lugo: afondando nas desfeitas proxectadas nas costas do Parque Rosalía de Castro
(ver a reportaxe)

Con as actuacións urbanísticas do máis desafortunado, e que fixeron que en poucos anos, Lugo perdese gran parte da súa identidade como consecuencia de pésima xestión política. De este xeito quedan recollidas na reportaxe e mais na páxina da asociación www.parquerosalia.es

* Construcción xunto ás beiras do Miño do centro comercial Continente (actual Carrefour) e posteriormente do Recinto Feiral.
* Derribo do Seminario Menor para a construcción de edificios.
* Derribo do “Mesón de Aguiar” no xardín de San Roque para… a construcción doutro edificio.
* Derribo do Gran Teatro para a construcción no seu lugar… do edificio Gran Teatro, ignorando por completo a opinión de moitísimos lucenses que se manifestaron en contra desta actuación.
* Construcción de edificios en plena mediana da Ronda das Mercedes. A voz da rúa como no caso de Continente e o Recinto Feiral… tampoco acababa de chegarlle ó Concello.
* Na mediana da Ronda de Fingoi tamén se seguiu edificando, rompendo novamente o desafogo que producen as medianas nas rondas de circunvalación das cidades.
* Derribo dos chaléts de Ramón Montenegro para novos edificios.
* Construcción de edificio no acceso a Duquesa de Lugo desde a Ronda de Paradai, co que a entrada a esta nova avenida se viu totalmente estreitada.
* Construcción xunto ao Sanatorio Portela (incluido no catálogo de Patrimonio da Xunta) dun edificio moi próximo que conseguiu deslucir un gran exemplo de arquitectura racionalista na nosa cidade.
* Construcción de edificio sobre o antigo Parque de Bombeiros, que conseguiu poñer “paredes” á unha Muralla… que xa era Patrimonio da Humanidade!!!, e nunha das escasas zonas nas que se contaba con vistas hacia a paisaxe que rodea Lugo.
* As torres do seminario e a praza de cemento, estropeando as vistas da catedral dende a muralla.
* Proxecto do novo auditório: infografías do exemplo de integración entre antigo e moderno...
* PXOM
* Ponte nova si, mais non se pode estragar o Parque Marcos Cela, inagurado po lo Sr Orozco, onde promete conservar e mellorar este parque, en memoria de Marcos Cela.
O paso polo parque de unha ponte que afecta directamente a o 19,5% da sua superficie, perxucicaria o total do mesmo, asi como a sua vexetación, resaltada o dia da inaguración por o Sr. Orozco xa que coincidiu co dia do arbre.
Agora di que estos arbres están vellos , cando todos aspiramos a chegar a vellos sintindonos respetados.

NON QUEREMOS SEGUIR VENDO COMO LUGO PERDE A SÚA BELEZA E A SÚA HISTORIA !!!
NON MÁIS DESFEITAS URBANÍSTICAS !!!
Narciso de Gabriel
Escolantes e escolas de ferrado

Edicións Xerais de Galicia, S.A., Vigo, 2001, 425 páxinas



Xosé Mª Pin Millares
Lic. en Xeografía e Historia e profesor de Secundaria
Vigo, maio de 2002

Hai tempo que coñecía a preocupación e a ocupación do profesor da Universidade da Coruña, Narciso de Gabriel, polo tema que dá título a esta publicación.

Ademais dos lazos de veciñanza e de amizade compartía con Narciso curiosidade pola materia da súa investigación. O autor achégase ó tema tanto como investigador e estudioso da educación en Galicia como por fidelidade e afectividade á nosa terra e, en especial, ás terras luguesas de Baleira das que ambos somos fillos e onde este tipo de mestres foron o principal vehículo escolar deica tempos ben recentes. Narciso non foi alumno destas escolas, pero no meu caso, foi case a única escola á que asistín e nela adquirín os coñecementos básicos que permitían acceder ó exame de ingreso no Seminario ou no Instituto da capital.

Ó longo de dez capítulos analiza e achégase dende abaixo á cultura popular. Hai que ter en conta que durante séculos a inmensa maioría das fontes culturais do mundo rural foron a predicación, os sermóns e estas escolas rexentadas por persoas que posuían unha mínima bagaxe de coñecementos. Nalgunhas partes de Asturias estes mestres eran coñecidos por “adelantados”e a existencia desta modalidade está constatada en toda España, mesmo a Lei Moyano admite que para ser mestre de escolas incompletas e temporais non se requiría ningún título, unicamente certificado de aptitude e moralidade, expedido por unha xunta local.

Nos diversos capítulos da obra , o profesor de Gabriel vai debullando con precisión e claridade os aspectos máis interesantes deste ensino: o pagamento, que consistía nun ferrado de centeo, trigo ou millo por neno ou nena e tempada, de aí o nome. Aínda que o pagamento en especie foi substituído progresivamente por cartos segundo unha cota acordada co escolante. A maioría dos escolantes non tiñan ningunha formación específica, os máis cualificados eran exseminaristas e, en ocasións, os mesmos párrocos realizaban este labor. (1)


Espacio, tempo, materias, son aspectos que describe polo miúdo o profesor Narciso de Gabriel e que coincide cos recordos que conservo daquela escola, en especial dun escolante repetidamente citado na obra, José Rancaño, a quen aproveito a ocasión para renderlle gratitude polo esforzo que facía e polo entusiasmo que era capaz de espertar en nós. Naquela escola todo era moi pobre e limitado: pizarra, encerado, uns mapas (propiedade do mestre), a Enciclopedia, El Manuscrito, “cartilla” do P.Astete,La Infancia, moitas contas, análise gramatical, luz de carburo ou gas, así era a escola a que asistín ata os dez anos alá polos anos 40. Todo moi memorístico, aínda que igual acontecía en centros oficiais e regrados. Lembro que a Gramática de Miranda Podadera dicía do verbo ser que era un “mero enlace”, nunca souben que significaba tal cousa, ou no catecismo que ó falar do exame de conciencia dicía”ocupaciones que uno ha tenido o parajes por donde uno ha andado”. Isto de parajes traíame descolocado, porque o único que coñecía era un lugar próximo a Meira que se chamaba “Parajes” e do que se falaba na casa por mor duns parentes que alí vivían, pero eu nunca alí chegara e devecía por ir.

No capítulo IX tira o autor unha conclusión que soamente por ela os escolantes son merecedores deste interesante e orixinal estudio e tamén de gratitude, afirma Narciso de Gabriel:”daquela Galicia débelle aos seus escolantes o feito de non ocupar os derradeiros banzos nas estatísticas estatais, e mesmo superar sempre a media española da alfabetización masculina".(2)


Segundo afirma o autor, “Lugo era a provincia peor dotada de escolas públicas, circunstancia que se manterá ata 1921”. Malia esta eiva, entre 1860 e 1950, a taxa de alfabetización masculina supera case sempre a media galega e española, feito que en 1924 resalta o inspector, Gerardo Álvarez Limeses, comparando o 80% de analfabetismo da provincia de Jaén co 50% de Lugo. O que non quere dicir que a situación fose satisfactoria. Así en dous partidos xudiciaiais, que poden resultar bastante representativos, Chantada e Becerreá, contaba, o primeiro, con 19 escolas, todas de nenos e soamente dous dos mestres eran titulados e non había ningunha en Antas, Monterroso e Palas; en Becerreá a situación era extremadamente mala, pois a única escola existente lacalizábase en Cervantes e estaba dirixida por un mestre sen titulación.

Pódese concluír que as escolas de ferrado cumpriron un papel moi importante e que foron posible gracias ó interese e ó esforzo das familias que, carecendo de case todo, prescindían do traballo dos rapaces, sacrificaban tempo e aforros para destinalos á educación dos rapaces e rapazas, porque intuían que o camiño liberador por excelencia pasa polo acceso á cultura.

O anexo II recolle un episodio tan tráxico e desgraciado que calquera dos veciños de Baleira dos últimos 70 anos dariamos o posible e o imposible porque non tivera acontecido. O asasinato dun home tan bo que ninguén se explica cómo puido cometerse tamaña barbaridade. O resumo que pode tirarse despois de oír falar de Argimiro Rico é evanxélico:viviu facendo ben. Como veciño, como persoa e como mestre, gozaba do máximo prestixio, tiña verdadeira “autoritas”, pero os demoños tribais da irracionalidade superaron todo o imaxinable.

Como moi ben di o catedrático Narciso de Gabriel “a importancia de Arximiro Rico Trabada non radica na súa morte senón na súa vida...unha vida dedicada ao ensino, á promoción social das persoas, á mellora das condicións de vida da súa xente”.

Obras desta categoría, coma do profesor de Gabriel, contribúen a rescatar o noso pasado, a espertar gratitude e autoestima da nosa historia e do esforzo colectivo dun pobo que sempre quixo ser de seu e dono dos seus destinos.


(1) En Vilachá de Salvadur ( A Proba de Brollón), o párroco, D. Pedro Varela , natural de Marrube- Saviñao (+ 1905) deixou por testamento uns eidos para beneficio dos seus sucesores coa coa condición de impartiren escola durante algúns meses. En Vilamor do Courel, na década dos 50, na casa rectoral, xuntábanse os mozos co crego, e ademais de xogar as cartas, lían novelas históricas, facían contas, exercicios de gramática e mesmo se preparaban para o ingreso na Garda Civil.

(2)No concello de Baleira (Lugo), entre os anos 1860 e 1865, cunha poboación próxima ós 5.000 habitantes e unha extensión de 168,8 km2 existían 4 escolas, tres eran incompletas e unha completa. A isto hai que engadir a dispersión da poboación deste concello da montaña luguesa. O Diccionario de Madoz (1845) di que na Esperela “hay escuela de instrucción primaria bastante concurrida” , en Fonteo e na Fontaneira “hay una escuela de primera educación costeada por los padres” e en Librán “hay una escuela de primera educación, temporal e indotada”.


24 mayo, 2007


Historias Intra da Bisbarra


Aqueles mestres…, con minúscula


Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella


Estamos en días de Letras Galegas. A celebración oficial, como non esquecemos, é o 17 de Maio de cada ano. E sérvenos, en cadanseu, para lembrar e para honrar o nome dun persoeiro das mesmas, un Mestre/a con maiúsculas, alguén que lles deu pulo e se preocupou pola súa conservación.



Pola miña parte, sen saírme desa ortodoxia, senón máis ben inscribíndome nela, quixera, a esta altura da oficialización, descender ás minúsculas, á aqueles mestres do rural, que eses, en colectivo, si, pero foron os alicerces da nosa cultura, tanto en letras como en números, aquilo que chamabamos “aprender as catro reglas”. Sen os “mestres de a ferrado”, sen o tradicionalismo, o conservadurismo, a devoción polo ancestral, do noso rural, ¿onde iría a nosa lingua? Grazas a eles, aos de minúsculas, certo é que pasou polo Purgatorio, pero hoxe témola ás portas do Ceo, ¡mesmo en Europa! Claro que despois viñeron os GRANDES, os literarios, os construtores / perfeccionadores, pero..., ¡xa tiñan materiais a pé de obra!

¿A que vén isto? Pois que, se mo permitides, quixera, de paso, renderlle a miña modesta homenaxe a un Mestre dos de Maiúsculas, hoxe Decano na Facultade de Pedagóxicas da Coruña, Narciso de Gabriel, nado, criado e casado na nosa propia bisbarra, aí mesmo, na Baleira, que foi un dos poucos que se lembrou daqueles mestres, os de Castroverde expresamente incluídos, e incluso loados, neste libro que termina coa contraportada arriba exposta.

¡Un urro polos nosos mestres “de a ferrado”, e de paso, por quen deles se lembrou! ¡Que Deu-lle-lo pague, Amén!


Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde

A posible, pero improbable, resurrección do liño

-XVII-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Agora que está tan de moda falar de asuntos que aínda son ciencia- ficción, lúas de mel na lúa, e cousas desas, ¿quen nos priva de teorizar acerca da resurrección do liño nesta bisbarra de Castroverde? De feito xa contamos coa bendición do párroco de Vilabade, o noso ilustre don Manuel, que, con ocasión das recentes conmemoracións da nosa “catedral” e das súas fundacións, ¡entronizou! o liño, as súas artes e mailas súas virtudes, ¡na propia catedral!

Se fósemos estremeños, xa o tiñamos o liño mecanizado, e incluso cobradas aquelas primas do Mercado Común... ¿Lémbranse daquel affaire? Moito me temo que nin recordamos cómo era a planta, así que haberá que reproducila; polo menos, graficamente:

O liño é unha fibra meritísima; no vexetal, despois daquelas follas de parra das que nos fala o Xénese, nada tivemos de maior utilidade para cubri-las nosas vergoñas; e logo que se daba do mellor nas terras desta bisbarra. Lémbrome daqueles anos da fame, na posguerra, que se volveu a sementar no mellor das hortas, ¡de tanto que interesaba obter unha boa colleita! Os meus recorridos de entón non pasaban de Montecubeiro, Pena, Bolaño, Vilabade e mailo alfoz do Villariño de Castroverde, pero víase florear de par de todos aqueles camiños; ¡flores azuis, miúdas pero, bonitiñas! E logo que na feira de Castroverde vendíase, ou encargábase, toda clase de instrumental, empezando pola súa semente, pola liñaza, que a presentaban nunhas taleigas ou fardelos, igualmente de liño, ben cativas por certo, que era a mellor proba da súa estima e da súa ración ou dosificación.

Ao liño, para que sexa rendible, non se pode volver sen estudalo a fondo, sen mecanizar o seu cultivo, así como a técnica, complexa por certo, da súa elaboración. Ora ben, contando cunha saída téxtil, asegurada a súa utilización, o liño pode competir coa la e co algodón. O resto dos tecidos actuais son pura química, e por tanto, desagradables ao tacto, e se me apuran, moitos e deles, nocivos para a saúde dos usuarios.

En canto á valía das nosas terras, coa advertencia de que cansan do liño, sendo preciso alternar con outros cultivos, cada ano, ou mellor, cada dous, aquí dáse a pluviosidade e maila altitude axeitadas, que non deben pasar dos 750 mm ., nin dos mil metros de altitude. Prefire as terras ácidas ás calcarias, etc. ¡Exactamente o noso! Admite o regadío, pero sen excesos que apodrenten as raíces.

Créese que llelo debemos aos romanos, que o utilizaron para todo, desde a vestimenta ás velas dos seus barcos. ¡Non todo foi levar, que algo trouxeron eles!

Os nosos carpinteiros lograron verdadeiras obras de arte creando, fabricando, aqueles instrumentos que requiría o tratamento do liño. Algúns deles:

O ripo, ou ripa, con pugas, que arrincaban a semente da planta, sen estrago nin desperdicio.

O mallo, ou malle, menos bruto có de mallar o centeo, pois tratábase unicamente de iniciar o desfebre da planta.

Mazo, ou maciño, que se utilizaba sobre un banco de madeira, ou pedra lisa. Despois diso, aínda se lle daba un repaso coa gramadeira.

Coa tasca, ou tascón, avanzábase no proceso de deixar a fibra ao ar, máis limpa, exenta de cortizas e doutras impurezas. O complemento da tasca era a espadela.

O rastrel, ou rastrelo, segundo os sitios, proporcionaba, mediante un cardado, a clasificación das febras, xa que as curtas e grosas retíñanse nas pugas de ferro, quedando liberadas, na propia man do cardador, as máis longas e finas.

De seguido, entraba en danza o fuso, co liño suxeito á roca, da que se ía estirando para formar o fío, habilmente terso, ¡á forza de dedos e de xiros!

A partires do novelo, aínda viña un cento de manipulacións, entre elas: a madeixa, a cocción en cinsa para o seu branqueo, as lanzadeiras, o tear, con trama e urdime, o batán, etcétera.

¿Prendas de liño? ¡Todas, desde os xustillos ás mantas!

Aquí damos por concluída esta evocación do liño transcribindo uns cantos refráns que denotan a importancia que tiña, e se lle recoñecía, recollidos por varios autores, en especial por Gil de Bernabé:

A estopa, como é fiada; a moza, como é criada.
A muller é fogo; o home estopa: vén o demo e sopra.
Á mala fiadeira, a roca faille denteira.
Quen teña fillas para casar, merque rocas para fiar.
Muller que non colle o fuso, e home que colle a cama, dádeos de boa gana.
Mentres ande na eira o xugo, que ande na casa o fuso.
Home que fía, muller que asubía, e galiña que canta coma o galo,
arrenego deles coma do diaño.
Muller fiadeira, fai boa casadeira.
A que ten liño e o dá a fiar, é coma a que pare e dáo a criar.
Mentres teña o meu tear, camisa non me ha de faltar.
A muller goberneira, cría o fillo, e de paso, fía e fai a tea.
Capa, saio e calzón, do mesmo liño son.
O bo pano, dura dez anos; pero na muller, a guapura, tanto non dura.

¿Qué, animámonos; volvemos ao liño?
Pensádeo ben, pois, con maquinaria axeitada, vale a pena.
¡Coido que si!