Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

22 octubre, 2009

“XORNADAS DA AUGA” que terán lugar en Abegondo os días 28 e 29 de outubro.


Estas xornadas están organizadas en base a fase preparatoria do proxecto de cooperación interterritorial “RED DE ESPACIOS AMBIENTALMENTE COMPETITIVOS”, no cal participa a Asociación Terras de Lugo, como xa sabedes.


Dentro deste proxecto, cada grupo persegue a finalidade de elaborar ou deseñar estratexias que melloren a participación social en proxectos de mellora de espazos relacionados cos cauces fluviais. Por isto, o obxectivo destas xornadas é o de facilitar, mediante o intercambio de experiencias, a introducción na metodoloxía dos procesos de participación pública para a Xestión dos Planes de Bacía.

Rogámosvos que todos aqueles interesados en asistir nolo comuniquedes antes do venres 23 de outubro. Debido a que as prazas son limitadas, terán preferencia aqueles membros pertencentes a entidades con obxectivos relacionados cos do proxecto ou xornadas. Agardando que esta información sexa do voso interese, recibide un cordial saúdo.

Antonio Ventura Figueroa Paz
Xerente GDR-4 "Asociación Terras de Lugo"
Torre s/n, San Miguel de Orbazai-27297 (Lugo)

20 octubre, 2009

O 17 de Outubro de 2009


BREVE RESUME DO ROTEIRO
DESDE A VÍA XIX - PEREIRA (FURÍS)-FOGONTELLE-VILACOTE-RIOMOL-OUTEIRO DE VELLAS-MIRANDA.



Noutro fermoso día de outubro, sábado, día 17, tivo lugar o roteiro desde Pereira a Miranda. Logo da subida de Pereira e camiño de Fogontelle comenzamos ver todo o val de Riomol con vistas de Pena Branca en Barredo, e linde con Terras de Lugo. Dicir que Fogontelle debe ter algo que ver con fonte, pois, certamente a auga que probaron algúns, seica era ben boa, comentar tamén que en Fogontelle houbo fornos de cal. Toda a baixada ata Vilacote ten, aínda pola súa marxe esquerda arboredo autóctono. Chegamos a Vilacote, “Villa Cotti”, dicir que estivemos con varios veciños, é de agradecer a súa amabilidade, e, é de salientar que, en Riomol aínda hai bastante gandeiría e, chamounos a atención as restras de millo e a leña ben colocadiña. Desde aquí seguimos a camiñar ata a igrexa de Riomol, “Rimol”,
“ Río Mauri”, unha das igrexas con trazas románicas claras. Planta de cruz latina, tres absidas con canzorros e, no seu interior son de salientar a pía bautismal, a súas tallas, especialmente a de San Pedo titular da parroquia, os retábulos e as súas pinturas. Igrexa bastante ben conservada, con problemas de humidades como moitas máis. Dámoslle desde aquí as grazas ao Sr. Cura párroco, D. Jesús que, nos atendeu con toda amabilidade. A seguir baixamos ata a capela de San Roque en Riomol. Capeliña cun pequeno retábulo onde sobresae o Santo que lle dá nome, dicir que esta capela ten aínda un cepo, onde se depositaban as esmolas, das persoas que ían das parroquias limítrofes, camiño de Castroverde.
Desde Riomol, por un fermoso camiño ata Outeiro de Vellas, que pode significar, “sitio alto e antigo, vello”, neste lugar hai unha pequena capela, chamada do Santo Sartego, que seica tivo moita devoción en toda a rodeada, aínda que parece estar adicada a San Salvador. Mágoa non poder vela por dentro, seica se queremos vela, ten que ser cando haxa misa, así pensan os seus donos, mais, mágoa que se hai algo de interese serán as tallas, que o máis probable é que estean a apodrecer, como temos comprobao noutra ocasión. Desde Outeiro de Vellas a Miranda e, este nome, de onde vén?, de “Mirandus”, ou de “sitio elevado”, a verdade e que desde a súa igrexa hai unha fermosa vista.
E para rematar, fomos facer unha visita a Enriqueta, seica a semana pasada houbo unha homenaxe na súa memoria, coincidindo co XX aniversario da súa morte e, soubemos que un centro social de mulleres en Santiago leva o seu nome, vaia a nosa homenaxe, coincidindo co remate do roteiro deste fermoso día de outono.
Saúdos e, Saúde e Terra.
Manolo Muñiz

17 octubre, 2009

La ciudad de Lugo en los siglos XII al XV. Urbanismo y sociedad

PRESENTACIÓN

“La ciudad de Lugo en los siglos XII al XV.

Urbanismo y sociedad"

O pasado día 30 de setembro tivo lugar a presentación da obra do historiador lucense e vicepresidente de Lugo Patrimonio, Adolfo de Abel Vilela “La ciudad de Lugo en los siglos XII al XV. Urbanismo y sociedad”, que se enmarca na serie Galicia Histórica do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos editada pola Fundación Pedro Barrié de la Maza.

O salón Rexo do Círculo das Artes quedouse cativo para acoller o acto ao que asistiron unhas trescentas persoas. Fixo a presentación do acto Javier López Martínez, director xeral da Fundación Pedro Barrié de la Maza, que dixo do libro que se podía comezar a ler por calquera dos capítulos. Tamén intervíu Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, director do Instituto Padre Sarmiento, que fixo a presentación do autor e xustificou que se editase en español a serie Galicia Histórica para que teña difusión fóra de Galicia.

A continuación Adolfo de Abel Vilela fixo un retrato da cidade describindo a decadencia que a vida urbana lucense experimentou na Alta Idade Media. Falou dos tres intentos de repoboación e da reactivación da cidade que culmina no século XII con Raimundo de Borgoña e dona Urraca, da actividade económica, da hospitalidade, da vida monástica e relixiosa, da cultura, o lecer e as loitas feudais, rematando cunhas notas sobre o goberno da cidade.

O libro, que se estructura en vinte capítulos, ten 700 páxinas e 297 fotografías, índices xeral, de persoas e de lugares, así como un amplo apartado de bibliografía. O prezo de venda é de 25 €.

Toponimia


Alcumes ou nomeadas

Fixádevos no orgullosa que se sente esta rapaza, esta castroverdense de prol, lucindo unha camiseta co emblema de Montecubeiro, ¡terra de “Puchos”! Isto tamén é patrimonio, loanza e respecto polos nosos valores. ¡Noraboa e grazas, rapaciña, que non todos se deciden a honra-las tradicións do seu país!


“Cada ser vivo levaría o nome que o home lle puxese…”, por concesión e atribución divina, segundo nos informa o Xénese no seu versículo 2, 20. Como vedes, iso de dar nomes ten o seu aquel, por máis que os galegos, e non só os galegos, padezamos certas desviacións, como por exemplo chamarlles Sonia ás Sofías, ou Iván aos Xanciños, ou Leticia ás Ledicias, etcétera.


Servidor estábase saíndo do círculo da toponimia, acaso por puro contaxio (contaxio impuro) xa que imos perdendo, ¿acaso por evaporación mental?, o sagrado respecto que nos merecen estes valores patrimoniais. E concretamente no rural, a néboa das concentracións parcelarias estanos eclipsando a riquísima, a ilustrativa, microtoponimia, que tan cara foi aos nosos entregos xa que lles servía de arquivo para conservar e transmitir oralmente importantes valores históricos locais.


Algo parecido está ocorrendo cos alcuños, salvo se acaso nas necrolóxicas pois en tales comunicacións numerosas familias prefiren da-la nomeada do casal, non sempre ben traducida ou ben soante, con tal de que nos lles falte ningunha firma dos seus coñecidos no libro de honras fúnebres. (Non quero ser mal pensado, pero ata pode haber casos nos que lles importe máis a firma de ritual que un sentido Noso Pai, “…por el mismo y por las obligaciones de esta casa”, como dicían os cregos preconciliares).


A nosa conveciña estaba ben documentada de que os “Puchos” eran de Montecubeiro, porque, “… Non hai quen vaia unha ves / á feira de Castroverde, / que non lle enseñen os puchos, / que este nome é o que teñen / sendo de Montecubeiro / os rapaciños enxebres. / I abofé, que non é nome / que os torule nin rebexe, / porque asina os chaman todos / donde queira que estivesen; / que teñen en Lugo fama / ben ganada, de valentes, / e co pau dunha aguillada / ou cos puños, si se quere, / métense entre os paus sin medo / donde ningún se mete, / i antes deixan o pelexo, / que deixar dous pasos eles. / E como o boi turrión / leva regañado sempre / o coiro, tamén estoutros / sacan a cabeza ás veces / sangrando coma un carneiro, / e póñenlle un trapo mentres / que se cura; diso os chaman / os puchos, en Castroverde…” Non lle preguntei á nosa protagonista se coñecía o depósito na BN, Madrid, desta obra do noso paisano Lois do Cando, “A víspora de San Xoán, en Montecubeiro”, que probablemente si, xa que tan culta é; de todos modos, por se alguén quere ia á fonte limpa, orixinal, esta é: BN, R. 757963. O que non sabía a miña interlocutora, pero iso é secundario, é que aquelas liortas en Castroverde víñannos principalmente das xenreiras coas que os de Montecubeiro acolleron a súa translación de “Couto” na ampliación do Concello de Castroverde. O susodito “trapo”, obviamente, era o seu paniño das mans. ¡A inercia, rapaces, que non é só unha lei física senón, e tamén, unha lei socioeconómica!
Xosé María Gómez Vilabella

11 octubre, 2009

Recollido este post do blogue "Alfaias" de Marcos Calveiro

TEMOS QUE SER FORMIGAS, NON CARRICANTAS

Non sei se son paranoias miñas, mais comezo a ver por todos os recantos síntomas moi preocupantes que indican que o discurso mentirán contra a nosa lingua vai callando lixeiro en moita xente, explícome.

...................
Ver o artigo enteiro



BREVE RESUME DA PARTICIPACIÓN NA MISA CANTADA Á VIRXE DO ROSARIO, QUE TIVO LUGAR NA PARROQUIA DE FURÍS DE CASTROVERDE


Un grupo de cantores de Lugo coa colaboración da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde participaron na misa cantada que tivo lugar o día 4 de outubro, domingo, ao medio día. A misa foi ofrecida por todos os cofrades da Virxe do Rosario.
Saúdos.
Manolo Muñiz






28 septiembre, 2009

ROTEIRO, SÁBADO, 17 DE OUTUBRO 2009


ROTEIRO DESDE PEREIRA VÍA XIX (FURÍS)- FOGONTELLE – VILACOTE – RIOMOL – OUTEIRO DE VELLAS E ATA MIRANDA (VÍA XIX)
PERCORRIDO DUNS 9 KM.
Dificultade baixa.

Ás 9:30 h. Saída de Castroverde

Ás 10:00 h. En Pereira(Furís)
Visitando: a capela de Vilacote, igrexa de Riomol, capela de Outeiro de Vellas...

Arredor das 14:00 h. Xantar

Agradecemos que nolo comuniquedes antes do día 15 de outubro.
Saúde e Terra.
Manolo Muñiz

CONVITE A PARTICIPAR NA MISA CANTADA Á VIRXE DO ROSARIO, QUE TERÁ LUGAR NA PARROQUIA DE FURÍS - CASTROVERDE


Un grupo de cantores de Lugo
coa colaboración da

Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde
convida a veciños e socios a participar na
Misa Cantada
que terá lugar, o día
4 de outubro, domingo ao medio día.


Saúdos.

Manolo Muñiz

Participación da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde na Xuntanza da Universidade Rural Galega.



Hoxe, día 26 de setembro, tivo lugar unha reunión da U.R.G., na casa de cultura de Melide para tratar varios temas: Explicación das diversas actividades que se están a desenvolver; - Recollida de saberes. - Participación en diversas feiras dos Camiños de Santiago. - Posibilidades para facer máis visible a U.R.G., participación en blogs, páxinas Web, etc. Actividades a celebrar: - Organizar charlas nas catro provincias. - Celebrar un encontro de animadores do mundo rural, que se fará, con toda a probabilidade, o vindeiro día 21 de novembro, no concello da Capela. Estas foron os prirncipais asuntos que se trataron.
Manolo Muñiz

26 septiembre, 2009

Participació na Revista Oral Pazo das Musas nº 19


Hoxe, xoves, día 24 de setembro tivo lugar a presentación das Actividades que vimos desenvolvendo na Asociación.
Á parte da nosa participación estiveron:
-Celina da Piedade coa música.
-Xiana Arias Rego, no recital de poesía.
-Mª do Rosario Fernández González, cos presentación de Xoias do MPL.
-Laura Pernás coa exposición: Un bosque nas miñas lembranzas.

Saúdos.
Manolo Muñiz


Fotografías do resto de participantes: