Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

11 septiembre, 2011

O ano que ven, tócalle organizar a Castroverde a XXXV edición

A gran cantidade de asistentes á Romaxe, diante da Igrexa das MM Agustinas de Vilagarcía



XXXIV Romaxe Irimega.  
Monte Xiabre- Parroquia de Fontefría- Vilagarcía


Neste sábado, día dez de setembro, tivo lugar a tradicional Romaxe de crentes galegos, nunha mañá, en principio, desapacible que logo comezou a celebración e a medida que ía avanzando o día foi mellorando ata podermos disfrutar dun día agradable e de calor. Ao chegarmos fomos agasallados con uva albariña, que logo ía ser un dos motivos centrais da celebración na hora do brinde, que nesta ocasión foi cun grolo de viño albariño. Dito isto, teriamos que salientar as referencias á pregrinaxe, aos escritores galegos, desde Rosalía, Castelao, pasando por Cabanillas, Manuel Antonio ou Lueiro Rei, autor do que se recolleu o lema da XXXIV Romaxe: “Que ten o mar da Arousa meu ben”, mais non só houbo estas importantes referencias, senón unha dura crítica á contaminación da Ría por parte de certas empresas (depósitos Ferrazo) e sobre todo ao contrabando cos estragos que provocoron os narcos coa droga en xeracións de mozos de toda a comarca, rendindo unha homenaxe a todas as asociacións que loitaron e seguen a loitar contra da droga representadas na persoa de Carme Cacabelos. Agradeceu, Xabier Blanco, o condutor do acto, a colaboración de moitas entidades e persoas que, non imos lembrar aquí, mais salientaremos unha moi especial, o grupo a Quenlla que ano tras ano, acompaña a celebración. Rematando o acto coa transmisión do ramo aos de Castroverde, que nos tocará organizar a XXXV Romaxe. Daquela ide pensando en achegar ideas e colaborar. Finalizando a celebración coa interpretación e canto do Himno Galego.

Logo de xantar e despois da intervención da Quenlla pola tarde, baixamos a Vilagarcía, onde ás 18:30 h. na Igrexa conventual das M. M. Agustinas – Vista Alegre de Vilagarcía, tivo lugar o acto “Deus está conosco”, onde interviú a coral de Sobradelo, dirixida por Xesús Portas Ferro, que está celebrando os vintecinco anos. Rematado este acto, a nosa socia, Ermitas Fernández, convidou a todos os presentes a participar, como xa se dixo, na XXXV Romaxe a celebrar na Veiga do Olmo.

Saúde.
Manolo Muñiz

V ENCONTRO DE SENDEIRISMO. 24 de Setembro de 2011

09 septiembre, 2011

IRIMIANZA. SÁBADO, 10 DE SETEMBRO

Ás 8:0 0 h.: Saída de Castroverrde no lugar habitual

Ás 8:20 h.: Ronda da muralla diante de Sindicatos.

Ás 8:25 h. pola Avda. da Coruña. Parada no Restaurante Porto Fino – Parque
           da Frigsa e na gasolineira dos “claveles”.

Ás 11:00 h – 11:30 h.  no monte Xiabre na parroquia de Fontefría – Vilagarcía de Arousa

Participación nos actos e hora de volta sen precisar. Será tarde.

O xantar cada un leva o seu e comemos compartindo o que se leve.

Comunicalo antes do día 8 de setembro, no tefono habitual ou no correo electrónico, por motivos de organización de autobús.

Saúdos. Manolo Muñiz

01 septiembre, 2011

MISCELÁNEA


O meu Bergland


 Panorámica de Bergland, Sölden – Tirol

 
 
Teño para min, sempre o tiven, que as irmandades locais están na cúspide da cultura. No lugar oposto estiveron os castros, construídos maiormente, e coido que con todo fundamento, para defenderse, para esconderse, dos veciños; dos veciños, si, pero cos romanos, ante aquelas sintagmas cuadrangulares, de pouco lles serviron. Co tempo, e cun milleiro de guerras por medio, o home descubriu que mellor se está en compañía, tanto individual como colectivamente. No persoal hoxe en día padecemos unha certa crise matrimonial, pero xa se apearán da burra, desa burremia transitoria!

Fíxome moi feliz iso de que a irmandade dos Castroverde chegase a bo fin; ¡é un signo da nosa civilización! Pero na miña intimidade fáltame outra; esta é persoal: Descubrino cando fun ás mozas a Rois… ¡Rois = xunqueira, en lingua xermánica, que é igual a dicir, sueva! Benditos suevos, que lles coubo en sorte repoboar un terzo da nosa Gallaecia: Rois, Suegos…, Bergland! Así puiden casar cunha, probable, descendente, de igual raza, acumulando, sobrepoñendo, á cultura romana, extensa pero un tanto agresiva, a suavidade, o campesiñado, dos suevos.

Berg-land = terras, perspectivas, vistas montañosas. O que sinto é que os meus devanceiros se cansaran do que lles pareceu un sobrante de consoantes, e deixáronme en herdo un Berlán eslamiado, menos eufónico. ¡Que amor non lle terían á terra para plasmar na toponimia desta bisbarra, en particular do noso Castroverde, o retrato verbal, representativo dos seus matices e das súas particularidades! No meu caso concreto, facendo unha comparación co Bergland de Sölden: á esquerda, o monte de Cobula; á dereita, a Grandiña de Maxide; e de fondo, máis ben á esquerda, o grandioso, o histórico, Mons Ciro. O que nos falta, para que a comparación sexa completa, é acadar os seus habitantes, e logo que ten un dos mellores hoteis do mundo; se non en magnificencia interior, si en grandiosidade paisaxística. Tamén se parecen a nós no seu espírito migratorio, pois atopamos hoteis “Bergland” incluso no afastado Míchigan.

O dito: ¡Bendita sexa a civilización que nos leva a recoñecernos irmáns, aínda que só sexa polos nomes! Xa sei que Adán queda lonxe, e que máis ben somos primos en enésimo grado, pero tamén é certo que hai primos que se levan mellor cós irmáns.

Xosé María Gómez Vilabella
 

ACTOS DOS IRMANDAMENTOS DOS CASTROVERDES DA PENÍNSULA IBÉRICA

Asistentes dos Castroverdes á saída dos actos protocolarios, diante da Casa de Concello
 
 
BREVE RESUMO DO IV IRMANDAMENTO DOS CASTROVERDES DA PENÍNSULA IBÉRICA


Como estaba previsto no programa de Irmadamentos, arredor das 19:00 h. do día 26 de agosto a Asociación Amigos do Patrimonio e representantes políticos recibimos aos nosos amigos dos Castro Verdes da P. Ibérica. Logo de saudarnos, a nosa amiga Ana Carreira escenificou un casamento entre os Castros, agradecemos desde aquí a súa presenza neste acto.
Logo desta breve salutación e indicarlles onde ían pernoctar estes días, fomos cear ou xantar (para os de Castro de Potrugal) .
O día 27 de agosto tivo lugar o acto central de reafirmación dos lazos de Irmandamento por parte dos representantes políticos dos concellos presentes; Srs.: D. Francisco Duarte por parte da Câmara Municipal de Castro Verde,  D. Evelio en representación de Castroverde de Campos e D. Xosé María Arias en nome do noso concello. Logo de dar lectura e reafirmación deses lazos, interviron os representantes das Asociacións, Antonio Brito, por parte de Cortiçol, Sarvelio Villar, pola Asoc. Castrum Viride e un servidor (Manolo Muñiz) por parte de Amigos do Patrimonio, que fixen un pequeno resume destes encontros e agradecemento a diversas persoas, desde o Sr. Vilabella aos representantes políticos da anterior lexislatura. Comentar que antes do acto central visitamos a Torre Homenaxe da Fortaleza e o núcleo do Castroverde vello e salientar tamén a actuación antes e despois do acto do grupo Zuncurrundullo, a quen agradecemos a intervención neste acto.
Pola tarde visita á granxa Gaioso, dependente da Deputación Provincial de Lugo onde, Xosé María, o noso alcalde explicou o gando que había, desde as vacas cachenas, novillas da raza rubia ata o gando de produción de leite, nunha extensíón de 300 hectáreas, pasando pola construción de silos dos anos 1950 ata ensinarnos un tractor de 1928. Finalmente, Miguel, o Sr. veterinario da granxa, explicou a produción xenética. Agradecemos a ámbolos dous as explicacións.
A seguir visita a Lugo, algúns visitamos o centro de interpretación da muralla e logo demos un paseo por ela, subindo pola porta de Santiago e baixando polas escaleiras do Campo Castelo, pasando pola Praza Maior, visita á Rúa Nova ou dos viños e volta para Castroverde.  Depois da cea ou xantar, algúns achegámonos á festa de San Paio.
O domingo, visita á feira, asistencia ao concerto do Orfeón Lucense, coa interpretación de varias pezas, agradecer a súa presenza neste acto de Irmandamento e seguidamente xantar na Veiga do Olmo. E a partir das 18:30 h. visita a Soutomerille e Vilabade, lugares dos que gustaron os que os visitaron.
Despedidas.
Agradecer a presenza no noso Castrovserde a todos os que nos visitaron, especialmente aos que viñeron de máis lonxe e que disculpen os erros e fallos que houber, que sempre hai. Grazas tamén a todos os que colaboraron no servizo da comida na Veiga do Olmo e a todos os que participaron dun xeito ou doutro.

Saúde, Terra e Lingua. Agosto de 2011

OS ACTOS DO IRMANDAMENTO NA PRENSA GALEGA

AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE NA VI FEIRA ARTESÁN E GASTRONÓMICA







22 agosto, 2011

PRÓXIMAS ACTIVIDADES DA ASOCIACIÓN AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE


- 10 DE SETEMBRO, SÁBADO
XUNTANZA IRIMEGA EN VILAGARCÍA (PARA O VINDEIRO ANO SERÁ NO NOSO CASTROVERDE)

- 24 DE SETEMBRO, SÁBADO
Os Sendeiros de Foz Os convocan un ano máis a participar con nosco no "V ENCONTRO DE SENDEIRISMO RÍO OURO e PRAIAS DE FOZ  (LUGO).

-1 DE OUTUBRO, SÁBADO
ACTIVIDADE DO GDR4. IIº ACTO DE FEIREANDO, (DESENVOLVERASE NO NOSO CASTROVERDE)

-15 DE OUTUBRO, SÁBADO
 ENCONTRO ANUAL ASOCIACIÓN ARCAS DE SÁRRIA E AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE. (IREMOS A SÁRRIA)

INFORMACIÓN POR SE QUERES PARTICIPAR NO TELÉFONO HABITUAL


18 agosto, 2011

Miscelánea


¿Cal foi o pródigo, o fillo ou o xefe?


 Castroverde, en todas partes, pero particularmente diante dos “super”

 
A miña mostraxe limitouse ao noso Castroverde e mailo seu entorno: Baleira, Castro Ribeiras do Lea, Corgo, Meira e Mosteiro de Pol: ¡As rúas, todas, a feito, saturadas de autos, e os “super” reforzados con dependentes eventuais, a cotío, que logo parece que este Agosto caeu en Nadal, ou á viceversa!

En todas estas localidades formulei a mesma pregunta, en días sucesivos, particularmente aos propietarios das tendas de comestibles:

-¿Que che parece qué ocorre este ano, que viñemos todos, absolutamente todos, tal que se nos lugares das nosas residencias respectivas nos acometese unha epidemia de morriña?

Un dos interrogados, precisamente de Meira, que son máis listos cós merlos, sen case deixarme acabar coa enquisa:

-¡É que volveu o fillo pródigo!

Dinlle a razón:

-¡Iso parece, pero estes de agora vimos en auto!

O meu interlocutor, un auténtico Séneca, que por tal o teño, pasou das chanzas ás veras:

-Ten a súa explicación: Mentres houbo euforia, veña cruceiros de luxo, viaxes ao estranxeiro, vacacións de hotel praieiro…, pero trouxemos a crise, auspiciados polos políticos que, amén de mal administrar vendéronos toda clase de ouropeis, co cal, duns pais sacrificados, aqueles aforradores da segunda metade do século XX, aqueles remitentes das divisas, pasamos ao xeración do paro. Co cinto apertado, ¿onde mellor que na casa dos pais, na aldeíña desprezada, esquecida? ¡Levábamos tantos anos sen compartir con vos o veraneo, que decidimos virnos unha tempada, todos, todos xuntos, que non hai mellor pracer co de comparti-la familia!

-¡Iso é certo…!

-¡Para, que non rematei, -atalloume-, pois onde din comparti-la familia eu teño que apostilar, comparti-los aforros da casa patrucial! Os fillos, que se deron á boa vida, e os políticos, eses parasitos de carreira chapada pero non dixerida, que non foron capaces de encarreira-la produción, que non distinguiron entre consumos e insumos, que só se especializaron en paraísos fiscais, tan importantes eles que importaron en lugar de exportar, entre ambos sectores, uns por activa e outros por pasiva, escangallaron o país! Agora, a do xitano: ¡Desde que a burra vai no pó, xó burra xó! ¡E menos mal que eses indignados ou son uns covardes, ou aínda están pouco indignados, que por menos motivo utilizaron a guillotina aqueles da Revolución Francesas!

Con estas impresións abraiantes abrín o ordenador, aínda que non estou seguro do que poda dicir, pois predicadores, críticos, aínda que tardíos están xurdindo, pero unha cousa é predicar a outra dar trigo, coa falta que fai! Mais, ¿quen sería capaz de converte-los nosos eucaliptais en trigais, e iso que estamos no mítico Flammosos, aquel dos trigais flamexantes que tanto sorprendeu aos romanos!

Xosé María Gómez Vilabella