Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

23 febrero, 2014

O último capítulo do libro ESPALLANDO IDEAS de Xosé Mª Gómez Vilabella

Este é o último capítulo do meu libro ESPALLANDO IDEAS, que o acabei hoxe e xa está subido a Internet
.../...



¿Como farei para levar esta ola a Suíza, có que pesa!

¿Volvemos ao Trinta e seis? ¡Non volvemos, seguimos: azuis contra roxos, e á viceversa; a única diferenza é que agora, en lugar de fusilas, en lugar de soldados, utilizamos xulgados!

Intraflug deixou de levar emigrantes, ¡xa non queren máis!, pero si admiten os nosos fluses, que en definitiva é un retorno de capitais pois, na súa inmensa maioría, proceden daquelas remesas dos nosos emigrantiños, que, pasadas polo coador da Hacienda, desembocaron en Presupostos, e de aí, en ¿supostos?

¿Onde está a cova? ¡As covas! Teñen tantas silvas e tantos toxos por diante, tanta maleza, que nin en todo o XXI se darán limpado, así que moitas quedarán por descubrir, polos séculos dos séculos! No ínterim, Per signum Sanctae Crucis, de inimicis nostris libera nos, Domine Deus noster.

Pasado, presente e futuro



Praia de Riazor, unha das grandes dos grandes de España.

Tranquilos, que nunca choveu que non escampase. No pasado botamos a correr, improvisando, chafallando, con pouca previsión, case todo mal feito, e aquí está o presente para demostrar que non minto, mais tamén cabe esperar en que, tras do hoxe, chegará o mañá…, que será feliz, próspero e feliz…, se sabemos utilizar as nosas, dolorosas, experiencias!



¡Todo un símbolo!

Bárcenas, aquí na Coruña, na rúa Juana de Vega. Na dirección que leva igual vai para o Banco de España, ¡o Banco de España, ese monumento dos cartos!, que o ten enfronte, pero a súa cabeza non rexe, segundo o evidencia esta fotografía: Con gafas de sol, a visión acúrtase, non se ve ao lonxe; e logo que sufre o despiste de cruzar co semáforo vermello; se agardase polo verde, polo da xente que é xente, non tería que velarse dos autos; ¡iso, dos Autos! ¡Hai que velas vir, amigo, e para iso compre lembrar que, As trampas trampas se volven, que xa o dicía meu avó! Despois engadía: Non as fagas, non as temas! Pois iso, que hai que andar pola vida camiñando recto, orando e laborando, asemade, pero…, todo, sempre, en positivo!

Xosé María Gómez Vilabella
  

RESUME - ROTEIRO POR DIVERSOS LUGARES DA PARROQUIA DE MONTE CUBEIRO, sábado, 22 de febreiro de 2014

Hórreo de Berlán

   Neste sábado algo frío e húmido, á primeira hora da mañá que, ao longo do día foi mellorando, realizamos o percorrido por varios lugares da parroquia de Monte Cubeiro; a saber; Cubula/Cugula -  Sarceda - Castelo - Foxo – A Valiña – A Veiga – Maxide - Berlán - O Escouredo-  para voltar a San Cibrao. Nomes todos eles  suxestivos e que nos remontan a épocas castrexas, visigóticas e / ou xermánicas e que non nos imos deter no seu significado porque teriamos para un pouco.
Moisés na entrada de Maxide
Salientar que a pesar dos desastres que puido causar a concentración parcelaria, conservan todos estes lugares fermosos recantos de bosque autóctono, desde bidueiras, castiñeiros, carballos, abeneiros, etc. Mágoa que aflore, sobre todo nalgunhas zonas, o eucaliptal.
Achegaremos algunha foto e poderedes ver máis no blog.

http://amigosdopatrimoniodecastroverde.blogspot.com/

Saúde, Terra e Lingua.
Manolo

Día de Rosalía no Refectorio do Museo Provincial de Lugo




06 febrero, 2014

O Día das Letras Galegas 2014, adicado ao escritor Xosé María Díaz Castro

Biografía 

Xosé María Díaz Castro naceu nos Vilares de Parga-Guitiriz no ano 1914. De orixe labrega, ingresou no Seminario de Mondoñedo aos dezasete anos, mais abandonou a formación eclesiástica en 1936 para se dedicar ao ensino privado en Vilagarcía de Arousa. Cursou a carreira de Filosofía e Letras na especialidade de linguas modernas e en 1948, unha vez licenciado, marchou a Madrid, onde residiu a maior parte da súa vida, para traballar como tradutor en diferentes institucións oficiais e editoras (coñecía case todas as linguas europeas).

En 1961, quince anos despois de lle ser premiada a composición Nascida dun sono nun certame en Betanzos, viu a luz o seu único libro, Nimbos, que o convertiu nunha das voces poéticas máis destacadas das letras galegas do século XX; porén, os seus primeiros poemas xa apareceran na Escolma de poesía galega, IV. Os Contemporáneos, editada por Galaxia en 1955. A singularidade do seu posicionamento estético e ideolóxico e a forza expresiva dos seus versos concédenlle un lugar destacado no panorama da poesía de posguerra.

O universo lírico de Díaz Castro xira á volta do ser humano, o amor, a vida, a morte e o tempo. Tamén encontran espazo na súa escrita a relixiosidade (enfocada desde o ascetismo e desde a necesidade de aprofundar na esencia das cousas) e a preocupación por Galiza; por veces, recorre á paisaxe dunha maneira simbólica para introducir a súa visión sobre a realidade do país.

Díaz Castro revelouse como un grande mestre da técnica versificadora e dos recursos estilísticos. Un dos principais trazos característicos da súa obra, fortemente influída pola lectura dos clásicos antigos e modernos, é a cuidada selección do léxico (a pesar de tender para o emprego de ruralismos e dialectalismos) e o evidente interese pola lingua, que se manifesta nunha poesía elegante e sinxela.
Tras unha vida entragada á investigación, ao ensino e á tradución, o poeta lugués faleceu en Lugo en 1989.

Obras realizadas

Escribiu os primeiros versos ós 12 anos e o seu primeiro poema publicouno ós 16 na revista "Lluvia de rosas" (Tarragona) da que foi colaborador. Desde Madrid publicou asiduamente poemas na revista "Alba". A súa consagración produciuse coa aparición do tomo IV da Escolma da poesía galega (1955) de Francisco Fernández del Riego. Tamén publicou poemas e artigos de crítica e ensaio en xornais de Vilalba, Mondoñedo, Viveiro, Lugo, Pamplona, Vigo e nas revistas "Estafeta literaria" e "Ínsula" de Madrid. En 1946 publicou Nascida dun sono e El cántico de la ciudad e en 1961 Nimbos, a súa obra máis importante. Publicou, ademais, traduccións ó galego e ó castelán de poetas e prosistas europeos, multitude de poemas e os libros Sombra radiante e Mediodía.

Outros datos de interese

O seu poema "Penélope" foi traducido ó francés na antoloxía Terre d'Espagne de Francoise Pechère e aparece a referencia crítica á súa obra na revista alemana "Humboldt". En 1946 gañou os primeiros premios de poesía galega e castelá nos Xogos Florais de Betanzos (A Coruña).

Con información de: http://www. galegos.info
 http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=XosD%EDaz

ENDEREZO Á PÁXINA DA XUNTA:
http://www.poetadiazcastro.com/

02 febrero, 2014

ROTEIRO POR DIVERSOS LUGARES DA PARROQUIA DE MONTE CUBEIRO, sábado, 22 de febreiro de 2014


ROTEIRO POR DIVERSOS LUGARES DA PARROQUIA DE MONTE CUBEIRO, sábado, 22 de febreiro de 2014

Ás 9:30 h.: En  Castroverde ao lado do Pereira.

Ás 10:00 h.:   Comenzo da camiñada Monte  Cubeiro ou Cugula.
Percorrido: por lugares de  Monte Cubeiro – Cubula/Cugula -  Sarceda - Castelo - Foxos – A Valiña –Báscuas ou A Veiga-Maxide-Berlán- O Escouredo- Percorrido aproximado duns 14 Km., mais podemos adaptarnos ao que decidamos.

Ás 14:00 h.-14:30 h.  Xantar

Comunicalo antes do día 19 de febreiro,  no teléfono: 659523960 ou no correo electrónico, por motivos de organización e xantar.
Prezo, aproximado, da viaxe (5 €) + xantar (15 €) aproximdamente.

Saúdos.
Manolo Muñiz                                              

01 febrero, 2014

Un abrazo estreito e perigoso, onde se poñen á proba os anxos da garda…, ata que un día se cansen de facelo!



A pa coa que se enterrou a Historia está á esquerda da foto, e só amosa a gadoupa…,
pola vergoña do crime!


Ten nome pero carece de lóxica, ¡ou si, segundo se mire! Aí tedes, aí temos, a DP 16 11, anoando Castroverde con Pol, no lugar do Mazo de Bascuas. ¿Danse unha aperta, cásanse, nese lugar sacrosanto, os dous concellos? ¡Máis cá iso, pois, de momento, é un sepulcro, o dunha vítima inocente: un mazo, pero a pouco que se descoiden os anxos, na dobre curva inmediata, na desas apertas, sobre unha ponte vella, a mesma do vello camiño veciñal, e por engado rodeada de árbores espesos, tal que as cortinas dun tálamo nupcial, dous ou tres, ¡ou catro!, autos, vanse dar unha chucha de campionato, desas que rematan na igrexa, pero non de voda, senón de funerais! Prefiro non retratala, a curva, quero dicir, a ver se así, pola curiosidade de vela, amosa por alí algún enxeñeiro virxe, e propón solucións, solucións católicas!

Xa non podo poñer de testemuña a José Seijas Domínguez, que me consta ofreceu daquela o seu prado contigo á ponte vella para que elevasen, ¡para que elevasen!, unha nova, ancha e de curva aberta, como pedían, e seguen pedindo as mentes lúcidas, pero fóisenos ao Ceo, o mes pasado. Se cadra foi mellor así pois agora, que está cerca do Creador, terá ocasión de pedirlle que sopre sentido común aos responsables da obra pública, para que se decaten, a tempo, de que este cruce do río Azúmara esta chamado a ser famoso, dramaticamente famoso pola, ben probable, traxedia, á que está chamada esa angostura.

Pola miña parte só podo facer isto: rezar para que tal se cumpra, para que tal se faga…, antes deses funerais tan previsibles, nos que teremos que volver a rezar, pero doutra maneira!

Xosé María Gómez Vilabella

Gómez Besteiro inaugurou a mostra Tear, tecidos e teceláns, coa que a Deputación homenaxea a estes artesáns


A inauguración na Capela de Santa María desta exposición composta por teares e mostras de tecidos converteuse nun recoñecemento como “Artesán de Honra da provincia de Lugo” a 11 depositarios do saber deste oficio tradicional presentes no acto.
O Presidente destacou o valor desta herdanza que posibilita a creación de pezas adaptadas ás demandas actuais, de gran calidade e que marquen a diferenza no mercado.
A mostra completarase con demostracións en vivo, que se celebrarán todos os mércores entre as 17:00 e 19:00 horas na Sala de Exposicións do Centrad. A entrada á exposición e ás demostracións é gratuítaFOTO Gómez Besteiro inaugurou a mostra Tear, tecidos e teceláns, coa que a Deputación homenaxea a estes artesáns



O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado pola Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e o comisario da exposición, Higinio Flores, inaugurou este mércores na Capela de Santa María a exposición Tear, tecidos e teceláns, coa que o organismo provincial homenaxea ós artesáns deste oficio na provincia. A mostra, que nesta ocasión estará repartida entre a propia Capela e a Sala de Exposicións do Centrad, recolle 51 pezas, entre teares, instrumentos propios do oficio e traballos realizados baixo esta técnica.


Gómez Besteiro destacou “a importancia dunha tradición que nos define e identifica como provincia e que debe ser conservada, posto que coñecer os procesos de produción do pasado contribuirá a crear pezas adaptadas ás demandas actuais, de gran calidade e que marquen a diferenza”. O Presidente agradeceu o legado dos artesáns que se esforzaron por transmitir este oficio e precisamente, como recoñecemento a este labor de conservación e transmisión, Gómez Besteiro fixo entrega das distincións que recoñecen como “Artesán de Honra da provincia de Lugo” a 11 teceláns, que tamén estiveron presentes no acto: Emérita Rivas Pol; Celsa Losada Pérez; Eduviges Baamonde Álvarez; Domingo Reija González; Inés Rodríguez López; Esperanza Alonso Pérez; María López Alonso; Herminia Coro López; Nélida López Rodríguez; Carmen Rodríguez Álvarez e Elena Yáñez Martínez.


Pola súa banda, Regina Polín animou ós lucenses a visitar a exposición en familia, para amosar “ós máis novos a súa propia historia, como se facían estas pezas téxtiles nas casas, con moito tempo e dedicación”. O comisario da mostra, Higinio Flores, tamén destacou o valor didáctico da mesma para dar a coñecer a rica tradición da provincia e como esta evolucionou a través do tempo e das modas.


A inauguración rematou cunha pequena demostración en vivo por parte dunha artesá, a primeira das que se celebrarán todos os mércores a partir das 19:00 horas na Sala de Exposicións do Centrad, gratuítas e abertas ó público, nas que Emérita Rivas e Celsa Rodríguez realizarán cada día parte do proceso de tecido dunha peza.

Máis de 50 pezas

Tear, tecidos e teceláns repártese entre a Capela de Santa María e a propia Sala de Exposicións do Centras, e recrea todo o proceso de fabricación artesán dun produto téxtil dende o momento da preparación do fío. Así, na Capela exhíbense máis de 20 pezas, entre as que figuran un tear, varios instrumentos necesarios para o traballo, como urdideiras ou lizos, así como 15 mostras de diferentes tecidos realizados con esta técnica. Na Sala do Centro de Artesanía tamén se amosan ó público 15 pezas realizadas con tear tradicional con materiais como estopa, algodón, lá de ovella tinguida ou liño, realizadas con diferentes técnicas tradicionais que amosan a evolución da técnica e dos traballos.

Horarios


A Capela de Santa María acollerá esta mostra ata o vindeiro día 2 de marzo nos seus horarios habituais: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas; e sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas.

A Sala de Exposicións do Centrad permanecerá aberta de luns a venres, en horario ininterrompido de 11:00 a 19:00 horas. As demostracións en vivo serán os mércores, entre as 17:00 e as 19:00 horas, na Sala de Exposicións do Centrad. A entrada a calquera das mostras e ás exhibicións en vivo é libre e gratuíta.
- See more at: http://www.deputacionlugo.org/portal_localweb_ag/p_20_contenedor1.jsp?seccion=s_fnot_d4_v1.jsp&contenido=23309&tipo=8&nivel=1400&layout=p_20_contenedor1.jsp&codMenu=83&level=1#sthash.wH9dhqaB.dpuf

26 enero, 2014

Actividades que acollerá o Centro de Interpretación Terras do Miño durante os tres primeiros meses deste ano

Estimados amig@s:

Informámoslles que onte día 22 de xaneiro, a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, anunciou as actividades que acollerá o Centro de Interpretación Terras do Miño durante os tres primeiros meses deste ano. Trátase dunha programación gratuíta e aberta á participación de persoas de todas as idades, co fin de que coñezan a riqueza da biodiversidade da provincia e as oportunidades que esta pode ofrecer a todos os lucenses.
Podemos destacar que esta programación dá continuidade á liña iniciada en anteriores convocatorias, nas que actividades como as saídas ó campo espertaron un grande interese entre o público, logrando acadar a participación de máis de 1.700 persoas durante o pasado ano, ás que hai que sumar as preto de 400 que se achegaron a coñecer as instalacións do Centro de Interpretación. A Deputada salientou que a intención é continuar traballando “nesta mesma liña, facendo de Terras do Miño un centro de referencia en educación e concienciación ambiental, difundindo os valores medio ambientais da provincia dun xeito divertido e para todos os públicos”.

O calendario das actividades programadas é o seguinte:

Conferencias:

- O día 30 de xaneiro, ás 19:30 horas, no Centro de Interpretación Terras do Miño, terá lugar a conferencia “Fungos medicinais: usos ancestrais e novas perspectivas” a cargo do Presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso.
- O 20 de febreiro, ás 19:30 horas, no Centro de Interpretación Terras do Miño, “Experiencias de participación social na xestión territorial”, a cargo de Antonio Ventura Figueroa.
- O 20 de marzo, ás 19:30 horas, no Centro de Interpretación Terras do Miño, Andrea Macho Benito falará acerca do “Plan de Acción da Reserva da Biosfera Terras do Miño”.

Actividades para adultos:

- O 8 de febreiro desenvolverase unha xornada fabricación de niños, a partir de simples caixas, en horario de 10:00 a 14:00 horas no Centro de interpretación Terras do Miño. O 7 de marzo, ás 19:00 horas, no Centro de Interpretación Terras do Miño celebrarase “Conservación dos valores naturais e paisaxísticos na Reserva da Biosfera Terras do Miño, mediante a promoción dos sistemas alimentarios locais”.
- O 8 de marzo, de 11:00 a 14:00 horas, no Centro de Interpretación Terras do Miño, desenvolverase o “Curso introdutorio de agricultura ecolóxica nas labores invernais”.

Actividades para familias:

- O 22 de febreiro desenvolverase unha ruta de integración na flora e na fauna do Paseo do Río Rato, e o 22 de marzo celebrarase outra ruta esta vez no entorno lucense da Reserva da Biosfera.
Todas as actividades son gratuítas, malia que as prazas son limitadas por cuestións de aforo, polo que para participar será necesario inscribirse previamente.

Máis información e inscricións na web www.deputacionlugo.org ou no teléfono 982-22-78-12.
 Desexando que esta información sexa do seu interese, reciba un cordial saúdo.
 Servizo de Medio Ambiente e Enerxías Renovables.
Deputación de Lugo.

Exposición Olería Tradicional de España: Medidas do viño

Mércores, 15/01/2014 - Sábado, 15/03/2014
Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) De martes a sábado de 16:30 a 20:30 horas 


O día 15 de xaneiro ás 19:00 inaugúrase a exposición Olería tradicional de España - Medidas do viño, que estará aberta ata o 15 de marzo no horario habitual do MIHL.

Trátase dunha exposición singular que está composta por un cento de pezas orixinais, algunha delas con varios séculos de antigüidade, perfectamente catalogadas e relacionadas principalmente coas medidas do viño. Esta é a única colección destas características que existe en España e que é propiedade do Equipo Adobe, importantes coleccionistas de oleria tradicional, que no 2013 foron finalistas na modalidade de investigacion dentro dos Premios Nacionais de Cerámica e que nas últimas décadas levan inventariadas máis de 5.000 pezas de olería.

http://www.lugo.es/ws/documentos/2014/Exposicion_Oleria_tradicional.pdf

19 enero, 2014

RESUME DA VISITA AOS MUSEOS DA CIDADE DE A CORUÑA E PRESENTACIÓN DO GUÍA DA VISITA X.Mª GÓMEZ VILABELLA , SÁBADO, 18 DE XANEIRO DE 2014

Asistentes ás visitas aos museos da Coruña

Presentación

Polos seus froitos coñecerédelos! ¿E qué mellores froitos cós derivados de coidar do seu Patrimonio, do local, e por engado, estudar o do próximo, estea próximo ou non! Dos veciños tamén se aprende…, dicíase naquelas escolas antigas, nas que tan pouco material había para aprender, para estudar, para saber!

 Aquí os tedes, aquí os temos, no MACUF da Coruña, nada menos que diante dunha escultura de Paco Pestana. ¡A onde non cheguen os de Castroverde! Aínda así faltaban moitos, tal que o noso “Gaiteiro” titular, Pablo Castedo; e tamén, o que falta sempre non faltando nunca, José Enrique Villarino, ese home invisible que nos fai visibles, desde tempo inmemorial, no magnífico blog desta Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde. ¿Qué foi de Muñiz Besteiro, noso insigne, incansable, Presidente? ¡Outro invisible, pois as cámaras, aínda que tamén se poden manexar de programadas, non é igual!

O día era malo, invernío, pero esta Asociación non envellece: ¡é patrimonial, e por ende, patriarcal, dura e madura!

Patrimonio = Patrimonium = res patria = res familiaris = ¡O noso, lexitimamente herdado, lexitimamente adquirido, e por ende, conservado!

Coruña dinos moito aos de Castroverde, e non só nestas cuestións museísticas, actuais, da Arte Contemporánea. Arte, sumada con audacia, decisión, xenerosidade, tamén o foi, ¡in excelsis!, a daqueles artistas, nosos avós, que, abandonando as nosas, verdes, praderías, ata aquí viñeron, e non precisamente en cómodos buses, senón de mil maneiras, cada quen segundo puido, para embarcarse, pola Mar Tenebrorum adiante, dispostos a descubrir América, que para eles seguía inédita, sospeitada pero descoñecida, coa ilusión, co propósito, de volver ricos…, ou non volver! Aquilo tamén foi patrimonial pois a eles lles debemos, entre outros bens, a redención dos foros, que veu a ser a nosa liberación, fuxir do feudalismo para asomarnos ao modernismo actual. ¿Arte moderna? ¡Si, pero grazas aos artistas vellos, que souberon converter suor e bágoas en divisas, nesas divisas que nos levaron aos tractores actuais!

Xosé María Gómez Vilabella



Resume da visita

MUSEOS MACUF, MUNCIT e MUSEO DE BELAS ARTES

Boa noite! 

Neste sábado chuvioso visitamos estes tres museos.
Arredor das 11:00 h. comezamos visitando o MACUF (Museo de Arte Contemporánea) da man de Carmen, comenzando pola fotografía e escultura contemporánea onde salientarmos algunhas das obras, como poden ser as ondas do mar achegándonos diferentes pinturas de cadros, a fotografía dun parque ou a fotografía de Joan Fontcuberta que sobre un cadro de Munch realiza unha impresión cromoxénica sobre papel, e o que nos parece unha foto dunha paisaxe non tiña nada que ver  ou pouco coa realidade. Nesta primeira e ampla sala onde non aparecen persoas, senón sempre paisaxes diferentes. Nesta mesma sala mirando a un xardín aparecen tres ou catro esculturas de artistas contemporáneos onde salientaremos a do noso artista, socio e membro da xunta directiva, Paco Pestana, unha homenaxe á terra, concretamente ao cultivo da vide. Seguidamente pasamos á sala de pintura onde varios artistas por medio dos cambios de tonalidades das diferentes cores conseguen obras de arte, sexa sobre papel, madeira, ou coa pintura mesma… Seguidamente unha grande sala dedicada ás Mitoloxías de Manuel Vilariño.

Rematada esta visita trasladámonos ao MUNCYT- (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía). Antes de máis nada temos que agradecer ao Sr. Vilabella, Socio de Honor da asociación,  que nos acompañara na visita a estes dous museos e que tivese a amabilidade de convidarnos a un café ou viño e,  que nos serviu para coller forzas para a nova visita, grazas de verdade Xosé María. Como diciamos, ás 13:00 h. visitamos este interesante museo, con sete salas de exposición, e onde se pon en valor o noso patrimonio histórico, onde nos despertan o  noso interese polas ferramentas do progreso e futuro.Sala miscelánea, dous robots, dannos a benvida á sala “Nos esse quasi nanos, gigantium humeris insidentes”, para pasarmos á sala de pezas relevantes polas súas dimensións e importancia histórica, desde un alambique (S. XVIII), a lanterna da Torre de Hércules (mediados S. XIX), unha pianola, o primeiro acelerador de partículas en España (1957) ou o primeiro ordenador que chegou a España (1959) que ocupaba diversas plantas e que tiña menos memoria ca un teléfono móbil de hoxe en día. Sala de diversas etapas do século XX, pero sobre todo a sala Iberia, coa parte frontal do Jumbo Lope de Vega, que en 1981 trasladou, de Nova Iorque  a Madrid, o lenzo Guernica de Picasso. Visitamos o seu interior que ten 12 metros de altura, 7 de ancho e 14 de longo, repetimos, só a parte frontal. Explicación das diferentes partes dun avión, concretamente unha turbina do Boeing 747, un corte da á, un GPS, un radar, as caixas negras… Aínda que non deu tempo a ver todas as salas, recomendamos a visita, incluso con e para os escolares.

Pola tarde; no Museo de Belas Artes da Coruña  visita a varias esculturas de diferentes artistas, Acisclo Manzano, Cristino Mallo ou Paco Pestana, que nos fixo de guía e que agradecemos as súas explicacións. Visita a “Confluencias” de Xaime Quesada, pai e fillo; diversas salas con pinturas de diferentes séculos, ata a sala onde son de salientar artistas como Luís Seone, Colmeiro, Laxeiro, Isaac Díaz Pardo… para rematar coa visita aos gravados de Goya.

Saúde, Terra e Lingua.

Manolo


Nota ao pe da páxina:

Grazas Xosé Mª polas túas verbas tan cheas de cariño e amistade. Tes razón. Son o home invisible, máis cheo de honra de poder traballar neste blog da Asociación para Asociación e, aínda máis, de poder traballar polas persoas que compoñen esa familia castroverdense. Traballar no blog é traballar para que as terras de Castroverde sexan visibles polo mundo adiante. Grazas a todos por deixarme facelo mentras teña forza e por poder dar conta do amor que lle teño a esa terra, aos seus paisaxes, e o mellor, ao seu paisanaxe, ás súas boas xentes. Estou lonxe en kms, más hoxe os adiantos facen que poda estar cerca de vosoutros, cerca da terra. Saúdos a Pablo Castedo, colega da mili fai xa un bo feixe de anos.

Unha forte aperta para todos,
José Enrique Villarino Valdivielso.
__________________

VER REPORTAXE FOTOGRÁFICO:
https://picasaweb.google.com/amigosdopatrimoniodecastroverd/ViaxeAosMuseosDaCoruna18012014?authuser=0&feat=directlink