Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

16 febrero, 2007

LUGOPATRIMONIO, unha nova asociación de defensa e divulgación do patrimonio lucense

Lugopatrimonio
Desde a Asociación Cultural Amigos do patrimonio de Ccastroverde e o seu Diario Dixital saudamos a unha nova asociación cultural para a defensa e divulgación do patrimonio lucense, LUGOPATRIMONIO. Seguro que os nosos obxectivos comúns hannos de irmandar en máis dun cometido e idénticas ilusións.

Estes son os seus idearios segundo rezan os seus estatutos. Desexámoslles toda sorte de éxitos e longa vida.

Obxectivos

Son fins principais da asociación:

a.-Defensa, promoción e uso do idioma galego no camiño da súa normalización, pois representa a maior riqueza patrimonial creada polo pobo galego. A este fin, o idioma galego é a expresión propia e oficial usada en todos os ámbitos da Asociación.
b.- Defensa do Patrimonio material e inmaterial recollido este no seu sentido máis amplo e dentro do territorio da provincia de Lugo.
c.- Promoción e realización de actividades de todo tipo encamiñadas á súa divulgación e xeral coñecemento.
d.- Edición e propagación de traballos que o popularicen.
e.- Cantas outras actividades lícitas que sexan da conveniencia e dos intereses comúns dos asociados e asociadas.

LugoPatrimonio, amais do seu carácter reivindicativo, ten tamén como fins a busca de solucións e proxectos que axuden a resolver o deterioro, esquezo ou silenciamento do noso patrimonio.

Criterios xerais de actuación

Ao ter carácter provincial, LugoPatrimonio realizará actos por toda a provincia en colaboración, sempre, coas entidades locais, de tipo cultural, de defensa do patrimonio ou calquera outro, que estexan interesadas na difusión e conservación do noso patrimonio.

As Viaxes programadas por LugoPatrimonio serán presentadas polos guías que as dirixan nun acto público anterior á propia viaxe, no que se dará a coñecer o itinerario e os puntos e monumentos a visitar.

14 febrero, 2007

Na Galería Sargadelos de Lugo o 15/02/2007 as 8 da tarde

Presentación de dúas obras de Ricardo Polín sobre o Camiño Primitivo

A Galería Sargadelos de Lugo e a Consellería de Industria e Innovación convídan a Vde. á presentación das seguintes obras de Ricardo Polín, socio da Asociación Cultural dos Amigos do Patrimonio de Castroverde e da parroquia de Pena, sobre a ruta primitiva a Compostela:

-Guía histórica e cartográfica do Camiño Primitivo de Santiago en 3 tomos: Camín de Burón (Camiño Primitivo na Fonsagrada), Á Baleira de Camiño (Camiño Primitivo na Terra de Baleira) e Camiño a Lugo (Camiño Primitivo na urbe e señorío lucenses, 2ª edición).

- O Camiño Primitivo / El Camino Primitivo / The primitive route of St. James (guía trilingüe de carácter divulgativo, en 3 volumes: galego, castelán, inglés).

O acto terá lugar o xoves día 15 de febreiro ás 8 da tarde na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo – Lugo) e no mesmo acompañarán ao autor, don Ignacio Rodríguez Eguíbar (Director-Xerente da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo) e Xosé Fernández Puga (Presidente de Promocións Culturais Galegas S. A.).

Os asistentes recibirán como agasallo un exemplar da guía divulgativa.

Lugo, febreiro de 2007

11 febrero, 2007

SENTENZAS, FÍAS e RUADAS
na
bisbarra de Castroverde

Xosé María Gómez Vilabella

Un repasiño ó pretérito,
¡que non sempre foi pluscuamperfecto!

Unha dona ten sete fillas,
e a máis vella de cinco días...

A Coresma

O noso rural, esta bisbarra de Castroverde, ¡nisto máis ou menos coma as limítrofes!, xiraba, xirou ata fai pouco, polarizado por dous acontecementos periódicos: No material, as mallas; e no relixioso, a Coresma. Esa coresma das sete fillas, das sete semanas, suavizadas polo Concilio Vaticano II. En canto ás mallas, despois dese auxe da gandería, ou precisamente por culpa e por causa diso, estamos volvendo a elas, pero doutro xeito, mecanizadas por obra e graza desa maquinaria que recolle o millo, esa que espanta as curuxas, esa que non precisa do malle, ¡nin das espalladoiras!

¡Deus, qué espectáculo, qué estampa, aquel das nosas espalladoiras cimbrándose, adoneirándose, na escolma do trigo; aquela si que era danza e non esas que adoitan poñernos na Primeira!

¿Onde está o noso pretérito, exactamente ese, o pluscuamperfecto? ¡Eu situaríao centrado no ano 1.940, daquela que Castroverde superou os 9.000 habitantes! ¿Nove mil habitantes? ¡Iso, de feito, sen contar os de dereito, os ausentes! Pois daquela hai que volver a por eles, pero ben mantidos, ben nutridos, ben instruídos..., ¡que para corenta ladróns chegaron aqueles 40! O pandeiro está en boas mans: ¡Bos mestres e bos alumnos! Xente que sabe dirixir, ordenar, encouzar..., e que nos levará, Deus mediante, a un futuro esplendoroso. Pero tampouco é cousa de durmirse nos loureiros, que os demais están espertos..., ¡e compiten!

O progreso, sexa económico e/ou social, que ambas caras corresponden á mesma moeda, ten, ou debera ter, por lema, Avanzar sen destruír, modernizar conservando canto mereza a pena de ser conservado. Coido que tamén se podería enunciar deste xeito máis sinxelo: ¡Embelecer! ¡Iso: embelecer a vida facéndoa máis grata, máis saudable, máis perfecta, máis confortable, máis...! Por contra, o feísmo non está só en certas construcións materiais, senón, e tamén, na insensibilidade á que nos levan as tentacións prosaicas, acomodaticias; esa falta de discernimento, de selectividade, daquel que se considera con herdanza suficiente, rico e formado, e por ende, con opción a darse a gran vida, que adoita ser a mala vida. No XXI inventouse unha verba macanuda, pero aínda estamos empezando a entendela, e por ende, a cumprila: ¡A sostibilidade, o desenrolo sostible!

Mal se pode soster algo sen principios, sen fundamentos, sen alicerces; de aí que non sexa perde-lo tempo volve-los ollos ó pretérito, rememorar aquilo que fixeron, aquilo que inventaron, aquilo que experimentaron, os nosos vellos. Serve, fundamentalmente, para dúas cousas: Para entendelos, e para agradecerlles aqueles esforzos. Mal podemos entendelos se esquecemos os seus afáns, pero tamén os seus divertimentos, o seu xeito de expresar, tanto as súas ledicias como as súas protestas. En canto ós esforzos, daqueles oficios, daquel xeito de traballar, daquela inventiva, en tantas cousas ás que hoxe consideraríamos “atrasos”, xurdiron precisamente as técnicas, os usos e mailos costumes dos que hoxe gozamos. Non hai árbore sen raíces, non hai civilización sen precedentes, sen escaleiras.

E logo está iso de que, recolle-lo pasado, sexa na oral ou na escrita, tamén pode resultar divertido, estimulante, provocador de novas iniciativas. Dun tempo a esta parte, grazas a Niepce e a Daguerre, que obtiveron, dito nas súas propias verbas, a “fixación permanente das imaxes”, o pretérito deixou de selo: ¡Podemos poñelo en conserva, e abri-la lata cando nos pete! Algunhas cousas, que non todas, pois as inmateriais, agora que non adoitan contarse na lareira, só cabe transmitilas de vellos a novos, de xeración en xeración, pola voz ou pola escrita. E aquí está o que considero un deber social, cívico incluso, daqueles que vivimos, observamos e memorizamos certos acontecementos: ¡Pasa-lo facho, como agora se di!

¡E temos tantas cousas para lembrar, para transmitir! Pero coido que mellor será non anticipa-lo temario para que o lector sume á posible graza que lle fagan os feitos, e cos feitos, as circunstancias, a sorpresa de ir descubrindo que o mundo non empezou hoxe, senón onte, ou máis exactamente, antonte.

A nosa Revista Dixital, neste caso, e sempre coa intencionalidade de ser útil e grata, irá facendo de pantalla nesta “película” que promete ser de “longa metraxe”. ¡Que aproveite!

Nota: A imaxe do encabezamento, esa silueta, non nos mostra un guerreiro saíndo do noso castelo de Castroverde camiño das guerras coa mourería senón algo máis próximo a nosoutros: Un dos nosos cabaleiros brandindo a espada coa que executaban o galo naquelas “corridas”, tamén chamadas “sentenzas”. ¡Pero iso foi antes de abolirse a pena de morte!

Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde

Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde

Avances e retrocesos na expresión oral

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Xa sei que me estou metendo en camisa de once varas, así que..., ¡botarei man das pinzas! Os da miña xeración tivemos dous verdugos, ¡dous!, que fixeron os posibles por afogarnos, por anula-la nosa personalidade: os castrapismos e mailo latín da nosa Igrexa. Eu tiven a sorte, ou o acerto, -xa o contei máis veces-, de pedir como regalo duns parentes en lúa de mel que me trouxesen da Coruña un “ITER” de peto, que o fun aprendendo/dixerindo de paso que alindaba nas vacas. Con este dicionario memorizado, ou case, descubrín que non era exactamente igual a lingua dos libros autorizados, ¡os galegos queimáraos meu pai, como mal menor!, que a utilizada polos propios mestres no seu ensino escolar. En canto ó latín, axudar á Misa, letanía, responsos, etc., unha certa memoria coa que cheguei a este mundo axudoume a representar o meu papel de papagaio na gaiola de Deus, de tal xeito que nunca nada de min mesmo lle dixen; ¡e se me entendeu foi, exclusivamente, por ser Deus!

Pero aquel país gustábame, ¡afellas que si! A xente era cortés, afable, concreta, expresiva, diplomática, agradecida...Tiñamos un ronsel de metáforas escumosas, sutís, e outro de adxectivos preciosos, variados, matizados...; pero un milleiro deles non eran traducibles, non entraba naquel ITER un equivalente dos mesmos, pois o castelán é tan seco como poda selo a propia Castela. ¡Quixeron illarse da substanciosa Gallaecia, e así lles foi, que se levaron a madeira pero deixáronnos o zume!

Só para mostra, o primeiro que se me ocorre, sen rebuscar nadiña:

-¿Que foi o que che dixen, qué pasa para que escarrameles os ollos desa maneira?

-Esa miñaxoia deixouse querer dese larpeiro, e tivo un fillo bravo.

-Ó saír, pecha a porta. (¡Que é algo máis que cerrar!)

-Escachouse de risa.

-A saudade puido máis cá el, e non deu feito as Américas.

-Namoreime de ti porque..., ¡es un feitizo de muller!

-Ese veciño, ademais de abesullón é un saltasucos.

Pediámo-las cousas por favor; e de favor cualificabamos todo tipo de atencións:

-Faría o favor de dicirme/ou de facer, isto, aquilo...

-Se non lle causa molestia, gustaríame que...

-Deus llo pague...

-¡Portouse tan ben comigo, que nunca a obriga lle pago!

-Aquí me ten, pro que guste mandar...

Os saúdos eran saúdos; auténticos e cordiais:

-¿E logo, que tal lle vai? ¿E na casa...? ¿Malas, ningunha; ou si?

-Alédome de velo tan rufo...

-¡Ai, muller, que ben te conservas; por ti non pasa o tempo...!

Termos expresivos, definitorios:

-¡Afellas que si!

-¡Iso foi..., descantiá!

-Pasou á tardiña, mesmo entre lusco e fusco.

E paro, que non se trata de facer un libro, senón unhas simples reflexións, ou evocacións. Así que, veñamos ó presente: ¡en lingua, expresións telegráficas; monólogos, que non diálogos; puro marketing (mercadotecnia ou comercialización, segundo o contexto), de executivo agresivo!

-¿Está Fulano/Mengano/Citano? ¡Dígalle que se poña! (¡Pois non, non señor; que primeiro ten que identificarse a persoa que chama/a que molesta/a que interrompe! ¡Que menos que presentarse! Son Fulano de Tal; ¿podo falar co señor X/ou coa señora Z?! E xa non digamos eses que preguntan: -¿E logo, qué teléfono é ese? -¡Cal vai ser, o que vostede marcou!)

-¿Onde queda a rúa tal/a tenda cal? (¡Un momento, que vostede está parando a un señor/señora que igual leva un peso enriba, ou ten présa, etc.! ¿Que lle custa un breve saúdo? –¡Perdón! Ou, ¡Desculpe! Boas tardes. ¿Podería indicarme...?)

-Estou a facer un santo cunha navalla... (¡Alto aí, que vostede estará facendo o que queira, todo menos abusar dun infinitivo, que é igual que dicir o nome dun verbo, que para algo adoitan ser personificables, conxugables!)

-...dicir que... ¿Que? ¿É un imperativo ou un afirmativo? Vaino dicir vostede, ou quere que o digamos nós, pero en anónimo, non da súa parte?

-...isto é o que está a pasar... Entenderíase, p.e., se perfeccionásemos a frase: ...Isto é o que está a piques de pasar. Ou calquera outra fórmula lóxica e acorde cunhas circunstancias temporais. ¿Quen inventou estes disparos con pólvora de fogueo, sen efectividade? ¡Un galego coido que non!

-¡Nos vemos! (Se “nos vemos” é que o estamos facendo, en presente; pero se a intención, ou o desexo, é de volver a vernos, daquela haberá que dicilo doutro xeito, ¿non si?

Con iso de que agora ninguén se garda de ninguén para contestar por medio dese anano que adoitamos levar no peto, ¡óese cada cousa...! ¡Puro telegrama, pero, fórmulas de cortesía, cero!

A importancia do que se quere dicir, ¡do que se quere dicir ben dito!, recollina eu, de cativo, un día de primavera, gardando nas ovellas: Un rapaz, que por certo aínda vive, pero tampouco é cousa de sacarlle as cores, estaba cavando, e eu cerca del, tombado nunha sombra, co meu repetido ITER entre mans, pero el non me vía. Lémbrome que era a véspera do San Bernabeu. O rapaz deulle a volta ó último terrón da rengue, e púxose a falar co rabizo da aixada: “Se ti foses a María Manuela de Suegos, eu achegaríame todo serio e formal, pero sorrindo: ¿E logo, Manuela, qué tal; acórdaste de min? ¡Pero mira que estás guapa..., aínda máis có día da Santa Eulalia, que bailamos aquela peza...! ¿Lémbraste? Desde aquel día é que mesmo soño contigo, a diario! Gustáchesme tanto, que vin á festa máis ben por verte..., así que, se outra palabra non deches, gustaríame bailar e parrafear contigo!”. Retireime gateando, que aquel ensaio era sacro, ¡e foino, pois acabaron no altar, e levan máis de medio século de convivencia pacífica! ¿Que mozo de hoxe en día se pararía a matinar de qué xeito ligaría, requiriría, á moza dos seus soños?

O que aínda non sei, ¡quédanme tantas cousas sen saber, pero o caso é que para algunhas non temos interlocutor válido!, é o motivo de que haxa libros de protocolo oficial, modelos para cartas comerciais, etc, ¡pero extinguíronse os de cortesía, e iso que “cortesía” ven de Corte, e non de cuadra!

Co galego en particular estou observando que, ó non mamalo, ó non purificalo no seo, na calor do fogar, e case diría que, ó reinventalo, por culpa da súa agonía no franquismo, estanos saíndo máis bruto e máis eslamiado que un arado de pau! Na radio, na tele, nas oficinas públicas, etc., aprenderon a falalo de libro, por apuntes, sen vivencias, sen botarlle cariño, sen pensar moito o que se vai dicir, sexa polas présas ou porque llelo dan escrito, así que utilizan iso do “papagaio”, máis ou menos como facía eu co latín na miña parroquia. ¡A miña esperanza, se algo me queda diso, é que a nosa xente volva a sentilo, a vivilo, que se sae do corazón a cousa cambiará, moito, e volverán os mozos a parrafear con sentimento, con dozura e con poesía, que facelo doutro xeito non é namorar, senón mercar, e iso da compra - venda está para as cousas, nunca para a xente que se teña por tal!

____

10 febrero, 2007

De muiños,pinchos,viaxe e paisaxe

Eses muiños que atornelan o aire á paisaxe do horizonte

Por

Mª Teresa Villarino Valdivielso
Enxeñeira de Montes
Profesora de Impacto Ambiental na
Universidade Politécnia de Madrid

Mentres me resfrío co aire acondicionado da sala de espera e me “atolondro” co aburrido fío musical, leo o xornal. Paso folla e ¡zas!. xa están aquí. Un gran acontecemento: Guadalajara acolle ao xigante eólico de Europa, case o oio en estereofonía. O parque máis grande de Europa (e o pobo máis pequeno) cos seus 104, cento catro, aeroxeneradores. De momento non podo seguir máis, porque non podo e porque me toca entrar. Tamén tócame un teléfono que non quero levar.
Me re-resfrío un pouco máis tarde no AVE e atrévome a ler algo, pouco porque me coñezo.
Tráenme sen pedilo un trapiño fervendo que se arrefría ao momento, para as mans, ¡se eu tráioas como os “chorros” do ouro! Repásomas e que desperdicio. Miro as puntas dos meus zapatos, están polvorentas. Se non me mirase o señor de enfronte daríalles unha pasada, pero non. Sigo froitando e polo menos doulle ás pulseiras que brillan máis e réndome. Volve a moza a leválo ao lixo, ¡co bo xénero que tiña!
Que ben, van producir enerxía para 590.000 habitantes, pero ¿para qué? E se me quito do consumo e quédanse en 589.999, deixaríanme restarlle un cm ao palitroque?
Agora deixanme unha brevaxe, que tampouco pedín, nun frasquiño ¡tan bonito! que haberá que tirar-eliminar. Probo o contido e desde logo vale moito máis o frasquiño. Meteríamo no bolso se non estivese mal visto para poñer un “floripondio” no baño. Pero tampouco me atrevo. Probo o zume e como non me gusta aí quédase.
Di o xornalista que di unha autoridade: a pleno rendemento evitasen a emisión dunhas 430.000 toneladas de CO2 á atmosfera. Non só afórrasen 100.000 Tn de petróleo, senón que o seu efecto depurador é equivalente ao de 30 millóns de árbores. Depurador??? Mira que “majos”. Sempre se aprende algo.
Agora acéndelleme, sen preguntar, esa caixa que teño diante, e aínda que non a oio ¡faltaría máis! moléstanme os reflexos. Se eu o que quero ver é a paisaxe, para o que só teño que virar a cabeza, e de paso exercito o músculo que me recomenda o dos ósos. Se miro esta paisaxe, gratuito e duradeiro, e non gasto en caixa luminosa ¿quitaríanme outro “centimetrillo” do muiño?
Pero os beneficios económicos que xeran estes Parques son fenomenales, riqueza pa uns, pa outros, e pa os de máis alá. Riqueza, emprego e benestar.
Xa o di o señor alcalde: co aumento do orzamento municipal, posto que a maior parte dos aeroxeneradores están en terreo público (ou sexa que aos paisanos pouco) vai dar a volta ao pobo?. Pois si, el e os paisanos darán a volta e a volta e a volta á praza, porque pasear polo campo pouco.
Xiro de súpeto a cabeza e miro á paisaxe, que me pasa demasiado voando, e imaxínomo cos muiños aglutinados. Vólvoa ao seu sitio coa mesma rabia.
O social é case tan estupendo. Segue o alcalde: agora a nosa esperanza é que esta instalación permítanos aumentar a poboación fixa, que é escasa. Pois eu xa sei dunha industria de turismo que ía restaurar un caserón, xa que estamos ás portas do alto Tajo, que desistiu á vista do panorama. Pero din que fai falta un traballador por cada sete aeroxeneradores, así que eu vou avisar aos meus paradiños, porque, engade o edil, e poida que construamos vivendas para facilitar que veña xente nova.
Oh!, non, máis adiante lese que cinco traballadores encárganse do control dos 104 aeroxeneradores?. Será que os outros estarán lonxe, xa que a directora de Explotación explica que a xestión da enerxía que sae de alí realízase nun centro instalado en Toledo. Como o vento varía, di, a intermitencia da enerxía eólica contrólase mediante prediccions o máis fiables posible. ¡Ah!
A única pega que lle atopa o alcalde é a liña de evacuación, que nos ofreceron enterrala, pero cedendo 30 m ao longo da ruta. Non se sabe se lle apena non habela enterrado, ou o di con orgullo. Que 30 m son 30 m aínda que sexa nestas abatidas paisaxes; pero a desolación aumenta cos tendidos.
O políticamente correcto tamén vai vento en popa, o empresario baixo a atenta mirada dos habitantes da bisbarra, aproveitou para pedir ao goberno que no próximo Plan Nacional de Asignacions de Dereitos de Emisión téñase en conta a capacidade das empresas eléctricas de producir enerxías limpas.É dicir que, en atención a Kioto, a compraventa de dereitos de emisión pode perfilarse como o próximo negocio do grupo.
Falan uns xubilados, sobre as súas cabezas tres palas de 87 m de diámetro comezan a virar a 25 metros por segundo, ….pois eu non estou satisfeito, porque recibo menos que o meu veciño. Peor son os dos chalets, que se negaron en redondo e agora venos cerquiña, desde as casas. Suspiran; tremen, ou xa vibran?
Se renuncio ao frío excesivo, ao envase, á tele, ao foquiño que teño sobre a cabeza en pleno día, ás comidas fóra de lugar a toda sorte de superfluosidades, ¿quitaríanme un enteiro?
Penso, agardo, que quizá chegue o momento en que do mesmo xeito que me pasou con algúnhas presas, chéguenme a gustar os muiños.
Oh!, ocórrelleme unha gran idea, deixemos os báculos na paisaxe, e traslademos o humano a outro lugar, a outro pobo, como aqueles que se inundaron en pantanos. Porque, á fin e ao cabo, ¿non é unha inundación a do parque eólico, onde se afogan unhas cantas cousas?
E, mentres, convoquemos a nanotecnología ventosa, para que minimice estes pinchos xigantes, que non muiños. Porque, cando o home convoca á técnica, a técnica sempre comparece. Amén

PD/. Non, non están no horizonte, xa han chegado á escena diaria da nosa vida.

Toponimia de Castroverde

Boa veciñanza

-II-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Ao Norte, Pol. Sen desmerece-los outros, ter a Pol por veciño é cousa seria, importante. Hoxe somos veciños, mais, historicamente, as terras de Luaces, ou “Loaces”, formaron unidade connosco desde tempo inmemorial. Cando, de arrepentido, aquel Sancho Sánchez da Ulloa, conde de Monterrei, outorga o primeiro dos seus testamentos, no castelo de Pambre, o 24 de abril do ano 1.480, ordenoulle ao seu primo e testamenteiro Álvaro Gómez de Rivadeneira que levase a térmo a devolución, o reintegro, dos bens usurpados, violentamente, á súa prima Dona Isabel de Castro, entre eles a “casa de Castroberde con todos los vasallos e de ella e de Luaces...”.

Os de Altamira conservaron a torre de Bascuas, na marxe esquerda do Azúmara, que foi unha especie de fielato entre Castroverde e Luaces, asentada nun pereiro, prominencia rochosa hoxe alisada porque arrincaron a pedra para cerrumes e para facer aquelas casas do lugar. Disto teño escrito no El Progreso do día 24-07-1984, “La torre de Bascuas”. E se máis queren saber, pregúntenlle a dona Ana María, que alí se criou, na casa actual, situada nos alicerces daquel nobre solar.

Outra nostalxia dos Altamira é a casa deles, hoxe medio ruinosa, pero con escudo, onde estivo a vella Consistorial do vello Pol, na parroquia capitalidade, de igual nome, antigo Polux, ou Paul, o Paulo.

¿Que lle debemos a Pol, de presente? Amais dos ventos fríos, norteños, que nolos encanan polas bocarribeiras procedentes da Terra Cha, o intercambio parental e cultural, maiormente con respecto á parroquia de Montecubeiro, foi intensísimo, en particular no século XX. Entre outras interrelacións, a parroquia de Pena veuse abastecendo, para a súa festa do día 8 de setembro, das compras que efectuaban na feira do 7, en Mosteiro. Os seus canteiros chegaban traballando ó mesmo Villarino ou Vilariño. E notables foron os seus ferreiros, os muiñeiros, as tecelás... O feito de que Pol, en particular Luaces, tivese un minifundismo arrepiante, intercalado cun señorío avasalador, iso incentivou as especialidades, os oficios, xerando un artesanado de moito auxe. E de paso, unha sindicación precoz. A propia U.X.T. de Mosteiro, segundo me ten informado Gato Soengas, foi das primeirísimas de Galicia. Unha evidencia, ou confirmación, diso, foi o feito de que, convocados a Lugo no 18/19 de Xullo do 36, atopáronse, de súpeto, coas portas da muralla tomadas pola xente do Alzamento, ¡e eles dentro! ¿Como se salvaron? Un dos canteiros sabía que un dos bordeles confinantes coa muralla tiña unha habitación cunha porta ou saída á muralla... ¡E por alí fuxiron, na escuridade da noite, deslizándose por aqueles lousados que circundaban a muralla lucense!

A nós débennos, entre outras cousas, os principais fluxos de auga: As que baixan por Gondel, desde Vilar; o rego dos Corzos, que empeza en Maxide; o Azúmara, que empeza nas fontes de ídem, en Sarceda, acumulándose co Ribón, e máis tarde, cos Regos de Insua e das Neves; etc., etc. O propio Lea, que ten as arterias nas abas do noso Mons Ciro.

Culturalmente, se algo aprenderon de nós, a eles é moito o que lles debemos:

O Mestre de Rielo (Palmeiro), que hai quen di que xa resucitou porque os Promotores escavaron a horta do Seminario Maior de Lugo, onde se lle supoñía soterrado despois do seu encerro e subseguinte fusilamento.

Os médicos de Mosteiro, que asistiron por décadas toda a zona Norte de Castroverde; e algúns, aínda hoxe, teñen as “cartillas” en Pol. Outro tanto ocorreu cos seus veterinarios.

Primeiro a “Sociedade” (cooperativa) de Mosteiro, e despois os tendeiros, que por facilidades de acceso restaron unha gran porcentaxe ós seus competidores da Vila de Castroverde.

Costureiras, que subían coa máquina na cabeza, ó longo de máis dun século.

Un fornecemento de mozas, que establecían as súas relacións nos famosos “paseos” quincenais do campo da feira de Mosteiro. Tiñan a Castroverde por montañoso, pero..., ¡nós éramos da terra dos carballos!

No plano cultural hai que descubrirse ante os de Pol. Para abreviar:

-Antonio María Da Vila, natural de Faxilde, en Torneiros. Fundou o diario “ La Prensa ”, na Habana.

-Os irmáns Ónega, tan populares que sobra entrar en detalles.

-Os irmáns Rielo Carballo, de Arcos de Frades, máis importantes que coñecidos. A Nicanor, prematuramente falecido, débeselle, entre outros colosais traballos de investigación histórica, a súa meritísima que para nós a quixésemos en Castroverde, onde, entre os erros deses mapas da Xunta, a Concentración Parcelaria de Montecubeiro, e outros esquecementos, xa nin sabemos onde estaban os marcos, para canto máis o nome das terras.

Outro dos Rielos, e quedan máis, entre tíos e sobriños, é Isaac, que, entre outras obras, algunha delas de recente publicación, salvoulles o “Cancioneiro da Terra Cha”, recuperación que nos falta, ou que xa é imposible, no noso Condado de Chamoso. O seu museo etnográfico, particular, na propia casa de Arcos, ¡e nós, que nin público o temos!

Aínda que non sexa espectáculo da miña devoción, Pol, (e nisto tamén o Cádavo), representou á nosa bisbarra, ¡na praza das Ventas!, cun notable toureiro: Dositeo Rodríguez, “El Gallego”.

____

04 febrero, 2007

Dar grazas e facer xustiza

Alba de Gloria en Castroverde

As noites, coma os ciclos económicos, e tamén os socioculturais, son situacións transitorias se hai unha vitalidade, unha forza, unha natureza impulsora, que tiren doutro amencer. Algo así está pasando en Castroverde:

A Asociación de Amigos do Patrimonio, cóbado con cóbado coas demais Institucións, sexan públicas ou privadas, e por suposto que TODO coa ideoloxía de que TODO sexa para o pobo, contando co pobo, SEN INDIVIDUALISMOS NIN INTERESES ESPURIOS OU CREMATÍSTICOS, está no seu “amencer de gloria”, recollendo o facho patrimonial nun auténtico relevo olímpico, para pasarlles ás novas xeracións as esencias, o zume, das pretéritas, á vez que tentan servir de exemplo e de estímulo para enfrontarse á problemática deste século XXI, con esta feira globalizadora do Mercado Común que tanto esixe de todos nós para manternos na caravana do progreso, no material pero tamén no cultural.

A Revista Dixital facéndose eco e no nome dos socios e muitos veciños do concello, séntense congratulados con este amencer, con este relevo xeracional. Sen apartarse do seu Camiño, do seu Glorioso Camiño Primitivo, sen esquecelo, esta xente esfórzase por abrir saídas que nos expandan este verde e prometedor horizonte.

Para iso contan cun bo condutor, co seu Presidente Manuel Muñiz Besteiro, secundado por unha competente Directiva, que están levando esta Asociación a metas ata hoxe descoñecidas na nosa bisbarra de Castroverde. A eles todos o noso agradecimiento.


Nova convocatoria de roteiro

Roteiro: Outeiro (Forno da Vella)-Santa Xuliana- Gracián-Paderne

sábado, 10 de febreiro de 2007


Pola mañá
:

Ás 10:00 h. No Mesón Camiño Ancho.

Percorrido: Forno da Vella - Santa Xuliana – Gracíán - Paderne

Ás 14:00 h. xantar no Camiño Ancho.


Pola tarde
.

Os que queiran, visita á Catedral, xunto coa Asociación Lugo-Patrimonio. O programa consiste en estar diante da porta principal da Catedral ás 16,30 h. iniciando a visita con Xaime Delgado, Alberte González e Adolfo de Abel. Vanse ver lugares que non se ofrecen habitualmente.

Para facilitar a organización:

Avisar antes do xoves, día 8 de febreiro de 2007

Castroverde -Lugo- febreiro de 2006

03 febrero, 2007

No Auditorio Municipal de Lugo o 10/02/2007

¡A Nicaragua, con potencia e alegría!

Desde a Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde de Lugo facémonos eco deste acto e animamos a todos asistir ao mesmo.

O sábado 10 de febreiro de 2007, ás 200:00h, poderemos disfrutar dun concerto no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo.

Participarán Mercedes Peón, Claviband, Batuko TabanKa, Radio C.O.S. e Payasos en Rebeldía.

O motivo do concerto é recaudar fondos para apoiar os proxectos que se están a levar a cabo na comunidade de Sonzapote, na Illa Zapatera (Nicaragua), a onde se desprazarán durante un mes 3 persoas, dous sanitarios e un técnico forestal, coa posibilidade de que se unan outras persoas ó grupo, e coa finalidade de apoiar un proxecto de canalización e potabilización de auga para a comunidade.

Por este motivo o concerto está apoiado pola Concellalía de Asuntos Sociais do Concello de Lugo e por diversas asociacións: Axunica, Salvador Allende, A Cova da Terra e Payasos en Rebeldía, así como por persoas que a título individual aportan a súa colaboración, como un grupo de alumnos e exalumnos da Escola de Artes Aplicadas de Lugo, que están a serigrafiar camisetas deseñadas por Kike Bordel que se venderán na entrada do concerto, así como diversas aportacións de outros artistas lucenses.

O precio da entrada é de 5 euros.

As entradas estarán á venta anticipadamente na Cova da Terra e o mesmo día do concerto na taquilla do auditorio.

¡ANIMÁDEVOS A ASISTIR! PASARÉMOLO BEN

A Asociación Cultural Amigos do Patrimonio de Castroverde a favor do nome Praza do Camiño Primitivo


Desde a Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde queremos sumarnos aos apoios manifestados por veciños e veciñas, da zona de Avda. Fontiñas, Carril de Caiñós e Carril das Flores para solicitar ao Sr. Alcalde que “ o espazo público” situado nesa zona, da UCS1, leve por nome: PRAZA DO CAMIÑO PRIMITIVO. Tendo como ten, a nosa Asociación, un dos primeiros fins:

“Artigo 5º.

  1. Son fins da asociación:
    1. Recuperación, conservación e difusión do patrimonio do Concello de Castroverde, incluido todo o relacionado co Camiño Primitivo de Santiago.


Esta petición foi rexistrada no Concello de Lugo, o pasado venres, día 26 de xaneiro.

SR. ALCALDE DO EXCMO. CONCELLO DE LUGO

Somos:

A Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde,

dirixímonos a Vostede para exporlle o seguinte:

Na Unidade de Actuación CS1, situada entre Avda. de Fontiñas, Carril de Caiñós e Carril das Flores, estase remantando “unha praza” ou “espazo público”, e como Vostede sabe, ao pé dese espazo, pasa o Camiño Primitivo.

A nosa Asociación ten como un dos obxectivos primordiais a protección e defensa do Camiño Primitivo, polo que;

Solicitamos a esa alcaldía:

1.- Que ese espazo leve o nome de: Praza do Camiño Primitivo.

2.- Que se faga unha escultura ou monumento... en relación ao/ co Camiño.

3.- Que se constrúa unha fonte, ou lugar acolledor, como descanso e lugar de

benvida aos peregrinos na entrada da nosa cidade.

Agardando que as nosas peticións sexan atendidas,

Atentamente,

A Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde

En Castroverde - Lugo, a 26 de xaneiro de 2007