Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

28 febrero, 2010

Roteiro dos muíños: sábado, día 13 de marzo de 2010. Coa participación da Asociación Arcas de Sarria


-Saída de Castroverde ás 9:30 h.

-Visitando os muíños do Ferradal en Francelos (camiñata curta, duns 5 quilómetros) ata o de Pestana en San Miguel.Visita ao muíño Veiga en Montecubeiro e de Lamela en Rodinso,(en autobús), se andamos ben de tempo, baixamos camiñando ata Castroverde.

-Xantar arredor das 14:00 h. (Avisar antes do día 10 de marzo)

-Pola tarde Asemblea extraordinaria

Nota: avisar antes do martes, 10 de marzo, xentaremos nun restaurante da zona

Avisar no correo electrónico ou no teléfono habitual

Saúdos. Manolo Muñiz


CONFERENCIA DE X.Mª VILABELLA NO CPI DE CASTROVERDE


Onte, venres, tivo lugar o último acto da sexta actividade no CPI de Castroverde.
En primeiro lugar interviu o Sr. Vilabella con este título e estas palabras:


Pasado, presente e futuro de Castroverde

Ilustres señores, queridos amigos/as.

Xa que a cousa vai de Historia, comezarei cun refrán periclitado, historicamente periclitado: aquel de que non poden empezarse as casas polo tellado. Pero se algún día foi certo, hoxe, non. En arquitectura, por exemplo, mal se pode planificar unha casa, un edificio, sen coñecer de antemán as alturas que queremos ou nos permiten darlle, para seguidamente obrar en consecuencia. Nos deportes de competición, cómpre coñecer de antemán a meta, o fin proposto. E xa non digamos en economía, onde pouco podemos lograr se non temos claro o cume proposto; cuestión á parte será o estudo dos medios e das circunstancias concorrentes, estean ao noso dispor ou que séxamos capaces de acadar e de formatar.


Na actualidade, e nunca falarei de presente no senso clásico xa que iso, historicamente, non existe, pois tan pronto como pronunciemos unha verba esta quedará incorporada ao pasado, instantaneamente, con tódalas súas consecuencias, nesta actualidade que estamos vivindo, cunha crise socio económica tal da que só se pode saír collendo folgos, acumulando enerxías, reestruturando, para enfrontarnos á xeira seguinte. Unha meta que están albiscando os nosos administradores é a de ir á refundición, por fusión, de tódolos concellos que se vexan en apuros económicos para soste-la súa burocracia operativa; ou iso, ou distribuí-las funcións das Deputacións. Este problema aféctanos dun xeito grave aos galegos dada a nosa multiplicidade, o noso minifundismo poboacional, agravado polas inevitables e imparables caídas do censo na maioría dos concellos.

Isto é unha hipótese de traballo, ou se o preferides, unha intuición, pero non miña xa que o veñen meditando, e incluso dicindo, a media voz, políticos de tódalas ideoloxías. Se lembramos que o noso Castroverde foi a cabeceira dun daqueles once condados suevos, concretamente o das terras de Chamoso, Flammoso para os romanos, nada tería de particular que algún destes rapaces se vexa algún día elixido Alcalde, xa que non Conde, da nova xurisdición. Lembremos que este concello non sempre tivo as mesmas parroquias, que as foi agregando e disgregando no século XIX por sucesivas disposicións; unha das últimas incorporadas foi o couto de Montecubeiro, que non resistiu a súa independencia despois da desamortización. E se alguén pensa que invento cousas, aos arquivos me remito, pois aínda que se eliminaron moitos neste Castroverde dos individualismos, algún queda, os suficientes para esta demostración.

Veña o que veña, é imprescindible ollar para atrás, olla-lo noso pasado, aínda que só sexa para ponderar os medios de que dispuxemos no século XX, onte mesmo, así como a utilización que deles se fixo, para situarnos, para adestrarnos, para non incorrer en novas molicies, en novas imprevisións, en novos desacertos.


Non é este o sitio nin o tempo para poñernos con estudos económicos minuciosos, pero si para tentar imbuír ánimos e azos, pois todo fará falta xa que a panorámica que vos deixamos aos rapaces non é precisamente un camiño de rosas. Certo é que fixemos moito, pero máis se puido facer cos medios ao noso alcance se houbésemos tido uns quilates de sentido cooperativista, se nos axudásemos recíproca e mancomunadamente a construír, se fósemos tan bos veciños no obrar, no vivir comunitario, como o vimos sendo, por poñer un exemplo, para acudir aos enterros.

-1-
Castroverde, a nosa bisbarra, tivo, e segue tendo, aínda que con outras circunstancias, un potencial económico superior á media da Galicia rural. Para comezar temos o dobre de superficie cultivable que a media dos concellos de Galicia. ¿Daquela, onde fallamos? Neste potencial hai que meter, tamén, o noso look turístico, que é singular. Permitídeme mencionar a José Ramón Onega, que na Voz de Galicia do pasado 13 de xaneiro, nunha referencia que fixo do meu último libro, afirma de Castroverde, rotundamente, que é, “el pueblo de más hermoso nombre del mundo”. Non o digo eu, que o dixo o Director da Casa de Galicia en Madrid. Pola miña parte engadiría que non só de nome, senón de terras, de paisaxe.

As terras boas, obviamente, foron as primeiras ocupadas, poboadas, e nós temos, por se quedase xente con autoodio, unha boa demostración nesa cova do paleolítico superior, aquí en Bolaño, en pleno Val Verde. De seguido, están os castros, e tras deles, a ocupación romana, o noso trigo flameante, flammoso, os topónimos suevos, os eremitas, as igrexas monumentais, os conventos, unha fortaleza inxente… Todo isto tiña por base a nosa produción, a riqueza e maila beleza do noso chan!

Os nosos entregos víronse derreados de foros e demais gavelas; ata onte mesmo, pois as últimas rendas forais redimíronse despois da guerra civil, e puidemos con todo! ¿Que os entregos terminaron de levantar cabeza cos cartos da emigración americana? ¡Si, é certo! Pero non o é menos que, tardarían algo máis, pero sen aquelas divisas da emigración tamén se houbesen upado, e iso por dous motivos concorrentes: pola produción das terras, asemade coa produtividade e mailo esforzo da nosa xente.

Aínda que non se conservasen outras fontes históricas, aí están, aí temos, esas igrexas, os pazos, e as mesmas casas de labranza, en xeral de excelente fábrica, que falan elocuentemente do poderío económico desta bisbarra, asentado, como digo, na bondade da terra e na labor da xente. Daquela teño que volver atrás: ¿onde fallamos?


En mil cousas e por mil causas, errores e sometementos que cómpre refusar, allear: .

Os señoríos foron impepinables: séculos de tiranía, de vasalaxe ante ás armas dos poderosos.
.
Pero cando veu a desamortización, catro burgueses e catro galos dos do país fixéronse coas rendas. Os cregos ameazaron, incluso, coa excomuñón, para quen acudise ás poxas, que máis ben foron clandestinas. ¿Quen acudiu? En moitos casos, os propios irmáns daqueles predicadores, os morgados, seguramente avisados e apoiados de mil maneiras polos propios anatematizantes.
.
Foise saíndo de todo iso, pero entronizamos a clase caciquil, a dos conseguidores, don Fulano de Tal y compañía: usureiros e abusóns, aos que se lles traballaba de balde porque poñían vacas de cabana, mediaban no Imposto dos Consumos, ou simplemente mandaban, abusando de quen viña afeito a poñérselles de xeonllos, a eles e á súa familia.
. Co franquismo, o medo; o medo ás camisas azuis, que por algo levaban pistola á vista; ¡iso ademais da deles, se é que a tiñan, que nunca matón houbo que non fose un dexenerado!
. ¡Por fin, volveu a democracia! Pero tan desafeitos nos colleu, que nin tiñamos azos para saber escoller; nin para escoller, nin despois diso, para esixir e controlar.


-2-
O único consolo é que, coma nós, pasoulles a moitas bisbarras, pero cada quen colleita segundo sementa.

De América veu moito diñeiro para esta zona, como poden testemuñar os vellos de cada lugar, e daquela serviu, ante todo, para devolve-las pasaxes, e despois para casa-las irmás e para estuda-los sobriños, que non había becas. Poucos reclamaron o seu herdo, e a algún incluso se lle negou, así que todo foron incrementos patrimoniais. Con ser todo isto importante, aqueles retornados aportaron ideas, un concepto novo da cultura e do asociacionismo. Por poñer un só exemplo, a sociedade agraria e maila biblioteca circulante de Montecubeiro, ¡no primeiro quinquenio dos anos 30, que foi un milagre, se ben malogrado por causas alleas! Por certo, que vai sendo hora de honrar esa memoria, da que pouco se leva dito, e escrito, menos aínda.

A emigración europea foi diametralmente oposta: Nesta participaron incluso os morgados, moitos deles deixando os nenos ao cargo dos avós. Do seu diñeiro unha parte empregouse en cuadras e maquinaria, pero moito na Bolsa e na especulación inmobiliaria. Aquí si que houbo fallos, pero a principal responsabilidade hai que atribuírllela aos mandos políticos, que non se preocuparon de fomentar un cooperativismo agrícola efectivo, axeitado, nin un sector secundario que asentase na propia bisbarra aos remesantes das divisas. Máis é, que os Bancos tiñan, tivemos, a consigna confidencial, verbal, de darlles entrada ás remesas, estatisticamente, como turismo, na falaz pretensión de fomentalo, de atribuírlle un engrandecemento de signo imperialista, e iso incluso na Transición.


Hai que subliñar, entre outras graves omisións dos nosos dirixentes, que as autoridades non se molestaron en explicar á xente do rural que saíu unha Ley de Concentración Parcelaria Privada, concretamente a núm. 14 do 28 de Decembro do ano 1992, que era, e que segue sendo, un choio para os lugares e para as casarías que a merecesen, incomparable coa oficial, pois aí temos de exemplo negativo a de Montecubeiro, que vai por vinte anos e aínda non deron as escrituras, ademais doutros atrancos e imperfeccións. Se tivésemos nestes últimos anos o espírito asociativo daqueles retornados de América, habería, entre outras imperfeccións eliminadas, menos maquinaria agrícola infrautilizada, que é igual que dicir, recursos ociosos. ¿Que hoxe en día abundan as Asociacións: só en Lugo capital unhas 350? ¡Si, pero no plano económico, non; no empresarial, non; no rendible, no sostible, non!


Aquí pode haber alguén que me oíse dicir naquelas charlas que din neste Colexio, na época de Carreira, para estimular aos rapaces de entón, para inicialos un pouco nos principios da Economía e do Dereito, que o único valor co futuro asegurado era engadirlles valor ás cousas. Ese foi o gran fallo das últimas décadas: ¡Que pasamos, colectivamente, do sector primario ao terciario, séxase, ao dos servizos, levados por esa febre especuladora, que non especulativa!

Por suposto que, individualmente, pouco se pode facer para cambia-las cousas nesta fervenza da globalización, do todo vale; pero si podemos, e debemos, concienciarnos, máxime nesta crise xeral que nos invita á reflexión, pois cómpre axeitar os nosos medios, os nosos coñecementos, cara a sistemas de seu máis pragmáticos, volvendo, como pouco, a aquela cooperación veciñal que tan de manifesto se poñía na construción das casas e nos traballos de temporada desta zona, que niso tamén fomo
s singulares.

-3-
Queixámonos, e con razón, dos intermediarios, dos oportunistas solapados, pero tampouco se vén facendo gran cousa para facelos evitables, e iso que non sería difícil perfeccionar, conservar, presentar, e poñer en xeito e forma os nosos produtos, sexan naturais ou elaborados, presentándollos ao consumidor en bandexa, por dicilo dun xeito gráfico. Castroverde, tan cerca da gran urbe provincial, logo está, dela, tan accesible coma un almacén da súa periferia industrial.

Todo isto, este propósito da emenda, esta mentalización, esta planificación, non se fai nin á présa nin con medios de carácter individual, mais será inevitable poñerse, polo menos, nese estado de ánimo, para enfronta-la competencia que nos agarda. Hoxe en día temos unha base cultural aceptable, pero afixémonos á boa vida, e desde as nosas alturas pode pasarnos desapercibido que estamos sendo invadidos por un aluvión de inmigrantes que tampouco son torpes, e que se contentan con menos. ¡Por se tiñamos pouca competencia na casa, volven os mouros, e cos mouros, os outros; de momento, a pé, pero non tardarán en desaloxarnos dos empregos a pouco que nos durmamos nos loureiros!


Isto dos recursos ociosos hai que entendelo ao dereito, quere dicirse, non meter tódolos ovos nun cesto, pois é axiomático que unha estrutura moi especializada e moi específica é tamén unha estrutura ríxida, pouco adaptable á evolución conxuntural que se vaia presentando. Xa sabemos que os monocultivos, as explotacións moi especializadas, resultan máis cómodas, e incluso, por veces, máis rendibles, pero os seus riscos nesta globalización do mercado son grandes, e por veces, definitivos. Neste aspecto, a nosa edafoloxía é un tesouro, que nos permite distintos enfoques, a medio e a longo prazo; ora ben, no campo non se pode andar con golpes de temón, ora a babor, ora a estribor, o que nos leva á inevitabilidade dunha programación un tanto diversificada, séxase, elástica.

Falando de edafoloxía: Pénsese que, entre outros factores, ese pasotismo mundial con respecto ao cambio climático, á imparable desertización, en Castroverde, pola composición da terra, microclima, etcétera, constitúenos nunha reserva produtiva, variada e de alto rendemento. Daquela estamos subidos nun carro de ouro, pero o quid estará en sabelo conducir, en sabernos conducir. Neste aspecto deteñámonos un pouco para traer ao presente unhas cantas experiencias do pasado; son infinitas as que poderiamos citar:

A firma individual máis poderosa de Galicia é, como sabedes, a cadea Zara. Pois ben, comezou fabricando en serie o que as nosas costureiras non se aviñan a facer: mantelos e batas, que eu coñecinos así; algo demandable e que requiría pouca materia prima, pero había que engadirlle o valor de facelo en serie.


Polos anos 70 comezamos a devecer polos turismos de segunda man; simultaneamente, no veciño Portugal, que sempre o tivemos por atrasado, mercaban furgonetas, que lles servían para todo, maiormente para poñer en mercado os produtos por eles elaborados en días intempestivos, particularmente ebanistería tallada artesanal, á que pronto incorporaron máquinas alemás, con programas informáticos.


Pero o caso máis notable, de sona mundial, foi Suíza, que se especializou en elaborar produtos e vender paisaxes nada mellor cós nosos, coa mínima materia prima, pero cunha presentación e cunha efectividade atractiva, excelente. Nisto tamén hai que recoñecer que os países pobres, como lles ocorre por veces ás casas, son os que máis tiran, porque a necesidade fai de esporas.

-4-
Hoxe mesmo, Marrocos, que só ten de terra boa e ben regada a comarca do Lucus, ¡o outro Lugo!, estanos vendendo froitas e produtos de horta. ¿Que é máis doado, plantar leitugas, tal que nun invernadoiro, ou ir por elas a Marrocos?

En definitiva, hai que deixar atrás a economía minifundista e xuntar forzas, discorrer e cooperar, á vez que se lles esixe aos de arriba que melloren, que actualicen, os plans educativos, formativos, pois o rural precisa documentarse algo máis en normativas da Unión Europea, en nocións de economía e de dereito, en transformación das materias primas, e un longo etcétera. Sexamos conscientes de que materia prima a secas, o que se di a secas, con isto da globalización apórtana, e barata, os países do Terceiro Mundo, que así están eles de paupérrimos, mentres os adiantados se enriquecen coa súa presentación e acondicionamento. Tamén hai que mentalizarse en que periclitou aquilo de que facer un mal Bacharelato xa daba o tratamento de “don”, e con ese título, ¡veña dar ordes para que traballasen os outros, fosen veciños ou non! De presente, e cadora máis, o estudo, a formación continuada e sostible, os másters, teñen que ser o noso pan de cada día, o noso afán indemorable, que se ti non o fas, farao o veciño da porta. Acabáronse as especulacións crúas, o éxito dos lanzados, pois está ben as claras que comezan os tempos dos preparados, dos mellor preparados, en preparacións constante, sen altibaixos.


Rematarei, como tantas veces levo feito, cunha evocación da nosa Enriqueta Otero, ¡e iso que a tiñan por chalada! É moito o que herdamos; daquela a nosa obriga está en perfeccionalo e transmitilo. Fagámoslle caso, aínda que sexa a título póstumo. Con isto, moi agradecido a todos pola vosa paciencia.

Xosé María Gómez Vilabella

Seguidamente, presentouse o Catálogo – libro: Érase unha vez Castroverde..., con fotos da obra de Nati Penado, Juan Vila, Baldomero Pestana e Paco Pestana con fotos realizadas por quen isto escribe nos percorridos, roteiros que facemos polo noso Concello. Comentando Paco Pestana cada unha das obras dos autores e un servidor aludindo a onde pertencían as fotografías dos diferentes lugares. Saúde.
Manolo Muñiz


ALGUNHAS FOTOGRAFIAS DO ACTO NO CPI

Asociación IV CICLO UNIVERSITARIO USC (Campus de LUGO)

MARZO 2010

Xoves, día 4, ás 19,30 h.
Conferencia de
Manuel Muñiz Besteiro
“O camiño Primitivo na provincia de Lugo”

ás 20,30 h.
Recital de
Miro Casabella
“Romances e cantigas no camiño”
_________

Venres, día 12, ás 19,30 h.
Conferencia de
María Pilar García Negro
“A lingua galega: evidencias e necesidades”
_________

SALÓN DE ACTOS DA
ESCOLA DE FORMACIÓN DO PROFESORADO
(Avda. Ramón Ferreiro s/nº LUGO)

Manuel Muñiz Besteiro
(Vilar-Castroverde, 1959). Licenciado pola USC en Filoloxía Galego-Portuguesa. Profesor de galego no IES “Gregorio Fernández” de Sarria. Presidente da Asociación “Amigos do Patrimonio de Castroverde”. Profundo coñecedor do Camiño Primitivo e organizador de múltiples roteiros. Coautor do catálogo “Érase unha vez Castroverde”

“O Camiño Primitivo pola provincia de Lugo”
Percorrido polas distintas etapas do camiño a través de imaxes e percepcións persoais, con atención a aqueles aspectos ou lugares máis salientables:
- De Grandas de Salime ao Acebo
- Do Acebo á Fonsagrada, coa variante de Pobra de Burón
- Da Fonsagrada á Lastra, da Lastra á Vacariza
- Da Vacariza a Lugo, coas variantes por Vilalle, A Frairía,
Soutomerille, ou Paderne-Romeán (desastres e intervencións
desafortunadas ao pé do camiño).
- O Camiño na cidade de Lugo (da Ponte da Chanca a San Lázaro)
- De San Lázaro a San Román da Retorta (Santa Eulalia de Bóveda)
- De San Román da Retorta a Toques e Melide.

Miro Casabella
(Ferreira do Valadouro 1946). Cantautor cunha longa traxectoria na música galega. Emigrou a Barcelona en 1964 e tomou contacto co movemento da Nova Cançó que o marcaría profundamente. Debutou en 1967 en Barcelona e alí gravou tamén os seus primeiros discos. Formou parte de Voces Ceibes. Na década dos 70 actuou en múltiples escenarios de Catalunya, Francia, Andorra, Portugal ou Galiza xunto a cantautores consagrados como Paco Ibáñez, José Afonso, Georges Moustaki, Ovidi Montllor, Pi de la Serra, ou Luis Cilia, entre outros. Sacou ao mercado 6 discos en solitario, un co grupo DOA e ten participado noutros 7 colectivos.

“Romances e cantigas no camiño”
Miro é un verdadeiro especialista en cantigas da época medieval e relacionadas co camiño de Santiago. De seguro que escoitaremos pezas como o Romance de Don Gaiferos, La Pernette, Romance de Doña Eusenda, ou algunha Cantiga de Afonso X, entre outras.

María Pilar García Negro
(Lugo, 1953). Licenciada pola USC en Filoloxía Románica en 1975 e en Filoloxía Galego-Portuguesa en 1983. Doutorada en 1991. Foi profesora no IES “Eusebio da Guarda” da Coruña entre 1976 e 1990. Dende 1991 exerce a docencia na Universidade da Coruña.
Entre as súas obras publicadas merecen ser destacadas:
- 33 aproximacións á literatura e á língua galegas (1984,1990),
en colaboración con Xosé Mª Dobarro.
- O galego e as leis. Aproximación sociolingüística (1991)
- Sempre en galego (1993, 1999)
- O ensino da língua: Por un cámbio de rumo (1995),
en colaboración con Xoán Costa Casas.
- Dereitos lingüísticos e control político (2000)
- Arredor de Castelao (2001)
- De fala a lingua: un proceso inacabado (2009)
Ten publicado así mesmo edicións e estudos sobre Rosalía de Castro, Lamas Carvajal, Emilia Pardo Bazán, Ramón Vilar Ponte, Carvallo Calero, María Mariño, Manuel María, Marica Campo... Forma parte da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, da Asociación de Escritores en Lingua Galega e da Mesa Pola Normalización Lingüística. Presidiu, entre 1983 e 1987 a Agrupación Cultural “Alexandre Bóveda” da Coruña. Foi corredactora da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos e forma parte do seu Comité Científico. Cofundadora do Comité Español do “Bureau Européen pour les langues moins répandues” e delegada do mesmo en Galicia entre 1985 e 1990. Foi Deputada do Parlamento Galego, polo BNG, desde 1989 a 2003. Dirixe a “Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas.

“A lingua galega: evidencias e necesidades”
1. ¿Que é unha lingua?
2. ¿Que significa "conflito lingüístico"?
3. ¿Que significa "normalización lingüística"? Motivación, percepción, exercicio.
4. Evidencias da situación actual do galego.
5. Necesidades da lingua galega.
6. Un trío de obxectivos: expandir, diversificar, modernizar

Colaboran:
Deputación Provincial de Lugo. Vicepresidencia 1ª - Área de Cultura
Vicerreitorado do Campus de Lugo.

Andanzas, Chanzas e Danzas no Condado de Chamoso

O gaiteiro de Andión / El gaitero de Xixón


Ya se está el baile arreglando,

y el gaitero, ¿dónde está?

“Está a su madre enterrando,

pero enseguida vendrá”.

(Do poema El Gaitero de Gijón,

de Ramón de Campoamor)


Iso pasoulle ao de Xixón, pero o noso, este do noso condado de Chamoso, Xavier de Rodríguez, de Andión (o romano Andelón), falecido nestes días, ben paralelo foi, que perdeu a súa nai cando tiña oito anos, tendo que suplir os agarimos que lle arrebatou a Parca coa súa, infantil, afección musical.

Dobremente vinculado a Castroverde, pois participou, con seu irmán Ginés, nas bandas de música de Pena e de Bolaño, casándose cunha Cortón dos Vilares de Montecubeiro. A tal momento, e dada a súa precoz e absoluta afección á música, non podemos dubidar de que o incorporaron á banda dos querubíns, no coro do Ceo.

Recolleu cancións e tocatas, fixo muiñeiras e outros arranxos, participou en foleadas e demais enxebrismos deste país… ¿Que deixou sen facer? ¡Nada, salvo presumir, porque foi o artista menos vaidoso de cantos levo coñecido! Urxe reencher o noso Patrimonio cultural, que nos quedamos sen os mellores.

¿A ver onde temos, onde está, o noso poeta, o noso Campoamor, pois este gaiteiro, o noso, Xavier de Andión, merece outro tanto coma o de Xixón, xa que ámbolos dous animaron á xente, cando os animados deberían ser eles?

¡Deus, cómo me gustaría facerlle unha loa poética, pero…, nin sei música, nin se me dá a rima!


Xosé María Gómez Vilabella


26 febrero, 2010

Un xograr do noso tempo

MIRO CASABELLA


No día de hoxe, xoves, 25 de febreiro tivo lugar a terceira actividade no CPI de Castroverde co acto que tiña por título; No Bico un cantar..., comenzou interpretando; O meu país de Xoá Manuel Casado.

O meu país/ é verde e neboento
É saudoso e antergo,/ é unha terra e un chan.
O meu país/ labrego e mariñeiro
É un recuncho sin tempo/ que durme nugallán.

Q quece na lareira,/ alo na carballeira
Bota a rir.
E unha folla no vento/ alento e desalento,
O meu país.

O meu país/ tecendo a sua historia,
Muiñeira e corredoira / agocha a sua verdá
O meu país/ sauda ao mar aberto
Escoita o barlovento/ e ponse a camiñar

Cara metas sin nome/ van ringleiras de homes
E sin fin.
Tristes eidos de algures,/ vieiros para ningures,
O meu pais.


O meu país/ nas noites de invernía
Dibuxa a súa agonía/ nun vello en un rapaz.
O meu país/ de lenda e maruxias
Agarda novos días/ marchando de vagar.


Polas corgas i herdanzas
Nasce e morre unha espranza/ no porvir.
E unha folla no vento/ alento e desalento
O meu país.

Explicándolles aos rapaces que el era un cantante incómodo para o poder, e comentándolles que comenzara a cantar aos 16 anos da man do médico da súa vila.
Logo pasou a interpretar poemas de Manuel María, “ A fala”, para facer un percorrido polos cancioneiros medievais, fundamentalmente de Afonxo X, As Cantigas de Santa María e cantigas profanas, pasando pola interpretación das kharxas, cancioneiro popular, – “unha vez indo para feira...”, “as tres comadres”, “romance de dona Eusenda” ; para rematar coa peza; “unha noite no muíño...”,
Dámos as grazas a Miro por terse achegado á nosa vila e facernos disfrutar a todos coa súa voz e a súa música.

Saúde – Terra e Lingua
Manolo Muñiz

20 febrero, 2010

Miscelanea


¿Fáltanos un?


Aínda que estou tecleando neste Martes de Carnaval, o que segue non é ningunha carnestolenda: Aquí vos presento a San Pedro Poveda Castroverde, sacerdote, pedagogo, escritor e protector dos xitanos; ¡dos da raza “calé”, non dos outros! Foi canonizado por Juán Pablo II no ano 2003, ¡coma quen di, onte mesmo!

Coa de igrexas e conventos que tivemos nesta terra sacra, estou seguro de que tiveron aquí as súas raiceiras moitos máis santos que diaños, ¡por máis que destes nunca faltaron pois, coma as ortigas, na mellor terra é onde mellor se dan!

De momento é unha investigación, ou como se lle queira chamar, pero os indicios…, ¡aí están! Anticipo as miñas pescudas por se alguén pode perfeccionalas, ¡que tamén somos un país de listiños!

Comecei poñendo este correo:

To: csantos.cee@planalfa.es

Sent: Sunday, February 14, 2010 3:10 PM

Subject: San Pedro Poveda Castroverde

Soy José María Gómez Vilabella, natural de Castroverde, Lugo.

Viendo la biografía del P. Poveda Castroverde, quedé muy intrigado. ¿Nuestro santo no tendrá las raíces maternas en mi pueblo, habida cuenta de que los apellidos se tomaron en algunos casos del lugar de procedencia? La llegada a Jaén de esa familia se explicaría porque en su reconquista y repoblamiento actuaron los Castros, con sus mesnadas, entonces señores de Castroverde.

Si hay alguna relación, mucho les agradecería que me faciliten todos los datos, antecedentes, que se conozcan, ya que sería lamentable que tuviese aquí sus raíces, y no se conozca ni siquiera la existencia de este mártir.

Muy agradecido de antemano, afectuosamente,

gomezvilabella@mundo-r.com

Acabo de recibir esta contestación:

Estimado don José María:

Me parece muy sugerente su hipótesis y ojalá tuviéramos datos que la confirmaran. En la genealogía de San Pedro Poveda sólo hemos llegado hasta la cuarta generación de antepasados y habría que investigar más para enlazar con los Castroverde de Galicia. Le agradezco mucho la sugerencia y a ver si unos u otros llegamos a confirmarla. Yo he sido la Postuladora de su causa de Canonización y me interesa muchísimo la figura de San Pedro Poveda.

Con todo afecto y gratitud,

Mª Encarnación González

Teña aquí, ou non, as súas raiceiras, polo menos o apelido énos familiar. ¿Que vos parece se lle rezamos para que nos facilite o seu avoengo, a súa procedencia? No ínterim, saúdos,

Xosé María Gómez Vilabella

15 febrero, 2010

Breve resume do roteiro polo Camiño Primitivo desde Sao Romao da Retorta ata Melide


No día de hoxe, sábado, 13 de febreiro, nun día frío, aínda que con sol, continuamos facendo o Camiño Primitivo desde onde quedaramos o ano pasado, en San Romao da Retorta – Santa Cruz da Retorta, non imos falar aquí nada destas dúas igrexas porque xa o fixeramos o ano pasado.
Camiñamos por onde esta sinalizado o camiño “oficialmente”, mais temos que dicir e denunciar que non o fagan, mellor camiñar polo Camiño que coincide coa vía XIX, pois, antes de chegar a Vilamaior do Negral, hai zonas do camiño con sinalización confusa e en mal estado, pero o máis grave é que entre Vilamaior e Ferreira, nun dos afluentes do río Ferreira, entre o concello de Guntín e o de Friol, no puidemos pasar, simplemente porque non hai pasais, nin ponte. Como pode estar sinalado un Camiño a Santiago e chegar e ter que dar volta?, inconcebible, difícil de entender. Onde están as autoridades locais e autonómicas para reparar nestas cuestións? Estarán nos biosbardos das macroactuacións, mais o que é mirar por este camiño, e o que é máis importante, peregrinos e camiñantes, nada de nada. Logo tivemos que ir rondeando para volver ao Camiño en Ponte Ferreira. Agradecer ao dono da Casa de Turismo Rural, Casa da Ponte, a súa amabilidade por ternos convidado a café. Desde aquí marchamos a Augas Santas. Entre Augas Santas e San Salvador de Merlán temos que volver a denunciar o mal estado en que se encontra o camiño. En Merlán temos outra igrexa románica ben interesante, desde aquí subimos por camiños ben fermosos, ata o lugar do Hospital, aos pés da serra do Careón. Logo de cruzar a serra onde vemos xa a Terra de Melide lévanos o camiño polos lugares de Santiago de Vilouriz Vilamor, San Salvador de Abeancos e Melide.
Pola tarde, breve visita a Melide e Toques. En Melide son de salientar; a igrexa de estilo oxival do século XIV. A casa do Concello construída por Domingo de Andrade no século XVII en estilo barroco. Frente da igrexa, o Museo da Terra de Melide, museo que foi obra dunha asociación que comenzou a recoller patrimonio alá polos anos 1978, e hoxe é un verdadeiro museo, dunhas xentes que aman a súa historia e o seu patrimonio. Xa levamos vistos no Camiño outro museo, o da Fonsagrada e fóra do Camiño o da Capela, cando seremos capaces de ter algo parecido en Castro Verde?
Para despedirnos de Melide, visita ao famoso cruceiro do século XIV e capela de San Roque.
Xa no concello de Toques, visiata á igrexa de Santa María da Capela, do antigo mosteiro de San Salvador de Toques, resto dun cenobio, fundado arredor do ano 1067. Desde aquí temos unhas fermosas vistas da Serra do Caerón e Terras de Melide.

Saúde, Terra e Lingua.
Manolo Muñiz


Nota da Asociación "Abrindo Camiño" de Amigos do Camiño Norte de Santiago

III Xornadas do Peregrino
dedicadas a divulgación e recorrido da Variante Alternativa ou Camiño do Mar a Basílica de San Martin de Mondoñedo e que se celebraran durante os meses de marzo e abril en Foz e San Martiño.

As actividades previstas son:

Mércores 10 de Febreiro.
Entrevista en directo en TVG as 12 h. En programa especial sobre o Ano Santo. Avance das III Xornadas do Peregrino e breve reportaxe sobre a Variante a San Martiño.
Sábado 20 de Marzo
As 12 h. Na Casa da Cultura de Foz. O remate da presentación da Semana Santa de San Martiño.
Presentación das III Xornadas do Peregrino e do Folleto divulgativo da Variante os Medios de Comunicación.
Venres 26 de Marzo.
As 20 h. Na Casa da Cultura de Foz.
Proxección dun reportaxe fotográfico da ruta feito pola Aso. Asturleonesa de Oviedo.
A continuación Mesa Debate. “A Variante Alternativa ou Camiño do Mar a San Martiño: Pasado histórico, análise actual e proxectos de futuro”.

Peregrinación a pé a Basílica de San Martiño.
Domingo 4 de Abril.(Domingo de Resurrección)
Recorrido a pé da Variante a Basilica de San Martiño polo Camiño de Volta o Salvador de Oviedo desde Mondoñedo ata San Martiño.
Domingo 25 de Abril.
Recorrido a pé da Variante a Basilica de San Martiño polo Camiño de Santiago desde Ribadeo ata San Martiño.

Un saúdo
LUIS

COMUNICADO ASOCIACIÓN TERRAS DE LUGO

Prezados amigos:
Como xa sabedes, polo mes de decembro enviamos unhas fichas para recoller nelas certas características do noso territorio.
A finalidade destas fichas era poder ter unha base de datos fiable a partir da cal poder planificar actuacións. Pero a maiores, tamén se pretendía ter todos eses datos para completar un visor web que se está a desenvolver para este Proxecto, no cal, poidan xeorreferenciarse todos os puntos de interese que se indicaban.
É por isto que nos gustaría contar co voso apoio para completar ese visor da mellor maneira posible, e que mellor xeito que reunindo as fotografías que teñades dos lugares ou elementos patrimoniais que para vos sexan dun valor importante no voso concello.
É importante que se podedes, as xeorreferenciedes, é dicir, que nos indiquedes as coordenadas xeográficas que teñen os lugares ou elementos dos que nos enviades as fotos. Para facelo dun xeito sinxelo e que despois valla para enviar aos xestores do visor, o máis recomendable é recoller as coordenadas nunha folla de excell, indicando nunha columna o nome do lugar ou elemento e nas duas seguintes as súas coordenadas (son válidas tanto as UTM como as xeográficas) . Para obter estas coordenadas será sinxelo para aqueles que manexedes o SIXPAC ou o Googleearth.
Recibide un cordial saúdo.

Asociación Terras de Lugo CONVOCA:
a todos os membros da Xunta Directiva, á reunión que terá lugar o mércores 10 de febreiro de 2010 ás 19:45 h, no local administrativo, sito en Lg. Torre nº1 (antiga escola de Orbazai), San Miguel de Orbazai, segundo a seguinte
ORDE DO DÍA:
1. Lectura da acta da xuntanza anterior.
2. Situación económica e financeira da Asociación.
3. Información sobre a evolución da Rede Rural Galega.
4. Planificación da Xornada de convivencia da Asociación.
5. Proposta proxecto “RED DE ESPACIOS AMBIENTALMENTE COMPETITIVOS”.
6. Desenvolvemento do Proxecto de Adquisición de Capacidades e Promoción do Territorio, dentro da medida 4.3.1.B. (Ruta das Feiras).
7. Rolda de intervencións.

Xerencia Asoc Terras de Lugo