Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

06 julio, 2014

Asemblea Extraordinaria que tivo lugar onte, día 4 de xullo, en Castro Verde.

Boa tarde!
Achego  os principais puntos que se trataron na Asemblea Extraordinaria que tivo lugar onte, día 4 de xullo, en Castro Verde.

O principal punto era o orzamento participativo

    - Orzamento participativo. Deputación de Lugo

    Comenza a Asemblea informando brevemente, das áreas de xestión no reparto do orzamento na Deputación Provincial para o vindeiro ano 2015, participando varios membros, foronse concretando estes catro puntos, dos once propostos, que logo se someteron á votación quedando o resultado como segue:
     
1) Promoción de Políticas Demográficas: Políticas de freo á despoboamento que sofre a provincia con 20 votos a favor.

2) Fomento do Emprego: Promoción de políticas activas que favorezan a inserción laboral das persoas desempregadas con 19 votos.

3) Desenvolvemento de Políticas Sociais: Atención a persoas desfavorecidas, dependentes o en situación de exclusión social con 18 votos.

4) Coidado do Medio ambiente: Fomento do desenvolvemento sostible e protección dos  recursos naturais con só 16 votos.

Estas propostas levaranse á reunión que terá lugar, o día 31 de xullo na Deputación Provincial.


          En rolda de intervencións tratáronse os seguintes temas.

-Banca Ética, expuxéronse os principais obxectivos e informouse das
   xornadas que terán lugar non mes de outubro. A partir de aí a
   asociación levará este apartado á Asemblea Xeral ordinaria.
-Información do Foro do Camiño.
-Solicitudes ao Concello:   o caso de X. María Fórneas Besteiro  e
  Manuel Cordero e outras solicitudes.
           -Finalmente, lamentouse  o aprazamento da celebración  do
              Irmandamento, que este ano correspondía ao noso Concello. Segundo
              o Sr. Alcalde por razóns da crise no se celebrará.

-Actividades de verán:

-  XULLO, MES DE SANTIAGO OU DA SEGA.
             - 12 de xullo. Convivio da Cultura Galega. Fundación Manuel María
             - 20 de xullo.  Colaborar na Carreira popular.
               -Posibilidade de facer unha viaxe pola costa de Lugo ou
                                   zona de Ares – Mugardos. Finais de xullo.
           PROGRAMA CULTURA ABERTA durante do mes de xullo na
            Deputación de Lugo. (Ver programa non blog amigos do patrimonio)    -        
-  AGOSTO
              - 16 ROTEIRO: O CÁDAVO - VILABADE POR VILASELLE
              - 17 Parcipación na FEIRA ARTESÁ
- SETEMBRO
            - 13 de setembro:  ROMAXE E TEATRO Grupo Rebuldeira.
Estes foron os principais puntos que se trataron.
Saúde, Terra e Lingua
Manolo Muñiz

04 julio, 2014

Cultura aberta 2014


Convivio da Cultura Galega que terá lugar o sábado 12 de xullo durante todo o día en Outeiro de Rei da Terra Chá.

a



Prezadas amigas,
Prezados amigos,

Pola presente comunicación querémosvos convidar formalmente a participar do Convivio da Cultura Galega que terá lugar o sábado 12 de xullo durante todo o día en Outeiro de Rei da Terra Chá.
Organizado inicialmente desde a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, a Federación Galiza Cultura e a Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela, coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, o Convivio nace como un espazo de encontro, de amizade e de intercambio absolutamente aberto á participación de todo o asociacionismo de base que hoxe fai, cada quen ao seu xeito e desde as súas coordinadas, cultura galega desde nós, por nós e para nós.

Eis o que queremos que sexa esta xornada que vos propomos: un encontro onde poidamos coñecernos vernos, falar, compartir experiencias...gozando ao mesmo tempo dalgunhas das máis significativas paisaxes que conforman o espazo físico orixinario do noso poeta nacional Manuel María, a súa Tribo.

Manuel María é, non por acaso, o fío condutor desta proposta: para alén da súa magnífica e polifacética dimensión literaria, o Manuel gastou, literalmente, "o seu corpo nos camiños" como incansábel activista cultural, como construtor imprescindíbel do primeiro asociacionismo cultural galego nacido aínda na clandestinidade obrigada do franquismo. Escoller Outeiro de Rei, o lugar que hoxe acolle a Casa-Museo que alberga todo o seu legado e proxecta a súa vida, obra e pensamento a todo o noso pobo, quere ser tamén unha forma de homenaxearmos a quen tanto debemos.

Achegamos a seguir (tamén no arquivo que se anexa) información sobre a estrutura da xornada, que agardamos sexa do voso interese. É probábel que surxa aínda algunha iniciativa máis, da que informaremos cumpridamente. Pedímosvos ás asociacións que teñades especial conta do encontro da tarde: gustaríamos que asistise unha representación o máis ampla posíbel e que de aí puidesen surxir novas redes de intercambio, colaboración e mutuo coñecemento.

PROGRAMA DO CONVIVIO DA CULTURA GALEGA. Sábado, 12 de xullo, Outeiro de Rei.

10:45 As Bandas de Música de Solfa, Rábade e Begonte recíbennos na praza do concello.
11:00 Palabras de benvida da organización no Auditorio Manuel María.
11:15 Actuación do grupo de teatro da A. C. Medúlio de Ferrol.
11:30 Breve presentación da Casa Museo Manuel María e visita guiada (por grupos). Simultaneamente, proxección de audiovisuais.
12:30 Saída para a carballeira de Sta. Isabel con parada no cemiterio de Outeiro para realizar unha ofrenda a Manuel María. Na carballeira, actuación da Banda de Música de Rábade e Begonte, dirixida por Armando Morales; a Coral e Banda de música de Solfa dirixidas por Francisco Tobar e Fernando Rey, intercalándose con outras manifestacións culturais.

14:00 Xantar demorado para dar tempo a cantar, bailar e conversar (vós traedes a comida e nós poñemos as mesas e cadeiras).
17:45 Para a xente máis miúda: contacontos a cargo de Fabaloba: “O neno e a estrela” (sobre Díaz Castro)
Para o resto: música, xogos, paseo á beira do Miño...
18:45 Actuación musical de peche: Pepe Vaamonde Grupo.

* As directivas das asociacións (e quen quixer...) reuniranse ás 17h para intercambiar experiencias e articular fórmulas de colaboración.
** As asociacións poden levar os seus materiais para mostra e/ou venda (disporán de mesa)

Sobre isto último, os colectivos que teñades interese en aproveitardes esta opción e expor ou vender os vosos materiais comunicádenolo para así termos unha previsión de cantas mesas precisamos colocar. Tamén vos agradecemos que nos indiquedes previsión de xente que quererá acudir ao xantar (para facer previsión do espazo necesario).
Agradecemos toda a difusión posíbel entre os vosos contactos. En Facebook creamos un evento desde o que podedes convidar libremente a todos os vosos contactos e compartir nos vosos perfís: https://www.facebook.com/events/259922790867047/?source=1
Ficando ao voso dispor, recibide unha moi cordial aperta
Teléfono de contacto: 698 177 621 (Fran) | fundacion@manuelmaria.com

27 junio, 2014

Curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela

Facemos achega de información sobre o curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela, 
O CAMIÑO DE SANTIAGO NO SALNÉS, COMUNICACIÓN E MEDIO NATURAL
que se desenvolverá en Cambados e Vilanova de Arousa, do 
28 de xullo ao 1 de agosto deste ano. 
Está homologado e recoñecido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como Actividade de Formación do profesorado (30 horas).


Un atento saúdo
Luís Celeiro Álvarez. l.celeiro@usc.es

Director do Curso

3º OBRADOIRO DE NARRACIÓN ORAL


Amigas e amigos:
Para que teñades a primicia.
O venres, 27 de xuño, ás 12:15 h. presentaremos no concello de Lugo a convocatoria para o 
3º OBRADOIRO DE NARRACIÓN ORAL.
Será, como foi costume nos anteriores, os martes , de 18 a 20 horas, no C. S. Uxío Novoneyra. Comezaremos o 24 de setembro e remataremos con ANA CARREIRA o 16 de decembro.
Anexo cartaz con datas e programa de contidos.

PRAZO PARA INSCRICIÓNS
Realizaranse no Rexistro Xera do concello de Lugo, desde o 30 de xuño ata o 12 de setembro

Co rogo de que difundades esta información entre familiares, amistades e  coñecidos.

Unha grande aperta:
                        Antonio Reigosa
                         http://www.galiciaencantada.com
                         http://reigosa.blogaliza.org

                         tfno.. 655432511 

Inauguración da exposición fotográfica "Naturalmente Lugo"

Estimados Sres/as:
Informámoslles que mañá xoves, día 26 de xuño, ás 19:00 horas no Centro de Interpretación Terras do Miño está prevista a inauguración da exposición fotográfica que leva por título: "Naturalmente Lugo".
Dita exposición recolle as 90 fotografías presentadas ó concurso que se realizou o pasado mes de Outubro como parte das actividades paralelas ó Congreso de Documentalistas e Fotógrafos da Natureza "El Viaje Polar", celebrado no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).
O concurso fotográfico realizouse durante dous días consecutivos, nos que os participantes se desplazaron por diferentes espazos da ciudade de Lugo, os arredores do Centro de interpretación Terras do Miño no Paseo do Rio Rato e o Bosque da Fervenza. Todos estos espazos encadrados na Reserva da Biosfera Terras do Miño.
A temática do concurso tivo como obxetivo: plasmar a beleza natural da ciudade de Lugo, o seu cinturón verde e o patrimonio natural da provincia.

A exposición permanecerá aberta ó público desde mañá, 26 de xuño ata o 7 de setembro, nos horarios habituais do do Centro de Interpretación.

 Servicio de Medio Ambiente Y Energías Renovables.

Deputación de Lugo

26 junio, 2014

HOMENAXE DE XUBILACIÓN AOS NOSOS SOCIOS FUNDADORES

Desde a Asoc. Amigos do Patrimonio queremos sumarnos á Homenaxe de xubilación que mañá se lles vai tributar aos nosos socios-fundadores . Parabéns. Agradecerlles o cariño e tempo que nos adicaron ámbolos dous e, desexarlles o mellor. Saúde, Terra e Lingua.

 Manolo Muñiz en nome da Asociación.

20 junio, 2014

O BNG LOGRA QUE O TESOURO DE OURIVERÍA CASTREXA, COÑECIDO COMO COLECCIÓN ÁLVARO GIL, VOLTE AO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO






Foto "El Progreso" de Lugo

Pezas de grande valor como o Torques de Burela ou o Carneiro Alado son xa patrimonio de tod@s @s lucenses

·      A  área de Cultura da Deputación, gobernada polo BNG, chega a un acordo cos herdeiros de Álvaro Gil para que o Museo Provincial se faga coas 40 pezas de ourivería, logrando así recuperar para o desfrute do pobo un destacado patrimonio material galego que nunca debeu ter saído de Lugo.

·      Entre as pezas que pasarán a ser patrimonio do Museo Provincial están os famosos torques de Burela e Viveiro e o Carneiro Alado, que volverán ser expostos ao público.

·      Estas 40 pezas, datadas entre o 1.800 a.C. e o 400 d.C., emblema durante 4 décadas da colección do Museo Provincial de Lugo, foran retiradas pola familia en outubro do ano pasado despois dunha sentenza xudicial do Tribunal Supremo que lle outorgaba a titularidade da colección.

·      Logo dun longo proceso de negociación de case un ano, a Deputación mercará a colección por 2.346.200 euros, a cantidade na que foi taxada nunha peritación independente encargada pola Deputación, unha cantidade que supón a metade do que pedía a familia.

·      Ponse fin con este acordo, que será levado o martes ao Pleno da institución provincial, a un longo litixio xudicial iniciado en 1999, cando Cacharro era o presidente da Deputación.

·      A totalidade das pezas estarán de novo no Museo Provincial antes de que acabe o verán e serán pagadas en 5 prazos ata 2018.

·      Numerosas asociacións culturais e colectivos en defensa do patrimonio pediran o mantemento deste patrimonio en Lugo. A Xunta de Galiza iniciou o expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural da colección antes da súa saída do Museo para evitar a súa venda e que puidera ser sacada fóra do Estado español.

·      Grazas ás xestións do BNG conséguese un aforro de máis de 4 millóns de euros, xa que a familia reclamaba inicialmente 5 millóns de euros polas pezas máis 2,7 millóns de euros por danos e prexuizos, aos que renunciará. A Deputación pagará as costas xudiciais, como establecía a sentenza do Supremo.

·      Alén da importancia cultural e patrimonial, a volta destas pezas ao Museo Provincial supón tamén un impulso turístico e, polo tanto económico, para a cidade de Lugo dada a súa importancia.

·      Iniciativas coma esta encádranse dentro da política levada a cabo polo BNG dende que accedeu ao Goberno da Deputación no ano 2007 na área de Cultura, centrada en:
-       Poñer a cultura ao alcance de toda a cidadanía
-       Reforzar a Rede Museística Provincial
-       Protexer e promocionar o patrimonio cultural lucense
-       Fomentar a cultura galega en todas as súas manifestacións
-       Apoiar o tecido asociativo cultural


Lugo, 19 de xuño de 2014.

Charlas de protección do consumidor ante os diferentes productos bancarios que son de alto risco para os usuarios.

Bos días,
 A Asociación de Consumidores e Usuarios da Provincia de Lugo (ACUL), vai impartir unha serie de charlas que levan como temática a protección do consumidor ante os diferentes productos bancarios que, en moitos casos, son de alto risco para os usuarios.

Esta actividade está orientada ás distintas asociacións do Concello de Lugo. Aquelas asociacións que estén interesadas poden contactar con ACUL da seguinte forma:

Mail: acul@acul.es
Teléfonos: 982 81 20 22- 627509056 tódalas tardes de 16 a 20 horas, de luns a venres.

Un saúdo,

Jacobo Vázquez
Presidente
-------------ACUL-----------------------------
Asociación de Consumidores
e Usuarios da Provincia de Lugo
Avda. das Américas, 1-3. Entr. H
27004, Lugo
Telf. 982 81 20 22
Fax. 982 256 214
www.acul.es

19 junio, 2014

CONVOCATORIA DE ASEMBLEA EXTRAORDINARIA DA ASOCIACIÓN AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTRO VERDE

Convócanse ás socias e aos socios, á Asemblea que terá lugar o vindeiro
día 4  de xullo, venres, de 2014   ás 19:30  horas, e ás  20:00 horas en primeira e segunda convocatoria respectivamente,  na Casa do Concello Vello de Castroverde,  Travesía de Montecubeiro, nº 38       CP-27120-Castroverde.  

Coa seguinte orde do día:

I.- Orzamento participativo. Deputación de Lugo
II.- Fiare (Banca Ética)
III.- Rolda de intervencións.

   Asdo.: Manuel Muñiz Besteiro


Lugo, Castro Verde, a  19   de  xuño de 2014



DELEGACIÓN DE VOTO
ASEMBLEA EXTRAORDINARIA ASOCIACIÓN AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE (  004-07-2014)
Eu,.................................................................................con D.N.I. .....................
DELEGO OU MEU VOTO EN:

D./ Dona: ........................................................................................

                Asdo.: ............................................................

En, ..............................a...............de..........................................de 2014