Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

20 octubre, 2006

Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde

¡Que verde era / é, o meu val! [i]

Achegas de
Xosé María Gómez Vilabella

O artigo do noso amigo, escritor e socio X. Mª Gómez Vilabella principia a falarnos nesta ocasión da paisaxe. ¡Canto temos inda a falar desta cuestión que, sen dúbida, é o centro, mellor, o epicentro da nosa razón de ser como asociación! E remata falando do paisanaxe. Non podía ser doutro xeito. Pisaxe e paisanaxe son as duas caras dunha mesma cousa. Non hai paisaxe sen paisanaxe co mantenga, o coide, o labre, o mime. Non hai paisanaxe sen a paisaxe co acolla, sen terra co mantenga, sen refrente vital, sen terra co recolla ao morrer. Nesta ecuación andamos hoxe: pouca poboación, mala fada para a paisaxe.

Por un dicir, a paisaxe do paisanaxe -vaia lio- é a sabiduría popular,a memoria histórica, os contos da alma de mais a fillos, os valores, hoxe tan de moda. Os uns sen os outros, morren todos. A nosa razón de ser como asociación, e facer por gardar de todos eles. Deixemos falar ao autor.

Pola presentación
J: E: Villarino Valdivielso
Novo socio



Verde o val, verde a xente... ¿A xente, tamén? ¡Tamén; tanto ou máis cás oucas; non o era, pero estaba! Estou lembrando, evocando, aquela novela de Lewellyn, aquela película paisaxística, sociolóxica, estremecedora en definitiva, da M.G.M.

Isto é certo, pero hai máis, que algún día este val, este val-verde de Castroverde, pode converterse nun almacén do entullo das canteiras desta bisbarra! ¡Hai que estar atentos! En Galicia vendemos mal a paisaxe, ¡vender non é o noso!, e iso que é o mellor que temos, o mellor que nos queda, sen desprezar, claro está, a monumentalidade, a gastronomía, o acollemento da nosa xente..., que ata non sei cal debe ser a prelación! Avanzamos no turismo rural, certo é; moito; en progresión indefinida, xeométrica, pero un turismo así, de seu cultural, de percepción, sibarítico, ten que bebe-la paisaxe, asemade, tal que en copas de cava, para recarga-las pilas, para chegar ó desiderátum, ó éxtase sensorial, pero, ¿quen llelo ensina, quen llelo explica, quen llelo matiza ós forasteiros, ós neófitos? ¿Quen os leva ó cume dos montes, ou ó fondo das corredoiras? Maleza á parte, que tamén a temos, demasiada, bótase en falta unha actualización, unha cultura ad hoc, unha profesionalidade, uns guieiros. ¡Haberá que estar atentos, nisto tamén, pero..., actuando!

Aumentan as casas de turismo rural... No intre daquela crónica en ADIALA xa tiñamos, en Galicia, 342, habilitadas, rehabilitadas, confortables, mesmo de película! Transfórmanse, adáptanse, cun elevado custo, custo e gusto, pero, ¿onde témo-los lazarillos deses cegos urbanícolas, desafeitos dos crepúsculos? Poño por caso, para vérlle-las tetas ás vellas dunha praia mediterránea non se precisan Guías; mais para libar o néctar dos nosos currunchos, dos galaicos, sombríos, paisaxísticos, sexan carreiros ou fontes, penas cuárcicas ou morenas glaciares, ¡que tamén as temos!, para iso, e para máis, sen un Guía sensible, experimentado, coñecedor, amante do país, ¡cero, viaxe estéril!


Describir estas paisaxes, tantas e tan variadas, -tantas como fanegas de superficie, que non hai dúas iguais-, non é doado de facer, literariamente: Hai que velas, saber velas; e despois, entendelas, palpalas, cheiralas..., ¡cos sete sentidos! Por outra banda, como dicía Rosalía, falar da verdura social, da sociolóxica, é algo relativamente fácil, por complexa que sexa, que o é, pero sempre podemos definir unhas cantas ducias de tipos, ordenados, encadrados, tal que os mollos do trigo nunha meda.
Por poñer un exemplo da idiosincrasia e da inventiva da nosa xente, verde, pero non tanto. (Faladoiros, amais das ruadas, tivémolos nas fontes á hora de enche-la sella, ou de abeberar o gando, ou de pedirlle palabra á morgada da Casa Tal para a romaría Cal. E nos fiadeiros; ou nas rogas de gadañar, na sega, nas mallas... ¡Para que seguir se xa sabemos moito, ou polo menos algo, da cultura castrexa, de rueiro, de clan, de grupo patriarcal, deste país!)

Nunha daquelas tertulias, co Ferreiro da Ponte, de nome Vicente, de paso que lle mercaba unha navalliña coas cachas de buxo, relatounos o caso ó que me referirei máis adiante.
Na Forxa deste Vicente, -hoxe eliminada por obra e graza dunha desas pistas da Concentración; ¡deixaron en pé a súa Moa de Afiar, cabe do río Azúmara, porque ata alí non puideron chegar coas pas!-, en paralelo con tantas outras da nosa Gallaecia, forxouse unha cultura, outra: desde aqueles fouciños de bo tempero, que ben o demostraban na palla leñosa de Castela, pasando por aqueles cravos, longos, piramidais, das trabes e dos portalóns; rematando, para abreviar, con aquelas bisarmas que tanto defendían dos homes coma dos lobos, ¡outros homes! Por medio deixamos aqueles sachos, aqueles arados, aquelas argolas de suxeita-los cabalos, as ferramentas dos zoqueiros... ¡Mil faenas, mil mañas! E todo iso con testemuñas, fosen clientes ou aprendices, nunha auténtica cátedra de arte e de historia local!

Se temperados eran aqueles aveños, -¡non podía ser menos con estas augas frías, xeadas, da Serra do Miradoiro!-, aquel ferreiro, aquel fautor, o susodito Vicente, non se quedaba á zaga na súa vocación de forxador de carácteres. Unha das súas:
Daquela que estourou este país, cando se esnaquizou niso que chamamos Guerra Civil, en Montecubeiro era sancristán, campaneiro e tamén enterrador, amais de labrego, un veciño da parroquia, pío que non casto: ¡Casou catro veces enviuvando tres; da fatiga que lles causaba, dicíase! (Iso contaban as vellas do lugar, que os homes, ó terlle envexa, non falaban do caso).

O tal campaneiro, pluriempregado onde os haxa, viu perigar aqueles cargos porque o Cura da parroquia ameazouno co despido, ¡e daquela non se cobraba o paro!, se non lle asistía ós cultos cunha camisa azul por debaixo daquela chaqueta de pana raiada; ¡raiada e raída!
¡Pobre Afonso, Afonso da Cordeira, que con ese nome se criou! Ás segas non lle importaba ir; nin carrexar, así fose ó lombo, aqueles ferrados de trigo que recolleitaba, casa por casa, para o señor Cura, que os percibía en compensación daqueles esconxuros..., ¡pero, coas calores de Xullo do 36, corre-los montes tras dos fuxidos, capturalos, conducilos ás tapias do cemiterio...! Confesouse coa almofada, que co señor Cura aqueles refuses non cabían..., e decidiu facerlle unha visita, ¡ipso facto!, ó seu amigo e conselleiro, aquel Vicente da Ponte. Como amigo e como armeiro...; ¡perfecto! -¡Ai, Vicente, tes que sacarme dun apuro, que preciso unha escopeta, un arma legal, boa, desas que marran o tiro! -¿Que marren o tiro...? ¡Esas non llelas vendo ós amigos! -¡Pois tes que amañala para que non noten que lles apunto ós roxos por riba da cabeza, que os compañeiros poden darlle queixas ó señor Cura..., e daquela adeus ós meus cargos! -¡Home...! Afonso, se non mata a túa, matarán as dos outros...! -Cada quen lava a camisa como pode; e coa camisa, a alma!

Co cano da escopeta pasado pola forxa, e cun par de marteladas, Afonso deu en apuntar ó Ceo, ¡con mellor tino có cura da parroquia!
Anécdotas deste tipo, pequenas-grandes historias de cada recuncho, de cada rueiro, son os complementos dunha paisaxe, o salseiro delas, mais, para servírllelas en bandexa ós turistas, os turistas do rural, a estes sibaritas do lecer, faría falta un batallón de vellos sabedores, estimulados tal que coa categoría de Guías Honoríficos. De momento o que é vellos, vellos competentes, hainos; ¡máis ou menos, medio cento en cada Concello!

Daquela alguén tería que face-la correspondente proposta ante as autoridades competentes..., ¡xa que a eles non parece ocorrérselles!
¿Por que me meto nesta camisa das once varas? Sinxelo: Ós economistas nunca nos gustaron os recursos ociosos, pois, para ociosos, chegan os turistas!


[i] Foi publicado, practicamente co mesmo texto, no nº 53 (3er. trimestre do ano 2.002) da revista ADIALA, do Centro Gallego de Mallorca, pero o autor coida que este tema sigue de actualidade e por iso se permite reproducilo nesta da nosa Asociación, ademais de que pode encaixar neste ano da “Memoria Histórica”.

Para baixalo en PDF na seguinte dirección:
http://www.box.net/public/nter57btbs



No hay comentarios: