Mª Teresa Villarino Valdivielso
Membro do Comité de Medio Ambiente e Desenvolvemento sostible
do
Agora cada día hai un lume, hoxe ducias. Facemos que nos anoxemos, pero fóra da barbarie da noticia, non nos importa máis nada. E tense repetido moitas veces, os millóns de hectáreas queimadas, as pérdidas económicas, as ecolóxicas, o número de mortos, e como se nada fose con nós. Soamente nos laiamos, sen pensar que o 95% dos lumes son, directa ou indirectamente, provocados polo home. Téñense buscado causas, solucións, culpábeis, mais tranquilizámonos facendo campañas e bontándonos a culpa uns “colectivos” aos outros, ou “buscando” ao pirómano.
E se probasemos outra terapia, outra cura? Por exemplo, a do coñecemento e a do amor. Pregúntome, facemos por apreciar as nosas carballeiras, soutos...? ensinamos aos nosos fillos, así en xeral, a amar as árbores?
As árbores non son queridas e en moitos lugares só se lembran polo toponimo. En Castela, que xa leva tempo perdéndoas, ata a concentración parcelaria, non sempre benefciosa, acabou con rigleiras, moreas e incluso exemplares illados que eran un fito nesa fermosa paisaxe de escasas e puras liñas. Noutros lugares son as anciñeiras que se araron para sementar, as oliveiras que haberá que arrincar porque sobra aceite, e quedarémonos sen a cor morada das viñas, porque sobra viño.
Veño de perder unha batalla no pobo dun familiar, situado na dura e seca meseta. Na porta da casa, non hai moito tempo, plantaramos unha acacia, creo que a única sombra do pobo, desde que morrera o olmeiro da praza e cortáronlle a un alcalde os chopos da fonte; e medraba rápida. Logo de varios intentos dos veciños para convencernos de que debiamos cortala porque: quitaba o aire, a vista, a alegria do sol, non estaba ben formada, levantaba os cimentos e outras sen razóns, o signo dos tempos puido con ela.
Cando asfaltaron as rúas, antes fermosas rúas empedradas fixéronnos o favor de asfaltar o sito onde estaba a árbore, polo que foi necesaria cortala.
Por que conto todo isto? Porque se seguimos descoñecendo, despreciando e maltratando os nosos bosques teremos moito perdido. Quero dedicar o espazo que me queda ao que debemos facer os que non podemos facer nada, é dicir, os que nos duchamos coa billa pechada, ou nos cabreamos por cada queima. Podemos facer algo, fácil e moi barato: podemos contar, sensibilizar a outros, dar a coñecer cada un o que saiba, porque á fin e ao cabo, case sempre, a estupidez e a barbarie teñen a súa base na incultura e na falta de formación, por non citar o egoismo; “ pensar globalmente, actuar individualmente”, é un principio de difícil aplicación. Por iso, e aínda que pareza obvio, quero chamar a atención sobre os valores do monte: valor produtor, protector e social.
Por encima de todo o bosque é vida, millóns de vidas, harmonía e beleza, non estaría mal recordar que son moitas as rendas directas que producen os montes: madeira (se son arborados), leña, resina, gandeiría, caza, plantas aromáticas, medicinais, culinarias, pero tamén proporcionan bens intanxibles, como son o confort climático, lecer, benestar, limpeza, limpezas de contaminacións, reserva xenética e paisaxe, esa incomparable paisaxe que se percibe con todos os sentidos. Non se dan todas sempre, pero si unha que estimo a máis importante: a produción de auga, cara a atmosfera e cara os acuíferos, papel que hai que recoñecer aos propietarios.
Para respetar e manter este espazo-case o 50% do territorio é forestal- convén empezar desde pequenos e para iso deberíamos contar aos nenos, como antes, contos que se desnvolvan en bosques de faias, en ríos cantareiros, e algúns menos en naves espaciais ou en territorios calcinados pola guerra, con entes todopoderosos que destrúen con só extender o brazo. Facerlles oír ademais de “Non me tires a la calle que llevo chanclas”, ou o “zun zun “ do “bacalao”, algunha música que estimule a súa sensibilidade, cara a Natureza. Ensinarlles o pracer de debuxar un frondoso castiñeiro, un potente carballo ou campo de amapoulas, asdemais dos consabidos robts, guerreiros etc. E levalos a pasear, ademais da vista por ordenador, polo campo, pola paisaxe.
______________________________________________________
Traducido a finais de outubro á lingua galega por Manuel Muñiz.
Texto lido no CPI de Castroverde, o día 3 de novembro, na Conferencia que impartiu sobre cogumelos, o Doutor Enxeñeiro de Montes e Catedrático da USC Antonio Rigueiro Rodríguez
http://www.box.net/public/a3svoqe303
No hay comentarios:
Publicar un comentario