O turismo, ten receitas?
Achegas de
Xosé María Gómez Vilabella
Os “programas” serían raquíticos, pero anda que os rapaces da nosa bisbarra tiñan, e teñen, a estatura mental correspondente a unha maioría de idade!
¡Por suposto que si: existen, hainas! Positivas e negativas. Nese compromiso, algo lles falei de todo iso, esforzándome por poñerme á súa altura. Para os que me coñecen, sobra presentarme como un turista empedernido; cu inquedo, que se di. Así que algo de experiencia terei, da positiva pero tamén da negativa. Para empezar, ¿son turistas tódolos viaxeiros, tódolos trotamundos? ¿Ir, e tornar, é avanzar; ou é retroceder? O que non son é un Guía, un profesional se entende, pero teño esa vocación, ese..., ¿vicio?, así que non perdoo ocasión, onde queira que me atope, de achegarme, en Galicia ou fóra dela, a toda persoa ou grupo que aparente un despiste, un descarrile! ¿Que fai lonxe da súa casa aquel que se senta nun velador, horas enteiras, a engulir, ou simplemente a pasa-lo tempo, a mata-lo tempo! ¿Haberá crime máis estúpido, e con menos atenuantes, que ese de mata-lo tempo, máxime si se fai con nocturnidade, premeditación e aleivosía? ¿Haberá dereito de quita-lo seu sitio ós demais; o sitio e/ou a perspectiva? Ou xogar á brisca, tal e coma se un estivese na propia eira, ou cabe dela, arrodeado de veciños? ¡En definitiva, estorbando! Esta pastoral, que non chanza, neste senso vai; e o que non estea conforme, que o razoe comigo!
Antes de saír da casa, persignarse, que iso recomendaba o P. Astete, precavido el. Toda saída é unha aventura, e como tal, arriscada, sendo o principal risco non decatarse de nada, de como son e de como pensan noutras terras, noutras veciñanzas..., tal que nesoutros Castro Verdes, ós que tivemos tantos séculos ignorados! As aventuras de don Alonso Quijano, turismo foron; as do seu dobre, don Quijote, en malas venturas remataron, a fuer de querer facer ben antes de informarse!
Cada pobo, cada gens, cada terra, ten os seus lares e mailos seus penates, ós que debemos, culto; polo menos, un respecto, sequera sexa por cuestión do seu ius hospedatis, que é unha lei de acatamento recíproco, un índice da nosa cordialidade. Diso, precisamente diso, sabemos moito en Castroverde, ou debéramos saber, sequera sexa pola teoría dos vasos comunicantes, vulgo, Camiño de Santiago!
Daquela, ¿cal é a nosa bagaxe? ¡Non, non me refiro á máquina de afeitar dos homes, (as mulleres enféitanse doutra maneira), nin ó wonderbra das femias, que as barbas non nos tapan os ollos, nin elas precisan un xustillo para axustarse ó medio, tal que a un “parado” en Valldemossa, que para min teño que é tanto como chamar ás portas do Ceo nun día de verán!
O turismo ten unha praxe abondosa, universal, mais, para moitos, pouco menos que nada de filosofía. Antes co billete, ou co billete, hai que meter na equipa un grolo de sede…! Sede intelectual, pero tamén intelectiva: ¡ganas de entender e de ser entendido, a mais de atendido! Coido que tamén se lle pode chamar humildade, humildade e/ou fraternidade: abrirnos ós demais, levando connosco un coñecemento, unhas referencias previas, para face-las nosas visitas cunha certa dignidade; e todo iso sen espaventos nin bocexos.
Viaxar é, ante todo, reconciliarse coa Terra; ¡coas terras, cobizadas, desexadas, dun xeito innato, atávico! E logo que á Terra sempre lle facemos o amor con violencia, vestidos coa cota de malla dos nosos resentimentos persoais, que non deben ser transferibles, ¡nunca! Esa doncela telúrica preséntasenos, ás veces, maculada, desvirgada, malferida de alcatrán e de formigonados, coas curviñas, co mellor que tiña, e que ten, ¡iso, as curvas!, recheadas de escombros, de entullo; derrubo humanoide, en definitiva, que nin iso, nin esas curvas nin esas ribeiras lle deixaron conservar os nosos predecesores; ¡outros depredadores!
Todo iso sei, que todo iso é irreversible, ¡na maioría dos casos!, pero temos vista, ademais de nos ollos, nos restantes sentidos da nosa sensibilidade, da nosa natural imaxinación, que nos permiten espi-la terra, tirarlle eses farrapos da humana especulación, para levala ó tálamo turístico coa ficción da súa anatomía orixinal, virxinal, impoluta.
O turista que turistee apalpando mampostería, ¡xustillos de mampostería!, ese tal en vez de ollos o que ten son palpos..., pola propia indixencia cultural! ¿Quere isto dicir que sería preferible un país prístino, sen paisanos, sen unha labor construtiva/destrutiva, consuetudinaria, sucesiva? ¡Non, que xa se extinguiron os Robinsons! ¡En absoluto! Quero sinalar, exactamente, que non debemos ver, no alén, pero tampouco no aquén, esas fealdades engadidas, superpostas, como algo incorrixible! ¡A cultura, o perfeccionamento, é lento, pero existe!
Como non son, nin me teño, por autoridade, permitídeme acudir á ilustre pluma dun crego ilustre, Manolo Regal Ledo, que nos deu, entre outras, esta lección: A paisaxe sempre leva xunguida unha misteriosa, ou non tan misteriosa, presenza humana, que lle dá ó chan que tripamos un aquel de sacralidade, fonda e revolucionaria. ¡Tan revolucionaria, que nos ergue, ou debera erguernos, polo menos outro tanto como erguían, como “levantaban”, a Unamuno os areais da súa Castela adoptiva!
O turista rácano ten que comprender que sempre recibe máis do que dá, que abri-la lareira de cada quen ós estraños, abri-la ara dos seus manes e dos seus penates, non hai diñeiro que o pague! ¿E logo, con qué? Pois, con cordialidade; coa comprensión, coa información, co estudio, fondo e intelectivo, dos bens compartidos, da historia compartida, do arte aprehendido...; pero, maiormente, non trasnoitando, non xogando cos decibeles, non ensuciando, para que a xente do país, os da casa, os hospedantes, podan recupera-las súas forzas, e seguir traballando cunha hixiene inmaculada, no seu presentar, no seu ofertar cotián, edénico, que a casa de cada quen, para ese quen, paraíso é! Ou como din os ingleses, My home is my castle! Por tanto, respectémolos, facilitémoslles esa obriga que teñen de conserva-lo seu chan, o seu ambiente, mellorado que non degradado, para así transmitírllelo ós seus descendentes, nun relevo xeracional pulcro e responsable!
No hay comentarios:
Publicar un comentario