Foro de divulgación e defensa do Patrimonio cultural, de natureza, artístico, monumental, e das tradicións populares do CONCELLO de CASTROVERDE (LUGO)
18 diciembre, 2006
A Asociación Cultural dos Amigos do Patrimonio de Castroverde desexa a todo-los socios, amigos, veciños do concello de Castroverde e visitantes desta revista dixital un BO NADAL, Boas Festas e Bo ano 2007. Pedimos seguir indo na defensa e promoción do Patrimonio do Concello e seguir contando coa súa colaboración e atención. Querémo-la PAZ nesta terra, que as cheiras xa son abondo. Bos días na compaña da familia e amigos. Que así sexa.
Un bo feixe de propostas para o ano 2007
A “Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde”, pretende continuar coas Actividades iniciadas o ano pasado, comenzando polo Camiño Primitivo, coma un dos máis importantes patrimonios.
As Actividades que imos tentar realizar son as que se recollen neste enderezo
17 diciembre, 2006
Dedicado ós rapaces da nosa bisbarra, nestas vacacións do Nadal,
particularmente a aqueles que se estean iniciando nisto do Internet
MIRO, na escola
(Primeira entrega)
Esta é a historia dun Príncipe que non tivo preceptores maquiavélicos.
Como o relato é longo, sairá por entregas, séxase, por capítulos.
Xosé María Gómez Vilabella
Miro post Theodomirum
Sueborun rex efficitur.
Miro, Miriño daquela, criouse no pazo do Castro Verde... ¿Que como o sei? ¡Seino; e para min, basta!
Tamén me chega con saber que súa nai fórase ó Ceo aquel día no que se apuxo o sol en Braga, a mediodía. ¡Que cousa! ¡Un eclipse! Daquela o Rei Teodomiro quixo educa-lo seu fillo onde soubesen de certo o por qué dos eclipses, onde entendesen da vida e da morte, onde se vivise sen intrigas cortesáns, onde a herba máis verde fose, onde mellores cabalos se criasen... Preguntoulle por iso a San Martinho, un sabio que viñera de moi lonxe, dun sitio que lle dicían A Panoia. Martinho daquela aínda non era santo, pero xa o tiñan por tal; iso, amais de telo por sabio!
-Quero que o meu fillo chegue a ser home, por dentro e por fóra, que se é home, aínda que non o elixan Rei, Rei será. ¡Polo menos, de si mesmo! Ben sabes que lle puxen ese nome de Miro, que vén do gótico Mereis, porque significa, ou quere significar, o que máis, o que é máis grande, famoso e poderoso... Daquela quero que se cumpra neste rapaz o meu augur, ¿entendes?
Martinho deulle para atrás á capucha de la meiriña, que así refrescábaselle a cachola, e con iso circuláballe mellor o sangue; e acelerábanselle as neuronas do cerebro, que o tiña grande, embutido nun cranio dolicocéfalo, curtidiño polo sol oriental, e por ende, con calvicie prematura.
-Nunha visita que lles fixen ós xateiros do Bolannio, alén do teu Lucus Augusti, coñecín, e discutín, con sete sabios que viven nese Castro Verde do Norte, precisamente de par daquel camiño por onde entraron na Gallaecia os vosos devanceiros, arreando nas teixas, ¡en illo tempore!
-¿Son anacoretas...? ¡Se tal son, non entenderán da crianza dos nenos...!
-Non tal, que están felizmente casados, con sete mulleres de xeito..., ¡a cal máis facendeira!
Teodomiro, ó saber iso, puxo mellor cara, pero aínda así seguiu inquirindo, preocupado pola correcta educación do seu Miriño:
-¿Teñen fillos? ¿Duros, rexos, ben mantidos e ben criados...?
-¡Fillos e fillas teñen; tantos, que logo parece a tribo do noso pai Xacobe...!
Con esas referencias o Rei púxose ledo, ledo e confiado:
-Daquela mira de levarlles ó Miro; e quédate por aló co meu Príncipe..., ¡unha tempada, o tempo que sexa, ata que se afaga, ata que saiba tanto ou máis do que eses sete sabedores...!
-Maxestade, ¿que debo entender por iso que dis de “afacerse”?
-¡Pouco sabio es ti se non me entendes! Afacerse con eles é..., ¡dominalos, superalos! O meu fillo será sabio de abondo cando consiga esquecerse de que é fillo dun Rei, ¡desde que saiba andar solo pola vida!
Martinho dispúxose a comprace-lo Rei, encantado, que así, asemade, dedicaríase a corrixir cantos rusticorum atopasen no seu cabalgar, de par daquela Vía Romana pola que tiñan que camiñar para dar chegado, novamente, ó tal Bolannio, máis coñecido como Val Verde do Camiño.
___
Chegaron ó Castro Verde, segundo o plan previsto, recorrendo a Vía Braccara – Lucus Augusta – Gigia, un día de sol, coas cereixas maduras, tanto, que xa pasaran de coloradas a mouras; un día óptimo para estalicarse na sela dos seus cabalos, e colle-los ácimos, ¡ás mans cheas! Miro nunca tal vira, que as cereixas de Braga chámanse, e son, uvas; o que non lle entraba na cabeza era que aqueles sabios as comesen coa coia incluída, e iso que lle explicaron que o facían así para limpa-las tripas..., ¡sucias de tanto comer cabrito!
-¡Martinho, estas parras son arbóreas....!
-Miro, sonche cerdeiras, que vén do latín cerasus... ¡Como ves,trátase dun froito celestial, digno dunha terra celeste! Cando queiras ir a por uvas, daquela teremos que volve-la vista atrás...
-Non tal, que meu pai díxome que non volva por aló ata que eu sexa máis sabio que un Rei; e máis forte que un rei; e máis humano que tódolos Reis do mundo, desde aquí á Mesopotamia. Conseguir todo iso levarame..., ¡un século, máis ou menos!
-¡Aquí, con tales mestres, nesta paisaxe, atiborrado de cabritos..., coido que algo menos!
___
-Naquel Castro, no Castro Verde, cabeceira do condado de Flammoso, ou Chamoso, mandaba Lucano, un velliño de barbas brancas que non decidía ren sen escoita-las partes, por moitas que fosen; despois diso, consultaba coa muller:
-Dime, Gala, ¡estiveches atenta á miña enquisa!
-¿E logo, non? ¡Coma sempre!
-Daquela, ¿a quen lle das a razón, quen a merece?
Gala, a bondadosa Gala, a sapientísima Gala, máis pretora que un pretor, despois de moito cavilar, opinaba. Sempre o facía rebaixando nas culpas alleas, por aplicación daquel aforismo que lles oíra ós romanos: ¡In dubido, pro reo! Con esas..., ¡causa finita!
Ó Miro gustáballe xogar coa Aurora, que era a máis nova das netas de Lucano. Xa lle gustou desde o día primeiro, que casualmente estaba alí, por xunto da ponte levadiza do castro. Sen medo algún, tívolles do ramal das bestas para que se apeasen, tanto Miro coma o señor Martinho. Pois ben, como aquela simpatía dos rapaces era recíproca, notoria, un día a Frau Gala díxolle ó seu home:
-Gran Xefe, teremos que educar esta netiña, esta Aurora, cos requisitos do Protocolo Real..., ¡que che vai para Consorte! ¿Notaches que lle gusta ó Miro...? ¡E á viceversa, tamén!
-Si que o notei. Daquela, avisa nas cociñas que lle dean xelea real, a cotío, desa que nos traen dos trobos do Albaredo...
Así comezaron as aventuras do noso Miro polas terras do Castro Verde, que así as contan os vellos deste lugar, ¡e a súa palabra é unha escritura, que sempre o foi!
-¿Ves comigo, que vou busca-las vacas...? ¡Cando se cansan de pacer en Xivil, lárganse polos prados de Pozos arriba, para terminar encaramadas na hedra desas penas dos eremitas, nese sitio que lle din, de Santa María Madalena da Pena!
-Que é iso de Xivil? Onde está Xivil? Para que teño que ir ó Xivil? ¡Que veña onda min, sexa quen sexa!
Miro era así de imperioso, esixente, que lle viña da súa caneta bracarense.
-¡Para o carro, compañeiro, que aquí, ó de hoxe, ti non es Rei; nin sequera fillo de Rei, que Martinho díxonos que te tratemos de igual a igual, ti por ti, que iso quere teu pai, que El si que é Rei!
-Perdoa, Ramiro. Mandáronme que me levase ben coa xente do aquén; daquela, ¡fiat voluntas tua!
-¡Iso está mellor; iso xa é suevo; quero dicir, suave, que suevo tamén son eu, fillo do Gardián do Castro! Daquela, xa que te apeas, eu úpote no mellor dos cabalos, neste branco, que seica é igual que un que tivo o Señor Sant Iago, daquela que lles predicou ós hispano romanos, ¡segundo contan os vellos deste lugar!
-Ese non o quero, que é de moita alzada; quero o teu, este tordo...!
-Tanto mellor pola alzada, que así aprendes a alzarte por ti mesmo... ¿Miro, que fas; por qué o arrimas a esa parede? O ramal cóllese cunha man, e coa outra, as crinas..., ¡despois de acariña-la besta! ¿Non sabes que canto máis besta, máis aloumiño se precisa para domealas? ¡Pois, si! Díxomo meu pai, Gontrán, que por algo é domeador de cabalos...!
-Este non me quere; ¡non ves que monea!
-¿Décheslle un mañuzo de verzas...?
-¡Aínda non!
-A propósito, escoita estas razóns: Díxonos o Conde Lucano que todo por aquí aceptamos ó teu pai porque nos trouxo a paz; e se hai paz, temos tempo para asa-las castañas, e comémolas tranquilos. Se comemos, filosofamos..., ¡que o pensamento sae do estómago! Con fame, sae da cabeza, e a cabeza, con fame, tira ós lados. Aplícalle este conto ó cabalo..., ¿ou pensas que é burro? ¡Se fose un burro, daquela non esixiría os seus dereitos!
-Tes razón, que mira ti por onde acougou..., ¡despois de darlle as verzas!
-Miro, agora, ¡xa!, dille que sodes irmáns, pero que ti vas montar nel porque..., ¡porque alguén debe guiar, e ti sabes preguntarlle á xente caso dun extravío! Pero faino antes de que a besta se decate de que está sendo manipulada...!
-¿Sabes, Ramiro, que non foi difícil?
-¡Claro que non! ¿Cantos anos tardarías en descubrilo por ti mesmo se outro non cho dixese? Lucano non se cansa de dicirnos que o que ensina é o que máis aprende, porque para ensinar hai que pensar, e para aprender nin sequera iso.
Miro estaba abraiado con aquela lección:
-Querido colega, nada diso me dixeran en Braga! ¿Queredes pasar diante dos braccarenses? ¡Mira que alí somos moitos!
-¡En Braga está o Rei, pero aquí témo-lo Mestre! O Rei ten abondo con ser Rei, que ser Rei e tamén filósofo, dous traballos son. A mais diso, os cortesáns seica son uns pillos..., ¡que precisamente por pillar chegaron a cortesáns, moitos e deles! Aquí as cortes dedicámolas ó gando...
-Aló abaixo tamén hai xente honrada...
-Non o dubido, que ben di Lucano que de honrados empezaron, todos eles, a eito, pois honrados nacemos, pero que os cabaleiros non tardan en esquecerse de que van montados, e daquela póñense a pensar que naceron así, ¡así de altos!
-Ramiro, fálame en suevo, ¡que con estas reviravoltas lucenses non te entendo!
-Ti, polo de agora, só tes que contar vacas, que iso me dixo meu pai, Gontrán, que tamén é xefe do gando. Para iso vamos a Xivil, ou a Pozos, ou á Pena..., que por alí están os vaqueiros, cada un con cadansúa aguillada, respondendo de cen vacas e dez touros.
-Nese caso, ¡xa as terán contadas! ¿Por que non nos poñemos a xogar, ti e mais eu..., tal que á billarda?
Pero o outro púxolle mala cara; disentiu e argüíu:
-Un Rei, e quen di un Rei tamén pode referirse ó fillo dun Rei, un Rei de guerreiros, ¡que non é igual que un Rei guerreoso!, ten que contar por si mesmo as mesnadas para non levar sorpresas, nin na vida nin nas batallas..., empezando polo reconto das hostes inimigas!
-Nada diso me dixeron en Braga...
-¡Nin Braga nin calzóns! Ti aprende e cala, ¡para que non te enganen eses cabaleiros da..., diso, da faldra minguada!
Aurora
Madrugaba tanto, que talmente honraba ó seu nome. E nunca se lavou na cisterna do castro, chovese ou nevase, desde que por si mesma o fixo, que Lucano, seu avó, tíñaa acostumada a baixar, ben cediño, ó pichoco do Rego do Azor. A avoa Gala, pola súa parte, neutralizara na cativa aquela educación de varona, emulativa do Xefe Lucano, lográndose así, simultaneamente, un equilibrio, unha personalidade rexa, imbuída nun espírito sensible.
Nunha daquelas madrugas, Aurora entrou sen recato no cubículo do Miro, e arrebolándolle, pola porta da estancia, as pelicas de la branca que o atarapuzaban no seu catre, deu en meterse co rapaz:
-¡Estamos no verán, e ti dormes envolto nestas pelicas de la...! ¡Nin que foses unha meniña recén nada!
-¿Ti que fas, descarada? Aquí non estamos na Braccara sureña, que me vou constipar co resío da mañá; ¡e logo que a la tanto saca do frío como calor dá!
-¿Ti vas para Rei dos suevos? Di meu avó Lucano que o Rei que nos reine debe saír á intemperie antes de que o inimigo esperte, ¡faga frío ou foguee!
O Príncipe tomoullo a broma:
-Aquí, no país lucense, con tantos sabidechos tan lúcidos, non temos inimigos que vencer, que a cultura, doma.
-¡Pode ser! Pero tamén di Lucano, que o peor inimigo dun Rei está en si mesmo..., ¡se non saber durmir cun ollo aberto, e non precisamente o dos foguetes!
-Ti viñeches aquí de espreita, para comprobalo, ¿non si?
-Vin para outra cousa, concretamente para recolle-lo dentón do centeo, ámbolos dous, que o precisa ese druída das barbas roxas, o tal Arxeriz, ¡que llo vai ofrecer a Odín!
-Acaso como beberaxe para o almorzo?
-¡Pero qué pouco sabes da vida...! A vida, moitas e das veces, empeza coa morte, coa morte da propia nai, que para dar á luz, como lle pasou á miña, tanto deu, que se desangrou! Ergo, coa ergotina do dentón fervido, tomada a tempo, en infusión, esas hemorraxias atállanse. ¿Rapaz, segues no teu limbo, ou baixaches ó mundo real?
-¡En Braga non temos dentón...!
-¡Claro! Iso é porque sementades trigo, que así sodes de señoritos. O valor do dentón ponlle ó centeo canto lle falte para igualarse co trigo... De igual xeito, un home cativo pode pasar por riba dos grandes, ¡sumando virtudes!
Miro xa estaba abraiado, que logo lle pesaban máis as leccións do que a coroa real de seu pai.
-¡Nunca vin unha cativa que tanto saiba...! -Confesou.
-Diso estou segura; ¡o caso é que a guapura naceu comigo, pero a sabedoría lévoa ó lombo, que abriga e non pesa! –Coqueteou co Príncipe.
-¡Chufona! ¡Logo pareces romana..., que non sueva! ¡Nin sueva, nin suave!
-Isto non é gabarse, nin é pecado coñecerse... Pecado sería dicirlle ó Miro que son guapas as mozas que dormen mentres os paxaros cantan, que esa tales teñen lagañas..., mentres as outras témo-la cara rosada!
-¿Rosas, na cara, e tamén na horta?
-Si, nas meixelas..., de tanto lavarnos con auga fría e clara! Si, nos ollos..., pola espreita dos casulos abrideiros! Cen delas romperon esta maña, na miña horta, e arestora xa son rosas fortes, de bo ver. Si, no nariz..., que de tanto cheirar rosas, de rosa é a miña fragrancia! Si, nos oídos..., que traio abellóns zumbando nas orellas, de tantos como escoitei almorzando néctar roseiro! ¿Minto, ou non minto, señorito Miriño?
-¡Non o sei, muller, que ti tes verbas para min descoñecidas! Voume lavar contigo, ó río; e do río, ó dentón imos, xa que logo!
-Fas ben, meu Príncipe, que eu non quero por Rei a quen se lave en olas barrentas..., que o barro, por cocido que estea, barro é! Daquela, meniño da Braga, ponte os calzóns, e ven comigo ó Rego do Azor..., ¡antes de que saia o sol!
-Muller, sen almorzar, non, que daquela caparame o cuco, e..., ¡xa sabes, os fillos dun Rei para inzar son!
A rapaza era doutro pensar:
-Se o cuco se mete contigo..., ¡cápao ti!
-¿Muller, sabes que tes saídas para todo?
-Obrigas, Miro, obrigas..., que por algo me chaman Aurora! E se teño que ser a túa Aurora, daquela...
Do Rego do Azor, ben pasados por auga limpiña, montañeira, fóronse, ámbolos dous, ós centeos da Agra das Sete Cancelas. Alí, o Miro, nunha restra de tres palluzos enrestrou pampillos e papoulas, á vez que fitaba, arroubado, á súa moza.
-¿Vaste coroar Emperador? –Díxolle ela, ríndose del- Os romanos tamén se coroaban..., pero facíano con loureiro, que mo dixo meu avó!
-Iso..., ¿por que?
-¡Que Xanciño es! Os loureiros son..., ¡iso, inmarcescibles!
-Non tal; inmarcescibles son as auroras, que esas saen a cotío... A máis diso, as divas coróanse con pampillos e papoulas... ¡Agarda un momentiño!
Ela refusou:
-Non, que non son diva...; ¡en todo caso, Aurora!
-¡Diva fágote eu, miña Princesa! Mira, así. Agora, de xeonllos posto, adoro en ti á deusa Ceres, á dona destes campos floridos. ¡Salve, Aurora, deusa de tódolos verdes deste Castro Verde...! ¡Máis ou menos, un millón!
-Estás máis tolo có tolo da Pena Grande, que xa é dicir!
-Rapaciña, ¿sabes que tal a temos? Pois que outros tolean ouveándolle á lúa, pero a min pásame o mesmo..., cantándolle á aurora, á miña Aurora!
-Miro, xa está ben de andrómenas; déixate de flores, que aquí viñemos a por dentón...
-Pero, muller, imos deita-lo pan..., se o percorremos por estas cales!
-Pola fresca non se deita, que pola fresca non tronza, que arestora as canas do cereal están húmidas, húmidas e flexibles, ¡que por algo te fixen madrugar! Aquí, neste condado do Chamoso, non se collen troitas con bragas enxoitas.
-¡Pícara, máis que pícara!
-E ti..., un paspallás! Como sigas paspallando, ese cuco de Trascastro vaite capar, que xa te avisei!
-¿Onde está, que o capo eu?
-Os cucos sempre están detrás de quen os escoita, pero cucan para adiante, ou iso parece, que por algo son cucos! ¿Sabes como tes que facer? ¡Dígocho eu! Coa dereita apañas no dentón, e coa esquerda...; ¡coa esquerda gárda-las túas partes!
-¿Como teño que facer; así, poñendo a man por diante, como fixo Adán cunha folla da súa parra?
-Ti es máis pasmón có mesmo paspallás... ¡Un mozo que así se deixa enganar, mal Rei será!
-Se me axudas, podo espelirme...
-Daquela empeza agora; agora mesmo; ¡xa! Apaña o dentón coas dúas mans, como fago eu...., e mais non por iso me deixo catar!
Con aquelas bromas, duns e doutros, Aurora gozaba, e o Miro aprendía, que en bo sitio estaba, e con boa xente comía, que de todo, e de todos, precisa un Rei..., se quere reinar!
16 diciembre, 2006
Unha boa nova para a Asociación
O día 13 de decembro soubemos, que a Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, foi inscrita no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago co nº : 169.
Isto levaranos a traballar e preocuparnos máis do Camiño Primitivo, que é o que nos corresponde a nós.
10 diciembre, 2006
De cando os mouros estiveron en Castroverde
Achegas de
Xosé María Gómez Vilabella
Para resultar crible, vouno ter que avalar cunha fotografía. ¡Se non son, parecer, parecen! ¡Uns mouros que entenden o galego, que xa é dicir!
¡Pois é verdade que estivemos, e que seguimos..., de momento! O que non é certo é que fosen os mouros os fautores do noso castelo, cabeceira do Condado de Flammosos, (Chamoso). De castro pasouse a fortaleza, pero, paulatinamente: oestrimnios, ou celtas, a escoller; romanos; suevos; ... e castroverdenses! Por moitos beréberes que viñesen, daquela, no 711, da rexión do Atlas, a maioría dos mouros, ¡tan só tres mil, de a cabalo, para poboar unha Sbania que abarcaba, máis ou menos, do Duero, ¡do d´ouro!, para abaixo, ¿a quen se lle ía ocorrer subirse ó Pradairo de Castroverde, 1.029 m . de altitude, en babuchas?
Por aquí viñeron, iso é verdade, de cando en vez, pero, ¡en razzias! Quere dicirse, de rapina..., ¡por se deixaran algo de ouro aqueles romanos! E logo estaban as nosas cabras e mailas ovelliñas, que, de asadas ó estilo mauritano, quere dicirse, con toda a graxa ardendo coas mesmas brasas, iso está riquísimo! ¡Dou fe! Tampouco desprezaban as castañas pois, sabido é, que na Sbania nos as tiveron ata que aqueles súbditos do conde de Lemos chegaron ás Alpujarras, -xa expulsados os mouros-, dispostos a inzar, e a plantar castiros, castiros e parras, ¡que para iso os levaron, para todo iso!
Quen si veu a Lugo foi aquel Al Mansur, aquel que nos arroubou, incluso, as campás de Compostela...; pero iso foi máis adiante, séculos despois, como unha vendetta polo noso invento (descubrimento) do entón irascible Santiago Matamouros.
¡O que son as cousas, as contradicións de Historia: O noso Conde, aquel Pelaio, deulles unha zurra ós mouros en Covadonga, ¡uns cantos que, se cadra ás ordes de Munuza, aquel rexedor de Xixón, fóronse de razzia a onde máis perigoso lles era, ás propias abas dos Picos de Europa!; e séculos despois, outro galego, aquel Señor do Ferrol, ousou devolverlles ós mouros a propia Covadonga, con Mizzian á fronte... ¡E menos mal que volveron a aterecer co frío, pois, do que non, eran capaces de quedarse nas Asturias, per saecula saeculorum, lindando les vaques e papando sidrina, por alcol que teña!
O outro día trouxen ó blog un visitante célebre, histórico, dos moitos que por Castroverde andaron, andaron e gozaron! Hoxe quero referirme ós mouros, pero..., ¡os mouros que pasaron por Castroverde, en camionetas requisadas, cando xa nacera algún dos nosos vellos desa Asociación de Xubilados e Pensionistas que tan entusiasticamente preside o señor Antonio de Vilabade!
Aqueles mouros, -verán do 36-, subiran pola parte da Estremadura, pero non cataron o licor café de Ourense por culpa de..., do seu Al Qurán! ¡Tiñan que pasar, e pasaron, por Castroverde, porque o Tenente Coronel Teijeiro tiña abondo co seu avance pola costa, partindo da Pontenova! Mais polo Este, as Grandas de Salime, o Navia..., ¡todo iso era impenetrable! E logo que estaban aqueles dinamiteiros das minas..., ¡casualmente todos eles galegos! ¿Que matinaron os astutos Franco, Yagüe, Tella...? ¡Moi sinxelo: meter por Castroverde ós rifeños, ós mouros do Rif, que eses, de traballar nas minas do Rif, algo entendían da dinamita...! E logo que as consecuencias, de habelas, non eran de todo malas: De feridos, para Guitiriz, ó Balneario... E de chamalos Alá, ó sétimo, cada un con sete huríes!
¿Ides vendo a importancia de Castroverde, na Historia e no presente? ¡O malo do caso é que, nestes casos, os da casa, adoitamos ser os últimos que valoremos o noso devalar histórico, como dicía Otero Pedrayo!
¡Hai que volver á lareira, e que os vellos nos conten as súas historias, os seus percances, as súas vivencias..., que tamén se irán con Alá, calquera día, e deixarannos crendo que só existiu aquilo que vén nos libros do Bacharelato!
09 diciembre, 2006
Unha lembranza histórica: Os Castro, Señores de Castroverde e Luaces
Reproducimos hoxe o linaxe dos Castro, señores que foron de Castroverde, do que é autor o escritor Xosé Manuel Abel Expósito, e que foi publicado na páxina web Xenealoxía.org, que pódese engadir puxándo sobre do nome. Sen dúbida é un apunte histórico de interese para coñecer millor a historia do noso concello naqueles anos nos que a nobleza facía a historia mentras que o pobo non facía mais que traballar e traballar. A historia escríbese deste xeito, e bon é conocelo. Queiramos ou non forman parte das nosas raigames é son parte do noso patrimonio común.
I GENERACIÓN
- D. FADRIQUE DE TRASTAMARA. Era irmán de D. Enrique II de Trástamara, Rey de Castela, León, Asturias e Galicia. Tivo por fillo a:
II GENERACIÓN
- D. PEDRO ENRRIQUÈZ DE CASTRO. Faleceu en Ourense o 2 de maio de 1400 sendo soterrado no convento de San Francisco de Lugo.
Casou con Dª Inés de Castro, herdeira da Casa de Lemos. Filla de Álvar Pérez de Castro “O vello” Conde de Arrollos e Condestable de Portugal. Tiveron por fillos a:
III GENERACIÓN
- D. FADRIQUE ENRÍQUEZ DE CASTRO. Conde de Trastamara.
Creador do Señorio de Castroverde e Luaces en 25 de enero de 1418, nomenando como sucesor, en testamento informal de 1425 o seu sobriño IV.
Casou o 25 de febreiro de 1405 con Dª Aldonza de Mendoza. Filla de D. Diego Hurtado de Mendoza, señor de Hita e Buitrago e Almirante de Castela. Non tiveron fillos. - Alonso Pérez de Castro. Tivo por fillo a IV.
- Beatriz de Castro. Se reservou o señorio de Monforte conseguindo a devolución da vila de Ponferrada a casa de Lemos.
Casou con D. Pedro Osorio.
IV GENERACIÓN
- D. ALONSO DE CASTRO. Señor de Castroverde e Luaces, habitando no seu palacio nas “Cortiñas de San Romao” (na actualidade Praza Maior) da cidade de Lugo.
Casou con Dª María de Bolaño, soterrada no convento de Santo Domingo de Lugo dentro da capela familiar. Tiveron por fillo a:
V GENERACIÓN
- D. FERNANDO DE CASTRO ( Fijo De Don Alonso de Castro, que Dios aya ) quen testou o 12 de agosto de 1458.
Casou con Dª Juana de Bracamonte. Tiveron por fillos a:
VI GENERACIÓN
- D. Alonso de Castro
- D. CARLOS DE CASTRO
En 1469 era señor de Castroverde e pleitea co Cavildo de Lugo por mor da casa das “Cortiñas de San Romao”.
Durante a revolta irmandiña o señorio de Castroverde foi expropiado e gobernado por oficiais postos po-la irmandade, entre eles os cabaleiros Fernan Pillado, Rui Sánchez de Luaces, y Alfonso López de Paradela. D. Carlos recuperou o seu señorio transformando a ermita de Nosa Señora de Vilabade en mosteiro franciscano. - D. Alvaro de Castro (destiñado o ministerio sacerdotal)
- Dª ISABEL
Tralo falecemento dos seus irmáns o señorío de Castroverde pasa as súas mans. Herdeira dos bens da Pobra do Brollón. Finaba o 10 de xuño de 1481, recuperado o seu patrimonio de Castroverde e Luaces que legaba a seu fillo D. Alonso.
Casou con Pero Niño. Merino Maior vallisoletano. Tiveron por fillos a:
VII GENERACIÓN
- D. ALONSO NIÑO DE CASTRO. Vende as suas posesións, entre os anos 1512 e 1517, reservándose a casa das Cortiñas de San Roman é a torre de Ruy Vazquez, na fronte do convento de San Francisco de Lugo. O nobo mercador será D. Lope Osorio de Moscoso, incorporando estes bens a casa de Altamira.
- Dª Guiomar Niño de Castro
HERÁLDICA
Loce o torre da homenaxe do castelo de Castroverde, un escudo cos seís roeles dos Castro, posto sobor de unha fiestra, de arco de médio punto e enrrexado hoxe desaparecido.
Engadido: 06-05-2005
Autor:Xosé Manuel Abel Expósito
06 diciembre, 2006
Andanzas,chanzas e danzas en Castroverde
Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde
A danza sae da panza, amigo Sancho
Xosé María Gómez Vilabella
¡Que non, don Miguel, meu querido e admirado paisano, flor e nata da cabalería andante; coma min, montañés: ti, de Cervantes, e eu, do Montecubeiro; estiveches prisioneiro dos mouros, en Arxel, e eu, pouco menos cá iso, en Ifni; África, en definitiva; fuches recabdador de Contribucións, e eu, Asesor Fiscal; descendentes, ambos, daqueles vasalos que tiña o señor Castro, aquel conde de Lemos...; por tanto, lugueses, que iso é unha carreira! Coa diferenza de que ti es manco e eu non, de momento; ti, un Mestre, alumno eu, alumno perpetuo! Por se isto fose pouco, temos outro paralelo: que túa nai era da Casa Vella (saa vedra), e a miña, da Vila Vella, aínda que o veñan escribindo con “b”.
Vén isto a conto de que no meu Castroverde moito levamos danzado, e non sempre coa panza chea! Os nosos venteros, considerando que a auga da Serra é mellor có viño, e máis barata, amén de que os licores caen mal nos estómagos baleiros, para entrar en festa, para entrar en danza, facíannos o “botellón”, ¡con gasosa! Así que iso do “botellón” é conto vello, e vai sendo hora de quitarnos a careta farisaica. Meus vellos, meus colegas, ¿por que nos escandalizamos sendo, como é/como foi, un invento noso, unha argallada, maiormente daqueles rapaces da posguerra?
Fagamos memoria: Aínda ben non calaran os fusís, tanto no campo de batalla coma no campo santo de moitas parroquias desta vella Gallaecia, cando os gaiteiros do lugar volveron a facer das súas: a convocar, coa palleta e co roncón, aquelas foliadas, aquelas romarías, que se tiñan por esquecidas, e así o país, gradualmente, foi pasando do loito ó alivio. Esa resurrección débeselle ó gaiteiro, pero tamén ó taberneiro, e co taberneiro á rosquilleira. Foron anos dun silencio pecho, sen parrafeos, sen urros, sen xolda... En cada lugar de oito veciños, catro eran fachas, e os demais, roxos. ¿Quen se atrevía a falar doutra cousa que non fose do vento da Bercía? Nas casas, imposible, que os rapaces podían irse da lingua; co veciño, cal e canto, igual que nos conventos duplex! Pero os rapaces devecían polas rapazas, e á viceversa, cousa natural, e como tal, lexítima!
O bálsamo para todo isto foron aquelas foliadas de gaita e tambor... Pero había que animarse, poñerse en situación, rompe-lo xeo, e para iso se inventou o botellón! As cuncas eran de barro, e os vasos, de vidro, que o papel precisábao o Goberno para papel de multas..., patrióticas! As xerras, igualmente de barro. Pero a gasosa tiña burbullas suficientes para converte-lo viño en cava...
De chegados ó campo da festa, iniciábase o “botellón”, por barrios ou por parroquias, sempre a escote. A todo isto, segundo se ía quentando o ambiente, abríase o abano, viñan outros/outras, rompíase a falar, abríanse comunicacións, circulaba a xerra... ¡Ei Carballeira, árdeche o eixe! Moito non podía arder, que o viño estaba bautizado, a gasosa quente, e as roscas caían fondas naqueles estómagos, desfondados pero agradecidos. Despois diso, ou con iso, viñan os parrafeos, as gargalladas, e, de haber ocasión, un belisco agarimoso, discreto, para que a moza se decatase de que estaba sendo cortexada, desexada. ¡A tal momento ninguén se lembraba de se o/a de enfronte era das dereitas ou das esquerdas! A humanidade volvía ó seu ambiente natural, que é a grata convivencia.
O malo do caso, a dexeneración, veu co éxodo para a vila, ou para a capital... Dun xeito análogo a como os galegos disimulabamos, daquela, tal que en Madrid, o noso deixo galego para que nos tomasen por cosmopolitas, todo por aquí demos en disimula-la nosa procedencia rural: Estudantes? En castelán! Obreiros, tendeiros, amanuenses...? En castelán! “Yo te soi de Lugo!”. ¡Ah, si; pois eu, tamén! Con estes disimulos, con estas caretas, con este autoodio polo rural, a miña xeración meteulle, transmitiulle, á seguinte, un complexo atroz: ¡fixémolos señoritos de salón, que é tanto como dicir, encarcerados! A tal punto, que non é raro atoparse con xente que descoñece onde están os marcos das leiras de seus pais.
Co remate do século veu outro, outro século, outra xeración, outro vai e vén deste péndulo humano, así que os netos, por moito que lles tapemos os atavismos, aló dentro teñen os xenes dos seus entregos, e claman pola liberdade, polos espazos abertos, pola comunicación fraterna, veciñal. Naceron, parímolos, nun mundo silencioso, artificial: Pais e fillos, fillos e pais, entregados ás ansias e ós horarios respectivos, que nin case nos vemos; e de falarnos, menos aínda. Cando comunicamos con alguén, adoita ser sen ollarnos, por mediación dun intermediario impersoal, ese móbil ó que se refería J.E.Villarino nun dos seus artigos; ese aparello tan habitual que nin no peto o gardamos.
Da nosa panza xa non sae a danza, que botamos barriga precisamente polo pouco andar, e polo pouco bailar, atidos ó ordenador e á tele, eses meigallos que fan que nos falan, pero que nos teñen amordazados, silentes. Se é na rúa, tamén vivimos no mundo dos mudos, presenciando un desfile de mudos; a tal extremo que, por exemplo, cando nos preguntan por un aderezo, xa nin saben pedir: “Perdoe; faría o favor de dicirme onde...”. De tanto dixital, de tanto darlle ó dedo, para todo, xa non é descortesía apuntar co dedo!
Con estes antecedentes, con este mutismo ó que nos levaron os tempos, quen pode escandalizarse de que os alumnos lle berren ó profesor, de que os matrimonios rompan os teitos tirándose decibelios en lugar de pratos; ou de que os rapaces, cando conseguen verse nun campiño equivalente á superficie dos seus zapatos, dean en saltar coma as cabras no horto? Fan o mesmo que fixemos nós ó saír do cortello daquela guerra. A diferenza está en catro detalles: Que nós tiñamos campo, campo aberto, e eles viven en gaiolas achantadas no que foron xardíns, espazos verdes. Agora os bebestibles veñen en vidro, ou en plástico, aparentemente máis limpos, pero o malo é que ninguén lles ensinou a recolle-los envases, o esterco. E logo que teñen alma, e non bits; están fartos da falar sos, ou coas máquinas, así que tan pronto se xuntan catro nun espazo de catro metros, o que lles pide o corpo e bourear, bourear e danzar! Pero xa non ufan, non urran, porque para iso precísase ter por diante un horizonte; como pouco, dunha legua.
Son así porque así os fixemos, e teñen a quen parecerse, que de vello lles vén ese atavismo da comunicabilidade social. Pero nós non atentabamos contra o mobiliario urbano...! ¿Que non; e logo aquilo de arrincarlles as cancelas ós veciños dos outros lugares, e tiralas ó río, cando había pelexas por culpa daquelas mozas tan previsoras, aquelas de dúas palabras? ...por se un deles non conseguía entrar de Garda, ou de Policía, que outras oposicións non había!
Don Miguel, se vivises hoxe, ¿cal sería o modelo do teu “Quijote”? ¿Trocarías a “Rocinante” por un descapotable? ¿En lugar daqueles Campos de Montiel, subirías ó Pradairo para baterte cos muíños de vento (eólicos)? O que sei de certo é que as “Dulcineas” do XXI sonche guapísimas; pouco recatadas, pero..., guapísimas! Cando baixes á terra, dáte unha volta polo Campo de Feira de Castroverde, hoxe restaurado, e daquela verás ti que “Aldonzas”! ¡Só lles falta levar esporas!
Roteiro de Furís 02-12-06
Con este roteiro rematamos as actividades deste ano 2006. En Furís xa estiveramos noutra ocasión, máis nesta visitamos outros lugares. Desde Furis de Abaixo subimos camiño de Pereira, onde se encontra unha pequena capela, cunha imaxinería que nos pareceu ben curiosa, aínda que non puidemos ver de cerca. Significativo é tamén o cruceiro que hai ao seu redor, lástima da obra que esta pegada con ladillo á vista. Males deste país noso. Desde aquí pedimos a súa protección e coidado. Logo subimos á Abelleira, e á Azureira e desde aquí emprendemos camiño para o Carballal, unha fraga das que xa non quedan moitas. Dicir que indo de Camiño temos unha boa vista de Furís e doutros lugares de Castroverde. Logo seguimos polo Couso camiño do Latadal, último lugar desta parroquia e que fai de linde entre Valeira (con V de Val) e Baralla. Alí xa en terras de Barralla estivemos na casa do Marqués que nos ensinou a súa casa, e que desde aquí lle damos as grazas a Enrique. Desde este lugar pódese ver a capital de Valeira, e o Val do Pedroso, tamén puidemos ver ao lonxe as terras da Fonsagrada.
Xa de volta para Furís de Abaixo visitamos a igrexa parroquial de Santo Estevo. Aquí temos que salientar o seu Pousadoiro e o Cruceiro que se conservan en bo estado. A igrexa á súa entrada ten unha especie de “soportal”. Dentro está dividida en dúas naves espacio trasteiro ao longo do lateral norte. Tres arcos sobre piares separan as dúas naves. A principal cun arco faxón. O altar maior cun retábulo neoclásico, sinxelo. Con imaxinería de Santo Estevo e Santo Anxo. Posúe unha talla siginificativa dun Cristo crucificado, e outro altar máis pequeno. Tamén con imaxinería. Desde aquí pedimos a súa pretección antes de que sexa demasiado tarde, e as humidades acaben detriorando a cuberta e paredes. Dicir que nos faltou por visitar outro lugar da parroquia, Lourentín. Noutra ocasión será.
Logo comemos en Cas Cantiz en Furís de Abaixo. Desde aquí damos as grazas a Manolo Gómez e a Manolo Alonso. A un pola boa acollida, e o outro pola súa disposición e atención en achegarnos o xantar.
Pola tarde pequeno paseo por Furís de Abaixo.
Con isto despedímonos ata o Ano que vén. Dicirvos que quedamos en facer os roteiros os segundos sábados de cada mes, polo tanto o próximos tócalle o día 13 de xaneiro, sábado, de 2007. Teredes máis información cando se aproxime a data.
Boas Festas de Nadal e Ano Novo. Un saúdo. A Xunta Directiva e no seu nome,
Manolo Muñiz
Presidente
Mais fotografías do roteiro: na banda esquerda do blog por curtesía de Xesús Ferreiro Balado.
04 diciembre, 2006
Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde
Achegas de
Xosé María Gómez Vilabella
¡Creádesme ou non, este señor estivo en Castroverde! Viña de Librán, de casa-lo seu fillo Nicolás Salmerón y García (avogado, periodista e farmacéutico) con Hortensia Ramona Lombardero San Miguel, oriúnda da Casa de Xan de Catatrigo.
Non vos intrigarei máis: Nicolás Salmerón y Alonso, un daqueles ilustres da Institución Libre de Enseñanza, foi un dos Presidentes da Primeira República, e dimitiu..., ¡por negarse a firmar unhas sentenzas de morte! Hoxe en día, suprimida a pena de morte na actual Constitución, iso sería normal, non tería mérito algún, pero..., ¿naqueles tempos, naquelas circunstancias? Cando entrou Pavía nas Cortes, a cabalo, ¡aquel “Tejero” do XIX!, a Salmerón desterrárono para Lugo, e aquí estivo, de Profesor...
A criada, irmá de miña avoa paterna, seica era guapísima e listísima. Algo tería que ter para que se namorase dela un Salmerón. Eu cheguei a coñecela: Foi no verán de 1.935; xa estaba viúva e eu tiña cinco anos. Foi o primeiro dos coches a motor que entraron en Montecubeiro, partindo de Mosteiro. No lugar do Mazo tiñan un curral de toxos, e miña tía-avoa pagoulles para que o retirasen, para que puidese seguir aquel auto dunha sobriña. Chegados a Veiga, que subir a Berlán foilles imposible, tía Ramona deulle un peso, ¡de prata!, ó señor Pedro de Veiga, para que lle trasladase a equipaxe nun carro de vacas. Teño oído relatar, pero dese detalle non me lembro, que aquel señor Pedro púxose de xeonllos para bicarlle as mans a dona Ramona, ¡polo peso de prata!
Ó día seguinte da voda, que ela quixo casarse en Librán, na súa parroquia, casualmente era feira en Castroverde, e xuntáronse, con meus avós, para comer na taberna do Escardel. (Chamábanlles así porque viñeran do lugar de Escardel, no Corgo). Esa taberna estaba precisamente por detrás da casa actual do Escardel junior, que casou con Celsa Sarille..., ben coñecida e ben estimada en Castroverde).
Metidos de rondón na “desagrarización” desta bisbarra, -tema brillantemente tratado na conferencia do 22-11-06, do Profesor, e socio desta Asociación, M. Marey-, unha das nosas saídas “cultivables”, unha de tantas, dada a nosa paisaxe, e tamén a nosa gastronomía, é o turismo rural... Pois ben, ¿que lles parece se a nosa xente vai facendo achegas, fotografías, referencias, libros de ouro, etc., etc., da xente importante que nos visite, sexan intelectuais, políticos, artistas, empresarios, clero, militares, chupatintas, etc. ¡Noutros lugares, tal que en Suíza, ben que se xactan de sinalar, e de mostrar, fotos e firmas, para que o seguinte visitante-comensal se considere incorporado a esa elite de sibaritas, de adeptos, neste caso, a Castroverde!
01 diciembre, 2006
Castroverde no dicionario de Pascual Madoz
Por
José Enrique Villarino Valdivielso
Presentamos hoxe a copia do facsimil do coñecido dicionario de Pascual Madoz, obra inxente da xeografía e a sociología das provincias e territorios españois do medio do século XIX, no epígrafe que se refire ao concello de Castroverde, as súas parroquias e o seu capital. É un orgullo para quen escribe que a capitalidade do concello leve como nome o do concello, Castroverde, ou o que tamén recolle Pascual Madoz, de Santiago de Vilariño ou Villarino, linaxe moi ligado a estas terras fai muitos anos.
Moitas cousas cambiaron desde 1847 ata hoxe, pero moitas seguen sendo un problema para este concello aínda. Nada máis oportuno que ler estas páxinas logo de 160 anos e comparalas cos datos de hoxe. En sucesivos días analizaremos a realidade presente do concello para poder apuntar solucións e estratexias que fagan despexar os densos nubarrons que se acougan sobre o concello.
Para unha boa vista puxar sobre cada unha das páxinas achegas.
Nota: Dada a organización alfabética das entradas, pódense observar as descricións das nosas vilas irmás coas que fai poucos días celebramos o noso irmandamento.