Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

17 diciembre, 2006


Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde

Dedicado ós rapaces da nosa bisbarra, nestas vacacións do Nadal,
particularmente a aqueles que se estean iniciando nisto do Internet

MIRO, na escola

(Primeira entrega)

Esta é a historia dun Príncipe que non tivo preceptores maquiavélicos.
Como o relato é longo, sairá por entregas,
séxase, por capítulos.

Xosé María Gómez Vilabella



In provincia Gallaeciae
Miro post Theodomirum
Sueborun rex efficitur.

Miro, Miriño daquela, criouse no pazo do Castro Verde... ¿Que como o sei? ¡Seino; e para min, basta!

Tamén me chega con saber que súa nai fórase ó Ceo aquel día no que se apuxo o sol en Braga, a mediodía. ¡Que cousa! ¡Un eclipse! Daquela o Rei Teodomiro quixo educa-lo seu fillo onde soubesen de certo o por qué dos eclipses, onde entendesen da vida e da morte, onde se vivise sen intrigas cortesáns, onde a herba máis verde fose, onde mellores cabalos se criasen... Preguntoulle por iso a San Martinho, un sabio que viñera de moi lonxe, dun sitio que lle dicían A Panoia. Martinho daquela aínda non era santo, pero xa o tiñan por tal; iso, amais de telo por sabio!

-Quero que o meu fillo chegue a ser home, por dentro e por fóra, que se é home, aínda que non o elixan Rei, Rei será. ¡Polo menos, de si mesmo! Ben sabes que lle puxen ese nome de Miro, que vén do gótico Mereis, porque significa, ou quere significar, o que máis, o que é máis grande, famoso e poderoso... Daquela quero que se cumpra neste rapaz o meu augur, ¿entendes?

Martinho deulle para atrás á capucha de la meiriña, que así refrescábaselle a cachola, e con iso circuláballe mellor o sangue; e acelerábanselle as neuronas do cerebro, que o tiña grande, embutido nun cranio dolicocéfalo, curtidiño polo sol oriental, e por ende, con calvicie prematura.

-Nunha visita que lles fixen ós xateiros do Bolannio, alén do teu Lucus Augusti, coñecín, e discutín, con sete sabios que viven nese Castro Verde do Norte, precisamente de par daquel camiño por onde entraron na Gallaecia os vosos devanceiros, arreando nas teixas, ¡en illo tempore!

-¿Son anacoretas...? ¡Se tal son, non entenderán da crianza dos nenos...!

-Non tal, que están felizmente casados, con sete mulleres de xeito..., ¡a cal máis facendeira!

Teodomiro, ó saber iso, puxo mellor cara, pero aínda así seguiu inquirindo, preocupado pola correcta educación do seu Miriño:

-¿Teñen fillos? ¿Duros, rexos, ben mantidos e ben criados...?

-¡Fillos e fillas teñen; tantos, que logo parece a tribo do noso pai Xacobe...!

Con esas referencias o Rei púxose ledo, ledo e confiado:

-Daquela mira de levarlles ó Miro; e quédate por aló co meu Príncipe..., ¡unha tempada, o tempo que sexa, ata que se afaga, ata que saiba tanto ou máis do que eses sete sabedores...!

-Maxestade, ¿que debo entender por iso que dis de “afacerse”?

-¡Pouco sabio es ti se non me entendes! Afacerse con eles é..., ¡dominalos, superalos! O meu fillo será sabio de abondo cando consiga esquecerse de que é fillo dun Rei, ¡desde que saiba andar solo pola vida!

Martinho dispúxose a comprace-lo Rei, encantado, que así, asemade, dedicaríase a corrixir cantos rusticorum atopasen no seu cabalgar, de par daquela Vía Romana pola que tiñan que camiñar para dar chegado, novamente, ó tal Bolannio, máis coñecido como Val Verde do Camiño.

___

Chegaron ó Castro Verde, segundo o plan previsto, recorrendo a Vía BraccaraLucus AugustaGigia, un día de sol, coas cereixas maduras, tanto, que xa pasaran de coloradas a mouras; un día óptimo para estalicarse na sela dos seus cabalos, e colle-los ácimos, ¡ás mans cheas! Miro nunca tal vira, que as cereixas de Braga chámanse, e son, uvas; o que non lle entraba na cabeza era que aqueles sabios as comesen coa coia incluída, e iso que lle explicaron que o facían así para limpa-las tripas..., ¡sucias de tanto comer cabrito!

-¡Martinho, estas parras son arbóreas....!

-Miro, sonche cerdeiras, que vén do latín cerasus... ¡Como ves,trátase dun froito celestial, digno dunha terra celeste! Cando queiras ir a por uvas, daquela teremos que volve-la vista atrás...

-Non tal, que meu pai díxome que non volva por aló ata que eu sexa máis sabio que un Rei; e máis forte que un rei; e máis humano que tódolos Reis do mundo, desde aquí á Mesopotamia. Conseguir todo iso levarame..., ¡un século, máis ou menos!

-¡Aquí, con tales mestres, nesta paisaxe, atiborrado de cabritos..., coido que algo menos!

___

-Naquel Castro, no Castro Verde, cabeceira do condado de Flammoso, ou Chamoso, mandaba Lucano, un velliño de barbas brancas que non decidía ren sen escoita-las partes, por moitas que fosen; despois diso, consultaba coa muller:

-Dime, Gala, ¡estiveches atenta á miña enquisa!

-¿E logo, non? ¡Coma sempre!

-Daquela, ¿a quen lle das a razón, quen a merece?

Gala, a bondadosa Gala, a sapientísima Gala, máis pretora que un pretor, despois de moito cavilar, opinaba. Sempre o facía rebaixando nas culpas alleas, por aplicación daquel aforismo que lles oíra ós romanos: ¡In dubido, pro reo! Con esas..., ¡causa finita!

Ó Miro gustáballe xogar coa Aurora, que era a máis nova das netas de Lucano. Xa lle gustou desde o día primeiro, que casualmente estaba alí, por xunto da ponte levadiza do castro. Sen medo algún, tívolles do ramal das bestas para que se apeasen, tanto Miro coma o señor Martinho. Pois ben, como aquela simpatía dos rapaces era recíproca, notoria, un día a Frau Gala díxolle ó seu home:

-Gran Xefe, teremos que educar esta netiña, esta Aurora, cos requisitos do Protocolo Real..., ¡que che vai para Consorte! ¿Notaches que lle gusta ó Miro...? ¡E á viceversa, tamén!

-Si que o notei. Daquela, avisa nas cociñas que lle dean xelea real, a cotío, desa que nos traen dos trobos do Albaredo...

Así comezaron as aventuras do noso Miro polas terras do Castro Verde, que así as contan os vellos deste lugar, ¡e a súa palabra é unha escritura, que sempre o foi!

O colega Ramiro

-¿Ves comigo, que vou busca-las vacas...? ¡Cando se cansan de pacer en Xivil, lárganse polos prados de Pozos arriba, para terminar encaramadas na hedra desas penas dos eremitas, nese sitio que lle din, de Santa María Madalena da Pena!

-Que é iso de Xivil? Onde está Xivil? Para que teño que ir ó Xivil? ¡Que veña onda min, sexa quen sexa!

Miro era así de imperioso, esixente, que lle viña da súa caneta bracarense.

-¡Para o carro, compañeiro, que aquí, ó de hoxe, ti non es Rei; nin sequera fillo de Rei, que Martinho díxonos que te tratemos de igual a igual, ti por ti, que iso quere teu pai, que El si que é Rei!

-Perdoa, Ramiro. Mandáronme que me levase ben coa xente do aquén; daquela, ¡fiat voluntas tua!

-¡Iso está mellor; iso xa é suevo; quero dicir, suave, que suevo tamén son eu, fillo do Gardián do Castro! Daquela, xa que te apeas, eu úpote no mellor dos cabalos, neste branco, que seica é igual que un que tivo o Señor Sant Iago, daquela que lles predicou ós hispano romanos, ¡segundo contan os vellos deste lugar!

-Ese non o quero, que é de moita alzada; quero o teu, este tordo...!

-Tanto mellor pola alzada, que así aprendes a alzarte por ti mesmo... ¿Miro, que fas; por qué o arrimas a esa parede? O ramal cóllese cunha man, e coa outra, as crinas..., ¡despois de acariña-la besta! ¿Non sabes que canto máis besta, máis aloumiño se precisa para domealas? ¡Pois, si! Díxomo meu pai, Gontrán, que por algo é domeador de cabalos...!

-Este non me quere; ¡non ves que monea!

-¿Décheslle un mañuzo de verzas...?

-¡Aínda non!

-A propósito, escoita estas razóns: Díxonos o Conde Lucano que todo por aquí aceptamos ó teu pai porque nos trouxo a paz; e se hai paz, temos tempo para asa-las castañas, e comémolas tranquilos. Se comemos, filosofamos..., ¡que o pensamento sae do estómago! Con fame, sae da cabeza, e a cabeza, con fame, tira ós lados. Aplícalle este conto ó cabalo..., ¿ou pensas que é burro? ¡Se fose un burro, daquela non esixiría os seus dereitos!

-Tes razón, que mira ti por onde acougou..., ¡despois de darlle as verzas!

-Miro, agora, ¡xa!, dille que sodes irmáns, pero que ti vas montar nel porque..., ¡porque alguén debe guiar, e ti sabes preguntarlle á xente caso dun extravío! Pero faino antes de que a besta se decate de que está sendo manipulada...!

-¿Sabes, Ramiro, que non foi difícil?

-¡Claro que non! ¿Cantos anos tardarías en descubrilo por ti mesmo se outro non cho dixese? Lucano non se cansa de dicirnos que o que ensina é o que máis aprende, porque para ensinar hai que pensar, e para aprender nin sequera iso.

Miro estaba abraiado con aquela lección:

-Querido colega, nada diso me dixeran en Braga! ¿Queredes pasar diante dos braccarenses? ¡Mira que alí somos moitos!

-¡En Braga está o Rei, pero aquí témo-lo Mestre! O Rei ten abondo con ser Rei, que ser Rei e tamén filósofo, dous traballos son. A mais diso, os cortesáns seica son uns pillos..., ¡que precisamente por pillar chegaron a cortesáns, moitos e deles! Aquí as cortes dedicámolas ó gando...

-Aló abaixo tamén hai xente honrada...

-Non o dubido, que ben di Lucano que de honrados empezaron, todos eles, a eito, pois honrados nacemos, pero que os cabaleiros non tardan en esquecerse de que van montados, e daquela póñense a pensar que naceron así, ¡así de altos!

-Ramiro, fálame en suevo, ¡que con estas reviravoltas lucenses non te entendo!

-Ti, polo de agora, só tes que contar vacas, que iso me dixo meu pai, Gontrán, que tamén é xefe do gando. Para iso vamos a Xivil, ou a Pozos, ou á Pena..., que por alí están os vaqueiros, cada un con cadansúa aguillada, respondendo de cen vacas e dez touros.

-Nese caso, ¡xa as terán contadas! ¿Por que non nos poñemos a xogar, ti e mais eu..., tal que á billarda?

Pero o outro púxolle mala cara; disentiu e argüíu:

-Un Rei, e quen di un Rei tamén pode referirse ó fillo dun Rei, un Rei de guerreiros, ¡que non é igual que un Rei guerreoso!, ten que contar por si mesmo as mesnadas para non levar sorpresas, nin na vida nin nas batallas..., empezando polo reconto das hostes inimigas!

-Nada diso me dixeron en Braga...

-¡Nin Braga nin calzóns! Ti aprende e cala, ¡para que non te enganen eses cabaleiros da..., diso, da faldra minguada!

Aurora


Madrugaba tanto, que talmente honraba ó seu nome. E nunca se lavou na cisterna do castro, chovese ou nevase, desde que por si mesma o fixo, que Lucano, seu avó, tíñaa acostumada a baixar, ben cediño, ó pichoco do Rego do Azor. A avoa Gala, pola súa parte, neutralizara na cativa aquela educación de varona, emulativa do Xefe Lucano, lográndose así, simultaneamente, un equilibrio, unha personalidade rexa, imbuída nun espírito sensible.

Nunha daquelas madrugas, Aurora entrou sen recato no cubículo do Miro, e arrebolándolle, pola porta da estancia, as pelicas de la branca que o atarapuzaban no seu catre, deu en meterse co rapaz:

-¡Estamos no verán, e ti dormes envolto nestas pelicas de la...! ¡Nin que foses unha meniña recén nada!

-¿Ti que fas, descarada? Aquí non estamos na Braccara sureña, que me vou constipar co resío da mañá; ¡e logo que a la tanto saca do frío como calor dá!

-¿Ti vas para Rei dos suevos? Di meu avó Lucano que o Rei que nos reine debe saír á intemperie antes de que o inimigo esperte, ¡faga frío ou foguee!

O Príncipe tomoullo a broma:

-Aquí, no país lucense, con tantos sabidechos tan lúcidos, non temos inimigos que vencer, que a cultura, doma.

-¡Pode ser! Pero tamén di Lucano, que o peor inimigo dun Rei está en si mesmo..., ¡se non saber durmir cun ollo aberto, e non precisamente o dos foguetes!

-Ti viñeches aquí de espreita, para comprobalo, ¿non si?

-Vin para outra cousa, concretamente para recolle-lo dentón do centeo, ámbolos dous, que o precisa ese druída das barbas roxas, o tal Arxeriz, ¡que llo vai ofrecer a Odín!

-Acaso como beberaxe para o almorzo?

-¡Pero qué pouco sabes da vida...! A vida, moitas e das veces, empeza coa morte, coa morte da propia nai, que para dar á luz, como lle pasou á miña, tanto deu, que se desangrou! Ergo, coa ergotina do dentón fervido, tomada a tempo, en infusión, esas hemorraxias atállanse. ¿Rapaz, segues no teu limbo, ou baixaches ó mundo real?

-¡En Braga non temos dentón...!

-¡Claro! Iso é porque sementades trigo, que así sodes de señoritos. O valor do dentón ponlle ó centeo canto lle falte para igualarse co trigo... De igual xeito, un home cativo pode pasar por riba dos grandes, ¡sumando virtudes!

Miro xa estaba abraiado, que logo lle pesaban máis as leccións do que a coroa real de seu pai.

-¡Nunca vin unha cativa que tanto saiba...! -Confesou.

-Diso estou segura; ¡o caso é que a guapura naceu comigo, pero a sabedoría lévoa ó lombo, que abriga e non pesa! –Coqueteou co Príncipe.

-¡Chufona! ¡Logo pareces romana..., que non sueva! ¡Nin sueva, nin suave!

-Isto non é gabarse, nin é pecado coñecerse... Pecado sería dicirlle ó Miro que son guapas as mozas que dormen mentres os paxaros cantan, que esa tales teñen lagañas..., mentres as outras témo-la cara rosada!

-¿Rosas, na cara, e tamén na horta?

-Si, nas meixelas..., de tanto lavarnos con auga fría e clara! Si, nos ollos..., pola espreita dos casulos abrideiros! Cen delas romperon esta maña, na miña horta, e arestora xa son rosas fortes, de bo ver. Si, no nariz..., que de tanto cheirar rosas, de rosa é a miña fragrancia! Si, nos oídos..., que traio abellóns zumbando nas orellas, de tantos como escoitei almorzando néctar roseiro! ¿Minto, ou non minto, señorito Miriño?

-¡Non o sei, muller, que ti tes verbas para min descoñecidas! Voume lavar contigo, ó río; e do río, ó dentón imos, xa que logo!

-Fas ben, meu Príncipe, que eu non quero por Rei a quen se lave en olas barrentas..., que o barro, por cocido que estea, barro é! Daquela, meniño da Braga, ponte os calzóns, e ven comigo ó Rego do Azor..., ¡antes de que saia o sol!

-Muller, sen almorzar, non, que daquela caparame o cuco, e..., ¡xa sabes, os fillos dun Rei para inzar son!

A rapaza era doutro pensar:

-Se o cuco se mete contigo..., ¡cápao ti!

-¿Muller, sabes que tes saídas para todo?

-Obrigas, Miro, obrigas..., que por algo me chaman Aurora! E se teño que ser a túa Aurora, daquela...

Do Rego do Azor, ben pasados por auga limpiña, montañeira, fóronse, ámbolos dous, ós centeos da Agra das Sete Cancelas. Alí, o Miro, nunha restra de tres palluzos enrestrou pampillos e papoulas, á vez que fitaba, arroubado, á súa moza.

-¿Vaste coroar Emperador? –Díxolle ela, ríndose del- Os romanos tamén se coroaban..., pero facíano con loureiro, que mo dixo meu avó!

-Iso..., ¿por que?

-¡Que Xanciño es! Os loureiros son..., ¡iso, inmarcescibles!

-Non tal; inmarcescibles son as auroras, que esas saen a cotío... A máis diso, as divas coróanse con pampillos e papoulas... ¡Agarda un momentiño!

Ela refusou:

-Non, que non son diva...; ¡en todo caso, Aurora!

-¡Diva fágote eu, miña Princesa! Mira, así. Agora, de xeonllos posto, adoro en ti á deusa Ceres, á dona destes campos floridos. ¡Salve, Aurora, deusa de tódolos verdes deste Castro Verde...! ¡Máis ou menos, un millón!

-Estás máis tolo có tolo da Pena Grande, que xa é dicir!

-Rapaciña, ¿sabes que tal a temos? Pois que outros tolean ouveándolle á lúa, pero a min pásame o mesmo..., cantándolle á aurora, á miña Aurora!

-Miro, xa está ben de andrómenas; déixate de flores, que aquí viñemos a por dentón...

-Pero, muller, imos deita-lo pan..., se o percorremos por estas cales!

-Pola fresca non se deita, que pola fresca non tronza, que arestora as canas do cereal están húmidas, húmidas e flexibles, ¡que por algo te fixen madrugar! Aquí, neste condado do Chamoso, non se collen troitas con bragas enxoitas.

-¡Pícara, máis que pícara!

-E ti..., un paspallás! Como sigas paspallando, ese cuco de Trascastro vaite capar, que xa te avisei!

-¿Onde está, que o capo eu?

-Os cucos sempre están detrás de quen os escoita, pero cucan para adiante, ou iso parece, que por algo son cucos! ¿Sabes como tes que facer? ¡Dígocho eu! Coa dereita apañas no dentón, e coa esquerda...; ¡coa esquerda gárda-las túas partes!

-¿Como teño que facer; así, poñendo a man por diante, como fixo Adán cunha folla da súa parra?

-Ti es máis pasmón có mesmo paspallás... ¡Un mozo que así se deixa enganar, mal Rei será!

-Se me axudas, podo espelirme...

-Daquela empeza agora; agora mesmo; ¡xa! Apaña o dentón coas dúas mans, como fago eu...., e mais non por iso me deixo catar!

Con aquelas bromas, duns e doutros, Aurora gozaba, e o Miro aprendía, que en bo sitio estaba, e con boa xente comía, que de todo, e de todos, precisa un Rei..., se quere reinar!


No hay comentarios: