Dedicado ós rapaces da nosa bisbarra, nestas vacacións do Nadal,
particularmente a aqueles que se estean iniciando nisto do Internet
MIRO, na escola
(Segunda entrega)
Esta é a historia dun Príncipe que non tivo preceptores maquiavélicos.
Como o relato é longo, sairá por entregas, séxase, por capítulos.
Xosé María Gómez Vilabella
Miro post Theodomirum
Sueborun rex efficitur.
Arxeriz, o druída
Aquel druída sempre tiña xente ó seu redor, pero neste día Miro madrugou, tanto ou máis que de costume, así que o pillou acendendo a lareira e facendo experimentos filosóficos cun tizón na man:
-Sete pallas con sete nós..., matan o tirizó! Se te-la espiña baixa..., levanta o ánimo, e daquela mira ó cume das pallozas, que de mirar para abaixo, baixo caerás! Polo pique, repique, as verdades verdades son; e se non se fai o milagre, perdo un capón! ¡Oh, meus ollos! ¡Que miro se miro ó Miro, que aquí vén, a cabalo dun cabalo branco..., feito un Santiago, aquel que non me deixaba trapallar!
Apeouse e deulle unha aperta ó filósofo, en son de amizade:
-¿Como te chamas, Druída, que non me gusta chama-la xente polo seu oficio..., salvo que sexa Rei?
-Arxeriz me chamo, señor; pero outros, con peor intención, dinme, O Último..., ¡porque xa non quedan druídas, conversos que foron! Curandeiro son, e sacerdote tamén, pero non do rito de Melquisedec, que aínda están a voltas coa miña conversión..., ¡e iso que o fan de parte de don Santiago, un cabaleiro que morreu e volveu! Por ser como son..., se me enfado contigo vai se-la túa perdición!
-Druída xentil, membro da xentileza do Castro Verde, ¿ameazas ó Miro..., sendo un simple vasalo?
-¡Nel alerto, meu señor! Un sabio que lle diga as verdades ó Xefe, non será vasalo, que será colaborador. Un sabio que lle diga mentiras, desas que regalan os oídos dos necios, lévao á perdición. Os amigos necios sempre son amigos, que se lles descubre moi fácil a intención; os amigos listos poden parecelo..., e non son!
O Príncipe quería saber, máis, moito máis, que a un sabio, por moito que se esprema, sabenza lle vai quedar.
-Se tan listo es, ¿por qué non te fuches para Braga, que alí é onde está a xente bragada, e non aí na Fonsagrada, que aí, de presente, só teñen eses faquires de Rozabragada? Se te cansas de andar, podes quedarte en Aquas Flavias, que é a chave..., porque está no medio do Camiño real!
-Rapaz, eu non preciso desas larganzas, que medro por dentro, ¡que é onde témo-la chave grande, as grandes magnitudes! ¿Quen foi capaz de medir un cerebro, un corazón, unha vontade? ¡Ninguén! ¿Por que? ¡Por iso, porque son cousas inabarcables..., de cativas que son! Cousas cativas, pero dun potencial abafador. Dunha semente humana sae..., ás veces, un home; e outras, outro animal! Non tódolos homes che son homes..., pero todos pertencen á especie animal! Pola contra, dunha semente vexetal sempre sae un vexetal..., ¡que niso non hai falacia! ¿Enténde-lo conto, meu neno?
-¡Regular! ¿Como é iso de que o home é un ser animal..., tendo a facultade de pensar, de recapacitar, de civilizarnos, fagocitando as nosas impurezas?
-¿Que se é animal...? Sempre foi animal..., máxime desde que caído está! Andan por aí os de Santiago dicindo que o van levantar, pero..., como non sexa con padiolas...! O caso real, o experimental, é que algúns homes, certos homínidos, son máis animais cós ídem..., pola categoría das animaladas que fan! Por veces superan ó oso, e outras ó cocho... ¡Son máis raposeiros có raposo, que xa é dicir!
-Oíndote falar... Pero ti, ¿que es, druída ou filósofo? Martinho díxome que ti es un rara avis... ¡Galaécico cun laudem, foron as súas verbas.
-Iso depende do péndulo! Cando penso, daquela son filósofo; mais, cando rezo, mutatis mutandis, rito druída opero.
-Entón, cando rezas, non tes pensamentos?
-¡Non fai falta telos! Rezar e a cousa máis sinxela do mundo, unha simple entrega, que todo consiste en abrirlle a Deus, a calquera deles, as portas da alma, e dicirlle algo así como: “Señor, Ti ben sabes que son cativo, que cativas son as miñas portas. Daquela, como Ti es Grande, non cabes por elas, pero precisamente por iso, por ser Grande, es Deus. Nesta disxuntiva, xa que eu non podo medrar, pídoche que te fagas cativiño, que non cativeiro, das miñas medidas, ¡para que podas demorar comigo, sequera un anaco! ¡Amén!
-Con iso, Deus, o Deus de tódolos deuses, é capaz de poñerse á túa altura, tan de miúdo?
O Druída medio se enfadou:
-¿Como, se non, sería Deus? O Rei que non é capaz de sentarse co mendigo...; ¡non reina no mendigo! Reinará no cabalo..., pero o que é no mendigo, non!
-Arxeriz, suposto que algo tes de profeta, ou que por tal te teñen, ¿coidas que chegarei a reinar, e que, se a tal chego, haberá en min un bo Rei?
-A reinar, non sei; pero a rei de minúsculas chega todo home de ben.
-Daquela, as mulleres, tamén? ¡Eu teño irmás...!
-¿As mulleres? ¡Ti es parvo: as mulleres todas son raíñas, que mandan nos homes, e todo iso sen levanta-la voz! Se non me cres, abre os ollos..., sequera sexa de cando en vez!
-Dime outra cousa, Druída: ¿Por qué contésta-las miñas preguntas con outra pregunta se despois diso acabas informándome?
-Non é de sabios a tardanza en contestar; pero si é de sabios repreguntar xa que mentres se repregunta, danos tempo a pensar. ¡Os galegos sómosche así! Fíxate cómo seremos, que incluso os que viñestes de bárbaros, tanto aprendestes dos nativos, que daquela, Roma, recuou..., ¡a pesares da súa cultura e das súas trallas! Por iso se fala de que Roma deixou os camiños deste país ben trillados..., amais de empedrados!
-Grazas por todo, Arxeriz. Se chego a reinar, mandarei que te enterren na Lomba...; ¡e plantarei un carballo, en lembranza túa!
-As grazas terei que darchas eu, por me escoitar, que agora xa sei, máis ou menos, o que de ti cabe esperar.
-Nada dixen de importancia...
-Pouco fai falta dicir para sabe-la clase do animal: ¡se rincha, é cabalo; se fala, e fala ben, aínda que non sexa home, camiño de selo vai!
-¿Non me das unha redoma das túas apócemas, ungüento ou xarope que sexa..., para males do corpo sandar?
-Dinche xarope de pico..., e non vas mal, que quen cura a alma, medio corpo ten curado! Por hoxe, máis nada. Se es home, vaite ás cereixas, antes de que as defunten os merlos, que poucas deben quedar; se es animal, onde pacer hai!
-Iso non cho entendo...; ¡nin a metade!
-Co entendemento non hai metades; ¡ou se está ou non se está! Desde que pápe-las cereixas, déitate debaixo das cerdeiras, e daquela ponte a pensar, que ó entendemento chégase despois de matinar! ¡Así che foi desde Adán!
-¿Coidas que niso adiantados imos?
-Os galaicos, si.
-Logo, ti es galaico...?
-Celta miña avoa, romana miña nai, e sueva a miña dona, que por suave me deixo dela afeitar. Todas nadas no Castro do Rei, Azúmara abaixo, xa cerca do Miño, ¡que ese é meu pai! ¡Se isto non é ser galego, que o diaño me leve!
-¿A onde?
-¡A onde vai ser, ó Ceo! ¿Coidas ti que Deus se deixa vencer polo demo? ¡Tentar, si; e se non, que llo pregunten a Cristo! Pero só ata certo punto, que miúdo Rei temos! Ó Deus dos cristiáns non hai deus que o engane, ¡que cho digo eu, e iso que son profano!
Lucerna
Sabedora Lucerna de que Miro adoitaba lavarse na pía do Azor, un día agosteiro tívolle a chegada facendo que enchía unha sella, coa ferrada.
-Son Lucerna, filla de Gontrán, e irmá do Ramiro, teu colega na escola deste lugar.
-Ben fixeches en dicirmo, que unha moza, no río, a estas horas, de non ser Aurora por Xana te tomaría.
-Se queres, douche de beber desta auga fría, que pola miña ferrada mellor che sabería.
-Non está mal, nada mal, que Aurora, de estar aquí, por unha verza bebería; así que, das ferradas, neste Rego do Azor, desafeito estou. Na miña Braccara, a xente de meu pai bebe en cuncas de prata...
-¡Esa Aurora, esa desvergoñada...! ¿A quen se lle ocorre darlle de beber ó fillo dun Rei..., por unha verza raxada?
-¡Pois non che é un mal bicarelo! ¡Nin Aurora unha mala anfitrioa!
-Eu sei mellor como tratar ó Rei, meu señor..., ¡que as fadas, miñas madriñas, que vou para Raíña saben, que tal vaticinaron! Por iso me van ensinar a ser cortesana..., que é máis que ser Xana!
-Non queira Deus tal cousa..., que as cortesáns están erradas! Aínda falta a primeira que chegase a ser raíña verdadeira..., por moito que despracen nela! A que tal che dixo, podes crerme, foi unha Mala Fada. Eu estou aquí para deprender, pero disto tamén che podo ensinar. De paso sábete que na Corte Braccara endexamais houbo cortesáns..., co puro que é meu pai!
-¿Ensinarme, ti? ¿Ti ensinarme..., a amar? Coido que xa sei..., polo moito que diso oio falar!
Miro, certamente irritado por aquela tentación tan descarada, a punto estivo de subir para o Castro, en solitario, pois a Lucerna ofrecía demasiado. Lucerna en por si, ou quen enganada a tiña! Pero coidou que era mellor desfacerlle os erros, predicarlle aquelas virtudes das que ela, ignara estaba, pois é lei de reciprocidade ensinar ó que non sabe. Nesas emocións, sen pensalo máis, botoulle unha man á sella, pola asa lateral, e díxolle á Lucerna:
-Como me prace camiñar de par teu, nun amigable platicar, ti colle estoutra, e daquela ímolas virando cara ó Castro!
-Lévoa eu, na miña cabeza, que así non a ergo tanto...; ¡a cabeza, digo! Con iso fágome humilde, aquí por xunto do fillo do Rei, que iso da humildade tamén mo aconsellou meu pai, Gontrán, que el tamén é fillo de Rei, un Rei dos francos...
-Muller, que xa non cortesá, ese fillo do Rei Teodomiro ó que te refires, aquí non está. Quen veu no seu lugar foi un estudante..., un estudante das experiencias vitais, que lle gustaría leva-las mozas polo van, mais habendo unha sella en medio, máis seguros van. ¡Máis seguros e máis formais! Daquela non serei eu que avasale á filla de Gontrán, que é un bo amigo do meu pai. Por se iso fose pouco, ti e mais eu xa bebemos pola mesma ferrada, cousa que irmandados nos fai! Se lle quero ó Ramiro tal e coma se fose un irmán, ti, que é-la súa irmá, ¿non resultará que tamén es, de meu, media irmá? ¡Polo menos, iso!
-Miro, Miriño, eu queríate conquistar..., ¡para min! Sequera un cacho; e coa auga do Azor, tan riseira como é, un feitizo botar..., ¡que así mo aconsellou a Fada Morcega, unha que ensina a namorar!
O rapaz riuse:
-Daquela..., ¡mala mestra é, que a pouco te bota a perder! Un Príncipe non se pode namorar dúas veces, se é de lei, que iso me dixo miña nai, unha muller de ben!
A moza quixo pousa-la sella mentres se lle escapaba un suspiro, saído do fondo do peito:
-Sendo así, ¿de que podemos falar, ti e mais eu, dous rapaces que ferven, sen ter xuntoiro posible?
-¡De tantas cousas, muller, que tempos virán nos que homes e mulleres, afianzada a súa personalidade, convivirán sen..., sen tolear! Vou empezar: ¿Ves este camiño, este Camiño Ancho, esta Gran Vía? ¡Pois, coma todos, leva a Roma; e á Braccara Augusta, tamén! Os camiños que levan, levan e traen, que así viñen eu, amigos buscando e amigos facendo, fosen homes ou mulleres, ¡que a convivencia é o que ten! Polo Camiño das Galias, Ovetum entrando, onte viñeron os nosos avós, os teus e mailos meus.
Daquela, xa que viñemos, e xa que nos quedamos, aprendamos, xuntos, a quere-la terra, a non deshonrala con xacementos espurios, pois, ¡miña pobre!, ferida quedará se feridas facemos, nela, ¡tal que arrebatándolle a virxindade! ¿Enténde-lo, muller mal aconsellada?
-A verdade é que moito, non, pero, ¡gústame oírte!
-Iso me pasa a min cos teus; ergo, teremos que irmandar mellor para facernos comprender, ¡que cando hai fraternidade afórrase moito, incluso nos falares!
-¿Pourquoi?, que dicímo-los francos.
-Pois, ¡é que xa falan os ollos por nós! Mira as herbas verdes deste prado verde, aquí nas abas do Castro Verde: as herbas póñense ó servizo da divinidade, pois tan só a divinidade as pode facer, reproducir, regar e medrar; por iso se senten irmás nosas, no pracer e tamén na dor. ¿Non notas que sufren debaixo das nosas pegadas? Aínda así prefiren sufrir e calar; ¡facer de alfombras mudas para gusto nos dar! A herba é sublime, ¿non si? ¿Enténdelo; agora si?
-¡Agora! E tanto que o entendo, que as quero bicar. ¡Herbas, herbiñas do meu lugar, bico en vosoutras ó puritano do Miro, que me ensinou a querer con fraternidade! Bícavos a filla de Gontrán, aquela que quixo ser cortesá para estar cerca deste fillo de Teodomiro...; cousa innecesaria..., xa que me toma por irmá! ¿Pousámo-la sella, outra vez, aquí, na herba, que coa fatiga do meu corazón trábaseme a lingua, e sen falar non sei andar?
-Pousémola, muller, fermosa Lucerna, que así cóllote do van, aquí por xunto destas canaveiras, que abeiro nos dan; pero, iso si, en boa irmandade, sen tentacións que nos leven a pecar! ¿Escóita-lo cuco? A ese tamén lle propuxeron namorar nos niños alleos, pero, de tan pillabán que é, non escarmentou! ¡E non sabe o que perdeu!
Falando doutra cousa: Seica lle gustas ó Recesvinto, do Druída neto, así que, cando sexa Rei, na miña Corte viviredes, cabe da miña Aurora! Ámbolos dous casados, que xa lle encargarei a Martinho que vos case. En Braga queda moito que facer, e farédelo en graza de Deus. Alí quero seguir coa Corte, alí, ó Sur, que é sitio máis conflitivo, máis fronteirizo. Quero mandar, e ser respectado, sen por iso deixar de ser amado, en tódolos castros da Gallaecia, desde este de Lugo ó que cae alén do Texo, e dende o mar ós Campos Gallaeciae, que caen ó Leste.
Na miña corte braccara non quero faccións nin cortellos. Quero sabios, moitos. Quero guerreiros; listos e pacíficos, a poder ser. Quero vaqueiros, uvas, cereixas, dentón salutífero... Pero, a tal momento, o que máis quero, son mulleres decentes, mulleres que ensinen a selo..., ¡lonxe da Fada Morcega!
A rapaza abría uns ollos tan grandes coma unha ferrada:
-¡Que panorama, Deus; que futuro! ¿E daquela, as cortesáns desa bruxa pirula...?
-Se algunha por alí aparece..., botareina ó monte, a pacer, con súas irmás, coas bestas!
-Miro, Miriño, daquela serás un bo Rei. ¡Que Deus te bendiga; amén!
-Serei bo se os vasalos non se senten avasalados, se me axudan, se me axudades a reinar.
-O que é por min, ¡empeza xa!
-¡Iso non será mentres viva meu pai! ¿Ou é que ti non respectas o teu, ó Gontrán?
-¡Tanto coma a un Rei..., que o rei primeiro, o máis grande, para min, e sempre, será meu pai!
-Ben falado, muller! ¡Daquela lémbrate de que tamén eu teño pai!
Na caza do xabaril
Adestramento de guerra; e de paso, carne para asar. Ó Miro adestrouno Rudesindo, Garda Maior do Castro.
-Empezaremos aprendendo a correr..
-¡Diso xa sei!
-Ti corres moito, pero quen corre é o teu cabalo. ¿E se caes, ou te tira, ou cho matan? Un cabaleiro ten que correr igualiño có seu cabalo..., ¡por se llo rouban! Iso é o que mandan as leis da cabalería andante..., ou sexa, cabaleiros que andan, desde que cansan e paran de correr! Rapaz, meu aprendiz de Príncipe, unha retirada a tempo é unha vitoria, con cabalo ou sen el, que xa o dixo César, aquel da Guerra das Galias..., daquela que foi a por pitas e saíu galeado! Os suevos estámosche cansos de emigrar, que levamos, neste século, media Europa gradada; media Europa vista, desexada, e..., perdida. Pero do Fisterrae non nos poderán botar se aquí resistimos, sexan godos ou visigodos, vándalos ou alanos; ¡se aquí enraizamos, se aquí prosperamos!
-¡Para iso, e para máis, contade comigo!
-¡Para iso valerás..., se sabes cazar!
-Estou aprendendo...
-De momento, razoar sabes, ¡que xa é algo! Pero, ás veces, coa razón non basta, que o contrincante, diso sabe, ou non sabe; e daquela hai que poñelo en razón, coas forzas de cada quen. Coas propias, e tamén coas que xunte nos seus, seus amigos, concitados pola autoritas de quen teña poder e saiba vencer. O Xefe, de primeiras, ten que convencer, e para iso só existe unha fórmula, ¡saber! Só quen sabe ten dereito a querer; e querendo é como se chega ó poder!
-Todo iso, caro Rudesindo, está ben..., pero entendo que non é materia de educación física...!
-¡Si que o é! ¿De que vale darlle forzas a quen só teña, só use, a razón da forza? ¿Non será mellor usa-la forza da razón? O Xefe debe suxerir, propoñer, estimular. Tan só cando a indisciplina do subordinado se encrespe, tan só naquel intre, ten dereito a ser coactivo, mandón. Manda-lo súbdito ó alxube, como din os bérberes, pode ser preciso, pero sempre será un signo de fracaso, que quen ensina ben, suspensos non debe dar.
Miro obxectoulle:
-¡Hai disolutos sen remedio, en permanente disolución social; polo menos, iso é o que di meu pai, Teodomiro, a quen tanto admiro!
-Certo que os hai, que eses tales son difíciles de ensinar, ¡pero o Xefe fará ben ordenando..., que lles ensinen a razoar!
-¿Se nin así razoan, daquela..., estaca? ¡Supoño!
-Con xeito, engorde, sen ira, pero daraslla. Con xeito, que eses tales adoitan ser levantiscos, contaminantes e convincentes, que se lles dá ben acaudillar..., mesnadas de borregos!
-Estame parecendo que non é un bo oficio iso de gobernar...
-O difícil non é ser, que a ser calquera pode chegar, por elección ou por heredade; o grave está en estar, en perdurar, en merece-la perdura, en pasar á Historia Real. Mais agora calemos, que ese xabaril estanos ollando...
-Ese, non, Rudesindo; ese é femia..., que detrás vén a cría!
-Daquela non sexamos nós os causantes de tal orfandade..., ¡que bastantes orfos no mundo hai! Olla pola sinistra, que aí asoma outro, grande, con pintas de caporal... ¡Rapaz, tíralle esa xavelina! ¡Con brío e sen pavor! ¡Agora! ... ¡Aquí o tes, caído ós teus pes!
-Non quixera ter que matar; ¡non me gusta!
-Foi en defensa propia, a única xusta. ¿Non quererás que aí arriba, no Castro, os nosos, pasen fame, habendo tanto animal?
-¡Non; iso nunca!
-Daquela, nestes casos terás que cazar, terás que guerrear..., aínda que guerreiro non sexas de teu natural!
-¡Se o teño que facer, fareino..., en ben da humanidade!
-¡Así se fala, Miro; así fala un Rei..., un Rei que merece selo!
No hay comentarios:
Publicar un comentario