Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

06 enero, 2007

Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde

Volvemos ó rego, volvemos ó millo.

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

No noso Castroverde estamos volvendo ó rego, ó rego dos cultivos cerealistas, en particular ó millo, máis ben por obra e por graza dunha desgraza, aquela alarma das “vacas tolas”. Isto non é ningunha chanza, senón algo moi serio, bo, axeitado…, e incluso, patrimonial! E como de ben nacidos é ser agradecidos, aquí temos unha débeda de gratitude. Explicareime:

O millo aborixe, segundo é sabido, foi substituído polo “maíz”, de orixe americana; e co maíz, nesta bisbarra, multiplicáronse os hórreos, e naceron os cabazos; cebámo-los porcos, cocémo-la boroa… Incluso ampliamos o léxico: maínzo, milleiro, millo amarelo, millo apicharado, millo de barbeito, branco, centieiro, colorado, conde ou rubio, das restrollas ou restebado, de cedo, de fóra, de tarde, do gando, do país, do patexo, dos paxaros ou paínzo (millo miúdo), escaleirado, falso, forraxeiro, de frade, gaiado, graúdo, mouro, de orxo, pego, rubio, serodio ou tardío, temperán, tremesiño, veado...; amén das expresións: botarlles millo ós paxaros, colle-lo millo, debulla-lo millo, esfollalo, palla do millo, fariña milla, pan de millo ou boroa... Todo iso sen contar os novos termos, eses que están xurdindo co uso, e do uso, das máquinas recolledoras, que ata traballan de noite, amargándolle-la vida ás curuxas!

O lamentable é que saibamos tan pouco deste cereal, da súa implantación, da súa vida… ¡Pois veu, chegou a Castroverde, polo Camiño das Asturias, polo Primitivo, que non só serviu, e serve, para ir a Santiago en busca de perdoanzas! Nisto do millo non sei se tería intervención o noso Matamouros, pero si consta que quen a tivo, eficaz por certo, foi:

O almirante don Gonzalo Menéndez de Cancio, Gobernador da Florida, casado con dona Magdalena de Luaces[i]. Debémoslles a introdución do millo americano, que o sementaron, primeiro en Casariego, -que é desde onde avanzou polo Camiño Asturiano-, e despois dona Magdalena tamén o levou ó seu Mondoñedo, onde tiña fincas e parentes. Hai constancia escrita diso, indubidable, porque no Inventario desa nobre familia, ó falecer no ano 1.729 don Lorenzo de Cancio y Donlebún, descendente do Almirante, saliéntase, ó folio 9 v., “Un arca de Zedro en que vino el maíz de Indias”. (Arquivo da Casa de Casariego). Os Cancio, ou Canzo, tiñan outra casa patrucial na parroquia de Nogueira de Burón (Lugo). ¡Entre Cancios e Luaces, nós, cercados; cercados e cercanos!

En verbas de Fermín Bouza Brey (Etnografía y Folklore de Galicia): “Cuando el maíz llega a Galicia, el panorama de nuestra agricultura es éste: no hay más pan que el de mijo y algo de centeno y de trigo; no ha asomado aún la patata, y es la castaña la que suple el peso alimenticio que después ha de tener el tubérculo. En Asturias los mismos cereales, con más un poco de escanda”.

Pechemos esta reflexión socio-económica coas estrofas dunha cantiga popular, recollida por Leiras Pulpeiro. ¿A que tamén a teñen escoitado nas terras do noso Castroverde?

¡Auguiña, a da miña fonte!

¡Maínzo, o da miña veiga!

¡Mozas, as da miña rúa!

¡Campás, as da miña igrexa!

[i]Xa sabemos que os Luaces proceden da Casa de Pousadela, na parroquia do mesmo nome, Luaces, aí en Pol, estendéndose por Baleira, Mondoñedo, etc. ¡Veciños nosos, por tanto!

[ii] O das campás si que se lle debe a Mondoñedo pois de aí viñeron os campaneiros que fundiron a maior parte das que temos hoxe en día por toda esta bisbarra.



No hay comentarios: