Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

12 marzo, 2008

Seriais Literarios


¿Pódese pasar?


-III-


Novela satírica

de

Gómez Vilabella


Un momento despois, que na Eternidade, como as cousas se fan primorosamente ben, e por tanto levan o seu tempo, visitaron ao Fiscal, a Frei Marcos, aqueles Fisgas, aqueles xemelgos, asignados ao caso, tan cativos eles, comparativamente cos Tronos, e xa non digamos coas Dominacións, que no Ceo chámanlles, afectuosamente, "Microchips". Viñan alasando, polo peso pero tamén polas présas:

-¿Que traedes aí, nesas angarellas, para que teña que axudarvos unha parella de Querubíns? -Inquiriu Frei Marcos resistíndose a crer o que vía.

-¡É o expediente terreal do seu amigo; estes son os vídeos sincrónicos da súa ánima, dos seus actos e das súas teimas!

Pero o Fiscal seguía incrédulo:

-¿Estades certos? ¿E non serán os do Aceite de Redondela, aquel asuntiño de marras?

-¿Por qué o di, Frei Marcos; ou é que dubida da nosa aptitude, a máis da nosa actitude?

-¡Polo volume e polo peso, semellante rolo..., para un só Elemento! ¡Rapaces, isto é desbordante, inusitado!

Contestoulle o Fisga Seis, mais era igual quen o fixese dada a afinidade que tiñan ámbolos dous:


-Querido amigo, as evidencias sonlle estas, que aquí non hai erro posible; e se non o cre, vexa este rótulo: PROCESO DE DON LITIS, SECRETARIO QUE FOI DO CONCELLO DE CHURIZ, FALECIDO POR CAUSA DIRECTA DUNHA CHEA DE PERCEBES EN MAL ESTADO, QUE LLOS REGALARA UN PICAPREITOS DA CORUÑA QUE RESULTOU SER AMIGO DA PARTE CONTRARIA. SENTENCIA RECAÍDA: CEN ANOS E UN DÍA DE PURGATORIO, CON ILLAMENTO TOTAL, SEN RECIBIR DÁDIVAS NIN VISITAS FEMININAS, ASÍ COMO INHABILITACIÓN PARA EXERCER CARGOS PÚBLICOS PER SAECULA SAECULORUM. AMÉN.

-Ti, o que falaches, ¿es Fisga Seis, non si?

-¡Servidor! Aquí ao meu irmán chámanlle, tamén en clave, Fisga Nove; pero coido que vostede xa nos coñece, doutras...

-Si, pero custoume distinguirvos: os dous sodes tan puros, tan puros e tan brancos, ¡inocencia absoluta!

Quen lle contestou foi o Nove:

-¡Élle fácil! Eu, Fisga Nove, sempre miro para arriba; e aquí meu irmán fita para abaixo; desta maneira a imaxe sae conxuntada, en oito micras, bastante completa e máis ben compacta, con moitísima definición.

Frei Marcos invitounos a sentarse cabo del, naquel curruncho da Fiscalía, nuns escanos cirróticos, deses de cirros compactos, que no Ceo todo é sólido, pero transparente, ¡máis có diamante!

-Rapaces, esa técnica ímola precisar na Apelación deste Fulano, que xa sabedes que pide...; non pide, esixe, Casación, por Infracción de Lei! Tratándose dun Elemento, teremos que mirarlle os feitos, as feitas e mailas desfeitas, do dereito e do revés, por arriba e por abaixo..., ¡escroto incluído!

-¡Pois para iso estamos, Xefe Marcos; ao seu dispor, así que empezámo-la nosa tarefa cando guste, agora mesmo que sexa!

-¡Grazas, amigos! Pero antes fareivos unha advertencia: Se temos que preguntarlle algo, algunha puntualización, ao Litis, poño por caso para esclarece-las súas contradicións dialécticas, tede por seguro que alegará ignora-lo galego; por conseguinte, non lle fagades caso: vosoutros seguide nesa lingua, que ben expresiva é, que tamén lle falaban desa maneira aqueles paisanos da pucha, e ben que se entendía con eles, ¡máis que á viceversa! Agora as pégas, os encordios, poñémolos nós, ¡que el xa pasou de mangante a mangado! ¿Conformes? Entón poñámonos a visar as películas deste Peliculeiro; pero ollo aos renuncios, e tamén ao tráfico das influencias…, por se mete recomendación, que no Ceo sempre nos pasamos de inocentes!

O señor Marcos, Tío Marcos, Marcos da Portela, Frei Marcos, que tódolos nomes e tódolos tratamentos tiña, tiña e merecía, acomodouse na súa cadeira de Auditor do Tribunal de Depuración do Caciquismo Galaico, gañada a pulso naqueles tempos do seu estudio das miserias labregas. De par súa acomodáronse o Fisga Seis e mailo Fisga Nove, dispostos, todos eles, a facer xustiza, ¡da boa, da xenuína, da celestial!


As pasaxes da vida impúdica daquel Litis, das que alí se tomou nota, foron as seguintes, deixando para a Defensa aqueles cadros nos que se vía ao Secretario referíndolle pecados miúdos ao Arcipreste de Churiz. Nas súas confesións, nas parciais, naquelas que os da Fiscalía lle cederon á Defensa, non todo era virtude pois o Secretario, en vida, só confesara os veniais, e para iso mesturados con algún que outro que era do próximo. Fixérao así, a estilo fariseo, para que o Arcipreste non formase mal concepto, para que o admitise de grado na súa intimidade, e maiormente para comparti-las timbas de dominó do Café Central. A propósito daquel Café pouco haberá que dicir que sexa puro, pois, á parte de acubilla-las forzas vivas de Churiz, naquel mentideiro acostumaban parar eses cazadores de altura, tan afeccionados á pita do monte dos Ancares, amén dos pescantíns da cana libre, xentes dun creto valorativo moi escaso, e ás veces, inapreciable.

Aqueles Analistas, aqueles Inquisidores, aqueles Fiscais que vimos de coñecer, pecharon as portas do seu Laboratorio Analítico e tiraron dos cortinóns para que o resplandor do Ceo non lles impedise aprecia-las tebras da ánima de don Litis, que así, por ese alcume, era coñecido nos Libros de Admisión Celeste aquel prototipo dunha caste de mangantes que tanto abundou na nosa Galicia, polo menos ata a época da transición política na que empezou a estar mal vista a cacicada ordinaria, tradicional e crasa. De entón para acá os Operadores Locais saen das urnas despois dunha incubación de catro anos; quere dicirse que teñen outro enxendro e, sobre todo, cultivan outro enxeño, que aínda é un secreto de Estado por tratarse de técnicas sofisticadas, de imaxe, elitistas; tanto, que coido non se vulgarizarán ata que avance o XXI e se impoñan as listas abertas, séxase, desbloqueadas, que desas artes fálase pouco mentres viven os interfectos; por respecto humano, supoño, ou acaso porque se espera, deles, deses Conseguidores, previsoramente, certas cuñas axeitadas ás necesidades de cada quen. Isto que segue foi o que apuntaron aqueles Investigadores da Auditoría Celestial, traducidas ao galego tódalas intervencións castrapas, que por certo foron abundantes:

-...


-¡Arriba España! Don Manuel, meu querido Alcalde, aquí lle amoso estas credenciais: Carné da Falanxe. Unha fotografía vestido de Alférez das Milicias. Estou marcial, ¿non si? Certificado de alumno distinguido, séxase, ¡cum laudem!, da Escola de Administración. Unha carta do Gobernador onde lle di, a vostede, si, a vostede, que a adhesión da miña parentela, maiormente miña tía, -fabricante en Noreña duns chourizos magníficos, homologados polo Soivre-, ao Glorioso Movemento, sempre foi..., iso, ¡inquebrantable, estática! E igualmente meu tío, un Camisa Vella, ¡daqueles de Vilagarcía! ¿Sigo? ¡Teño máis, que teño méritos dabondo como para que me fagan Gobernador!

Con iso, con semellante alocución, o Alcalde de Churiz quedou impactado, ¡e sobroulle!, feliz e admirado con aquela adquisición, con aquel complemento, excepcionalmente titulado:

-¡Canta nobreza! ¡Ai, ho, coa metade deses títalos, e coas miñas influencias, xa sería eu, lo menos, Alcalde do Sáhara, que seica é o Concello máis grande de cantos temos, que por algo nos din os ideólogos do Partido que España é Unha cousa Grande, e tamén Libre, libérrima! ¿Non ve-lo meu caso? Fago canto quero, e só coa palabra, coa verba..., sen usa-la vara, que nunca precisei ameazar, a ninguén!

Don Litis, ou Litixios, a escoller, tentou aquel terreo para asegurarse de se o Xefe Local era efectivamente un as de bastos, que esas referencias lle dera un amiguete seu, un carca daqueles da Xefatura Provincial. Proseguiu, só que cun mínimo de cautela:

-Como ve, sonlle de fiar, así que fiarei ben fiado, do fino; quero dicir, coa clientela súa, que do seu nada preciso; ¡en absoluto! Neste distrito de vinte mil almas podemos vivir os dous, a pleno pulmón, ¡sen suar pouco nin moito! ¿Que, qué me di? ¿Acoplámonos?

Don Manuel, que xa o iremos coñecendo, ademais de terratenente era un bo veciño, amigo do que máis..., ¡do que máis lle daba!

-Pola miña parte non haberá problemas, ¡sempre que respectes o meu couto! Así que empezaremos pola derrega: En público ti e mais eu tratarémonos de don, ¡como nos corresponde! Este é o primeiro dos Mandamentos da Autoridade, que mos ensinou o propio Gobernador, daquela..., ¡daquela que me escolleu, pola graza de Deus! O segundo é semellante ao primeiro: ¡Tratar aos Cregos mesmo, mesmo, coma a ti mesmo! Tamén mo dixo aquel Gobernador; e para máis consello engadiu que desde as liortas de Franco co Cardeal Segura, "en España non hai mellor seguranza". A partires diso, nós redactamos tódolos Mandamentos; ti e mais eu. Mellor dito, eu douche as ideas, e ti repárte-las comas, as comas e mailos tiles, que naqueles exames patrióticos..., iso, que non había tempo para chanta-las vírgulas, e logo que para algo están as Secretarías Letradas, ¡digo eu!

Aquel Técnico tan técnico era que nunca esquecía unha peza:

-Manuel, fáltanos un resorte, unha precaución: ¡que aínda non falamos dos Concelleiros...!


O Alcalde riuse, a pracer, co seu riso aberto, bonachón, que por tal o tiña o seu Párroco - Arcipreste. ¿Quen mellor para opinar do seu Gran Edil, do seu Commendatore, que o psicanalizaba anualmente, polo Precepto?

-¡Ese problema é meu! Aquí son o Alcalde, por obra e por graza de Deus…; de Deus, e tamén do señor Gobernador, por suposto, que non serei eu que o faga de menos! Ti es o meu Secretario, ¡por obra e por graza deses estudios, deses certificados, desas recomendas...! E logo están os Concelleiros…; en efecto, eses Concelleiros do nabo engurrado...; ¡pero están ao remate da corda, do cinto, chegando á fibela! ¿Concelleiros? ¡Boh, eses son os meus lexionarios; coma quen di, o Tercio, as lexítimas curtas...!

Litis aproveitou para darlle unha enxaboadura:

-Certo é, e razoado está; ¡propio dun Alcalde competente, dun home excelso, unxido pola graza de Deus! Pero, ese Terzo, o familiar, maiormente nalgún Concello desta bisbarra, seica deron murga, co bombo e cos pratos...; ¡en plural, que nada de prato único!

-¿Os do Terzo? ¡Boh, eses tamén os presido eu, eu mesmo, que son cabeza de Familia, Numerosa, e con título!

Aquí mesmo, neste punto, cortouse a primeira daquelas cintas, daqueles vídeos biográficos, anímicos, que na presentación non se falara máis nada; ¡nada importante, que para toma de posesión foi abondo! Pola familia do Manuel, á diferenza dos anteriores, aquel Secretario nin preguntou, que non é boa dialéctica mesturar as churras coas meiriñas. ¡Non lle preguntou ao Manuel porque xa lle preguntara ao Comandante do Posto da Garda Civil, para o que tamén trouxera un mazo de credenciais!


No arquivo persoal, no confidencial, no daquel Sarxento mostachudo, ¡tan eficiente coas caxatas de refillo!, había constancia, confidencial, de que dona Mabel, Mabeliña para os íntimos, era amiga dos amigos, ¡á súa maneira! Amiga de facer favores con tal de que o don Juan da quenda levase gravata, e a invitase a café, polo menos a café, de cando en vez, tal que no Parador de Portomarín, ou no de Ribadeo, canto máis lonxe, mellor, nas ocasións, frecuentes, nas que o ínclito don Manuel se ía a Madrid, dicíase que ás xestións propias do seu cargo, ou sexa, a bailar, alternando con certas bailarinas, correspondentes, gueixas, de boa parte da alcaldada española, ¡por tempos!

"Alternancia" para o Alcalde de Churiz era sinónimo de vacacións pagadas, claro está; principalmente do capítulo da conta "B", aquela dos Gastos de Representación, que se nutría dos, "Teña, mil pesetas, para un café..., e mil grazas. ¡Desculpe polo pouco, pero é que este ano..." De sobremesa, extratipos; en metálico, sen retención fiscal. Extratipos das contas bancarias nas que se adurmiñaban, ¡ou extraviaban, definitivamente!, os Presupostos descarreirados, os desafectos, os conseguidos oralmente; ¡daquel xeito ou doutro, pero sen papeis!

Pola súa parte, aqueles Fisgas, técnicos en gardar e en escudriña-las ánimas, instalaron as cintas do Caso para estudalas coidadosamente, pero con certa indulxencia, deténdose con particular atención nas que aquí se refiren, de seguido.

O enigma está na localización dese Churiz, e mirade que presumo de coñecer todo Galicia, e parte do estranxeiro, desde o Navia á Fisterra, e de Tui ao Bierzo, pero, nada! Fracasado na miña xeografía, consultei con sete sociólogos, ¡hainos por milleiros, case tantos como avogados!, pero todos me dixeron que para iso, para esa localización, non hai compás; que casos semellantes déronse, moitos, lo menos, lo menos, en 303 Municipios deste país, desde aquela Guerra Incivil ata que foi amencendo esta Democraciña, tan tenra e tan inxenua a pobre que arestora aínda está no seu barrelo, na súa caneta. Ítem máis: dixéronme, pero neste intre non me lembro quen foi, que as gorgas abrollan, a menos que se traten estas terras tan débiles e tan proclives, de natureza caciquil, unhas por comenencia e outras por pura necesidade, co herbicida "ombudsman"! Engadíronme, a título de bo consello, que, polo si ou polo non, se quero ser feliz, que vote, que pague os trabucos relixiosamente, e que cale, que a Democracia Inorgánica, esta rapaciña coa que casamos, xa de segundas, tampouco sae de tanta honra como dela se esperaba, que por algo, ¡por moito!, a Igrexa non a acepta, non a goza, ¡polo menos na Curia Romana!


1 comentario:

Anónimo dijo...

This comment has been removed because it linked to malicious content. Learn more.