Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

06 septiembre, 2008

A exposición de Baldomero Pestana no Museo Provincial

EDICIÓN IMPRESA

O Museo Provincial de Lugo descobre o pulso rigoroso de Baldomero Pestana



Jaureguizar / El Progreso (Lugo).

Gabriel García Márquez, Mario Vargas Llosa ou Pablo Neruda miran dende retratos fotográficos feitos por Baldomero Pestana no Museo. As súas imaxes, que os presentan moi novos, forman parte da exposición que o Museo Provincial de Lugo dedica ata o día 2 de outubro a este artista nacido en Pozos (Pena-Castroverde), segundo informa o diario El Progreso na súa edición impresa deste xoves.

Xunto a eses persoeiros aparecen Laxeiro, Ciro Alegría, Man Ray ou Julio Ramón Ribeyro ata sumar unha vintena de fotografías realizadas por este artista que marchou con catro anos á Arxentina, onde exerceu como fotógrafo comercial, pasando a ser logo fotógrafo artístico no Perú.

Nos retratos busca a maior naturalidade posible, fotografando aos personaxes no seu ámbito, sen incluír os elementos simbólicos que aparecen nas súas pezas debuxadas.

Hiperrealismo
Paralelamente a esa carreira coa cámara, desenvolveu outra dedicada ao debuxo. Esta faciana está tamén presente a través dunhas corenta obras de gran tamaño e técnica hiperrealista realizadas en lapis de grafito sobre papel Bristol.

Nos debuxos pode mirarse un Pestana desenvolvendo a súa preocupación pola dimensión social do home, polas diferenzas sociais e polas liberdades individuais.

Nese apartado da mostra hai unha gran influencia da etapa que botou en París nos anos 60, polo interese con que reflicte as inquedanzas daqueles anos entre os mozos. As follas de xornais engurradas son unha constante nas obras, falando do fugaz do tempo e do complexo e tráxico da actualidade.

O mundo clásico está sempre presente a través de arquitecturas, coma arcos, e de esculturas de figuras humanas que serven de fondo e de contraste ás denuncias das situacións de miseria que protagonizan nenos de paisaxes hispanoamericanas. Ese mundo de miseria foino coñecendo este oriúndo de Castroverde nos diferentes oficios que desenvolveu ao longo da súa vida, especialmente o de fotógrafo.

Os seus periplos permitíronlle reflectir tamén grandes paisaxes, as montañas e os barrancos, que aparecen ocupando as súas obras en papel con paseantes que están sentados de costas ao espectadores para contemplalas con admiración.

O seu xeito de concebir a pintura de paisaxe foi o hiperrealismo, ao mesmo que acontece coa súa obra máis simbólica. Esa técnica coñeceuna en profundidade durante a súa estadía en París a raíz do seu contacto con artistas na capital francesa. Esa influencia levouno a decidirse a amosar os seus debuxos.

A súa fotografía acabou sendo moi popular nos anos 60, pois moitas das imaxes coas que se compoñían os carteis turísticos dese tempo eran súas. O Ministerio de Información e Turismo encargoulle un traballo que o levou a percorrer España durante nove meses.

04/09/2008


No hay comentarios: