Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

29 noviembre, 2008

Andanzas, chanzas e danzas


A esculca das mozas

¡Iso queda tan lonxe na “Memoria histórica” que necesitarei xuralo para que me creades! ¿Qué fórmula queredes? ¿Válevos que o faga por San Baco bendito, patrón dos borrachos, que son os únicos que din a verdade, ademais dos nenos?
Lonxe parece ir, pero eu lembro casos, ¡e non poucos!, nesta bisbarra de Castroverde. Por encima de todo tiñamos a endogamia, que quitou a fame de moitas casas amecendo leiras; iso ademais da cómoda, ou da hucha, das colchas de la, as sabas de liño…, ¡e por veces, unha xata para a cría! Aquela endogamia, sen subirnos á xenética, tiña de bo que os parentes non podían dar testemuño nos preitos veciñais, nos civís, pero non sempre era factible acadar esta lotería, así que…, ¡chufón ao canto!
Non servía calquera para chufón pois tiñan que concorrer varias circunstancias: A fiabilidade do intermediario con respecto ás dúas familias pactistas. Un coñecemento directo e profundo das solvencias respectivas, e de posibles enfermidades hereditarias e/ou secretas que prexudicasen a descendencia irrenunciable… ¡Amén dunha boa besta para os desprazamentos a distancia! Tamén labia, dialéctica, suposto que tiñan que rebater, por vía diplomática, as suspicacias daquel dito, tan acreditado coma o Credo, de que, O que lonxe vai casar, tacha leva ou a vai buscar!
Teñamos presente que aqueles matrimonios eran indisolubles, permanentes, e incluso con proxección eterna pois a ninguén se lle ocorría matinar que puidese haber un distanciamento alén do purgatorio. ¡Era preciso atar ben atado, escoller con tino! (Se abro unha paréntese coido que poderei dicir que un casoiro destes modernos, tipo aluguer: ¡O que primeiro se aburra, que se vaia, pero que deixe a porta aberta para o subseguinte connubio!, non require tanta premeditación, tanto estudo recíproco coma aqueles dos nosos pais)
Se a moza non era do lugar, entón a dote había que sopesala moito, pois, a falta de leiras amecidas, mil reás eran mil reás, e non se chegaba a eles tan doado, que daquela non había subvencións, nin pensión dos vellos, nin…, ¡nin eucaliptos para vender!
Se o mozo non coñecía á rapaza, forzoso era fabricarse un pretexto de “aproximación ao inimigo”, para espiar, para “explorar”, -como dicían os romanos cando mandaban un “traidor” por diante para que lles cuantificase as forzas do inimigo-, xa estaba o “chufón”, pero había que fabricar a ocasión dun coñecemento persoal previo, que sempre se facía con discreción, tal que valéndose dunha casa amiga a onde ir de invitado pola festa parroquial.
Fáltame mencionar a “comisión”, que xeralmente consistía nuns “calzóns” de baeta. ¿Por qué roupa interior? ¡Para que non se chegase a saber quen fora o xestor, o intermediario naquel casoiro!
¿Queda claro que para chufón non servía calquera, que se precisaba ter dotes de estratego e una labia de diplomático?

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: