Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

11 febrero, 2009

Conferencia do historiador Hortensio Sobrado, nado no Concello

Breve resume da conferencia de Hortensio Sobrado


O luns, día 2 de febreiro tivo lugar a primeira conferencia do ciclo da historia de Castroverde. Hortensio comenzou facendo referencias á prehistoria e, máis concretamente ao Paleolítico superior. Desta época temos boa mostra en Castroverde, na Cova da Valiña en Bolaño. Facendo referencia aos destrozos que tivo a Cova nos anos 1.960, onde se destruíron uns 15 ou 20 metros da cova. Logo explicou como nos anos oitenta foi excavada por un grupo de arqueólogos, entre os que se encontraba un dos nosos socios, César Llana. Na cova encontráronse restos de animais moi diversos, desde restos de hienas, cabalos, osos, xabaríns, bisontes, coellos, lebres, cervos... , todo isto está a dicirnos que a cova estivo habitada hai uns 30.000 anos. Non se acharon só restos de animais, senón tamén industria lítica, é dicir, pezas de cuarzo, caliza, etc. ata un total dunhas 130 pezas, que nos están indicando que a cova estivo habitada. Lástima que a cova non estea totalmente estudada, limpa, sinalizada e recuperada para un museo.

Se isto o tivera outro pobo, estaría totalmente recuperada.

Logo pasou a falarnos da cultura do Neolítico, que en Castroverde temos poucos restos, mais hai referencias como poden ser as covas dos mouros en Marrondo e topónimos que fan referencia a esta época, como poden ser o Xuncal en Espasande, Cellán e outros restos en parroquias como Serés, A Meda, Miranda ou lugares como Santadrao, etc.

Seguindo pasou á Idade de Bronce, onde non temos restos. Logo fíxonos referencia á época castrexa (S. VI a. de C. S. IV d. de C.) Castros témolos por todo o Concello e, onde hai unha parroquia ou lugar alí hai un castro. Citamos o Castro Peón, a Croa de Soutomerille e o Castro da Pallota (prácticamente desfeito), todos eles na parroquia de Soutomerille, a Croa de Xivil, o Castro onde está a fortaleza de Castroverde, os castros de Goi, as Croas de Pereiramá, o Castro do Vilar, a Croa de Furís, etc.

Da época romana, referencias a Montecubeiro e, a un dos posible lugares onde os nosos antepasados se inmolaron antes de ser conquistados polos romanos.

Da época medieval. Temos referencias, polo menos, na toponimia, aos Suevos: Recesende, Frontoi, Vilacote... Referencia ao condado do Flamoso. Un dos once condados de Lugo. Da época visigoda, temos a aspilleira de Soutomerille, aínda que haxa a discusión se é mozárabe ou visigoda. Temos mostras desta época alto medieval, nos sartegos de Recesende ou Goi.

Referencias a San Martiño de Bolaño, Vilabade, Soutomerille, Cellán, etc.

Finalmente fíxonos referencias á Fortaleza, desde a época dos Castro de Lemos, pasando polos Altamira. Explicando o que rodeaba o castelo, as posesións e construción do mesmo, ata o estado no que se encontra actualmente.

Xa para rematar, alusión á importancia de Castroverde e á súa Fidalguía que podemos ver nos pazos de Vilabade, Carballedo, Folgueira, Cellán, Villarino de Rebordaos ou outras casas grandes, dos Osorio, dos Llamas, etc.

Dicir que toda a exposición estivo ilustrada cunha presentación de todos os restos e monumentos. É dicir, que foi unha exposición moi ilustrativa e sintética, felicitacións e, moitas grazas, Hortensio.

Saúde e Terra. Manolo Muñiz

No hay comentarios: