Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

11 febrero, 2009

Miscelánea

Re- flexión


Non corrixir, que está ben escrito: re-flexión, volver a flexionar, recapacitar. ¡Enderezar rumbos! Se o queredes dun xeito máis científico: Reflexión = Cambio de dirección dun corpo ou unha onda ao chocaren cun obxecto opaco ou superficie reflectora.

Iso fixeron aqueles economistas do New Deal baixo a batuta de Franklin Delano Roosevelt, pero cun acerto relativo, en moitos aspectos negativo, cunha re-flexión un tanto soberbia, porque lles faltou humildade, humildade e sabenza, xa que volveron a caer na crise, ano 1937. ¡É o que teñen as curas en falso, que se pode re-caer! Menos mal que detrás veu Keynes, Keynes e mailos seus seguidores! Pero isto é moi complexo para unha simple re-flexión sobre o tema.

Na nosa bisbarra, e as demais polo estilo, faltounos gravar en letras indelebles aquela sentenza de Paco Sarille (súa irmá Celsa, agora en Castroverde, coa súa boa memoria, seguro que aínda se lembra diso) cando chegou á casa patrucial e atopou a seu pai gozando dos roxóns, e animando aos invitados: “¡Comede e bebede, que un día é un día!”. Nisto, a solemne imprecación de seu fillo, do Paco, desde a porta da cociña: “¡Ay, Sarille, acuérdate que hay mañana!”.

Iso, ese esquecemento, non foi só en Galiza, senón, e tamén, en España; e con España, en medio mundo, particularmente no occidental. A euforia do consumo, a competencia no gastar e no lucir, ese salto mortal desde o sector primario ao terciario, esquecéndonos de producir, ¡esquecéndonos de engadir valor ás cousas! Se estivese vivo o amigo Carreira, pero algún daqueles alumnos coido que se lembrará diso, serviríame de testemuña de que pasei unha hora, larga, expoñéndolles aos rapaces de Castroverde que o único valor con absoluta categoría económica estaba, estarao sempre mentres dure a civilización actual, en …, ¡engadirlles valor ás cousas!

Iso de que nada se crea nin se destrúe está ben, é certo, en física, pero en economía, non! En economía imos mal se non creamos superávits, reservas; se non afianzamos o mañá, se damos preferencia ao consumo sobre a inversión. Tamén cómpre lembrar que a produción non pode ignorar estas premisas: qué, cómo, cándo, e para quén. En definitiva, se non lle facemos caso a Paco Sarille, que en paz estea, pero non lla supoño absoluta porque estará lembrándose da nosa, maldita, imprevisión. Un dito frecuente naquelas mesas misérrimas da posguerra era iso de, ¡Hai que comer para vivir, pero non vivir para comer! Cómese de moitos xeitos: Pola boca, polos ollos, coa envexa do veciño que se permite certos luxos…

Cando eu era rapaz, nunha parroquia limítrofe había un pai que tiña sona de acabador porque vendía leiras para enxaldar as fillas, para presentalas, digamos que, ¡en sociedade! Pois non, non era certo, que aquel pai o que facía era, ¡inverter! E fíxoo con tanto acerto que hoxe andan por aí os seus netos feitos uns potentados. (É certo, pero non vou dicir quen).

As crises, á larga, son boas. Fan corrixi-lo rumbo, discernir entre actividades básicas, de futuro, e consumos estériles. Tampouco é cousa de aperta-lo cinto, pois hai uns mínimos vitais; uns mínimos cadora máis altos porque así o esixe a nosa culturización.

Estou escribindo, coido que con sinxeleza, adrede, pois algo máis teño a obriga de saber, porque a miña intención, é defende-lo patrimonio, ensinar a quen saiba pouco, ¡se é que algún deses queda!

Dixen, patrimonio, e dese concepto non quero saír: Patrimonio é toda construción, moral e material, que teña por alicerces os bens herdados, sexa dos pais ou do colectivo circundante; global, diríamos agora. A propósito: Sempre me emocionaron aquelas escolas edificadas, sostidas, polos nosos emigrantes, e dedicadas precisamente á xeración seguinte. ¿Para qué? ¡Rotundamente, para que non tivesen que emigrar; e de facelo, saísen, polo menos, coas catro regras! No día en que escribo isto, vimos na galega que en Vigo están poñendo cadeados aos estantes dos super…, ¡porque a xente, por necesidade ou por vicio, deu en roubar comida! ¡Aí o temos: a comida! Pero as mellores hortas de Galicia plantáronas a eucaliptos… ¡Deus lles perdoe!

Non teño a menor dúbida de que as nosas autoridades, do partido que sexan, fan, e farán, un esforzo imaxinativo para que este punto de inflexión da nosa economía sexa breve e soportable, sen traumas ou cos menos posibles, pero…, ¡cada quen, nestas encrucilladas, é co-responsable! Como dicía aquel señor, “… ante Dios y la Historia”.

Tampouco quero chorar nin apesarar, senón facer, aquí e agora, neste punto de inflexión da curva económica, unha re-flexión colectiva: Deteñámonos e comprobemos se o camiño estaba equivocado, fose por culpa nosa ou dos nosos dirixentes, e por tanto, busquemos, entre todos, unha brea (verea) máis segura, máis…, estable! ¡Dixen! Dixen pouco, pero dixen o que tiña no peito.

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: