Xabier Blanco é natural de Moaña, terra do Morrazo. Mestre Gaiteiro e mestre artesán, constrúe e restaura todos os instrumentos tradicionais galegos. Para iso, aplica antigas técnicas de construción aprendidas da sabedoría popular. Recuperou desde un verniz ecolóxico (fabricado dun modo totalmente natural) ata técnicas de marinado de madeiras ou aproveitamento de madeiras das árbores froiteiras, todo iso aplicable no proceso de construción dos instrumentos entre os que salientan a gaita de cana , a zanfona diatónica ou a peneira. Publicou varios libros e ten no mercado actualmente dous excelentes traballos: "A gaita de caña de Moaña" e "Instrumentos pobres".
BREVE RESUME
Hoxe, día 11 de febreiro, tivemos no C.P.I. de Castroverde a Xabier Blanco, un verdadeiro mestre na recuperación dos “Instrumentos pobres”, dicir que como el di: “non fai música o que non quere”. É capaz de facer unha intepretación musical cun testo dunha pota e un fouciño, o corno dunha vaca, un caldeiro, un balde, (como dicimos en Castroverde), as tesouras de rapar as ovellas, cunha palla de herba ou de centeo, cun sabugueiro, cun martelo e un cicel, etc., mais non só fai música con eses “instrumentos pobres” que, eran os que tiñan a man os nosos devanceiros, non había outra cousa. A pobreza axilizaba o inxenio. Tamén interpreta, toca, a gaita de cana de Moaña, o birimbao, a gaita actual. Todo iso acompañado con romances, cantares de cegos, cantigas populares que, aluden ás faenas do campo, do mar, do traballo duro que facían as nosas xentes. Cantigas que se interpretaban nas esfolladas, nas mallas, na recolleita do liño ou na pesca.
Dámoslle as grazas a Xabier, por ter vido desde Moaña transmitirnos toda esa sabeduría popular.
Saúde e Terra Xabier. Manolo Muñiz
No hay comentarios:
Publicar un comentario