Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

05 noviembre, 2009

Publicado no Especial San Froilán, de El Progreso, o día 6-10-1991


NARRATIVA DE LAREIRA
Por
Xosé María Gómez Vilabella


O Concello de Lugo, concretamente a súa Concellería de Cultura e Turismo, acaba de editar unha antoloxía dalgúns escritores que escribiron sobre as feiras / festas de San Froilán; recollido e presentado polos profesores J. Luís Calvo e Yago Rodríguez Yáñez. Nas páxinas 85 / 86 sae o artigo Narrativa de Lareira, que fora publicado no Especial San Froilán, de El Progreso, o día 6-10-1991 polo noso colaborador.


Face-las mallas era o pecho, o precinto, rotativo, anual, dos afáns labregos. ¿Foi, ou non foi, un bo ano? Esta era a reflexión do paisano, ¡cando o paisano non se desvelaba polo prezo do leite senón pola tulla do pan: centeo, trigo, aveas…! Agora veu a especialización, e quedámonos sen calendas, sen estacións agrícolas.

O San Froilán sempre foi a festa estacional, a da colleita; festa culmen e lúdica. ¿Grazas a Deus que chegamos ata aquí…, e coa malla feita! Leva-la besta, a besta ou a poldra, o mular, o que houbese aquel ano, que non se vendera en Adai, no famoso Trece de setembro… ¡Non se venderan adrede, no cen por cen dos casos, porque nos quedabamos sen pretextos para convence-la muller, a Filomena de cada quen, de que había que ir aló, chovese ou fixese sol, ao San Froilán, para vender ese animal, esa res…; e de paso proverse dos aveños outonais, as loras, as aguilladas, as ferramentas de corte…!

Para os rapaces novos, ou medio novos, se cadra estou falando en chinés; pero será galego, bo galego, galego auténtico, familiar, fogareño, se lles lembro que a volta do San Froilán era celebrada na lareira, a carón das chispeantes estelas de carballo, pelando pataquiñas das novas e quitándolle espiñas ao bacallau que trouxeran de Lugo os avós de cada casa, ¡que para daquela –todo hai que dicilo- os touciños, despois das talladas consumidas polos malladores, xa lle quedaban altos á avoíña, nin subíndose ao mesote!

Coa volta á lareira, os contos. Ante todo, as peripecias do San Froilán: a xente vista e non vista co aquel da aglomeración, o Barrigaverde, o Tragaestopas ardendo, os cochiños eléctricos nos que tanto e tantos aprendemos a turrarnos cos outros choferes… Despois diso, esgotados os temas capitalinos, e coas primeiras chuvias outonías, entre sementeira e paraugas, viñan as tertulias, as narracións, os contos.
¡Canto aprendemos con aqueles contos dos avós, diante daqueles televexos chispeantes, creativos, das brasas! ¿Gramática parda? ¡Desa tamén, pois a vida do home é un cóctel de virtudes e de picardías, de verdades e de fantasías; de contos de lareira, en definitiva! ¿Morreu todo aquilo? ¡Non; non morreu, pero evolucionou! Nalgún aspecto, a peor, porque agora as historias xa non as conta o avó, que era pícaro e ocorrente, como bo galego, pero quería facer de nós boas persoas, persoas íntegras, virtuosas, traballadoras, estudosas; ¡persoas de xeito e de palabra, nunha palabra!

Agora as historias, as consignas, as lavativas cerebrais, cóntanolas a sociedade de consumo…, ¡e non é doado, nin permanente, estar vacinado contra o consumismo, o desenfreo, as fantasías importadas, que foron, que son, narradas, ás veces, por xente doutros intereses, doutras crenzas, doutros estilos de vida!

Polo San Froilán tamén arrea duro a Escola, que entrou en quente no setembro. ¡Deu-los ampare, que ser Mestres, agora que os avós se van a Benidorm en lugar de contarlles contos aos nenos, miúda responsabilidade a que lles toca a eles, aos profesores, ensinar á vez do divino e do humano, da ciencia e mais do arte, da gramática parda e da outra!


No hay comentarios: