Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

26 junio, 2010

CONVOCATORIAS

Presentación Foro do Caminho Primitivo

Lugar

Centro Social Maruja Mallo.

Entre Carril das Horta e Carril das Flores, ao pé do Camiño Primitivo.

Día:

mércores, día 7 de xullo de 2010

Hora: 11:30 horas

Agardamos a vosa presenza.



Convite inauguración piscinas municipáis

Desde a Alcaldía convídannos a participar na inauguración das pisicinas

Acto de inauguración,

o mércores, día 30 de xuño de 2010

Ás 13:00 horas.

Agardamos a vosa presenza.


PROGRAMAS DE ACTIVIDADES DE VERÁN NOS MUSEOS DA REDE MUSEÍSTICA DA DEPUTACIÓN DE LUGO


Consúlteos nestes enlaces:

Museo Provincial de Lugo

Museo-Fortaleza San Paio de Marla

Museo Provincial do Mar


ACTOS POLO 125 ANIVERSARIO DA MORTE DE ROSALÍA DE CASTRO


1
Espectáculo “Ao raso coas lebres” a cargo da compañía Casahamlet.

Foi un empeño de Casahamlet, desde os seus inicios en 1998, o facer unha triloxía escénica sobre os tres grandes poetas do Rexurdimento. e así estreou ESCURO ENIGMA EU SON (Pondal, 2002), QUEN PUDERA CONVOSCO VOAR (Curros, 2008) e agora presenta AO RASO COAS LEBRES (Rosalía 2010), un recital-concerto que tenta mostrar a lucidez e rebeldía dunha muller que, adiantándose ao seu tempo, desvela a situación do pobo e da cultura galega, comezando pola lingua, que ten nela a primeira usuaria con forza suficiente para inaugurar un tempo novo marcado pola consciencia e polo orgullo, así como pola contundencia fronte as agresións. Tal vez non houbo nin chegará a haber en moito tempo unha voz tan escoitada con respecto e emoción polo seu pobo. Con este recital CASAHMLET pretende facer chegar ao público, un exemplo da poesía e de compromiso que teñen na nosa escritora os seus acentos máis sonoros. O prezo para as institucións sería maior e no caso das asociacións de base unha cantidade menor. Contacto: Tfno. 981 278 460 ou 627 489 879. santiagofernandez@edu.xunta.es

2
Publicación do libro “O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: Ensaio e feminismo” de María Pilar García Negro. Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2010.
García Negro expón que Rosalía de Castro (1837-1885) é a escritora que inaugura o ensaio, como xénero literario, na literatura galega contemporánea. Así o certifican as súas introducións a Cantares gallegos e a Follas novas, que son moito máis do que prólogos ao uso. Igualmente brilla o seu papel pioneiro no espertar dunha conciencia de xénero que se revela na reflexión profunda e avanzada sobre o ser muller, a apoloxía das súas conxéneres e a solidariedade coas duplas vítimas do sistema, por mulleres e por galegas. É, sen dúbida, a primeira feminista da nación galega. (Pódense organizar presentacións).

3
Recreación do traslado de Rosalía de Castro de Adina a San Domingos. 15 de xullo
(
achégase proposta de acto na segunda e terceira páxina).

4.
Exposición de Rosalía en 20 paneis.
En elaboración. Contacto: Fundación Manuel María de Estudos Galegos. fundacion@manuelmaria.com. Tfno. 649 250 246

5
Concurso de Curtametraxes.

Consultar www.as-pg.com

6
Publicación, á volta do verán, dun libro sobre Rosalía de Francisco Rodríguez editado pola AS-PG.


125 aniversario da morte de Rosalía de Castro (15 de xullo, 1885-2010)

Esta iniciativa que se fixo pública onte é a recreación do traslado dos restos de Rosalía desde o cemiterio de Adina (Padrón) até Bonaval (Santiago), cadrando co 125 aniversario da súa morte. Esta actividade terá lugar o próximo xoves 15 de xullo e está organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a coal debería contar co maior respaldo posíbel por parte das asociacións culturais de toda Galiza.

Esta homenaxe a Rosalía de Castro ten un maior valor simbólico pois hai que lembrar que o Panteón de Galegos Ilustres está xa na actualidade baixo a propiedade da Igrexa católica, que será quen autorice de agora en diante as visitas a este lugar. Precisamente, a reivindicación da apertura do Panteón e que volte a mans civís tamén será un dos obxectivos da marcha rosaliana.


Programa provisional (os horarios están pendentes de confirmar)

16:30 horas.-
Concentración na Colexiata de Santa María de Iria, cemiterio de Adina:
Alocución por parte do Presidente da AELG informando do sentido dos actos, lectura dun poema de Rosalía (Cantares Gallegos, “Nasín cando as prantas nacen”). Marcha a pé até a estación da Matanza, ao carón da casa de Rosalía, para tomar o tren deica Compostela.

17.00.-
Saída do tren identificado cun nome alusivo como "Terra a nosa!" ou "Campanas de Bastabales", con 200 rosalianos: reparto dun folletiño informativo sobre como foi o acto do traslado en 1891 (cando se entregue, cobrarase o billete).

17.30.-
Chegada á estación de Santiago, onde estará agardando a comitiva restante que non acudiu ao cemiterio, actuación da banda municipal e organización da marcha. Saída pola rúa do Hórreo cara a Praza do Toural encabezados por algunha banda ou grupo tradicional que vaia tocando ao longo do percorrido.

18.00.-
Praza do Toural, primeira parada da comitiva.- Lectura de 3 poemas de Cantares Gallegos (“A gaita gallega”, “Castellanos de Castilla” e “Eu cantar, cantar, cantei”). Integración na marcha dos concentrados na praza que non acudiron ao cemiterio. Haberá megafonía en cada parada e procuraranse persoas que declamen ben para as lecturas poéticas de cada parada.

18.15 horas.-
Praza da Universidade: audición do Pietat Signore, de Stradella.- lectura doutros tres poemas de Cantares Gallegos (“Miña Santiña”, “San Antonio bendito”, “Adiós, ríos, adiós fontes”).-

18.30.-
Praza de Cervantes: fachóns acesos ou calquera outra novidade. Escaparates da Libraría Couceiro adicados ás obras de Rosalía. Lectura doutros tres poemas (pendentes de escoller)

19.00 horas.-
San Domingos de Bonaval: Portas de entrada e escaleiras: presentación do acto final:Audición do Ángelus, de Massenet, lectura de poemas de Follas Novas, intercalando actuacións dos grupos músicais ou artistas participantes, lectura do comunicado/manifesto sobre os 125 anos de Rosalía e a reivindicación de apertura ao público do Panteón, canto do Himno Galego.

Galiza, 15 de xuño de 2010

24 junio, 2010

SÁBADO 17 DE XULLO

(Facer click sobre a imaxe para agrandar)


ROTEIRO POLA COSTA ENTRE TAPIA E RIBADEO
SANTA GADEA – ILLA PANCHA

SÁBADO 17 DE XULLO

ÁS 8:00 h. - SAÍDA DE CASTROVERDE
Ás 9:45 h. en Santa Gadea.

Percorrido:
Pena Ronda, Viladún, Arnao, Punta da Cruz, Ponte dos Santos (cunha boa vista sobre a Ría)
O Cargadoiro, Forte de San Damián e Illa Pancha.
Comida
Pola tarde: Visita a Ribadeo e continuar polo Camiño Norte ata cansar.

Percorrido duns 11 quilómetros. Dificultade baixa

NOTA:

Avisar no correo electrónico ou no teléfono habitual, antes do día 7 de xullo. . Pensade que temos que saber o número de persoas tanto polo bus coma polo restaurante.

Saúdos. Manolo Muñiz

DOMINGO 27 de xuño de 2010


ROTEIRO POLO RÍO XALLAS
PONTE OLVEIRA –FERVENZA DO ÉZARO


Coa esta nova andaina remataremos o ciclo de roteiros de ADEGA Lugo deste curso 2009-2010, e para iso iremos aos confíns da nosa terra, á Costa da Morte. Achegarémonos alí como símbolo do peche do camiño primitivo cara ao Sol, que iniciamos neste ciclo de roteiros; pero tamén farémolo por unha causa reivindicativa: a defensa do río Xallas. Este é o río con máis potencia hidroeléctrica instalada na bacía Galicia-Costa, aínda así, a día de hoxe atópase ameazado de morte polas pretensións económicas dunha empresa, Ferroatlántica, que pretende construír outras tres novas centrais nun treito do Xallas no que xa conta con 5 aproveitamentos e 4 encoros. Porén, a paisaxe e a natureza destes lares é espectacular, e teremos a oportunidade de observar algúns dos poucos treitos de río virxes que se conservan, e marabillarnos coa beleza da Devesa de Anllares, única por ser o bosque atlántico máis occidental de Europa.
O inicio do roteiro terá lugar en Ponte Olveira. É xusto no límite entre os concellos de Mazaricos e Dumbría. De feito, o río Xallas é o límite natural entre ambos. Ademais, o inicio do roteiro correspóndese cun punto de parada do Camiño de Santiago, polo cal se fará a maior parte da ruta. Tras visitar Ponte Olveira, seguiremos a ruta do Camiño de Santiago, pasando en todo momento pola marxe dereita do Río Xallas, correspondente ao concello de Dumbría (a marxe esquerda pertence a Mazaricos). Deixaremos atrás o lugar do Hospital, e finalizaremos en Xestosa, onde baixaremos pola beira do río ata a Devesa de Anllares, onde se ten previsto acometer as obras da terceira minicentral proxectada (a de Novo Castrelo). Volveremos ao lugar de Xestosa, e logo colleremos o bus para ir ao mirador de Santa Uxía, desde alí veremos o mar, o concello de Fisterra, o lugar do Ézaro, o Monte Pindo e a Fervenza do Xallas. As vistas son únicas, cheas de paz e harmonía, que sen dúbida son o remate perfecto deste roteiro reivindicativo na fin da terra. O percorrido será de aproximadamente 15 quilómetros á beira do Xallas, de dificultade media/baixa e trazado suave.

DOMINGO 27 de xuño de 2010
Normal......................................................................................15 €

Estudantes, xubilad@s e no paro......................................... .......12 €
Soci@s..................................................................................... 10 €
Ata 17 anos............................................................................. .. 5 €

Hora de saída:
desde Lugo, ás 8:00 horas fronte a Escola de Maxisterio;
desde Compostela, ás 9.30 horas diante do Pazo de Congresos (San Lázaro).

Prégase puntualidade e o aviso previo no caso de non poder asistir.
Imprescindible anotarse no 679113718 (Mari Luz) ou 982240299 ( ADEGA Lugo).

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza

Leva roupa e calzado axeitados e comida para o camiño.

O bo humor é cousa de tod@s


18 junio, 2010

Revista oral: O pazo das musas. 24/06/2010


O pazo das musas, nº 22
Revista oral de periodicidade trimestral,

editada polo
Museo Provincial de Lugo
(Rede Museística da Deputación de Lugo)
.

Interveñen:

Xosé Manuel Felpeto,
Fernando Arribas,
Laura Branco,
Manuel Fernández "Lolo",
Grupo Trasnadas e
Mini e Mero.


Data
: Xoves, 24 de xuño de 2010
.
Hora: 20 horas.
Lugar
: Refectorio do Museo Provincial.

Duración
aprox.: 1:30 h.

Deseño gráfico e animación dixital
: tatata.

Coordina
: Antonio Reigosa.


(Ver máis información)

17 junio, 2010

15 junio, 2010

Roteiro Vilabade - Agustín

Vista do val desde a Igrexa de Agustín

Breve resume roteiro
Vilabade - Agustín



O sábado, 12 de xuño, día que logo das chuvias caídas nos últimos días deixaron moitos dos camiños intransitables, así tivemos dificultades para cruzar desde Vilabade a Vilalle e, en Vilalle mesmo tivemos que deixar o camiño e saír á estrada da Fonsagrada. Logo entre Riomol e Outeiro de Vellas e entre Miranda e Agustín tivemos, novamente, dificultades, mais este último tramo de camiño é dos poucos orixinarios que quedan en Castroverde, unha corredoira fonda que comunicaban a zona de Páramo e Agustín coas feiras de Castroverde e Adai. Lugares todos desde Vilabade a Agustín abundantes en auga, cruzando varios afluentes do río Tórdea.

Comentar que este roteiro estaba pensado para ver o camiño “Roteiro das feiras” que se está intentando programar desde a Asoc. Terras de Lugo. Roteiro que viría desde as terras do Corgo, subiría desde Agustín a Vilabade e desde aquí volvería a terras do Corgo por Gracián camiño da feira de Adai. En Castroverde, trátase de que pase polos lugares que houbo ou hai feira, de aí que se pensa que pase por Miranda - Vilabade - Castroverde. Nesta ocasión, como dixemos, partimos desde Vilabade, pasando por Vilalle, Folgueira, onde visitamos o pazo, dámoslles desde aquí as grazas aos donos, pola amabilidade que tiveron en amosárnolo, logo seguimos polo Albardeiro, Vilacote, Riomol, Outeiro de Vellas, Miranda e Agustín.

Non comentamos nada aquí de ningún lugar, porque parte dos lugares xa foron comentados noutros roteiros, xa que parte dos camiños coinciden con outros roteiros, só comentar do interese que tería para Castroverde sinalar este roteiro, baixo o meu punto de vista, xa que une o Camiño Primitivo e a Vía XIX. Pensemos que o Camiño Primitivo, está sinalado “oficialmente” por Vilabade, mais hai quen defende a opción de Vilalle e, incluso quen di que o Camiño Primitivo viría pola Frairía e pasaría ao pé da Capela do Pazo de Folgueira. Deste xeito, quedarían unidas estas dúas importantes Vías con outros roteiros, digo con outros, porque tamén en varios puntos, coincide co Roteiro dos Muíños. Quedando unha boa parte do concello con roteiros por, prácticamente todas as parroquias da marxe dereita da estrada da Fonsagrada, se temos en conta que xa está trazado o Roteiro do Val do Río Tórdea e que pensamos sinalar o Roteiro de Furís- Páramo.

Saúde, Terra e Lingua.
Manolo Muñiz

CLUB DE LECTURA: ENCONTRO COA AUTORA DE "ÁS DE BOLBORETA", ROSA ANEIROS



Dado o gran éxito do Club de lectura no ano 2009, a A.C. Arumes do Corgo enfronta con gran ilusión esta terceira edición. Xa sabedes que o libro escollido é “Ás de bolboreta” de Rosa Aneiros (Premio Xerais 2009,...).

O encontro coa autora será o venres, 18 de xuño de 2010 ás 20:00 h, no Centro Sociocultural do Corgo, co fin de que preguntedes á autora todo o que vos pareza interesante tanto do libro, como da enorme obra literaria como da súa vida como literata.


Reciba unha forte aperta,

Mario Outeiro Iglesias
Secretario da A.C. Arumes do Corgo


Permanecerá na sala de exposicións da Deputación de Lugo ata o sábado 31 de xullo


Inaugurouse na sala de exposicións da Deputación a mostra de cerámica de Lolo Fernández


Antón Bao inaugurou esta mostra de cerámica creativa, que utiliza materiais propios da artesanía tradicional galega combinados con unha visión innovadora do mundo

O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, inaugurou na sala de exposicións do Pazo de San Marcos a mostra de Manuel Fernández “Lolo”, “As cores da terra, as cores do ceo”, que consta de máis de 150 pezas que se mostrarán a partir do vindeiro luns na sala de exposicións da Deputación de Lugo. Á inauguración asistiu, ademais de Lolo Fernández, o artista, Aurelia Balseiro, directora do Museo de Lugo.

Na súa intervención, Antón Bao manifestou que esta mostra é diferente e innovadora por varios motivos. Explicou que Lolo é un creador que se move na delgada liña que separa a arte e a artesanía, “mestura os conceptos de terra e tempo: utiliza materiais propios da artesanía tradicional galega combinados con unha visión innovadora do mundo”. A terra convértese no eixo fundamental da súa obra, “pero non só a terra no sentido das arxilas e cinzas que utiliza para crear as súas pezas, con técnicas que van dende as olarías de raigame popular ata as máis depuradas técnicas orientais, senón tamén no significado da paisaxe e a atmosfera galegas”. Constrúe deste xeito Lolo no seu obradoiro do Corgo novas pezas que conectan o mundo tradicional co contemporáneo, “que nos fan descubrir novas formas de imaxinar o mundo, novas cores para o ceo e para a terra, a través dunha das artes máis tradicionais de Galiza”.

A exposición que se inaugurou hoxe permanecerá na sala de exposicións da Deputación de Lugo ata o sábado 31 de xullo. O oleiro “Lolo” Fernández está asentado en Anseán do Corgo e inspírase no rural para realizar as súas obras, baseándose na contemplación do mudo que o rodea. O ceo é un elemento importante na vida rural e está moi presente na obra, que tamén mostra vermellos, verdes e demais cores propios e representativos da paisaxe. Tamén está presente na súa obra a retranca e o carácter galego, segundo el mesmo afirma. A súa obra é innovadora, mesturando unha tradición moi valorada por el como é a alfarería, con un deseño e montaxe expositiva vangardista.
(Fonte: Páxina da Deputación)

07 junio, 2010

Miscelánea


¡Pobre San Andrés de Teixido!

¡Pobre Santo Andrés, pobres dos pobres, que non é cabaleiro o que non ten cabalo! E por engado, está iso do centralismo… Para Santiago, como morgado daquel Zebedeo, terzo e medio!

Pois fago saber que aínda non está revogada a sentencia que di que, “Ao San Andrés de Teixido irá de morto o que non foi de vivo”. Pero adoitamos desentendermos dese futuro, tanto no xeral coma no particular; e despois, cando veñen as consecuencias, as crises, sexan colectivas ou particulares, ¡a tirarnos dos pelos, se para entón pelos quedasen!

Queixabámonos do centralismo madrileño, e iso que sempre o tivemos na casa, axeonllándonos diante de Santiago. ¿E de seu irmán, do minorazo, do emigrante, qué? Pero o que esquece o home, lémbrao a muller, e do que non, ¡aí está Deus do Ceo, que lle concedeu ao pequeno Andrés ceo, terra…, e mar!

O horto que lle tocou a Andrés nas partillas galaicas, ¡que aquí o tedes, de fondo!, é tan cativeiro, e tan costeño, que nin os lagartos se teñen de pé, pero…, ¡mira ao mar, ese mar que é meirande có de Galilea!

Santiago, que o levou de Covadonga, ten un cabalo branco, pero a San Andrés deulle Deus, en compensación, un curro deles, de tódalas cores; quen o queira comprobar só se ten que arrimar ao Curro da Capelada.

Xa que é Ano Santo para Santiago, acheguémonos, de paso, a Teixido, aínda que só sexa por egoísmo, por comodidade, pois ir de vivo é grato, pero…, de morto? Moito nos preocupa iso de retira-los restos das “cunetas”, cousa lícita e correcta, encomiable; moito construír panteóns marmóreos para os nosos, pero…, o descanso eterno? ¡O que queira descansar sen interrupcións nin outras molestias, xa o sabe: Que se dea un garbeo previo, previsor, polo Teixido! O que é teixos non quedan, pero, do demais? ¡Do demais hai de todo: ceo, terra e mar!

Xosé María Gómez Vilabella


04 junio, 2010

O luns, 7 de xuño, ás 20:00 horas, inauguración da mostra "O castro da Atalaia"


PRÓXIMA EXPOSICIÓN:

Coa asistencia de Antonio Veiga,
deputado-delegado da
Área de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo,


O luns, 7 de xuño, ás 20:00 horas,
inauguración da mostra
"O castro da Atalaia,
unha mostra excepcional do noso patrimonio"
,

organizada pola asociación cultural
Mariña Patrimonio

e que vai permanecer aberta ao público no refectorio do MPL ata o 20 de xuño
.

Colaboran:
LugoPatrimonio e ADEGA
Patrocina:
Área de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo.

Entrada gratuíta


Horario
Luns a venres: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20:30 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.

Museo Provincial de Lugo
Praza da Soidade s/n
27001 Lugo
Tfno.: 982 242112
info@museolugo.org

03 junio, 2010

Sábado, día 12 de xuño de 2010


Roteiro das Feiras:
Vilabade - Agustín


Percorrido, aproximado, de 12 km, iremos desde Vilabade pasando por:
Vilalle – Folgueira, O Albardeiro –Vilacote –Riomol – Outeiro de Vellas – Miranda - Agustín


-Saída desde Vilabade ás 9:30 h. -Deixaremos os coches en Vilabade e irá recollernos ao remate o autobús.
-Xantar arredor das 14:00 h. Nota: avisar antes do xoves, 10 de xuño, xantaremos nun restaurante da vila. Avisar no correo electrónico ou no teléfono habitual


Preguntarédesvos polo de roteiro das feiras?, como sabedes hai o proxecto desde, A Asociación Terras de Lugo, de facer un roteiro que pase por todos os lugares que hai ou houbo feiras, polo que sabemos en Castroverde, hóuboa en: Vilabade e Miranda, este é o motivo de escoller este percorrido, para outra ocasión faremos; Vilabade a Gracián, linde co Corgo, pasando por Castroverde. Ese é o motivo destes dous roteiros.

Saúdos.
Manolo Muñiz