¡Pobre San Andrés de Teixido!
¡Pobre Santo Andrés, pobres dos pobres, que non é cabaleiro o que non ten cabalo! E por engado, está iso do centralismo… Para Santiago, como morgado daquel Zebedeo, terzo e medio!
Pois fago saber que aínda non está revogada a sentencia que di que, “Ao San Andrés de Teixido irá de morto o que non foi de vivo”. Pero adoitamos desentendermos dese futuro, tanto no xeral coma no particular; e despois, cando veñen as consecuencias, as crises, sexan colectivas ou particulares, ¡a tirarnos dos pelos, se para entón pelos quedasen!
Queixabámonos do centralismo madrileño, e iso que sempre o tivemos na casa, axeonllándonos diante de Santiago. ¿E de seu irmán, do minorazo, do emigrante, qué? Pero o que esquece o home, lémbrao a muller, e do que non, ¡aí está Deus do Ceo, que lle concedeu ao pequeno Andrés ceo, terra…, e mar!
O horto que lle tocou a Andrés nas partillas galaicas, ¡que aquí o tedes, de fondo!, é tan cativeiro, e tan costeño, que nin os lagartos se teñen de pé, pero…, ¡mira ao mar, ese mar que é meirande có de Galilea!
Santiago, que o levou de Covadonga, ten un cabalo branco, pero a San Andrés deulle Deus, en compensación, un curro deles, de tódalas cores; quen o queira comprobar só se ten que arrimar ao Curro da Capelada.
Xa que é Ano Santo para Santiago, acheguémonos, de paso, a Teixido, aínda que só sexa por egoísmo, por comodidade, pois ir de vivo é grato, pero…, de morto? Moito nos preocupa iso de retira-los restos das “cunetas”, cousa lícita e correcta, encomiable; moito construír panteóns marmóreos para os nosos, pero…, o descanso eterno? ¡O que queira descansar sen interrupcións nin outras molestias, xa o sabe: Que se dea un garbeo previo, previsor, polo Teixido! O que é teixos non quedan, pero, do demais? ¡Do demais hai de todo: ceo, terra e mar!
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario