Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

02 julio, 2010

Miscelánea



Agora, si!

Avoíños da Cova da Valiña, non nos tomedes a mal que vos deamos as costas, que o facemos simple e transitoriamente por culpa do fotógrafo, este invento, ¡outro asunto que vos resultará incrible!, que entrou na Historia en 1816 grazas aos ensaios dun tal Nicéphore Niepce…, pero deseguida vos daremos a cara para parrafear un anaco con todos vos, que nolo tedes merecido, entre outras cousas porque datades as orixes do noso Castroverde.

Pois, si, que dese Val Verde vos quero falar; concretamente dun fito histórico, outro: ¡Por fin, temos piscinas! E con elas, con este adianto, periclitouse aquel refrán tan prudente de que, “Non se pode nadar e garda-la roupa”. ¡Agora si, avoíños; agora si! En cabinas, nada menos.

Iso de non saber nadar custoulles a vida a moitos galegos, sinaladamente aos do interior deste país, en particular aos pescadores, aos que se enrolaron en barcos de pesca sen máis sabenza que a de recoñece-lo seu prurito estomacal. E nas guerras, tamén, ¡tamén! Nas batallas da Independencia de América, na do Ebro, no afundimento do Cruceiro Baleares… ¡Incontables! Certo é que tiñamos os ríos; entre outros de menor caudal, o Azúmara, o Chamoso, o Tordea… Si, certo, pero de augas frías, atrozmente frías, aptas para lavar os pés, e pouco máis. Eu, e coma min, miles, despois da chapuzada fluvial, despois de apertar unas cantas oucas para retirar da circulación unha ganchada de troitas…, ¡veña correr polos prados, cen metros lisos, como mínimo, en pelota picada, para que o sol nos fixese de toalla!

De paso, no noso Castroverde acabáronse as “Catarinas”. Así lles chamaban na costa de Lugo ás mozas do interior…, ¡porque se bañaban descalciñas do pé e da perna, e para iso, tan só ata os xeonllos! Avoíños, se agora, no voso roldar de ultratumba, asomades pola nosa Veiga do Olmo, e vedes unhas cantas raparigas coas mazarocas ao ar, non vos escandalicedes, que esas son simplemente as “catarinas” que veñen do século XX, pois as do XXI, polas trazas, darán un paso máis, que xa practicarán o nudismo integral. ¡Meigas fóra!

¿Decatádesvos de que a civilización, en Castroverde, ¡tamén en Castroverde!, comezou con vosoutros, nesa, para nós, sacrosanta, Cova de Valiña, e ten de presente as Piscinas da Veiga do Olmo? A alguén pareceralle pouco tramo, pouco recorrido, pero eu estou abraiado destes avances. E gústanme; o único que me desgusta é que os eucaliptais invadan as nosas carballeiras; mirade cal non será a progresión xeométrica destes avances, que xa nin case quedan prados, nin prados nin hortas! En limpeza si que estamos gañando: Para os catarros, bafos de eucalipto; e para o demáis…, para o demais os peregrinos do noso Camiño, do Primitivo, xa poden face-las súas ablucións en Castroverde, sen ter que deterse á chegada de Santiago niso que era, e que chamamos… ¡Lava-c…!

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: