Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

14 julio, 2010

Miscelánea


Raia seca / raia húmida

O río Letes, (Lima, ou Limia),
que tanto preocupou aos romanos,

¡e xa non digamos aos contrabandistas!

Neste Castroverde de Lugo casamos, emparentamos, felizmente, cos homónimos do Sur, co Castro Verde de Beja, pero aínda así coñecémonos pouco, acaso menos do desexable. Pois ben, nesta relación, nesta comunicación, co presente artigo quixera abrir, se non unha porta, si un portelo, ¡parecido á Portela do Homem, esa da serra do Gerês, cabe do Letes!

Galegos do Norte / Galegos do Sur. ¡Gallaecia, en definitiva! Vén isto a conto dun certo paisano, coñecido nunha das viaxes que fixen a Portugal, que me referiu como de neno tivo a ousadía de aprenderse o Astete, ¡de memoria, do dereito e do revés! Boa a fixo, pois daquela o seu crego quixo presumir de acólito e introducilo no seminario de Tui..., ¡para que chegase a bispo, xa que el non! Aquela sapiencia inusitada, aquela presunción acólito/crego, ocasionoulle ao rapaciño dúas hostias de seu pai, sen consagrar por suposto, desas que derivan do latín hostis (inimigo, estranxeiro). Aquel pai, un antigo lexionario, quería que o seu gromo tamén fose militar, pero militar de graduación, que era o que estaba de moda. Podía ser as dúas cousas, asemade, capelán-castrense, pero o milite non confiaba nas ambigüidades: ¡Para el, paz ou guerra, guerra ou paz!


En vista do visto, ¡do visto e do doído!, o rapaz largouse daqueles santuarios tudenses, da súa igrexa pero tamén do seu fogar, que non era precisamente o de Breogán, ¡coa ponte en medio!, pasando de acólito a portador dun empresario daqueles do “Mercado Común” antigo, do inicial, máis coñecido como estraperlo: Fóra calzóns, e a nado, estivese a auga fría ou quente, catro quiliños de café, de cada vez, ao lombo, nun fol de cabra ben atado co cinto. ¡Ai se o Miño falase…! Pero o Miño, e co Miño o Limia, só cantaruxan, así que falará este servidor no seu nome, ¡agora que desapareceron as fronteiras, agora que entramos, agora que nos extraviamos nisto da globalización!

Cousas así pasaban polos anos 40 / 50; onte, medio século. ¡Quen pensaba daquela nun tren supersónico, de alta velocidade, tal que Porto-Vigo, que suturase aquel roto, aquelas raias, aquelas lindes dunhas partillas dobremente reais! E mais case estou arrepentido de poñerme con este tema pois veño observando que os avances..., ¡quero referirme aos tecnolóxicos, pois dos outros habería moito que opinar!, van tan á presa, foxen, superpóñense con tal desconcerto e falta de asimilación que mesmo á xuventude actual certas cousas de fai tan só medio século parécenlles acaecidas na idade da pedra, ¡da pedra sen puír!


Non obstante, ¿quen non ten a curiosidade de saber qué pasa/qué pasou, na casa dos veciños, e de paso coñecer cómo nos foi con aquelas partillas que deron lugar ás lindes, aos arrós? Avanzando por este XXI, e aínda que hai/houbo apertas e comunicacións tan fraternas coma a antedita, pasma o feito da escasísima osmose dunha fronteira que sempre foi doada de traspasar; fisicamente, quero dicir. O século XX pasará á Historia polos seus descubrimentos, pola nosa emigración e polos análises microscópicos, ¡todo ciencia e todo técnica!, pero nós, os galegos, estivemos aquí, todo o tempo ao lado, sen saber se Portugal era reino ou república!


No ano 1936 esta fronteira, esta raia dos mapas sería tronzada, metro a metro, se non fose porque os nosos fuxidos sentíanse máis seguros nas carballeiras galaicas que nas urbes salazaristas. Por outra banda, nin todo era pastalaria en Portugal, nin pantrigo en Galicia. No que nos gañaban era no traballo da madeira, pois en picar pedra aí se ían cos canteiros de Pontevedra. En particular aos serradores portugueses débeselles a tala sistemática daqueles carballos, que deixaron de abeirar fuxidos para converterse en eucaliptais, ¡en eucaliptais antibióticos! Daquelas carballeiras fornecéronse as travesas de media España, amén dunha flota inxente de carros de vacas, así que, entre raíles e chedeiros, trens e carros, foi Portugal, cos seus madeireiros, cos seus serradores, quen nos botou a andar, ¡que non a correr! Pola nosa parte, nós aliviámolos dos seus excedentes de café e de azucre, ¡coloniais!, que eles preferían quedarse co té na súa inveterada fraternidade co mundo anglosaxón.

Cando este servidor comezou a explorar alén desas lindes fronteiras, fai disto medio século, largo, nas alturas do XX, o único que sabían de nós o noventa e nove por cen dos irmáns sureños era que os galegos pirrabámonos por deixarlles as nosas pesetiñas naquelas ruletas do seu casino de Póvoa de Varzim, pois o de Estoril estaba reservado para a nobreza castelá. ¡Que cousas, qué tempos!


De abaixo-arriba, a súa lúa sempre foi Vigo, que o tiñan por meta das correrías domingueiras. A Ourense ían os catro invitados dos seus corenta correspondentes, vulgo estraperlistas, de fraco rocín, cando non de burro melenudo. De Santiago oíran falar, que por algo lles valera o Apóstolo na súa Reconquista, maiormente na batalla de Ourique, pero despois diso case esqueceron ao noso, común, Matamouros, convencidos polos ingleses de que aquel destripador de dragóns con xilaba fora San Jorge. Da Coruña só oíran referir, e para iso os oito sabios de Coimbra, que o seu Rei Fernando I, vido a Galicia no ano 1369, tanto acatamento tivo aquí, nesta Herculina, que ata pensou se non era un ataque. Feliz por semellante acollida e disposto a posuír longamente este Reino, acuñou moeda, tanto en Tui como na propia Coruña; de paso, liberalizou o tráfico comercial entre Portugal e maila terra prometida; organizou o abastecemento de cereal e de viño por vía marítima, etcétera, pero ao final colleulles medo aos báculos dos nosos bispos, propicios ao outro pretendente, aquel de Tras do Támara, circunstancia que levou ao seu Fernando a embarcarse con présa fuxidoira, no 1373. ¡Daquela, adeus Coruña, que eu torno da túa ceca á miña Meca, á miña Lisboa, que esa é boa, fiel e permanente...; unha coroa certa!


En canto a Lugo... ¡Lugo tíñano esquecido, que non lles conviña lembrarse da súa hexemonía, compartida con Braga no reinado dos suevos! A Lugo, no XX, só chegou aquel cento de serras de aire á que antes aludín. ¡Arborecidas eles, que devastaron o noso plantío mentres na súa terra adoraban, e conservaban, un bosque sacro, ese de Buçaco, un paraíso de cinco milleiros de especies arbóreas, traídas por imperativo real de todas e de cada unha das estadías dos seus galeóns.

Agora temémoslle á globalización, que non é para menos, ¡pero anda ti que as raias, o que tiñan de bo...! Nin secas nin húmidas, que todas mancan no peito, ¡e do peito pásase ao peto, que por algo andan xuntos, cunha tea de por medio! Caso á parte, pola súa desmesura, é a actual invasión dos bárbaros do Sur, dese Sur non tan remoto, que a nosa despensa non vai dar para nutrir este medio mundo, tan famento e esfarrapado, (amén de folgazán, dito sexa cunha paréntese, por se alguén me zurra).


Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: