Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

23 julio, 2011

Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde


Antes cae un mentiroso que un coxo


Agrimensores no antigo Exipto


¡Coñecín o caso paradoxal dun mentirán que, por selo, acabou en coxo! Non lembro a tal momento o seu nome, pero o que importa son os feitos, a ensinanza que deles se poda tirar, e logo que tamén se di que para conta-los pecados non se require amenta-lo pecador, que tampouco lle din os nomes ao confesor, e mais adoita perdoarlles! Era un tío grandón, pero máis que por grande destacaba nas feiras de Castroverde por ser o único mozo que daquela non vestía de pana senón de…, pano inglés!

Seu pai, un coñecido usureiro da bisbarra, mandárao a Salamanca, de onde volveu cun Don comprado a base de din, pois contaban que aló, en vez de medir fincas, dedicouse a medir mozas, pero iso non entra nesta historia: sendo castelás, alá elas, que abondo levan reinado esas da meseta, e sempre cos galegos por debaixo. O pergameo que trouxo, que o tiña enmarcado na súa casa, nada máis entrar, para que llo visen os veciños, tiña unhas letras grandes e coloradas, que rezaban así: TÍTULO DE PERITO AGRIMENSOR.

-¿Iso, qué é? –Preguntaban os veciños.

-En Castela din “Perito”, pero se dicides “Périto”, tamén o podo entender. O meu é tirar de cinta para que as lexítimas curtas non abusen dos mellorados…

Aquela proposta gustou na terra da melloras, ¡moitísimo!, así que aos poucos de comezar a medir, non había morgado en toda a bisbarra que non lle bicase os pés. ¡Daquela aínda non coxeaba! O primeiro dos tropezos tívoo nunha casa de Bolaño, cando lle dixo o home da mellorada:

-Seica che encargou meu irmán face-las nosas partillas, pero nin se che ocorra usar a cinta que utilizaches aquí, na casa da miña muller, pois daquela vou a Lugo e traio catro, catro que sexan descoñecidos!

O Perito xuroulle que ía ser neutral, y con esa condición aceptárono. O que propuxera na Casa Grande, seguindo aquela receita que tan bo resultado lle estaba dando, foi que non lle cobraría un real ao morgado do propio peto, que lles ía facer o favor de medir por exceso as parcelas dos herdeiros, e así, deste xeito, o que cobrase sairía exclusivamente do beneficio arrimado ao da casa. ¡Isto non llo ensinaran en Salamanca, que o aprendeu pola súa conta lendo a historia dun italiano, un tal Machiavelli! Pero como Roma nunca pagou aos traidores, o home da morgada foise da lingua, e…, sóubose na contorna! A partires diso, o Perito, que xa mercara unha casa en Lugo, optou por cambiar de clientela, pero…, qué se fai en Lugo sen cociñeira?

Tentou unha veciña que tiña sona de atender a cociña das casas ricas nas festas patronais, e propúxolle matrimonio:

-Se casas comigo lévote para Lugo, de raíña e señora, que incluso te chamarán dona en vista de que tamén o teño eu, iso, don e din! Pero hai unha condición previa: na miña categoría só caso contigo se es virxe, e para iso tesmo que demostrar…

-¿Como, pois eu, diso do trapiño das xitanas, non entendo, nin teño quen mo faga?

-¡Fágocho eu, esta noite! O día que estiven na túa casa, facendo as partillas dos teus vellos, observei que dormes no cuarto que dá á eira; e como alí por xunto dos palleiros sempre deixades arrimadas as escadas…

Coa noite pecha, aquel “Romeu” achegou unha escada á ventá da moza, pola que trepou feito un galán; ela nin que dicir ten que lle abriu a ventá tan pronto asomou por tras dos cristais, pero…, ¡houbo outro pero: que a moza tiña tres irmáns, varóns, e un deles, que tamén andaba ás mozas de noite, ao volver á casa viu a besta do Perito atada a unha maceira das da horta! Entrou na casa con sixilo, pola porta do curral, e díxolles aos irmáns:

-Co trelo grande imos atar o primeiro dos chanzos desa escaleira, e cando asome o fulano para baixar de xunto da nosa Xulieta, pero desde que teña os pes ben asentados, nós tiramos do trelo, forte que forte!

-¿Para qué? –Dixo o torpe dos irmáns, pois habendo tres é raro que sexan listos os tres.

-¡Pánfilo! A nós, de postos por tras da porta do pendello da herba, non nos verá, así que, como a ese listiño lle falta unha lección, a de medi-lo chan cos propios nafres e non coa cinta, tiramos do trelo, e daquela…!

Moito se fixo esperar a súa evacuación, que niso tamén debía ser algo curto, pero, sobre da mañá, cando se dispuxo a saír do sobrado pola mesma ventá, pola forza daquel trelo, ¡zas! Da caída non só rompeu as nafres, senón que houbo que entaboarlle unha perna, labor que fixeron aqueles ¿cuñados? con todo gusto. A irmá, que oíu os verros do seu Romeu, nin á ventá asomou! Tempo adiante casaron, máis ben por obra e graza dos ¿cuñados?, que ameazaron con medirlle as costelas ao Perito se tal non facía. Despois viviron en Lugo, e seica comían do mellor pois o tal Maquiavelo, incapaz de medir fincas, dedícabase a mercar terras de señoríos e de ausentes, que as medía a ollo, e despois revendíallelas aos labregos, que eses, preocupados por xunta-los cartiños, o que menos pensaban era na mensura das leiras adquiridas. ¡Esnafrouse para mellor, pois, grazas á cociñeira, viviu definitivamente da súa arte…, da arte de mentir sabendo a quen se pode mentir! ¡Que gran profesor aquel segundo Maquiavelo, máis eficaz cós que tivera el mesmo en Salamanca; de vivir hoxe faría un bo catedrático de Política Pragmática!

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: