Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

16 noviembre, 2011

Toponimia de Castroverde

 
 
 
CAMPO DO VAL, CAMPO SANTO
 
 
Santo, si, e non por cemiterio; ou se cadra, tamén. Aquí está enterrada boa parte da historia de Montecubeiro, comezando polos seus propietarios iniciais, iniciais en tanto en canto máis abaixo, máis aló, non temos forma de indagar ou de coñecer.

Aquí estivo o solar daquel prohome Ares de Maxide, Comendador do convento cisterciense de Meira. Deste pozo milagroso beberon xeracións e xeracións do lugar de Maxide, e transeúntes tamén; milagroso xa que milagro foi que saíse auga nun pozo perforado á man, sen maiores profundidades, nun lugar bastante seco; fontes na contorna hainas, varias e boas, pero ubícanse máis ben nas ladeiras que rodean esta aldeiña que nunca pasou das oito casas.

Rodéano unhas leiras que tiveron a gallardía de chamarse Campo de Ares, ¡o campo daquel Ares de Maxide, Comendador de Meira!, pero iso foi antes de que asomasen pola zona eses iconoclastas da Concentración Parcelaria. Acaso por isto mesmo, por un respecto e por unha evocación da toponimia local, histórica, sacra, urxe e procede deixar constancia das evocacións correspondentes a tan sacro e singular terreo.

O camiño que lle dá, ¡ou daba!, acceso, tamén é unha Vía sacra; ¡sacra, e dolorosa! Aquí morreron uns cantos galos, a espada limpa, ¡sucia!, colgados de trelos; iso si, despois da Sentenza correspondente. ¿Delitos atribuídos? Entre outros, pasarse ás casas, aos poleiros dos veciños, para galear unhas pitas que non lles correspondían, en detrimento das propias, das asignadas pola propia dona. ¡Isto dos galeos ilícitos…, en tódolos tempos, en tódalas épocas! ¡Que certo aquel dito que tanto repetía o Isidro do Campo (do outro Campo, do de Vilarín), de que, “La jodienda no tiene enmienda”!

A propósito: Nas inmediacións está o Pozo Maldito, o dos irmáns Pérez. Tamén haberá que deixar constancia diso…, máis ben por se serve de escarmento! Eran dous irmáns, aqueles Pérez, donos da casa que despois se chamou de Abraira, tan iguais, tan afíns, tan idénticos, que se namoraron da mesma rapaza; e como aquí non había un Salomón que propuxese repartila, cortándoa polo medio, máis ou menos pola regaña, ¿que se lle ocorreu a un deles, concretamente ao maior, ao máis forte? ¡O máis sinxelo: Zouparlle ao outro na caluga, cunha bros, e desde que caeu sen sentido, alí mesmo, nos propios currais, cargou con el, e…, tirouno dentro do pozo, que por certo era moi fondo! A continuación, ou irse para a Lexión ou quitar billete para Arxentina? Pareceulle máis cómodo o segundo, e aló morreu, pero despois de venderlle as propiedades, a de Caín e máis a de Abel, a un intermediario! A tal momento, se no Ceo se cumpre a Lei do Talión, aquela vítima debe estar no Ceo, e o matón noutro pozo, nun pozo sen fondo, nas caldeiras, de Pedro Botero.

Aínda me queda sen historiar este cruceiro, ben artístico por certo, e tamén cuberto coa pátina dos séculos, pero algo haberá que deixar para outra ocasión pois aos lectores de hoxe en día pásalles coma a aqueles das coplas, ¡que con catro estrofas teñen para un día! Cousa que tampouco é de estrañar, pois primeiro son os apuntes, e sen apuntes non hai carreira; sen carreira, preferiblemente técnica, preferiblemente superior, como non sexa que entren na política, que aí vale calquera, como demostrado está!

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: