Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

12 junio, 2013

A necrópole de inhumación de Castro Valente Coeses – Lugo


O xacemento de Coeses está composto por un castro (Castro Valente), un
recinto circular pechado por un parapeto (Chousa do Rodeiro ou Chousa do
Castro) e unha necróple de inhumación.
Estes tres elementos constitúen, probablemente, un único xacemento
arqueolóxico.
O castro estivo a piques de desaparecer coas obras da autovía, pero
modificouse o seu trazado para evitar a súa destrución.
A Chousa do Rodeiro é un sitio arqueolóxico único, composto por un recinto
circular que mide uns 60m de diámetro e está defendido por un parapeto.
Neste recinto apareceron unhas grandes olas de cerámica, con posibles restos
de incineracións, que constituirían os primeiros enterramentos deste tipo que
se coñecen en Galicia.
O segundo trazado da autovía afectaba esta necróple de incineración; como se
trata dun achado excepcional, decidiron desviar novamente a autovía.
No terreo existente entre Castro Valente e a Chousa do Rodeiro, os
arqueólogos acharon unha necrópole de inhumación. Trátase dun espazo
delimitado por gabias e alineacións de pedras no que se atopan unhas
cavidades circulares de aproximadamente 1,5m de diámetro. Os arqueólogos
aseguran que estas cavidades son enterramentos de inhumación, aínda que
non se conservan restos óseos debido á acidez do solo. Si se atoparon, en
cambio, olas de cerámica que formarían parte do enxoval funerario.
O trazado actual da autovía pasa por riba e destrúe esta necrópole de
inhumación.
Os arqueólogos datan os dous tipos de enterramentos no final da Idade do
Bronce e afirman, aínda que con todas as cautelas, que serían o cemiterio do
castro. Por tanto, formarían parte do mesmo xacemento.
A aparición deste cemiterio ten un enorme interese desde o punto de vista
científico e arqueolóxico porque permite comezar a despexar a gran incógnita
sobre o que facían os castrexos cos mortos; cando menos, neste primeiro
período do mundo castrexo.
Enterramentos de inhumación
Enterramentos de inhumación e gabia
Os tres elementos mencionados conforman un excepcional xacemento
arqueolóxico que , de continuaren as obras polo trazado actual,
quedaría dividido en dúas partes: o Castro de Valente, por un lado e a
Chousa do Rodeiro, por outro. Polo medio a autovía que destruirá a
necrópole de inhumación.
Enterramentos de inhumación, gabia e autovía


No hay comentarios: