Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

23 marzo, 2014

Comunicado de prensa do SLG

[18-03-14]
Pola terra, pola auga, polos alimentos, o Sindicato Labrego Galego súmase ás Marchas da Dignidade
A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, participou hoxe, 18 de marzo, na presentación das Marchas da Dignidade galegas que se fixo en Compostela. Isabel Vilalba expresou o compromiso do SLG de sumarse ás riadas de persoas que, dende toda a xeografía do Estado Español, están a dar corpo ás Marchas da Dignidade que este sábado, 22 de marzo, confluirán en Madrid para expresar o seu rexeitamento a unhas políticas que están a estender pobreza e miseria por onde queira ao tempo que as clases máis ricas incrementan aínda máis a súa riqueza.
Toda esa pobreza e miseria que as políticas do Partido Popular propagan coma un virus en diversos ámbitos -económico, sanitario, educativo, etc.- amplifícase no medio rural ao agudizar problemáticas que xa padeciamos en tempos de bonanza. As persoas que seguimos a vivir no rural vemos como as nosas escolas e centros de saúde están a pechar ou sofren fortes retalladas en recursos, como as explotacións agrogandeiras dispoñen cada vez de menos servizos públicos de apoio á súa actividade, como se van deteriorando paseniño as escasas infraestruturas coas que contabamos. Unha mención aparte merécena as mulleres do rural para as que, amais de desempeñar a profesión agraria case sempre sen dereitos laborais ou ingresos propios, se está a precarizar a situación ao ser desmantelados servizos ; así, o encarecemento das garderías ou dos comedores escolares, a supresión de rutas de transportes para os nenos e nenas en idade escolar, as retalladas nas axudas sociais e apoios no domicilio, fan que miles de labregas asuman, xunto a un traballo xa de por si duro, o coidado de fillos e fillas, persoas maiores, labores domésticos, etc. cada vez con menos apoios.
E se ás xentes lles vai mal, ao territorio non lle vai mellor. Décadas de políticas ultraliberais aplicadas á Galiza rural fixeron do noso país un dos que menor superficie agraria útil ten de Europa, ás penas o 21%. As nosas explotacións teñen serias dificultades para acceder á terra, boa parte da cal está en mans de intereses especulativos ligados á produción industrial de celulosa, de masa forestal para xeración enerxética ou á extracción salvaxe de minerais do subsolo. En troques de poñer couto ao acaparamento de terras, os poderes públicos lexislan para facilitalo con textos como a Lei do Solo ou as Directrices de Ordenación do Territorio. A terra non é o único recurso que nos rouban; tamén a auga, un dereito humano básico que a Xunta privatizou e mercantilizou non hai moito coa Lei de Augas de Galiza.
E se as políticas ultraliberais do Partido Popular están a dificultar a vida no rural, tampouco fan mellores as condicións de brutal explotación que están a padecer os diversos sectores produtivos agrogandeiros e forestais. Goberne quen goberne, a banca sempre gaña, e na profesión labrega a banca son as industrias transformadoras e as grandes cadeas de distribución que venden o produto final, que impoñen prezos de miseria en orixe que non chegan nin para cubrir os custes de produción da actividade, un atentado en toda regra contra as leis do mercado e da competencia que teñen sacralizadas. Isto só é posible grazas a fortes subvencións pagadas con cartos públicos que permiten sobrevivir ao meirande das explotacións: as da Política Agraria Común (PAC). Esta patronal, en conivencia cos poderes políticos da Galiza, do Estado e da Unión Europea, están a perpetrar unha das maiores estafas da historia e, ao mesmo tempo, das máis ocultas. Entre 2007 e 2013, o 80% dos 862.000 millóns de euros da Política Agraria Común foron parar a grandes empresas, multinacionais e terratenentes; mentres que o 20% deses fondos foron as migallas que se tiveron que repartir as persoas que teñen na agricultura a súa profesión. O peor de todo é que, grazas a ese 20% dos fondos da PAC que reciben as explotacións, poden sobrevivir aos prezos de miseria que impoñen esas mesmas industrias e grandes distribuidoras que, ao final, son as que realmente se quedan cos cartos que, en vez de apañalos directamente, recollen grazas a unha maximización artificial da súa marxe de beneficios. Na Política Agraria Común para 2014-2020, estas regras do xogo ás penas mudarán por decisión política das comunidades autónomas, do Ministerio de Agricultura e da Comisión Europea.
O resultado das políticas devanditas é que o noso medio rural está cada vez máis despoboado e envellecido porque moitas persoas se ven obrigadas a marchar, porque fan imposible que o campo ou a profesión labrega poidan resultarlles atractivas á xente moza nestas condicións. Así, Galiza é unha nación cada vez máis dependente do exterior para alimentarse; mesmo en alimentos nos que se supón que somos dos maiores produtores, coma os lácteos, nin sequera cubrimos a nosa propia demanda. Por iso, dende o Sindicato Labrego Galego, nestas Marchas da Dignidade, reclamamos para Galiza o dereito á soberanía alimentaria, a termos un medio rural vivo no que as actividades agrogandeiras e forestais orientadas á produción de alimentos sigan a ser o principal motor económico e un factor de dinamización, repoboación e socialización.

Porque a nosa dignidade pasa por sermos donos e donas da nosa terra, da nosa auga e dos nosos alimentos, apoiamos a marcha do 22 de marzo.

P.D. Dende o SLG tamén animamos a toda a cidadanía galega a sumarse ás Marchas da Dignidade e a que sumen a súa forza á gran manifestación do 22 de marzo en Madrid. Para iso, estanse a habilitar autobuses que sairán das principais cidades galegas (prezo: 26 €). De seguido, facilitamos os teléfonos de contacto para inscribirse:
Vigo: 986 220 729
Pontevedra: 628 685 445
Compostela: 981 584 427
A Coruña / Lugo: 981 077 182
O Morrazo: 986 392 003
Ourense: 687 958 161

Saúdos do gabinete de comunicación do Sindicato Labrego Galego

No hay comentarios: