Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

10 marzo, 2007

Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde


Corridas do galo e Tribunais da Pascua

-V-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Nota previa, válida para este capítulo e seguintes:
As transcricións están tiradas literalmente dos orixinais que chegaron ó meu poder.

Corrida con dous galos.

.../...

Acusador
¿Viene Vd. a declarar – por los crímenes cometidos,

o es acaso familia – de estos dos detenidos?

O autor tanto puido querer dicir: -Parece Vd. tan animal, tan gallo, como estos gallos...”, como, -Aquí no ignoramos el artículo 436 de la Ley de Enjuiciamiento Criminal”, vixente daquela.

Testigo

Eu dises dous fulanos – parente non lle son nada.
Véñolle para declarar, - ¡e senón non me citara!

Agora xa non son un neno, - ei declarar o que vín.

Todo mesmíño que foi, - sin aumentar nin mentir.

Ei declarar a verdá, - ¡sempre tiven cuidadiño!,

non vendo a miña concencia – por un vaso de viño.

Rotunda alusión ós convites que recibían as testemuñas, pagados polos “picapleitos” ou “homes bos”.

Estando eu na miña casa, - quentando ó lume as canelas,
sintín fora gran barullo – e pensei que eran duas vellas.

Pensando que se leaban – botei mau a esta caxada;

encontreime con dous galos - ¡que eran da Fonsagrada!

Na comarca de Castroverde, daquela, -ignoro os motivos, acaso porque empezaban a vir caseiros desa parte da montaña-, non había bo concepto desa procedencia: “Monte sin leña; fonte sen auga; ...; ...”. Recordo que cando nos saía ós zoqueiros un par de zocas con nós, ou con moita madeira, o cliente desprezábanolas dicindo:”¡E ti pensas que son da Fonsagrada...!”

Sobre todo o Monteiro, - dígolle meu señorito,
¡se o vira encristarse – pro galo do meu veciño!

Quen lle tuvo a culpa de todo – foille o galo Monteiro,

co outro, meu señorito, - axudáballe por medo.

Mire, señor Xuez, - ben sabe que eso é moi serio,

vir os galos forasteiros – galealas pitas o pueblo.

Problemas da endogamia. Importaba moito casar cerca; era unha”concentración parcelaria” automática, que servía tamén para compensar as “lexítimas curtas” dos herdeiros casados no mesmo lugar. As liortas nas festas eran principalmente por faltar á palabra de acompañamento e por esculca-las mozas da parroquia; isto último había que saber facelo: primeiro, conseguir amigos, parentes ou veciños; e segundo, pagar roldas na taberna, algún domingo ou festivo, pero, ¡a modiño, paseniñamente, cautelosamente!, sen “sobresalencia”, porque do contrario de seguida che dicían, “¡Grazas, pero eu non bebo con descoñecidos!”

Defensor do Toribio

¿Fue cierto, señor testigo, - que el gallo Toribio
era un joven inocente – y el menos atrevido?

Testemuña

O Toribio que é o máis novo, - ise ainda é de boas contas;
o outro galeaba as nenas – i él quedábase cas sobras.

De boas contas; de palabra, de concencia, legal nos tratos.

Se algunha pillada fixo – xa verá o fundamento:
é porque as polas non respetan – o sexto mandamento.

Os Curas veña predicar do “sexto”, pero os fregueses tiñan cadora máis fillos naturais. As mulleres propias adoitaban sen tolerantes, como si se sentisen por riba do ben e do mal: “Aquí mando eu, e o que pase fóra desta casa impórtame pouco”. Xeralmente, salvo en xentes das chamadas de “mala naturaleza”, o patrucio recoñecía ós fillos naturais no seu testamento, deixándolles así, “lexítima curta”.

Fiscal

¿Oiga, señor testigo, - tiene algo más que declarar,
o revoca en algún punto – su prueba testifical?

Estamos vendo que os membros do Tribunal, e tamén os letrados, falan castelán. Aquí hai un mimetismo: Trátase de arremedar á xente “da Xustiza”, pero tamén de marcar distancias, que se vexa que os que castelanizan son colonizadores, que hai un abuso e un imperio que amola e doe ó paisano.

Testemuña

Xúrolle, señor Fiscal, - que canto dixen foi certo,
e ainda lle ei contar máis – xa que logo temos tempo.

O paisano vivía nun permanente atordamento: As audiencias do cacique, do superior, eran sempre curtas, e máis ben de monólogo. Ensinábaselles ós nenos: “Fala pouquiño (cautamente), e só se che pregunta o señor”. O que máis tardaba en aprender un labrego era a dicir que “non”, e para iso tatexaba: “Non sei se lle poderei...” “Non llo sei dicir...”

Fixeron outra das súas – alí cerca noutro pueblo;
sacáronlle as plumas todas – on galo que era vello.

Eu, que sempre fun de xenio, - botei a mau nunha estaca,

e iba aló despartilos, - mais despois non fixo falla.

Xuíz

¿Y fué cierto que el Montero – deshonró unha pollitas nuevas
y que despreciaba, el malvado, - a las que eran más viejas?

Testemuña

Xa estaba ca boca aberta – para dicirlle algo máis eu.
Denantes fíxenlle unha seña, - mais vosté non entendeu.

A mesma curtidade: a testemuña fixéralle unha seña, un aceno, pero foi un xesto tan tímido que nin o propio Xuíz o percibira; non se atrevía a falar sen ser preguntado, e ó mesmo tempo non se confesara de todo.

Algunha, meu señoriño, - estaba ben en sazón;
e porque eran algo vellas - despreciábaias o bribón.

E mismo a vista da xente - se poñía a galear;

nunca tal lle pensei ver. - ¡O mundo váise acabar!

Os mozos víanse detrás dos palleiros; e parrafeaban por riba dos valados. Calquera pequeno agarimo requiría a súa discreción. A testemuña vía a fin do mundo coa chegada de novas liberdades ou desenvolvementos.

Dígolle agora, señor Xuez, - que acabei de declarar:
víñame ben medio litro – i un bolo, para me marchar.

O viño e mailo bolo eran preceptivos, como queda indicado. Tamén nas poucas eleccións que se celebraban daquela: o “cunero”, ou máis ben os seus “caciques”, “muñidores”, etc., contrataban a taberna. Xa o dicía a copla de Portela Valladares: “Por aquí pasou Portela, camiño da Fonsagrada..., pero convidou con auga. Detrás veu Montoutiño..., ¡e convidou con viño!”.

Mándome logo a mudar, - que por hoxe non sei máis nada;
sólo lles quería decir – que me dispuxeran a paga.

“Mándome ... mudar”, curiosa expresión de gran arraigo en Canarias, que tamén se utilizou na Baleira e en Castroverde. Como ninguén lle paga nin lle indica que si, que haberá convite, a testemuña retórcese para saír.
...
Acusador

Ese gallo Montero - merece una pena drástica;
hacía burla de todos - y además de cabronada.

Con actitude machista, de “cabrón”, sobresaínte e maligno.
...

Defensor de Montero

Si galeó las pollitas nuevas - fué porque ellas le obligaban,
que en cuanto le veían - allí delante le aguardaban.

Aunque el gallo Montero – es el que lleva la fama,

yo sé cierto que Toribio – era quien alborotaba.

...

(O próximo capítulo, -VI-, referirase á Corrida da Meda,
que se celebrou o 28 de Marzo do ano 1.948)

04 marzo, 2007

Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde

Corridas do galo e Tribunais da Pascua


-IV-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Aínda que hoxe se nos acae mellor falar das “corridas”, é máis certo que a nosa xente, na época do seu apoxeo, nomeábaas “As sentencias da Pascua”. “Vai haber Pascua en tal sitio”. “¿E logo, quen vos fixo as sentencias?”. Dábaselles importancia segundo quen fose o Autor, o “espada” destas “corridas”. Non era preciso que fose da parroquia, pero había que confiar nel, non só para a letra senón, e tamén, para dirixi-los ensaios, que sempre se fixeron coa porta pechada, coa máxima discreción.

De letristas anónimos, nada; outra cousa era que non as rexistrasen como propiedade intelectual, e que todo o mundo as copiase, ¡había poucos papeis para ler, para practica-la lectura!, e que incluso as imitasen, tal que se fosen coplas de cego. Copias copiare, ían pasando de man en man, ¡e iso si que era cultura popular! Por certo, que a influenza do “Catecismo do Labrego”, de Valentín Lamas Carbajal, tanto nas “corridas” do galo como na ideoloxía e nas reivindicacións labregas, foi tremenda; vendeuse profusamente nas feiras de Castroverde, por entregas; e seguidamente foi copiado de xeración en xeración. Podo referir a anécdota de que, desprazado para “facer escola”, nos anos 1.946 e 1.947, tanto en Santa María de Piñeiro como en Librán, en ambas parroquias, ben distantes entre si, os vellos do lugar sabíanse de memoria o Catecismo do “Tío Marcos da Portela”, se cadra aínda mellor có da doutrina cristiá do P. Astete!

A teima da xustiza nos nosos paisanos non é, non foi, episódica; vén de vello, e témola pouco estudada. É indubidable que a condena do galo, en todas as celebracións deste tipo, presupón, tácita ou expresa, a presenza dun poder sancionador, que non sempre, nin en todas partes, requiría as formalidades dun tribunal convencional, pero na nosa bisbarra dábanse acenos especiais, pois sempre se puxo moito énfase no procedemento das sentencias: testemuñas contraditorias, acusación, defensa, testamento, ou sexa, últimas vontades, etc. Nalgún caso ata se designaba un “Presidente da Audiencia”. ¡En definitiva, que había que xustifica-las condenas, fosen do galo ou da Pascua!

¿Quedarían secuelas daqueles tribunais da Inquisición? É ben certo que por aquí tivemos dominicos, pero os nosos, aqueles xerarcas das nosas leiras, tiñan máis de granxeiros que de tridentinos. Tamén é certo que as nosas igrexas foron sucursais de Valladolid, e os casteláns –precisamente recollo un pensamento de Castelao- sempre foron máis papistas có propio Papa. Pese a todo isto, a tolerancia relixiosa, non só en Castroverde senón en toda Galicia, sempre foi proverbial, que aí temos o acollemento que se lles fixo ós xudeus expulsados de Castela. Concretamente no Corgo, aquí ó lado, aínda se conserva o apelido Jacob, rotundamente xudeu; igual pasou na parroquia de Librán, (Valeira), onde se deu a casualidade de que a casa máis próxima á igrexa, hoxe en ruínas, na que funcionaron tradicionalmente como sancristáns da mesma, era a da Eirexe, ¡de apelido, San Miguel! ¡Outros conversos! Cabe do Rego dos Lagartos, aquí en Castroverde, está o lugar de Toldaos (toledanos, xudeus vidos, escapados, da parte de Toledo).

Se establecésemos un paralelo cos “Carnavais” actuais, habería que ganduxalo, porque non se sostén nin nas propias raiceiras:

Aquel onte estaba preñado de rebeldía baixo a careta dunha submisión vasalática; este hoxe, coa rebeldía exteriorizada, legalizada, converteuse nun taboado de marionetas, no que somos manexados coma nunca, pero con fíos invisibles. ¿Por quen? ¡Por todo o mundo circundante, empezando por nós mesmos: polas nosas pretensións, polas nosas apetencias desmedidas, as promesas políticas, os xeos empresariais, os medios de comunicación, a crueza da globalización, eses americanos que nos venden billetes para ir á lúa, unha mecanización que nos converteu en parafusos sen osca, etc. etc.!

Quédanos, pois, acoutado o estudo da nosa teima pola xustiza, que aquí debeu ter as súas complicacións dada a concorrencia de tan variadas xurisdicións en tan pouco espazo:

. Ata xunto da casa da Veiga de Pena (outros din que o fito era o cruceiro das Veigas de Feás), chegaba a xurisdición de Lea.

. En Montecubeiro aínda temos os alicerces do cárcere do Barreiro; e no propio San Cibrao están as casas da Picota, ou cepo dos escarmentos, que recolleron esta lembranza no seu topónimo.

. Da xurisdición de Castroverde quédanos a Praza do Rollo, ó sopé do castelo. Este “rolo” infamante foi eliminado en virtude do Decreto de 26 de Maio de 1.813, por inspiración das Cortes de Cádiz. ¡O rolo non queda, pero a quen lle gusten as emocións fortes suxírolle que se dea unha volta polo Museo de Lugo, que alí, colgadas no mesmo patio, consérvanse as cadeas e mailos grillóns de Castroverde! (O cepo desapareceu, ou está retirado).

. En Pena, antigo señorío das casas de Mondriz e de Carballedo, onde os Osorios e mailos Pardo nomeaban xuíz ordinario.

. O do Picato, que lle correspondía ao Marqués de Castelar.

. Outros señoríos pola parte de Cellán, Pumarega, Soutomerille, Vilafrío, etc.

Como vedes, Xustiza había. Había tanta, que probablemente o que faltase era xustiza; e de aí veña a fame e maila sede que dela tiñan os nosos devanceiros.

.../...

Nos capítulos seguintes daranse fragmentos, comentados, de varias “Corridas” celebradas nesta bisbarra.

25 febrero, 2007

A Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, xunto co autor, convídao/ convídaa á presentación do libro:

As feiras de Castrovede no Século XX

de Xosé María Gómez Vilabella


O acto terá lugar o xoves, día 15 de marzo, ás 20:00 h. na Galería Sargadelos

(Praza de Santo Domingo – Lugo).


Intervirán:

D. Ignacio Rodríguez Eguíbar (Director-Xerente da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo),

D. Carlos Vázquez (xornalista),

D.Xosé María Gómez Vilabella (Autor do libro),

e presentará Manuel Muñiz Besteiro (Presidente da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde).

Coa actuación de Daniel do Pando

ROTEIRO: Francelos – Castedo – Serés – Bolaño, Pena ou Rebordaos. Sábado, 10 de marzo de 2007



Ás 10:00 h. : Castroverde na praza do Concello.

Percorrido: Francelos – Castedo – Serés – Bolaño- Pena ou
Rebordaos, visitando as súas igrexas ou lugares de interese.

Ás 14:00 h. Xantar nun restaurante da Vila.

Pola tarde: Visita a outro lugar próximo.

Nota:
Para facilitar a organización: avisar antes do mércores, día 7 marzo de 2007

Coa colaboración do Plan Xacobeo e do Concello de Castroverde



Actividade nº 2 da Asociación Amigos do Patrimonio e do CPI de Castroverde.


Actos relacionados co día da muller traballadora

“Hay una tierra -¡que bella es!-, Galicia, en donde la mujer rinde a la familia y a la sociedad más esfuerzo que el hombre. Éste, sugestionado por la leyenda del bienestar de América, unas veces, impulsado por la necesidad siempre, vino emigrando, dejando a la mujer al frente de la hacienda y de la familia. Y cumplía su cometido con tal heroísmo, que bien merece nuestra admiración”( Manuel Cordero Pérez, con ocasión da súa defensa do voto feminino nas Cortes Constituíntes da Segunda República, foron recollidas por Alberto Vilanova Rodríguez na súa biografía do noso paisano, –nado en Castroverde en 1.881)

Data: día 9 de marzo (venres).

Lugar: Salón de Actos do CPI de Castroverde

SUMARIO

Acto 1º ás 12:40 h.– 13:40 h. para alumnos e alumnas de 1º, 2º, 3º e 4º curso de ESO.

Duración aproximada 60 minutos

Presentación

Por Xosé María Gómez Vilabella

1ª intervención Título:

Sabela Rodríguez Oxea: “Queimáronse as lentellas” e Isidro Novo: sen título

Antón Castro

2ª intervención Título

Ánxela Gracián:"Non traballes tanto, Nai” e Antonio Reigosa:"eMe eSe eNe".

3ª intervención

Marica Campo: sen título e Paco Martín: sen título

Antón Castro

4ª intervención

Lorena Souto : sen título e Mónia Armesto: sen título

5ª intervención


Paco Pestana: sen título


Antón Castro


Opinión /Coloquio, ou representación dos rapaces (5- 10 minutos)

Acto 2º ás 13:45 h.-14:00 h. (aproximadamente), presentación do libro As feiras de Castroverdes no século XX. Duración aproximada 15-20 minutos

Interveñen: Eduardo Carreira González e Xosé María Gómez Vilabella

Antón Castro


Colaboran: Concello de Castroverde, Plan Xacobeo, Consellería de Cultura


Biografías:

Xosé María Gómez Vilabella.- Naceu en Montecubeiro, Castroverde, no ano 1.930. Zoqueiro e mestre daqueles de a ferrado. Aos 18 anos foise voluntario para o Ministerio do “Ejército”, Madrid, para ter fonda gratis e poder estudar, cousa que fixo ininterrompidamente, nunhas cousas ou noutras, ata a súa xubilación; o Bacharelato, polo nocturno, e o resto das titulacións, por libre. Aos vinte e seis anos xa era Director da Sucursal do Banco Exterior de España, en Sidi Ifni (África Occidental Española), entidade que oficiaba na Colonia (Territorio de Soberanía) como único Banco, incluídas as funcións de Tesourería do Goberno. As súas vicisitudes na Guerra de Ifni (1.957/58) merecen capítulo á parte. Hoxe vive entre Coruña e Montecubeiro.

Ten colaborado en varias publicacións periódicas, entre elas, en; El Progreso, Encrucillada etc. Obra publicada: Aos 20 anos, Castroverde. Bosquejo Histórico Geográfico. Despois viñeron: Juventud Bancaria (en castelán), 1.958. Cacería de Ciclóstomos en Ifni, 1.991. ¿Pódese pasar?, con prólogo de Manuel María, en 1.991. Historias Intra da Bisbarra Castroverde, Pol e Baleira, con prólogo de Antón Fraguas Fraguas,( Cronista Xeral de Galicia), 1.992. De mámoas e de talaiots. ¡Se eu mandase, ai daquela...!. As feiras de Castroverde no século XX.

É colaborador habitual do blog da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde: http://amigosdopatrimoniodecastroverde.blogspot.com

Nas Palmas de G.C. estanlle preparando a saída dunha epopea súa sobre a Guerra de Ifni 1.957/58, titulada, Ifnada, que o propio Autor traduciu ao castelán con esta finalidade. Pero isto non é todo, que aínda lle queda un bo feixe de traballos inéditos, entre ele,s unha voluminosa novela de fondo histórico baseada nas vicisitudes da muller emigrante, particularmente en Cuba, que titulará, Cerna pura. A primeira parte levará por subtítulo, “Do Pradairo ó Vedado”, e a segunda “Da rumba ó chotis”.

Sabela Rodríguez Oxea.- Naceu en Monforte en 1958. É profesora de Lingua e Literatura Galegas no IES Xoán Montes de Lugo. Ten publicado; Versos do silencio roto e está para publicar; dous poemarios e un libro de relatos.

Isidro Novo.- Fillo de mariñáns, Isidro Novo naceu en Lugo un día de San Froilán de mediados do século pasado. Di sentirse máis poeta ca narrador, malia que ata o momento na súa produción editada predomina a prosa sobre o verso, disciplina na que ten publicado o libro Dende unha nada núa. De relatos son: Carne de can e Antollos de Eimarmena, mentres que novela son títulos seus: Teaza de brétema, Por unha presa de machacantes, Súa de si e Rosa lenta. Recentemente foi galardonado co Premio Arcebispo San Clemente. É colaborador do xornal Galicia Hoxe.

Antón Castro.-Mestre de Música no CEIP de Outeiro de Rei. Ten impartido numerosos cursos en Centros de Formación, para Movementos de Renovación Pedagóxica e Universidades, tanto en Galiza coma no resto do Estado. En tódolos cursos nos que participa, a tradición é base, tanto no terreo da literatura, como no da música ou no da arquitectura. Como maquetista, dentro do Colectivo Tranqueira, ten desenvolvido proxectos para museos. Un deles é a exposición permanente no museo provincial de Lugo sobre a vivenda tradicional no Camiño Francés, e outro, o estudo sobre das pallozas na provincia de Lugo.

Ánxela Gracián.- Naceu en Gracián, Castroverde en 1968. É autora de dúas novelas de literatura infantil: Cos petos cheos de cinza, 1998; As bolboretas douradas', 1999; Outras obras súas son: Eu tamén fun peliqueiro de Laza, 2000; Chis chisgarabís, 2004; A toupiña cegarata, 2005; Camiño solitario, 2007.

Traduciu ao galego: Memorias de Hadrián, de Margarita Yourcenar, e, en coautoría, Ciclo Bis, de David Durán. Tamén traduciu a Hugo Pratt e a Verne. Actualmente traballa no servizo de tradución da Xunta de Galicia.

Antonio Reigosa.- Mondoñedo, 1958. É membro de Chaira, xunto a X. Cuba, M. Salvador e O. Carnero, grupo dedicado a traballos de recompilación, investigación e divulgación de literatura oral: Polavila na Pontenova e Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín. Coautor de libros coma: o Diccionario dos seres míticos galegos, Contos colorados, Pequena mitoloxía de Galicia ou a colección Cabalo buligán.

Autor de, entre outros títulos: Memorias dun raposo, Resalgario, Bacoriño, A noite dos pesadelos e A escola de Briador. A flor de auga. Recibiu o Premio Merlín e o Raíña Lupa. Outras obras: Contos de animais, Contos colorados, Contos de maxia, Contos fantásticos, Contos maravillosos etc.

Traballa no Departamento de Didáctica do Museo Provincial de Lugo desde 1982. É escritor, conferenciante, investigador da mitoloxía e da literatura oral galega, colabora con traballos de divulgación relacionados coa historia, a arte, a etnografía, a mitoloxía popular e a literatura oral en diversos medios de comunicación e revistas especializadas.

Marica Campo.- Naceu no Val do Mao, O Incio en 1948, fixo estudos de Teoloxía e Filosofía e Letras, é mestra e ten o Grado Superior de Galego pola Escola de Idiomas, e traballa como profesora de Galego no IES de Guitiriz. Publicou relatos e poemas soltos en diversas revistas, colaborou en iniciativas docentes e socioculturais dirixidas á dignificación da literatura e a lingua do país, escribíu letras para grupos musicais galegos desde o albor da Nova Música Galega, para “Fuxan os Ventos”, “A Quenlla” e outros, obras de teatro, pregoou eventos culturais e festivos, prologou libros... Da obra publicada hai que salientar as obras tetarais: O premexentes non pode cos paxaros rebezos, Cadernos da Escola Dramática Galega, Confusión de María Balteira, representada polo grupo “Achádego” publicada polo Arquivo “Francisco Pillado” da Universidade da Coruña. Obras poéticas como: Tras as portas do rostro, Baía Edicións, A Coruña. Pedinche luz prestada Premio Fiz Vergara e Abracadabras, premio de poesía infantil Neira Vilas de 2005. En narrativa Confusión e morte de María Balteira e Memoria para Xoana, Premio de Narrativa do concello de Vilalba do ano 2002 e da Asociación de Escritores do ano 2003.

Paco Martín .- Francisco Martín Iglesias Lugo, 1940. Mestre. Membro do consello de redacción de A trabe de ouro. Colaborador semanal de El Progreso. (Premio Santiago de TV). Premio "Puro Cora" de xornalismo (1994). Autor de libros de textos para o ensino da lingua galega. Publicou os seguintes libros de narrativa: Muxicas no espello (1971), No cadeixo (1976), E agora cun ceo de lama (Xerais 1981), Dende a muralla (Xerais 1990), relatos; Tres historias para ler á noite (1992); Autovía (1994); Un reguiño na Terra Cha (1995); "O estadio", relato incluído en Berra liberdade (1996); "O lume novo", en Antoloxía do conto galego de medo (1996). As súas obras de literatura infantil, traducidas a diversas linguas, son as seguintes: Das cousas de Ramón Lamote (1985), Premio Barco de Vapor (1984), Premio Losada Diéguez de creación (1985); Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (1986), Lista de Honra do IBBY (1986); Lembranza nova de vellos mesteres (1988); Servando I, rei do mundo enteiro (Xerais 1990); Un robot pequeno (Xerais 1991); O vagón que perdeu o tren. O xardín (Xerais 1991); A, se cadra. Verdadeira historia do Basecus Anxeliño Viltroteira (1992); Pierre (1993); Dous homes ou tres (1993); Andanzas e amizades dun robot pequeno (Xerais 1994); Medio burato (2000); Auga para encher un cesto (2002).

Lorena Souto.- Naceu n’O Páramo, Lugo, en 1983. É licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, onde actualmente cursa estudos de doutoramento en Teoría da Literatura e Literatura Comparada. A súa obra permanece inédita, se ben ten participado en múltiples recitais, alén de colaborar en proxetos de edición alternativa.

Mónica Armesto.- Naceu en Celmán (Paradela) en 1987. Estudou Bacharelato en Sarria e actualmente cursa estudos de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. A súa traxectoria literaria pódese encadrar dos seguintes premios: 2ºPremio de Poesía " Entre Nós, en Galego."(2002). 3ºPremio de narrativa "Francisco Fernández del Riego"(2002). 1ºde Poesía " Entre Nós, en Galego.", nivel provincial e autonómico, (2003). 2º Premio de Contacontos “Entre Nós, en Galego" (2003). 1º Premio Internet Galicia de Narración ( 2003). 2º Premio de Poesía "Lucus Augusti" (2003). Accésit en Poesía nos "Premios Minerva" (2004). 2º Premio de Poesía Entre Nós, en Galego "."(2004). 1º Premio de Narración "IES Gregorio Fernández" (2004). Premio Internet Galicia de Narración . e 2º Premio de Poesía no mesmo certame (2004). 4º Premio de narrativa " Entre Nós, en Galego” (2005), 3º Premio en poesía

"Entre Nós, en Galego"(2005), 1º Premio de Recitado de Poemas "Entre Nós, en Galego", nivel provincial e autonómico, (2005). 3º Premio de Narrativa Internet Galiica (2005). 1º Premio de Narrativa "IES Gregorio Fernández" (2005). Publicacións de dous relatos no xornal "A Voz de Galicia" na seccións "Relatos de Verán" nos anos 2003 e 2004.

Paco Pestana.- Naceu en Peredo, Castroverde, Lugo, en 1949. Artista multidisciplinar, realizou máis de 120 exposicións de escultura e estivo presente nas bienais de escultura de Zamora, Oviedo, Pontevedra, Tárrega, e en simposios en Santander, Wismark, Portugal, ... As súas últimas exposicións tiveron lugar na Fundación Granell, na Casa da Parra en Santiago de Compostela, Museo de Lugo, Fundación Torrente Ballester de Ferrol, Museo de la Pasión de Valladolid, Museo de Lalín (Pontevedra), Auditorio de Galicia en Santiago e Museo de Ourense. Colabora en revistas e nos xornais escribindo sobre arte e humor. Publicou poesía e colaborou en radio e en montaxes teatrais.

Eduardo Carreira González..- Naceu en Castroverde. Director do C.P.I de Castroverde desde principios dos anos 1.980 ata hai uns anos. Rexedor de Castroverde nos primeiros anos da década de 1.970.



Actividades da Asociación para os meses de Marzo e Abril


Marzo

Data: día 9 de marzo (venres). En Colaboración co CPI de Castroverde.

Actos relacionados co día da muller traballadora.

Lugar: Salón de Actos do CPI de Castroverde.

Acto 1º ás 12:40 h.– 13:40 h. para alumnos e alumnas de 1º, 2º, 3º e 4º curso de ESO.

Interveñen: X. Mª Gómez Vilabella, Sabela Rodríguez Oxea, Isidro Novo, Antón Castro, Ánxela Gracián, Antonio Reigosa, Marica Campo, Paco Martín, Lorena Souto, Mónica F. Armesto, Paco Pestana.

Acto 2º ás 13:45 h.-14:00 h., presentación do libro As feiras de Castroverde no século XX. Interveñen: Eduardo Carreira González e Xosé María Gómez Vilabella.

Data: sábado, 10 de marzo de 2007

ROTEIRO:

Francelos – Castedo – Serés – Bolaño- S. Martiño (por onde ía o antigo Camiño Primitivo)

Asemblea na Casa do Concello Vello, ás 19:30 h.

Data: día 15 de marzo (xoves).

Presentación do libro As feiras de Castroverde no século XX

Lugar: Galería de Sargadelos, praza de Santo Domingo, ás 20:00 h.

Data: día 21 de marzo (mércores).

Saúdo á primavera

Data: día 24 de marzo (sábado).

Visita aos muíños e Concello de Vedra, xunto coa Asociación de Muiñeiros “Santa Lucía”. (Avisar antes do 15 de marzo)

Abril

VIAXE CULTURAL PARA 0 3 e 4 DE ABRIL (anotarse antes do 15 de marzo)

Data: día, martes, 3 de abril

Sáida de Castroverde ás 8:40 h., de Lugo ás 9:00 h. (Ronda da Muralla)

Visita ao Parlamento; 11: 00 h. - Visita ao Museo do Pobo Galego; 12:30 h.

Comida 14:00 h. en Santiago - Vistia á Catedral; ás 17:00 h

Cea e durmir e almorzar en Portonovo.

Data: día, mércores, 4 de abril

Pola mañá:visita á Cidade de Pontevedra -Comida; 14:00 h.

Pola tarde: visita ao Centro de Investigación de Lourizán e ao Castelo de Soutomaior.

Data: día 21 de abril

ROTEIRO: Das igrexas románicas, castros, mazos e muíños: Espasande –Goi – Tórdea – Uriz ...) xunto coa Asoc. Arcas de Sarria.

COLABORAN: Concello de Castroverde, Plan Xacobeo e Consellería de Cultura

NOTA: Concretaranse máis cada acto uns días antes.

Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde

Corridas do galo e Tribunais da Pascua

-III-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Tódalas inmigracións, por limitadas que sexan, aportan, como é natural, as súas novacións, ritos e crenzas, que se van decantando e mesturando coas preexistentes no país. A impermeabilidade absoluta, a estes efectos, non existe.

No tema concreto das “Corridas do galo”, a primeira pescuda pode ser: ¿Por qué o galo; que nos fixeron os galos? O galo non era unha devoción romana; comíanos a pracer, iso si, e incluso preiteaban por eles, polo hábito de largarse o galo para o poleiro do veciño, ¡poliandria!, obstinándose, como consecuencia diso, no dereito primordial de caza, e maila diferenciación entre animais amansados ou domesticados (mansuetae ou mansuefactae), que aínda que gozan/gozaban de liberdade están/estaban baixo certo control do home mentres conservaban o costume de volver, e os animais domésticos (quorum non est fera natura) que están/estaban continuamente baixo a potestade do home.

Importancia si que lla deran os gregos. Abonda con lembrarse de que Sócrates, cando xa a cicuta lle estaba facendo efecto, lembrouse de que lle debía ¡un galo! a Esculapio. Naquela lenta agonía destapouse a cabeza, e díxolle ó seu discípulo e amigo Critón: “Estoume lembrando de que lle debo un galo a Esculapio...” -“Xa o pagaremos, non o dubides; ¿queres algo máis?”, pero Sócrates non puido responder: ¡Morría coa conciencia tranquila, despois de recoñecida e encomendada aquela débeda, ¡dun galo!

A mítica do galo é un asunto xermánico-francés; se acaso, con raiceiras celtas. Unha proba diso é que nas dúas fisterras sempre se lle tivo un gran respecto e unha certa admiración prosopopeica. Pero onde está máis presente é na arte popular da zona de Barroso-Braga-Barcelos, (¡Suevia pura!), da que se estendeu con dirección ó Tejo (Tajo), especialmente na cerámica popular. En Francia aínda queda algún galo de latón na bandeirola das tabernas.

Aquí por Lugo, ademais do seu papel de golfante / vitimario nas “Corridas de ídem”, tamén se viu tratado na cerámica. Eu recordo abundantes xerras do viño coa asa en forma de crista e o bicarelo imitando o pico do galo; e tamén teño visto galos, a cores, como motivo no bordado de manteis de liño, así como nalgunha manta de la do tear, nas que reproducilos non era tarefa doada, sendo o fácil non saírse das figuras xeométricas. Nesta bisbarra unha brincadeira moi a gusto da rapazada era, maiormente nas mallas, provocar ás mozas coa ameaza de “¡Heiche de cantar un galo, se tal, e se cal!”. O xogo era ben inocente, pero tiña o seu aquel: Xunta-las frontes e dicirlles, “¡Quiquiriquí!”, rilando os dentes.

Variantes das Corridas do Galo

Considero como prototipo evolucionado, consolidado, a escenificación que se fixo na Meda pola Pascua do ano 1.948. Por outra parte, teño que omitir a recensión doutras desta bisbarra de Castroverde, que tiveron a súa importancia, pero aínda non conseguín os libretos das mesmas, que xa me vai parecendo que os arquivaron demasiado ben, ¡ou demasiado mal! Deténdome na da Meda, coido que con iso xa teredes unha visión, un retrato, de conxunto, deste tipo de celebracións. E logo que foi o “canto do cisne” destes espectáculos, pois a partir da comentada, pouco se celebrou dun rango parecido, pero nunca igual, e menos, superior.

Na Meda: Un escenario insuperable, nun prado amplo e cunha lixeira pendente que facía de anfiteatro con respecto ó tribunal. Palco de madeira, espazoso e enramallado; grilandas de papel e outras colgaduras. Bos cabalos e boas monturas. Os cabaleiros lucían valiosas galas; díxose que algunhas familias levaran a Lugo, e que as deixaran depositadas nas xoierías como fianza, escrituras das súas propiedades, naquela competición por adobiarse de aneles, pulseiras, cadeas, etc. Os membros do “Tribunal” luciron togas con “puñetas” de encaixe, verdadeiras. O “Atestado” presentouno Antonio Boudón, daquela estudante, e lucía unha gorra de prato da Policía Armada na que lle cabía cabeza e media. Algunhas testemuñas luciron traxes rexionais e de época, de moita valía. O libreto foi coidadosamente memorizado e ensaiado, ¡obviamente a porta cerrada!

Nunha palabra, que a mobilización de medios e de recursos foi extraordinaria e competitiva. Lembremos que a Meda, naquel tempo, obtiña moito diñeiro, aínda que moi suado, da extracción e cocción do cal, que non só ía para Lugo, para a construción, senón que tamén se fixeron embarques, por tren, para Coruña. Con tradición, ganas e medios, fanse milagres; o único ramplón aquel día debín ser eu, que cerrei o acto cunha especie de disertación explicativa, diante dunha xente que prefería vivilo a entendelo.

As variantes en Galiza foron moitas, segundo as localidades e os tempos. Nesta bisbarra de Castroverde téñenme dito que as houbo en bicicleta; eu non asistín a ningunha desas, así que, relata refero! Algunhas particularidades:

. Corre-lo galo a pé ou dacabalo. Con ou sen os ollos vendados.

. Cortarlle a gorxa con sable ou arrincarlle a cabeza; algunha vez fíxose co galo metido nunha ola de barro, e coa cabeza sobresaíndo, por suposto.

. Con “Tribunal” ou sen el. Tribunal a pé, a cabalo, ou con palco.

. Con fareleiros (con sacos de cinsa ou de farelo, atados na punta do pau dun malle, nas correas da pértiga) para garda-la orde pública.

. O que case nunca faltou foi a parella de vellos, un deles disfrazado de muller, que daban o “predicote”, chocalleiro e crítico, sempre en galego, máis ou menos castrapista.

¿Que tal lles foi co galo aos nosos veciños-parentes da suevia portuguesa?

Para falar diso coa máxima autoridade, voulle cede-la palabra a Antonio Lourenço Fontes, que vén a ser o Vicente Risco deles, destes irmáns nosos, tan iguais e tan queridos:

.../...

Talvez seja este costume carnavalesco de Domingo Gordo um resto de certos ritos de culto pagâo. A imolaçâo do galo em dia de Carnaval é ainda vivo em muitas aldeias da Europa, com mais ou menos variantes. Conheço de Galicia várias aldeias que o conservam. E em Barroso ainda está vivo o costume em Gralhas, en Viade, na Vila da Ponte, en Meixide, polo menos. Noutras há a doce recordaçâo da euforia que tal uso proporcionava a todos, em especial à gente nova. Há variantes neste rito do jogo do galo. Em Viade e Vila da Ponte, os rapaces compram um galo. Num largo, depois de esconderem na terra todo o galo, excepto a cabeça, vendam os olhos a todos os participantes e, à vez, com um pao nas mâos, procuram matar o galo. O que o matar nâo paga. Em Gralhas os rapaces enfeitam com fitas garridas o galo mais lindo da aldeia. Vestem-se de cores garridas, barretes de papelâo, imitando romanos. De antemâo, dois jograis com boa voz, e jeito para versejar em quadras, escreveram ou decoraram o testamento do galo.

Testamento do galo ou motes.

Ao recolher do gado em Gralhas, assistimos à leitura ou proclamaçâo do testamento do galo. Sâo críticas mordaces de toda a mocidade solteira e por vezes dos casados. Ali descobrem e julgam todos os actos mais caricatos, ou que mais deram que falar, durante todo o ano passado. Os namoros das moças, as desfeitas que os rapazes lhes fizeram, amores proibidos, casamentos a combinar. Dois rapazes, um de cada lado da rua, debruçados sobre uma janela, para todos verem e ouvirem bem, declaram em voz alta, na frente de numeroso público, a longa enumeraçao das suas apreciaçôes à vida pública e íntima, amorosa, de cada par.

Fragmento do Testamento dun Galo em Vilar de Perdizes:

.../...

Vou deixar a minha crista

É a que dá mais na feira,

Para toda a juventude,

A que for mais lambareira


E as penas do pescoço,

É onde as tenho mais bastas,

Deixo-as para as mulheres,

Ás que forem mais beatas.

Deixo as penas das asas

Para quem as quiser usar,

Ao homem mais leve do povo (galo)

Para melhor poder voar.

Vou deixar as minhas unhas

Para todas as viúvas,

Para se ranharem de noite,

Quando morderem as pulgas.

Eu quero deixar o bico

A quem toda a gente veja,

Ao reitor da freguesia,

Para cantar na igreja.

.../...

A estas quadras também lhe chamam motes. Em todas as terras se fazem motes, em que se critica a vida alheia, especialmente da mocidade solteira. No dia de Ano Novo ou de Entrudo ou Páscoa ou outra festividade solene sâo lidos ou entâo colocados, onde se espalhe a notícia. Em Vilar de Perdizes jogavam o galo no dia de Domingo Gordo. Começavam por se juntar no Largo da Laborada. O galo ia todo enfeitado num carrinho com os seus acompanhantes: o juiz, escrivâo e testemuñas. Aquele era suspenso no ar, com as pernas presas. E os rapazes com espadas de pau tentavam acertar-lhe para o matar. Os que o suspendiam nâo deixavam atingi-lo. Vinham, despois de ler os motes referidos àquele bairro, para o Cruzeiro, onde terminavam de ler e executavam o galo com a espada de um dos rapazes que, por fim, lhe acertou em cheio. Era depois comido por todos.

¿En Galicia, resucita o galo?

¡Non sei se resucita ou é simplemente que sobrevive...! As “noticias” de última hora son estas: (Véxase La Voz de Galicia, mércores, 7-2-2.007 L8 Comarcas)

“El baile de las madamas y galáns y la Corrida do Galo, las dos principales atracciones del carnaval de Vilaboa (Pontevedra) se celebrarán el próximo día 20 en la explanada de Riomaior, en Santa Cristina de Cobres. En esta ocasión, el pregonero será Rubén Riós, el actor que representa a Marcos en la serie de la TVG , Libro de Familia.”

.../...

Continuará.

18 febrero, 2007

Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde

Corridas do galo e Tribunais da Pascua

-II-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella


Nestas cousas da CULTURA POPULAR sempre hai que volver a Risco: Na súa pescuda sobre a queima do Entroido encontrou descricións dela referidas ó Piamonte, Italia Central, os Abruzzos, Palermo, Provenza, Vienne, as Ardenas, Nomandía, Saint Lô, a Bretaña, Saintonge, Inglaterra, Westfalia, Baviera, Suabia, Transilvania, Boemia, etc. Nalgúns sitios constatou que se celebraba o “Xuízo” con moitos pormenores, tal que en Koeniggraetz, Kissen, Normandía etc.

Estas verificacións lévannos á evidencia de que arraigou o rito da purificación polo lume en países de relación xermánica, ou xermanizados nos comezos do cristianismo. ¡Daquela está claro que á nosa bisbarra trouxérono os suevos! Tamén é un problema de ecoloxía: Estamos nunha civilización de bosques caducifolios, con secas e con fríos. Témo-lo lume no subconsciente. Por algo non se atopan causas concretas, definidas, únicas ou singulares, erradicables, das queimas do monte: complica as cousas un diaño que levamos no corpo, que incluso pode ser subornable. ¡Así que, ademais de extrema-la vixilancia, e de utiliza-los avións, fará falta un hisopo con auga bendita!

Dou por seguro que Prisciliano, o frugal Prisciliano, aquel asceta rigoroso que din que era, na súa condenación da materia, cando trataba de sincretizar o dogma cristián coas tradicións ancestrais e coas doutrinas da filosofía grega e oriental, xa lles predicou ós seus paisanos, nosos entregos, a morixeración coresmal. E tamén penso que por aqueles tempos xa se decataran as persoas cultas -o clero- da peste da triquinose, como lle pasou a Mahoma, que de aí tirou a súa prohibición do “jalufo”. Así lle foi ó Priscilián na súa prédica, porque naqueles tempos a mellor forma de concitar odios, de provocar calumnias, era, sen dúbida, restrinxirlles as graxas ós catecúmenos: Queixáronse a Itacio; e levárono a Tréveris, diante do emperador Máximo. Abafárono, e acabaron con el diante da Porta Nigra, no ano 385. Pero non debeu ser tan herexe suposto que o defendeu nada menos que o seu coetáneo San Martiño de Tours, o primeiro dos nosos Martiños protectores, ós que lles dedicamos cantidade de igrexas nesta parte do país.

A Igrexa, na súa labor de pasar ó curral aqueles ritos pagáns da época, recomendou a celebración penitencial do mércores de cinsa, que era tanto como dicir, “¡Basta; hai que cambiar de vida!”. A lóxica natural da nosa xente non podía ser outra que iso de, “Véspera de nada, día de moito”. Non parou aí o conto pois a Igrexa debeu darlle outra volta á parafusa: “O Entroido, con eses excesos, é malo!”, así que os xermánicos tamén se quedaron con estoutra mensaxe: “¿É malo? ¡Daquela, queimámolo!

A celebración da Pascua de Resurrección levantaba a veda das graxas, a contrapelo climático nestas latitudes, precisamente cando xa quedaban altos os touciños na despensa, e logo que xa non as pedía o corpo. Entón o pobo miserento, de coresma cotián, tamén fixo a súa reflexión: “Queimámolo Entroido...; daquela queimemos a Pascua!”. Non sei como empezaría o simbolismo, a representación, pero si sabemos de que xeito acabou: Os árabes copiáronlles ós chinos a fórmula da pólvora, e os nosos pirotécnicos, unha vez coñecidas as súas aplicacións, inventaron a moneca xiratoria, queimable. O único que faltaba, se cadra copiado da Inquisición, era a montaxe dun tribunal: ¡Personificar na moneca da “Pascua” tódalas picardías e tódalas queixas do ano!

As chispas e mailas explosións da moneca gustáronlles ós cregos, que así os propios fregueses axuizaban as faltas, sometendo á “pecadora” ó purgatorio, á purificación do lume.

Volvendo ó caso concreto do Entroido, do “Santo Entroido”, que así chegaron a chamalo pola parte de Lalín, de Dozón, e de Castro Caldelas, que tal era a raizame, a devoción que lle colleron ós seus ritos. Chegaba detrás da matanza do porco, que nas casas máis podentes sempre se retrasaba algún exemplar para utiliza-las súas miudezas con tal celebración. Cando caía alto, as filloas de sangue, a cachucha e os roxóns substituíanse por freixós de leite e por fretes de manteiga. O postre habitual na nosa bisbarra, (sobremesa, din agora), sempre foron as chulas de ovo e as flores fritidas, tamén chamadas orellas de frade. Ritos, pois, na rúa, pero tamén nas casas.

O léxico do carnaval en Galicia dá para facer un dicionario:

Abutardas, antroidos, ... Bonitas, borralleiros, borrallosos, boteiros, ... Cigarrós, cinceiros, curruvellos, charrúas, choqueiros, ... Damas, ... Faranduleiros, fareleiros, felos, folecheiros, ... Galáns, ... Irrios, ... Madamitas, máscaras, mascaritas, mecos, murrieiros, ... Pallasos (non “paiasos”, con capa de xuncos ou de palla), peliqueiros,... Vellada, ...

Máscaras e disfraces de oficios, segundo a imaxinación e/ou os medios de cada lugar.

Outros complementos: Cabaleiros – executores do galo, fose á man ou con espada, coas bestas engalanadas. Burros vellos para os “Predicadores”. A “Pascua” adoitaban levala nun carriño cativo, de madeira, tirado por cabras.

De volver a facer, a representar, Sentenzas do Galo, nin eu estaría disposto a iso, nin a Sociedade Protectora de Animais o consentiría, que se aplicase a PENA CAPITAL. O galo, simbolizando dalgún xeito certas brutalidades e/ou malicias machistas, tería, debería ser, castigado, por suposto, pero a outro tipo de penas. Para a mentalidade actual, tanto o Galo como a Pascua deberían ser, humoristicamente, claro, acusados doutros feitos, con actualidade, pero sen ofensas de tipo persoal, sen imputacións concretas a persoas determinadas.

No próximo capítulo: O galo suevo, Braga, Barcelos, Lugo, Castroverde...