03 julio, 2009

ROTEIRO POR BARES


Porto - Faro de Bares
SÁBADO, 11 DE XULLO

Ás 10:00 h, no porto de Bares

Organizarse para ir en coches particulares, a non ser
que haxa 15 persoas que saían de Castroverde ou Lugo.
Percorrido ver mapa que se achega.
Uns 7 quilómetros aproximadamente.

Ás 14:00 h, Xantar nun restaurante da zona.

Avisar antes do 9 de xullo, xoves.
Saúdos.
Manolo Muñiz

02 julio, 2009

Nomeada o 27 de Xuño na cidade de Sevilla



A TORRE DE HÉRCULES,
BEN CULTURAL PATRIMONIO DA HUMANIDADE

torre de hércules from Instituto Torre de Hércules on Vimeo.


AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE alégrase do nomeamento pola UNESCO do FARO "TORRE DE HÉRCULES" como BEN CULTURAL PATRIMONIO DA HUMANIDADE. Por iso, felicita, de maneira moi especial, a todolos coruñeses e galegos en xeral, así como aos españois todos. Máis de 2000 anos de historia viu pasar o lucernario deste singular monumento, alumando ás embarcacións nas crúas e bravas noites da costa coruñesa, e testemuña incólume da historia de tan fermosa cidade, na que segundo reza a súa eslógan, "ninguén é forasteiro". PARABÉN a todos. A continuación inserimos varios documentos sobre a Torre e a cidade. O primeiro deles da páxina do Concello da Coruña, dedicada a este evento, onde se recolle xa a concesión do galardón. O segundo, o texto de solicitude do INSTITUTO DE ESTUDOS DE LA TORRE DE HÉRCULES á UNESCO. O terceiro, é unha nota sobre a etimoloxía da cidade, recompilatoria de fontes varias na WIKIPEDIA.

A Torre, Patrimonio da Humanidade
O soño xa é realidade. A Torre de Hércules entrou pola porta grande na lista de patrimonios mundiais o sábado 27 de xuño ao redor das 18.30 da tarde, unha hora e un lugar (Sevilla) que non van esquecer os coruñeses e os galegos. A alegría desatouse na cidade, e ademais moitos aproveitaron para achegarse ao monumento. Até o sábado, a visita á Torre de Hércules será gratuíta.

Instituto de Estudos Torre de Hércules
Cando Gaio Sevio Lupo, arquitecto lusitano natural de Coimbra e ao servizo do Imperio Romano, construíu o Flavium ou Pharum Brigantium sobre unha península no extremo sur do golfo dos ártabros para servir de guía á navegación marítima no Finisterrae de Europa, non podía imaxinar que ese faro, coñecido desde hai séculos como Torre de Hércules, ía permanecer, dúas mil anos despois, no mesmo lugar e con idéntica misión. A historia de España, de Europa e do Mundo, non sería igual de non existir o Faro da Torre de Hércules, o cal, dous mil anos despois da súa construción, continua sendo testemuña e guía da navegación marítima nun dos puntos de maior densidade de buques de todo o planeta. é o único de todos os faros construídos por Roma que chegou até os nosos días coa súa altruísta misión. é un edificio singular, romano por dentro e nos seus cimentos e neoclásico por fóra, cunha simboloxía cidadá que traspasa os límites do laicismo para converterse nun elemento de adoración case relixiosa. Por todo iso, o INSTITUTO DE ESTUDOS TORRE DE HÉRCULES, unha institución cultural creada para fomentar e promocionar o patrimonio artístico, cultural e monumental da Coruña, considera un deber solicitar á UNESCO, co apoio de todos os organismos oficiais implicados, que se recoñezan os valores humanos, históricos, artísticos e culturais do faro romano máis antigo do mundo en funcionamento, declarando á Torre de Hércules Ben Cultural Patrimonio da Humanidade.

Topónimo da Coruña
Hai moitas teorías respecto diso, desde étimos indoeuropeos (incluíndo celtas) ou latinos: Varias sinalan unha orixe romana. Por unha banda a posible evolución desde o latín acrunia = Península, que pasaría como falso artigo a Crunia > a Crunia. Proceso similar a Agrela (diminutivo de Agra = terra de cultivo) > a Grela. En tempos de Fernando II de León (século XII) aparece documentado o topónimo Crunia, nun escrito de 1262 aparece nun escrito A Crunia. Os nomes Curunia, Crunnia e Crunna son frecuentes no medievo. Outra posible orixe latina é coroa = Lugar alto, con numerosas variantes en galego: Curuto, Curota, corote, coroa. Hai correspondencias toponímicas europeas, en inglés, sueco, checo, etc. Para outros (V. Caridade Arias) Coruña baséase no nome de coroo ou Cronos, que tamén se dixo Acorán, Gron, Goron, Gronwy en galés, etc. Hai que lembrar que as Columnas de Hércules foron tamén chamadas Columnas de Crono. Estes nomes refírense á divindade celeste suprema que os gregos chamaron Crono, palabra cuxo radical contén a idea de «o alto», «o elevado», «a montaña», de onde proceden os nomes de Acre, Accra, e a acro-polis, as cidades no alto. . A forma celta do nomee Cronos é cruinne, antiga divindade suprema, equivalente ao Saturno romano. Dada a tendencia celta á anticipación da "i" desinencial, este nome equivale a Crunni, *e pode ser a forma gaélica máis inmediata do nome epónimo de Cruni ou Cruña. Un topónimo de raíz celta é clunia, que puido derivar a Crunnia, Cruña, Curuña e Coruña. Unha localidade con nome similar, Coruña del Conde (provincia de Burgos) , era Clunia Sulpicia. En Portugal hai un lugar chamado Quinta dá Corunha cuxo orixe parece ser o dunha familia da Coruña galega. Outra vía supón unha derivación do topónimo Coruña desde Cornia atribuíndoo a corno xeográfico, como a rexión británica de Cornwall, que ten esa forma, procede do termo kerne (Kernyw en celta), moi similar ao nome do deus Kernunos. Autores gregos (Escílax, Diodoro Sículo...) falaron, ademais, dunha illa ou península (nêsos) na costa atlántica de África denominada igualmente Kerne. A palabra corno (latín cornus) dise keras en grego, coa mesma raíz ker- que o topónimo Kerne. Unha estendida teoría apunta á raíz prerromana Cor- (tamén Car-) coa significado «roca, dureza, pedra xunto ao mar». Varias palabras célticas e mediterráneas suxiren a raíz indoeuropea. A coincidencia de topónimos na zona serve de referente aos defensores desa versión: Corcubión, Corme, Agarimo, Carnota, Corrubedo, etc. Tamén existen as denominacións da Cruña / A Crunha, case en desuso.

30 junio, 2009

O sábado 27/06/2009 na compaña dos amigos de ARCAS

BREVE RESUME DO ROTEIRO POR TERRAS DE SARRIA:
Roteiro das Aceas – Visita a San Eufrasio – Visita ao convento e pequeno percorrido pola zona vella de Sarria.


Noutro fermoso día deste mes de San Xoán visitamos as Terras de Sarria, sábado, día 27, coa boa compaña dos nosos amigos de Arcas. Comezamos por facer o percorrido por este roteiro das aceas, unha verdadeira marabilla que, convido a todo o mundo a que o faga cando poida. Saímos polo lugar da zona escolar subindo ata a ponte de Fafían e, o muíño do Rigueiro, á parte da fermosa paisaxe, contamos cos paneis de sinalización e coas explicacións de Xaime Félix, a quen dámos as grazas, unha vez máis, desde aquí. Canto temos que aprender! Non só polo que nos puido ensinar o roteiro en si, de cómo se pode facer para valorar o noso entorno. Salientar o protagonismo dos propietarios das fincas que cederon o terreo para lograr o paso para o roteiro, cousa que non sempre é doada. Puidemos ver varios muíños, algúns deles rehabilitados e, verdadeiros monumentos de árbores, carballos e castiñeiros. De volta fomos visitar o campo e a igrexa de San Eufrasio no Val do Mao. Igrexa única por ter o cemiterio arredor da igrexa e baixo cuberta. Explicación da importancia do lugar, do santo e, a súa importancia na valoración xacobea, mais que está insuficientemente valorado. Salientar o retábulo, as tallas, o mármore do lugar de enterramento do santo e os restos de pinturas. Nos arredores salientar o campo de San Eufrasio a Casa do Priorato, lástima que estea abandonada e se fixera no propio campo unha nova construción, cousas que nos costa traballo entender este tipo de accións. Pola tarde visitamos Sarria; vista da vila de Sarria, lástima do feismo urbanístico que sofren todos os lugares da nosa terra, do cal tampouco se libra Sarria, logo visitamos o convento, con explicacións, novamente, de Arlindo arredor do claustro e da igrexa. Non imos repetir aquí toda a información. Para finalizar a visita a Sarria puidemos ver a animación da zona vella da vila. Salientar a proliferación de albergues e a cantidade de visitantes. Deberíamos tomar boa nota disto os de Castroverde e intentar facer nós algo similar. O Camiño Primitivo non é o Francés, mais se non se crean infraestruturas, non podemos ter visitantes. Convido a que visiten os albegues públicos e privados que hai no Camiño a Santiago na vila de Sarria e que fagan a rota das Aceas. Unha vez máis, moitas grazas aos amigos de Arcas. Dicir que participamos unhas corenta persoas. En honor ás Aceas:
“Fun ó muíño ás aceas
para ver á muiñeira

gastei zocos e camiño

que ela estaba na feira.”
Saúde e terra. Manolo Muñiz

Eco do roteiro na VOZ de GALICIA

25 junio, 2009

Nº 18 DA REVISTA ORAL "O PAZO DAS MUSAS"


Xoves, 25 de xuño, a partir das 20:00 h
Refectorio do Museo Provincial de Lugo.


SUMARIO

(resume):
-Teatro escolar: A serpe da cova (un divertimento), polo Grupo de Teatro "Algo máis que pan e quixo" do CPI Dr. López Suárez, de Friol.
-Debate: Dous equipos compostos por estudantes e unha profesora do IES Virxe dos Ollos Grandes (Lugo), debaten sobre Axuda ao desenvolvemento: Peixe ou Cana?
-Exposición virtual: Proxecto fotográfico BlackBOX3OO, por Iago Eireos
-Música: Xabier Díaz e Guillermo Fernández

Lugo, 24 de xuño de 2009
Consulte/descargue SUMARIO aquí...

23 junio, 2009

BREVE RESUME DA XUNTANZA DA U.R.G. NA CASA DA CULTURA DE MELIDE.

No día de hoxe, 20 de xuño, tivo lugar unha xuntanza na casa de cultura de Melide para tratar os seguintes temas:

- Situación en relación coas subvencións, proxectos, da U.R.G.

- Exposición de como xurdiu a idea da U.R.G. hai varios anos en Melide e, como desde un amplo grupo de persoas se viu reducido aos que estamos hoxe.

- Obxetivo de recoller os saberes do mundo rural.

- Crear un censo de sabedores.

- Recolledores deses saberes tanto de tempos pasados coma de hoxe.


Metodoloxía.

- Persoas preocupadas polo tema do mundo rural.

- Cinguirse ao que existe, ao real.

- Conseguir un equipo de traballadores para conseguir a recollida dese mundo de saberes.


Análise.

- Censo de contactos. Fichas.

- Seguir co censo de sabedores.

- Visualizar o traballo realizado.

- Papel que temos os socios (particulares ou asociacións) que integramos a U.R
.G.

Finalmente desde ADEGA. Exposición-presentación da Guia de boas prácticas ambientais para o Camiño(s).

Estas foron as principais ideas debatidas.
Dicir que asistimos por parte de Amigos do Patrimonio de Castrovede, o secretario e presidente.

En Castroverde- Lugo a 20 de xuño de 2009


16 junio, 2009

ORGANIZA ASOCIACIÓN ARCAS DE SARRIA



ROTEIRO POR SARRIA, SÁBADO, 27 DE XUÑO.

Ás 8:50 h. Saída de Castroverde.

Ás 8:55h. do Camiño Ancho.

Ás 9:30 h. .- No Hotel Alfonso IX.- ( Subindo pola marxe dereita do Río Sárria). Saída en dirección IES Gregorio Fernández-Ribela-Acea de Abaixo.- Acea de Riba.- Muiño do Conde .- Muiño de Regueiro.-.........( PEGAMOS VOLTA). Baixando pola marxe esquerda do Río Sárria: Penedos das Aceas.- Estación Elevadora do Oural.- Estación Elevadora de Sárria ( Acea de Abaixo).- Veigadelo.- Campo de Fútbol de Ribela.- MANOSA.- O Chanto.- Malecón do Río Sárria.- Hotel Alfonso IX.- Recorrido total : 5 km.
( en puntos estratéxicos teremos coche de apoio ).

Despois colleremos os autobuses e iremos ata o CASTRO DE FORMIGUEIROS ( SAMOS), onde están a facer excavacións con posibilidade de pequeno desprazamento a un miradoiro ( se vai calor , suprimiremos o paseo ).
De volta ao autobús baixaremos ata O VAL DO MAO, para visitarmos a IGREXA DE SANTA MARÍA DO MAO, co seu cemiterio coberto, e o enterramento de Santo Eufrasio.
Xantar: en Samos

Pola tarde, podemos visitar Samos e, como Sárria está en festas , podemos andar, pasear pola Vila ata cansar.
Recibide un saúdo de Arlindo
Avisar antes do día 20 de xuño.
Saúdos. Manolo Muñiz

03 junio, 2009

BREVE RESUME DO ROTEIRO Á COSTA ARESÁN, 30-05-09


Organizado pola Agrupación Instrutiva de Caamouco (Ares), coa colaboración de Xábrega (Ares), Bimares (Ares), e participación de: Arcas de Sarria, Arumes do Corgo, Amigos do Patrimonio de Castroverde.

Nun fermoso día, do último sábado do mes de maio, tivo lugar un roteiro pola costa Aresán, que tivo a saída en Ares con percorrido pola beiramar polos cantís da praia de Centeas e Estacas, para cruzar en Cervás e subir ao alto do Faro, parando antes no mosteiro de Santa Catarina, onde uns fomos visitar os restos das baterías de artillería. Desde aquí puidemos contemplar a ría de Ferrol-Mugardos cos castelos de San Felipe e A Palma a ambos os lados da ría. Tamén puidemos ver a desfeita que está a provocar a construción do porto exterior de Ferrol. Non puidemos ver Coruña e demais poboacións da costa de enfrente, debido á néboa que, non levantou practicamente en todo o día da ría. Antes de baixar e, mentres un grupo visitaba o alto do Faro, outro grupo visitaba o Mosteiro.
Mosteiro de Santa Catarina, século XIV. Levantado por Fernán Pérez de Andrade. Na fachada principal ten unha interesante torre con escudo e cúpula en pedra. No testeiro da igrexa aparece o escudo dos Andrade e Xabarín que, voltará a estar presente nun dos patios interiores do mosteiro. Salientar a igrexa conventual co seu importante retábulo de Santa Catarina con Santo Domingo a un dos lados e do outro lado un San Francisco. Tamén tivo impotancia o coro que tiña un impotante órgano, hoxe en Ferrol na Igrexa Catedral de S. Xulián. Con estas visitas, rematou a mañá. Grazas a Alberto e a José Carlos que foron os encargados de explicarnos estas dúas visitas. Pola tarde, logo de comer. Visita a Redes con explicación de Ernesto Navieras, presidente da Sociedade Instrutiva de Caamouco. A visita comenzou coa explicación sobre Redes. Praza do Campo, visita á praia, desde o alto, onde puidemos ver as cabrias, (entramados de paos, onde os mariñeiros poñían a secar as redes). Explicacións sobre a conservación de Redes e como foi elexida, hai uns dous anos, para a celebración do día da arquitectua. Baixada á praza do Pedregal, onde se está a rodar a serie “Padre Casares”. Rúa Nova e visita ao forte. Para rematar visita á que foi escola de Redes-Caamouco, verdadeiro xermolo da renovación da escola en Galicia e, hoxe sé da Agrupación Instrutiva. Dicir que esta parroquia está sendo moi ben conservada e, o que pode ser un exemplo de como se deben conservar, revitalizar e rehabilitar o noso patrimonio. Dámos as grazas a todos os aresáns, especialmente aos presidentes das tres Asociacións, e mais concretamente aos que tiveron que levar o peso da organización; Sr. Naveiras e Sr. Cacabelos, entre outros. Teñamos en conta que eramos preto de 200 persoas. Saúde e terra. Manolo Muñiz

25 mayo, 2009

BREVE RESUME DA INAUGURACIÓN DO ROTEIRO DE SOUTOMERILLE



Na Rotonda de Paderne, día 23 de maio, ás 10:30 h.
Dicir que o acto da inauguración comenzou con estas breves palabras que foron lidas ao comenzo do acto
.


BREVES PALABRAS NA INAUGURACIÓN DO ROTEIRO

Bo día a todas e a todos. Grazas por acompañarnos, veciños, Asoc. Arcas de Sarria e Arumes do Corgo, na inauguración deste roteiro pola contorna de Soutomerille, primeiro roteiro que se sinaliza no Concello de Castroverde, se exceptuamos os camiños milenarios, Camiño Primitivo, e Vía Romana XIX.
Grazas especialmente aos representantes institucionais, principalmente, a Moncho, que me permita, con confianza, chamarlle así, aínda que non deixa de ser o que é, Sr. Presidente da Deputación de Lugo e, que o sexa por moitos anos. Grazas tamén ao Concello de Castroverde, á area de Cultura da Deputación, Vicepresidencia Primeira, á Consellería de Cultura e sobre todo ao Xacobeo, que sen as axudas desta Institución esta Asociación non podería ter feito o camiño que leva andado. De todos os xeitos dicir que lamentamos que só nos acompñasen o Sr. Presidente da Deputación e o portavoz do BNG no Concello de Castroverde. Xa por último grazas, a Quique Riobó, que sen a axuda del, este roteiro sería difícil que estivera sinalizado. Agora permitídeme que lea, un anaco do libro Olladas no futuro, de R. Piñeiro, a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas, valéndome deste veciño de Láncara, paso a ler: “Sentimento da Paisaxe”. A seguir comenzamos a camiñar, pasando pola Pallota, onde puidemos ver a desfeita do Castro, logo seguimos para visitar a igrexa de Soutomerille, Casa da Torre de Abaixo, breves palabras entorno ao significado do lugar. Seguimos pola corredoira do Castiñeiro Centenario, pasando por diante do Cimeterio, dando a volta á Croa de Soutomerille e Castro Peón para subir ata o Castiñeiro do Neto. Aquí o roteiro xúntaxe co antigo trazado do Camiño Primitivo polo lugar da Corredoira dos Cortellos. Desde aquí subimos á Croa de Soutomerille e ao lugar coñecido como os asentos dos Mouros ou Pedras das Pozas. Lugar que puido ser de ritos sagrados, dado a súa orientación; Sur Oeste. Desde aquí, voltamos, ao roteiro para dirixirnos ao lugar de As Cambas e volver á Rotonda de Paderne, lugar de onde sairamos. Pensamos que é un primeiro paso, para que continúen estas iniciativas. Dámos unha vez máis as grazas ao Sr. Presidente da Deputación Provincial, José R. Gómez Besteiro, por acompañarnos e ao representante do BNG, Pablo Ferreiro. Grazas a todos, Asoc. Arcas de Sarria, Arumes do Corgo e veciños. Saúde e Terra.
Manolo Muñiz


24 mayo, 2009

DE PURA CERNA, novo libro de X. Mª Gómez Vilabella na rede


DE PURA CERNA

DE PURA CERNA é o último libro que o noso colaborador, o escritor e articulista Xosé María Gómez Vilabella, ven de "colgar" na súa blog persoal e que pode ser considerado, salvando as distancias, o auténtico Quixote da emigración a Cuba. A obra, que se presenta en cinco capítulos, pódese lerse uo baixarse de devandito blog de forma totalmente gratuíta. Desta forma xustifica o autor esta obra, dedicada á súa filla Estrela:
Con respecto á nosa emigración, en particular á transoceánica, pásanos o mesmo que coa lúa: A parte de acó, a visible, de tan inmediata que é, que foi, pode ser monótona, e por veces, insignificante. En verbas de Juán Soto, a emigración galega está saturada de rupturas de vínculos, con perda de referentes e de coñecemento directo. En definitiva, que todo, ou case todo, maiormente na parte de aló, foi escurantismo, pois nin eles contaban, nin os da casa lles preguntaban, ¡para canto máis os veciños, as terceiras persoas!
Parabén por esta nova obra, e moitas máis que vingan.


20 mayo, 2009

Unha reflexión con motivo da desfeita prevista no Parque Rosalía de Castro de Lugo


AS MIRADAS ASOBALLADAS

Por
José Enrique Villarino Valdivielso


Para isto sr Alcalde, para isto señor Xuíz, para isto, señores políticos, para isto señores especuladores, non eran necesarias tantas miradas perdidas, alá onde o pai Miño pasa orgulloso regando o bosque da nosa memoria, o bosque das nosas raíces, o bosque sagrado do noso ser. Moitos despropósitos leva xa este val da tranquilidade, onde o río limpa as nosas almas ao seu paso, onde o río trae e leva as nosas ilusións ás augas lendarias dos atlantes. Tanta mirada, ensimismada, solitaria, acompañada, cómplice, inocente, desvalida, animosa, valente. Tanta mirada perdida dos nosos ancestros, avós, pais, irmáns e amigos, vidos a esta pérgola a pedir consello a este verde val, calmo de río, calmo de sede, vidos a pensar, vidos a amar, vidos a dicirnos confidencias, vidos a collernos da man, vidos a bicarnos furtivamente, vidos a admirar o espectáculo dun crepúsculo que tarde a tarde envolve de néboa os verdes lenzos que enlaza a ponte de tantos ollos que nos observan. Tantas retinas de papel sepia, tantos vestidos de azar, tantos noivos de amores xurados, para isto. Mala fada teñan tantos mediocres que non souberon, non quixeron, non aman, non cumpren coas súas obrigas cívicas e cidadás de protexer o único que permanece e vence á morte: a memoria das cousas, a memoria da paisaxe, a memoria das persoas, a memoria de tantas miradas que salvaron ata agora este pequeno gran tesouro dun pobo que viñamos a mirarnos a este espello belo e culto e saber que estaba aí, que aí seguía, protexendo a nosa memoria de nenos, de adolescentes, de vellos, de eidos. Mala fada teña tanto afán de poñer ao diñeiro por diante de tanta beleza cegando as nosas miradas. Mala fada teñan os que permitiron tantas miradas asoballadas.

17 mayo, 2009

INAUGURACIÓN ROTEIRO DE SOUTOMERILLE: Sábado, 23 de maio de 2009



Ás 10:30 h
na Rotonda de Paderne.
Estrada Fonsagrda a uns 14-15 Km desde Lugo.

Percorrido: Roteiro de Soutomerille.

Ás 14:00 h
Xantar nun restaurante da vila (Arredor desa hora).

Para facilitar a organización:
Avisar antes do mércores, día 20 de maio polos medios habituáis.

Agardando a túa asistencia, recibe un cordial saúdo.
Asdo.: Manolo Muñiz
Castroverde, a comenzos do mes de maio, de 2009

16 mayo, 2009

Manifestación diante do Concello de Lugo o 23/05/2009


A Asociación na defensa do Parque Rosalía de Castro, convoca para o próximo sábado día 23 de Maio as 8 do seran diante do Concello de Lugo unha manifestación reivindicando a conservación dun dos lugares máis emblemático de Lugo. Convidamos a todos os lucenses a asistir a esta convocatoria para defender o noso patrimonio paisaxístico. Pregamos que veñades provistos de chifres, gaitas, cazolas ou instrumentos musicáis do tipo que queirades. Informamos que as 10,30 da noite na Sala Doble Moral, no patio de cemento de Seminario, terá lugar un concerto, no que estamos a traballar. Tamén estamos conectando coas entidades que apoian este acto, inda que xa podemos decir que TODAS as que contactamos están con Rosalía. Pregamos, fagades a máxima difusión deste correo e si algunha Asociación quere sumarse, na Páxina de ParqueRosalía pode deixar unha mensaxe.
Moitas grazas e unha aperta.

13 mayo, 2009

NOITE DOS MUSEOS: 16 de maio de 2009

Máis actividades da noite dos Museos

ROTEIRO REDES: 30 de maio de 2009


Organizado pola
AGRUPACION INSTRUCTIVA DE CAAMOUCO - Redes
coa participación das Asociacións:
Arcas de Sarria, Arumes do Corgo e Amigos do Patimonio de Castroverde.

Ás 7:00 h Saída da praza de Castroverde para saír camiño de Gomeán.
Ás 7:15 h Casa do Concello de Gomeán – O Corgo-
Ás 7:30 h Ronda da Muralla diante de sindicatos.
Ás 7:35 h Gasolineira de San Rafael.
Arredor das 9:15 h en Caamouco.

PERCORRIDO POLA COSTA ARESÁN

Este traxecto consta de 15kms aproximadamente é de unha duración de 4h

1.- Concentración as 9h. na AGRUPACION INSTRUCTIVA DE CAAMOUCO, xa vos enviaremos un plano detallado de como chegar.
2.-Saída as 9,30h a Montefaro pasando por a praia do Raso e Seselle, costa das Mirandas, Cervas, para chegar a Montefaro as 11,30h.
3.- Visita guiada polo mosteiro de Sta Catalina e antigas baterías de costa.
4.- Saída as 12,30 de Montefaro percorrendo o paseo da entrada da ría de Ferrol e pasando polo castelo da Palma.
5.-Na enseada do Baño récollenos o bus e déixanos nas proximidades do club de Tenis, en Redes, onde se servira a comida as 14,30 aproximadamente.
O COMEDOR TEN CABIDA PARA CEN PERSOAS, xa esta reservado, o prezo 15 € aproximadamente
6.- Polo serán percorrido guiado polas rúas do Porto de Redes.
7.- Concerto

Avisar antes do mércores, día 20 de maio, polos medios habituáis.
(pensemos que podemos ser perto de 100 persoas)
Agardando a túa asistencia, recibe un cordial saúdo.

Castroverde, a comenzos do mes de maio, de 2009
Asdo.: Manolo Muñiz

Día das Letras Galegas 2009

UNHA LINGUA PARA TODOS
Comunicado do Plenario da Real Academia Galega lido na Coruña polo seu Presidente nas vésperas do 17 de maio,

05 mayo, 2009

CONCERTO DE PRIMAVERA. Igrexa de S. Pedro 9/05/2009. 20:30h


O concerto recollerá as actuacións do coro "CANTAR DELAS"
de Lugo
e
o coro "SAN ANDRÉS" "SERGIO DOMINGO"
do Entrego (Asturias)



"CANTAR DELAS" O PRIMEIRO CORO DE VOCES FEMININAS DE LUGO

Este coro de voces blancas nace dunha vella idea de Julio Méndez exposta un día a Fernando Gómez Jácome. Despois dun tempo de maduración, para buscar o momento adecuado e o prazo necesario de dedicación ao proxecto, lévase á práctica na primavera de 2007.

Despois dun breve paréntese para a selección das compoñentes e a presentación dos documentos necesarios para a súa legalización, en setembro comeza os seus ensaios. Tras uns meses de preparación preséntase ao público da súa cidade nun concerto que se celebra na Igrexa de San Pedro, o 24 de maio de 2008. Actuou de madriña do evento a vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez López. (Para ver a intervención de Lara no concerto fai clic aquí).

Neste mesmo ano participou na celebración de Santa Cecilia na Igrexa do Bo Pastor, en Lugo, nun concerto compartido co coro lucense "Sólo Voces". En decembro deu un concerto de música do Nadal na Igrexa de Fontiñas, tamén en Lugo. O día 20 foi o fondo musical do Pregón de Nadal a cargo do Director Xeral do Progreso, José de Cora Paradela. Os días 27 e 28 asistiron as súas compoñentes a un curso de técnica vocal impartido por Julio Domínguez e neste último día compartiron un concerto na Igrexa de San Pedro, co coro de voces femininas "Camerata vivace", de Ponteareas (Pontevedra). Ambos actos, o curso e o concerto, estiveron organizados por "Cantar delas".

29 abril, 2009

Breve resume do roteiro do 25 de Abril, sábado de 2009


ROTEIRO:
Arrubial, Puñago - O Rañadoiro, Matela, San Martiño, Barreiro, Carballedo, Val, A Barrosa, A Abelleira.


Neste encontro anual que temos establecido as Asociacións Arcas de Sarria e Amigos do Patrimonio transcorreu, nesta ocasión, polos lugares arriba sinalados.
Saimos pasadas as dez da mañá de A Arrubial, subimos camiño de Auga levada (roubada) para chegarmos ás Penas das Cabras e seguirmos polo Puñago-Rañadoiro, baixarmos a Matela, aquí diante da pequena capela adicada a San Xoán, fixemos unha pequena parada. Neste primeiro tramo de camiño, puidemos ver polo lado do oeste parte de Terras de Lugo con vistas cara o Páramo e Láncara, deixando aos nosos pés a parroquia de Guimarei, Vilachambre. Baixando para Matela xa vemos o Lugar de Munín,(Rexubil) Ríosubil, o val do Río Neira e, xa cara o este, sur-sureste, Baralla, O Pico e, ao fondo de todo Os Ancares que, aínda tiñan resto de neve. Desde aquí baixamos para San Martiño vendo a cunca do Ríosubil (río que asubía) e, o val do Río Neira. Xa en San Martiño fomos visitar a súa igrexa, a ponte e o mazo, cun fermoso percorrido, o mazo que se comezou a rehabilitar, mais non está rematado.
Despois de comer marchamos pola Vía XIX visitando o Carballo do Barreiro e a Casa Grande do mesmo lugar. Para abrazar o carballo foron precisas catro persoas. Darlle as grazas a Monse do Barreiro, polas súas explicacións sobre este lugar. Seguimos camiño de Carballedo, Papín, A Pinguela e Val. Todo o percorrido fermoso con abundantes árbores froiteiras e gando do país en moitos dos prados. Desde Val seguimos camiño da Barrosa, mais entrre o lugar de Val e A Barrosa tivemos que cruzar por un lugar tan cheo de xestas que, non nos deixaban camiñar, estando a punto de volvernos. Pedimos ás autoridades locais, provinciais que manteñan limpo este camiño, pensemos que se trata da Vía XIX. Noutros lugares, concretamente entre Val e A Barrosa, puidemos ver como se están faceno peches de fincas con aramios de pincho e, entre a Abarrosa e A Abelleira, pechando as fincas, mesmo pola cuneta, incrible!. Logo fomos subindo ata chegarmos á Abelleira, remantando aquí o percorrido deste día. Dámos as grazas aos amigos de Arcas pola súa grata compaña.

Saúde e Terra.
Manolo Muñiz

Miscelánea

¿Volvemos aos tempos do
“Plato único y día sin postre”?

(F. D. Roosevelt)

Hoxe, 24 de abril, aquí na Coruña aínda está aberta a Feira do Libro, pero non atopei ningunha monografía que se refira a esta crise socio – económica que estamos padecendo, que nos ten aterrados, así que cheguei á conclusión de que os grandes economistas prefiren escribir a touro pasado, que é a mellor forma de non equivocarse. Facer futuribles sempre foi arriscado, coa excepción de Julio Verne, e poucos máis. O Apocalipse actual está na pluma dos periodistas e nas verbas dos políticos. ¿Daquela, a quen lle botamos as culpas de tantos erros programáticos como gozamos/padecemos nos últimos anos? ¡Aos políticos do outro bando, por suposto!

O que é unha gozada, tomándoo por aí, que tamén lle podiamos botar unhas gotas, ¡unha tonelada!, de vinagre, é escoitar a voz da rúa, que non sempre é a voz da verdade, por máis que a disfracen/disfracemos de experiencia, de pragmatismo. Digo isto porque onte mesmo, Día do Libro, estiven comendo con dous centos vellos (como socio da Asociación de Xubilados de Pol, nosos veciños, e nembargante, amigos), nun comedor onde maldito un libro había, ¡que nin en falta os botaron!), PERO…! ¡Ai Deus, que areópago sapiencial, pois ata as vellas opinaban, e non precisamente de trapos!


A comida, estivo…, ¡aceptable! Viño de reserva, medio quilo de entremeses variados, outro medio de bacallau, catro ou cinco talladas de cordeiro, torta, café e copa, cunha ducia de licores; o que non houbo foron tabacos, que se lles esgotaran os de Vuelta Abajo, e os outros, ao de hoxe, non teñen aceptación, PERO, o ambiente estivo tenso, case de pánico, maiormente pola psicose emanada dese Banco de España, presidido por un tal… Do nome poucos se lembraban, pero eu díxenlle a unha señora que se sentou á miña dereita se quería referirse a Torquemada, e contestoume, ¡Ese, ese mismo, que dijo que vamos morir en la miseria! Señora, -lle respondín-, o outro, o outro Torquemada, non tiña pobres porque…, ¡porque os queimaba, vivos! A vella non me tomou en serio, ¡e menos mal! Pero no rematou aquí o incidente, porque me dixo: ¡Estos gallegos, con la crise que tenemos, y se ponen de chanza…! E logo, vostede, non é de aquí? ¡Que va, yo me crié en el Bierzo, pero casé con un gallego que me dijo que tenía mucha tierra…, y menos mal que se marchó…, de viaje…! Ahora, ni tierras ni pensión: Las tierras no hay quien las quiera, y la pensión, dentro de un año…! Pregunteille: ¿Así que tamén está doída por iso de que traen o leite de Francia? ¡Sempre opinei que os franceses tiñan mala leche, pero o que é as francesas…, as francesas son do máis cariñoso! Á ex - galega non lle gustou a miña ironía e deixou de falar comigo, así que non puiden demostrarlle que eles tamén foran galegos ata que a súa Isabel, ¿la Católica?, lle arrebatou o Bierzo ao conde de Lemos por negarse a admitir, ¡sen ADN!, que súa sobriña era/fose filla de Beltrán de la Cueva, aquel valido de seu irmán Enrique… En vista diso púxenme a falar co veciño da esquerda, que estaba abatido pola recente caída…, dos seus.


¡Isto non ten remedio…, e cos que entran agora, apoiados polos ricos, menos aínda! Señor –lle respondín-, modestia á parte que se di, eu teño a receita do caso: ¿Vostede ten terras a eucaliptos? ¡E non hei ter, como todo Deus aquí en Galicia! Máis ou menos, dez hectáreas…, que por certo, coa de árbores caídas dos últimos temporais, e logo que eses malditos franceses invadiron as nosas fábricas coa madeira deles, agora nin regalada a queren! Pois mire, señor, -dixen eu-, a receita está nas súas mans; nas súas e nas dos seus colegas: pinchen eses eucaliptos, e volvan as terras a pataqueira, a horta, a millo, a centeo…, tal e como estaban daquela da Guerra, que nós mantivemos a media España, e grazas á nosa agricultura o Estado resistiu ata a chegada das remesas dos emigrantes, de par das divisas dos turistas, por suposto!

¡Boa a fixen, que o señor tamén se amoscou, e cortou a miña conversa para discutir co socio do outro lado, que eles si que estaban conformes en que a crise a fixeran os políticos, e por tanto eran os políticos os que tiñan que resolver!


Para quen o dubide: os inventores do novo New Deal (o primeiro deles xa saben que foi ese señor da fotografía) están aquí, nas nosas aldeíñas, así que o arranxo é doado: ¡Que os visite un equipo de tradutores, e que apunten as súas receitas milagreiras! No ínterim, nós, os que nos damos de intelectuais, a contar chistes, que é o mellor que se pode facer mentres agardamos polo amencer, quere dicirse, polo maná do amencer!


Xosé María Gómez Vilabella

27 abril, 2009

Os días 24 e 25 do pasado mes de Abril


FESTAS EN REBORDAOS EN HONRA DE SAN XURXO


Os días 24, venres, e 25, sábado pasados, a parroquia de Reborda
os celebrou a súa festa patronal, baixo a advocación de San Xurxo. Rebordaos é, sen dúbida, unha das máis madrugadoras nisto de celebrar as festas patronais xa que case todas as parroquias de Castroverde, do mesmo xeito que unha maioría de localidades galegas, fanas coincidir cos meses estivais, os máis visitados polos fillos emigrados, familiares e turistas que retornan para pasar uns gratos días vacacionais.

A parroquia pu
xo este ano o listón moi alto para o resto de festas locais do concello. Nin máis nin menos que tres orquestras, "Os SATÉLITES", da Coruña; "TRÉBOL" de Ferrol e "ALCOTÁN" de Vigo, todas punteiras no ámbito de Galicia e algunha delas super-punteira amenizaron as dúas noites e a mediodía do sábado aos veciños e amigos que quixeron achegarse a compartir con eles a súa festa patronal. Tres excelentes e afamadas orquestras, complementadas coa actuación de "AS CANTAREIRAS de ARDEBULLO", que puxeron o contrapunto enxebre e humorístico ás festas.

Por suposto, non todos os actos foron profanos. Como xa é tradición centenaria en Galicia tamén se celebraron os correspondentes actos relixiosos, entre os que destacan, ás 13:30 do sábado, a tradicional e solemne Misa Maior en honra do Santo Patrón, seguida de procesión que estivo acompañado polo conxunto da imaxinaría da igrexa parroquial. Para que a meteoroloxía non arruinase as festas, programadas con gran esforzo de organización e económico, contouse coa correspondente carpa onde se degustaron todo tipo de produtos e bebidas.
Xa na intimidade de familiares e amigos, tódalas casas da parroquia sacaron ese día os mellores manteis e viandas cos que recuperaron forzas para logo queimalas ao son das cancións e bailes até ben entrada as madrugadas. Parabén, e que se repita moitos anos, con saúde para todos.
( vídeo parcial da procesión


21 abril, 2009

DENUNCIA DAS AGRESIÓNS AO CAMIÑO PRIMITIVO EN SAN XOÁN DO ALTO NO CONCELLO DE LUGO


As organizacións ADEGA, Asociación dos Amigos do Patrimonio de Castroverde e Lugo Patrimonio queren manifestar a súa repulsa fronte ao atentado que se está a dar na calzada histórica do Camiño Primitivo de Santiago na parroquia de San Xoán do Alto (concello de Lugo), vía xacobea que goza de recoñecemento e protección oficiais como itinerario de alto valor patrimonial, turístico e ambiental. Informamos de que se está a producir unha agresión de gran impacto contra a traza antiga desta rota no lugar de O Fornelo, onde se apreza a destrución dunha parte da trama camiñeira, incluíndo a caixa do camiño, os muros laterais e a práctica totalidade da vexetación autóctona que delimita este vieiro público de carácter histórico e cultural.

Así mesmo, entendemos que este atentado ao patrimonio resulta especialmente grave no que atinxe á tala da espesa carballeira que circundaba este treito do Camiño Primitivo e das árbores lindeiras á propia calzada ou incluídas na mesma, e contra as paredes do peche perimetral constituído por cercas de artística construción seguindo as pautas da arquitectura tradicional da zona, ben sexa con aliñamento de grandes chantos ou alternando muros de cachotería rústica e vargos en perfecta harmonía.

A isto hai que engadir o presunto soterramento do primeiro treito do vello camiño xusto no lugar en que se desvía da estrada provincial de Lugo a Palas de Rei, onde son visíbeis os estragos motivados por obras realizadas con maquinaria pesada, así como a desaparición total da vexetación da propia vía e mesmo a instalación de peches a xeito de cancela ou o depósito de numerosos postes de cemento coa suposta intención de atrancar ou impedir o libre tránsito por este camiño milenario propiciando a súa desaparición.

Tamén chamamos a atención sobre a presunta irrupción na área de protección do Castro de Rebordaos, recinto castrexo catalogado e situado á beira do Camiño Primitivo pola súa marxe dereita, impacto que afecta non só á unidade histórica que conforma coa vía medieval, senón tamén á masa boscosa que protexía e enriquecía o seu entorno paisaxístico.

Ás portas da celebración do Ano Santo xacobeo do 2010, esiximos a actuación decidida dos organismos públicos e nomeadamente do goberno galego, para a rexeneración do treito aproximado de 1km. de Camiño Primitivo orixinario entre os lugares de O Fornelo e a igrexa parroquial de San Xoán do Alto (ecclesia Sancti Iohannis de Mera no testamento de Odoario do ano 747, onde asentaba o vello mosteiro do mesmo nome que o Tombo de Sobrado remite ao ano 964, refuxio de peregrinos e camiñantes nesta antiga verea ao paso polo castro de Rebordaos e o casarío d’ A Seara, apelando á recuperación dos terreos presuntamente apropiados ou ocupados no itinerario histórico desta vía e que están a impedir a súa utilización como ben público de alto valor simbólico e patrimonial, instando á adopción de medidas cautelares urxentes que impidan a completa e definitiva destrución da calzada antiga desta primeira rota a Compostela e dos seus valores culturais e paisaxísticos, postos en perigo polo que coidamos que ten sido unha actuación pasiva e irresponsábel dos poderes públicos implicados na súa defensa.

En Lugo, a 18 de Abril de 2009


(ver imaxes na banda lateral)

19 abril, 2009

O PERCUSIONISTA EFRAIM DÍAZ VÁZQUEZ, DE CASTROVERDE, PRESENTOU O PROXECTO "VIAXE POR KALLAIKIA" NA FUNDACIÓN CAIXA GALICIA

11 abril, 2009

Por terras de Ourense os días 6 e 7 de Abril

RESUME DA VIAXE CULTURAL POR TERRAS DE OURENSE

A viaxe por terras de Ourense comezou coa visita ao Castro de San Cibrán de Las, para chegarmos alí, contamos coa axuda do profesor e investigador Sr. Colmenero, que nos estaba agardando en Cambeo e, a quen agradecemos sinceramente que nos acompañara ao longo de todo o día nas interesantes visitas realizadas.

O castro de San Cibrán de Las, é un dos máis grandes dimensións, á imaxe dos castros do sur de Galicia e norte de Portugal. O castro ten unhas impresionantes vistas, aínda que o día nubrado e chuvioso non deixaba percibir as fermosas vistas. Habitado desde o século II a.C. ata o século II d.C. Cunha superficie de máis de 95.000 metros cadrados.

Consta de varias murallas ata subir á croa, cunha ampla vía de subida. Nas excavacións realizas, podemos observar o cambio das edificacións redondas, ás cadradas.

Desde aquí baixamos a Celanova, onde visitamos, brevemente a vila, achegándonos ata a casa museo de Curros Enríquez e, seguidamente visitamos o convento de San Salvador de Celanova, onde salientamos a fachada, o claustro e a súa igrexa, co seu impresionante retábulo, coro e órgano. Sendo todo el importante e impresionante, temos que salientar a pequena capela de San Miguel, rematada no ano 942, que xunto coa de igrexa de Bande, tanto nos fai lembrar as nosas igrexas de Soutomerille ou Tórdea. Esta capela constitúe un exemplar único na Península Ibérica e un modelo indispensable para coñecermos e poder entender os tempos da repoboación cristiá, tanto en Galicia coma no norte da Península.
Logo pola tarde, despois de xantar na vila de Bande, seguimos camiño para chegar á Vía XVIII ou Vía Nova Romana e ao campamento. Se interesante foron as visitas da mañá, esta de Aquis Querquennis, a primeira visita da tarde, impresionounos especialmente, dicir que é, foi, a base militar dunha lexión romana que, durante algúns meses ao ano, queda mergullado pola suba do embalse hidroeléctrico das Conchas. Cando o volume do embalse baixa no verán, arqueólogos e turistas comezan a exploración do campamento romano máis grande de Galicia. Na actualidade, Aquis Querquennis conta cun centro de interpretación que explica o recinto e a vía romana ao carón da que naceu.

Ata hai ben poucos anos, os cimentos das estradas que comunicaban Galicia coa Meseta eran romanos. A civilización romana fíxose nos camiños: as coidadas e intelixentes vías que fixeron os conquistadores facilitaban o comercio e a extracción de recursos das zonas conquistadas. Galicia non foi allea á enxeñaría romana. Aí aparece Aquis Querquennis, un campamento romano ao carón da Vía XVIII,ou Vía Nova.


A estrutura do xacemento:

De que consta o xacemento? Antonio Rodríguez Colmenero, arqueólogo e director do grupo Larouco, que leva moitos anos investigando sobre o depósito, describe a situación: “hai un campamento militar romano e unha mansión viaria, con baños termais e unha pequena cidade ao carón”. O campamento militar estivo activo entre o 75 a.C. e o 30 d.C. e despois foi abandonado. Pero a mansión viaria, é dicir, a pousada oficial da época para viaxeiros e cambio de cabalgaduras, e a poboación que xurdiu ao seu redor sobreviviron ata a época medieval.


500 lexionarios romanos controlaban un amplo e rico territorio dende Aquis Querquennis, e posibelmente pertencían á lexión que tiña encomendado o control da Gallaecia, a Legio VII Gemina, aínda que se descoñece se era o corpo central da unidade, formada por cidadáns romanos, ou unha compañía auxiliar. Segundo Rodríguez Colmenero, “foron os enxeñeiros desta unidade os que con probabilidade deseñaron a vía romana”.


O campamento romano está moi pouco alterado e conta cunhas impresionantes dimensións de dúas hectáreas e media (máis de tres campos de fútbol). Aínda está por escavar máis da metade da superficie total do recinto, pero coñécese como será a estrutura do que aínda está baixo terra, xa que a edificación dos campamentos militares romanos era sempre moi similar e coñécese á perfección. Segundo Rodríguez Colmenero, “as estruturas son magníficas, das mellores aparecidas por aquela época. As portas do campamento eran monumentais”. O recinto militar deu de si nas escavacións importantes restos, coma o resto dunha estatua dun emperador en bronce dourado ou cerámicas de importación moi relevantes.


A 200 metros do campamento atópase un centro de interpretación.
A mansión viaria non ten veleidades subacuáticas, pola contra. Pero conta cun valor excepcional. Estas pousadas distribuíanse ao longo da vía separadas por unha distancia equivalente ao que podía ser percorrida nun día polos viaxeiros. A mansión viaria de Aquis Querquennis era de luxo: contaba con instalacións termais para lecer de soldados e viaxeiros. Nela atopáronse moitas fíbulas –prendedores de capa- e moedas.

Para finalizar este percorrido, visitamos o Centro de Interpretación “Aquae Querquernae-Via Nova”. Centro onde se pode ver, na planta baixa unha exposición sobre a Vía Nova e na superior outra integrada no Museo da Querquernia. Desde este centro podemos ver o campamento romano.


Se foi impresionante a visita a Aquis Querquinnis, a seguinte visita da tarde; foi a igrexa de Santa Comba, non sabemos dicir cal é máis importante, esta é unha das igrexas ou a máis antiga de Galicia. Século VII, época visigótica. Parece que puido formar parte dun antigo cenobio ou mosteiro. A súa planta é de cruz grega. Salientar o arco de ferradura. Na ábsida conserva pinturas da segunda metade do século XVI. No interior da igexa hai; unha ara romana reutilizada como altar e un miliario romano. Tamén podemos ver un antigo sepulcro de mármore, onde se conta que estivo o corpo de San Torcuatro, antes de ser trasladado a Celanova.


Rematamos o día en Lobios, mais antes de descansar en Lobios, subimos a Portela do Home. Dicir que por aquí pasaron as lexións romanas á conquista da tribo dos callaici, ou sexa, dos galaicos. Daquela non existía raia ningunha e tardaría moito tempo en habela. Un mesmo río con dúas variantes. Limia para os galegos que o ven nacer nas fontes de Antela e Lima para os portugueses que o ven morrer en Viana do Castelo. Toda a zona está dominada polos cursos fluviais. Unha chea de afluentes acompaña o Limia que acolle dous grandes encoros: o das Conchas e o de Lindoso. Este último con presa en territorio portugués e a auga no galego.


Porén, esta é unha raia seca pois non son os ríos senón os montes os que, conforme nos imos acercando, acoutan o horizonte co seu perfil de serra. Son inconfundibles cos seus característicos picoutos coma castelos. Por altitude, conservan os circos glaciares máis baixos da Península Ibérica. De norte a sur, a serra do Laboreiro e maila de Queguas; os montes do Quinxo; o alto de Santa Eufemia, xa veciño do Xurés que ergue o punto máis alto do cordal no pico da Nevosa (1.539 m); máis ao oeste a serra do Pisco e aínda máis afastada a serra da Pena e as terras do Couto Mixto que en tempos non pertencían nin a España nin a Portugal.


As esgrevias penedas asistiron á caza do derradeiro oso destas latitudes e hoxe testemuñan o regreso da cabuxa do Xurés a través dun plan de reintroducción en liberdade da cabra montés. Para preservar toda a diversidade púxose en marcha unha das primeiras experiencias comunitarias de colaboración transfronteiriza. Por rango, o Parque Nacional de Peneda-Gerês (Portugal) xunto co Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés forman unha soa xoia natural desta vella e nova Gallaecia. A parte lusa conserva zonas moi vizosas con árbores de gran porte polo que antigamente eran empregadas para navegaren como travesas, cadernas e mastros de sona nos sete mares.

Ao día seguinte, voltamos subir a terras un pouco máis altas de Ourense, concretamente, a terras de Allariz. Aquí na vila, acompañounos, Vanesa, a quen agradecemos a súa amabilidade.

Comenzamos a visita ao Parque Etnográfico do Río Arnoia: Museo do Coiro “Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras”, onde nos explicou a recuperación do edificio, a súa historia, e a situación actual, onde só queda como artesanía o labor que fan unhas cantas persoas, mais a pel xa a traen doutros lugares, Pontevedra ou o Levante. Seguimos coas explicacións da historia de Allariz, ao longo da marxe do río Arnoia coas súas fermosas vistas. Cruzamos o río na ponte do século XII, que nos fixo lembrar a de Navia ou outros lugares, pasando ao pé da igrexa de San Pedro, por unha fermosa rúa construída cos muros do castelo. Cruzamos o centro da vila para baixarmos ver o Muíño do Burato, o Museo do Tecido “O Fiadeiro”. Todos eles son mostras moi representativas do que nun tempo significou o modo de vida e a economía desta zona, claramente ligada ao río Arnoia.

Logo volvemos subir cara ao Campo da Barreira, mais antes visitamos a igrexa de Santiago, praza do Concello, pasando polo Museo do Xoguete. Remantando, coa visita á vila, puidemos contemplar o exterior do convento de Santa Clara. Fundado en 1268 pola raíña Violante, dona de Afonso X, o Sabio e, a igrexa de San Bieito.

Para rematar a mañá visita ao Ecoespazo do Rexo. Onde uns pudieron visitar a pegada de Ibarrola na natureza daquela área, outros puidemos ver a explotación de ovellas e a fabricación de queixos, pechando dese xeito a produción do ciclo completo.
Na segunda tarde da viaxe por terras de Ourense, breve visita ás Burgas, rematando a viaxe coa visita a outro lugar emblemático, o mosteiro de Oseira. Que dicir del? O máis atractivo do edificio, ademais do seu enorme valor histórico e artístico, é o ámbito natural no que se sitúa. Nas súas orixes o lugar foi habitado por catro monxes, hoxe dezasete. No S. XII, o rei Alfonso VI comeza a facer doazóns e a partir deste momento o edificio alcanza unha gran riqueza chegando as súas posesións ata o Couto de Marín (Pontevedra) e a Zamora. Encravado nun val profundo, é un conxunto monacal formado por varios volumes pegados e de gran monumentalidade. A súa orixe é medieval e sufriu diversas restauracións e modificacións ao longo do Renacemento e Barroco. A igrexa, de época medieval xustaponse en ángulo recto coas outras edificacións. No S. XVII pegóuselle unha fachada barroca. Teriamos que falar dos Claustros, da Escaleira de Honra, O Museo de Pedra, a Sala Capitular con esas columnas de fustes torsos que se entrelazan ao chegar á bóveda en forma de palmeira, a Biblioteca (que non se pode visitar, mais eu vina nunha ocasión, e é impresionante). A igrexa á que xa aludimos, rematouse en 1239. Unha das partes máis interesante é a xirola, con retábulos de grande valor nas entradas, e unha imaxe pétrea da Virxe do Leite do Século XIII. Simplemente, impresionante, visíteno. Visiten esta e outras comarcas e Ourense.

Saúde e Terra.
Manolo Muñiz

Ver imaxes

Conferencia no ATENEO VALLE INCLÁN



09 abril, 2009

Percorrido: Arrubial-Matela-Resubil-Fonte dos Poios – As Cernadas – O Couso – Azureira – A Abelleira (O Roteiro pode variar algo)

ROTEIRO DAS ASOCIACIÓNS ARCAS DE SARRIA E AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE POR TERRAS DE CASTROVERDE E BARALLA

25 DE ABRIL, SÁBADO, 2009

Pola mañá:
Arrubial – Rañadoiro - Matela –San Martiño (10 Km.)

Ás 9:30 h. Saída de Castroverde
Ás 10:00 h. en Arrubial (Páramo)
Ás 14:00 h. Comida

Pola tarde:
Desde San Martiño ata a Abelleira

Para facilitar a organización:
Avisar antes do xoves, día 16 de abril.

Agardando a túa asistencia, recibe un cordial saúdo.
Asdo.: Manolo Muñiz
Castroverde, a 8 de abril, de 2009

DISTANCIA TOTAL , aproximada, 20 Km. (Teñamos en conta que é para todo o día)
NOTA:
ESTADE ANTENTOS AO TEMPO. SE VOLVE CHOVER, IMOS TER LAMA.

30 marzo, 2009

Inauguración: venres, 3 de abril de 2009, ás 20:00 horas. (Do 3 de abril ao 31 de maio de 2009)

INAUGURACIÓN da EXPOSICIÓN:
Rexistros abertos. Materias, contextos e narrativas na arte galega actual


Baixo a epígrafe Rexistros abertos. Materias, narrativas e visións na arte galega actual, preséntase un proxecto expositivo que pretende amosar unha serie de percepcións sobre o panorama da plástica actual en Galicia a través de creadores e obras que abren camiños de tránsito constante ligados á arte galega contemporánea. A selección aquí proposta ten como pretensión indagar e amosar claves matéricas, formais, temáticas e relacionais… vixentes na plástica galega recente.

ver máis

29 marzo, 2009

Artigo sobre Ramón Piñeiro

Os camiños da vida
Balón intragástrico
X.L. Méndez Ferrín
Faro de Vigo 27/03/2009

Como é sabido a Academia Galega dedicoulle o Días das Letras Galegas a Ramón Piñeiro. Esta figura é complexa. Por unha banda representa, en política, unha das posicións do lexitimismo galeguista de pre-guerra civil. Pola outra banda Piñeiro é un autor dalgúns ensaios con intención filosófica e análise literarias. Eu sempre lembrarei con afecto que Ramón Piñeiro escribiu como prólogo a un meu libro un dos textos con máis intensa vontade de estilo dos que nunca producirá nin chegou a producir. Ou así o entendo eu, se cadra de xeito interesado. Pro, por cima e por baixo, de arca e de couso, Ramón Piñeiro foi sobre todo un activista político.
É ben curioso o feito de que o autor lembrado no Día das Letras, sendo como era suxeito dedicado en corpo e alma á política, nunca escribiu verdadeiros textos políticos, aínda que as súas lucubracións sobre a filosofía da Saudade ben poderían ser lidas como textos políticos.
Piñeiro foi o arquitecto principal do que podemos chamar o galeguismo da guerra fría. Dirixente incontestado e autócrata do seu grupo, liquidou o Partido Galeguista para organizar os seus seguidores no labor monográfico de facer literatura arredor da Editorial Galaxia de Vigo. Pro ese grupo non era só literario. Estaba dotado de ideoloxía. E os elementos constitutivos desta, que nós chamanos “piñeirismo”, con os seguintes: non nacionalismo, federalismo europeísta, anti-comunismo. No que se refire á literatura, Piñeiro era pragmático e sectario. Non aceptaba na literatura galega máis que tres direccións básicas: o lirismo, o humorismo e a fantasía. Así pensaba el e así o deixou escrito en varios lugares. Para el, o realismo, especialmente o socialrealismo, era unha tendencia altamente sospeitosa de infiltración comunista.
Despois de abolir o Partido Galeguista e de negarse a acatar a autoridade do Consello de Galiza fundado por Castelao, Piñeiro chegou á chamada Transición coas mans baleiras. Polo tanto, ao revés que os cataláns e os vascos, os galegos non puidemos facer valer o noso peso político cun goberno galego no exilio e, ao modo de Tarradellas, non fomos capaces de pór na pre-autonomía unha figura histórica do tipo de Antón Alonso Ríos.
Así as cousas, Piñeiro tivo unha triste fin política. Condenou Martínez López e as boas persoas que intentaron tras a norte de Franco resucitar o Partido Galeguista. Montou, desesperadamente, unha pantasía chamada Realidade Galega con Carballo Calero e outros. Finalmente, foi deputado no Parlamentiño nas listas do PSOE, nun grupo chamado de “galeguistas históricos” no que estaban Benxamín Casal, Carlos Casares y Alfredo Conde. A verdade é que se os últimos eran iso, eu, poño por caso, podería chamarme a min mesmo “galeguista-pre-histórico” con total xustiza.
Levamos xa meses con Ramón Piñeiro nomeado para o Días das Letra. O 17 de Maio aproxímase e a opinión pública de Galicia non recibe ninguna nova noticia sobre Ramón Piñeiro. Non vexo aportacións reveladoreas nin sobre o seu pensamento teórico nin sobre a política (ou ausencia de política, máis precisamente) que el encarnaba con poder omnímodo sobre o estricto círculo dos seus seguidores. Por exemplo: seguimos sen saber por qué Piñeiro foi preso nos anos cuarenta, cáles foron os cargos da acusación e cál tribunal o condenou a unha severa pena de prisión.
Nada do escrito por X.L. Franco Frande na súa obra Os anos escuros sobre Piñeiro e o piñeirismo foi, polo momento, acrecentado. Vexo que os que hoxe se consideran herdeiros de Ramón Piñeiro gardan un silencio moi extraño.

28 marzo, 2009

"Amigos do Patrimonio de Castroverde" rescata un artigo de RAMÓN PIÑEIRO con motivo da Autonomía de Galicia


"Os primeiros pasos dunha Galicia nova"
artigo de Ramón Piñeiro

Vida e obra de Ramón Piñeiro


Algunhas imaxes dos actos das Xornadas sobre Ramón Piñeiro




















F.Albor
, V.Freixanes, D. Villanueva, A. Bahamonde, M. redonda
X. Alonso Montero
, Público asistente

"Amigos do Patrimonio de Castroverde" estivo nas Xornadas sobre RAMÓN PIÑEIRO



Xornadas “Ramón Piñeiro na Galicia do século XX”
Organizadas pola Deputación de LUGO
23-26 de Marzo de 2009


Programa e conferenciantes
Acto solemne de apertura
Xornada 24/3/2009
Xornada 25/3/2009
Xornada 26/3/2009