Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

13 mayo, 2008

A reunión de AGADER do 10 de maio

ASALTO Á DEMOCRACIA – EXEMPLO DO QUE NON SE DEBE FACER


O sábado pasado, día 10 de maio tivo lugar unha reunión de AGADER, onde autoconvocaban varias Asociacións, Comunidades de Montes, Cooperativas ..., a Asociación á cal representamos, foi avisada por teléfono, a carta recibimola, o domingo día 11, para unha reunión no Salón da Casa Sindical de Lugo. A nosa sorpresa foi que sendo as 11:20 h. había máis de cen persoas fóra, pensamos que estarían agardando un autobús para ir algunha viaxe, manifestación etc. A nosa sorpresa foi que cando comeza o acto, xa non se collía no Salón.

Unha técnica de AGADER expuxo o proxectodo LEADER (2007-2013) e a seguir falouse de que se anotasen as asociacións que estiveran dispostas a traballar, e que dentro duns días, volveríase convocar unha reunión parara elixir unha xunta xestora, porque teriamos que consultar coas nosas Asociacións e traer un acordo asembleario de que se querían integrar no proxecto.

A nosa sorpresa foi cando vemos que o presidente da Fedración de Veciños de Lugo, autonomea unha Xunta Xestora, que non lembro, mais vén nos xornais do domingo, día 11. Alucinante que estean nesa xunta xestora, representantes dos partidos maioritarios, e das Asociacións que noutros ámbitos se levan a matar. É lamentable que o que alí aconteceu se lle chame democracia. A democracia da imposición sen consultar coas bases das Asociacións, nin cos grupos dos Concellos, aínda que sería parecido, porque teñen a maioría en todos os sitios, e xa sabemos o que son e fan as maiorías absolutas.

A nós acúsanos un señor alcalde que votamos tres, mais el non sabe que votaron moitos outros que non poderían votar, porque eran, e son de Lugo capital. E doutro Concello voataron catro, e que só tería dereito a votar un.

Lamentable o que se viviu no Salón de Actos da Casa sindical, nuca pensamos que “ a “democracia” e representatividade social pudiesen caer tan baixas. Alcaldes do PP e do PSOE unidos por controlar e manipular todo eles, excluíndo a minorías, que para eles son insignificantes, e molestas, posiblemente. Viva a democracia.!

Tres representantes dunha das Asoiciacións convocantes e asistentes.

Secretario, Vicepresidente e Presidente.
Non seu nome o Presidente,
Manuel Muñiz Besteiro.


12 mayo, 2008

Seriais literarios

¿Pódese pasar?

-VIII-

Novela satírica

de

Gómez Vilabella

Aquelas feiras, coas festas e mailas romarías, foron, ao longo de case todo o franquismo, particularmente nas décadas corenta e cincuenta, o principal escenario daquelas inefables xestas: aquelas fazañas da Garda Civil intervindo con frecuencia, en cacheos soprados, pois eles, ¡meus pobres!, andaluces na súa maioría, xubiláronse sen chegar a coñece-la súa veciñanza; ¡nin a coñecela, nin a entendela! Principalmente á busca daquelas navalliñas de corta-lo pan e mailo touciño, despois de benditos, por suposto, ou mesmo para alivia-las loras, caso de mosca-las vacas; con tal de que pasasen dos dez centímetros, as navallas, que outras armas xa nin á feira ían! Galicia só foi navalleira no senso, e no uso, agrícola, pero eles, e con eles os seus mandos, ignorábano. A Benemérita, non por culpa intrínseca senón pola deficiente dirección que tivo no rural, a verdade é que se cubriu de ridículos, tantos que sería prolixo enuncialos; e por outra banda, mellor os silenciamos nun esquecemento histórico, gracial. En paralelo, para o servizo exclusivo das Alcaldías, estaban aqueles Gardiñas locais, os do Municipio, ¡os do couceiro, lles chamaban!, tal que este que sae na secuencia seguinte, nun paralelo semellante aos Civís, tanto en dirección como en preparación profesional:


-Á orde, e sen novidade na feira, don Manuel.

-¡Ben, pois, nese caso, descanse; descanse, pero conte todo o que pasou, liña por liña, a feito!

-Nada; xa lle digo, que sen novidade digna de mención, que o único incidente ocorreu cun emigrante. ¡Si, tal cal! Foille co dese haiga, que se emperra en deixalo aí, mal aparcado, en mal sitio; e xa ve vostede, señor Alcalde, que entorpece a manobra dos tractores que pasan para a feira dos cochos... Ameazou con denunciarme ao Xuíz de Paz..., ¡por abuso de autoridade! ¿Que lle parece? ¡Claro, el vén en coche e aos porcos que os leve Xuncras!

-¿En qué, en que se basea ese Interfecto? ¡Hai que comezar por aí, que ben o di don Aurelio, que aquí o temos en corpo presente, que non hai verbo sen...! ¿Sen qué, don Aurelio, que se me esqueceu?

-¡Quere dicirse que a construción racional é a inglesa: suxeito, verbo e predicado! ¡Suxéitanse, fáiselles falar, fáiselles denunciar; e por último, predicáselles; sanciónaos, en consecuencia, a Autoridade competente!

O Garda, perfectamente instruído, ou que por tal se tiña:

-¡Ai, si; primeiro suxeitalos, prendelos...! Eu, mentres os teño interferidos, dígolles, Interfectos, que o de suxeitar vén despois…, ¡cando se pode! O caso é que este Interfecto, quero dicir, este suxeito, alega...; xa non sei qué dixo de “indefensión”, e que todo por aquí non temos sinais de prohibido. Tamén dixo... ¡Deus, cómo dixo! Ai, si, que por aló adiante, na Suíza, todo é libre se non hai..., se non hai non sei que de fregoteo (vergoten). ¡Ese fresco ata dixo que en España só hai liberdades para os chanchullos...! ¿Que lle parece? ¡Vaia frescura: calamidade, mentireiro...! Non sei o que significa esa palabrota, pero igual me dá que me dá igual, que en todo caso xa o ía casar con estas esposas, coas de chavín, para entregárllelo aos Civileiros. ¡Iso faría se non fose porque vin que se achegaban vostedes, e daquela quixen darlle a novidade, como está mandado, que o primeiriño é vostede, Don Salmonte!

-¡Mal feito, Cabo, que ata parece mentira no seu caso! En Churiz temos que ser exemplares, que mentres eu mande, nesta Praza primeiro detense, e despois interrógase; por encima de todo, de min mesmo que sexa, a lei e maila orde, ¡a Orde Pública! ¿Parécelle ben, señor Secretario? ¿Non dixo vostede que o suxeito vai denantes do verbo?


O aludido, sempre pisaverde, limpouse con parsimonia unha mouta dunha libra de po, entre po e bosta, que lla ciscara un daqueles tractoristas que estaban entrando na feira dos porcos, upado no seu trono de enésima man e de pésima carburación, matrícula de Zamora por máis señas, tan marcial, aquel mozo, coma se pilotase un tanque do Exército. Despois ditaminou, sosegadamente, con aquela auctoritas súa tan prosma e que tanto engaiolaba aos paisaniños de Churiz:

-¡Imos ver cómo se concilian estas cousas, as dúas! Primeira premisa: ¿Vostede, Cabo, díxolle ao liberto que os sinais de tráfico están subordinados, ¡de sempre!, ás instrucións directas e persoais dun Axente, de tódolos Axentes? ¿Que non, que non llo dixo? ¡Daquela terá que repasa-lo Código! Foi un fallo seu, que non deberá repetirse. ¡Nunca! Segunda: ¿Pediulle a documentación?

O Gardiña, ante unha sabenza tan preclara..., ¡nin cos seus galóns de Cabo! Engurrouse, de súpeto, como fan as teas ris á primeira lavadura:

-¡Non, señor, que eu coñezo ao rapaz, xa de antes de irse ao estranxeiro, de cando el viña, a pé, ¿sabe?, ás feiras, que ese besta, o que é daquela, nin besta tiña! Foille por iso que...

Canto máis se encollía o Cabo, máis enfatizaba aquel Aurelio; ¡de comedia..., se non fose un drama! Ao son de que non, e recén chegado, de facto, xa mandaba máis co propio Salmonte. Proseguiu, ex cathedra:

-Os Axentes non teñen por qué coñecer a ninguén que non sexa Autoridade... ¡Nunca! ¿Entende quen é ninguén? ¡Ninguén é..., o que non é! O primeiro que se fai con estes da pucha é pedírlle-la documentación; ¡a deles e maila do coche! ¿Non ve que estes desertores do arado tamén poden selo do Servizo Militar, simultaneamente, asemade, que moitos deles fóronse ao estranxeiro para non entrar en quintas? ¡Mesmo puido traer ese vehículo sen os documentos aduaneiros pertinentes! ¡Iso e mil cousas máis! Non se esqueza, Cabo: Para un Municipal, celoso dos seus deberes, todo o mundo é sospeitoso..., mentres o presunto non lle demostre o contrario, que niso consiste a orde pública; ¡quere dicirse, a nosa! Despois aplícase a forza, o imperio represivo, se o requiren as circunstancias concomitantes!

O Garda aquel ingresara sen exames, simplemente coa bula nepótica, circunstancial, de ser fillo dun caseiro de don Manuel; e ascendeu a Cabo Municipal en premio da súa adhesión, inquebrantable por suposto…; ¡ao propio don Manuel, claro, que era o seu único Movemento, o único que entendía! Estaba lonxe de coñecer, e nin sequera de intuír, que un mal estudante, metido a pillo entre aqueles labregos de entón, con tal de que zumegase unha soberbia apandante, apachocante, era quen de anonadalos, a todos eles, xuntos ou por separado, un milleiro de cada vez, con catro verbas grandilocuentes, por inconexas e mal urdidas que estivesen. Captivo e desarmado, aquel Cabo pediu protocolos, ucases, normas ad hoc:


-En vista do visto, ¿que Lei debo cumprir, eu, agora, de presente, dadas as consecuencias da miña ignorancia?

Aurelio, combinando a cismada coa adulación:

-¡Ah; iso, todo iso, é facultativo do propio Alcalde, aquí presente! Don Manuel ordena e manda, que eu son, unicamente, e aos efectos, un Asesor, un mero Asesor; ¡iso si, eu son o Legal!

Aquel Alcalde, tan voluminoso e tan pachorras, prefería envolve-los seus propios novelos. As estridencias públicas irritábanlle a pel, de fina que a tiña, por estirada; ¡cen quilos de carne nunha funda humana non se envolven sen tundila!

-Cabo, por esta vez dígalle ao Fulano, ao dono dese auto, que falou comigo, e que lle vou permitir, na miña benevolencia, que o deixe así, ¡por esta vez!, pero coa petición de que o achegue ao castiñeiro, para que non estorbe á circulación deses tractores… ¡Xa que fala de liberdades, os outros tamén as queren! ¿Decátase?

Aurelio botou man do incenso, daquel incenso seu, que era, sempre ou case sempre, pezoñento:

-¡Cabo, tome nota de que este Alcalde, aquí don Manuel, é un verdadeiro Salomón!

O Municipal a tan abaixo, tan ao fondo, aínda non chegara na súa pobre erudición, na súa Biblia de catequese parroquial:

-¡Vaia por Deus, outro erro, que eu sempre lle poño, nos papeis, DON MANUEL SALMONTE, todas con maiúscula, de imprenta, para darlle máis categoría, que ese é o meu costume. Desculpe, señor Alcalde, que tampouco volverá a pasar...; ¡iso do seu apelido, que agora xa sei que é Salomón!

Manuel, que sentiu pena polo abatemento do seu Cabo, deulle unha palmadiña no ombro:

-¡Non, ho, tranquilo, que está ben así! Iso de "Salomón" é unha metá fóra deste Secretario, que é un experto niso de..., niso de evita-las consecuencias…, coa marcha atrás! ¿Entendíchelo?

Aurelio, con aquelas quisicousas, conseguira outro admirador; así o recoñeceu aquel Cabo, con toda sinceridade:

-¡Ah; daquela, qué listo, cánto sabe! Algo parecido, diso da metá, lle dixo don Lucas á miña señora, no último parto, para que mo explicase, que con tres íamos ben servidos... ¿Don Manuel, se outra non ordena, podo retirarme..., iso, para segui-la rolda?

Condescendeulle a máxima autoridade:


-Si, Cabo, ¡de momento!; e poña coidado de que non se porpasen eses emigrantes, que xa ve o insolentes que se presentan. ¡É natural, -entenreceuse o Alcalde, -están torcidos polos comunistas deses mundos do diaño, que por aló adiante non teñen ao noso Caudillo para que lles cante as corenta!

Aquel Garda, coa lección apresa, foi en busca do "emigrante" para lerlle a cartilla, a nova, a segunda. Don Manuel, no ínterim, celebrou aquela obediencia absoluta, indiscutida e indiscutible:

-¿Eh, Aurelio? ¡Para que vexas o respectado que son! Cadeliño ese Cabo, ¿non si?

-¡Sen dúbida, sen dúbida, que de hoxe en diante non se lle desmarcarán...; polo pronto, sen mostra-la documentación!

-¡Chacho, o que é con estas leccións...!

-Diso se trata, carísimo Manuel. Pois precisamente, que cómpre aplica-la medicina preventiva para que non volvamos ao 31, que daquela, concretamente aquí en Galicia, ben que nos foderon catro desertores da aixada, aqueles indianos dun peso no peto, que se meteron a intelectuais, liberalizados que non cultivados, nesa maldita América das liberdades, de sempre tan viciosa, vizosa e viciosa, con aquelas prédicas e con aqueles consellos que lles daban nos mitins aos colegas, aos outros cavadores destes rueiros. Por iso houbo que purgalos nas propias cunetas das mesmas estradas polas que retornaran ao seu país..., por falta dunhas picotas para colgalos!

As feiras sempre constituíron un foro colector, amplo e aberto, para o clientelismo caciquil. Aquela non ía ser unha excepción xa que naquel intre achegouse a eles, aos nosos mandamáis, un paisano, outro, que tiña a especialidade de manexa-la pucha no mellor estilo circense, pasándoa de man en man, apertando ou alisando nela, ¡quítoa, póñoa!, cegado, ofuscado, ante a maxestade daqueles persoeiros: do Gordo e do Fraco, en linguaxe cinéfilo; Manuel e mailo Aurelio, en cristián.

-Don Manuel, faga o favor, un momentiño de nada; ¿podería falar con vostede…, unha palabriña?

-¡Si, ho, con todo gusto; e de paso preséntoche a don Aurelio, que é o meu Secretario, recén vido!

O aludido, estirando aquela man ensortellada, de señorito de cidade; a pedra igual era un anaco de seixo, pero..., ¡escintilaba!


-¡Tanto gusto, cabaleiro! -Para que Aurelio dixese "cabaleiro" é que estaba a matinar nun cabalo. -Como lle dixo aquí don Manuel, acabo de posesionarme da Secretaría deste Concello; ¡así que aquí me ten, ao seu dispor!

-¡Xa o sabía, xa! -Un labreguiño daqueles, boina en man, o que é doutra cousa non se decataría, pero da presenza, do cheiro a colonia barata, daquel señorito... -Eu sonlle da familia: ¡Concelleiro efectivo, a base de votos ben contados, que os contou o propio don Manuel; ¡un Périto! Por mellor dicir, fixémolo de consún; e despois diso, como éramos dous a competir polo cargo, don Manuel fixo a Acta multiplicando por tres, os meus, para poñerme dacabalo do outro, do outro veciño..., ¡pero non houbo inxustiza no aprobado, que esoutro aínda é máis besta cá min! ¿Que lle parece o listo que é este home? ¡Moito me divirten as súas ocorrencias!

O Alcalde, sen poñerse roibo, sen ruborizarse, nin pola confidencia nin pola indiscreción daquel marulo que se depreciaba a si mesmo, antes ao contrario, divertíndose coa lembranza daquel chanchullo, daquela manipulación, aproveitou a ocasión para demostrarlle ao Secretario que tiña certa habilidade niso de manexa-los monicreques:

-Como ves, este Alvaredo é do Terzo Familiar...; ¡o que se di, un tordo! Por inseminación artificial, por simple e por pura partenoxénese dunha urna de madeira, que como non se lle vía o fondo, resultou que o tiña forrado de papeletas, ¡metidas á man, e de antemán! Artesanía de concurso, tan só co nome do Alvaredo, para que esa mestura, despois, coas do outro candidato, resultase saturada. ¡Polo demais, non hai caso! Para saber que é dese Terzo só hai que observalo, e ver como tordea...; ¡desde que baixa á cociña, cada mañá, grolo vai e grolo vén!

Alvaredo, tímido e pícaro, coa idiosincrasia dos vellos cazurros:

-Don Manuel, non lle é da taberna, afellas que non; ímoslle entrando na idade das sopas, e daquela..., ¡as pernas fraquean, por gordas que estean! ¿As súas, non?

-¡Este lilainas...; iso será no teu caso! -Repúxose Manuel, un tanto ofendido. -¿E logo, qué, o asunto ese...; é un secreto?

-Ata non, que se di en poucas palabras. ¡Con permiso!

Litis, molesto polo abesullamento de media feira, que non lle quitaban o ollo de encima:

-Estou percibindo que hai confianza entre vostede e don Manuel, así que, daquela, invito ao polbo, que é casualmente a onde iamos agora, que aí falan vostedes, ámbolos dous, discreta e comodamente.


-Tamén se acepta, pero hoxe pago eu, ¡palabra do Alvaredo!, que vostede aínda non fixo aforros..., ¡nin tivo regalos!

Na estratexia do Litis era cedo para esquilma-lo labrego, por moi de pucheiro que fose: había que darlle unha boa impresión, polo menos iniciática; utilizalo como propagandista da fe, ¡da fe pública, da fe no Secretario!

-Non, grazas; hoxe non, que algo traerei de onde veño, e algo terei da herdanza do meu pai..., ¡a pesares dese Fidel!

Tampouco se lle aceptou, que aquel terciario, Familiar, estaba disposto a deixa-la la nas silveiras do seu camiño:

-Dá igual, don Aurelio, que aquí, neste pendello do Bigotes, o que é a vostede..., ¡nin unha peseta! ¡Faltaría menos!

Aurelio resignouse, que os efectos daquela adhesión, adhesivos, adherentes, adheridos quedaban; ¡logrados e consolidados!

-Sendo así, acéptolle, e con gusto, que eu, como servidor local, non quero se-la mazá da discordia.

(-¡Mira quen foi falar! -Comentou don Valentín neste punto, naquela Revisión Celeste, abraiado por tanta estulticia).

Despois daquela pratada, regada con tres netos do Ribeiro, puxéronse á audiencia. Salmonte declarou aberta a sesión:

-E logo, Alvaredo, ¿de qué vai a cousa? ¡A ver, ho, larga, que pareces un cohibas..., de cohibido que andas!

-Pois..., é que...; mire, don Manuel, trátase de que se acabaron aqueles cartiños da traída, alí desde a Fonte do Lodeiro...

O polbo á feira, coa súa dose, subida, de sal e de pemento, sempre propiciou a broma; e tratándose do Salmonte...

-Daquela, ti, un forzudo da maneira, ¿como consentiches...?

-¡Que lle son tres casas, tres e maila Reitoral, e daquela non hai entubado que chegue!

-Xa me dixeras que son tres, todo ese barrio da Igrexa. Pois, nese caso, que paguen os teus veciños, o que falte e maila robra, ¡que invitaredes á inauguración, supoño!

-¡A cousa non é doada, pois o Cura entra nos escotes...!

-¿Desde cando? ¿Entra nos escotes, de verdade; cábelle a man? ¡Que atrevido...! ¿En cal entra, ho, no da Ama, no da Xulia? ¡Ai que ver; con iso do Concilio largan de sotana..., que así non lles estorba para as súas manipulacións! Non se pode un fiar de ninguén, ¡nin dos Curas!

Alí precisábase un asesoramento legal, bromas á parte, legal ou pseudo, así que o tiveron:


-Perdoen que me entremeta; ¿o Contratista desa obra, da que falan, non lles deu un presuposto previo? ¿Ou é que non houbo contrato…?

Aquel Edil, que máis que do Terzo Familiar era do Terciario, do Terciario ou, como moito, de principios do Cuaternario, confesouse, pero o que non sabía el era o tipo de Cura ao que se achegaba:

-¿Iso para qué se o Contratista son eu, eu mesmo?

Como aquela lóxica do Edil resultaba un tanto ilóxica, Salmonte tivo que explicarse:

-Si, ho, ben o sei, que niso quedamos, pero hai que explicarllo aquí a don Aurelio, que este señor sabe moito, pero, ¡doutras cousas! Aquí, este, este cacho amigo, quería leva-la auga dunha fonte pública para a súa casa, pero cheirounos que aqueles veciños, eses dos predios inferiores, os desecados para entendernos, íanlle protestar, así que daquela ordenamos pasárllela tamén aos outros, aos do barrio da Igrexa, e tamén á Reitoral, ¡por conta do Concello, que así, meténdollela na boca cunha billa de cobre, calaban! Como este Alvaredo é algo mañoso, ¡cando quere, que coa Ama, coa Xulia, cero mata cero!, púxose á obra, el mesmo, coa factura ao terzo; ¡séxase, Caixa B, materiais e contratista!

-¿Iso, compadreado desa maneira, nos libros do Concello...? ¡Non, non pode ser; resulta un tanto groseiro, ordinario!

Salmonte argumentou, molesto pola interferencia do seu Secretario:

-Aureliño, quieto parado, non o movas, que está bastante ben amañado, que este compadre tróuxome unha factura verdadeira, dun Contratista verdadeiro, matriculado. ¡Así que, habendo boa vontade...! –E proseguiu, volvéndose ao Alvaredo: -O que aínda non me dixeches é canto che falta para remata-las acometidas, que xa sei que estás poñendo aseos na casa, na túa, eh, pillín, cos nosos cartos, co terzo industrial. ¡Teño orellas en tódalas parroquias!

Volvéndose ao Asesor:

-Aurelio, que xa se me esqueceu, ¿como dixeches que se lles chama aos meus espreitadores, eses que teño nas parroquias?

-¡Manuel, iso é un secreto municipal, pero, xa que te lanzas...! Chameilles sátrapas, que é un sistema que foi ensaiado por un Alcalde fenómeno, un tal Darío, que tivo de preceptor a certo sabio...; ¡digamos que foi un caso parecido ao teu, salvando as idades!

-¡Este condenado...! Xa cho dixen, Alvaredo, que este Secretario sabe máis latixos que tódolos curas desta bisbarra; ¡máis que todos eles xuntos! ¡Só lle falta misar, mais agora, con iso do Concilio, igual lle dan licencias!


A pesares de verse cachado, todo aquilo pareceulle tan natural ao Concelleiro que non se achicou:

-Diso dos cartos, máis ou menos..., ¡outro tanto, para que a cousa quede de xeito!

Era a proba do lume para o novo Interventor. Manuel atufouse:

-Sendo así haberá que rascar no peto das ánimas, pero o caso é que con esas contas que axustou aquí don Aurelio tan ben axustadas..., ¡maldito se sei onde apunta-los cadullos! Por outra parte, meu Secretario, a lealdade deste home algo merece, ¡que nunca un Acta deixou sen asinar, por mal redactada que estivese! ¿Enténde-la cousa? Obras son amores, que para razóns..., ¡abonda coas prédicas do noso Bieito!

Aquela Secretaría funcionaba á perfección, así fose ambulante, mesmo na ruxideira dunha tasca:

-Imos ver, que Deus labra dereito pero coas liñas torcidas. Aquí, concretamente para o expediente desa auga, farían falta uns planos…; ¡iso, para xustificar certas partidas adicionais, reformadas, pero como este Concello non ten un Aparellador que o aparelle, daquela...!

-Oes, Aurelio, que tamén se me pasou pola cabeza, que hai cousas nas que nos podía axudar un deses. O caso é que, para nomealo, ¿quen o examina, que eu, diso de planos, maldito cousa?

O Edil quixo face-la graza e ameceuse ao proxecto:

-¡Diso dou fe, que aquí ao Alcalde dánselle mellor, moitísimo mellor, os plans cós planos!

O aludido fulminouno:

-¡De qué vas falar, marica! Para unha vez que te levei a Madrid, naquela Comisión de pedirlle cartos ao Crédito Local, durmícheste..., ¡mentres se acaneaban aquelas bailarinas, aquelas da danza ventral! ¡Vaia un home, que por iso non te volvín a levar!

Don Aurelio, xa un veterano ás catro semanas da súa posesión, toureaba ás dúas mans naqueles churiceiros:

-Don Manuel, non abuses deste home que ben que se lle nota que é de natureza virxe. E niso dos exames do Aparellador Municipal conta comigo, que eu, por se aínda non o sabes, sonche un especialista nesas cuestións do urbanismo; ¡tamén niso! Fixen cursos, ben aproveitados...

Aquel ¿enciclopédico?, tan sabedor e tan providencial, tiña encantado, literalmente encantado, ao Salmonte:


-¡Ai, ho, Deus cho pague, que me quitas un peso de encima, que afellas que este Concello, niso do Aparellador, íase quedando detrás dos outros! ¿Daquela, encárgaste dese Concurso?

-¡Diso, e de canto se precise! Ti firmas o nomeamento, o que eu che propoña, que do resto...; ¡o resto vai da miña responsabilidade!

¡Que máis quería aquel señorote, aquel Manuelón, Señor da Casa Salmonte e do seu circundo, Señor do Concello, Señor do Municipio, Señor dun Secretario tan adicto, en submisa, en intelixente vasalaxe, ou máis exactamente, en pura simbiose!

-¿Decátaste, Alvaredo, da sorte que tivemos con este home? Vai poñe-lo Concello en pé, en pé de guerra; ¡que cho digo eu!

-En efecto; vosoutros levantade as vosas cousas, que diso de levanta-lo Concello..., ¡asunto meu! Pero volvendo ao problema desas conducións: Teremos que discorrer que fan falta uns depósitos reguladores...

-¡Están feitos, descantiá! -Farfallou Alvaredo, créndose na oportunidade.

-Cala, farfallán, que o Asesor é don Aurelio, e ademais estaba no uso da palabra.

-Como ía dicindo, -proseguiu o "asesor", -farán falta uns depósitos reguladores, que a orde dos factores non altera o produto; así que, eu mesmo redactarei esa instancia, cara ao Axuntamento, pedindo unha subvención para..., ¡por complementos! Que a firmen o Cura da Parroquia e dous veciños, que xa poñerei na Acta correspondente iso de que se aproba ese gasto con cargo ao Presuposto do ano vindeiro. ¡Todo isto se aquí o señor Alcalde non ten inconveniente! -Adulouno para engrandecelo, por lei de reciprocidade, pola indefectible da interacción caciquil, diante daquel lambecús edílico.

Don Manuel, no seu estilo, todo facilidades:

-¡Ai, ho, por min está feito! Pero, ¿por qué non firma o Cura desa Parroquia e mailo Alvaredo...? ¡Digo, para que haxa menos firmas!

-Non, que coido que é máis aséptico que uns firmen e que outro execute. Neste caso, como non está o Alvaredo na solicitude, o Presuposto desas obras pode firmalo el, el mesmo, poñéndose como que é un Contratista; e daquela todo arranxado, sen trampas..., na tona!

A inocencia do interesado non ía tan aló:

-¡Eu non son Contratista, nin quero selo, que iso é arriscado!

-¡Alvaredo, que estás desobedecendo ao Secretario, e por ende, ao Alcalde!

Con iso, aquel edil, tan habilmente pucheirado, recolleu velas:


-¡Deus llelo pague, que así meto a auga na casa, de balde, e aínda gaño con iso de poñerme de Contratista..., para axuda das viaxes á Consistorial! ¡Ai, ho, que este polbo saíume barato grazas aos amigos; que Deus lles conserve a vida, moitos anos, para o ben da Patria, para o ben de España, que por algo é Unha, Grande.., e Libre!

Aurelio púxolle a guinda ao pastel:

-Oia, Alvaredo, este polbo quen o debe pagar é o Cura da Parroquia, que vostede xa tivo o traballo de axudarnos a descorrer a forma de arranxa-las augas. Eu, no seu caso, antes de cantarlle a gloria ao Crego, faríalle canta-la palinodia; a el, ¿sabe? Diríalle, abertamente, que un bo Concelleiro, un Concelleiro tan útil para a freguesía, hai que repetilo nas próximas eleccións, tal que se lle promete axudalo coas súas influencias, e non coma da outra vez... Que tamén vostede...; iso, que nos predicará, en xusta reciprocidade, na Casa do Concello; e que nun mes, ou en dous, igual nos convence para que lle demos cartos, outros poucos, para mellora-la acometida, ou para rega-la horta do igrexario, ¡sen que lle custe un simple responso!

O aludido quedouse matinando naquela proposta tan intelixente; ¡como tódalas do Secretario, segundo se ía demostrando!

-¡Iso leva xeito, si señor! E de visto así, ata me parece pouco prezo, que tamén lle vou dicir ao Cura que unha cortesía, un galano, unha cousa boa, sería ensinarlle, a vostede, digo, a despensa das festas; de paso, que lle dea a papar, que reparta, algo saboroso, que ten unha criada, esa Xulia, que cociña do mellor; ¡e daquela pode reparti-las tortillas cos invitados!

Semellante proposta gustoulle ao picarón do Litis:

-¿Que, que tal peneira..., esa criada? Mais, por ben que o faga, ir de segundas, tras dun Crego...; ¡igual a ten branda, iso, da auga bendita...!

-¡Señor Secretario, qué cousas ten; os pasteis sempre van despois das talladas; e logo que, de tecedoras sen ensaios..., nin sacos! En canto ao seu peneirar, a verdade é que non sei cómo peneira, que iso faise de noite, pero supoño que o fará ben, que abanar nese Cura, co gordo que está, xa require forzas, xa; ou forza, ou mañas, que ata non sei como pode chegar..., ¡iso, ao seu sitio! Eu vina enfornar...; iso vino, e xúrolles que non lle treme á boca do forno, por roxo que estea! Esa muller, esa minifaldeira, aló abaixo, no fondo do pozo, no Purgatorio..., ¡seguro que se queixa do frío!

A Frei Marcos deulle noxo seguir aturando aquela sarta de impudicias daqueles godalleiros, que por cobizar, ata lle cobizaban a criada ao Cura, así que, a tal momento, pulsou o stop da cinta, deixando o resto dela para despois da sesta.

10 mayo, 2008

Presentado na Galería Sargadelos de Lugo


O mércores, dia 8 de maio, asistimos á presentación do libro;

12 árbores,
12 séculos,
Árbores senlleiras no
Camiño Primitivo
de Santiago

Dos autores, Gimena ingeniería represenada por María Guerreiro e Ricardo Polín, a presentación do libro contou coa presenza de D. Felipe Arias, Director Xeral de Patrimonio cultural, e Ignacio Rodríguez Eguibar. Xerente da Sociedade de Xestión Xacobeo.

Todos eles salientron a importancia das árbores nas nosas vidas, especialmente o autor e alma do libro Ricardo Polín, Ricardo fixo un percorrido das 12 árbores polo Camiño Primitivo, desde a Fonsagrada ata Melide. Salientar as dúas árbores do noso Concello, o castiñeiro de Riazor en Bolaño e o Castiñeiro da Corredoira de Soutomerille.

Ao final intervención do Xerente do Xacobeo, D. Ignacio Rodríguez Eguibar, que anunciou unha posta en valor e rehabilitación da parroquia de Soutomerille, onde salientou todo o seu entorno, igrexa , cemiterio, castiñeiro, sistema de auga etc.

Agradecemos desde a Asociación o seu interese por esta zona, e aproveitamos esta ocasión para agradecer o apoio que esta Xerencia está a dar ao noso Concello.

IMAXES

O encontro en Castro Verde (Portugal) na prensa



6/5/2008 da noticia


Unha representación de Castroverde, entre a que figuraban membros da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, participou na rexión portuguesa do Alentejo nun encontro de municipios que levan ese nome. Ademais do lucense, participaron Castroverde de Campos (Zamora) e Castro Verde do Alentejo, que o anfitrión. A estancia durou desde o día primeiro ata o 3 e foi a continuación doutro encontro de irmandamento celebrado en agosto do ano pasado.

A estancia no país veciño comezou cunha recepción na Cámara Municipal de Castro Verde, cuxo funcionamento foi explicado polo seu alcalde, así como a organización das fregresías. O presidente da asociación lucense, Manuel Muñiz, destacou o gran recibimento con que foron acollidos os visitantes e dixo que «difícil será que nós paguemos este esforzo e agarimo con que nos teñen recibido». O presidente da Cámara Municipal lusa recordou o intento inicial de irmandamento, que tivo lugar nos anos 80, pero naquela ocasión non frutificou.

A segunda xornada estivo dedicada integramente a visitar monumentos e lugares de interese da zona, entre os que figuraba unha importante feira da zona centro sur de Portugal. O último día tamén o dedicaron a visitas culturais e a recepcións oficiais.


06 mayo, 2008

O 31 de maio

Xuntanza de blogueiros na Agolada

Amigos do Patrimonio de Castroverde recolle a convocatoria que nos remitiron da xuntanza de blogueiros no concello de Agolada


Amigos/as blogueiros, a idea xa está en marcha, e case podemos decir que hoxe é máis ca un proxecto.
Desde que Manolo Busto, Aquamlatam, e máis eu, comezamos a falar da posibildiade de facer este encontro de amigos -a xuntanza-, que estades aí ao outro lado da rede, e que na maioría das veces, nin siquera nos coñecemos senón polas entradas dos nosos blogs, xa pasou algún tempo.
Agora temos o proxecto en marcha, e vemos que aoutras iniciativas igualmente tentadoras, surden aquí e alá.
Pois ben como xa vos dixen o outro día, aqui en Agolada, temos as ganas de facer este primeiro encontro, contamos ca infraestructura necesaria, e temos tanto a experiencia, polos acontecimientos culturais, que o longo deste ultimos catro anos levamos desenvolvidos, dende a asociac ion cultural Amigos Dos Pendellos, como os medios para levalo a cabo.
Ademais Agolada, ten unha situacion xeografica privilexiada, no centro de Galiza, e as comunicacion son boas,. polo que desde calquera sitio, da provincia de Lugo-Coruña- Ourense, Pontevdra mesmo, podese acudir sin dificultades, ademais de contar na zona cun amplio grupo de amigos blogueros, cos que xa mantemos comunicacion.
De maneria, que como vos decía o Domingo Aquamlatam......AGOLADA, postúlase como organizadora desinteresada, se vos parece ben, no marco inigualable dos Pendellos.

05 mayo, 2008

Visita a Castro Verde do Alentejo (Portugal)

Encontro dos Castroverdes na Península Ibérica en Castro Verde do Alentejo. Breve resume


Durante os días 1, 2 e 3 de maio tivo lugar un encontro dos Castroverdes, convidados polo Castro Verde do Alentejo, para aprofundar nos lazos, asinados en agosto do ano pasado, de Irmandamento-Geminação-Hermanamiento.

O programa comenzou o primeiro de maio, como estaba previsto, ás 18 horas, coa recepción oficial na Câmara Municipal de Castro Verde, cunha permenorizada explicación por parte do seu presidente, don Fernando Sousa Caeiros, quen nos explicou o funcionamento das freguesías e da Câmara Municipal. Queremos desde un primeiro momento agradecer a boa acollida que tivemos por parte da Câmara, co feito de ter vido en agosto de 2007 ao noso Castroverde, e o bo acollemento, e entusiasmo con que este pobo de Castro Verde, nos acolleu nesta visita. Grazas Sr. Presidente, desde o primeiro momento, difícil será que nós paguemos este esforzo e agarimo con que nos teñen recibido. Debemos lembrar que o Sr. presidente recordou ao Sr. Vilabella, cando nos anos oitentta quixo iniciar esta idea, mais daquela non frutificou. A seguir, Intervención de todos os visitantes, eu pola miña parte, concordei co Sr Sousa nas necesidades de aprofundar nestas relacións con outras actividades máis significativas e profundas. Lembranza de agradecemento, para os Srs. Paulo Madureira e Joaquim Rosa da Asociación Cortiçol, quen nos recibiran na nosa primeira visita a Castro Verde, e que sen este feito non se terían comezado estas relacións.

A seguir camiño das 21:00 h fomos agasallados cun xantar (cea para nós), de benvida e unha proxección do Vídeo: “ Uma Janela sobre a Planicie”


No día 2 de maio, visita a:
.- Igrexa dos Remedios, con explicacións de Miguel Rego, a quen temos que agradecer que nos acompañara ao longo de toda a nosa visita nestes días.

.- Visita ao Fórum Municipal de Castro Verde (Casa da Cultura), con explicacións do Sr. Paulo Nascimento, a quen agradecemos igualmente as súas explicacións. Este foro é o que coordina a Cultura, que conta con actividades de: conservatorio, bilblioteca, teatro, deporte...

A seguir visita á Basílica de Castro Verde, con explicacións da Sra. Dulce, a quen agradecemos as explicacións e que tamén nos acompañou ao longo da tarde..

.- Visita ao museo das Lucernas e á fábrica ( antigos muíños, hoxe taller de pintura)

.- Visita ao Campo da feira e muíño de vento, onde nos voltamos a encontrar co Sr. Chico.

Visita á feira de Ovibeja (Beja, feira importante do Centro-Sur de Portugal, onde está a capitalidade, con stands de todo Portugal, mesmo con representacións de varias cidades españolas), onde comezamos cun xantar (almoço), nas típicas, do que nós chamamos, casetas da feira. A seguir, percorrido pola feira

De volta a Castro Verde, visita á freguesía de Entradas, onde visitamos a Igrexa Matriz e o edificio que vai ser biblioteca, un antigo hospital. Agradecer a Antonio, presidente desta freguerís de Entradas, que nos acompañou en varias ocasións ao longo destes días, e que nos ensinou esta súa Freguesía. Comentar que nesta Freguesía naceron os Srs. Fernando Sousa (Presidente da Cámara Municipal de Castro Verde) e J. Brito (tesoureiro da Freguesía de Castro Verde)

Pola noite, ofrecemento da cea (xantar), por parte da Freguesía de Castro Verde. E a seguir asistir ao espectáculo de Viola Campaniça e Viola Caipira, por parte de Pedro Mestre de Castro Verde e Chico Lobo do Brasil, xunto cos seus mestres. Homenaxes aos homes que conservaron e recuperaron estes instrumento. Ao final, o Sr. Paulo Nascimento ( , Coordinador, Concelleiro, representante da Cultura) , fixo entrega de agasallos, e aludiu aos Castroverdes da Península Ibérica (Castroverde de Lugo, Castroverde de Campos en Zamora e Castroverde de Cerrato en Valladolid) ,que estabamos a realizar este encontro para aprofundar nas respectivas culturas e mellor coñecemento mutuo.


No día seguinte, día 3
Recepción na Freguesía de Castro Verde, por parte da Sra. Presidenta, Manuela, Sra. Secretaria, Paula, e o Sr. J. Brito, Tesoureiro. Agradecerlles o seu bo acollemento, aos tres, mais dunha forma especial a Paula e a Brito por que nos acopañaron tamén en todos os momentos, e xa nos visitaran tamén en agosto do ano pasado.

A seguir explicación da historia de Castro Verde, e da súa Comarca, por parte de Miguel Rego. Comezando a explicación pola historia moi antiga deste pobo, pasando polos primeiros momentos, proceso de romanización, e igrexas e vestixios máis significativos, ata os nosos días, explicándonos como se configurou o actual Castro Verde, partindo dos seus antigos cinco Concellos, hoxe Freguesías. Non vou relatar todo o que foi exposto, porque non se trata diso, e metería, case seguro, erros.

A seguir visita a San Pedro das Cabeças, desde onde hai unha boa vista de Castro Verde e onde se encontra o monumento á batalla de Ourique, cun poema de Fernado Pessoa.

Finalmente, visita á Freguesía de Casével, onde a Sra. Fernada e os membros da Freguesía, a quen lles dámos as grazas desde aquí, por ternos dado a Benvida e ensinarnos as dependencias da Freguesía e Igrexa.

Para rematar, xantar (almoço) de despedida, na Asociación “Voces das Terras Brancas”, onde nos volveu acompañar, unha vez máis, o Sr Presidente, e outros membros das respectivas Freguesías, a todos eles, aos que nomeei, e aos que non foron nomeados, .

Mais uma vez, muito obrigados de coração e até já.

Uma “aperta”.

Manolo Muñiz
Presidente

Galería de imaxes

02 mayo, 2008

Seriais Literarios


¿Pódese pasar?

-VII-


Novela satírica

de

Gómez Vilabella

Naquela montaxe dos perfís biográficos que os Fisgas seleccionaron como probas, se non definitivas si definidoras, das actuacións do inefable Litis e dos seus coadxuvantes, pasaron sen máis á seguinte secuencia. A retentiva daquelas cámaras enfocou a tal momento para o Café Central, un centro típico de faladoiros, tamén coñecido por "A Xestoría", de tantos asuntos como alí se cocían e/ou ventilaban, segundo os casos. Isto é o que se percibiu:

-...

-¡Boa noite, don Bieito! ¿Que, qué tal? ¿Non se achega aos pecadores…, nin sequera para saudarnos? ¡Pois aquí non está a muller adúltera, aquela dos Evanxeos, así que connosco non peca! -Con estas verbas disparatadas, provocativas, o Alcalde convidouno á súa Alcaldía-bis, á segunda mesa, aquela do fondo do Café, ¡de poder a poder!

O Crego, feito un Capelán do señor Conde:

-¡Deus nolas dea boas, que falla fará; iso sempre! Pois si que me achego, si, que cara a vostedes viña; ¡en son de paz, por suposto, que non é para menos! Pero ese cualificativo non lles corresponde en exclusiva, pois na fraga do pecado todos temos parte: ¡Coido que é o terzo de libre disposición, xa que somos libres de caer no pecado, absolutamente! Ben o dicía un profesor que tiven eu, daquela, en Mondoñedo. Aquel santo preceptor, ademais de sabio era humilde; tan santiño, que el mesmo sachaba os repolos da súa horta..., ¡e iso que nos temos ofrecido para retiralo daquel labor!

-E logo, señor Cura, ¿que se lle ofrece? ¡Igual nos acompaña neste dominó…, agora que somos catro! ¿Ou é que non lle gusta dominar?

-¡Ai don Manuel, don Manuel, vostede sempre con ese carácter, con ese humor; e que Deus llo conserve por moitos anos, que máis vale o coñecido...! ¿Así que trouxeron ao Técnico, ao señor Secretario...? ¡De seguro que foi para inicialo nestes pecados do café!

O aludido, que xa levaba tempo en pé, coa man disposta, pero máis ben de lonxe, que era dos que acostuman dar a punta dos dedos:

-Aurelio; Aurelio é o meu nome; para servilo! Como se dicía daquela da miña crianza, para servir a Dios y a usted. ¿Mais, pódese saber cómo é que me recoñeceu..., así, de súpeto, sen ser presentados?

-Iso élle fácil, que o dixo o propio Xesús: ¡Polo seus froitos…! Aquí, ben acompañado como está do señor Médico, e do propio Alcalde, as forzas vivas máis vivas desta bisbarra... ¡Que digo de vivas, vivificantes!, só podía estar o señor Secretario, pois, para ser outro deses amiguetes que veñen á troula, hoxe non é día troiteiro!


-¡Moi perspicaz, si señor! Pero séntese, aquí, connosco, don Bieito, que eu achégome ao Xefe, ao señor Alcalde. ¡De cuios son a sombra, que por algo lle oficio de Secretario!

-Sentarei, si; pero aquí, nestoutra cadeira, cabe do Médico, que casualmente...; ¡vaia, vouno dicir, que eu viña de consulta!

-E logo, señor Abade, ¿vai confesa-lo noso Matasáns? Non me estrañaría, que levamos unha tempada con poucos enterros nesta bisbarra. Se non fose polos que emigran para esa Europa, co que aquí se fornica non habería pisos abondo; non chegaban; ¡polo menos aquí, na Vila!

Aquel Cura, ademais de pacífico e de pacificador, algo pailán si que era. Pobriño, un pailán naquel ambiente de lagartos...; ¡lagarto, lagarto!

-¡Cando eu digo que o humor de don Manuel é cousa seria...! Mais, xa que imos pola beiravía, vou ser franco...

-¡Anda este! ¿Don Bieito, e non será un milagre, moito, ser todo iso sen deixar de ser quen é? ¡Un Arcipreste coa capa pluvial, pase, que ata lle senta ben, pero, un bieito baixo palio, tal que Franco...!

Aquel Crego, de latíns, si, algo, pero de anfiboloxías, pouco:

-¡De franqueza, señor Alcalde; quero dicir, e dixen, de franqueza, que quen me dera te-la santa ira que lle entrou ao Noso Señor, daquela, daquela que fustrigou aos chaláns do templo!

Manuel seguía teimudo, de poder a poder:

-¿Que dixo de que non ten ira…? ¡Ai logo non sei quen é ese que toca os sinos cando demoramos un minuto, aí no adro, nada máis que para saudar aos veciños, ás mesmísimas portas da igrexa! Pero non acabou de contarnos: ¿Qué precisa do Médico? ¡Señor Cura, se ten algunha enfermidade desas, das secretas, daquela, nós, á barra…, para deixalos en confesión recíproca, e que lles preste!

-¡Don Manuel, temo que si, pero non é secreto, que ultimamente ando frouxo da memoria!

Salmonte aproveitou aquela suposta "frouxidade" para meterse co Crego, outra volta, co mesmo pracer de sempre:

-¡Mentres non sexa do ventre...! Que lle fraquee a memoria ao Abade é unha cousa boa, que así esquécese do que sabe de nós...; ¡toda esa porcallada do confesionario! Por certo, xa sei que os microbios bulen, pero nunca lles preguntei aos Curas se os pecados morren instantáneos, no mesmo confesionario, ou se permanecen vivos por algún tempo, tal que infestando os arredores. ¡Ja, jaa, ja! -Riuse Manuel, el só, da súa propia, suposta, broma; e menos mal que o Párroco non llo tomou en consideración.


-Por aí vai ben, señor Alcalde, que o meu fallo de memoria, neste intre, consiste en que perdín a conta das semanas que levo sen poder dicir aquilo, por outra banda tan grato, de "Dignísimas autoridades, queridos fieles..."

O "dignísimo alcalde" pregouse, débil aos afagos, e á vez tolerante cos outros poderes:

-Sendo así, tereille que ir á Misa, mañá mesmo, que é domingo. Fareino por dúas motivacións: por caridade, e tamén por unha cuestión de orde pública, que non é cousa de deixalo só, cun cento de beatas ao seu redor, adorándolle nas saias. ¡Iso é moito perfume para un par de narices! ¿Ten voto de castidade, non si?

-Esas beatiñas, -subliñou o Párroco, por excepción bastante agre, -sonlle unhas señoras moi honorables; ¡á carta cabal, do mellorciño de Churiz! Cumpren cos seus deberes, cos públicos e cos domésticos. Mire como é a cousa, que indo á Vespertina, non por iso deixan de volver, ao día seguinte, á Maior. Fano por piedade, desde logo, pero tamén para luci-la igrexa, para darlles exemplo aos..., ¡digamos que, aos desleigados! ¡Que Deus llelo pague, miñas santas!

O Médico, Lucas, atento a mante-lo seu rol de forza viva actuante, se ben nunha posición laxa, discreta, de franco tirador, non perdía ocasión de facer luvas co Salmonte:

-¡Manoliño, Manolón, vaia trebón que che caeu enriba..., pola túa incontinencia! Á verbal me refiro, que da outra, como di o Párroco, ¡polos seus froitos...! ¡Que si, home, que si, que aos Curas non se lles pode falar de mulleres; materia tabú, polo pouco, para un século, ou para século e medio, que iso calculo que tardarán en deixalos casar..., pola Igrexa! ¡Ja, jaa, ja! Coas túas, puxeches nervioso ao San Bieito, e arestora, coas farmacias pechadas... ¿Que, qué opinas dos dramas eróticos destes eunucos, querido Secretario; faste o ídem, ou qué?

O aludido, novato era, pero nalgunha parte aprendera, xa, aquilo de bañarse e garda-la roupa, todo á vez:

-Aínda non coñezo os costumes, que acabo de incorporarme ao Concello…; nembargante, suxírolles que hoxe busquémo-la paz, e mañá a gloria, con ou sen célibes, que iso de eunucos..., ¡non o creo! ¿Non me preguntan o cómo? Pois, por exemplo, xogándolle ao Párroco algo que sexa...; ¡algo importante!

-¿Máis importante, máis aínda, que esa tila que lle receito eu, precisamente para calmalo polo que sufre este mártir por culpa dos pecados alleos? -Provocounos o Médico, que por ser o máis vello, e á vez o máis antigo dos do Municipio, actuaba con ínfulas de decano.


-¡Máis! Pola miña parte xógolle aos puntos a promesa de quedarme aquí, sen ir á Capital, tódolos domingos que coincida feira. Así ireille á Misa, como desagravio...; digamos que polos pecados alleos, polos desa chusma que pasa por aí, a miúdo, por diante da súa igrexa, e que nin para ela miran; sequera é bastante monumental, demasiado, que noutras circunstancias, se eu mandase...; ¡velaí un bo espazo para amplia-la Praza de España, que hoxe non ten, entalada como está, a grandeza que corresponde a tal denominación!

Aquel Médico non acougaba; tomoulle as pulsacións ao Aurelio:

-¿Non será máis certo, señor Secretario, que nestes domingos de feira estes paisanos da pucha, estes labregos da bisbarra, adoitan cobra-lo seu xato, e daquela...; daquela, de paso, páganche eses asesoramentos que lles quitan o sono; eses do, "¡Descoide, amigo, que ese asunto está en boas mans, nas miñas!"? ¡Ah, pillín, que te coñezo; pero a nosa diferenza está en que eu veño das cociñas, pásolles polas cociñas, ademais de frade, e xa vos anticipo a miña pretensión de acaba-los meus días de Alcalde...; calquera día, tal vez polo próximo San Martiño, ou ao outro día!

Aquela indirecta, máis ben grotesca, improvisada, pero acaso profética, pasoulle desapercibida ao Salmonte, que só lles temía aos relevos ordenados desde o Goberno Civil. Pola súa parte, o beato, o Bieito, debía mediar e mediou, que en definitiva aquel rife-rafe ás tres bandas algo tiña que ver co seu ministerio:

-Doutor, prégolle que non semente microbios, que aquí don Aurelio non esta vacinado para estas bromas tan...; ¡déixeme chamarlles, heterodoxas! Ese xesto agradéceselle, no que vale, pero, se perdo eu, ¿cal será a miña prenda, que aínda que non fixen votos de pobreza, rico non son?

-Sairalle barato: ¡toma-la tila do Galeno; canta lle receite!

O Párroco conformou, encantado, que non lle conviña que os fregueses notasen ningún tipo de desavinzas co resto das Forzas Vivas, suposta flor e nata daquel catolicismo, mandante, que non reinante, pese ás aparencias, aos fastos e ás fasquías:

-¡Por min, acepto, pero mellor xoguémo-los catro! ¿Imos a individuais ou por parellas? Pola miña parte propoño que decida este Doutor, xa que é o máis xefe de todos, ¡suposto que témo-las nosas vidas nas súas mans!

Tornou o Médico a polos seus foros, cachondeos á parte:


-Facelas cos Curas non me parece ben, que iso das "parellas" é cousa da Garda Civil. Por outra banda, aquí nada se dixo da aposta, da definitiva, pero, o que é por min, señor Alcalde, conformo co ditame do Secretario: ¡Eu serei o bruxo desta tribo, pero o supostamente legal é don Aurelio, por máis que, Salus pópuli suprema lex est!

Aquel Alcalde-Presidente quería dici-la última palabra; de sempre e para sempre:

-Iso do Secretario...; pero por min acéptolle-la proposta, que aínda que leva poucos días connosco xa puiden contestar que é un home; si, si, un home de ben; o que se di, un home!

-Don Manuel, non sei se caería nun lapsus linguae... -Besbellou o señor Cura, timidamente, beatificamente.

O aludido, cunha ollada de rinoceronte, listo para turrar:

-¡Hai que ver cómo nos envolven estes Cregos coa broma do seu latín! ¿Onde pequei, ou en qué, se pode saberse?

-Don Manuel, vostede dixo "contestar", e se cadra quería dicir "constatar". Pero iso non é importante, que foi tan só unha broma das miñas…, para imitar en algo o seu bo carácter, ese humor seu, habitual, cotián; e que Deus llo conserve!

-Daquela..., ¿daquela sabe que lle digo, señor Cura? ¡O mesmo que a don Aurelio! Que a miña función, amais dese humor que di, é poñe-las ideas sobre da mesa, que para poñe-las andrómenas, tal que as gramaticais, xa teño un bo Secretario, ¡destes do Corpo Nacional!

Percibíase, a xulgar por aquelas escenas, que Aurelio nadaba a pracer naquelas augas chocas, chocas e choscas, do seu Distrito de Churiz:

-Desde logo, don Manuel, desde logo; tan compracido que estou de atoparme ás súas ordes neste Gran Churiz, nesta Vila de tanto señorío, tan rica en criadas, encoifadas e manteladas, con tanta caza, de tan bo pelaxe...; ¡tanto, que aquí, con tantos animais, coido que a virtude está na cinexética!

O Alcalde, que xa o coñecemos, tiña un coeficiente ínfimo, así que, fóra das rutinas coloquiais, cero!

-¡Ai, ho, o que é por min, caza e pesca, ás dúas mans, canto poidas, que por bechos, aquí, á esgalla!

-¿Daquela, podo...; incluso nos coutos, no seu vedado? ¡Olle, Xefe, que hai testemuñas, e adoito prevalerme delas!

Tal obxección pareceulle ociosa ao Salmonte:

-¿Ti pensas que ese chifre, ese Gardarríos, ousa atreverse co señor Alcalde, comigo? ¡Tes a miña licenza, con testemuñas ou sen elas!

Cada un ía ao seu; e o Médico tamén, pero ese tiña os ollares máis utópicos:


-Pois eu, como Doutor, e como futuro Alcalde..., para cando veña a Democracia quero dicir, ditamino que nin o noso señorío, nin as riquezas naturais deste Churiz, abondan como para reanima-la xente. Toda a forza se nos vai en cartuchos de salva, ¡de salva sexa esa parte! A verdade, falando en serio, é que precisariamos algunha industria, desas de choque, para remedia-lo noso paro, que o temos atroz, pero encóbreo isto da emigración..., ¡se non forzada, si fomentada!

O Secretario, tamén ao seu; insinuando, que non dicindo:

-¿Doutor, queres industrias? ¡Pois por iso non te preocupes, que xa lle axudarei, eu, ao señor Alcalde, a crealas, que esas intencións traio, e nelas ando..., dacabalo delas!

O señor Cura, que oíra falar dos Polos do Desenrolo, viu cae-lo maná para os seus fregueses:

-¡Dá gloria falar con estas autoridades, mesmo providenciais; tanta iniciativa que teñen, tan doídos do próximo, tan ocorrentes...!

Salmonte, feito o que realmente era, un pavo real:

-¿Ve como é a cousa, señor Cura? ¡E despois di que non lle vou á Misa! Pois, mentres vostede reza, eu doulle ao mazo...; ¡ao da industria, por suposto!

Escapábaselle pola tanxente con aquel argumento, así que lle botou un lazo dialéctico:

-¡Home, tampouco é así, que aínda que Deus ande polo Consistorio facendo extras, ou mesmo aquí, neste Café, o sitio propio para rezar é a nosa igrexa, particularmente a Parroquial! Por outra banda, que dea gloria falar con vostedes tampouco lles outorga, ou preconiza, unha certa santidade; ¡digo eu!

Ao outro día houbo milagres, en efecto, que esa impresión tivo o Párroco desde o altar, así que centrou a súa prédica nun discurso Nacional-Católico do máis clásico por aqueles tempos:


-¡Dignísimas autoridades e queridos fregueses! Hoxe, nesta homilía, observarán que vou empregar, por vez primeira, a lingua do pobo raso, séxase, o galego. Non se trata de que chochee, ¡aínda non, grazas a Deus!, nin de que volva aos falares dos nenos, iso que chaman lingua materna... Non, non é por aí, meus irmáns ben queridos. Trátase dun ensaio de pastoral que, segundo as miñas novas, ¡que non instrucións!, acaba de recomendar ese Vaticano II na súa Acta número...; coido que é na sesenta e tres, onde di que se utilicen liturxicamente, paulatinamente, as linguas vernáculas. Ben; pois non me deteño en explica-las vernáculas, nin tampouco os Comunicantes, pois para estes casos xa os ten a Santa Igrexa... Isto é para que non se lles faga tarde aos que queiran darse unha volta pola feira para defende-los seus intereses, naturalmente, ¡cousa que sempre é lícita!

Empecei como de costume, con este saúdiño de "dignísimas autoridades e queridos fregueses", pero tamén sería verdade se lle dese a volta, pois, entre estas queridas autoridades hoxe témo-la satisfacción de vernos honrados coa exemplar presenza do señor Secretario. Dámoslle, pois, a nosa benvida máis cordial a esta asemblea de veciños. Tamén percibimos, e celebramos, que don Aurelio tivese a amabilidade de sentarse no banco dianteiro, aquí mesmo, por xunto do altar, cousa que moito di da súa intelixencia, que así evítalles aos fregueses que teñan que volve-la cabeza a ceacú, para atrás, por esa natural curiosidade de fixarse nunha autoridade tan nova, tanto, que aínda non tivo tempo de perverterse nas tabernas desta Vila tan...; ¡terei que dicilo, por moito que me doa: pecadenta!

Xa saben que non adoito falar desde este púlpito das cousas profanas, que para iso está o adro, mais pareceume que non é profano darlle unha calorosa benvida a quen tanto lucirá, a quen tanto nos honrará coa súa presenza, maiormente nos actos litúrxicos.

Ben, ¡iso xa está! Agora, falando deste púlpito, do púlpito mesmo, teño que dicirlles, para ser sincero, que neste arrasamento do Concilio, este Vaticano II, ¡que mais que vaticar, batuca!, propuxéronse abaixarnos aos Presbíteros para subliña-la humildade do Pastor, que iso din! A min dáme igual, que por moito que me abaixen, de presbítero non me abaixan, pero vosoutros algo perderedes; ¡moito! Desde aquí arriba, como témo-lo púlpito no medio da igrexa, óenme mellor eses dos bancos fondeiros, pero con este anovamento gañarán os distraídos, que así poderán falar máis comodamente cos veciños do seu asento, ¡e menos mal que as veciñas reclínanse do outro lado!, sen que eu lles poda botar unha ollada…; ¡iso, de advertencia e de reflexión! ¡Neste mundo, a sorte, a astucia, sempre é dos pillastres!


Con estas novidades non me vai quedar tempo para explicárvo-lo Evanxeo en condicións, ¡segundo está mandado! ¡Vaia por Deus! Este Concilio, en vez de conciliar, revólveo todo, ¡vaia por Deus!, que polo visto tamén quere recomendar que a Santa Biblia se lea, ¡nas casas! ¡Que vos parece, nas casas, coma os protestantes, que nunca tal cousa esperei! A Biblia Católica, por suposto, ¡faltaría máis! Así que terei que recomendar que a vaiades mercando, sequera os Evanxeos, que despois, aquí na igrexa, teremos que facervos como nas escolas, ¡toma-la lección! De interpretacións, nas vosas casas, ¡nada, en absoluto, que non sabedes facelo! Iso sempre vai de conta nosa: Doutores ten a Igrexa, como di o Astete, que volo sabemos explicar; ¡perfectamente, por suposto!

Observade, queridos irmáns no Noso Señor, que xa chegamos ao primeiro domingo de Novembro. Pasámo-los Santos, e detrás quedan os Defuntos, así que estamos de camiño para o Advento. Tempo de reflexión, meus irmáns; de preparación e de arrepentimento. Esta é a ocasión de facer algo polas ánimas dos defuntiños; axudarlles a pasa-la ponte do seu Purgatorio, coma quen lles axuda aos cegos para chegar á feira, onde reciben a caridade dun refresco longamente esperado; ¡quere dicirse, un socorro salvífico!

Pois precisamente por culpa destes socorros, para facilitárvolos, estarei aquí, ao pé deste altar, despois da Santa Misa, sacrificando a miña polbada para axudarvos a libera-las vosas ánimas; ¡cantas máis, mellor! Baratiños os responsos; os meus, coma sempre, incluso os repenicados, que volos estipendio ao prezo deste último ano, para que non vos queixedes do voso Párroco, ¡inda que suban os becerros!

Credo in unum Deum...