RONDA LESTE “VERSUS” CAMIÑO DO CANTÁBRICO
Por Ricardo Polín
Un bon amigo, crego en Santiago de Fóra (Castelo) chámanos alarmado porque as obras da Ronda Leste ao novo hospital de Lugo non só tronzaron o Camiño Primitivo de Santiago en San Cibrao senón tamén a calzada medieval á costa lucense pola Chaira oriental, a “via regia” do Norte ao enclave estratéxico lucense. É o malo que ten esa obsesión por circunvalalo todo en sentido contrario á lóxica da camiñería histórica, ao revés das agullas do reloxo da paisaxe construída: ir fendendo os pasos tradicionais e a disposición natural de valados e parcelas.
Segundo acordamos no Comité Asesor do Camiño, a vía primitiva salvarase por unha pasarela. Algo é algo. O vieiro da Costa non goza dese grao de protección e corre o risco de perder a continuidade no tránsito, o curso da historia.
Esta rota asturgalaica, camiño real de Meira e Ribadeo polo interior, asenta sobre a calzada romana que comunicaba o campamento de Andión e os castros romanizados de Viladonga e de Duancos. Unha “antiqua vereda” pola que arribaron á cidade sacramental peregrinos chegados ao
porto ribadense e camiñantes que vadeaban a ría do Eo sobre a desaparecida ponte de San Tirso de Abres; tamén tratantes de ferro e de sal, ou artistas formados nas forxas e talleres monásticos de Meira.
Esta que en 1027 era citada como “illa verea que vadit per ad Villa Plana” (Vila Chá), polas beiras do condado de Superata, forma unha unidade inseparábel co mosteiro cistercense de Santa María de Meira, entroncando en sentido transversal co camiño real de Castela a través da Terra de Baleira, das chairas da Pastoriza e da Calzada mindoniense, así como dun desvío moi pouco estudado cara o hospital de San Martiño de Bolaño en Castroverde (onde os pobres peregrinos eran recibidos con auga, lume e sal) e o mosteiro de relixiosas de Santa María de Moreira, con matriz en Meira.
Ás portas de Lugo, no arrabalde da Chanca, forma unha valiosa encrucillada histórica co Camiño Primitivo a Compostela. Alí, un carballo vello e singular –que de estar protexido, non tería padecido severos atentados ultimamente- é o fito que lembra esta conexión que a vía cántabra alcanza desde o alto de Pedreda, deixando atrás dominios de Pol e Riotorto, por Santa Comba de Órrea, San Martiño de Ferreiros e Torneiros, As Pedreiras, Ludrio, Mondrid e Lousada, transitando entre Labio e mais Rubiás, antes de pisar os montes de San Cibrao por A Laxe, Cima de Vila e O Castro.
Nestes predios anda agora o problema da Ronda Leste ao novo hospital, un treito de vía histórica que cómpre volver a conectar, o que entra en Cima de Vila polas Leiras e se desvía no fermoso rochedo das Penas Apertadas, coincidindo co asentamento das ruínas da antiga capela de San Cibrao, referentes topográficos que no catastro do Marqués de Ensenada serven de divisoria coas propiedades comunais dos veciños de Pedreda. Sería conveniente e urxente, ter mao do sendeiro antigo que desde a casa do Zoqueiro conduce ao atallo do Camiño Vello, en paralelo á rúa do Liño pola traseira das vivendas, deixando á esquerda topónimos ben significativos como A Regueira, a Agra de Tras do Camiño e O Cortiñeiro, tradicional vieiro cercado de árbores lindeiras que no seu pronunciado descenso da Costa era coñecido como Camiño do Monte, antes de abrazar a rota francesa de Oviedo no Agro do Couso, en Santiago de Fóra (Chanca arriba).
Unha vía histórica que comunica en Lugo os camiños Norte e Primitivo e que sería unha mágoa deixala cortada, máxime sabendo que desde Santiago de Abres hai dúas décadas que vén traballando para a súa promoción a asociación astur-galaica da costa que preside Joaquín Miláns del Bosch, así como a asociación provincial de Ángel Trabada que ten plantado os primeiros marcos de sinalización con apoio da Deputación lucense e varios concellos.
Dito queda.
No hay comentarios:
Publicar un comentario