Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

25 enero, 2009

Novo artigo de Ricardo Polín

TERRITORIO HISTÓRICO: PARQUE EÓLICO “FARRAPA II” (Abadín)


Por

Ricardo Polín

(ver a ligazón)

Doutor en Filoloxía, Profesor, Escritor e Investigador


Visitado outravolta o lugar e inspeccionados de vagar os distintos elementos patrimoniais que o configuran, concordo co informe elaborado polos servizos técnicos ao respecto, reafirmándome na conveniencia da proposta de delimitación como territorio histórico do Camiño Norte o espazo físico comprendido entre a liña de cristas das serras na súa cota máxima por ambas marxes da rota xacobea, toda vez que esta pequena valgada actúa como corredor natural para o paso da vía costeira cara a Terra Chá e viceversa en sentido Mondoñedo deste tempo inmemorial, constatándose que a morfoloxía desta cunca visual e a súa peculiar orografía, así como a proximidade das vagantas laterais, ampla visibilidade e conexión intrínseca da paisaxe por ambas abas da montaña a dereita e esquerda do Camiño, propiciaron non só a apertura desta rota milenaria que actúa como eixo vertebrador dos asentamentos humanos ao abeiro das serras, senón tamén a progresiva construción dun tecido viario moi antigo de carácter radial ou transversal, incluíndo viais de tránsito prehistóricos, perfectamente conectados co eixo camiñeiro principal sobre o que se conformou a calzada compostelá, e por ende, o asentamento dos núcleos tradicionais de poboación, fundación de burgos medievais e núcleos castrexos orientados ao sol e aliñados a media ladeira en torno ao Camiño de Santiago por ambas beiras (Romariz, Labrada, Montouto, Gontán, Candia, Castromaior... ou San Vicente, Sasdónigas, Galgao, Abadín, Abeledo, Cabaneiro, As Goás, etc), unha trama urbanística tradicional de cuxa estreita vinculación coa rede camiñeira antiga dá boa fe a abundancia de elementos etnográficos, fitos e construcións propias da arquitectura camiñeira diseminados polas vellas encrucilladas situadas na caída da montaña ou ao pé dos camiños, nomeadamente unha ampla variedade de cruces de pedra, petos de ánimas, pequenas capelas rústicas como a do San Antonio de Abeledo ou a de San Bartolomeu en Cabaneiro, camposantos, cemiterios neogóticos e cruceiros ao rente das vereas vellas, fitos da pedra que son herdanza da ilustre estirpe dos canteiros de Román liderados pola familia dos Carboeira, cuxa influencia e labor alcanza estes lugares.

Neste sentido, dado que o valor paisaxístico da cunca camiñeira e a súa unidade e contextualización representan o principal recurso cultural e ambiental do Camiño Norte neste ámbito concreto, a delimitación do territorio histórico do mesmo deberá ser respectuosa con esa mesma unidade e visibilidade, salvagardando os fitos naturais e arquitectónicos inherentes e evitando a interferencia de actividades e construcións agresivas ao carácter do espazo de referencia.

Ao respecto, cómpre salientar a dimensión cultural e simbólica -non só como importante referente xeográfico- que ten adquirido a Serra da Corda (tamén denominada Monte de Neda, Cordal de Neda, etc) ao longo da historia comarcal. Baste citar que o cumio de O Marco –vértice xeodésico no que se asenta unha agresiva emisora ou repetidor- está conceptuado como un dos puntos ou miradores que ofrecen a mellor vista panorámica sobre os vales fluviais da Terra Chá, o Monseivane e os montes de San Simón da Costa, incluíndo nesta excepcional circunstancia mesmo o propio camiño de ascenso á Corda ou Monte Neda, tal vez unha das mellores estampas paisaxísticas do Camiño Norte no territorio galego, dominando dunha a outra valga o paso da rota xacobea por esta panorámica ben definitoria da beleza que representa o tránsito da comarca chairega á mariñá xusto no seu punto de inflexión orográfica. De feito, o escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro sabía ben do valor identitario da serra da Corda, definíndoa coma o lombo dun animal antidiluviano que tiña a cabeza en Abadín e o corpo chegaba a Mondoñedo, permitindo o paso do Camiño de Santiago polas súas angosturas, un enclave espacial situado na que el mesmo denominou como “Terra de Miranda”, tan determinante na súa obra, un elemento paisaxístico ben característico do que se deu en chamar “espazo xeoliterario”, “xeoliteratura” ou “xeografía literaria”, no que asentou o que o poeta de Abadín don Aquilino Iglesia Alvariño –unha das mellores voces contemporáneas- denominaba “o parnaso da Corda montañesa”. Alí, na aba occidental da serra da Corda ou de Neda, aséntase a romaría do San Cosme de Galgao e o seu santuario, un dos máis carismáticos e vivos do norte de Lugo, citado por todos os autores da comarca.

Mais tal é a relevancia sociolóxica, xeográfica e cultural da Serra da Corda que mesmo ten dado pé a dividir o ámbito comarcal en dúas áreas ben diferenciadas, sendo aínda hoxe o día en que os escritores e as xentes do outro lado, cara os concellos da Pastoriza e de Meira, autodenomínanse “de Tras da Corda”. A súa voz máis sobranceira é o novelista pastoricense Carlos García Reigosa, quen fixo desta serra, as súas xentes e costumes, o motivo e tema esencial de obras tan emblemáticas como Homes de Tras da Corda ou Intramundi, entre outras. Este autor defínea como “Unha serra pra andar de vagar, sen présa, pra que os homes, pola mediación da natureza, se aveñan e se amiguen consigo mesmo e co seu destino. Uns montes entrañables para quen os coñece, os ama e sofre lonxe deles”. O mesmo escritor, nativo da Lagoa, incide outravolta na dimensión sociolóxica e histórica deste microcosmos afortunado no plano xeoliterario (El Progreso, 29-06-1988): “A Corda é unha unidade xeográfica que une, e non separa, os concellos de Pastoriza e Abadín, e que un día era algo diferente, pois tiña dúas caras: unha cara de ‘diante’, cunha carretera xeral que pasaba cara Asturias e determinou unhas formas de vida e información moito máis avanzadas que a parte de ‘atrás’. A min interesoume sempre a parte de atrás, da que nós somos, e que naturalmente estivo pechada ata o ano 68. Sen vías de comunicación, nin luz, nin carreteras. Iso foi determinando que a serra separaba dúas partes: unha adiantada e outra atrasada. De tal xeito configuraba isto dous modos de vida, que naqueles tempos unha muller de diante da Corda que casaba con un de tras da Corda dicíase que ‘casaba mal’, pois ir pra tras da Corda era ir para o medio de homes brutos e salvaxes. Ó abrirse as carreteras por este lado, desaparecen esas diferencias, e hoxe a Corda é xa unha unidade cultural, ademais de xeográfica”.

Adoita ser habitual, xa que logo, que turistas e peregrinos suban cadora máis ao alto da Corda –igual que o fixeron desde sempre as xentes da comarca- para se asomar e contemplar esta galería sobre o Camiño Norte adentrándose na Chaira cara o solpor. Un lugar privilexiado cuxa visita está a se converter xa nun ritual polos seus valores paisaxísticos.

Así pois, un ámbito territorial de carácter histórico, nítido, ben definido no físico e no espiritual, estreitamente vencellado ao Camiño Norte dado que se constituíu no seu eixo viario e elemento vertebrador, e que comprendería o corredor formado pola cunca visual que se prolonga entre as ladeiras dos cumios do Monte Toxoso en Candia e a súa prolongación cara os montes da Santa Cruz e a Pena da

Roca mindoniense en sentido nordés, e o Alto da Abelleira (parroquia das Goás), seguindo a serra da Corda ou Monte de Neda cara Mondoñedo en sentido suroeste, onde se ergue sobre o horizonte da cimeira a capela do Santo Cristo do Fiouco, outro dos santuarios de gran valor cultural asentados sobre A Corda nos vellos camiños transversais á capital do antigo reino que foi Mondoñedo e que confluían sobre A Calzada na Ponte do Pasatempo.

Fermosa valgada cos seus estreitos vales e vagantas nos que se conformou o núcleo de Gontán, sobre o Camiño Norte, aproveitando o tránsito astur-galaico en ambos sentidos polo camiño da costa ou Camiño Norte, de aí que a súa feira tradicional sexa unha das máis antigas e de maior raizamecomoacontecementosociolóxico -ao pé da Corda- de todo o Norte galego, xunto coas San Lucas de Mondoñedo.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Moitas gracias pola ligazón! Agradécese!

ricardo coma sempre, perfecto, describindo con todo detalle toda a súa sabedoría do camiño.

Un saúdo a todos os amigos do patrimonio!