Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

23 febrero, 2012

XORNADA DE COOPERATIVISMO NA DEPUTACIÓN DE LUGO (15 de Febreiro de 2012)

 
O COOPERATIVISMO, fórmula contra o despoboamento no mundo rural


Presentación: A Vicepresidenta 2ª da Deputación, Lara Méndez,  presentou a Xornada a realizar, dende as 4 e media até ás oito e media, tratando de atopar a solución ao despoboamento, que na última década sobrepasou os 12.000 habitantes, sobre todo no rural.
A continuación, o Presidente da Mesa dos poñentes Xosé Gabriel Vázquez recalcou a importancia do tema, pois sen xente non hai nen paro nen sociedades…, presentando a continuación ao Profesor Francisco Sineiro, quen usando diapositivas e partindo do feito de que os pasamentos superan ao nacementos, entre as posibles solución, estudou largamente o cooperativismo e o asociacionismo, con e sen ánimo de lucro ou reparto de beneficios. Destacou a importancia dos programas europeos LEADER e PRODER, así como os CER ou Centros  de Economía Rural en Francia, que teñen por obxectivo apoiar aos emprendedores con persoal contratado nos distintos niveis e necesidades.
Seguidamente foi presentado o  Sr. Catedrático de Xeografía e Ordenación do Territorio Adrés Precedo, quen expresándose en Castelán falou da problemática dos Concellos pequenos de 1.500  a 5.000 habitantes, cuxos problemas se quixeron abordar co Plan de Desenvolvemento Comarcal de Galicia, de hai 20 anos, que non funcionou e os problemas van en aumento. Algo parecido aprézase tamén coas Vilas e Poboacións de menos de 50.000 habitantes. Séguese vendo o campo como retraso e pénsase que o mellor é que “desapareza”. Pero así no hai reacción… A cooperación dos Concellos é necesaria, mesmo nalgúns casos a unificación ou supresión, operación que suporá dúas opcións: A adaptación e a equidade. O despoboamento, en que medida pode axudar  ou estorbar? É opinable, como tamén o é o modo de  reaccionar ante os desaxustes, que poden levar procesos diverxentes.
En terceiro lugar, despois da pausa do café, o presentador deu a palabra  ao Presidente da  Cooperativa ICOS, Javier Taboada, quen mediante diapositivas, foi mostrando o seu proxecto e realidade de Cooperativa nos Concellos de Chantada, A Barrela e Taboada, destacando o obxectivo de manter as explotacións gandeiras e os modelos productivos diferentes. Veñen traballando xa desde o ano 2.000 e demostrando ser un exemplo das nosas posibilidades económicas, e co noso. Similares modelos de cooperativismo son Coren de Ourense, Os Irmandiños de Ribadeo, etc.    
Seguidamente incorpórase á Mesa Juan José Dáz Valiño, Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos e Moderador do coloquio, quen volveu previamente sobre a conxunción dos Concellos, tratada polo Sr. Precedo, recalcando, como contactador entre os Concellos da Deputación, que donde hai Cooperativas hai progreso, se non, non; sendo a nosa provincia nun 80% Reserva da Biosfera, dito de outro xeito, lugar previlexiado. O Sr. Xavier Taboada respondeulle que se trataba dun problema de Xestión, razón pola que ICOS non dera pasado á provincia de Ourense, tendo en conta a Globalización e a presencia de China. Pódese reproducir o que pasou con COMPLESA, que despois de pasar a mans privadas agora é francesa. O contrario do que pasou con Uteco e Caixa Rural, sustituidos por ICONSA e a cooperativa IRMANDIÑOS. A isto engadiu o Sr. Precedo a súa experiencia en Navarra, en 1980, onde todo eran cooperativas nos distintos produtos, crían no cooperativismo, o que non ocorre aquí. Non obstante Xavier Taboada di que agora van cambiar moito as cousas, pois díxose que o motor económico da provincia está no campo. Logo estas ensinanzas tiñan que facerse tamén polos Concellos, superando os marcos mesmo comarcais, con incorporacións voluntarias. Nesta liña vai o Centro de Recría da Granxa Gaioso Castro. Alguén máis puxo de manifesto o problema do despoboamento universitario, provocado pola emigración ou a consabida fuga de cerebros.
Sendo case as 20 horas, tivo lugar, baixo a Presidencia de José Ramón Gómez Besteiro,  a presentacióndo libro LUGO REACCIONA: debate con propostas de futuro contra o despoboamento demográfco.  Nesta presentación, O Sr. Presidente da Deputación agradeceu a numerosa asistencia dos Poñentes e Asistentes, cedendo a palabra a Xosé Gabriel Vázquez Fernández, Coordinador e Introductor do citado Libro, quen agradeceu a colaboración do Sr. Presidente, por permitirle exercer de lucense na confección  do libro, e tamén a dos restantes cinco poñentes, que figuran no Índice do mesmo.
Pechando esta 1ª XORNADA, Xosé Ramón o Presidente obsequiounos a todos cun exemplar deste primeiro e significativo LIBRO.  
Pepe Yáñez.

19 febrero, 2012

CARNAVALADAS



En Castroverde, polo menos en Castroverde, nos tempos da miña crianza, só era Carnaval unha vez ao ano; agora, ¡os tempos avanzan que é unha barbaridade!, Carnaval é todo o ano, coa excepción do 28 de Decembro, mal chamado de Inocentes, pois a verdade é que diso xa non queda, ¡nin sequera en Castroverde, que é onde máis verdes estamos, por pura ecoloxía, non se pense mal!

Na década dos Trinta, díxose que os de Montecubeiro eran uns precoces por defender unha República menor de idade, cando aínda non morrera o Rei. ¡Desterrado si, pero morto, non! Neste 2012, menos dun século despois, aquí na Coruña acabamos de ter un Alzamento, outro, ben distinto por certo: ¡Os nenos dun Colexio, que, armados con pistolas, formaron un Somatén de Sheriffs, en defensa das Tradicións, ao berro unánime de, “¡Abaixo as traizóns!”. Eu, que casualmente pasaba pola Praza de Pontevedra, botei man da cámara… O caso de María Pita ese si que me pasou desapercibido, unha porque eu aínda non nacera, e outra porque daquela non había cámaras fotográficas, pero esta, a de hoxe, si que a paso á Historia Patria!

-¿Qué traizóns houbo? –Pregunteilles timidamente, pois os vellos non estamos para correr nas algaradas, e hai que ser prudente. -¡Cales van ser, as dos políticos, que de ser un país rico de xente pobre pasáronos a ser un país pobre de xente rica, de xente enriquecida á costa dos pobres! ¡Pero vostede, como é un vello non o vai entender! –Rapaciños, na miña crianza, aló en Montecubeiro, e na Meda tamén, a crítica política faciámola sen armas, ou mellor dito, só cunha espada, mediante un Tribunal de Sentenzas, e cortándolle a cabeza ao galo! -¿Daquela, qué simbolizaban no galo, co galo? -¡Moi sinxelo: Só había que atribuírlle ao galo aquelas desfeitas do caciquismo…! -¡Pois nós, outro tanto, que tan indignados estamos, que arremetemos contra os defraudadores, contra os incompetentes…, ou máis exactamente, contra aqueles que fan mal uso das súas competencias!

A idea non me pareceu mala, así que non só os retratei, senón que me sumei á protesta. ¿Ou é que os católicos non temos dereito a protestar, sempre vai ser poñe-la outra meixela?

                              Xosé María Gómez Vilabella

15 febrero, 2012

ENTROIDO 2012

MISCELÁNEA




               Seguimos facendo camiño


Seguimos, seguimos e sigamos, facendo Camiño,  a imitación do Miño, noso modelo exemplar, que por algo, alguén, tivo a feliz idea de comezar, coma o Miño, da Irimia no seu Pedregal. ¡XXXV, trinta e cinco anos, trinta e cinco pasos, trinta e cinco pegadas, pero aínda faltan máis! Daquela, coma o Miño, somos criaturas a medio criar. ¡Sigamos, pois, que é moito o que nos queda por andar, moito o que temos que ensinar, o que temos sen regar!

¿Qué nos ladran os cans no Camiño? ¡Razón de máis para seguir, para abri-la vereda…, se á nosa Meca, á nosa meta, queremos chegar! Camiñante, non hai camiño: ¡Faise ao andar! Daquela, andemos, andemos con soltura e con decisión, que niso temos a quen imitar, e imitando, imitarannos, como fixeron aqueles doce…, aqueles doce menos un, pois traidores tampouco nos faltarán!

¡Xa; e desde que chegue o Miño á fronteira de Portugal? Para comezar, non hai fronteiras, que todo é dos fillos de Adán; e de chegados á final, as augas seguirán vivas, máis salgadas aínda; de chegados á mar o noso camiño seguirá vivo, marcando estelas, trazando rutas…, para quen nos queira imitar!

As nosas vidas son os ríos… ¡Que si, Xurxo Manrique, que xa o sabíamos, pero fixeches ben lembrándonolo, pois, por veces, detémonos, outeando horizontes de grandezas, de riquezas, de apropiacións indebidas…! ¡Espellismos, bastos espellismos, miserias humanas, miopía…, tendo aló adiante, á fronte, no sitio das trinta moedas o tesouro inmarcescible da gloria eterna, testada co sangue de Cristo nada menos!

Ide e predicade o Evanxeo… ¡Non te pases, rapaz/rapaza, que iso incúmbelles aos apóstolos! ¿E ti qué es senón un apóstolo, o enésimo, un seguidor, un beneficiado da Boa Nova, pero tan egoísta que nin transmites o recibido; sequera ben nolo dixo a nosa Enriqueta, e iso que a tiñan por descrida: “Moito recibimos, así que temos a obriga de deixalo en herdanza, pero, mellorado, que tamén o fixeron os nosos predecesores!”. O Mestre dixo que El era o Camiño, a Verdade, e a Vida; daquela, con tal guía, ¿qué facemos aquí abaixo, parados, atendéndolles a eses cans que nos ladran? E xa que o Miño, noso padriño, vai parar ao mar, escoitemos ao capitán da nao, que a tal momento estanos ordenando desde a ponte vital: ¡Avante toda!

                                 Xosé María Gómez Vilabella

13 febrero, 2012

12 febrero, 2012

RESUME DO ROTEIRO A VACARIZA- CASTRO VERDE POR PEREDO-A FRAIRÍA-FOLGUEIRA-MARRONDO-CUBELAS-CASTRO VERDE. ITINERARIO PARALELO AO CAMIÑO PRIMITIVO

Desde a Veiga do Olmo ao campo da feira



Sábado, 11 de febreiro de 2012

   Neste sábado, algo frío de mañá, mais día cunha luminosidade xa case que de primavera, achégamonos ao alto da Vacariza ao pé do Camiño Primitivo para descender ata Castro Verde polos lugares arriba indicados; mais antes de comenzar a camiñata, achegámonos á Cruz de Pedra,( un cruceiro granítico sobre unha base de pedra con fuste e pequena cruz). Dicir que este cruceiro despois de vinte anos que a Consellería de Obras Públicas, na ampliación da estrada Lugo-Fonsagrada, derrubou o cruceiro e, o que era o propio Camiño Primitivo, meteuno de entullo para a nova estrada, en palabras de Ricardo Polín; temos que comentar tamén que, O Camiño Primitivo segue cortado na Cruz de Pedra da Vacariza, xusto no mes en que se presenta a súa candidatura a Ben Mundial da UNESCO, o que mostra a inoperancia da nosa administración canto á protección do patrimonio xacobeo. Como diciamos antes de emprender camiño achegámonos ao cruceiro para proceder a unha mínima limpeza e podérrmolo fotografar. Desde a Asoc. Amigos do Patrimonio, reinvindicamos que as Institucións correspondentes, procedan á limpeza e adecentamento da contorna e do propio camiño que nos levaría por Vilalle por onde iría o Camiño Primitivo orixinalmente, falamos de limpar, a penas, uns douscentos ou trescentos metros.
Logo da limpeza e fotos correspondentes descendemos, entre O Acebral e O Cuteiro, en dirección á aldea de Peredo, lugar nativo de Paco Pestana, membro da Asociación e escultor recoñecido. De Peredo á Frairía, onde puidemos visitar a súa igrexa, dicir que é un templo de tres naves separadas por arcadas de medio punto, apoiadas nun piar central. Nave central a dúas augas , armada sobre madeira con tres trabes tirantes. As naves laterais cubertas tamén a dúas augas, perpendiculares á nave central. Porta principal alintelada e, cornixa corrida delimita o frontón coroado por unha espadana de dous vans e, cimcio cun oco e tres pináculos. Presbiterio máis amplo cá nave e cuberto a catro augas. O retablo maior é barroco do século XVIII e dous retábulos ao sur.
Da Frairía por Nogueira ata Folgueira onde son de salientar a Fonte, Pazo e capela adosada ao mesmo. Capela adosada de planta rectangular. Muros de cachoteria onde se abre unha ventá. Cuberta de lousa a dúas augas. Na fachada principal ábrese unha porta que ten encima unha representación dun cáliz e unha hostia. A fachada remata nunha espadana dun van coroada por un pequeno cimacio cun oco remtada en dous pináculos e unha cruz central.
De Folgueira ao lugar de Marrando que pertence á parroquia de Marrondo, neste lugar e de salientar a Pena dos Mouros, situada na carballeira do mesmo nome, formación rochosa, de grandes dimensións que forma unha especie de cova entre as rochas que, pensamos que quedou como resto dunha desglaciación, lugar máxico, trátase dun abrigadoiro rochoso que por capricho da natureza arremeda a fasquía dun monumental dolmen. Este rochedo adoitaba ser refuxio dos rapaces que levaban o gando a pacer pola zona pero tamén está relacionado cunha fermosa lenda que conta que a Pena dos Mouros foi feita por unha moura fiadora que pasaba un día pola fraga. Seica a moura, que ía fiando na roca, cansada de camiñar e de cargar sobre a súa cabeza cunha grande laxe, parou a carón duns penedos a descansar e sobre eles deixou a pedra que levaba, de xeito que esa grande laxe acabaría formando o teito que cubre a Cova da Pena dos Mouros, lugar máxico, como moitos en Galicia que merece a pena de ser conservado. Reinvindicamos desde aquí a posta en valor deste lugar, tanto da formación rochosa coma do impresionante souto co que nos encontramos baixando camiño da pista que nos leva a Cubelas. Se este monumento e souto o tivera outro concello teríano posto en valor hai moito tempo.
Camiño de Cubelas puidemos ver dous muíños, un deles, o muíño de Bica cun cubo para almacenar a auga dunha profundidade que chama a atención.
Xa en Cubelas, salientar a súa igrexa. Templo de armadura de madeira cuberta a dúas augas. Fachada principal de granito con arco de medio punto na porta pricipal, cunha fiestra rectangular e unha espadana de dous vans.
O presbiterio máis elevado cá nave principal e cuberta a catro augas.
A sacristía pegada ao presbiterio e nave central cuberta coa prolongación do mesmo tellado. Posúe retablos barrocos.
De Cubelas polo Monte Queimado, chegarmos ao pé da Veiga do Olmo, para pasarmos polo campo da feira ata Castro Verde.
Pola tarde, algúns, fomos visitar a Cova da Valiña, con motivo da celebración do cincuentenario do seu descubrimento. Outro dos lugares emblemáticos do concello que temos que reinvindicar.


Saúde, Terra e Lingua

Manolo Muñiz

ENTROIDO 2012. CONCELLO DE LUGO





PROGRAMA ENTROIDO 2012


Venres, 17 de Febreiro

20.00 H.
Na Casa do Concello pregón do Entroido a cargo de Teddy López Pedredo (Oso de Salcedo). A continuación, polas rúas da cidade, actuación das charangas Amigos de Manolo e Virtuosos do Tinto.

Sábado, 18 de Febreiro

10.00 H.
Na praza de Abastos Feira de Produtos Típicos do Entroido amenizada polo grupo de gaitas  Andaina.

17.00 H.
Gran Concurso de Disfraces (infantil). Os participantes concentraranse na praza da Soidade media hora antes do desfile (que presidirá a charanga Os Virtuosos do Tinto). Discorrerá por Santo Domingo, rúa da Raíña e praza Maior. As inscricións deberán facerse no Departamento de Cultura deste Concello, antes das 14.30 horas do venres día 17 de febreiro. 
* En cada unha das categorías haberá un premio especial para os disfraces de elaboración propia e con materiais reciclados: papel, cartón, cartolina, cortizas, follas de árbores, plásticos, bricks,…. A obtención deste premio será compatible con algún dos outros tres.
O xurado estará constituido por persoas pertencentes a colectivos vencellados á cultura lucense.

INDIVIDUAL:
1º premio:  vale por lote de libros
2º premio: vale por lote de libros
3º premio: vale por lote de libros
Premio especial ó disfrace reciclado: vale por lote de libros

PARELLAS:
1º premio: vale por lote de libros
2º premio: vale por lote de libros
3º premio: vale por lote de libros
Premio especial ó disfrace reciclado: vale por lote de libros

COMPARSAS:
1º premio: vale por lote de libros
2º premio: vale por lote de libros
3º premio: vale por lote de libros
Premio especial ó disfrace reciclado: vale por lote de libros

20.30 H.
Polas rúas da cidade actuación das charangas Os Amigos de Manolo e Virtuosos do Tinto.
Domingo 19 de Febreiro

16.30 H.
No barrio de Montirón, Concurso de Disfraces, organizado pola AA.VV. Hnos. Pedrosa – Francisco Norte, e actuación da charanga  Madia Leva.

18.00 H.
Na praza Maior, tarde de baile coa orquestra Breixa Band.

                                              Luns, 20 de febreiro
                       
20.30 H.
Actuación de charangas no casco histórico Batucada Axé e Estoupacaldeiros

Martes, 21 de febreiro

17.00 H.
Gran Concurso de Disfraces (adultos). Os participantes concentraranse na praza da Soidade media hora antes do desfile (que presidirá a charanga batucada Axé). Discorrerá por Santo Domingo, rúa da Raíña e praza Maior. As inscricións deberán facerse no Departamento de Cultura deste Concello antes do luns, día 20 de febreiro, ás 14 horas.
O xurado estará constituido por persoas pertencentes a colectivos vencellados á cultura lucense.

PREMIOS
INDIVIDUAL:
1º premio: 300 €
2º premio: 200 €
3º premio: 100 €
3 premios de 50 €
PARELLAS:
1º premio: 400 €
2º premio: 300 €
3º premio: 200 €
5 premios de 100 €
COMPARSAS:
1º premio: 800 €
2º premio: 600  €
3º premio: 500 €
7 premios de 200 €

Mércores, 22 de febreiro

Enterro da Sardiña. Organizado pola Asociación Cultural Pepe Barreiro. Sairá do Círculo das Artes co seguinte percorrido: praza Maior, rúa Conde Pallares, rúa da Cruz, praza do Campo, Rúa Nova, praza da Soidade, praza de Santo Domingo, rúa da Raíña, praza Maior (templete da música).
Concurso de Ferretes organizado pola Asociación Cultural Pepe Barreiro.


Concellería de Cultura,Turismo e Promoción da Lingua.


04 febrero, 2012