Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

28 septiembre, 2009

ROTEIRO, SÁBADO, 17 DE OUTUBRO 2009


ROTEIRO DESDE PEREIRA VÍA XIX (FURÍS)- FOGONTELLE – VILACOTE – RIOMOL – OUTEIRO DE VELLAS E ATA MIRANDA (VÍA XIX)
PERCORRIDO DUNS 9 KM.
Dificultade baixa.

Ás 9:30 h. Saída de Castroverde

Ás 10:00 h. En Pereira(Furís)
Visitando: a capela de Vilacote, igrexa de Riomol, capela de Outeiro de Vellas...

Arredor das 14:00 h. Xantar

Agradecemos que nolo comuniquedes antes do día 15 de outubro.
Saúde e Terra.
Manolo Muñiz

CONVITE A PARTICIPAR NA MISA CANTADA Á VIRXE DO ROSARIO, QUE TERÁ LUGAR NA PARROQUIA DE FURÍS - CASTROVERDE


Un grupo de cantores de Lugo
coa colaboración da

Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde
convida a veciños e socios a participar na
Misa Cantada
que terá lugar, o día
4 de outubro, domingo ao medio día.


Saúdos.

Manolo Muñiz

Participación da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde na Xuntanza da Universidade Rural Galega.



Hoxe, día 26 de setembro, tivo lugar unha reunión da U.R.G., na casa de cultura de Melide para tratar varios temas: Explicación das diversas actividades que se están a desenvolver; - Recollida de saberes. - Participación en diversas feiras dos Camiños de Santiago. - Posibilidades para facer máis visible a U.R.G., participación en blogs, páxinas Web, etc. Actividades a celebrar: - Organizar charlas nas catro provincias. - Celebrar un encontro de animadores do mundo rural, que se fará, con toda a probabilidade, o vindeiro día 21 de novembro, no concello da Capela. Estas foron os prirncipais asuntos que se trataron.
Manolo Muñiz

26 septiembre, 2009

Participació na Revista Oral Pazo das Musas nº 19


Hoxe, xoves, día 24 de setembro tivo lugar a presentación das Actividades que vimos desenvolvendo na Asociación.
Á parte da nosa participación estiveron:
-Celina da Piedade coa música.
-Xiana Arias Rego, no recital de poesía.
-Mª do Rosario Fernández González, cos presentación de Xoias do MPL.
-Laura Pernás coa exposición: Un bosque nas miñas lembranzas.

Saúdos.
Manolo Muñiz


Fotografías do resto de participantes:













A WEB DE BALDOMERO PESTANA: FOTÓGRAFO, PINTOR E DEBUXANTE


24 septiembre, 2009

Coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo


III
CERTAME LITERARIO:
TERRAS DE CHAMOSO

BASES:

1. Temática e idioma:
A organización do certame non quere limitar a imaxinación dos autores. A única norma é que a obra se redacte en LINGUA GALEGA.
2. Categorías:
CATEGORÍA INFANTIL (dos 10 aos 14 anos).
CATEGORÍA XUVENIL (dos 14 aos 18 anos).
CATEGORÍA ADULTOS (maiores de 18 anos).
3. Modalidades:
POESÍA (de 30 a 60 versos)
RELATO CURTO (de 3 a 6 folios escritos a dobre espazo).
NOTA: A categoría infantil non ten límite de espazo inferior, pero si superior.
4. Presentación:
Cada participante poderá presentar varios traballos (non premiados noutros certames literarios). Entregaranse mecanografados (non é necesario na categoría infantil) indicando a categoría, modalidade, título e pseudónimo e achegando nun sobre pechado a información persoal: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo e teléfono de contacto. Remitiránse ao seguinte enderezo: A. C. Arumes do Corgo. Antigas escolas do Corgo s/n, 27.163 O Corgo (Lugo).
5. Prazo:
O prazo de entrega rematará o día 27 de novembro de 2009.
6. Premios:
Para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º premio de poesía, e tamén 1º e 2º premio de relato.
Cada premio consiste nunha figuriña de cerámica do país, un lote de libros e o correspondente diploma.
7. Xurado:
Estará composto por membros da Xunta Directiva da Asociación, profesores de lingua galega e por profesionais de recoñecido prestixio do mundo das letras.
8. Entrega de premios:
A cerimonia de entrega de premios realizarase o sábado, día 26 de decembro de 2009 no centro sociocultural do concello do Corgo acompañada de actuacións e de varias sorpresas.
9. Non premiados:
Os traballos non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas no prazo dun mes despois do fallo, se os/as autores/as non o solicitan.
10. Outros:
A presentación ao premio supón a conformidade coas presentes bases por parte dos/as concursantes. A Asociación Cultural Arumes resérvase todos os dereitos de publicación das obras premiadas (en papel, CD ou mediante internet).

Para calquera dúbida relacionada co certame literario chamar ao número de teléfono: 626739390.

20 septiembre, 2009

XUNTANZA DA U.R.G.

Estimados/Estimadas socias e socios da U.R.G.:
Dende a Universidade Rural Galega queremos informarvos de que a vindeira xuntanza celebrarase o sábado 26 de Setembro na Casa da Cultura de Melide ás 11:00 da mañá.

A Orde do Día será:

1.- Acollida e presentación.
2.- Explicación da orde do día.
3.- Explicación das actividades feitas.
4.- Accións futuras da U.R.G.
A) Fin do proxecto con o Xacobeo.
B) Situación económica.
B.1) Informe económico actual.
B.2) Economía. Perspectivas de futuro.
C) Perspectivas institucionais.
5.- Rogos e preguntas.

Sen máis e esperando a vosa participación, recibide un cordial saúdo.

Secundino García Mera
(Presidente da Universidade Rural Galega)

19 septiembre, 2009

16-17 Outubro. Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo
















II Xornadas de Literatura de Tradición Oral

O mito que fascina: do lobo ao lobishome
Pulsar sobre as imaxes para agrandar

O PAZO DAS MUSAS: REVISTA ORAL Nº 19

Xoves, 24 de Setembro. 20:00 h. Museo Provincial de Lugo

15 septiembre, 2009

O sábado 12/09/09


BREVE RESUME NA PARTICIPACIÓN DA XXXII ROMAXE DE CRENTES GALEGOS EN AGUIÑO,
da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde.


Nun fermoso día deste mes de setembro, sábado, día 12, tivo lugar o encontro dos Irimegos, na XXXII Romaxe de Crentes galegos. Os actos tiveron lugar na punta do Couso na parroquia de Aguiño, no Concello de Riveira.
Dicir que participamos unhas vinte persoas de Castroverde convocadas pola Asociación Amigos do Patrimonio.
Os actos comenzaron arredor das 12:00 h., mais ás 10:30 h. fomos recibidos cun convite de mexillóns e viño por parte da organización, a quen lles agradecemos, desde aquí, o recibimento co que nos agasallaron.
A celebración Irimega que tiña este ano por lema “ Un mar de grazas”, consistiu nunha celebración reivindicativa da nosa lingua, do noso agro, do noso mar, da igualdade, da xustiza, etc. O acto comenzou co rito da auga, cada un das comarcas, dos grupos que participaron verteron auga nunha sella, que traian das súas repectivas fontes. Non houbo misa ao xeito tradicional, porque seica as autoridades eclesiásticas non lles gusta este tipo de celebracións, a celebración de estar cos máis humildes e desfavorecidos. A celebración estivo acompañada polo grugo de A Quenlla e por un grupo de gaiteiros da localidade de Palmeira.

Dicir que na celebración houbo lembranzas para D. Paco (Francisco Lorenzo Mariño), o Sr. cura de Aguiño e outros impulsores e dinamizadores desta Romaxe. Tamén se celebraban os cincuenta anos da parroquia de Aguiño.

Logo do xantar seguiu a festa co grupo de gaiteiros e a Quenlla. E arredor das 18:00 h. houbo un acto na igrexa de Aguiño, onde a comunidade do Cristo da Victoria fixo unha celebración que tivo tres partes. Una primeira de conexión coa celebración da mañá: “ Un mar de grazas” Unha segunda parte de celebración e afirmación da nosa identidade galega sempre unida á natureza que nos rodea. E unha terceira de afirmación da fe en Xesús e noutro mundo posible fronte aos atrancos que xa veñen ou poidan vir.
Con este acto rematou esta XXXII romaxe.
Para o vindeiro ano será en Monterroso e, a Asociació Amigos do Patrimonio de Castroverde, propuxólle á Xunta Directiva dos Irimegos a posiblidade de facer en vindeiros anos a celebración en Castroverde.

Saúdos e, Saúde e Terra.

Manolo Muñiz


14 septiembre, 2009

QUEIMA DAS FACHAS DE CASTELO EN TABOADA 07/09/09


AS FACHAS DO FOLIÓN DE CASTELO

(Do libro “La Taboada precristiana...”)

Por
Jaime Delgado Gómez

As Fachas son unhas teas ou fachos grandes e moi altos, que revisten a maior parte dun alto pau cravado no chan. Este revestimento, de moi depurada técnica, faise con varios feixes duns combustibles arbustos que aquí se chaman “agucios”.
O “agucio” nace espontaneamente e con gran abundancia en carballeiras, castiñeiras, toxeiras... O seu tallo recto e liso, de alto como dun metro de altura e un centímetro de diámetro, arde coma palla ó secar durante o verán.
Permítanme narrar este feito costumista “das fachas” volvendo a aqueles nostálxicos tempos de neno. Pero dun neno que toma parte moi activa na que vai ser a súa facha.
O neno que xuntou os agucios e que vai cun dos seus irmáns maiores buscar un piñeiro apropiado, ou cortar “unha pola xeitosa de carballo” para o soporte da súa “facha”. O neno que axuda ó hábil irmán na correcta fabricación da facha e que o día sete -tan esperado- cárgaa sobre os ombros. O neno que, sacando forzas de Superman, a leva costa arriba ata a cima do castro. O neno que cun “pau de ferro” que por alí sempre aparecía, axuda a facer o burato e deixar nel a súa facha. O neno que se admira ó vela dereita e que se oufana crendo que a súa quizais sexa a mellor facha. O neno daquel confuso e estridente barullo cando un ramista empeza a poñer lume ás fachas, sempre ó son dos foguetes, dos fogos de luces e da música a todo bombo e prato.
As fachas, se cumpren as normas da súa correcta tipoloxía, veñen ser unha verdadeira obra de artesanía. Inícianse cuns poucos agucios ó redor do pau. Logo vaise engordando considerablemente ata facerlles –en argot facheiro- unha boa barriga no centro. Despois vai diminuíndo pouco a pouco ata rematar case en punta.
Este revestimento adoitaba ser non menor duns tres metros. Pero a técnica estaba en saber colocar ben os agucios. Estes debían quedar perfectamente enlazados e de maneira que ambos extremos dos agucios estivesen totalmente ocultos. Tan só podía ser visible o inicio dos tallos con que empezaba a facha e as cabezas daqueles que a remataban. Para asegurar os agucios ao pau, íanse atando con vimbios, que aquí se denominan “vimias”.
Os protagonistas en todo este folclore das fachas eramos tan só os nenos, pero sempre axudados por irmáns maiores, polos pais ou por calquera outro que se prestaba a colaborar.
O día nove, o último da festa, eramos recompensados monetariamente polos organizadores dos festexos ou ramistas. ¡Aquel pouquiño diñeiro era daquela para min unha fortuna... pero que non duraba máis que aquel último día de festa!.
Chamábanse ramistas os organizadores das festas porque no último día dos festexos do ano anterior comprometéranse a organizar os do ano seguinte. Pero este compromiso adquiríase ó bicar un ramo de flores do altar da Virxe. Era, pois, un compromiso inquebrantable coa Virxe.

As fachas

Facho, segundo o Diccionario Galego, defínese como: “Facho que se acendía nunha eminencia ou torre como sinal, ou para servir de guía”.
Non cabe dúbida de que, como os famosos ondeantes fumazos dos indios, tamén os fachos cumpriron nos castros importantes misivas telegráficas.
Sería unhas veces para alertar ós outros castros dalgún inminente perigo, quizais outras eran para anunciar certos acontecementos.
Tampouco é improbable que usasen fachos parecidos ás nosas fachas para así alumearse nas festas, ou en acontecementos nocturnos, celebrados colectivamente ó aire libre. Incluso é posible que a todo iso se sumasen tamén algúns actos rituais máxico-relixiosos. En todo caso rematarei dicindo que en Castelo parece terse parado o tempo.
E así aquel folclore primitivo, ou tal vez aqueles actos rituais máxico-relixiosos, seguiron repetíndose. Pero polo menos desde tempos xa inmemoriais, senón bautizadas solemnemente as fachas, si foron toleradas polo cristianismo que as inclúe como unha parte importante das festas que dedica á súa patroa.
Como un colofón a este capítulo das fachas, aquí queda escrito un chamamento ós do Castelo de hoxe e ós do mañá, para que non deixen desaparecer esta herdanza valiosa. ¡é como unha herdanza sagrada que os nosos maiores nos legaron!.
O noso folión é un patrimonio cultural xa tan noso que deixalo morrer significaría facernos indignos de quen nolo deixou como unha sagrada herdanza que non pode perderse.
Deu síntomas de agonía hai unhas décadas. Pero ó tempo púidose escoitar unha badalada de alerta nos meus artigos que El Progreso de Lugo publicou. E afortunadamente a badalada soou moi forte na gran sensibilidade cultural de varios dos nosos veciños.
Aumentou aínda máis o volume da onda sonora o noso singular fillo de Castelo, “o Paco do Vasco”. El, cos seus especiais medios para infiltrar especial interese nas capas culturais máis altas da nosa Galicia, modernas alas lle puxo a nosa “Queima das fachas”.
¡E as chamas escintilantes das fachas de Castelo, víronse repetidas veces por toda Galicia”. O meu sobriño Félix foise impregnando de toda esta esencia patrimonial de Castelo. Enseguida, coma se sempre fora un moi cualificado veciño, encheuse de tales ilusións que, con forza, foinas contaxiando a outros que xa bastante durmidas as tiñan.
Xorde entón un novo entusiasmo de renovados bríos nos Abelairas e e nos Rodríguez, nos Pérez e nos Sánchez, nos Vázquez e nos Fidalgo, nos García e nos Prado, nos Ledo e os Iglesias, nos Ulloa e os López, nos Costela e nos Cadahía, nos Díaz e nos Álvarez, e nos Montenegro, e no que queda dos Gómez, dos Yebra e dos Delgado... E destas novas ilusións cheas destes bríos renovados, naceu en Castelo a Asociación Cultural As Fachas.
Polo tanto, xa non romperemos nós con esta nosa tan singular historia. As nosas Fachas empezan a ser para Castelo e o seu contorno algo así en pequeno coma ó grande o son as fallas valencianas para Valencia e para España. ¡O noso folión coas súas fachas xa está inmortalizando a Castelo!.

(ver máis en LUGO PATRIMONIO)



RESUME DO PERCORRIDO PARA PREPARAR O ROTEIRO POLO VAL DO RÍO TÓRDEA.

Vista de Cellán desde Espasande

O sábado, día 5, uns cantos socios de Amigos do Patrimonio percorremos os camiños para sinalar un roteiro por este fermoso val, a saber; saimos do Camiño Ancho, baixamos preto de San Xulián para coller dirección a Espasande, desde aquí a Goi (castro, sartegos, muíño, mazo), Tórdea (Fonte da Torre, igrexa e simbiose de castiñeiro e bidueira), casa do muíño, Uriz (igrexa), Cellán de Mosteiro (carballo de Pociña, Pazo, sobreira, castiñeiro de Tamaredo, pombal de Camba e igrexa), A Pumarega (Pazo de Fornos, igrexa), O Vilar, Cellán de Mosteiro, San Xulián e Camiño Ancho. Este foi o percorrido que pretendemos sinalar, que ten un percorrido duns 20 quilómetros. Todo o percorrido vai polo Val do río Tórdea con vistas do Forno da Vella, Penalada (lugares de lendas) e con vistas sobre parte do territorio de Castroverde e con vistas ata terras do Páramo. Saúdos. Manolo Muñiz

11 septiembre, 2009

Miscelánea

Cando as barbas do teu veciño vexas pelar pon as túas a remollar

Vén isto a conto de que os de Castroverde imos lanzados, pero os veciños tampouco se dormen: Se somos devotos do noso patrimonio cultural, os outros tamén segan, que acabamos de gozar dun Agosto de seituras, entre outras:

Corgo, coas IV Xornadas sobre Patrimonio: AS CASAS GRANDES DO CORGO, organizadas pola Asociación “Arumes”.


Pol, coas
celebracións da súa imponderable “Leña Verde”, cadora máis madura, máis parnasiana; e o día 24, precisamente a continuación da nosa “Feira de Artesanía”, en Mosteiro a Festa do Emigrante, tributo anual a tantas andoriñas que se foron e volven ao berce pingando emocións, como ben describiu no seu pregón o mestre de periodistas José López García (para os veciños, “Maseda de Cirio”).

A Baleira, que saturou os seus vales colgando unhas fotos impresionantes, únicas, na segunda edición da revista “Marronda”, na que me concederon a honra de participar co artigo que me permito escanear seguidamente. (Se o divulgo é simplemente coa intención de serlles agradecido).

Querido José Enrique, nós temos unha torre, pero estes veciños tamén son fidalgos, e honran o seu, como é debido. ¡Con veciños así, é un pracer vivir en Castroverde!

Xosé María Gómez Vilabella

02 septiembre, 2009

Unha proposta de futuro


PÓR EN VALOR A TORRE DE CASTROVERDE




Por
José Enrique Villarino Valdivielso

da
Asociación Cultural

“Amigos do Patrimonio de Castroverde”


Así leva moitos anos. Case desde sempre. Por suposto, desde que eu coñezo. Pero, a TORRE de Castroverde non pode -non debe- seguir así. Soa, baleira e inútil. Debe recuperar o papel que un monumento da súa categoría tivo, merece e merecen os que ao redor dela habitan, véndoa día tras día ergueita; reflectido nela o orgullo, a fidalguía, o señorío, gañado con suor, século tras século, gañado tras moito traballo e moitos sacrificios dos habitantes dese fermoso Vallis Viride romano, salpicado de castros onde moito antes habitaban pretéritos señores, desde as bravas terras do Monsciro e o Cuperio até onde as terras contiguas ao Chamoso case se funden co Pai Miño.


Nos tempos que corren para pór algo en valor hai que rescatar os beneficios da virtude. E virtudes para acoller variadas e boas cousas ten a nosa TORRE. Corren tempos desfavorables para todo aquilo que teña que ver cos diñeiros, e máis coas subvencións. Non podemos -non debemos- fialo todo nas axudas das institucións, sexan do Concello, a Xunta ou o Estado, aínda que teña que habelas. A sustentabilidade, hoxe de moda, non é outra cousa que a capacidade das persoas para perpetuar os recursos que os nosos devanceiros nos legaron. A TORRE debe valerse, no que poida, por si mesma e nós axudarlle a conseguilo. Como? Diso imos falar a continuación.


Deixemos aparte litixios sobre dominio, propiedade, usos do chan e demais xuricidades que lle afecten. Resóltas éstas, poñamos que as institucións, e o Concello á cabeza, deciden facer algo para garantir o seu futuro. Que facer? Pois algunha que outra idea se pode pór sobre a mesa para conversar, para falar e para debater, cousa sa onde as haxa. Ocórrenseme tres, que se resumen nunha , o xa devandito: PÓR EN VALOR A TORRE. Pór en valor a Torre é facer que ela, e por si mesma, xere os recursos que axuden a facer viables outras funcións menos comerciais e máis altruístas, xunto coas axudas permanentes que debe recibir das institucións autonómicas e nacionais, xa que as arcas do Concello non deben estar para moitas alegrías. As funcionalidades da TORRE estimo que son tres: A primeira, unha FUNCIONALIDADE COMERCIAL, de lecer e negocio, que provea de recursos a outras funcionalidades menos retribuibles. A segunda, unha FUNCIONALIDADE INSTITUCIONAL, a máis propia e identitaria, a histórica, resume do xenio das xentes da terra. Esta función é facer da TORRE un espazo de memoria e convivencia, aberto, de futuro para a comarca. A terceira FUNCIONALIDADE, FORMATIVA. Xunguir o pasado e o futuro mediante o coñecemento; aprender dos devanceiros para ser capaces de innovar, que non é outra cousa que anticiparse ao que vai vir mediante a capacidade de crear, de facer cousas novas. Todas elas poden e deben convivir nese único espazo de forma harmónica, ordenada e serena. Aquilo que non ten unha función, o que non serve para algo, acaba morrendo.


Por exemplo, o Concello, ou quen corresponda, pode habilitar unha concesión para a explotación dunha ACTIVIDADE COMERCIAL DE RESTAURACIÓN e/ou HOSTALEIRA, mellor ambas, dunha escala adecuada, preferentemente a algunha iniciativa local, mediante o correspondente "cánon", non afogante, que debe acomodarse en contía e tempo ao desenvolvemento e éxito paulatino da iniciativa. O importe debería aplicarse integramente no financiamento parcial das outras dúas funcionalidades. En segundo lugar, a Deputación debería financiar parcialmente tamén o acondicionamento duns espazos destinados a TALLER E MUSEO ETNOGRÁFICO e DE INTERPRETACIÓN do alto CAMIÑO PRIMITIVO e dos recursos turísticos da bisbarra, para que non só sexa un espazo morto, senón que o taller lle de vixencia e actualidade ás investigacións sobre o pasado, nun marco de recursos para poder desenvolver conferencias, congresos, etc sobre a comarca e o CAMIÑO PRIMITIVO e non só sobre a comarca. O CAMIÑO debe ser un eixo esencial nesta estratexia de dar contido á TORRE e a bisbarra, sen esquecer o papel primordial de ser tamén un lugar de encontro das xentes. A terceira funcionalidade podería concretarse, en estreita conexión coa anterior, nunha ESCOLA-TALLER, financiada con recursos da Xunta e a Deputación, onde raparigos e raparigas da zona aprendan oficios e saberes xa case perdidos e cuxos coñecementos se apliquen á restauración do patrimonio local, á vez que participen na súa restauración e comercialicen empresarialmente, a particulares e terceiros, os traballos en que se plasman estes saberes. Aquí xoga un importante papel de asesoramento e xestión a URG (Universidade Rural Galega).


A pouco que boten a andar estas tres iniciativas, unha tras da outra para non coller unha enchenta, cos investimentos previos de restauración e acondicionamento a cargo dos organismos citados implicados e a axuda das institucións onde non cheguen as actividades comerciais, e de todos nós, poderemos chegar a ver unha TORRE rexuvenecida, útil e refulxente. Espello de Castroverde no que nos miremos todos, orgullosos de que, garantida a súa permanencia, vai seguir sendo parte do noso almario onde habita a memoria non só da nosa paisaxe vivida, senón tamén do interior, do máis persoal e íntimo.


Setembro, 2009