Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

23 julio, 2012

ROMAXE 2012: Seguimos facendo camiño!

(Da Asociación Irimia de Crentes Galegos)


1 Voto

Baldomero Iglesias (Mero)
[Como chegar á vindeira Romaxe: chegar_a_ castroverde]


 


No confín dos verdes castros está Castroverde, berce desta 35ª Romaxe de Crentes Galegos. Castroverde é un paraíso, libro aberto do noso Patrimonio cultural e artístico, aínda non descuberto nin debidamente estudado nun manual didáctico competente que sirva de guía fundamental para sabernos, para coñecérmonos un pouco máis. Hai breves e pequenas aproximacións, moi dignas, que parten do entusiasmo de certas asociacións culturais cargadas de ánimo e ilusión, e tamén de iniciativas que particularmente levan adiante esta posibilidade de espallar coñecemento, de recoller pasado e dignificalo na perdurabilidade e estima.
Nomes, polas rutas, que nos sorprenden pola sonoridade e evocación de lugares e espazos máxicos deste eido singular: Vilar de Cas, Fonte da Bica, Riomol, Penalonga, Augalevada, Croa de Soutomerille, Pereiramá… Nomes de roteiros como Soutomerille ou Val do Río Tórdea, de Furís-Páramo, dos Muíños do Nacente e Poñente; nomes de camiños como o Camiño Primitivo –cun percorrido de 15 quilómetros e unha altitude de 840 metros, ou a Vía Romana XIX que pode trazarse desde Abelleira, pasando por Pereira, Furís, Lourentín, Mirandela, Miranda e chegar a Tórdea. Tanto que ver, tanto que coñecer, tanto que ver por camiños feitos no tempo, para deixar pasar o tempo, véndoo pasar e pescudando nas pasadas dos que nos antecederon e deixaron marca inequívoca dun trazado que procura luz para facernos chegar á verdade que no fondo, agarda.
E é aquí, precisamente aquí, onde SEGUIMOS FACENDO CAMIÑO. Este é o lema deste ano. Non o podía haber máis acaído sendo lugar dos verdes castros, sendo senda iniciática de calquera camiño que queira chegar, que nos conduza cara a algures.



Entrega do ramo á xente de Castroverde, na Romaxe do ano pasado.


Os textos desde ano dan conta da xeografía humana desta terra xenerosa e dan conta da historia, aínda non debidamente contada, que se pode observar na paisaxe feliz e nos monumentos que perduran a pesar de tanta desfeita. Alí, moi pretiño do lugar da Romaxe aínda poderedes ver os marabillosos pendellos de Castro Verde, reconstruídos e que nos permiten retrotraernos no tempo, con moi pouco esforzo, a aquelas feiras e festas que este espazo convocaba e que tiñan cantores e danzantes, cantando coplas: “Don Pedro do ollo meco/mira moito prá rapaza; mellor fora que atendese, ao viño que ten na taza”. Ou aquelas outras recollidas por R. Polín Da casa de Sal ao muíño/haiche un camiño mallado, que o mallou Ramiro/despois de estar namorado; Pobo de Cellán de Calvos/ tira máis ben a pequeno, pero tenche uns veciños/ que mandan moito pendello!; O señor don Fortunato, San Antoniño de Padua, que o zorro lle leve as pitas, …e que lle deixe a criada! Remontarémonos ao pasado feliz que nos aconteceu neste eido tan especial, e chegaremos á Celebración. A partir de aí, celebraremos o Amor, achegados a el desde unha vella lenda que, desta vez, será representada escenicamente por actores da zona. Ese é o guión e o mandamento que gobernará o libreto desta Romaxe, a número 35! Case nada! Polo medio, xa sabedes, cantará A Quenlla. Fará un canto de amor, acaído ao caso, e tamén as pezas de sempre: O Magnificat Galego, O Credo (letra do noso lembrado –por querido- Bernardo García Cendán), O Pai Noso, A Rumboia, Irmaus, e un Berro Seco fortísimo que nos faga medrar en Irmandade.

Cantigas da Romaxe en Castroverde

Esta é a cantiga de amor que habemos estrear na 35ª Romaxe de Crentes Galegos en Castroverde
  “SABERTE” (Letra e músicia: Mero Iglesias, Interpreta A QUENLLA)
Un día espertou en min,
nas aforas da vontade e da razón,
unha paixón da que non puiden fuxir:
padecía, miña amada, de non terte,
…pintei soños xunto a ti. E na noite,
baixo a lúa das estrelas,
e na noite –na túa ausencia-
anoitecín.
Un día namorei de ti,
quedei preso para sempre,
meu amor, foi por saber,
por saberme xunto a ti.
E os dous xuntos, miña amada,
descubrimos os segredos deste engado:
pois detrás do amor non hai máis nada,
…e que na vida anda errante quen non ama!
Tamén lembraremos con emoción e gratitude a tanta xente que antes que nós, loitou para que  “a esperanza prendera en toda a xente”. Por iso cantaremos a lembranza e o futuro
PRÓLOGO DOS IRMANDIÑOS (Letra Mn. María, Mús: X. L. Rivas, Mini)
Foi no século XV a primaveira
floreceu con paixón e con ledicia
ergueron liberdá coma bandeira
os rexos irmandiños de Galicia.
O bris voltouse entón máis cantador
enchéronse os ventos de pureza
o sol alumou con máis fulgor
e a terra tivo entón outra beleza.
A espranza prendera en toda a xente
con vontade de presente e de porvir
e a vida era un pulo transcendente
con desmedidas tarefas por cumprir.
Foron xeiras tristeiras e belidas
foron datas feroces e fermosas
foron sazóns granadas e cumpridas
con colleitas de bágoas e de rosas.
O mundo semellaba puro e novo
renacía a luz polos rincóns
o bo pobo galego, o noso pobo
obedecía a Roi Xordo e a Lanzós.
Foi tempo de ledicias e de coitas
foi tempo de abrir novos camiños
foi tempo de revoltas e de loitas
do furor popular dos irmandiños.


22 julio, 2012

NOTA DE PRENSA


NO SEU SEGUNDO ANIVERSARIO, O FORO DO CAMIÑO PRIMITIVO CRITICA A PASIVIDADE DA XUNTA NA RECUPERACIÓN E PROTECCIÓN DA VÍA HISTÓRICA CANDIDATA A PATRIMONIO DA HUMANIDADE


En dous anos, a Xunta non repuxo ningún dos impactos denunciados polo Foro na Calzada Primitiva, malia a ser candidata a Patrimonio da Humanidade.
O Foro do Camiño reclama a integridade e autenticidade histórica da vía primitiva como premisas irrenunciábeis na súa delimitación oficial.


Lugo, a 19 de xullo de 2012.- Con motivo de se cumpriren dous anos da súa constitución, o Foro do Camiño Primitivo celebrou unha asemblea xeral para analizar a evolución do estado de conservación e protección desta milenaria calzada medieval. Malia a que hai dous anos o Foro xa alertaba á Xunta de Galicia da necesidade urxente de proceder á delimitación oficial deste primeiro camiño de peregrinación a Compostela, os membros do Foro veñen de constatar que desde aquela a Xunta aínda non deu ningún paso cara a esa dirección, permitindo que o Camiño Primitivo siga a sufrir un elevado grao de ameaza ambiental e de agresión ao seu patrimonio cultural.
 

Este proceso de delimitación, que podería asegurar a preservación da súa traza física e do seu territorio histórico, agora faise apremiante debido a que a UNESCO está a analizar o expediente da candidatura do Camiño Primitivo para ser proclamado como Patrimonio Mundial. Hai que lembrar que esta candidatura xa foi anunciada a comezos do ano pasado por parte do Consello de Patrimonio Histórico Español, momento no que o Foro volveu a reincidir na importancia de delimitar o Camiño. Aínda así, a día de hoxe aínda non se coñece unha soa actuación que a Xunta teña realizado para este fin.
 

A delimitación oficial do Camiño Primitivo tamén é apremiante polos reiterados impactos contra a súa estrutura tradicional que xa se denunciaron no seu día diante da Consellaría de Cultura e do Servizo de Patrimonio, os cales están a facer caso omiso das súas obrigas para coa vía primitiva contempladas na lei 3/1996 de protección dos camiños de Santiago. Algunhas das desfeitas denunciadas que, polo de agora, non foron repostas son: a adulteración da traza camiñeira en Guntín de Pallares, en Castroverde ou na Terra de Melide (Pena Ferrada e Camiño da Martagona); o impacto das concentracións parcelarias no entorno do hospital de Burgo de Negral, de Poutomillos e da Esperela (Campo da Matanza); a tala das carballeiras na Pradeda do Cádavo; o peche do camiño vello en Carballido e San Xoán do Alto (Lugo) ou en Vilalle (Castroverde); o deterioro paisaxístico e ambiental producido pola canteira de Bascuas (Lugo); a presión urbanizadora no barrio do Carme (cidade de Lugo); a marxinación da verea iniciática na Póboa de Burón; a recente destrución do Forno de Valeriano na Fonte Sagrada; a futura implantación do polígono industrial da Fonsagrada; o asentamento dun parque eólico sobre as ruínas do Hospital de Montouto fundado por Pedro I; o deterioro arquitectónico en Soutomerille (Castroverde) e no Carril das Flores, Regueiro dos Hortos e Calzada da Ponte (Lugo); a permuta da vía pública no Mesón de Fraiás e un longo etcétera.
 

Para o Foro do Camiño Primitivo, a indiferenza profesada por parte da administración pública autonómica ante as denuncias dos seus membros e ante a relevancia da candidatura da vía primitiva como Patrimonio da Humanidade, constitúe un acto de neglixencia e abandono do exercicio das responsabilidades públicas na defensa deste ben común. Estes e outros atentados amparáronse en boa medida na pasividade e inoperatividade administrativa, mesmo con informes favorábeis, tamén dos entes locais, o que reafirma a necesidade dunha delimitación abordada con clara vontade política, rigor científico e respecto á legalidade xurídica.
 

Neste sentido, o Foro do Camiño advirte á administración pública que se manterá vixiante para que esta responda á legalidade en todos os seus termos e para que reclame un debate social participativo, serio e rigoroso previo á delimitación definitiva, tanto do itinerario oficial como do territorio afectado. Así mesmo, o Foro considera como premisas irrenunciábeis na delimitación oficial do Camiño Primitivo os principios de integridade e autenticidade histórica da calzada milenaria, o que implica que haberá que recuperar a traza antiga e a súa custodia, seguindo os criterios legais, e que se desbotará a redución do ámbito do BIC (Ben de Interese Cultural). Estes son os valores nos que acreditan firmemente as persoas, entidades e organizacións que constitúen esta plataforma e para cuxa defensa manifestan a súa disposición decidida e ofrecen a súa colaboración.
 


OS MEMBROS DO FORO DO CAMIÑO:
Case 30 colectivos, asociacións, entidades e investigadores comprometidos no estudo, recuperación, protección e promoción da primeira vía de peregrinación a Compostela forman parte deste Foro do Camiño, constituído en xullo de 2010:
Asociación de Amigos do Camiño Primitivo de Santiago, Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Asociación de Amigos del Camino de Santiago Astur-Galaico del Interior, Asociación do Camiño Primitivo da Fonsagrada, Viandantes polo Camiño Primitivo, Asociación Lugo-Patrimonio, Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, Museo Comarcal da Fonsagrada, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, delegación en Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia, Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar de Donas “Os Lobos”, Asociación de Hosteleiros de As Fontiñas, GDR4 Terras de Lugo, Plataforma en Defensa do Alto Ulla, Metátese Teatro, Asociación na Defensa do Parque Rosalía de Castro, Asociación de Veciños da Piringalla, Asociación Cultural Terras de Melide, Club Cultural Valle-Inclán, Asociación Cultural Espalladoira, Museo Terra de Melide, Asociación Cova da Serpe de Friol, Asociación Cultural “A Toca” de Toques, Asociación de Veciños de San Romao da Retorta, Asociación de Veciños “Porta de Lugo”, Parroquia de Santiago de Castelo,Asociación de Veciños “Fonte do Udreiro” de Romeán.




ACTA REUNIÓN DO CAMIÑO PRIMITIVO O 12 DE XULLO DE 2012


Asistiron: Ricardo Polín, Asociación galega de amigos do Camiño de Santiago (Begoña e Pablo), Asoc. Amigos do Patrimonio de Castroverde (Sabino e Marina), delegación en Lugo do Colexio de Arquitectos (Raúl, Marigel, Carreira), GDR Terras de Lugo (Antonio e Pablo), Club Valle-Inclán (Felipe Arias), Asoc. Cultural Espalladoira de Castroverde (Manuel Varela), Asoc. Cova da Serpe de Friol (Concha), Ricardo Polín, ADEGA (Curra, Montse, Belén), Asociación Camiño primitivo da Fonsagrada (Ánxeles Rei), cura de Castelo (Xosé Otero).
 
Exposición dos motivos da xuntanza:
1) Membros do Foro explicaron que a Xunta ten a intención de reunirse cos alcaldes dos municipios polos que pasa o Camiño para conseguir o seu visto bo para o proxecto de delimitación da vía primitivo que teñen preparado. Prevese que este proxecto tamén saia a exposición pública en breve, incluso no mes de agosto, e se non hai contestación, a delimitación será feita ao gusto do concellos, “á carta”, polo que a delimitación do territorio histórico sería reducida ao mínimo para que non interferise nos plans dos concellos.
2) Dase conta do obxecto da presente reunión: Acordar conxuntamente uns criterios mínimos para esixirlle á Xunta como Foro de cara á delimitación do Camiño e alertar aos diferentes membros do Foro do Camiño do estado actual da tramitación, para que non colla de sorpresa, e que non pase o mesmo que cando a aprobación da delimitación do Camiño Francés. Daquela (hai un ano) a exposición pública tamén se fixo no verán, con pouco tempo para alegar, e colleu de sorpresa a moitos. O resultado foi nefasto en tanto que:
a. Supeditouse a traza histórica polo criterio da “consolidación” e ao denominado “proceso aberto” (oficialízase a vía artificial paralela á orixinal), abandonándose a posibilidade de recuperar treitos alterados ou apropiados.
b. Rebaixouse o territorio BIC e desprotexeuse o territorio histórico do camiño francés (os elementos asociados).
c. Denegáronse as alegacións serias e acolléronse outras pouco fundamentadas e máis sustentadas na “modernización” do camiño.
3) Tamén se informou do desmantelamento do Comité Asesor do Camiño Primitivo. Deixouse de convocar regularmente, o Director Xeral xa non asiste, e botaron as voces críticas sen xustificación aparente, como a de Ricardo Polín.
4) As présas da Dirección xeral de Patrimonio sostéñense en que o Camiño Primitivo é candidato a Patrimonio Mundial desde o ano pasado e a Unesco podería resolver pronto. Sen embargo, sería difícil acadar o título de patrimonio da Humanidade sen a delimitación do camiño.
Por outra banda, estanse a aprobar os plans xerais de concellos polos que pasa o Camiño polo que a regulación municipal estaría adiantándose á da Xunta e iso, o día de mañá, poderíalles supór un problema.
5) Repasáronse algúns dos casos de agresión ao Camiño primitivo xa denunciados polo Foro no seu momento (Carballido, gasto de fondos públicos para a creación de trazas paralelas, tala de Baleira, etc.) e deuse conta dunha última agresión ao Forno de Valeriano, elemento asociado ao Camiño ao seu paso por Fonsagrada.
6) Tamén se dá conta da intención da Xunta de aprobar proximamente unha nova lei de patrimonio cultural que integraría a lei de 1996, e que tamén podería afectar ao Camiño Primitivo. Polo de agora a lei dos camiños ampara relativamente ás vías históricas que non sexan o camiño francés.
7) Lémbrase que o Camiño Primitivo é a vía sobre a que hai máis documentación histórica para facer con rigor e autenticidade a delimitación. E tamén existe xurisprudencia moi importante relativa ao Camiño Primitivo.

 
Logo desta exposición de motivos, o FORO DO CAMIÑO ACORDOU QUE FARÍA:
 

A. NOTA PRENSA FORNO VALERIANO.
Enviar unha nota de prensa sobre a desfeita do Forno de Valeriano da Fonsagrada á prensa. (Xa foi enviado e publicouse algo en El Progreso). Tamén se colgou na web de ADEGA: http://adega.info/info/090121joomla/novas-adega-lugo/810-o-foro-do-camino-primitivo-denuncia-unha-nova-desfeita-na-via-historica-ao-seu-paso-por-fonsagrada
B. NOTA PRENSA ANTE A DELIMITACIÓN DO CAMIÑO
a. Á semana seguinte á reunión, emitir outra nota de prensa indicando os criterios mínimos de rigor que esixe o Foro do Camiño Primitivo no proceso de delimitación. Estes serían:
-Pedir prioridade do criterio da autenticidade histórica sobre o de "consolidación".
-Pedir repecto aos criterios legais de recuperación da traza histórica.
-Protección das trazas históricas e das súas trazas alternativas.
-Visión xenerosa e correcta do ámbito BIC protexido (que se protexa o territorio histórico e elementos asociados ou símbolos do camiño).
b. Xustificar unha nova saída do Foro á luz pública no cumprimento do seu segundo aniversario (que se cumpre en xullo). Tamén podemos aproveitar para dicir que desde aquela (xullo de 2010) aínda non obtivemos resposta ás nosas demandas presentadas por rexistro naquel momento. Pediamos coñecer o momento da tramitación en que estaba a delimitación do camiño e instabamos a que se fixese contando coa participación pública, o debate social, e co rigor dos expertos e entendidos do Camiño.
c. Facer referencia na nota de prensa á importancia de que o Camiño Primitivo fose candidato a Patrimonio da Humanidade.
d. Acordamos que tamén nesta nota de prensa se sinalasen algúns dos casos de agresión ao Camiño Primitivo máis graves.
C. ANTE A EXPOSICIÓN PÚBLICA.
Tamén se acordou que cada un dos membros do Foro estivese atento a saída a exposición pública do documento de delimitación e que cada entidade do Foro tería que presentar alegacións, dado que o Foro non ten entidade xurídica para este tipo de accións.

 
Lugo, a 12 de xullo de 2012




18 julio, 2012

XXXV ROMAXE EN CASTROVERDE



Reflexións preparatorias




Seguimos facendo Camiño


Seguimos, seguimos e sigamos, facendo Camiño,  a imitación do Miño, noso modelo exemplar, que por algo, alguén, tivo a feliz idea de comezar, coma o Miño, da Irimia no seu Pedregal. ¡XXXV, trinta e cinco anos, trinta e cinco pasos, trinta e cinco pegadas, pero aínda faltan máis! Daquela, coma o Miño, somos criaturas a medio criar. ¡Sigamos, pois, que é moito o que nos queda por andar, moito o que temos que ensinar, o que temos sen regar!

¿Qué nos ladran os cans no Camiño? ¡Razón de máis para seguir, para abri-la vereda…, se á nosa Meca, á nosa meta, queremos chegar! Camiñante, non hai camiño: ¡Faise ao andar! Daquela, andemos, andemos con soltura e con decisión, que niso temos a quen imitar, e imitando, imitarannos, como fixeron aqueles doce…, aqueles doce menos un, pois traidores tampouco faltarán!

¡Xa; e desde que chegue o Miño á fronteira de Portugal? Para comezar, non hai fronteiras, que todo é dos fillos de Adán; e de chegados á final, as augas seguirán vivas, máis salgadas aínda; de chegados á mar o noso camiño seguirá vivo, marcando estelas, trazando rutas…, para quen nos queira imitar!

As nosas vidas son os ríos… ¡Que si, Xurxo Manrique, que xa o sabíamos, pero fixeches ben lembrándonolo, pois, por veces, detémonos, outeando horizontes de grandezas, de riquezas, de apropiacións indebidas…! ¡Espellismos, bastos espellismos, miserias humanas, miopía…, tendo aló adiante, á fronte, no sitio das trinta moedas o tesouro inmarcescible da gloria eterna, testada co sangue de Cristo nada menos!

Ide e predicade o Evanxeo… ¡Non te pases, rapaz/rapaza, que iso incúmbelles aos apóstolos! ¿E ti qué es senón un apóstolo, o enésimo, un seguidor, un beneficiado da Boa Nova, pero tan egoísta que nin transmites o recibido; sequera ben nolo dixo a nosa Enriqueta, e iso que a tiñan por descrida: “Moito recibimos, así que temos a obriga de deixalo en herdanza, pero, mellorado, que tamén o fixeron os nosos predecesores!”. O Mestre dixo que El era o Camiño, a Verdade, e a Vida; daquela, con tal guía, ¿qué facemos aquí abaixo, parados, atendéndolles a eses cans que nos ladran? E xa que o Miño, noso padriño, vai parar ao mar, escoitemos ao capitán da nao, que a tal momento estanos ordenando desde a ponte vital: ¡Avante toda!



A Veiga do Olmo, un bo lugar para renacer

 ¡Un bo lugar para renacer, tanto en cristián coma en galego, non si señores teólogos?

“Mandou Deus que a terra xermolase herba verde, plantas coa súa semente e árbores que desen froitos, cada unha coa súa semente conforme á súa especie. E así foi. A terra xermolou herba verde, plantas coa súa semente, árbores que daban froito, cada unha coa súa semente. E viu Deus que estaba ben. E así completouse o terceiro día”. (Xénesis 1, 11-13). Despois veu o pecado, e tras do pecado o diluvio, etc., etc., ¡pero o Castrum do Vallis Viridis salvouse, e os de Castroverde replantamos un olmo, un ulmus minor, deses que requiren un chan fresco e fondo, para mostrarlle ao Creador dúas cousas: o agradecidos que lle estamos pola súa Creación, e tamén polo feito cordial de salvarnos do diluvio universal, que así, nosoutros, por tan singular privilexio, seguimos tendo en herdo un cacho inalterable e inalterado daquel Paraíso Universal. ¡Deo grátias!
O lema da XIX Romaxe (no Rosario, Vilar de Donas, A Ulloa), foi: “Polo camiño verde”. Nisto estamos, que polo Camiño Verde seguimos, aquí chamado “Primitivo”, porque o é, porque arranca de tempos remotos. E no de verde, xa o comprobarán por si mesmos os asistentes á Romaxe do próximo setembro. ¿É ou non é Castroverde?

Iso nos propoñemos: ¡Renacer! ¡Volver a nacer! Volvernos nenos…, ¡pero co sabido, sabido! Daquela será cousa de bautizarnos de novo, outra vez, que auga temos, e cotra para lavar…, algunha! “Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo privedes, porque dos que son coma eles é o Reino de Deus. Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus non entrará nel” (Lucas, 18, 15-17). Xa que nos puxemos de camiño aló arriba, no Pedregal de Irimia, sigamos, baixemos, acollámonos ao Primitivo, á Igrexa Primitiva, sinxela, fervorosa, valente, disposta ao martirio se preciso fose. Dixo o propio Xesús: “Dádelle ao César o que é do César”. Daquela o boato, as presuncións, as vaidades, son do César, ¡e hai tantas e tan mal adxudicadas! Por iso, algúns, queremos renacer, tornar ao bo camiño.


¡Do Pedregal á Veiga do Olmo todo é Miño, todo é noso!

O pecado está neses eucaliptos do fondo, que por algo lles dan as costas esas beatas da fotografía. A virtude está nas rochas da morena do glaciar, do glaciar de Irimia, nacemento do Miño, nacemento das nosas Romaxes. Estas son as pedras grandes, aquelas coas que non puideron as meigas da Serra de Meira cando as tiveron que utilizar para defenderse dos cistercienses, que seica as querían pasar pola pedra..., iso, antes de pasalas polo altar! Un problema: ¡as meigas querían casar, e os frades, cos seus votos, cos seus hábitos..., o eterno dilema da carne!

Aló van TRINTA E CATRO ROMAXES, que se di pronto! Para o ano próximo a XXXV, e  tócanos esta honra aos de Castroverde: ¡a ver cómo nos portamos!

Por estas romaxes desfilou a honra e maila prez da nosa Gallaecia: sabios e santos, teólogos e discípulos, mozos e vellos..., que honraron a Deus coa sinxeleza e coa verdade, dous atributos escasos, pero non nestas celebracións, e por ende, na nosa terra! ¡Qui te de paradísi fonte manáre fecit, et in quátuor flumínibus totam terram rigáre praecépit!

Para comezar, eu xa recollín unha pedra desas da Serra de Meira para levala comigo á Veiga do Olmo e presentala nese día, como ofrenda. ¿Que por qué e para qué? ¡Moi sinxelo: Para facerlle un exvoto ao río Chamoso, ao Flammoso, que é ese fillo do Miño ao que debemos que o noso Castro sexa o máis Verde de toda a cunca! Con isto heille pedir que conserve verde o meu país, pero só o país, sen prexuízo de que madure, cal trigo flamexante, aquel que o precise, se é que quedan almas verdes!

Xosé María Gómez Vilabella



07 julio, 2012

Breve resume da segunda xornada de Feireando III Convivencia arredor de “ A ruta das feiras” 01-07-2012


Parte dos asistentes na ponte do río Chamoso ao pe do Mazo de Santa Comba


Esta segunda xornada de Feireando consistiu en facer o roteiro das Feiras entre o lugar da Feira de Nadela e Adai.
Saímos de Nadela arredor das 10:00 h. para irmos ata o mazo de Santa Comba, pasando polos lugares de San Xoán de Pena, A Gándara para chegara ao mazo e, desde aquí a Laxosa e polo Vao pasando perto de Donalbán camiño de Quintela e desde aquí de Arximil e logo de cruzar  dúas veces o río Chamoso achegármonos á feira de Adai.
Comentar que este anaco do Roteiro de As feiras, pasa por fermosos camiños tradicionais, sen pisar, practicamente o asfalto. Dicir que o roteiro foi trazado por Mª Asunción Bermúdez, colaboradora do proxecto do roteiror entre os concellos de Lugo e O Corgo,  polo xerente,  Antonio V. Figueroa e o técnico, Pablo Vila  do GDR4 –Terras de Lugo; moitas grazas a todos  eles.
Rematando esta segunda xornada de Feireando III coa visita á feira do Cabalo de Adai.
Para a vindeira edición de Feireando, agardamos que se celebre no Concello de Rábade.

Saúdos.
Manolo Muñiz


(ver albume de fotos)

04 julio, 2012

Breve resume da viaxe KM0 a ESTACA de BARES (03-07-2012)


Os asistentes na visita a Deputación lucense
                                 

   No día de hoxe, martes, tres de xullo os veciños e Amigos do Patrimonio de Castro Verde, tivemos a ocasión de facer unha visita á costa de Lugo, mais antes de achegarnos á costa, temos que dicir que fomos recibidos na Deputación polo Deputado,  Juan José Díaz Valiño (que ten raíces en Castro Verde), deunos a benvida e explicouenos que as viaxes KM 0, teñen por finalidade dar a coñecer a nosa provincia. Seguidamente no salón de plenos, Ángeles a guía que nos acompañou , explicou aos presentes o funcionamento da Deputación.
Logo, visitamos a Fundación TIC, onde,  Darío explicou o funcionamento das TIC e as diferentes salas, mentres que Pablo foi gravando ás persoas nas diferentes salas. Darlles ás grazas a estes dous técnicos e á Fundación TIC por este traballo e pola elaboración que están a facer dun vídeo sobre Terras de Castro Verde, logo de moitas horas de gravación e traballo.
Ao saír da visita, foto de rigor e seguidamente dirixímonos á costa de Lugo, onde xantamos, visitando unha das praias do  Vicedo e, a seguir tivemos a ocasión de achegarmonos a Estaca de Bares, comentar que  é un un espazo protexido catalogado como sitio natural de interese nacional localizado, na parroquia de Bares do concello de Mañón,  provincia de A Coruña.
O cabo é un enclave de enorme valor ornitolóxico e unha atalaia privilexiada para observar as migracións de aves mariñas, das que, entre os meses de agosto e novembro, chéganse a contabilizar algúns anos máis de 100.000 exemplares.
Comentar que, os que puideron, achegáronse á punta do Faro. Este Faro foi construído en 1850.
Despois desta visita, subimos ao lugar do restaurante O Semáforo, desde onde hai unha fermosa vista da ría do Vicedo, Illa Coelleira e ría de Viveiro. A nosa guía contou a lenda desta Illa que non imos reproducir aquí e podedes consultar en: http://galiciaencantada.com/dentro.asp?c=20&id=1516
Logo desta visita, baixamos ao porto do Vicedo e desde aquí volta a Lugo.
Agardamos que os veciños e socios disfrutaran deste día e dámos as grazas, unha vez máis aos organizadores e á Deputación.

Saúde. 
Manolo Muñiz


02 julio, 2012

Terras de Lugo ultima o trazado da Ruta das Feiras


Público asistente na primeira xornada




                                                    Feireando III



01/07/2012 - Pablo Rodríguez / El Progreso (Lugo)


O grupo de desenvolvemento rural (GDR) Terras de Lugo espera concluír en setembro os traballos de delimitación da Ruta das Feiras, que unirá os pobos da comarca de Lugo onde se celebran feiras ou as houbo no pasado.
Dos preto de 190 quilómetros que terá esta ruta, tan só está pendente de definir o trazado entre Rábade e a parroquia lucense de Ombreiro. Unha vez rematadas esas tarefas, o GDR iniciará contactos con distintas institucións e asociacións en busca de fondos para pór paneis informativos nos lugares que celebran ou acolleron feiras. A medio prazo, a intención é sinalizar todo o trazado. Así o anunciaron onte o presidente e o xerente de Terras de Lugo, Álvaro Santos e Antonio Ventura Figueroa, no transcurso das terceiras xornadas Feireando, que se celebran no Corgo.

Máis información en:
http://elprogreso.galiciae.com/nova/181298.html



01 julio, 2012

Breve resume da viaxe - KM 0 - Deputación Provincial para os GDRs da Provincia con motivo do XX aniversario da Reserva da Biosfera Terras do Miño e Ancares 25-06-2012


Os asistentes a carón do rio Navia, en Navia de Suarna

 O pasado luns, día 25 de xuño, tivo lugar a viaxe KM 0 que a Deputación organizou para os representantes das Xuntas Directivas dos GDRs da provincia con motivo do XX aniversario da Reserva da Biosfera.
Logo do recibimento na Deputación tivo lugar unnha conferencia arredor das reservas da biosfera que impartiu Javier Ferreiro. Seguidamente tivo lugar unha visita ao centro de interpretación que a Deputación ten no río Rato. Desde aquí marchamos a Navia de Suarna onde visitamos a fábrica de embutidos Suarna, breve visita a Navía de Suarna e a seguir subimos ata O Piornedo, onde xantamos e visitamos o lugar e, a palloza que está adicada a museo. Alí puidemos lembrar a vida doutros tempos e os problemas que teñen para conservar os teitos das pallozas, debido a que xa non se sementa nin se recolle  centeo coma antes.
De Piornedo baixamos a Donís onde visitamos a súa fermosa igrexa, que foi obxecto de reformas hai poucos anos. Salientar as pinturas e tallas que conserva.
Logo desta vista regresamos a Lugo. Dar as grazas á Deputación Provincial e ás persoas que organizaron esta viaxe.

Saúde.
Manolo Muñiz