Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

29 septiembre, 2010

O pazo das musas, nº 23 (30-09-10)

Preme AQUI para acceder

Lembranza da presentación do libro de Antonio Reigosa

Preme AQUI para acceder


COMUNICADO DE "OS SENDEIROS" DE FOZ.

Ola amigos :

Os Sendeiros de Foz agradécenvos a vosa presencia neste encontro do sábado 25 de setembro, oxalá sexa o motivo para conservar e manter unha amizade que perdure no tempo. No que poidamos axudar, ter en conta que podedes contar con nós. Unha aperta e se queredes quedades emprazado para o

V ENCONTRO
que faremos o ano que vén o
sábado 24 de setembro.
José L. Suárez Muñiz
Presidente Os Sendeiros de Foz

28 septiembre, 2010

BREVE RESUME ROTEIRO DO RÍO OURO E RUTA DAS PRAIAS


O sábado, 25 de setembro, convidados pola asociación Os Sendeiros de Foz, realizamos esta fermosa ruta, partindo da praia da Pampillosa para irmos ata a aldea de Fouzouro e ascender río arriba ata voltarmos ao punto de saída. O traxecto do río Ouro transconrre por lugares , como diciamos, fermosos e sempre pegado ao río. Chamounos a atención a canle de auga pola marxe esquerda e a desfeita que fixo na ribeira as inundacións que sufriu a costa esta primavera. Nas fotos podemos observar isto.
De volta, os da asociación Os Sendeiros, tíñanos preparado unha auga e froita, é de agradecer esta amabilidade; logo do pequeno descanso, seguimos arredor da costa con fermosas calas e múltipes paneis informativos ao longo do percorrido. Entramos en Foz pegados á Rapadoira e ao pé do porto fomos agasallados, para os que quixeron, con bonito e bolo preñado.

Desde aquí damos as grazas á organización e, finalmente dicir que nos xuntamos asociacións desde Luarca, Navia, Lugo, As Pontes ata os de Amigos do Patrimonio. En total, segundo a organización, unhas 540 persoas.


Saúde e Terra. Manolo Muñiz

22 septiembre, 2010

XIII Premios COAG de arquitectura


A delegación de Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia a través da súa Comisión de Cultura ten o pracer de comunicarlle que dende o 17 de setembro ata o 15 de outubro de 2010 poderá visitarse a mostra do XIII Premios COAG de arquitectura no salón de actos do edificio da delegación en horario de 9:00-14:00h.

A exposición presenta as obras rematadas nos anos 2006, 2007 e 2008 que a xuizo do Colexio de Arquitectos foron merecedores de ser galardoadas como arquitecturas de referencia dentro de Galicia.

A exposición presenta as obras rematadas nos anos 2006, 2007 e 2008 que a xuizo do Colexio de Arquitectos foron merecedores de ser galardoadas como arquitecturas de referencia dentro de Galicia.

Os premios outorgáronse nas seguintes categorías:

A) Edificio de nova planta

B) Rehabilitación

C) Decoración e interiorismo

D) Espacios abertos públicos (prazas, paseos,

parques, etc.)

E) Arquitecturas efémeras

Poderán contemplarse as obras premiadas nas distintas categorías a través de paneis explicativos con fotografías e planimetrías orixinais con referencias os seus autores e situacións das obras.

XIII Premios COAG de arquitectura
17 de setembro-15 de outubro
Salón de Actos do Colexio de Arquitectos
Horario: 9:00-14:00
(máis información http://www.coaglugo.es/gl/)

20 septiembre, 2010

BREVE RESUME ROTEIRO DESDE O CASTRO DE FORMIGUEIRO POLA SERRA DO ÉDRAMO E ROTEIRO FIZ VERGARA VILARIÑO


O sábado, día 18 de setembro, como tiñamos planificado e correspondía devolver a visita a Sarria coa Asociación Arcas. Arredor das 10:00 h. agardábannos e desde aquí marchamos para comenzar o roteiro desde o Castro de Formigueiros ata a estrada que sobe de Samos a Aira Padrón.

Comenzamos coa visita ao Castro de Formigueiros, coas explicacións de Xaime Félix López Arias (Arlindo), a quen agradecemos desde aquí a súa prestancia e disposición. Dicir que o castro está situado na parte do poñente da serra do Édramo, entre as Terras de Sarria, entre o Camiño de Santiago, ao norte, o este, O Val do Mao e ao sur-sureste as Terras do Incio e Ribeira Sacra. Cunhas impresionantes vistas sobre o territorio anteriormente aludido. O imponente castro do que se comezaron as escavacións no ano 1992 e continuaron nos últimos anos, estando paralizadas actualmente. Non entendemos como non se poden continuar estes traballos de excavación para poñer en valor todo este territorio. Reclamamos das autoridades competentes que retomen estes traballos.

Puidemos observar a pontencialidade arqueolóxica do castro e os traballos desenvoltos, lamentando á parte da paralización das obras o feismo que provocan sobre o castro os postes do tendido eléctrico, non entendendo como poden suceder estas cousas nos nosos dias.

Logo da visita ao castro continuamos todo ao longo da serra do Édramo coa vista continua do Val do Mao para o este, ao norte a serra do noso Mirador e Iribio máis o este, ao fondo e ao oeste a cidade de Lugo e Terras de Sarria e Páramo por citar só algunhas. Ao longo do camiño puidemos ver varias mámoas e sobre todo o mirador sobre Samos, o Camiño de Santiago e Terras de Sarria. Só por estas vistas merece a pena a visita. Desde aquí seguimos para pasar ao pé do castro de Santa Margarita para baixar á estrada que nos levaría a Lóuzara.

Desde aquí subimos para observarmos a destrucción da paisaxe entre a aldea da Toca e Lampazas, antes de Aira Padrón. Que perda e que mágoa que teñamos que aturar tanta destrucción, isto non pasaría noutros países de Europa. A louseira afecta á paisaxe e ás augas do río Sarria, sobre todo cando chove.

Desde aquí subimos a Aira Padrón para comezar a visita do Roteiro Fiz Vergara Vilarriño, sendo xa a terceira vez que un o fai, non nos cansamos de voltar unha e outra vez e; coa lectura do poema que adica Fiz á Lóuzara Xabreira, da que di Vergara Vilariño: "e vese tamén a Lóuzara Xabreira/-¡aló/embaixo!-/afondada nun sartego verde/verde/verde". Desde aquí ata o lugar de Paredes.

Pola tarde; logo do xantar, continuamos coa visita ao Roteiro Fiz Vergara Vilariño. Desde a Ponte de Lóuzara fomos contemplando o fermoso val de Lóuzara, que foi o lugar onde pasou boa parte da súa vida o poeta Fiz Vergara Vilariño, inválido tras unha grave doenza que o recluiu na súa casa natal, onde pasou toda a súa vida adicado á literatura. A asociación Ergueitos de Sarria leva varios anos promovendo o Roteiro literario “Fiz Vergara Vilariño”, un percorrido polo val da Lóuzara que combina as paisaxes literarias do poeta con obras artísticas de figuras, desde Primitivo Lareu, Buciños, Álvaro de la Vega, Violenta Bernardo, Miguel A.Macía, Fenando Yáñez, Mónica Alonso, Caxigueiro, Paco Pestana ou Manuel Caamaño, ubicados en lugares decisivos da súa vida e obra.

Xa en Santalla de Abaixo, logo de visitar o vello Muíño albeiro e a Fonte da Cova, tivemos ocasión de visitar o escritorio de Fiz, grazas á amabilidade e disposición da súa famlia, neste caso, a súa irmá Imelda, a quen agradecemos desde aquí a súa acollida. Logo de asinar no libro de visitas, continuamos polo fermoso camiño onde se encontran o resto das obras ata a derradeira de Manolo Caamaño, no lugar A Pedra do Río . Pozo de Beltrán.

Na bremanza-lembranza do noso benquerido poeta, Fiz.

Saúde, Terra e Lingua.

Manolo Muñiz

16 septiembre, 2010

COMUNICADO A TODOS OS SOCIOS DE AMIGOS DO PATRIMONIO E VECIÑOS DE CASTROVERDE

Comunicar que a comenzos deste mes de setembro, faleceu, despois dunha longa enfermidade, a muller de José Enrique Villarino Valdivielso, veciño de Bolaño e socio de Amigos do Patrimonio de Castroverde, creador, mantedor e columnista do noso blog,

http://amigosdopatrimoniodecastroverde.blogspot.com/


Queremos expresar o noso agradecemento a J. Enrique, asistindo a unha misa, pola súa muller, que se celebrará, o día 26 de setembro na igrexa de Castroverde, ás 13:00 horas.


Agardando que poidades asistir, recibide un saúdo.


A Xunta Directiva da

Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde.


ROTEIRO POR TERRAS DE FOZ, SÁBADO, 25 DE SETEMBRO


Encontro de Asociacións na costa.

A este roteiro convidáronnos os sendeiros de Foz, podedes informarvos en:

www.ossendeiros.es

Ás 8:30h saída da praza de Castroverde ao pé do Pereira.

Ás 10:00 h. en Fazouro.

Comida: convite da Asociación Os Sendeiros.

COMUNICALO ANTES DO DÍA 20 DE SETEMBRO

Saúdos. Manolo Muñiz

16 de setembro de 2010


15 septiembre, 2010

ALGUNHAS IMAXES DAS PROXECCIÓNS SOBRE O CAMIÑO PRIMITIVO EN VILABADE



PROXECCIÓNS QUE ESTÁ FACENDO, ALFREDO (SOCIO E ENCARGADO DE ENSINAR A IGREXA E FACER AS PROXECCIÓNS, DESDE 8:00 H A 12:00 H)





13 septiembre, 2010

PUNTUALIZACIÓNS DO ROTEIRO DO SÁBADO

Dia 18 de setembro de 2010

ASOCIACIÓN CULTURAL ARCAS.- SÁRRIA
ROTEIRO DA SERRA DO EDRAMO

Programación:

10:00 horas.- Diante de EROSKI ( Rúa Matías López ) . Reunión e Saída
dos autobuses
10:20: Visita ao CASTRO DE FORMIGUEIROS ( En proceso de excavación).
Roteiro con visita a Mámoas, Miradoiro e saída no pk 3 da estrada de
Lóuzara. Recorrido a pé : 5 km.
Recollen os autobuses aos participantes.
Parada para vista panorámica da Serra do Iribio antes do Piornedo.
Parada en Aira Padrón para vista panorámica de Lóuzara, Terra de
Sárria e Lemos, e inicio do Roteiro Fiz Vergara Vilariño,
Parada no cruce da estrada de Foilebar ( vista panorámica do monte de Miranda),
Chegada a A PAREDES: xantar na Cantina.
Baixada en autobús ata a PONTE DE LÓUZARA.
Recorrido a pé pasando por MUIÑO DE REQUEIXO, CAPELA DE SAN ROQUE,
CRIADEIRO DE SALMÓNS, SANTALLA DE RIBA, SANTALLA DE BAIXO, FONTE DA
COVA, IGREXA E CEMITERIO DE SAN XOSÉ DE SANTALLA, FERVENZA... pasando
a carón das diferentes esculturas do Roteiro Fiz Vergara.
Volta para Sárria.

O xantar será na Cantina de Paredes e terá un custe aproximado de 15
euros por persoa.

Pídennos que confirmemos o número de participantes entre martes e mércores.

Saudos

ARLINDO

BREVE RESUME DA PARTICIPACIÓN NA XXXIII ROMAXE IRIMEGA CELEBRADA EN MONTERROSO, NO LUGAR DA PENEDA. “Se ti viras o que eu vin”


Alá van trinta e tres anos desde a primeira romaxe no Pedregal de Irima celebrado o 16 de setembro de 1978. Con estas palabras ou parecidas comezaba a Romaxe deste ano. Sorprendéndonos algúns, cando dixeron: Erguede as mans os que estivestes no Pedregal no ano 1978, sodes moitos ou poucos?. A verdade non vin moitas mans erguidas, mais lembro que estiven en 1978 e non voltei a saber nada da Romasxe ata hai dous anos, volvendo participar o ano pasado en Aguiño e, este ano en Monterroso.

Arredor das 11:00 h, acollida con pan e queixo da Ulloa, pasadas as 12:00 h. Celebración. Antes de comenzar unhas palabras de benvida e palabras de acollida do Sr.Alcalde de Monterroso.

Non tería palabras para resumir todo o que se comentou, simplemente, dicirvos que houbo momentos emocionantes, sobre todo cando se lembrou a persoas xa falecidas.

Dicir que animamos a todos a que participedes, porque é un xeito diferente de vivir as crenzas cristiás, moito máis real e obxectivamente, moito máis enraizado na nosa terra e cultura, ca o da igrexa oficial, sen esquecer ao resto da humanidade.ou a catolicidade, unha das notas da igrexa, reflexada na multiplicidade de realidades.

Comentar que participaron na celebración un grupo de rapaces e rapazas, dirixidos por Xabier Blanco e acompañados polo grupo a Quenlla.

Logo pola tarde festa co grupo a Quenlla e Falcatrueiros de Monterroso rematando o acto, arredor das 18.00 h, coa oración da tardiña expresada por todos os presentes, na igrexa parroquial de Monterroso, que por certo celebrará o centenario da súa construcción o 19 deste mes de setembro.

Dicirvos que os que alí estivemos comprometémonos a celebrar a Romaxe no ano 2012 en Castroverde, para o que imos precisar da axuda de todos vós, socios e veciños.

Saúde, Terra , Lingua e Igrexa Galega.

Manolo M.B.


ROTEIRO POR TERRAS DE SARRIA E LÓUZARA. ASOCIACIÓN ARCAS DE SARRIA E AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE.

SÁBADO, 18 DE SETEMBRO.

Castro de Formigueiros e Roteiro Fiz Vergara Vilariño.

Ás 9:15h saída da praza de Castroverde ao pé do Pereira.

Ás 10:00 h. desde Sarria.

Camiñata ao Castro de Formigueiros.

Pola tarde

Roteiro Fiz Vergara Vilariño.

COMUNICAR A PARTICIPACIÓN ANTES DO DÍA 16 DE SETEMBRO, XOVES.

Saúdos. Manolo

A 11 de setembro de 2010


11 septiembre, 2010

¿Que se sente ao cumprir os oitenta?

No meu caso, setenta do pasado e dez do actual. ¡Ante todo, e por encima de todo, un fracaso colosal, e por ende, uns remorsos atroces! Como nos bautizaron en latín, así comezarei… Confíteor Deo omnipoténti…, quia peccávi nimis… Para mal empezar, comezamos cunha Ditabranda, que así lle chamaban, pero, anda, que se chega a ser dura…! A verdade é que o Ditador tamén o tivo difícil coas repercusións daquel crack de Bolsa do ano 1929, e por engado, as revoltas sociais duns traballadores que estaban fartos de que os mantivesen coas migallas caídas da mesa do amo…

Comezamos a andar co sol dunha república que naceu polos cerros de Úbeda, ¡catro ilustres, corenta ilusos, catrocentos señoritos temerosos por quedarse sen o cabalo do seu orgullo, fatuo, herdado, e…, ¡catro millóns de españois que clamaban: Panem nostrum quotidiánum da nobis hódie!

Chegou a idade de mandarnos á escola, e daquela puxéronos Cara al sol. ¡Cara ao sol estivemos corenta anos, que así quedamos cegos, incapaces de distinguir, incluso entre o bo e o malo! Pero no último cuarto do XX xurdiron catro listiños que se daban de profesores, ofrecéndose para unha sobremesa democrática, ¡Nada de pan para todos: pasteis! ¡Si, si, pasteis; pastelería a deles, que se afixeron á rica torta, mesturando a orzamentaria coa extra! E nós, o pobo raso, de novo polo chan, tan de xeonllos que xa nos saíron “beatas” neles; apañando as rafas, de paso que solicitamos, e nos conformamos, con, Panen e circenses!

Daquela, nós, os raseiriños, non temos culpa, non pecamos! ¡Claro que pecamos, principalmente de omisión! Sequera ben se nos propuxo, a golpe de altofalante: “¡Habla, pueblo!”. Pero calamos; tanto, que apenas houbo voces esixentes que pedisen listas abertas…, ¡para escoller os mellores, que haber hainos, como se observa nas directivas de certas empresas!

¡Eis aquí o noso pecado, tan moral, e tan mortal, que incluso nos meteu nunha crise de identidade da que está resultando penosísimo saír! Daquela, ¡ai Deus, qué fixemos! Irmán, o pecado non estivo en facer, senón en omitir! ¿Como así?

Ab initio, os nosos maiores, que non foron capaces de encarreirar unha república, evitándolles aos apeados a ocasión do seu desquite; ¡e púidose facer, simplemente lexislando con pulso e con puga, apagando, de paso, lumes e fumes!

A continuación permitimos que volvesen a Covadonga os magrebís, e que apease do seu cabalo branco ao noso Iacóbi nada máis e nada menos que un tal Mizián, ou Missiano, que quere dicir, “O Bon”, Capitán Xeneral da 8ª Rexión. ¡Oito séculos de reconquista frustrada! ¿É, ou non é, retroceso histórico?

Nisto, as cartillas de racionamento, a cousa máis irracional do mundo. E nós, como daquela non se podía emigrar, que ningún país civilizado nos abría as fronteiras, en vez de sachar na horta metémonos a Gardas, para cubrirlle as costas, para gardarllas, ao galego menos galego da nosa Historia!

É verdade que tan pronto se puido…, ¡fuximos! ¿Para qué? ¡Para remesar divisas, reconstituíntes que reconstituísen a nosa Dita-dura, e encima diso, saíron publicadas polo IEME como “Turismo”! Lóxico: a emigración era necesaria pero vergoñosa, vergonzante; e o turismo, un indicador de que o Paraíso Perdido estaba en España, no país do sol e das alpargatas!

A todo isto, boas persoas que somos, polo menos aló no fondo, afanámonos cos fillos, dándolles, non do que tiñamos, senón do que hipotecamos. Foi unha boa obra, pero con outra omisión: ¡Que para facelos felices, escondémoslles as nosas miserias, que así saíron de chulos e desagradecidos, polo menos algún! ¡Ah, pero detrás do pecado, correlativa, sempre vén a penitencia: Agora estase vendo que eses fillos son do máis tirano cos deles. ¡O péndulo de Faucault, que é inexorable!

¡Señor, Señor, fomos traballadores, iso é certo, pero algo manirrotos, tamén! E por engado, crédulos: Para ternos felices dixéronos que España ía ben…, pero calaron, ignoraron, taparon, a súa torpeza directiva, que inexorablemente nos tiña que arrombar ao fondo desta Crise socio económica actual!

A esperanza que nos queda é pedirlle ao Sumo Facedor, cando chegue a hora do noso transo, que teña a ben designarnos Anxos da Garda das novas xeracións, sequera sexa para transmitirlles algo de prudencia, baseados na nosa, ¿terrible?, ¿frustrante?, experiencia. ¡Amén!

Xosé María Gómez Vilabella

Artículo publicado no diario "EL PROGRESO" de Lugo o 9/9/2010

07 septiembre, 2010

Exposicion pictorica "Il primo bacio"

Achégovos este convite persoalizado para contar coa vosa presenza o

luns 13 de setembro, as 20h. na Sala.A (1º Andar) do

CSM "Uxio Novoneyra"

(Rua Quiroga Ballesteros, s/n) de Lugo na presentacion da

Exposicion pictorica "Il primo bacio" do amigo

Elios Billitteri.

Manuel Muñiz