Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

31 diciembre, 2008

Moitas foron as felicitacións recibidas .....

..... e moitos son os desexos da nosa Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde de paz e felicidade para todos, amigos e lectores, en 2009


Felices festas dende Caamouco


Gracias Muñiz, témonos que poñer en contacto para preparar un bo roteiro. Cando vexa eu que se achega a data pasarei un programa para que opinedes. Ata entón una forte aperta e unhas agarimosas e felices festas para todo o colectivo de Amigos do Patrimonio de Castroverde.

Ernesto


De Castroverde de Campos

Manuel:
Haré llegar vuestros deseos de felicidad y prosperidad para estas fiestas y el próximo año. De igual modo os deseamos a todos vosotros una Feliz Navidad y un Año Nuevo que colme todos vuestras expectativas personales.

Saludos.

Sarvelio y familia.


De Castroverde de Cerrato

Estimado Manolo:
Mis mejores deseos de Paz, Prosperidad y Felicidad en esta Navidad y para todo el Año 2009.
Un abrazo:

Jose Luis Suescun


De Castro Verde (Alentejo. Portugal)

Caro Manolo:
Em nome do senhor Presidente da Câmara Municipal de Castro Verde, vimos por este meio desejar a todos os nossos amigos de Castroverde de Lugo e os seus familiares, um bom Natal e que o Ano de 2009 seja feito de muitas alegrias. Ao mesmo tempo, que possamos desenvolver o nosso projecto de hermanamiento de forma a que nos possamos conhecer todos melhor e criemos uma bonita ponte de amizade sem qualquer barreira nem fronteira.
Para ti e para os teus um abraço de muita amizade.
Bom Natal e Bom ano.

Miguel Rego


GRACIÑAS A TODOS


30 diciembre, 2008

Miscelánea

Saga das curuxas verdes

Conto tremendo para esperta-los nenos,

pois,

o que é durmir, dórmense sos.


Apenas asentadas as augas, en vista de que non volvía a pomba da paz, ¡seguramente extraviada!, a aguia e maila curuxa saíron a voar, xuntas, de recoñecemento, que se fixeran amigas naquela soidade da gaiola de Noé. A curuxa era gordiña pero cativeira, e como a cara é o espello da alma, tíñaa, a cara, en forma de corazón; de afeita a vivir nas carballeiras, saíronlle polo lombo unhas plumas verdes, que de aí tirara o seu apelido. A aguia, pola contra, era forzuda e de moita envergadura; voaba máis alto cá curuxa, e por iso foi a primeira en albiscar unha especie de illa, mesmo colgada do globo terráqueo por unha costura de montañas; daquela díxolle á curuxa:


-Acelera, pois imos aterrar aí abaixo, que este curro está seco…; ou máis que seco, reseco, arrasado.

-¿Con este sol? ¡É que non vexo nadiña!

-Despois do noso encerro nesa arca sombriza e pestilente precisarás lentes escuras para saír á luz do día, pero déixate guiar por min, que nesta parte hai terra firme… ¿Non a ves? Isto que temos debaixo parécese á pel dun touro, que igual a puxeron a secar por culpa deste diluvio. Prega as alas para non caer en picado…, pero tras miña, pois, como a vin primeiro, eu farei o niño no medio, tal que nesa Costa das Perdices, ¡e con iso tomo posesión de toda a Meseta, Mayrït incluído!

Neste punto a curuxa tivo algún receo:

-¡Iso que propós, esa esixencia, non é xusta! Son a túa amiga, e como tales saímos xuntas da arca de Noé, dispostas para voar aventuras. ¡Iso foi o acordado! Pido, en xustiza, un condominio, a partes iguais; un, tanto monta…; ¡xa sabes!

Pero a aguia quixo facer honor ao seu nome:

-¡Tampouco pode ser, pois eu voo máis alto; e ademais, son dereitos de conquista!

A curuxa, prudente por natureza, botou man do seu código, con mansedume pero enérxica:

-Querida aguia, dous puntos, que ti erras un chisco pois, antes desta noite das augas alborotadas, eu xa moraba nun curro desta península, tamén chamada, polo seu topónimo, Hesperia, ou sexa, Terra de coellos, que eses, de tanto que larpan, deixárona seca. ¡Vainos castigar Deus cunha mixomatose, e ti non poderás comelos!

-¡Demóstramo! – Desafiouna a aguia, sempre e de sempre fera.

-¡Posmo fácil! Eu tiña o meu lar na Serra de Meira, por xunto do de meu pai, que sempre foi Miño. Desde que comecei a voar, as miñas saídas eran os venres, que me ía de botellón desde o Navia ao Támoga, gaceando e cazando, cazando e gaceando. Como ves, ti que ves de día, o meu tecor é unha chousa verde, precisamente na parte traseira, na parte mollada, deste touro, herdada de Adán por parte daquela filla mexeriqueira chamada Galicia… Si, Galicia, aquela que casou cun fillo de Hércules ao que chamaban Breogán. Despois diso…

Despois de dito iso, iso mesmo, calou, en vista de que a aguia nin escoitaba nin quería escoitar, así que de pouco lle valeu á curuxa defende-lo seu preito naquela herdanza ancestral, nin sequera invocando iso de que, primeiro no tempo, mellor no dereito. Cando lle pareceu ben, a aguia arrogouse unha ocupación gótica, ou máis que gótica, ¡visigótica!, co cal dona Curuxa, como tiña poucas garras e menos vista, quedou condenada, per saecula saeculorum, a ser foreira da aguia meseteira.

¿Que por qué apelidaron gótica á aguia hispana? Iso non está nesta saga, pero a pouco que observemos, nótaselle: ¡É máis estirada, máis altiva, máis oxival, có románico, pois este, como o seu nome indica, é romo!

Quixen saber da coexistencia daqueles animais, posto que se iniciara cun diluvio seguido dun preito de augas, e aquí tedes, en resumen, o que me contou o sabio Merlín nunha noite de devalo, que a pasamos, mentres houbo lúa, desenguedellando misterios.

Primeiro a fe de vida, como é usual nas biografías célebres. Aquela avoa-curuxa, escorrentada de Mayrït pola aguia centralista, pousouse no último dos extra muros dispoñibles, concretamente na ría de Muros, mesmo sobre uns cantos rodados que baixaran das montañas no último glaciar, arando e fozando, que así se formaron as rías galaicas; despois botou unha ollada panorámica, tal e como fan as curuxas actuais, gozando de canto quedara a salvo do vello paraíso, que non era pouco naquel país tan verde e tan acolledor, tanto, que pasou a sentirse mellorada, ¡e iso que a aguia da arca tentara desherdala! Dona Curuxa, agradecida ao seu salvador, como boa galega, bautizou unha daquelas hortas que remataban en praia co nome evocador de Noelia, ¡terra de Noé, que quere dicir, do que non é, porque non pecaba, porque era distinto dos outros! De aí nos vén iso de Noia.

De aterrada, casou co Curuxo, un conxénere de Vigo librado do diluvio universal porque naqueles tempos emigrara para as illas Cíes, que diso, de estar ceadas, illadas, lles vén ese nome, que aínda se conserva por máis que Ptolomeo lles chamase Illas dos Deuses, ¡porque tiveran recomendación daquela do diluvio! O Curuxo da arca, o macho da parella, sentíndose morgado quedárase nela, ¡que emigren os minorazos, que eses non teñen mellora!, e así lle foi, que morreu só, de aburrimento e de vagancia. Os curuxos das Rías Baixas tivéronas altas, que así foron aniñando, de souto en souto, ata repoboar, ao completo, todo o país dos percebes, ¡unha auténtica Gallaecia! Disto se infire que no Finis terrae pararon pouco, pois, ademais de ser cus inquedos, resultoulles incómoda aquela veciñanza debido a que os fenicios non paraban de cortárlle-los castiros onde aniñaban, para que non lles gaceasen, para que non desen alarma nin testemuño das súas rapinas nocturnas: ouro, prata, estaño…

De paso, aqueles fenicios, atando aqueles toros con correas, levábanos tras das súas naos… ¿Para qué? ¡Cunha dobre finalidade: á vez que aqueles troncos lles servían de disimulo ou de cobertura das súas rapinadas metálicas, vendíanllelos aos exipcios para ataúdes, meténdollelos como cedrus libani! Iso de embalsamar foi tempo adiante, que o inventou aquel médico dos faraóns chamado Sinuhé. Os cadaleitos de ameneiro inventounos, moito despois, un xudeu de Ribadavia, de mal nome Eliseo ou Fariseo, non me lembro ben; caeu na conta diso ao comprobar que o verniz da liñaza galega tamén servía para imitar madeiras nobres, e por tanto, caras.

Nestas circunstancias, como os curuxos oestrimnios eran pouco dados ao mercadeo e á industria, salvo que fose con royaltis, deron en cava-los montes costeiros, costeiros e costeños, e tamén pasaron dos vermes ao maínzo do país, que por entón o millo, ese do gran gordo, aínda estaba en América, pero como na casa dos pobres todo é farelo, tiveron que volver á empanada de vermes, aos mesmos que utilizaban para poñer nos seus anzois de pescar. As curuxas das Rías afeccionáronse a contemplar o mar…, esperando polo incerto retorno dos curuxos pescantíns. O ambiente era excitante ollando aquelas ondas que se desfacían en bicos, dunha erótica subida, nas rochas do cantil, así que idearon algo que requirise moita pacenza…, para agardar, de paso, con algo de proveito, que así foi como deron en acariñar aquel liño que se daba nas terras do interior, decatándose de que se podía fiar, igualiño que se facía coa la das ovellas, pero despois de ben gramado e lambido. Nesa observación deron en xogar cos fíos, pero sen quita-los ollos da escuma rompente: ¡saíulles o encaixe de boliños, que é igual que dicir, un encaixe de amores! A estas alturas dos tempos xa era público e notorio que as curuxas, ademais de sabias, son argalleiras e de moita inventiva.

¡Alfinetes por aquí, alfinetes por alá; no vai e no vén, en definitiva, saíulles, oh deuses, unha touca que imitaba aquelas ondiñas do mar bravío, tan elegante que para si a quixese dona Águia parda! Pero entón, o demo, que non durme nin de día, foille co conto á aguia gótica, que ese era o apelido da parda, e por culpa daquel Vilano do Cabo, aí da parte de Carballo, houbo que dedicar un quinto das puntillas para o enxoval das raíñas de Castela, netas de dona Aguia.

Ante esta nova desgraza, boa parte das curuxas verdes, galaicas de apelido, emigraron, cos avós como guía, pola ruta do sol nacente. Voa que te voarás, ata que deron cun cantil percebeiro que lles aseguraba o condumio; ou polo menos o entrante. Co que non contaron aqueles curuxeiros oestrimnios foi coa veciñanza do señor do castelo de Caión, fortaleza construída nun caio, ou sexa, nun promontorio, pero como os aguiachos góticos eran máis altivos có feudal de Caión, este foi vencido, xunto cos seus irmandiños, e daquela decaeu en esbirro do máis feroz dos centralismos.

Súa Mercé, aquel señor-vasalo de Caión, chibouse, como era a súa obriga de delegado gobernativo acollido ao complexo de Estocolmo; así que entón apareceron no cantil, en carrozas conducidas por ananos e facendo que veraneaban, unha centuria de aguiachos; coa mesma, aproveitando aquel suposto veraneo, impuxéronlles aos curuxeiras un novo tributo, ¡o dos quintos!

Aquel pecho pechábase así: o quinto dos curuxos de cada xeración, por metades; uns, de catacaldos de palacio, para preve-los envelenamentos dos señoritos; outros, de mestres da lingua, pois aqueles góticos decatáranse, xa nos tempos do rei Afonso X, de que a lírica galaica era puro lirismo, ¡aínda que se recitase sen lira! Polo que respecta ao quinto das curuxiñas, e tamén por metades, de entrada ían ao xineceo dos falcónidos, e desde que as poñían a parir, aleitaban madrileños de caste, ou sexa, aguiachos da grandeza de España. A outra metade das curuxas, as máis débiles, quedaban para mucamas dos caciques, que daquela en Madrid aínda non había indias, nin filipinas, que se estaban criando nos viveiros respectivos.

Non parou aí a cousa, pois aqueles aguiachos de mouros esporóns tamén esixiron, decote, o quinto de canto marisco mariscasen todas e cada unha das subtribos da tribo curuxeira. Iso como entrante, pois os aguiachos xantaban perdices das da Costa delas, e bebían mistela dos viñedos de Hortaleza rebaixada con auga do Manzanares. ¡Nada, que con esa mingua do produto interior bruto, os curuxos tiveron que aventurarse pasando ao interior, e cultivar millo e tarrelas do país, a esgalla, cousa de escaso rendemento pois daquela aínda se coñecía pouco o millo e mailas patacas indias. En perpetua lembranza daquel infortunio, puxéronlle de nome ao campamento abandonado Mal Pica dos Bergantiños, ou máis exactamente, Mal Picada a dos Vergallos, que de Vergallo pasouse a Bergaño, pero coa minoración, co esquecemento daquel drama, quedouse en Bergantiños.

Reunidos en Meirás, en concello aberto, as sete tribos acordaron fixa-la súa capitalidade nas terras breoganís, transitoriamente, ata que fosen chegados os tempos do Señor Santiago, pois Compostela por entón era unha gozada, ¡pero de monte! ¡Fixérona boa! Na Coruña montara Hércules un facho, co que a noite clarexaba máis có día, e xa sabemos que as curuxas céganse con pouca cousa; e logo que na Herculina todo eran pitos de gravata, e dáballes vergoña fala-lo galego, maiormente desde que souberon que na confinante Inglaterra había sires e lores.

Nada, que só resistiron aquel señorío os engravatados, así que os demais emigraron, de novo, pero esta vez á ferrolterra, que lles pareceu aferrollada, defendible. Na boca da ría, ao estilo das falcónidas, encastillaron dous fortín, un en cada beira; e no interior, polo camiño da corte das aguias, desfixeron a ponte romana, aquela por onde baixaban das alturas as carrozas dos aguiachos cando viñan a por lignito para quenta-los seus niños mentres se derramaban as neves e mailas xeadas do Wad da Rama. É fama que aquela ponte non foi levadiza ata que, anos despois, apareceu por alí un enxeñeiro chamado de bo nome García, García Rodríguez, que quere dicir, ¡tan gracioso coma don Rodrigo!

Séculos despois viñeron outros falconetes, que casualmente tamén eran enxeñeiros, e para transportar ás abas do Guadarrama non sei cantos megawatts de luz e de calor, inventaron un crisol chamado térmica, onde meten lignito e sae unha corrente eléctrica, que se vai para Mayrït correndo, correndo e saltando, de torre en torre. ¡Que cousas!

En vista diso, os pitiños de dona Curuxa, os da enésima xeración, reclamaron a reinversión dos quintos, para compensa-la enerxía transfugada, pero nin con esas, pois para as curuxas sempre é de noite. De primeiras, para engaiolalas, e nunca mellor dito, prometéronlles unha cota transaccional de laranxas de Valencia, e de aceite altivo, dese de Xaén, ¡que resultou ser pagable en pesetiñas de curso forzoso! ¡Outro bluff, pois as peticións das curuxas, como gorxean pouco, soben por Pedrafita arriba case sen eco, e por conseguinte, as dádivas non baixan, nin por Pedrafita nin pola Canda, e menos aínda pola garganta do Sil! De entón procede aquel dito de, “¡Quinto levanta, tira da manta, que vén o Cabo da Wad da Rama co cinto na man…!”

Volvendo atrás, volvendo á avoa, aquela vella verde que se tivo por ceibe cando baixaron as augas da noite de No É: Seica feneceu en Fene, vítima dunha reconversión galopante, pois os albeites de entón, para reconverterlle o sangue, en lugar de transfusións fiduciarias levadas a cabo coa industria dun bo cirurxián, puxéronlle sambesugas; ¡e por ende, morreu, claro, de morte matada! Menos mal que a tribo das curuxeiras saíu traballadora e ben preparada, co que van levantando cabeza, pouco a pouco, pero quedoulles a vista, consecuencia de tantísimos percances e discriminacións, un tanto cansada, extraviada, saltona, asombrada; xa non distinguen a noite do día, así que ata din que chove cando mexan por eles.

Todo isto en canto aos faceres da avoa Curuxa, pois dos seus saberes pouco está dito: femia de alta cultura e de curto voar, ademais do oestrimnio, que lle viña do seu berce, aprendera latín, precisamente na arca noélica, que llo ensinou unha papagaia natural do Latio. Tamén filosofou algo cun dos xenros de Noé, ao que lle chamaban na arca Xan de Pericles. Amais diso aprendera compostura, donosura e dozura cunha nurse babilónica, que chegou a ser sacerdotisa en Delfos, e salvouse de milagre polo casual de que a pillou aquela tormenta exercendo de institutriz dos netos de Noé; precisamente grazas a ela, aos seus consellos, o patrucio fíxolle caso a Deus niso de construí-la arca, pois Noé, aínda que de boa fe, era máis desconfiado que un oestrimnio.

Chegada que foi a Noia, a curuxa mater deu en ensinar oficios a quen quixo aprendelos, como proban esas laudas dos gremios, conservadas na Horta de San Francisco. Precisamente en ruta para Noia, que daquela aínda non estaban trillados os camiños de Santiago, dona Curuxa, que estudara métrica en Alexandría con aqueles vates tan famosos do alexandrino, pasando polos piñeiros de Tella deu en asubiar, e saíulle un poema singular e sinxelo, pero desenervante, que titulou “Os Pinos”. Tempo despois deuno por inédito aquel acaparador de propiedades chamado Pondal, que foi un señor que se namorou das augas que escorrían da parte dos valadares, que dito en francés soa algo así como Balarés.

Outra sabenza que descorreu dona Curuxa foi a lei do movemento inmóbil, pero tamén lla plaxiou outro paisano, un franco natural das terras do Ferrol, ao que chamaban, en confianza por suposto, don Francisco Paulino Hermenexildo y Teódulo! (Os seus inimigos, naqueles tempos de tanto éxito da película Gilda, chamábanlle “Ese Xildo do Ferrol”).

Volvendo á Historia: Logo dos celtas, que de tan vergonzosos que eran pechábanse nuns castros murados, romanearon na terra das curuxeiras uns tipos que usaban gladius e que portaban unhas chlamys vermellas… Si, ho, aqueles que atacaban en fileiras moi pretas, ordenados en sintagmas de dez en fondo, ¡que con cada dez centurias formaban unha cohorte! Subiron aos castros dos kalaikoes a galope tendido, e castraron aos castrexos…, para quedarse, eles, de galos do curral! Este feito é histórico e foi estudado a fondo, para ordenar a súa “castra y doma de Galicia”, por dona Sabela de Castela, unha aguia que ademais de copiona e de santa, foi toureira, chegando a tourear nada máis nin nada menos que un mihura chamado Colón, fillo dun touro bravo que facía fillos bravos e que foi bispo de Mondoñedo. ¡Como volo conto! Tourear toureouno, pero el tamén tiraba á raza, que lle fixo crer que era xenovés de nación para que non lle anulase aquelas capitulacións de Santa Fe. ¡Foi o primeiro dos emigrantes neste país dos buscavidas!

Aqueles romanos ensináronlles aos curuxos a andar ao rego, que para iso lles trouxeron uns arados de vertedoiro, e tanto cultivaron o fornicio coas curuxas deste país que nos deixaron romanizados, ¡como pouco, para vinte séculos!

Tempo adiante, arreando nas ovellas e nas vacas teixas, montados a pelo en cabalos brancos, a imitación de Santiago, polo Camiño Francés asomaron os suevos, ¡outros suaves! Eran roibos, máis ou menos coma os oestrimnios; de aparencia ruda, ou polo menos así lles chamaron aqueles romanos, que os alcumaron, ¡qué parvada, qué ignorancia!, de bárbaros, cando que nos seus sentimentos eran dunha suavidade…, ¡sueva! Con eles, cos suevos, emparentados aos poucos cos bretóns, aínda mellorou, se posible era, a diplomacia deste país das curuxas tímidas. ¡Outra cousa é saber se tal humillación lles conviña! Para non ter conflitos de estranxeiría, os curuxos suevos doáronlle ao Señor Santiago, que de cando en vez baixaba á Fisterra para protexelos, por se había razzias mahometanas, o mellor, o máis alazán, dos seus cabalos brancos. O cabalo rin deixárano pacendo xuncos nas terras do Rhin, o que confirma que tódolos nomes, iso da toponimia, de algo procede.

O gran problema dos suevos foi que lles saíu un tío cachondo e protestón, de nome Prisciliano, que se non chegan a cortarlle o pescozo aló en Tréveris, aquí montaría, antes tempo, a revolución dos Irmandiños.

Tamén sabemos, por outra filtración histórica, que os curuxeiras da época celta foron os que inventaron eses valados de pedra nas leiras, e que facían as súas castras nos outeiros, escalamustrados daquel diluvio que padeceran seus avós. Tamén houbo celtas sen filtro, sen paredes, pero aqueles eran incombustibles, e aquí non tiveron éxito, que por iso se inventou o contrabando das rías. E xa que vai de rías: outro metro moi popular daqueles artistas, en competencia coas coplas das muiñeiras, foi iso da “Rianxeira”, tan soado. Como vedes, a cultura das curuxas verdes é abondosa. ¡Se fose igual o seu voar…, ai daquela…! Daquela este país sería una terra rica de xente rica, ¡tan ricos, todos, a feito, coma os dese lugarciño de Avión! Non chegaron a ricos pero quedáronse en sabios…, ¡que é unha categoría superior!

Pola súa parte, este relator entende que ás curuxas verdes, ¡camaleónicas por afinidade territorial, e por tanto, suaves pero agresivas, maiormente se lles tocan as leiras!, cómprelles adestrar a fondo, que posibilidades e dotes teñen para voar por si mesmas; pero iso con prudencia, pois tamén conta o sabio Merlín que un tal Ícaro, por culpa dunhas alas de cera, caeu, derretido, por un cantil da Costa da Morte, que tamén diso lle vén o nome.

-.-

Ensinanza, que non sería conto, nin sería divertido, se non a tivese: ¡Curuxas, adestraros, e non só co ensino dos vosos mestres pois tamén existe o auto didactismo; con ese adestramento, voaredes, incluso por riba da Pedrafita, e con esa altura de miras, competiredes coas aguias, coas rampantes, tan campantes coma aquela que se pousou na Costa das Perdices! Nesa fase cambiaredes de pluma, e sairanvos alas brancas, cruzadas de azur, tal que a nosa bandeira, e verédesvos impávidas ante os ventos bercíos. ¡Con esas, esperta neno, esperta ferro, pois os tempos da curuxa verde, para a que sempre era noite, están superados!

-.-

Neste intre óese unha música de fondo, que en nada se parece á Negra Sombra: Trátase da Alborada de Veiga, e con iso, con ese son, con esa vibración, deixan de queixarse os pinos do señor Pondal. O neno, de esperto, asoma pola ventá para gozar do novo día, e daquela descobre unha banda de curuxas que seguían sendo verdes, pero que xa non están verdes, senón lustrosas e prósperas; voaban moi alto, tanto que precisou axexalas porque, á primeira vista, confúndense coas aguias, súas eternas competidoras. Pero o que máis lle gusta é que xa non hai laios no seu gacear, e iso era porque a dignidade acádase voando!

Este amigo voso que só voa coa imaxinación,

Xosé María

21 diciembre, 2008

Breve resume do roteiro do día 20/12/2008

ROTEIRO:

CASTROVERDE – SAN MIGUEL DO CAMIÑO – PENALONGA – FONTAO – BOLAÑO- CASTROVERDE


Con este roteiro do día 20 de decembro deste ano que remata, a Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, dá por finalizadas as actividades.

Saímos de Castroverde, nunha fría mañá, mais moi luminosa e leda, baixamos ata Penalonga pasando antes por San Miguel do Camiño, as paisaxes con todo ser inverno eran fermosas. Salientar as vistas que hai de Recesende desde o Camiño Primitivo. No percorrido tivemos que apartar varias pólas de carballo. Pedimos que o Concello ou a quen corresponda, limpe o Camiño ao seu paso polo Concello de Castroverde. Deixamos o Camiño Primitivo e subimos a Penalonga, visitando a súa fonte. Seguimos camiño de Fontao, onde tivemos que seguir apartando pólas dos carballos. De Fontao a Bolaño salientar os dous muíños que temos no río Chamoso. Aquí é digno de ver o castiñeiro que hai ao pé dun dos muíños. Logo seguimos camiño de Bolaño, onde volvemos visitar a Cova da Valiña, porque había persoas que non a coñecían. En todo o percorrido puidemos ver os destrozos das últimas nevadas, mais estes foron moitos en toda a Croa de Bolaño, incluíndo a propia cova que estaba chea de ponlas de carballos e bidueiras. Seguidamente baixamos a Bolaño e voltamos a Castroverde. Subindo para Castroverde son de salientar os castiñeiros de Riazor. Finalmente achegámonos ao Castroverde vello e a torre de homenaxe con aqueles que non o coñecían.

Con este roteiro despedimos este ano que remata 2008. Desexándo a todas e todos unhas BOAS FESTAS DE NADAL E ANO NOVO.

Saúde e Terra. Unha aperta.

Manolo Muñiz

Ver imaxes


Miscelánea

Agora que estamos na época de plantar, Xosé María mándanos este poema seu para a Sección de Miscelánea:



¡Este camiño lévanos a ningures!


Teño un amigo que goza plantando,

e daquela ponse á morte cada vez que pilla aos veciños arroubándolle

o souto das castañas,

mais non por iso deixa de plantar,

cousa que fai con amor e con maña.

A cada intre morre,

pero,

doutra cousa:

¡Que nin as grazas lle dan cando os pilla soutando!

Diso se queixa, diso se laia:

¡Burros, preguiceiros;

se aínda mas roubasen escolleitas,

e fixesen, con elas,

un pebideiro;

tantas fanegas que teñen a monte abertal...!

¡Que sexan anatema,

eses langráns!

Para animalo, aínda que con pouca convicción,

dígolle:

-¡Amigo, tes que seguir plantando

ata ver en qué acaba isto da folganza colectiva!

Lémbrate das colmeas, que cando llelas atacan os parasitos

as obreiras despexan e varren na súa portiña,

¡larán, lariña, cunha vasoiriña!

Faino por Deus, axúdalle a crear,

colabora na súa creación continua,

sucesiva,

e déixalles aos nenos ese traballo feito,

¡ben feito!

Axúdalle ao Patrón a recrea-lo seu Paraíso

para que as xeracións vindeiras atopen en produción,

¡que menos!,

un souto de castiros enxertos.

-.-

Xosé María Gómez Vilabella


14 diciembre, 2008

Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde

A xeración das picardías

Fonte dos Namoros, ou dos Pretendentes, na Meda. Estado actual.



Entre as peripecias castroverdenses que me quedan sen contar…, ¡sen contar, non, que eu non son ningún contista, así que direi: sen referir!, están as picardías daquela xeración da posguerra, ou máis exactamente, do segundo terzo do século pasado.

Criámonos nunha “noite de pedra”, como diría Celso Emilio Ferreiro, ou máis ben de toxos: ¡espiñas por todas partes! Na infancia, aquel silencio sepulcral: os perseguidores, pola súa mala conciencia; e os perseguidos, polo medo a que as criaturas comentasen os secretos das súas casas. En canto á moral…; ese concepto quedara estratificado nas follas do catecismo do P. Astete, ou no do P. Ripalda, que era forzoso memorizar, aínda que non se entendese. Tampouco comprendiamos as ladaíñas do Santo Rosario, e menos aínda os latixos da Misa, co señor cura de cu para nós, ¡sempre! De pouco nos servía o seu “Ite, Missa est” pois, á saída, os Pedáneos facíannos cantar o Cara al Sol, chovese ou nevase; ¡outro latín! Naquel catecismo dicíase que o quinto era, ¡no matar!, pero de feito, por máis que o silenciasen nas casas, tódolos cativos sabiamos que houbera e había mortes, ¡e non só na guerra!

Os rapaces, naquel ambiente de forte machismo, competiamos no recreo a ver quen mexaba máis longo e máis alto, pero, ¿como o facían as nenas? A nosa obsesión era vixialas cando se ían para detrás dos palleiros, pero sempre quedaba unha de garda, e daba uns alaridos tremendos se se achegaban os trasnos da escola. Outro signo dos tempos era que deixara de haber fillos bravos… ¡Non podía ser doutro xeito, cos mozos na fronte! Ou era por isto, ou por aquela catequese espartana. O que sabiamos de certo era que os nenos non viñan de París, pois daquela, España, o Imperio español, remataba nos Perineos. E logo que vivíamos rodeados de animais, ¡de animais de todo tipo! De sexoloxía sabiámolo todo; todo ou case todo, pois aquilo de que as eguas e mailos burros xeraban mulos…, ¡útiles só para vendérllelos aos casteláns!

Pero a causa cambiou de repente, nada máis iniciarse o licenciamento das quintas: Aqueles mozos da guerra non só foran valentes, todos, a feito, senón que contaban, ¡aqueles si que contaban!, os seus percances donjuanescos, os namoros das súas “madriñas” de guerra, a de mulleres que se lles entregaran… ¡E eu, inocente, que tiña por certo que os que se entregaban eran os soldadiños do “Ejército rojo”, aquel que fora “…vencido y desarmado…! Pero había máis, unha parte moura, que tamén nola referían aos rapazolos en secreto: ¡que abundaban as enfermidades venéreas, en particular unha gravísima á que chamaban “o mal francés”! Balbino de Mirón, (q.e.p.d.) foi máis explícito, e díxome que aquilo era…, ¡a sífilis!, contra a que só cabía abstención ou profiláctico. Deus llo pague, pois sabelo era un reforzo moral… Se chegase a sabelo o cura da parroquia, tódolos curas, seguro que nolo dirían no catecismo, en particular cando nos explicaban aquilo de que era un pecado gravísimo desexar a muller do próximo. ¿A muller do próximo? ¡Pero se todas eran feas, a rabiar, cos ollos afundidos de tanto chorar, naquela guerra das balas, das ausencias…, e das fames!

Meu avó dixérame que nunca se debían criar xatas de partos múltiples, porque non preñaban. E casualmente eu coñecía unha xemelga…, pero non houbo problema, pois nunca me deixou achegar, nin ao nó do seu mantelo!

Cos mozos licenciados, víase algunha que outra parella sentados tras do palleiro, cousa sospeitosa, pero sen consecuencias, xa que, entre lusco e fusco, berraban das casas…, ¡aínda que a sella da auga xa estivese no vertedoiro! Por outra banda, de que as festiñas, máis ben foleadas, e tamén as feiras, rematasen con luz, para irse en tempo e forma, boa ansia tiña a Garda Civil, titores absolutos. Tamén concorría que o cura da miña parroquia manexaba unha lanterna de pilas, ¡de pilas, naqueles tempos!, así que, por tras das paredes, só permitía que se abrazasen as hedras.

¿Logo, non había picardías? ¡Claro que as había, pero os vellos non as deben referir, pois todo o tempo é pouco para corrixir, para dar exemplo aos mozos de hoxe en día, que ben o necesitan!


Xosé María Gómez Vilabella


13 diciembre, 2008

Martes 16 e mércores 17 de Decembro

CONVITE DE ACTOS NA DEPUTACIÓN

MARTES

PROXECCIÓN da curtametraxe

“Leo”

Lugar: Salón de actos da Deputación de Lugo.
Data: martes, 16 de decembro,
Hora: 20:00 h. De seguido, celebrarase unha charla-coloquio,
presidida por Fernando Cortizo e,
os actores
Carlos Blanco e Xoán Manuel Oliveira, “Pico”

MÉRCORES

0Q0 Editora

Convidanos á presentación do libro

Fume

de Antón Fortes
Data: mércores, día 17 de decembro
Lugar: Salón de Actos da Deputación de Lugo
Hora: 20:00 h.


Toponimia de Castroverde


De profundis clamavi


De profundis clamavi ad te, Domine (Salmo 130). Non vos penso recitar aquel poema desgarrado e desgarrador, tráxico, de Charles Baudelaire, nin se trata de que esteamos caendo nun abismo, pois, se crise habemos, xa o sabemos, que isto, o ter coñecemento, é o primeiro dos pasos para saír delas, e logo que as crises, tódalas crises, só son puntos de inflexión, por veces dolorosos, pero sempre necesarios, para endereza-los rumbos, para volver á dirección correcta.

Vén a conto de que temos enferma de morte a microtoponimia, a toponimia miúda, e non só en Castroverde, pero tempos virán de ¿memoria histórica? nos que nos preguntemos: ¿Señor, como se chamaba aquela leira, aquela pataqueira, da que tanta mantenza tirabamos nos tempos da miña crianza?

A crise do rural, e con ela a da súa toponimia, vén de vello, que xa a observara Unamuno cando reflectiu aquel pensamento de que, ¡Que inventen ellos! Eles, por suposto, pois os españois somos máis listos, e sabemos pasar directamente do sector primario ao dos servizos. Neste salto mortal, nesta corda do autoodio, emperrados en que non fai falta engadir valor ás cousas, ás nosas, ¡que inventen, que innoven, que transformen outros!, chegamos á vergonzosa e vergonzante mutilación dos nomes, un tesouro herdado, patronímico, do que estamos renunciando. ¿A beneficio de inventario? ¡Non; a beneficio da ingratitude! Dá grima ver que, incluso nos mapas oficiais, coido que como consecuencia de que se fai pouca labor de campo, ou esta é superficial, ou preguntan a quen odie ao seu propio país, saen cantidade de nomes xeográficos errados ou dislocados, pero, se vos fiades de min, ¡de min e dos propios feitos!, non citarei lugares para non alongar este artigo, este profundo suspiro.

Caso sanguento xa é o das parroquias concentradas, nas que o nome dos predios refundidos, agras incluso, pasaron a ser un número. ¡Un número, onde os nosos ancestros puxeron a súa alma, as súas lembranzas, o seu agradecemento aos predecesores! Dar nomes, conservar nomes sen desvirtualos nin degradalos, é unha obriga moral, incluso egoistamente, pois…, ¡trátase dun tesouro histórico, patrimonial, memoralista, noso!

¿Que se pode facer, cal é o remedio? ¡Só hai un: fomentar, sensibilizar a conciencia colectiva! ¿Que vos parece se facemos no noso Castroverde un catálogo de nomes, parroquia a parroquia, antes de que morramos os vellos do lugar, de cada lugar, ou cheguen as pas da concentración desconcentrando a nosa atención patrimonial? ¡Por min, mans á obra!

Xosé María Gómez Vilabella


10 diciembre, 2008

O vindeiro luns, 15 de decembro, ás 20.00 h

ACTO DE PRESENTACIÓN DA SERIE DE ANIMACIÓN "OS CONTOS DO CAMIÑO"


* 20.00 Acomodación dos asistentes e comezo do acto
* 20.05 Proxección do audiovisual do traballo nos colexios dentro do programa "Os contos do Camiño"
A partir deste vídeo, farase unha breve explicación de como xorde a iniciativa de realización da serie de animación de "Os Contos do Camiño"
* 20.15 Proxección do capítulo TRES DESEXOS correspondente ao Camiño Francés
* 20.23 Breve explicación de como se leva a cabo a realización dunha
curta de animación na técnica de Stop-Motion
* 20.30 Proxección dos capítulos SAL E AZÚCRE do artista lugués Iván Prieto, correspondente ao Camiño Inglés e A PRINCESA DO CAUREL correspondente ao Camiño Primitivo
* 20.42 Intervención de D. Fernando Blanco, Conselleiro de Industria
* 20.52 Proxección do capítulo A BRUXA REGAÑADENTES correspondente ao Camiño do Norte
* 21.00 Clausura do acto.

O finalizar a presentación servirase un viño galego.

Os invitados poderán charlar cun dos animadores do proxecto, Ze Carlos Pinto, e poderán ver algún dos personaxes cos que se realizan as animacións.

Fernando X. Blanco Álvarez
Conselleiro de Innovación e Industria
e no seu nome

Ignacio Rodríguez Eguíbar Director-Xerente
da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo
Comprácese en convidalo ao acto de presentación da serie de animación

"Os Contos do Camiño"

que terá lugar o vindeiro luns, 15 de decembro, ás 20.00 h,

no Hotel Méndez Núñez,

Rúa Raiña, 1, Lugo.

Prégase
confirmar asistencia no teléfono: 981-56 81 28 //

escolaresnoxacobeo@xacobeo.org
Ao remate da presentación servirase un viño galego.


09 diciembre, 2008

Na web da Deputación Provincial "km0"

Castroverde nas rotas da Deputación Provincial


A Deputación de Lugo inclúe baixo o nome de "TORRE DE CASTROVERDE", dentro do seu programa "kmO" de visitas institucionais e visitas turísticas, unha rota polo concello, con xantar na capital do Concello, visita á fortaleza, Vilabade, igrexa e pazo. Inclúe tamén o percorrido por unha banda do camiño de Santiago entre a localidade de San Miguel do Camiño e Soutomerille, con visita á súa antiquísima igrexa. Entrar na páxina web citada.

02 diciembre, 2008

ROTEIRO: sábado, 20 de decembro

PERCORRIDO: Castroverde- San Miguel do Camiño- Penalonga (Polo Camiño Primitivo)–Fontao-Bolaño –Castroverde. Distancia aproximada de 8 quilómetros cincocentos metros.


Ás 10:00 h. Na praza de Castroverde.

Percorrido baixando polo Camiño Primitivo ata Penalonga, desde Penalonga volver por Fontao e Bolaño. No percorrido poderemos ver: Carballeiras e soutos, son de salientar, o carballo de San Miguel, e varios castiñeiros, principalmente dous ( o de Barrio, entre Fontao e Bolaño, e o de Riazor subindo para Castroverde). Poderemos ver tamén algunhas fontes e dous muíños.


Ás 14:00 h. Xantar. (Arredor desa hora).

Para facilitar a organización: Avisar antes do xoves, día 18 de decembro.

Agardando a túa asistencia, recibe un cordial saúdo. Asdo.: Manolo Muñiz Castroverde, a comenzos do mes de decembro, de 2008

NOTA:
1.- Trataremos de que haxa un autobús ao longo do percorrido, desde Penalonga e Bolaño para as persoas que teñan algunha dificultade.
2.- Tempo impredicible. Levar calzado axeito para a auga, lama...
3.- No caso de mal tempo haberá unha proxección no Concello Vello.