Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

25 diciembre, 2012

ENTREGA DE PREMIOS DO VI CERTAME LITERARIO TERRAS DE CHAMOSO



Este sábado 22 de Decembro tivo  lugar, como todos os anos polas datas de Nadal, a entrega de premios da VI edición do Certame literario Terras de Chamoso, organizado pola A.C. Arumes do Corgo.

Do concello de Castroverde resultaron premiadas:

CATEGORÍA INFANTIL

Modalidade poesía

  premio: -Carla Castedo Pereira, de Francelos, pola obra “ O outono”



CATEGORÍA XUVENIL

Modalidade relato

1º premio: - Lucía González Campos, de Montecubeiro,  pola obra:
                                                “ A voz da venganza”.

2º premio: -  Patricia Fulias Guzmán, de San Paio, pola obra:
                                                “ Contando estrelas entre catro paredes”.


Actuaron animando a entrega de premios.

Legua Dereita do Corgo e Isabel Risco

Para ver algunha foto podedes "clicar" en Álbums de Fotografías


18 diciembre, 2012

Bo Nadal e Feliz Ano 2013


Desde a Asoc. Amigos do Patrimonio, con estas mostras da historia de Castro Verde, queremos desexarlles unhas Boas Festas.

15 diciembre, 2012

II-Roteiro conmemorativo do cincuentenario do descubrimento da cova da Valiña

PARTICPANTES NO ROTEIRO AO PÉ DO PANEL INFORMATIVO






















                               INDICADOR COVA DA VALIÑA


                  PANEL INFORMATIVO COVA DA VALIÑA
 
Resumo II-Roteiro conmemorativo do cincuentenario do descubrimento da cova da Valiña. Sábado, 15 de decembro de 2012

  Con este segundo roteiro que transcorreu desde  Castro Verde polo Campo da feira, Veiga do Olmo, arredor do Monte Revolta da Cal en dirección a Cubelas, para dirixirnos ao Mesón da Cabra e, desde aquí, baixar a Recesende e visitar os Sartegos alto medievais que a asociación sinalou hai xa uns cantos anos e seguimos a manter limpos, visita á Igrexa e Casa Grande. Desde aquí a Penalonga pasando ao pé da área recreativa, comentar que non sabemos de quen é a responsabilidade de manter limpa a súa contarna, mais é lamentable o desleixo das administracións con respecto as estes temas. Logo de cruzarmos a estrada da Fonsagrada – Lugo  achegámonos ao  Camiño Primitivo para subirmos ata San Miguel e desde aquí a  Trashorras en dirección a Fontao.De Fontao a Bolaño para rematar na Cova da Valiña.
 Con este segundo percorrido completamos o roteiro da Cova da Valiña, voltando a visitala e aproveitando para ver a colocación dos paneis informantivos. Deste xeito, xa que non  deu tempo a facermos ningún acto arredor do cincuentenario do descubrimento da cova, queremos, desde a asociación, celebrar este acto coa colocación de indicadores e panel informativo para poñer en valor este patrimonio.
Este roteiro circular, sería desexable que se sinalizara, nel temos elementos de todo tipo; a saber, Torre da Fortaleza, árbores senlleiras, hórreo, lugar medieval ou alto medieval (San Martiño), quiosco da música, as lagas, forno do cal, unha croa cun xacemento paleolítico, a cova da Valiña, muíños, igrexas, sartegos alto medievais, área recreativa e campo da feira. Pensamos que sería un dos roteiros máis completos do concello.
Saúde, Terra e Lingua.

13 diciembre, 2012

O Foro do Camiño Primitivo denunciará a Xunta ante a Unesco



Adolfo de Abel Vilela (Lugopatrimonio), Antonio Figueroa (GDR Terras de Lugo), Adela Figueroa (ADEGA) e Ricardo Polín (estudoso do Camiño Primitivo)


O Foro do Camiño Primitivo vén de facer público que denunciará a Xunta ante a Unesco e ICOMOS-España para denunciar "a delimitación fraudulenta do itinerario" pois acusa a Xunta de negarse a recuperar uns 50 quilómetros do trazado orixinal e de deixar fóra de protección máis dun cento de elementos patrimoniais asociados ao primeiro Camiño a Compostela. O Foro solicitaralles que condicionen a declaración do Camiño Primitivo de Santiago como Patrimonio Mundial "á delimitación obxectiva e á recuperación da traza histórica do Camiño alí onde o permiten as fontes documentais, históricas e arqueolóxicas dispoñíbeis". Demandarase pois á UNESCO que atrase a decisión "en tanto a Xunta non respecte os criterios de integridade e autenticidade".
Segundo o Foro este itinerario aprobado pola Xunta "deixa fóra de toda posibilidade de recuperación e de posta en valor uns 50 quilómetros da traza medieval orixinaria"
A Consellaría de Cultura aprobou recentemente a delimitación definitiva do Camiño Primitivo de Santiago que foi, segundo o Foro, "repetidamente rexeitada e rebatida polo parecer experto de investigadores e organizacións culturais, ambientais e académicas ao longo dos últimos vinte anos". Segundo o Foro este itinerario aprobado pola Xunta "deixa fóra de toda posibilidade de recuperación e de posta en valor uns 50 quilómetros da traza medieval orixinaria", legalizando ao mesmo tempo outros tantos quilómetros "de itinerario falsificado cuxo desvío corresponde a intereses particulares e ilexítimos". O Foro acusa o Goberno galego de empregar a estratexia de "feitos consumados" para poder "eludir a súa responsabilidade pública na recuperación dos treitos usurpados e na protección do territorio histórico asociado ao camiño".
O Foro denuncia tamén que fican fóra de catalogación ou do territorio histórico protexido "máis dun cento de elementos patrimoniais chave no devir da vía primitiva", coma o monumento de Santa Olaia de Bóveda, hospital de San Martiño de Bolaño, San Lázaro en Castroverde, casa do Hospital de Gondar, Cova da Valiña, igrexa de refuxio da Esperela, vía XIX por Guntín de Pallares, etc. Denuncia tamén que este proceso foi iniciado "ás agachadas", en pleno período vacacional de Agosto, e concluíuse "de xeito repentino" no mesmo día en que se enviaron as respostas ás alegacións presentadas polos numerosos colectivos que integran o Foro. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural rexeita a práctica totalidade dos centos de alegacións presentadas, agás dous puntos "de carácter residual".
O Foro conclúe que a aprobación definitiva desta fraudulenta delimitación oficial ten unhas consecuencias "funestas" pois "arruína o ímprobo esforzo colectivo de recuperación do primeiro e máis antigo itinerario histórico a Compostela desde hai máis de 20 anos, premia os invasores do noso patrimonio camiñeiro, consolida con recursos públicos a ocupación do itinerario orixinario e a destrución do seu territorio histórico e bens asociados e pon en risco a candidatura da vía primitiva a Patrimonio da Humanidade".

Dúas imaxes do Camiño que quedan fóra da delimitación:

                                             Castiñeiro da Corredoira en Soutomerille

San Martiño- Bolaño



03 diciembre, 2012

Resume da conferencia: AS LOITAS AGRARIAS NA GALIZA Sábado 1 de decembro de 2012 - Trasliste, Láncara




Hoxe sábado, 1 de decembro, arredor das 11:00 h. tivo lugar unha ofrenda no monolito de Trasliste en homenaxe á firmeza do Sr. Xulián.
Ás 12:00 h. o historiador Francisco Carballo impartiu unha conferencia arredor da Historia das loitas agrarias en Galiza. Comenzou aludindo a Paulo Orosio para relacionalo coas loitas agrarias de comenzos do século XX, para voltar ao século IV, facendo referencia a Prisciliano e comentando que o campesiñado en Galicia estivo presente na sociedade galega ao longo dos tempos, tendo moita importancia desde o século IV, prácticamente, ata 1960. Tendo importancia capital ata as revoltas Irmandiñas e, rómpese a unión campesiña por volta de 1569 co enfrentamento  entre o campesiñado e a burguesía (habitanes dos burgos, das vilas). Este enfrontamento entre campesinos e vilegos tivo consecuencias nefastas ata os nosos días. Comenza a penetración das clases foráneas e a imposición do castelán e sumisión da lingua galega.
Referencia ao Marqués de Esenada, daquelas,  aínda había unha organización do campesiñado. Para pasar ao século XIX onde  o 80% do territorio galego era, estaba aforado. E a partir da desamortización de Mendizábal houbo unha venta do país con consecuencias moi negativas. A burguesía, fidalguía e igrexa son as encargadas de cobrar os trabucos, dezmos… ata chegarmos á cota empresarial.
Ser campesiño nos séculos XVI e XVII era un orgullo, mais a partir do século XIX houbo un sometemento do campesiñado e será a comenzos do século XX, ano 1907 cando xorden os movementos agraristas: Solidaridad Gallega, Unión Campesina, Acción Gallega para loitar contra os foros, caciquismo … salientando a loita de Basilio Álvarez, cura de Beiro, que nos seus mitins era capaz de convencer e mobilizar o campesiñado.
Sendo imposible resumir en poucas liñas a visión que nos deu este home sobre o problema agrario, remataremos aludindo ás derradeiras palabras; con dúas ideas principais: - Temos que transformarnos desde nós mesmos, rebelándonos desde todos os sectores sociais. – Non destruamos nada que poidamos transformar.
Pola tarde houbo unha mesa redonda - pequeno debate arredor, das loitas agrarias desde os anos 1970. Con referencias ás loitas destes últimos 40 anos con referencias;  á cota empresarial, cotas do leite, da carne… para rematar aludindo á situación poboacional da nosa terra.
Saúde, Terra e Lingua. Manolo Muñiz

ALGUNHAS  FOTOGRAFÍAS DOS ACTOS: