Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

24 enero, 2009

Miscelánea

Abundando nas lembranzas de Besteiro



Casa dos Besteiro en Franqueán segundo fotografía recente de Xulio Xiz,

obtida do seu libro “O Corgo, amplo horizonte”



Anímome a engadir unha sucinta glosa por concorrer estas circunstancias, máis ben de tipo subxectivo: Unha, que se me dixo que é importante afondar nesta figura histórica por ser pouco coñecida na miña/súa terra, e iso a pesares da súa categoría persoal e social; a outra, porque se dá o casual de que as primeiras referencias de D. Julián viñéronme por narracións familiares de lareira, xa que este paisano, xunto con Manuel Cordero Pérez, o enxeñeiro Cándido Fernández (Montoutiño), e algún outro, eran tema entrañable e recorrente de miña tía-avoa Ramona Lombardero San Miguel, nora de Nicolás Salmerón y Alonso, tamén casualmente un dos profesores de Besteiro.

O caso é que a súa figura, o seu espírito ou o seu fantasma, ben me levan ¿perseguido?

Desde a lareira:


Cando puxen escola na casa de Rei de Piñeiro, ano 1946/7, o dono da casa, señor Martínez, sabía ao detalle a historia deses Besteiro de Franqueán, pero referíase ás súas vivencias no Corgo, que das madrileñas pouco máis sabía, ou dicía, ¡tempos de medo, tempos de reservas mentais!, que aquilo do seu “coche” de cabalos, o de ir e volver a Madrid, que era a admiración de cantos o viran, aparcado diríamos hoxe, na súa pendella de Franqueán.

Nos anos 1948/50 (que logo morreu, e a cuxo enterro asistín), ¡cantas veces agardei pola sinatura do Presidente, General D. Miguel Ponte y Manso de Zúñiga, naqueles expedientes que eu mecanografaba con tanto medo a equivocarme, na Fiscalía de Guerra do Consejo Supremo de Justicia Militar, Fortuny número 4, ignorando entón que aquela man firmante, rexa e segura, era a mesma que lle botara a firma, infausta firma, o 15 de xullo do ano 1939, á sentenza do infortunado Julián Besteiro, precisamente con estas históricas verbas: “… CONFORME con el precedente dictamen de mi auditor, apruebo la sentencia dictada en esta causa y que condena al procesado don Julián Besteiro Fernández a la pena de reclusión perpetua, sustituída por treinta años de reclusión mayor y accesorias legales.- A los efectos expresados en la última porte del anterior dictamen, vuelva esta causa a Auditoría.- El general encargado del Despacho. Miguel Ponte y Manso de Zúñiga”!

A primeiros dos cincuenta empezaron a permiti-la entrada no cemiterio civil de Madrid, con identificación e motivación, así que teño ido unhas cantas veces, con meu primo José Lombardero Gómez, a rezar na tumba de nosa tía Ramona. Panteón dos Salmerón, fronte ao nicho de Pablo Iglesias. Daquela Besteiro aínda roldaba aló abaixo, no cemiterio de Carmona, pero no 1960 levaríano para Madrid, sendo soterrado exactamente, precisamente, naquel campiño no que tantas veces estiven de pe, impresionado por aquel illamento no que tiñan ás personalidades da república.

Tamén polos cincuenta, cando saíu o meu libriño “Castroverde. Bosquejo histórico geográfico”, coñecín a Manuel de Rivas Reija, co que falei largo e tendido acerca da figura de Besteiro… ¡Mellor dito, faloume el, pois era un pracer empaparse da súa sabenza! Nunha daquelas conversas deume a dirección do escultor Otero Besteiro, entón estudante de Bellas Artes na Academia de San Fernando, con quen teño vivido aventuras, anécdotas, que hoxe, eu mesmo, cualificaría de gamberrís. O serio foron as nosas visitas aos museos, onde preguntabamos máis cá policía daqueles tempos, que xa é dicir. O que nunca se me ocorreu foi preguntarlle se era parente de don Julián, pero como aínda temos a seu irmán, na casa do Camiño Ancho, calquera día… Dos Otero Besteiro tamén compre face-las súas biografías; eu conservo unha caricatura de Francisco, feita por Siro, que considero insuperable.

No ano 1990 José Antonio Durán, soprado non sei cómo nin por quén, contactou comigo para insuflar o seu artigo “El guante blanco de Julián Besteiro” (La Voz de Galicia, 6-10-1990). E así di: “Nosotros hemos llegado al asunto por la generosidad de José María Gómez Vilabella, que tuvo a bien enriquecer una de nuestras historias centenarias…”. Neste artigo, Durán recolle uns versos de García Lorca: “¡Viva don Fernando, / barbas de santo, / padre de los socialistas / de guante blanco. / Besteiro es elegante, / pero no tanto!”. E de paso, pon a man na chaga: “En Galicia, la patria natal del personaje, el silencio vuelve a ser revelador de esa generalizada ignorancia que nos corroe”. ¡Exacto: que nos corroe!

Pero non podo seguir adiante sen collerme do brazo dese gran pensador do noso condado de Castroverde, que neste contexto sería igual que dicir, do noso condado, (¡que si, que o é, por máis que a veces faga o esforzo de disimulalo!, Paco Pestana, que sostivo en público (El Progreso do día 6-6-1998) que, “Un país sin memoria es un país envilecido”. ¡Pois si, si señor, que algo así nos pasou con Besteiro, e con Manuel Cordero, e con tantos outros!

Mirade que levo proposto, tanto aos de arriba coma aos de abaixo, que nos utilicen aos mozos da terceira idade para obter información local, e gravala ou escribila, ¡antes de que pase a xeración da guerra! Pero, ¡nin caso! Teño á man una carta do 23-12-1998, do Pretor lucense de entón, no que me di: “Recibo de bo grado a súa proposta de difundi-la cultura popular galega de xeito tan directo, orixinal e desinteresado.- Consciente da necesidade de preservar para as futuras xeracións o compendio de vivencias e saberes que constitúen o basamento da nosa identidade, trataremos na medida do posible de transmiti-la idea”. ¡Iso, transmitila, pero non arquivala!

Se aquel xurista, aquel Rivas, que tanto sabía de procedementos legais, tivese a ocorrencia, no seu momento, de levantar un acta notarial recollendo o testemuño daquelas persoas que viron nacer ao neno Xulián, hoxe pasariámoslles esa evidencia por diante dos ollos a todos aqueles que din, como fixo un ilustre periodista, coido que de boa fe, “…Cordero salió de Castroverde analfabeto y acabó, tenaz autodidacta, siendo gran figura del socialismo español de su época, cuando por él andaban don Julián Besteiro (que algún bromista sostiene que era de O Corgo y hay quien se lo cree), Fernando de los Ríos y Luis Jiménez de Asúa, por citar a tres de sus reconocidos ilustrados…”. ¡Ai Rivas, querido Rivas, erudito Rivas, outro inxénuo, por non dicir krausista, parece mentira que ignorases aquilo de que ninguén é profeta na súa terra, e máxime nunha terra e nuns tempos en que só eran importantes os do tricorne ou os da camisa azul, tal que aquel Jesús Rodríguez, de Gomeán, cabo da Garda Civil, xeralmente coñecido por “Don Jesús”, pero tamén por meu padriño, que se atreveu a loitar con el a brazo partido para evitar que o susodito lle partise a súa cachaba nas costelas, a propia cachaba dun vello coxo. ¡O tempora, o mores!, que dixo Cicerón.

A propósito do tempo: Aquel profesor a quen lle debe Lugo pouco menos que aos romanos, Antón Fraguas e Fraguas, díxolle a Siro López, nunha entrevista que publicou La Voz de Galicia (3.8.1997) que, “O tempo non é para matalo, senón para vivilo”. Pois ben, vivámolo, vivámolo tomando exemplo daqueles homes, homes e mulleres, que se mataron a traballar estudando e descorrendo os panos da ética, sen importarlles outra cousa que non fose a utilidade do seu próximo, dos seus coetáneos. Que a súa labor fose ou non recoñecida, que nos valésemos dela, iso é outro cantar, un cantar para cantantes!

Xa que me deu polas citas, coa venia do lector, pois sabido é que quen realmente o é aguántaas todas, e o que non, nin a esta liña chega, traerei a colación un excelente artigo, ¡como tódolos seus!, de Victoria Armesto, (La Voz de Galicia, 5-3-1994), “Manual del perfecto krausita”, “… Azcárate fue siempre fiel al principio krausista de que la diferencia esencial en cuanto al valor moral de la conducta no radica en la importancia de las cosas que se hacen sino en hacerlas bien. Un zapatero que haga bien un par de zapatos sirve mejor a la sociedad que el autor que escribe un libro mediocre”. ¿Facer ben as cousas? ¡Xa! Esa era a ética daquela xeración, daquela xente, Salmerón, Azcárate, Besteiro…; ¡e como se estarán rindo de nós, agora, desde as súas alturas respectivas, ao comprobar que a moda actual é facer moito, aínda que sexa mal, con tal de que o acepte o mercado!

Que aqueles krausistas foron uns inxénuos, uns utópicos, coidando que eran capaces de educa-las Españas, unhas Españas señoritingas que viñan de vivir á conta da prata indiana, iso son o primeiro en aceptalo, pero tamén estou con Manuel Rico Lara (La Voz de G., 15-10-1984) en que, “La influencia ejercida en nuestro país, especialmente en el ámbito universitario, por el krausismo era importante, pretendiendo una concepción armónica del universo que integrara los elementos contradictorios en una unidad superior y conciliadora”. Non en van se dixo, sempre, que sae crucificado aquel que se mete a redentor. Hoxe en día volvemos a buscar unha especie de globalización socio cultural…, ¡que é a mesma pretensión, só que con distinto nome! Por aquí tivemos, entre outros, a Ramón Piñeiro, que tamén pretendeu educa-lo país a base de moderación e razoamentos, pero igualmente con pouco éxito persoal.

Canto máis sei de Besteiro, acaso precisamente por ser pouco, máis quixera afondar nese pozo da súa sabedoría, en particular pescudando de onde lle veu esa conxunción tan fructífera dos seus xenes. ¿Víñalle da raza xudía, tantos que se acolleron ás terras ubérrimas deste Chamoso? ¿Algún maragato que se namorou dunha hispano-sueva e quedouse connosco para exercer de páter familias? Din que a cara é o espello da alma, pero, que eu saiba, aínda non se inventou o ADN vía fotográfica.

Para rematar con esta argallada biográfica, de admirador do Besteiro conveciño noso, non podo omitir unha referencia a eses analistas que o tillan de parvo, onde para min o único que realmente houbo foi unha impotencia atroz, por xigantes que fosen uns cantos, pero só uns cantos, fronte as furias de Eolo, desatadas nesa década ciclónica dos anos trinta, se ben coa orixe, ao meu entender, naqueles desastres de Filipinas, Cavite, Cuba, Annual, etc.

Neste senso, o punto álxido da impotencia de don Julián, o cénit do seu querer sen poder, da súa loita moral contra os elementos fácticos circundantes, estivo na frustración dos seus propósitos e das súas xestións en Inglaterra cando foi á coroación do Rei, representando a España republicana. Manuel D. Benavides, a quen o gran periodista, ¡máis ben, cronista!, Carlos Fernández Santander, chamou, con todo acerto, “Otro gallego olvidado”, referiunos aquel episodio, aquel fracaso, no seu libro “La escuadra la mandan los cabos”, editado en México no ano 1976:

“El general Matz, Jefe de la Comisión de municiones en París, fue designado para formar parte de la misión extraordinaria que, presidida por D. Julián Besteiro, envió la República al acto de la coronación del actual Rey de Inglaterra. La Misión tenía un carácter exclusivamente protocolario y de amistad mal correspondida. El señor Besteiro, de espaldas a la República y contra la República, (¡En contra dos seus erros, diría eu!), pretendió darle otra: -¿No le parece a usted –dijo al genral- que debemos hacer gestiones para provocar una intervención inglesa? –Perdone usted, D. Julián, yo no puedo hacer sino lo que me ha ordenado el Gobierno”.

Os fillos da Gran Bretaña, tradicionalmente imperialistas, e por tanto, perpetuos competidores de España, naquela ocasión, coa súa “No intervención”, déronlle o cu aos bos desexos de Besteiro, coa complicidade implícita dun militar desleal, xa que desleal é aquel que obedece indebidamente, sen caer na conta de que iso mesmo os levaría a enfrontarse, seguidamente, en peores circunstancias, a outro tardoimperialista, Hitler.

Besteiro, ademais dun intelectual coma a copa dun piñeiro, era, por natureza, un home de paz, un pacificador. ¿Con atavismos xudeus, ou maragatos? Non o sei, pero con moita moral e pouca forza para aqueles tempos de desmadre belicoso, que tamén o evidenciou apuntándolle ao coronel Casado que se estaban producindo ilegalidades, daquela, en febreiro do ano 1939, con Manuel Azaña dimitido do seu cargo de Presidente da República; co Presidente das Cortes, Martínez Barrio, inhibido, etc. E volveu a caer na inxenuidade de confiar naquelas xestións de Casado en Burgos (aterraxe en Gamonal), esperanzados, ámbolos dous, en que lograrían de Franco un armisticio pacífico e pacificador para entregarlle Madrid sen bombas e sen sangue. Pero aínda lle quedaba outro calvario, outra decepción, por permanecer, por quedarse en Madrid, no vello edificio de Hacienda, da calle Alcalá xunto á Porta do Sol, que era precisamente por onde pensaba entrar o seu paisano, aquel Marte do Ferrol, dándolle esporas ao seu cabalo de Atila.

¿Verdade, amigo Pestana, que un país sen memoria é un país envilecido? ¡Dixéchelo ti, e eu adoito estar conforme contigo!

Xosé María Gómez Vilabella


No hay comentarios: