Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

24 octubre, 2010

CONVOCATORIA DE ASEMBLEA XERAL ORDINARIA DA ASOCIACIÓN AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE

Convócanse ás socias e aos socios, á Asemblea que terá lugar o vindeiro día

13 de NOVEMBRO , sábado, de 2010 ás 17:00 horas, e ás 17:30 horas en primeira e segunda convocatoria respectivamente,

na Casa do Concello Vello de Castroverde, en Travesía de Montecubeiro, nº 38 – Castroverde.

Coa seguinte orde do día:

I.- Lectura e aprobación, se procede, da acta da sesión anterior.

II.- Aprobación de contas, ano 2009.

III.- Actividades desenvolvidas neste ano 2010 e a desenvolver en

2011 (Propostas)

IV.- Proposta para se debemos subir ou non subir a cota de socios.

V.- Rolda de intervencións.

Asdo.: José Yáñez Basanta Asdo.: Manuel Muñiz Besteiro

Secretario Presidente

En Lugo - Castroverde, a 23 outubro de 2010

___________________________________________________________________

DELEGACIÓN DE VOTO ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA DA ASOCIACIÓN AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE (13-11-2010)

Eu,.................................................................................con D.N.I. .....................
DELEGO OU MEU VOTO EN:
D./ Dona: ..............................................................................................................

Asdo.: .............................................................. En, ..............................a...............de..........................................de 2010


20 octubre, 2010

BREVE RESUME ROTEIRO DÍA 16 DE OUTUBRO







Muiño de Pestana-------------- Muiño de Lamela---------------- Muiño do Boliño

MUÍÑOS DE LAMELA EN RODINSO E
DE PESTANA EN SAN MIGUEL


Nunha mañá soleada, aínda que algo fresca, completamos o primeiro roteiro dos muíños do poñente (muíño de Rodinso –muíño do Ferradal en Francelos)

O muíño de Lamela

É un muíño de nora ou noira, dos poucos que podemos encontrar en Galicia, e único, que saibamos, en Castroverde. Muíño de cubo de cantería de granito, dunha moa. Planta rectangular. Estrutura vertical: muros de pizarra con recercados de cantería nos ocos.
Cuberta a dúas augas con trabes e cangos de madeira. A cubrición é de lousa, cun alpendre ou cobertizo para abrigar a molaxe ao seu carón.

Desde Rodinso a San Fitoiro e, desde aquí pola Granda ata o Boliño. Desde a Granda hai fermosas vistas sobre Castroverde, o val e croa de Bolaño e cara o noreste, terras de Pena e Montecubeiro.
Logo de visitar o muíño do Boliño e igrexa de Bolaño non seguimos a sinalización do roteiro, e voltamos á escola de Bolaño, onde Marina Seijas, nos tiña preparado un taco ( quere dicirse algo de pinchar), a quen agradecemos e dámos as grazas desde aquí.
Desde a escola pasamos por Bolaño visitando o quisoco da música, lagas de enlagar o liño e ponte de Bolaño sobre o río Chamoso.

Desde Bolaño subimos visitar a Cova da Valiña ao pé da Croa ou Castro de Bolaño, onde se encontraron restos de animais, desde coellos, lebres, osos,... de máis de 14.000 anos, elevando a idade ata uns 30.000 anos ou máis, segundo algúns autores. Lástima que pouco puidemos ver debido ás silvas, canas ... que hai na cova, que por outro lado fui destruída despois da guerra civil para coa súa caliza facer o cal.

Logo da visita á Cova da Valiña, marchamos en dirección ao muíño de Pestana polo camiño de Barrio ( por aquí non está sinalado o roteiro, mais o camiño está en moito mellor estado e imos pegados ao río Chamoso), neste traxecto puidemos ver a fonte de Barrio, fonte abundatisima que parece un mesmo río aos poucos metros, segundo a lenda que nos contou Marirna Seijas “esta fonte foi un ollo que lle saltou ou escapou ao río Eo”, posto que queda, mais ou menos de frente no val de de Fonteo, ao outro lado da serra do Miradoiro. Seguindo camiño, pasamos ao pé dos muíños do Raso co seu impoñente castiñeiro e o muíño de Madarro. Preto de Fontao, uns marcharon por Fontao ata o muíño de Pestana e outros fomos por Trasorras, e ao pé da igrexa de San Miguel.


Muíño de Pestana

Muíño ao pé do río Cahamoso, muíño de cubo dunha soa moa. Planta rectangular. Cubo de cantería de granito.
Estrutura vertical con muros en sillería e cachotería de granito.
Cuberta a dúas augas, con trabes e cangos en madeira. A cuberta é de lousa, cun caseto para abrigar a molaxe ao seu carón.

PRÓXIMO ROTEIRO, SÁBADO, DÍA 13 DE NOVEMBRO

Saúde, Terra e Lingua.
Manolo Muñiz

15 octubre, 2010

SAN FROILÁN 2010: PECHE DA PORTA DE SANTIAGO



Texto de
"Peche da porta de Santiago"
,
escrito, e presentado o 12 de Outubro de 2010
por

Ricardo Polín
Escritor e Historiador
Socio da "Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde"



Cando hai 20 anos puxemos en marcha un complexo e traballoso proceso de estudo e divulgación da primeira vía xacobea, movíanos a idea de que Lugo debe ser unha cidade referencial no occidente europeo.


O aval era ben solvente: Lugo non só está desde a antigüidade nos camiños de longo percorrido, nos vieiros que procuran a caída do sol en Fisterra, aínda máis, é unha encrucillada de camiños transversais, aqueles que responden á racionalidade humana, moito anteriores a ese tecido radial e centralista ao que logo respondeu o mapa das estradas borbónicas.


Os muros desta capital do convento romano tampouco resistiron a presión da nosa secular cultura camiñeira. E houbo que abrir portas aos camiños, como agora fixemos por San Froilán. Mesmo aos camiños de ferro e aos que viñan do mar.


Tal foi a súa influencia, que as grandes arterias acabaron por deseñar as liñas mestras do urbanismo lucense, do Burgo Vello ao Novo Burgo, evolución do decumanus romano.


E nese espiñazo viario estamos agora, fechando este ritual das portas, tan fondamente sentimental. Para mostrar a vocación aperturista desta urbe que foi abrindo portas a outros tantos
camiños históricos, de xeito tal que se hai portas na muralla é porque hai camiños de sempre.

E cumprimos con esta última entrega xusto aquí, na praza do adro grande da catedral, porque foi neste recanto onde tivo lugar o máis antigo exercicio democrático no goberno da cidade: os concellos abertos para a elección dos seus rexedores, e porque aquí mesmo, en Fieis de Deus, cada mes se formaron feiras francas, o maior acontecemento sociolóxico, e porque esta de Santiago é a porta de saída por antonomasia, a única que olla cara adentro, a que o bispo Izquierdo coroou coa insignia iconográfica da orde dos cabaleiros santiaguistas, para sempre unida xa á capital galega e á primeira parroquia lucense de Santiago.


Direilles máis, o antigo poxigo, ese tradicional postigo que adornou esta porta, debe ser un aliciente que mova as nosas conciencias para ver de non estropear aquilo que os nosos vellos criaron con tanto siso, con sentidiño: un pequeno fachinelo que permitía entrar a luz, que permitía ver e airear as nosas casas sen deixar de protexelas. Dous valores moi presentes nesta conxunción dos camiños coas portas da muralla, a apertura e a defensa dos nosos valores que debemos levar con orgullo de país e que quixemos pór de relevo neste San Froilán.


Porque tiña que ser este 2010, cando milleiros de persoas atravesaron esta praza respondendo ao reclamo do Ano Xubilar compostelán e fixérono polo vía xacobea máis antiga do mundo.
Foron 10 portas para celebrar 10 anos de proclamación da muralla como ben do mundo. Fagamos os deberes para que pronto se sume xa o Camiño Primitivo a esta excelsa consideración da UNESCO, tal e como se está a xestionar.

Logo destes actos que viñemos tendo cada mañá do San Froilán, estou convencido de que cando paseen polo adarve da nosa muralla, a pouco que tendan a ollada extramuros, descubrirán mellor a pegada tradicional das vellas calzadas que estes días percorremos en cada porta: as do leste, cara Castela, por onde outrora partiron en cuadrilla os nosos esforzados segadores en número de 30 ou 40 mil para servir aos señoritos (lembren a Rosalía: “Cando van, van como rosas, cando vén, ven como negros”). Trouxemos aquí a un dos últimos vivos: Ángel Rivas, vinte anos seguidos da Pontenova a Segovia cada vrao. Foi en tren, si. Mais lembren tamén aquel aviso da madrileña estación do Norte no recuncho máis deprimente: “Para perros y segadores”.


Tamén verán desde o adarve as pegadas do peregrino alemán Herman Kunig que en 1496 se desviaba do Cebreiro para vir aos baños romanos de Lucus Augusti.


Verán que o sol do amencer trouxo aquí, á primeira cidade galega da historia, o primeiro peregrino. Non perdamos, por favor, ese lazo coa corte ovetense que ergueu a súa catedral a semellanza daquela nosa primeira basílica.


Como as portas do Norte, que teñen o sabor salgado das nosas mariñas e con el as vías costeiras que atravesan a Chaira procedentes dos portos cántabros e as peixeiras que outrora abasteceron os nosos mercados.

E cara occidente, seguindo a luz do ocaso polas ribeiras do Miño e as prehistóricas fortificacións do condado de Mera ou cara Brigantium, descubrirán as vías atlánticas “per loca marítima”, e esa ollada amarga dos nosos emigrantes camiño das Américas cando o futuro se conquería esforzadamente.

E non esquecemos nese glosario destes actos as portas do Sul polas que Roma, moito antes de se erguer a torre de Babel do Garañón, estreitou lazos cos nos irmaos bracarenses, irmaos de sangue, de lingua e de cultura, achegándonos de paso ás tribos empoleiradas da Ribeira Sacra e aos tesouros da antiga Auria ourensá.


Todos estiveron aquí, participando desta festa. Porque Lugo abriu portas aos camiños.


E antes de concluír permítanme unhas reflexións do máis persoal aos pés desta imaxe de San Capetón, 1º bispo lucense que nos está a seguir desde o alto desta fachada neoclásica da basílica lucense:


- Concordo co pregoeiro das festas en que nos debemos esforzar sempre porque non morra ese espírito popular que fai único ao San Froilán. Direilles que a meu avó, moito antes de eu nacer, o San Froilán deulle a oportunidade de vir cada ano con bestas da mao ao Campo da Feira. E cóntame a miña mai como facía noite en Castelo, en Santiago de Fóra, agardando a que pasase o tren para cruzar... E de como durmía ao pé dos animais... E que alguén viña á cidade por dous pratos de polbo que, xaora, chegaba frío.


- Eran días nos que a miña mai conta que desde a súa casa no Camiño Real vía como a xente madrugaba para volver todos con aguilladas, esa vara labrega tan unida ao San Froilán e aos propios camiñantes de todos os tempos.

- Queridos lugueses e luguesas: hai vinte anos conseguimos oficializar este 1º Camiño con moitos traballiños. Hoxe pasan por aquí máis camiñantes de todo o mundo nun mes que daquela en todo o ano. E vai a máis.

Non matemos a galiña dos ovos de ouro. Fagamos pola vida, que dirían os nosos vellos.

Temos que deixar de ver o patrimonio cultural como un estorbo e convencérmonos de que na súa protección nos xogamos a calidade de vida.


Que os factores identitarios son simplesmente un acto de lealdade coa nosa herdanza coleitiva, co noso orgullo como pobo.


Aprender a dialogar coa historia e coa paisaxe.


Adquirir comportamentos propios dunha sociedade madura no trato co medio natural e cultural. Aprender a lección dos que nos precederon no paso polo mundo.


Que todo iso está nos nosos camiños.


E que sexan as conmovedoras palabras de don Ramón Otero Pedrayo, patriarca das letras galegas, quen pechen hoxe esta última porta. E con ela os meus parabéns para o alcalde da cidade, a súa concelleira de cultura e os grupos da corporación que unanimemente souberon dar cobertura a esta especial e xa clásica celebración.

Canto máis temos andado na vida,
máis amor temos aos camiños.

Non somos donos, aínda de vellos,

de cortar un desexo diante un camiño descoñecido.


Maxinamos sempre aquel vieiro

que nos pode levar ao ditoso xardín da felicidade,

onde a alma se reconoce fonda, interna, inmensa.


Na Galiza, polo feitío da povoación,
os camiños cínguense
e afondan no chan
e no interno do home.

Andamos os camiños puros e os riscados polas nosas fantasías.


De novos pensamos 'camiñar' os camiños.


Ben pronto, decatámonos cómo eles nos 'camiñan' a nós.


Nas primeiras emocións do neno
e nas derradeiras lembranzas do vello,
sempre pasa un camiño.


VIVA SAN FROILÁN!


14 octubre, 2010

III Xornadas de Literatura de Tradición Oral


III Xornadas de Literatura de Tradición Oral:

Mitoloxía da morte: agoiros, ánimas e pantasmas

[ Do 5 de novembro de 2010 ao 6 de novembro de 2010 ]

Co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Vicepresidencia primeira.

Coordinan:

Isidro Novo e Antonio Reigosa (vogal da AELG de literatura de tradición oral)


PROGRAMA

5 de novembro

17.00 h.- Acto de inauguración coa participación de Antón Bao,

vicepresidente da Deputación de Lugo, e Cesáreo Sánchez, presidente da AELG

17:10 h.- As narrativas sobre a morte na cultura tradicional galega: estratexias de posta en valor, por Marcial Gondar Portasany

18:10 h.- Da morte á Morte na cultura popular catalá, por Joan Soler i Amigó

De 19:10 a 20:00 h.- Mesa redonda: A morte pre-vista

Participan: Marcial Gondar e Joan Soler i Amigo

Modera: Antonio Reigosa


6 de novembro

10:30 h.- Representacións da morte na narrativa oral, por Camiño Noia

11:30 h.- Ánimas, aparecidos e mortos en compaña na tradición galega, por Xoán Ramiro Cuba

De 12:30 a 13:30 h.- Mesa redonda: Mortos de ida e volta

Participan: Camiño Noia e Xoán Ramiro Cuba

Modera: Isidro Novo


A MORTE

Hai que ser cego para non ver que en Galicia a morte ten características de auténtico deus. Efectivamente, trátase do terceiro dos deuses da mitoloxía popular, mesmo máis poderoso cós outros dous (que son Deus e o Demo). Sábese que, como Señor dos Infernos, o demo asumiu en moitos lugares as características do Deus da Morte ou dos Mortos (Xerión, Plutón, Hades, Orco, Cronos, Coro, etc.). En Galicia a penas sucedeu isto, e a Morte é aínda omnipotente.

É unha divindade temida pero xusta, que fai a todos iguais. Nos contos populares a Morte é o padriño perfecto (fixémonos en que é de xénero masculino, un deus masculino, coa imaxe típica de Cronos: un esqueleto cunha gadaña. A Morte é, en realidade, un morto). A xente non quere de padriños nin a Deus nin ó Demo, pois admiten recomendación e teñen dúas varas de medir. Ás veces a Morte duplícase en dúas irmás, unha branca e outra negra. (Pero en realidade son dous irmáns).

A Morte avisa sempre da súa chegada (Avisos de Morte), vai de branco (Morte Branca) para dar o tempo que os homes precisan para axustar contas e despedírense. De aí esa sorprendente serenidade dos moribundos conscientes. Pero anda enloitada (Morte Negra) cando vai facer o seu traballo verdadeiro. Aquí vese ben que branco e negro son dúas cores fatídicas.

Danse casos nos que a Morte é tan respeituosa con quen vai levar que, se está deitado en sabas de cánabo ou ten a roupa lixosa, non o leva ata que o mudan.

O feito de morrer na Galicia rural, non na urbana nin na semiurbanizada, aínda segue sendo un transo sereno, a non ser por desgrazaa ou enfermidade penosa. Cóidase e respéctase o bo morer. Ponse atención nos preparativos relixiosos, pero tamén se atenden outros costumes máis antigos que tratan de afastar a alma dos perigos que a agardan no seu camiño. E é que o demo anda ó axexo.

Sábese que a ánima aínda pode rondar a casa moito tempo, se cadra tanto como haxa memoria do morto na familia.

Alguén, avisado con precisión do día e da hora no que a Morte ía vir por el, decidiu esquivala índose á taberna. Mais cando a Morte pasou pola casa e lle dixeron que ía de viaxe, contestou:

-Pois eu non fago a viaxe en van. De baleiro non me vou, así que vou ata a taberna a ver se levo algún dalí.

E atinou, que levou o mesmo que viñera buscar.

Ténselle tanto medo que nos contos populares, se cadra de xeito frívolo, adoita contarse que un matrimonio porfía sobre a súa chegada, pero, mentres non hai perigo, cadaquén aparenta non terlle medo. Mais cando aparece, simulada por un galo pelado ou por outro bicho, as dúas partes sinalan a outra como primeira víctima dela.

A señora que chora a morte do marido de corpo presente, aproveita cando non hai ninguén no velorio para facer unha tixolada de liscos. Ponse a comelos xusto no momento no que entra un veciño a darlle o pésame e ten que escondelos debaixo da maseira. O gato, amparado na forzada compostura da ama, vainos papando tranquilamente mentres ela chora.

-¡Ai, Mundo, Mundo, como os vas levando! ¡Un a un e dos mellores!

O conto remata dicindo que Mundo é o nome do gato. Os galegos rin de todo: dos demais, de si mesmos e ata da morte.

X. Cuba, X. Miranda e A. Reigosa, Diccionario dos seres míticos galegos, Xerais, 1999.

DIPLOMA DE ASISTENCIA

Se está interesado/a en obter diploma acreditativo da súa asistencia, debe inscribirse previamente a través do e-mail oficina@aelg.org ou chamando ao 981 13 32 33.


Presentouse a exposición de Luís Moscardó, "Un ceo de farrapos", na Deputación



A mostra permanecerá na sala de exposicións do pazo de San Marcos do 14 de outubro ao 12 de decembro e nela recóllense ao redor de medio centenar de collages
(ver máis)

11 octubre, 2010

ANDANZAS, CHANZAS E DANZAS


Ingresos con e sen oposición


Ante todo non se me diga que isto non é Castroverde, patrimonio de Castroverde, pois neste cárcere, no vello de Lugo, Castroverde tiña, ou aínda ten, unha participación importante. Pero aquí voume lembrar doutros títulos: os ingresos na mesma, con e sen oposición.

Os tres irmáns Pereira, e seu cuñado Darío, ingresaron, nos 40, como Oficiais, séxase, mediante Oposición. Por aqueles días tamén ingresaron, ¡pero como internos!, o Castelo de Pena e mailas tres inquilinas da señora Vitoria do Cuco.

Haberá que demostralo para que se crea, e vou empezar polo irmán da Neves: Aquel home saíra tan señorito como traballadora súa irmá. ¡Naquelas xestacións algo estivo mal repartido! En certa ocasión, morriñoso do cárcere, onde se comía pouco pero traballábase menos pois o pazo de Tella xa estaba rematado, ocorréuselle ao rapaz roubarlle uns queixos a un veciño e subir a comelos ao faiado do salón. Os da casa, de noite, oíron pateo arriba, no faio… ¡Era o intruso, contra os leiróns, que lle disputaban o queixo! O dono da casa, lembrando que vira ao veciño atusmando na cerca, discorreu aparta-la mesa-comedor, pola que obviamente tiña subido o merodeador, aquel acaparador dos queixos, que así non podería baixar do faiado, nin de día nin de noite.

Ao amencer colleu a besta e foise a Castroverde polos Gardas. Puxeron unha escada, e o Castelo baixou lentamente.

-¿Por qué me fixeches isto; se mos pedises, acabábamos antes?

-Señores Gardas, admítanlle a denuncia, que a merezo, e tamén a necesito: ¡O plan é que me volvan a levar preso, outra tempadiña, polo menos ata que veña o verán, e me saia un traballo…!

Claro que o ingresaron en Prisións, pero como interno.

O outro caso foi entre Lugo e Montecubeiro: Volvía das segas o fillo da Panceira, e de chegado a Lugo entroulle a curiosidade de coñecer á María dos Quintos, de quen tiña oído falar. María xa se retirara do oficio, pero na súa casa despachaban tres mozas peitudas, que asomadas ás ventás ofrecían a mercadoría cantando.

O Panceiro, á hora de pagar, díxolles: -En catro semanas é a festa de Montecubeiro, e se non me cobrades hei de buscarvos unha casa onde poderedes exercer os dos días da festa. Teño veciños con cartos, e xa vos presentarei.

De volta á parroquia falou coa filla do Cuco, e díxolle: -Van vir tres artistas, amigas miñas, para cantarlle ao Santo, e comprometinme a buscarlles aloxamento. Ti podes durmir abaixo, na cambariña que foi de teus pais, e como estes días, de paso que axudas na reitoral, xa comes na casa do señor Cura… ¡Hanche pagar ben pagado, que respondo por elas!

Nada máis pasar a procesión por diante da casa do Cuco, as rapazas deron en cantar desde as ventás para que correse o son da súa música, e fosen subindo os potenciais clientes. Mais nisto, aquel Párroco, don Benito, tan listo e tan celoso dos seus deberes, decatouse de que aquela música non era sacra, así que mandou aló ao Sancristán, para que vise e informase ipso facto. As rapazas deron en acariñalo, pero Afonso resistiuse. A todo isto quitáronlle o reloxo de ouro, que sempre o levaba no seu chaleco de pana, coa leontina correspondente. –Devolvémoscho mañá, cando nos marchemos, pero a condición de que non vas denunciarnos.

Ben lle notaron o aprecio en que tiña a xoia susodita, e logo que en vista de que non lles subían admiradores, o que lles conviña a elas era que as detivese a Garda Civil, que así levaríanas ao cárcere, ¡por roubo! ¡A falta de clientes, cadeas, que outro oficio non tiñan!

Se alguén non me cree, nin cos detalles que dou, que pregunte aos vellos do lugar, que aínda queda algún da miña idade, pois isto foi público e notorio.



Xosé María Gómez Vilabella


08 octubre, 2010

CONTINUACIÓN ROTEIRO DOS MUIÑOS

(Preme na imaxe para ampliar)

MUÍÑO DE LAMELA – MUÍÑO DE PESTANA

Sábado, día 16 de outubro de 2010

-Saída de Castroverde ás 9:30 h. ao lado do restaurante Pereira.
Ás 10:00 h., tentaremos ver funcionar o muíño de nora ou noira de Lamela.
Rodinso – San Fitoiro – Bolaño – (visita, se se pode a San Martiño, quiosco da música, lagas, cova da Valiña)-Trasorras- San Miguel –Fontao...

- Xantar arredor das 14:00 h.


Nota: avisar antes do xoves, 14 de outubro.
Avisar no correo electrónico ou no teléfono habitual


NOTA:
Roteiro de dificultade baixa, mais que é preciso limpar nalgunhas zonas, polo que é preciso que algunhas persoas vaian dispostas a traballar e, leven podón e / ou fouz. Agardemos que non chova, se chove hai zonas en que pode que haxa lama.

Saúdos.
Manolo Muñiz

Lugo-Castroverde, a 7 de outubro de 2010

06 octubre, 2010

ANDANZAS, CHANZAS E DANZAS


Unha de foguetes


Non se acabaran as chanzas, que son infinitas. O que pasa é que temo cansar ao caro lector, ¡caro, de querido!, de tantos e tan notables episodios que nos ten proporcionado o XX. Pola contra, este XXI naceu, e segue, con un único melodrama: A crise socio económica, que é tan xeral e tan aburrida que só merece un exame de conciencia, iso si, colectivo, cousa lenta, desagradable, e por tanto, inenarrable.

As vodas celebrábanse porque o merecían: ¡eran permanentes, desde as amoestacións ao cemiterio! Pola contra, os xuntoiros xa daquela eran transitorios; facíanse por tras do palleiro, e non no Concello! Neste senso e neste consenso, lóxico era que as celebrasen propios e estraños, particularmente a veciñanza do lugar, ¡dos dous lugares, do que despedía, e tamén do que recibía! Podo relatar un cento de episodios, pero hoxe serei subxectivo, mencionarei un dos anos Corenta no que fun parte activa e pasiva, asemade:

Íasenos unha veciña, por certo ben guapa e ben acaída, o que non deixaba de constituír unha perda local. Eu aínda era adolescente, un “adoecido”, como daquela se dicía, pero os cartiños púxoos miña avoa e madriña: “Tes que aprender a ser mozo cos mozos, así que dilles que tamén vas entrar na cota dos foguetes da Josefiña… Se che sobra, garda as voltas, pero non o digas, non vaian pensar que te malcrío, co serio que é teu pai”.

Urxía ir a Xerbolés pola pirotecnia, para que dése tempo a face-lo novenario, un cada noite, así que á tardiña, despois das tarefas cotiáns, aló se foron dous rapaces, dos maiores. O fogueteiro díxolles que os vendía por ducias, así que colleron doce cando só ían utilizar os nove do novenario de prenupcias, cada noite seu.

Á volta, con bo criterio pero con pouca reflexión, aqueles mozos dixéronse:

-Sobran tres, e para a festa do Santo aínda falta, así que, como temos que pasar por tres lugares, podemos tirar de un en un se nos ladran os cans ao pasar…

Nos dous primeiros, que eu saiba, ninguén se escandalizou, pero no terceiro e último…, ¡ira de Deus! Coincidiu que uns veciños do mesmo, casualmente os da Casa Grande, estaban arranxando, en secreto e con toda urxencia, a voda da súa criada co rapaz que a pretendía, que lle dera en medrar a tripa por culpa do palleiro, dos palleiros, que tiñan tres ou catro! Entre a sogra e maila súa muller convenceron ao cabeza de familia que tiña que ir a Castroverde, de inmediato, para denuncia-lo feito, pois aquel foguete era unha burla e unha deshonra, tanto para eles como para a súa criada, ¡pobriña ela! ¿Quen lles diría a eses rapaces o que está pasando nesta casa? ¡Merecen un escarmento!

Foi a Garda Civil, de inmediato, coa presteza acostumada, e localizou os oito foguetes restantes encima da herba, na palleira da Nogueira. ¿Que se lles ocorreu aos do tricorne? ¡O máis lóxico, segundo o seu criterio: levarlles aos agraviados, aos da Casa Grande, aqueles oito fogos! ¿En resarcimento? ¡Sería por iso, que outra explicación non tiña! Os rapaces, en xusta vinganza, decidimos boicotearlles a malla daquel ano aos da Casa Grande, que os de Bergland non lles fomos, ningún, e iso que adoitabamos facelo sen esperar reciprocidade!

Daquilo tiramos unha lección: ¡Que sempre é perigoso soltar fogos, e a destempo, máis!


Xosé María Gómez Vilabella


04 octubre, 2010

MISCELÁNEA


Vaivéns da economía rural


Extínguense os hórreos, as silvas engolen os muíños... ¿Adeus cultura cereal? ¡Non estou seguro diso! Daquela analicemos:


Coas agras invadidas polos piñeiros e polos eucaliptais, en verdade que non é doado reciclalas, pero nostalxia das mallas si que nos queda, pois estamos rodeados de Concellos que incorporan aos seus festexos un relembro delas, e nalgún, incluso con malles, que é a evocación máis romántica posible. Pero non só é cuestión de romanticismo: Xa se tornou ao millo, con intensidade inusitada, favorecida por unha maquinaria ad hoc; nalgún lugar vólvese a ver trigo; centeos aínda non, pois o centeo é o pan dos pobres…; ¡era, ata que os dietéticos descubriron que o mellor pan é o integral, variado, mesturado!

Non estou polos monocultivos en terras feraces, de amplo espectro produtivo, que sempre conducen á saturación, como é visible na produción láctea, ¡salvo que transformemos, que nos asociemos para as transformacións, obtendo economías de escala! En todo caso hai que anticiparse ao mercado, a esa globalización que nos fai consumir leitugas importadas, “de plástico”, ¡coa de hortas posibles, dispoñibles, nesta “mesopotamia” do Val Verde!

Como este tema esixiría un volume de mil páxinas, ¡ou máis!, hoxe limitarei a vosa atención ao trasfego cereal: da agra á eira; da eira ao hórreo; do hórreo ao muíño; do muíño o forno… Para facernos unha idea desta actividade e deste abastecemento, vou tomar como antecedente, como mostra, un botón: A miña parroquia, Montecubeiro, que a mediados do século XVIII tiña, e declaraba, estes muíños, que vou citar co vocabulario e coa ortografía utilizada pola Real Junta de la Única Contribución. Buscar os seus “restos” detrás das palas da Concentración Parcelaria que vimos do gozar, ¿ou de padecer?, sería máis difícil que explorar un castro, así que, a falta de fotos, incorporemos a Internet os seus datos:

“Tamvien hai veinte y tres molinos arineros. Uno de una Muela al sitio da Cernada que muele con agua corriente la metad del año corresponde al dicho Cayetano do Río y consocios y produce al año treinta y tres rreales v.: Otro tanvien de una Muela al sitio de veiga rredonda que Muele con agua corriente seis meses al año. Pertenece a Antonio Palmeiro y consortes y rregulan su producto en treinta y tres rreales v.: Otro de una muela en el arroio que llaman dos Prados grandes muele con agua corriente la tercera parte del año y pertenece a Antonio Gonzalez y consortes Cuio Producto rregulan en veintidos rreales Vellon; otro asi mismo de una Muela al sitio da Esbaradoria que Muele con agua corriente todo el año y pertenece a Antonio da Pereira y consortes y rregulan su producto en setenta y seis rreales Vellon; otro de una Muela al sitio de Bustelo que Muele con agua Corriente siete meses al año Pertenece a Alonso da fonte y consortes y rregulan su producion en treinta y ocho rreales y medio Vn. Otro molino arinero de una Muela al sitio do Real que muele con agua corriente la mitad del año pertenece a a Antonio Gonzalez, Villarin y consortes y rregulan su producion en treinta y tres rreales Vellon: Otro molino arinero de una Muela aal sitio do rio da esbaradoira Muele con agua corriente todo el año y pertenece a Antonio Dominguez y Josepf ferreiro Cuia Producion rregulan en sesenta y seis Rv. Vellon. Otro Molino Arinero de una muela al sitio dos Gomez que muele con agua corriente todo el año pertenece a Alonso Gomez y consortes, y rregulan su producion en setenta y seis rreales Vellon: Otro Molino arinero de una Muela al sitio de Barrancas que Muele con agua Corriente todo el año: Pertenece a … (ilexible) da Veiga y consortes y regulan su Producto en sesenta y seis rreales Vellon: Otro Molino Arinero de una Muela al sitio nombrado de avajo que muele con agua corriente todo el año pertenece a Andres da Graña y consortes y rregulan su producto en sesenta y seis rreales Vellon: otro Molino arinero de una Muela al sitio do Real que muele con agua corriente todo el año pertenece a Antonio Gonzalez y consortes y rregulan su producto en sesenta y seis rreales Vellon: Otro Molino arinero de una Muela al sitio de outeiro que muele con agua corriente ocho meses al año pertenece a Ignacio da Fonte y consortes y rregulan su producto en quarenta y queatro rreales vellon: otro Molino arinero de una muela al sitio de avajo que pertenece a Bernardo Gonzalez y consortes Muele con agua corriente todo el año y rregulan su producto en sesenta y seis reales V. Otro Molino arinero de una Muela al sitio das Cabozas Pertenece a Francisco Piñeira y consortes y Muele con agua corriente todo el año Cuio Producto rregulan en sesenta y seis Reales Vellón: Otro Molino Arinero de una Muela al sitio de Azumara que muele con agua corriente todo el año pertenece ynsolidum a Joseph Corton y rregulan su producto en sesenta y seis rreales vellon: Otro Molino Arinero al sitio da Moa muele con agua corriente la mitad del año Pertenece Ynsolidum a Juan Gonz y rregulan su producto en treinta y tres rreales Vellon: Otro Molino arinero de una Muela al sitio de Pacio que pertenece a Domingo Penelas y consortes Muele con agua Corriente seis meses al año y rregulan su producto en treinta y tres rreales Vellon: Otro Molino Arinero de una Muela al sitio de lonza que Muele con agua corriente todo el año pertenece a Domingo Fernandez y consortes y rregulan su producto en sesenta y seis rreales Vellon: Otro Molino arinero de una Muela al sitio de liñarede que muele con agua corriente la mitad del año corresponde a Domingo Sarceda y consortes cuio producto regulan en treinta y tres rreales Vellon: Otro Molino Arinero de una Muela al sitio do Penedo que muele con agua corriente seis meses al año pertenece ynsolidum a Domingo Gonzalez y rregulan su produción en treinta y tres Reales Vellon Otro Molino Arinero de una Muela al sitio do Rio que muele con agua corriente quatro meses al año pertenece a Domingo Alvarez y Froilan Corton y rregulan su producto en veinte y dos rreales Vellon: Otros dos molinos uno al sitio de escouredo de Antonio Pal rregulado en treinta y tres rreales y otro al sitio da rrega que quarenta y quatro rreales de Pedro Otero…”

¡Montecubeiro, con 23 muíños, e ningunha muiñeira que pasase á Historia, que eu saiba! Terei que preguntarlles aos de Zuncurrundullo… De confirmarse esta carencia, haberá que deducir que, ou non as deixaban ir soas ao muíño, ou bailaban no adro, e só no adro, cos frades de ollo avizor, de “carabina”. (Don Benito, aquel gran Párroco da posguerra, nos seus días mantivo, conservou, aquel costume…, escudriñando os arredores do torreiro cunha lanterna de pilas que lle trouxera un Cubano, un bo amigo seu, con sona de moceiro, e por ende, experimentado! ¡O témpora, o mores!)


Xosé María Gómez Vilabella


03 octubre, 2010

AGRADECEMENTO

A familia Villarino-Pérez agradece á Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, á súa Xunta Directiva, Socios e veciños, a súa asistencia á Misa organizada por ésta e celebrada o pasado día 26 na parroquial de Castroverde pola alma de María Pérez López. Ao mesmo tempo, queremos facer chegar, nosa máis sincera gratitude, a Don Manuel, sr Cura Párroco, que eloxiou, con fermosas e sentidas palabras a persoa de María, así como as palabras de ánimo e consolo relixioso que nos dedicou a todos os presentes na súa homilía. Cabe tamén pór de manifesto as palabras de amizade que nos dedicou a Asociación nas persoas do seu Presidente, Manuel Muñiz e Xosé María Gómez Vilabella, que agradecemos infinitamente.

Ao fin do acto relixioso, a Familia Villarino-Pérez, tivo a ocasión de recibir as cariñosas e afectivas mostras de condolencias dos asistentes, de todos os cales recibiron cariñosas palabras de consolo e ánimo, ademais dunha mostra de belos recordos da Asociación. No nome de toda a nosa familia, grazas a todos e que Deus volo pague.