Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

30 noviembre, 2008

Actos na Deputación de Lugo

Area de cultura

A galicia das irmandades:

unha prespectiva actual

días:

18 e 19 de novembro de 2008

2 e 3 de decembro de de 2008

8,15,16 e 30 de xaneiro de 2009

ás 20:00 h

no salón de actos da Deputación

31 de xaneiro de

10:00h.- 13:00 h.

Acto de presentación do filme

Eloxío da distancia

día 5 de decembro, venres,

ás 20:00 h

no salón de actos da Deputación


29 noviembre, 2008

Andanzas, chanzas e danzas


A esculca das mozas

¡Iso queda tan lonxe na “Memoria histórica” que necesitarei xuralo para que me creades! ¿Qué fórmula queredes? ¿Válevos que o faga por San Baco bendito, patrón dos borrachos, que son os únicos que din a verdade, ademais dos nenos?
Lonxe parece ir, pero eu lembro casos, ¡e non poucos!, nesta bisbarra de Castroverde. Por encima de todo tiñamos a endogamia, que quitou a fame de moitas casas amecendo leiras; iso ademais da cómoda, ou da hucha, das colchas de la, as sabas de liño…, ¡e por veces, unha xata para a cría! Aquela endogamia, sen subirnos á xenética, tiña de bo que os parentes non podían dar testemuño nos preitos veciñais, nos civís, pero non sempre era factible acadar esta lotería, así que…, ¡chufón ao canto!
Non servía calquera para chufón pois tiñan que concorrer varias circunstancias: A fiabilidade do intermediario con respecto ás dúas familias pactistas. Un coñecemento directo e profundo das solvencias respectivas, e de posibles enfermidades hereditarias e/ou secretas que prexudicasen a descendencia irrenunciable… ¡Amén dunha boa besta para os desprazamentos a distancia! Tamén labia, dialéctica, suposto que tiñan que rebater, por vía diplomática, as suspicacias daquel dito, tan acreditado coma o Credo, de que, O que lonxe vai casar, tacha leva ou a vai buscar!
Teñamos presente que aqueles matrimonios eran indisolubles, permanentes, e incluso con proxección eterna pois a ninguén se lle ocorría matinar que puidese haber un distanciamento alén do purgatorio. ¡Era preciso atar ben atado, escoller con tino! (Se abro unha paréntese coido que poderei dicir que un casoiro destes modernos, tipo aluguer: ¡O que primeiro se aburra, que se vaia, pero que deixe a porta aberta para o subseguinte connubio!, non require tanta premeditación, tanto estudo recíproco coma aqueles dos nosos pais)
Se a moza non era do lugar, entón a dote había que sopesala moito, pois, a falta de leiras amecidas, mil reás eran mil reás, e non se chegaba a eles tan doado, que daquela non había subvencións, nin pensión dos vellos, nin…, ¡nin eucaliptos para vender!
Se o mozo non coñecía á rapaza, forzoso era fabricarse un pretexto de “aproximación ao inimigo”, para espiar, para “explorar”, -como dicían os romanos cando mandaban un “traidor” por diante para que lles cuantificase as forzas do inimigo-, xa estaba o “chufón”, pero había que fabricar a ocasión dun coñecemento persoal previo, que sempre se facía con discreción, tal que valéndose dunha casa amiga a onde ir de invitado pola festa parroquial.
Fáltame mencionar a “comisión”, que xeralmente consistía nuns “calzóns” de baeta. ¿Por qué roupa interior? ¡Para que non se chegase a saber quen fora o xestor, o intermediario naquel casoiro!
¿Queda claro que para chufón non servía calquera, que se precisaba ter dotes de estratego e una labia de diplomático?

Xosé María Gómez Vilabella

27 noviembre, 2008

Miscelánea


Castroverde linda con Asturias

Cunqueiro, este lugués preclaro, que non é igual que dicir, “claro”, pois ademais da súa alma galaica tiña unha fantasía desbordada, sostivo que os camiños morren, tenden a morrer; pola miña parte, modestamente, e non por levarlle a contraria, penso que a realidade é que se refunden no seu constante perfeccionamento; o que importa, segundo o meu criterio, non é o itinerario, senón a orixe e maila meta, os puntos xeográficos do noso interese ou da nosa atracción.

Castroverde sempre interesou aos camiñantes, por diversos motivos, así que nunca illados estivemos, nin nos terán, porque non se pode ser un retallo do Paraíso e pasar desapercibidos. Por aquí pasaron os romanos, os máis deles andando, porque lles interesaba redondear a península, e para iso tiñan que bloquear aos cántabros, así que, uns pola Vacariza, (de vacatio), e outros desembarcando na que logo sería praia de San Lorenzo, despois de alumarse co faro herculino, fundaron a refulxente Gigia; pero tan sucios chegaron, ¡po do Camiño, suor das súas refregas coas nativas!, que desde a mesma toma de posesión, precisamente no actual Campo Valdés, encomendaron aos seus munitores a construción dunhas termas, ¡para iso, para lavarse! Aínda se conservan, e ben coidadas que as teñen os nosos curmáns.
Hoxe en día, de costas aos baños, Octavio Aurgusto, (a súa estatua evocadora), saúda a praia de desembarco dos seus milites cun ademán que parece indicar: “Agora que estades descansados e lavadiños, imos a polos cántabros, que nos agardan nesa dirección, pasado o río Sella, que non é ningún Letes…, pero que vaian diante os nosos exploratores, cos fondistas baleares, que eses pastores de aí adiante xa non son de Lugo pero seica lle dan á tirafonda de moito nabo!” Facendo Camiño, ¡que os camiños só se fan andando!, caemos na conta de que os hórreos orientais, os chamados ástures, son iguais cos de Castroverde, pero distintos dos da Terra Chá. ¡Claro, empezáronse a facer coa nosa palla, coa de Chamoso! ¿E, qué nos din eses hórreos? Un hórreo deste tipo sempre leva/levaba, de cubrición, palla, enrestrada con uces; ¡o que tiñamos en común! Isto en canto ao continente, pois o contido, tamén común, eran as colleitas, as castañas, os queixos, as balugas de manteiga… ¿Cómo se xerou a romanización?
Os adictos aos westerns imaxinarana en ondadas sucesivas: a caravana mata un cento de indios, e os colonos que integran a mesma fan unha usucapio das terras ¿liberadas? Pero no caso da romanización tiñan poucos cabalos para correr tras dos nativos, e tampouco dispoñían de winchesters, así que o seu era/foi rapinar, e de paso escravizar, aterrorizar, en correrías curtas, de espiga, coas lanzas por arganas. Para isto, o espiñazo das súas espigas foron os camiños, mellorados, perfeccionados, pois non tiñan forzas, inicialmente, como para esparexelas. (Algo que ignorou o Xeneral Silvestre cando quixo abarcar todo o Rif con só vinte e tantos mil homes, mal armados e peor mantidos)
A vía do Lucus Augusti, cos seus apoios iniciais en Romeán e Castroverde, foi dando uniformidade, homoxeneidade, ás terras e ás xentes lindeiras, que por outra parte xa tiñan, xa herdaran, grandes afinidades castrexas.
Xosé María Gómez Vilabella


22 noviembre, 2008

Convite da U.R.G.

Estimad@s compañeir@s da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde:

Este venres día 21 de novembro ás 21:30 haberá en Lugo unha charla sobre "Cultura e valores do rural con vixencia de hoxe e mañá". A U.R.G. fixo de enlace entre a ponente e os organizadores. Será en Recimil - Nadela, a dous quilómetros da cidade de Lugo, no local da Asociación "Cruceiro de San Lourenzo".
A ponente é Patricia da Universidade Rural do Eume e a entrada é libre.
Sen máis, reciban un cordial saúdo.

Paula Ares.
Universidade Rural Galega"

18 noviembre, 2008

Comunicado



A Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo

Comprácese en convidarnos, co motivo do


90 aniversario da Asemblea Nacionalista de Lugo

(novembro de 1.918),

á conferencia que leva por título


“ A vixencia do Manifesto de 1918”


Impartida por Francisco Rodríguez

Acto que terá lugar o martes, día 18 de novembro ás 20:00 h. no salón de actos da Deputación deLugo

- O mércores, día 19 de novembro, á mesma hora e lugar, celebrarase unha charla-coloquio titulada


“ A organización territorial”


Presidida por Pablo López Vidal (PSOE), Máximo Fernández (PP) e Pablo González Mariñas (BNG)


15 noviembre, 2008

Convocado polo Concello de Sarria e a Agrupación Cultural Ergueitos

IX Premio de poesía FIZ VERGARA VILARIÑO 2008

10 noviembre, 2008

A Lastra-A Vacariza

Breve resume do Vº roteiro polo Camiño Primitivo

No día de hoxe, oito do mes de Santos, tivo lugar o Vº roteiro polo Camiño Primitivo. Saimos desde A Lastra, onde quedaramos no mes de xuño, concretamene desde a Capela de A Lastra, subindo camiño da Fontaneira puidemos disfrutar dunhas fermosas vistas. Na parroquia da Fontaneira, fixemos unha pequena parada para observar a igrexa e o seu entorno. Nesta parroquia, como ben di o seu nome, nace o río Neira que, regará os vales de Baralla, Láncara e a Póboa de San Xillao. Saíndo da Fontaneira, observamos un dos últimos ou derradeiros hórreos, que quedan, cubertos de palla. Seguimos camiñando polos montes altos de Baleira, algúns deles con piñeiros. Baixando camíño do Cádavo, encontrámonos que, estiveron a facer pistas para cortalumes ou para a concentración parcelaria, facendo estragos en parte do camiño. Estamos non Campo da Matanza, lugar que, segundo algúns comentarios en tempos era complicado cruzar pola cantidade de lobos que había. Aquí tamén contan as historias que tivo lugar non ano 813 unha batalla do rei Afonso II contra os Árabes. Neste campo téñense encontrado restos humanos, armas e pezas de armaduras, no escudo do Concello aparece unha figura, seica, dun cristiano atacando a uns mouros, facendo alusión a esa batalla.

Xa estamos no Cádavo, cabeza do concello de Baleira / Valeira. Terra situada entre as serras da Vacariza e do Pozo, próximas aos mil metros. Un pouco máis abaixo nace outro río importante, o río Eo, na parroquia que dá lugar ao seu nome, Fonteo.

Desde o Cádavo subimos camiño da Vacariza, pasando polo lugar da Pradeda, cunha subida, tamén ben fermosa.

Con este roteiro completamos o Camiño desde o Acebo ata Lugo. Agardamos para o ano vindeiro continuar facendo o Camiño desde Lugo ata chegar ao Camiño Francés.

Temos que comentar que nos falta por percorrer o Camiño desde Paradanova ata Montouto, pola variante de Burón. Fáltanos por coñecer este treito, mais temos que dicir, que o Camiño Primitivo desde o Acebo ten lugares moi fermosos, mais un dos percorridos máis fermosos, se exceptuamos a variante de Burón, é o paso do Camiño polo concello de Castroverde, sobre todo porque, no noso concello, con pequenas intervencións podemos facer que practicamente todo o Camiño vaia por camiños rurais e, que non toquemos a estrada C-630, lástima que a teñamos que cruzar en dous lugares en Catroverde mesmo. Por que dicimos todo isto? Pois, porque nos outros concellos, habendo lugares fermosos, en todos eles temos que pisar a estrada, coas dificultades que isto conleva, tanto no Concello da Fonsgrada, de Baleira coma no Concello de Lugo. Por todo iso dicimos que, o Concello de Castroverde tiña que velar, protexer, especialmente este Camiño.

Saúde e Terra.

NOTA:

Próximo roteiro ou actividade correspondendólle o segundo sábado de mes sería, o día 13 de decembro, mais pareceunos máis oportuno pasalo para o día 20 de decembro, pensando en que poidamos asistir máis socias e socios e, tendo en conta que fariamos tamén unha Asemblea Ordinaria correspondente a este ano que, pronto rematará.

Para esa data recibiredes información máis precisa do que fagamos.


Manolo Muñiz


Ver imaxes

Breve resume dos Actos


Novas masculinidades contra a violencia de xénero


O venres día 7 de novembro, dous representantes da Xunta Directiva da Asociación (secretario e presidente), asistimos en Santiago, no Auditorio a conferencias, mesas redondas e talleres arredor deste idea contra a violencia de xénero. Sendo importantes todas elas salientariamos a conferecia da profesora Mercedes Oliveira e, as intervencións e os talleres de; Santiago, da Asociación de homes igualitarios PROMETEO- León, de Antonio da Asociación de homes igualitarios AHIGE- Málaga.

A conferencia de Mercedes e, as súas reflexións xiraron arredor da masculinidade – violencia e a infravaloración do feminino. Estas reflexións eran interrumpidas polos “skeches” realizados polos alumnos do IES de Ribeira, onde un grupo de profesoras e profesores veñen traballando o tema desde hai dez anos. Estes rapaces nas súas representacións escenificaban as escenas típicas de machismo. Foi precisamente un home deste centro de Ribieira, o que levou o premio convocado pola Asociación de Homes galegos pola Igualdade.

Nos talleres Antonio e Santi fíxéronnos reflexionar arredor da socialización de xénero.

O xénero márcanos para a vida.

Que transmitimos as nenas e aos nenos desde que nacen?

Que nos transmitiron a nós?....

As/ Os que queiran ter máis información poden tirala de:

http://www.homesgalegospolaigualdade.org

www.ahige.org

Cos desexos dunha novas masculinidade contra a Violencia de Xénero.


Saúdos. Manolo Muñiz



08 noviembre, 2008

Miscelánea

O home e maila árbore na bisbarra de Castroverde


(Ao fondo, o célebre Mons Ciro)

Por

Xosé Mª Gómez Vilabella


¿Quen di que nesta bisbarra non hai, nin houbo, idolatría desde as predicanzainas cristiás, fosen de Santiago ou de Prisciliano? Si que a tivemos, e durou, máis ou menos, ata os tempos da vaca pinta. Explicareime:

Nesta comarca pragada de señoríos, fosen eclesiásticos ou seculares, unha parte extenuante das colleitas íanse naqueles pagos escravistas, fosen foros, diezmos ou quintos. O que é foros poucos sobreviviron á II República, se ben a Lei de Redención fora da autoría e da graza de Primo de Rivera, e diezmos aínda menos, pero algún foro si que coñecín pois tales eran as rendas que lle redimiron a meu avó das súas herdanzas en Queizán, pola súa avoa, unha Otero de Paderne, e mailas de Caraño, procedentes da fidalguía dos Gómez de Neira da Olga; en canto aos diezmos, os que se pagaban por decruar nos montes da Capela dos Penallos, percibidos polo arcipreste de Luaces e satisfeitos polos labregos de Trasín de Pol, e de Maxide e Bascuas, xa de Castroverde, estes veciños negáronse a entrega-los mollos ao sentirse amparados pola República. O que si perdurou por algún tempo despois da Guerra incivil, que sempre lle chamarei así, foron os quintos das cavadas no monte e mailos cuartos das efectuadas en chousas ou nabais alleos. En canto ás “medias” das vacas postas, ou de cabana, fóronse extinguindo ao abrirse a emigración pois os pobres preferiron sua-la gota gorda cortando cana en Cuba antes que pedirlle unha vaca prestada ao veciño da Casa Grande.

A chegada das patacas e do millo xa sabemos que tardou en vir, así que, no entrementres, qué? No entrementres, centeo, nabos, verzas, e…, ¡árbores! As landras crúas ían destinadas aos “irmáns”, que era como lle chamaban ao porco, e coido que non sería precisamente por iso de que os seus órganos son parecidos aos do ser humano, senón pola fartura e apoio que nós/que lles, proporcionaban. Pero as mellores triturábanse para engadirllas á fariña, mestura que perdurou ata o santo advenemento do millo e da pataca. Pan de centeo con patacas peladas e cocidas elaborouse na miña casa tempo despois da Guerra, ¡e ben que sabía!

Polo que fai ás castañas, ¡fillas, froito, do deus castiñeiro!, iso foi o maná desta zona: asadas, cocidas e con leite (billós), en pastel, en…, en mil formas, pois de recollidos os ourizos na ouriceira, e de secadas nos caínzos, conservábanse comestibles por máis de medio ano. Os que menos as gozaban eran os “irmáns”, pois, fóra das que manxaban nos camiños das inmediacións das casas, só lles chegaban as residuais, cativas ou podres.

Froito de gran tentación foron as mazás, particularmente as branquiñas, variedade “Eva”, porque procedían, seguramente, do propio Paraíso. Roelas, xa de verdes, era un verdadeiro pracer, agás para os vellos, para os desdentados, salvo que as pelasen e despebidasen para “preñar” as empanadas, xeralmente con algún torresmiño, aínda que soas tamén sabían a gloria xa que viñan de árbores sacras, que nada diso de “Árbore do Ben e do Mal”, pois o de Eva está claro que foi un pecado de luxuria, unha infidelidade habida co propio Lucifer, que a penetrou en forma de serpe…, ¡porque os anxos, tanto os bos coma os malos, non teñen mingola!

En canto ás peras, particularmente as pardas, de asadas, foron por séculos o noso “turrón” do Nadal. E logo que se lles daba unha simboloxía erótica, que así a recolle a cantiga: “Aquela noite…, unha noite de xeada, abalei unha pereira que nunca fora abalada…”.

E xa non digamos os teixos do Medullius, os buxos de manga-los coitelos, os amieiros de tinguir a la, os biouteiros de enramallar as casas polo San Xoán, os bidueiros das nosas sacrosantas zoquiñas, as abelás, as trabes das nosas casas, os freixos para manga-las ferramentas…, terminando nas repolas, que nos permitían quenta-las canelas, e de paso alumar, nas longas invernías destas latitudes!

¿Qué; tiñamos, ou non tiñamos, razóns para adora-las nosas árbores, tan espléndidas nesta terra rica pero de xente pobre, ou máis que pobre, avasalada? ¡Por algo as veneraban aqueles castrexos, e os que viñeron despois, tamén!

Do “reino” animal e do polbo á feira falaremos outro día, se Deus mo permite.

Xosé María

05 noviembre, 2008

Publicado na VOZ de GALICIA

Beatus qui legit

Curros Enríquez

en Sarria e en Castroverde


Por

Xesús Alonso Montero


Ningún biógrafo ten dito que o gran poeta de Celanova visitase algunha vez estas dúas localidades da provincia de Lugo, pero hai días os seus versos, recitados e cantados, soaron nesas vilas lucenses. Foi no Instituto Gregorio Fernández de Sarria e no Colexio Público de Castroverde, que aínda non ten nome. Curros Enríquez é un poeta que chega eficazmente ao corazón e á sensibilidade dos alumnos, máxime neste ano, centenario do seu falecemento. Tamén interesa, ás veces moito, a súa vida de neno rebelde, de emigrante, de poeta indómito, de republicano fervoroso, de crente que discrepaba da Igrexa, de home recto.... Son os rasgos nos que eu, conferenciante, puxen o acento, tanto en Castroverde como en Sarria, e así o fixen, non hai moito, no Instituto Virxe do Mar de Noia.

Pero as conferencias foron só unha parte dos eventos literarios. No Instituto de Sarria un grupo de alumnos recitaron, motu proprio, poemas significativos do escritor, e un coro numeroso de adolescentes, motu proprio tamén, cantaron “Unha noite na eira do trigo” (inicialmente “Unha noite no xardín sentada”, como, previamente, lles explicara o profesor Manuel Muñiz Besteiro nas clases de Literatura Galega).

O profesor Muñiz é o presidente da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, e foi esta Asociación a que organizaou nesta vila a celebración en homenaxe a Curros Enríquez: desde a conferencia no Colexio Público, onde fun presentado polo artista Paco Pestana, gloria de Castroverde e de Galicia, ata o acto literario-musical na rúa Manuel Curros Enríquez, rúa humilde e entrañable, como lle gustaría a quen foi fillo entrañable de súa nai e poeta dos humildes.

A celebración coroouse no salón de plenos do Concello onde 35 ou 40 persoas, guiadas por Carmen Varela Arrojo, violinista, e Carmen Novoa Ares, contrabaixo, cantamos “Unha noite na eira do trigo”. Previamente Manuel Muñiz, que, ademais de profesor é pedagogo, repartira senllas copias da “Cántiga” de Curros. O Alcalde, don Xosé María Arias, prescindiu do papel: sabíaa de memoria. Ao final houbo unha sorpresa: a Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde nomeoume Socio de Honra, supoño que por unha conferencia pronunciada hai ano e medio sobre a loitadora comunista e dinamizadora cultural Enriqueta Otero (1910-1989). Eu agradecín a condecoración parafraseando, cunha miguiña de humor, a Curros: “E ¿quen son eu? Un fistor / a quen tal nome negaron / porque arrolar nunca soubo / o nome vil dos tiranos”.


XESÚS ALONSO MONTERO


Miscelánea

Miscelánea


Aqueles xogos /aqueles xoguetes da miña crianza


Por

Xosé Mª GómezVilabella


Estes tempos de crise socio-económica teñen a súa parte boa: ¡invitan a reflexionar, a cavilar, a examinar a conciencia de cada quen! Por certo, o primeiro que se me ocorre é que a igrexa católica padeceu un pecado gravísimo, de omisión, ao enumerar os sete pecados capitais pois, ¡son oito! ¿Por qué se esqueceron do de dilapidación dos bens escasos? ¿Non sería porque a Igrexa, desde Constantino, se meteu en política, de forma simbiótica, compartindo poder, e por tanto nunca lle faltou trigo nas huchas? ¡Nas súas, se cadra, non, pero, nas dos seus fregueses? Fose como fose, sempre estamos a tempo para rectificacións.

Teño discutido con algún Mestre sobre o abarrotamento?, abotagamento (inchamento)?, da xoguetería destes nenos dos séculos XX/XXI, porque adoitan soster que a imaxinación da infancia perfecciónase con debuxos e xoguetes. Eu, pola miña parte, na miña longa experiencia, sosteño que dárllelo todo feito só serve para crialos indolentes e preguizosos. Comezarei esta análise situándonos nos anos trinta, e tomando como referente aquel rural do meu Castroverde:

O neno, a imitación de Cristo, viña ao mundo case que nun presebe, nunhas pallas; e delas pasaba á caneta, exercitando a súa primeira ximnasia co braceo de tornar das moscas. Esa molestia, ese exercicio, axudáballe a forma-la musculatura, e de paso comezabamos a discorrer: “Está visto que neste mundo vou ter inimigos, así que terei que durmir cun ollo aberto para precaverme deles”. Os nenos de hoxe en día só se decatan de que hai inimigos cando empezan a competir na escola, así que teñen aquí un dos seus atrasos/retrasos.

Como non había “andadores” aprendíase a andar con xeito por obra e graza dunhas cen caídas; ¡outra vantaxe, que nos ensinaban a ser precavidos! A partires diso, tiñamos a Natureza, enteiriña, ao noso dispor: para vela, para tentar de entendela, para gozala, para convertela en xoguete, en instrumento dunha infinidade de experimentos, tanto manuais como intelectivos. ¿Qué almacén de xoguetes pode competir cunha vida campestre, co universo do rural? Froito daquelas observacións chegamos á enxeñería de construír os propios xoguetes, que daquela non viñan de China, pois canto sabiamos dese país era que os nosos pais recollían os poucos selos das súas cartas para darllos ao señor Cura, que os recollía “para los chinitos”.

Como a ningún neno se lle prohibían as “armas de corte”, que precisabamos o coitelo e maila navalliña para comer pola nosa man pois, a partires das papas, ninguén nos metía un bocado na boca, e logo que había que axudar a pelar as patacas, etcétera, etcétera, o primeiriño dos nosos xoguetes foi tronzar polo medio unha pataca, unha mazá, a carola dun nabo…, e cravándolles un cotiño dos da lareira a eses hemisferios, ¡xa tiñamos o chedeiro dun carro!

Despois viñan as palletas feitas co entrenó do alcacén, as frautas dos gromos de castiñeiro, os cirichóns e mailos tirabalas de sabugueiro, as aguilladas de abeleira, a billarda, as pizarras de lousa, cun pizarriño de ídem, e mil cousas, que culminaban nada máis e nada menos que en dous artefactos precursores do porvir: Os “cachorrillos”, que se facían montando nunha culata de madeira un canón recortado da cana metálica dun paraugas; cunha punta das de piso, curvada, e cunha goma cortada dunhas zocas de empeña, montábase o gatillo, que percutía sobre a cabeza dun fósforo. Por engado, os teléfonos a fío, que os faciamos co cilindro dun bote redondo, poñéndolles de tapa un recorte dunha vexiga de porco, daquelas que sobraran de enche-la manteiga de levar ás feiras, que oficiaría de caixa de resonancia; de bote a bote, un fío longo de algodón, que de non telo tamén servía de liño; este fío, traspasando as vexigas, e anoado no interior, facía de excelente condutor, con todo o cal realizábase a conferencia: “¿Quén está nese aparello, quén me fala?”. “¡Son eu, o teu veciño da Casa Grande, que te chamo para que nos veñades mallar, que este ano temos tres medas, e maila das aveas, así que faremos falta todos!” ¿Qué; por se había pouco que facer na propia casa, axudarlles aos da Grande, así que, “xoguetes” non faltaban, e discursos tampouco!

Os debuxos facíanse, inventábanse, de propia man, sen pagar dereitos de autor, naquelas pizarriñas de lousa, tan sofistificados que nin que os fixera o propio Dalí!

En canto aos imprescindibles saberes de Economía aplicada, tanto local coma global, xúrovos que aprendín bastante máis nas feiras de Castroverde, daquela que ía vender zocas, que en tódolos “Samuelson” dos meus tempos da UNED.

Pouco a pouco, ou máis ben en bandadas, espantados, axotados, polo noso autoodio, amén daquel refrán de que a vaca do veciño sempre deu máis leite cá miña, fómonos para a cidade, onde copiamos dos urbanícolas, dos burgueses, que estaban afeitos a ter de todo como consecuencia dos seus ingresos, das súas rendas fabulosas, así que demos en empeñarnos, en consumir, alén das nosas posibilidades, co cal caemos no mal uso dos bens escasos, no seu consumismo pecaminoso, na súa ignorancia de que, “hai mañana”, e iso que ben nolo advertiu aquel beatífico Paco Sarille!

De metidos en gastos, e tamén en folganzas, ¿qué nos cómpre, de presente? Eu xa o sei: ¡Reflexionar, e tras da reflexión, propósito de emenda, pois teño para min que á prosperidade consolidada nunca se chegou tirando a casa pola ventá!

Xosé María