Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

31 julio, 2009

IVª FEIRA GASTRÓNOMICA-ARTESANAL, domingo, 23 de agosto de 2009

PARTICIPACIÓN NA
IVª FEIRA GASTRÓNOMICA-ARTESANAL

DAS ASOCIACIÓNS CULTURAIS
ESPALLADOIRA

E
AMIGOS DO PATRIMONIO,
ÁMBALAS DÚAS DE CASTROVERDE


Con motivo da celebración dos vintecinco anos da Asociación Espalladoira, únese á comemoración, a Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde.

A Asociación Espalladoira realizará:
UNHA MOSTRA GRÁFICA DOS 25 ANOS da maior parte das Actividades desenvolvidas nestes anos, nun pendello e casa da feira.

A Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde terá:
Como vén sendo habitual, nos pendellos da feira expoñerá as actividades que desenvolveu ao longo destes anos.

Ao mesmo tempo, no Salón de Plenos (no baixo) da Casa do Concello fará varias proxeccións de : Terras de Castroverde, Camiño Primitivo polo Concello de Castroverde e Roteiros polo concello, a partir das 10:30 horas ata as 14:00h. e pola tarde a partir das 17:00 horas, sempre que haxa asistentes.

A partir das 14 horas haberá unha comida de ámbalas asociacións para celebrar os vintecinco anos de Espalladoira nun local da Vila. Os que queiran participar na comida, teñen que comunicalo antes do día 15 de agosto nos teléfonos das asociacións

Asdo.: Manuel Varela Gorgoso e Manolo Muñiz Besteiro (presidentes de ámbalas dúas asociacións)
Castroverde, a finais de xullo, de 2009

14 julio, 2009

BREVE RESUME DO ROTEIRO POLA PENÍNSULA DE ESTACA DE BARES, SÁBADO 11 DE XULLO DE 2009

Fermosa vista da praia de Bares coa ría ao fondo

Un ano máis compartimos un roteiro, nesta ocasión foi pola península de Estaca de Bares, na compañía do noso amigo, Alfonso Geada da Asociación Pasada das Cabras, dámoslle as grazas desde aquí. Nunha fermosa mañá deste mes de xullo, escaso de sol e luz, saimos desde o Porto de Bares, facendo un pequeno percorrido polo lugar de Bares que conserva o sabor dun pobo mariño que, nos fai lembrar a Redes ou Rinlo por citar tan só dous lugares diferentes da nosa costa.

Fomos ascendendo ata o Faro e Punta de Bares, un dos puntos máis septenterionais da nosa costa, con vistas de Cariño e entrada do esteiro de Ortigueria para o Oeste e, ver toda a inmensidade do mar. Achegámonos ata a mesma punta cunha elevación sobre o nivel do mar duns cen metros. Desde a Punta de Estaca achegámonos para ver os muíños dos cantís e o observatorio de aves, logo ascendemos ata o punto máis alto onde se encontra o restaurante o Semáforo,(as fotos que se colgarán no blog darán unha visión do percorrido). Desde aquí podemos ver a illa Coelleira o comenzo do esteiro da ría de Viveiro, praias de Xilloi, O Vicedo e aos nosos pés o porto, praia e pobo de Bares. Aquí rematou o percorrido da mñá.

Pola tarde, algúns achegámonos ata a Vila de Ortigueira, xente por todos os lados, un ir e vir de persoas camiño da zona de acampada, praia de Morouzos, e outra inmensidade camiño do porto de Ortigueira para ver as actuacións, todo moi ben, mais a decepción tamén foi grande, miles de mozas e mozos que non se sabía moi ben se ían ver as actuacións, ou se realmente ían a outros mesteres. Lixo, restos de envases de todos tipo por todos os lados... A vila estará moi orgullosa, mais eu teño as miñas dúbidas, se este tipo de acontecementos, favorecen nalgo a nosa sociedade, por non falar doutras cuestións, por exemplo, membros de proteccion civil falando “en/con acento andalú” e, se lles preguntabas algunha cuestión, parecía que non ía con eles. En fin, permetideme esta pequena “arroutada”, mais a onde vai este noso país?...

Saúde e Terra. Manolo Muñiz
Un paseo fotográfico pola ría de Viveiro. Cortesía do Blog de FORESTMAN

11 julio, 2009

Miscelánea

Outra vez Xullo, mes da sega
Xullo, mes da sega. En terras de Chamoso, si; ese “Chamoso” parido, manado, xerado en Bolaño, que fecundou e fecunda aquel fecundo condado de Flammosos, despensa ubérrima dos larpeiros de Roma aos que non chegaba con larpar aquí senón que baixaron o noso trigo, e non os excedentes, asemade cos viños de Amandi, polo Miño abaixo, para embarcalo nos seus trirremes rumbo á súa Roma Cesárea, absorbente, consumista, máis ou menos como fixo España co ouro e coa prata de América, pois os tempos pasan pero os vicios, a cobiza, permanece, etcétera, etcétera. Vindo ao presente: Estes tempos de crise teñen algo de bo se nos serven para re-flexionar, para volve-los ollos ao noso patrimonio, tan desprezado que o tivemos, maiormente a finais do século XX, esas décadas mecanicistas nas que nos saturamos de maquinaria, e con ela de alimentos precociñados, sintéticos, falseados, espurios. Tiro esta idea dunha conversa que tiven estes días con outro vello desdentado, oriúndo de Mondoñedo, ao que lle comentei que, sen dentes artificiais, os únicos manxares manducables son a manteiga de Castroverde e o pantrigo de Mondoñedo. Cal non sería o meu asombro cando me preguntou qué era o “pantrigo”. ¡Deus, qué amnesia nos trouxo este modernismo finisecular, que nin os mindonienses se lembran do seu trigo de Mondoñedo! ¿E nós, do noso, do de Chamoso, qué? ¡Ídem de lenzo! Segar non era doado; era suorento, incluso provistos dun porrón daqueles de Bonxe, que non caía lonxe pois sempre nolos traían á feira das cereixas, últimos de Xuño. E para fouciños, os nosos ferreiros obtiñan un aceiro excelente, mellor có dos alemáns. En canto ás mulleres, dábanlle ao mantelo para atrás…, en previsión de que non se lles visen as canelas ao ata-los mollos. E mallar cos malles era un deporte olímpico, pero…, ¡aquel pantrigo! O de Mondoñedo só superaba ao noso porque a nosa miseria non nos permitía restarlle a mestura de centeo… ¡O que son os tempos, que hoxe pirrámonos polo integral tentando neutralizar os velenos que lle botamos ao bandullo! ¿Quen sería o maléfico que trouxo o inzo dos piñeiros ás terras cerealistas de Chamoso? Hai dous sospeitosos: O Xeneral Tella, moendo fariña de Castela, aquela do estraperlo, transportada –dicíase- nos camións da “Empresa Tella”, vulgo, “E.T. – Ejército de Tierra”; ou o Capelán de Boelle que, para non pagarlles anualmente ás cuadrillas de segadores de Montecubeiro, optou para abonarlles dunha vez aos da repoboación forestal, tan en boga daquela. Isto último non foi caritativo, nin democrático, pois aquel milleiro de habitantes desta parroquia, (¡tanta poboación hoxe parece imposible, salvo que aceptemos a prima noctis dos nosos frades!), precisaba moito dos cartos do Cura…, ¡aínda que só fose para pagar responsos! Se botamos unha ollada aos consumos da actual Gallaecia doado é decatarse de que a madeira está barata e o condumio caro: ¿Será cousa de volver ás segas, empezando por sega-los piñeiros! Pondal ben que lles cantou aos seus pinos, pero…, ¡hai unha diferenza, pois a súa chousa non valía para horta, e logo que era monte comunal indebidamente rexistrado, que iso é o que veñen afirmando os seus veciños de Ponteceso! En todo caso o noso pecado foi que situamos virtus post numnus, a virtude detrás do diñeiro, a comodidade e as especulacións antes cás virtudes patrimoniais, tradicionais, así que moito me temo que teñamos que volver ás andadas, digo, ás aradas…, ¡se queremos comer pantrigo, do bo, daquel dos fornos de leña!

Xosé María Gómez Vilabella


03 julio, 2009

ROTEIRO POR BARES


Porto - Faro de Bares
SÁBADO, 11 DE XULLO

Ás 10:00 h, no porto de Bares

Organizarse para ir en coches particulares, a non ser
que haxa 15 persoas que saían de Castroverde ou Lugo.
Percorrido ver mapa que se achega.
Uns 7 quilómetros aproximadamente.

Ás 14:00 h, Xantar nun restaurante da zona.

Avisar antes do 9 de xullo, xoves.
Saúdos.
Manolo Muñiz

02 julio, 2009

Nomeada o 27 de Xuño na cidade de Sevilla



A TORRE DE HÉRCULES,
BEN CULTURAL PATRIMONIO DA HUMANIDADE

torre de hércules from Instituto Torre de Hércules on Vimeo.


AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE alégrase do nomeamento pola UNESCO do FARO "TORRE DE HÉRCULES" como BEN CULTURAL PATRIMONIO DA HUMANIDADE. Por iso, felicita, de maneira moi especial, a todolos coruñeses e galegos en xeral, así como aos españois todos. Máis de 2000 anos de historia viu pasar o lucernario deste singular monumento, alumando ás embarcacións nas crúas e bravas noites da costa coruñesa, e testemuña incólume da historia de tan fermosa cidade, na que segundo reza a súa eslógan, "ninguén é forasteiro". PARABÉN a todos. A continuación inserimos varios documentos sobre a Torre e a cidade. O primeiro deles da páxina do Concello da Coruña, dedicada a este evento, onde se recolle xa a concesión do galardón. O segundo, o texto de solicitude do INSTITUTO DE ESTUDOS DE LA TORRE DE HÉRCULES á UNESCO. O terceiro, é unha nota sobre a etimoloxía da cidade, recompilatoria de fontes varias na WIKIPEDIA.

A Torre, Patrimonio da Humanidade
O soño xa é realidade. A Torre de Hércules entrou pola porta grande na lista de patrimonios mundiais o sábado 27 de xuño ao redor das 18.30 da tarde, unha hora e un lugar (Sevilla) que non van esquecer os coruñeses e os galegos. A alegría desatouse na cidade, e ademais moitos aproveitaron para achegarse ao monumento. Até o sábado, a visita á Torre de Hércules será gratuíta.

Instituto de Estudos Torre de Hércules
Cando Gaio Sevio Lupo, arquitecto lusitano natural de Coimbra e ao servizo do Imperio Romano, construíu o Flavium ou Pharum Brigantium sobre unha península no extremo sur do golfo dos ártabros para servir de guía á navegación marítima no Finisterrae de Europa, non podía imaxinar que ese faro, coñecido desde hai séculos como Torre de Hércules, ía permanecer, dúas mil anos despois, no mesmo lugar e con idéntica misión. A historia de España, de Europa e do Mundo, non sería igual de non existir o Faro da Torre de Hércules, o cal, dous mil anos despois da súa construción, continua sendo testemuña e guía da navegación marítima nun dos puntos de maior densidade de buques de todo o planeta. é o único de todos os faros construídos por Roma que chegou até os nosos días coa súa altruísta misión. é un edificio singular, romano por dentro e nos seus cimentos e neoclásico por fóra, cunha simboloxía cidadá que traspasa os límites do laicismo para converterse nun elemento de adoración case relixiosa. Por todo iso, o INSTITUTO DE ESTUDOS TORRE DE HÉRCULES, unha institución cultural creada para fomentar e promocionar o patrimonio artístico, cultural e monumental da Coruña, considera un deber solicitar á UNESCO, co apoio de todos os organismos oficiais implicados, que se recoñezan os valores humanos, históricos, artísticos e culturais do faro romano máis antigo do mundo en funcionamento, declarando á Torre de Hércules Ben Cultural Patrimonio da Humanidade.

Topónimo da Coruña
Hai moitas teorías respecto diso, desde étimos indoeuropeos (incluíndo celtas) ou latinos: Varias sinalan unha orixe romana. Por unha banda a posible evolución desde o latín acrunia = Península, que pasaría como falso artigo a Crunia > a Crunia. Proceso similar a Agrela (diminutivo de Agra = terra de cultivo) > a Grela. En tempos de Fernando II de León (século XII) aparece documentado o topónimo Crunia, nun escrito de 1262 aparece nun escrito A Crunia. Os nomes Curunia, Crunnia e Crunna son frecuentes no medievo. Outra posible orixe latina é coroa = Lugar alto, con numerosas variantes en galego: Curuto, Curota, corote, coroa. Hai correspondencias toponímicas europeas, en inglés, sueco, checo, etc. Para outros (V. Caridade Arias) Coruña baséase no nome de coroo ou Cronos, que tamén se dixo Acorán, Gron, Goron, Gronwy en galés, etc. Hai que lembrar que as Columnas de Hércules foron tamén chamadas Columnas de Crono. Estes nomes refírense á divindade celeste suprema que os gregos chamaron Crono, palabra cuxo radical contén a idea de «o alto», «o elevado», «a montaña», de onde proceden os nomes de Acre, Accra, e a acro-polis, as cidades no alto. . A forma celta do nomee Cronos é cruinne, antiga divindade suprema, equivalente ao Saturno romano. Dada a tendencia celta á anticipación da "i" desinencial, este nome equivale a Crunni, *e pode ser a forma gaélica máis inmediata do nome epónimo de Cruni ou Cruña. Un topónimo de raíz celta é clunia, que puido derivar a Crunnia, Cruña, Curuña e Coruña. Unha localidade con nome similar, Coruña del Conde (provincia de Burgos) , era Clunia Sulpicia. En Portugal hai un lugar chamado Quinta dá Corunha cuxo orixe parece ser o dunha familia da Coruña galega. Outra vía supón unha derivación do topónimo Coruña desde Cornia atribuíndoo a corno xeográfico, como a rexión británica de Cornwall, que ten esa forma, procede do termo kerne (Kernyw en celta), moi similar ao nome do deus Kernunos. Autores gregos (Escílax, Diodoro Sículo...) falaron, ademais, dunha illa ou península (nêsos) na costa atlántica de África denominada igualmente Kerne. A palabra corno (latín cornus) dise keras en grego, coa mesma raíz ker- que o topónimo Kerne. Unha estendida teoría apunta á raíz prerromana Cor- (tamén Car-) coa significado «roca, dureza, pedra xunto ao mar». Varias palabras célticas e mediterráneas suxiren a raíz indoeuropea. A coincidencia de topónimos na zona serve de referente aos defensores desa versión: Corcubión, Corme, Agarimo, Carnota, Corrubedo, etc. Tamén existen as denominacións da Cruña / A Crunha, case en desuso.